* Dolme do Forno dos Mouros (Outeiro de Rei)

O día 17 de agosto de 2017 solicitamos a Patrimonio aclaracións sobre un enterramento megalítico situado entre os montes de Fonte Cerdeira e Pena da Cabra, preto da aldea da Insua, parroquia de Vicinte, concello de Outeiro de Rei. Trátase dunha mámoa, duns 18 metros de diámetro, coñecida como Forno dos Mouros. No cráter de violación que lle fixeron para buscar "tesouros" vese a cámara megalítica que conserva cinco esteos de pedra fincados no chan sobre os que apoia a tampa cobertoira á que lle falta unha parte. Sobre o túmulo hai outro esteo que formaba parte da anta. Apréciase nidiamente que o dolme era de planta poligonal e que en orixe debeu contar con sete esteos. Cóntase que no ano 1940 quixeron utilizar as pedras do enterramento para facer unha casa pero os obreiros desistiron porque eran demasiado duras para cortalas. Tamén se di que uns homes da parroquia, baixo as ordes dun cura que había en Vicinte, escavaron no sitio para ver se atopaban algún tesouro, ocasionándolle unha gran gabia ao túmulo de terra que cubría o dolme. 

 

A Patrimonio preguntámoslle se este enterramento está catalogado. Segundo a información que manexamos, no caso de que o estea, o sitio onde o ubicamos non coincide co deles polo que lle achegamos as coordenadas exactas para que o comproben. No suposto de que non o teñan solicitamos a súa catalogación urxente xa que se trata do único enterramento do Neolítico case completo que hai en Outeiro de Rei, sendo ademais o único que conserva a tampa cobertoira. Pola documentación e referencias orais, neste concello desapareceron nos últimos anos máis de medio cento de mámoas. Ao longo do municipio están documentadas arredor de 180 nun estado de conservación de regular a malo.

 

No municipio só dous xacementos prehistóricos gozan da máxima protección legal (Ben de Interese Cultural), unha mámoa do Cordal de Acevedo e os petroglifos da Pena Serrada, estes últimos documentados polo investigador Brais Rodríguez Romero máis eu no ano 2016.

* A Pena Castrela e A Pena das Verrugas (Friol)

A PENA CASTRELA atópase no monte do Pedrido, preto da aldea de Montecelo, parroquia de Narla (Friol). Trátase dun gran afloramento granítico cunha altura aproximada de 12 metros. Ao pé ábrese un grande acubillo cuhna altura máxima de 1,60 metros. Nunha pedra inclinada, que pola dereita pecha parcialmente a entrada, vense gravadas dúas profundas coviñas das que parten uns longos sucos, e xusto ao seu carón outras cinco coviñas, motivos todos de factura claramente artificial. Na cara oeste do afloramento hai unha rocha con cinco entalladuras de forma navicular realizadas artificialmente sobre a rocha, catro delas perfectamente aliñadas, cunhas medidas de 30 por 20 centímetros. Tamén se ve unha cazoleta artificial de sete centímetros de diámetro. Estas enigmáticas e singulares formas representan unha manifestación moi especial dentro da arte rupestre galega, crese que se poderían utilizar como muíños en prácticas rituais onde se realizarían moendas para obter pinturas, beberaxes, etc. Chama poderosamente a atención que as cinco entalladuras teñán idénticas medidas. Catro foron documentadas hai uns 25 anos por J. Núñez Jato e Laura Rodríguez Varela, a quinta e a coviña por nós.

 

E agora a lenda que nos fala de como se produciron as marcas que vimos de sinalar. Hai non se lembra canto tempo, unha moura ía camiñando coa súa filla polo monte do Pedrido. A filla levaba unha ola de mazar o leite (tamén se fala de que a ola ía con auga), e a nai, ao tempo que fiaba, transportaba unha enorme pedra sobre a cabeza. Cando chegaron ao sitio onde hoxe en día se atopa a Pena Castrela, a moura esvarou e ao caerlle a pedra da cabeza matou á filla e rompeu a ola. A moura, chea de rabia, colleu unha gran pedra e lanzouna contra a Pena Castrela ao tempo que exclamaba: "Pena Castrela,/rompíchesme a ola/matáchesme a nena/heiche fender dende o rabo á orella" (outras versións rematan: "o demo te fenda/dende o rabo á orella", ou "malo raio te fenda/do rabo á orella"). A pena quedou partida tal como a podemos ver na actualidade. As entalladuras das que falamos máis arriba dise que son as pegadas dos pés que deixou a moura cando rachou a pedra, as coviñas das que parten os sucos que son as unllas cando, rabiosa, arrabuñou a pedra, e as pequenas cazoletas que hai ao seu carón as marcas dos dedos. Tamén se conta que debaixo do acubillo rochoso había unha cova onde vivía a moura.

 

Tamén en Friol, preto da aldea de Romá, na parroquia de Vilafiz, atópase a coñecida como PENA DAS VERRUGAS. Trátase dunha rocha situada xunto o rego de Guimarei á que se accede por medio de tres escalóns realizados artificialmente sobre a pena. Na parte alta, horizontal, ten dous buratos de forma circular. Un ten unhas medidas de 20 centímetros de diámetro e 39 de profundidade, e o outro 29 centímetros de diámetro e 38 de profundidade. Segundo a tradición, un permanece con auga e o outro baleiro, mudando dun burato ao outro cada ano. Ao parecer a auga alí depositada posúe propiedades medicinais que curan as verrugas. A persoa debe meter a man na pía que naquel momento teña auga e lavar a verruga ao tempo que se recita o seguinte ensalmo: "Verruguiñas traio, verruguinas vendo. Déixoas eiquí, e voume correndo". Para que produza o efecto desexado, acostúmase a deixar algunha moeda na pía. Para rematar o ritual, deberase marchar do lugar sen volver a cabeza cara atrás.

 

Solicitamos a Patrimonio da Xunta de Galicia que a Pena Castrela sexa incluída no cátalogo de bens culturais como xacemento arqueolóxico, e a Pena das Verrugas como sitio de valor cultural tal como recolle a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia publicada no mes de maio de 2016.

* Mámoa inédita en Negueira de Muñiz

O día 5 de agosto de 2017, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares localizamos unha mámoa non catalogada no Carballín, na parroquia de Ouviaño (Negueira de Muñiz), situada a uns 1.000 metros de altitude, e a pouco máis de 100 metros do límite con Asturias. O túmulo mide 11 metros de diámetro e ten unha altura de 0,50 metros. Apréciase un cráter de violación con pouca profundidade. Sobre a mámoa vense restos de pequenas pedras que formarían parte da coiraza pétrea que recubría o túmulo. Os traballos agrícolas que antano se efectuaron sobre o xacemento afectaron á masa tumular, o que non impide afirmar que se atopa en relativo bo estado de conservación.

Ata o momento, no concello de Negueira de Muñiz son escasos os xacementos prehistóricos. Do Neolítico temos unha mámoa entre Foxo e Vilauxín, na parroquia de Barcela, moi estragada e de acceso complicado, e esta que vimos de documentar.

O achado foi posto en coñecemento do Servizo de Patrimonio da Xunta e o Concello de Negueira de Muñiz. 


* Premio de investigación do Concello de Cervantes 2017

O día 21 de abril de 2017, o Concello de Cervantes, coincidindo coa celebración do Día do Libro (adiantouse dous días por caer en domingo), fixo entrega do Premio de Investigación "Cervantes Saavedra" que convoca cada dous anos. Esta é a terceira edición. A convocatoria fíxose pública no Boletín Oficial da Provincia de Lugo o pasado 19 de decembro. O prazo para entregar os traballos rematou o 28 de febreiro. 

O traballo tiña que incluír, ao menos, a descrición xeográfica e hidrográfica do término municipal de Cervantes, os monumentos megalíticos, petroglifos, castros, asentamentos, minas e vías de época romana, o monacato, o feudalismo, os foros, a desamortización, a Guerra da Independencia, as Guerras Carlistas, o agrarismo, a emigración, a represión da ditadura franquista, a arquitectura civil e relixiosa, etnografía, folclore, lendas, tradicións, toponimia, actividade socio-económica, etc. Moita tea para prazo tan cativo.

Malia dificultade para facer unha Historia de Cervantes (diso se trataba), a documentalista Pilar Carpente máis eu decidimos poñernos mans á obra. Os centos de quilómetros percorridos ao longo de cinco anos polo municipio resultara frutífero.

Uns días antes de expirar o prazo rematamos, sorprendidos polos case 500 folios que conseguiramos encher. Non fora unha tarefa fácil, pero aínda que non resultaramos gañadores, merecera a pena.

O día 11 de abril comunicáronnos que o xurado, por unanimidade, decidira outorgar o premio á obra Cervantes, un concello con historia. O noso traballo. Traballo que quedaría orfo se non for polas persoas que ao longo dos anos nos acompañaron e guiaron ata os sitios, contáronnos historias, facilitáronnos documentación... Vaia para elas o noso agradecemento.

Nos vindeiros meses publicarase o libro.

  

* O Monte da Pena do Rei: redescubrindo o seu pasado

O día 28 de marzo de 1965, ao final dun artigo publicado en El Progreso titulado Pena Castrela o “da bruxa”, asinado por Higinio Martínez de la Vega (o nome completo é Higinio Martínez Fernández de la Vega), fala dun “curioso signo esculpido en una roca... aunque no perfectamente redondo, que puede significar un culto al sol, cruzado por una flecha de doble dirección”. Di que a dirección é este-oeste, e que seguindo esta última dirección sinala unha mámoa situada a unha distancia duns 50 metros. Escribe que a información sobre este símbolo situado na parte alta dun monte de Marcoi, na parroquia de Alta (Lugo), foille facilitada por Raymond Capdevila, “geólogo-petrógrafo francés”. 

 

R. Capdevila, do Servizo de Xeoloxía Xeral da Universidade de Montpellier (Francia), foi colaborador de Isidro Parga Pondal. No ano 1978 escribiu La obra científica de D. Isidro Parga Pondal, su importancia en el desarrollo de la Geoquímica en España y en la Investigación Geológica de Galicia, nunha publicación de Edicións do Castro en homenaxe a Parga.

Parga Pondal (1900-1986) foi profesor das cátedras de Análises Químicos da Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago ata a súa expulsión, a raíz do golpe de estado fascista de 1936, acusado de progresista e galeguista. No ano 1960 ingresou na Real Academia Galega. Antes da guerra, como apaixoado pola cultura de Galicia, interviu en varias escavacións arqueolóxicas en Mondariz. 

Hai un tempo, buscando algunha información sobre o citado símbolo, conseguimos contactar en Francia co señor Capdevila quen, amablemente, contounos que cando comezou a realizar a cartografía xeolóxica de Lugo, Parga Pondal pedíralle que anotara sobre os mapas os castros e as mámoas que fora localizando. Foi no mes de setembro de 1962 cando atopou unha destas gravuras, que denominou como “brúxula”, nas proximidades da coñecida como Pena do Rei. Rematou dicíndonos que non tivera ocasión de darlle os datos a Parga Pondal, e que este tampouco explotou os seus que durante anos cartografiara nuns mapas a escala 1/50.000.

 

Ao ver unhas fotos e un debuxo do interesante motivo que nos enviou o señor Capdevila, feitas naquel xa lonxano ano de 1962, Brais Rodríguez Romero máis eu propuxémonos dar cos curiosos símbolos. Pero a tarefa non resultou doada xa que careciamos de información sobre a súa situación, aínda que só fose aproximada. O único que sabiamos era que se atopaban nalgunha parte do Monte da Pena do Rei que abrangue as parroquias luguesas de Adai, Alta, Camoira, Outeiro das Camoiras e O Veral. Mais a sorte sorriunos a través duns veciños da zona que coñecían a súa existencia e a ubicación aproximada. Foi grazas á súa inestimable axuda como conseguimos localizar algunhas penas con estas gravuras. 

Segundo nos contaron, había, ao menos, sete lugares con motivos deste tipo, mais só localizamos catro, os outros poden permanecer ocultos polo mesto musgo que cubre as rochas ou foron destruídos ao ampliar os camiños (tal como lle aconteceu a un fito de máis dun metro con “marcas” gravadas) ou ao acondicionar os terreos para a repoboación con piñeiros. Se as fotos e o debuxo do señor Capdevila xa nos chamaran poderosamente a atención, cando vimos os gravados in situ quedamos impresionados. Todas as figuras, gravadas sobre a parte horizontal da rocha granítica e con grandes pías naturais, están formadas por un círculo ancho e profundo cuxas medidas oscilan entre os 40 e os 50 centímetros de diámetro.

 

Un círculo está atravesado por unha frecha cuxa punta indica dirección sur, o extremo oposto ten forma de culatín (a peza na que remata a frecha e que se insire na corda do arco). 

Un segundo círculo está atravesado por unha liña rematada en ambos extremos por dúas puntas que sinalan a dirección norte-sur.

O terceiro é semellante ao anterior, coa salvidade de que as puntas indican a dirección este-oeste. 

Do último círculo parten tres frechas que apuntan en dirección este-oeste e sur. Ao final da punta que indica o oeste vese unha pía, cremos neste caso que artificial, de 23 centímetros de diámetro.

A distancia entre os distintos “compases” van dos 150 metros entre as máis próximas, e de pouco máis de 1.000 metros entre as máis alonxadas. Tres das penas levan os nomes de Os Mollos, A Marcación e Cal dos Vasos, observándose dende elas unha impresionante panorámica da cidade de Lugo. 

 
 

E o seu significado? Todos os motivos localizados atópanse en montes comunais, en terreos das parroquias de Adai e Camoira, dous poderían actuar como límite entre ambas, pero non os restantes que non delimitan nada, ao menos na actualidade. Outra gravura, que non puidemos atopar, estaba situada na Pena do Rei, o punto máis alto do monte do mesmo nome, a 657 metros de altitude. Mesmo no cume, inzado por grandes penas con pías naturais e coviñas artificiais, hai unha gran mámoa que ata non hai moito estivo coroada por un vértice xeodésico. O vértice foi trasladado para as inmediacións, aínda que cómpre observar que sobre o túmulo aínda permanece a base de formigón.

 
 
 

Nós non creemos, como se desprende do artigo do señor Martínez de la Vega, que se trate dun símbolo de culto prehistórico ao sol, oscompases” semellan sinalar máis ben os límites dun antigo couto xurisdicional, quizais dun mosteiro ou dun señorío da Baixa Idade Media. Pero de cal? Que saibamos, na zona non existiu ningún mosteiro, pero si unha torre medieval que na actualidade só conserva unha das paredes laterais. Trátase da Torre de Aez, na parroquia de Outeiro das Camoiras, que aínda conserva, sobre unha ventá, o escudo dos Castro e dos Gaioso. Segundo contan as xentes do lugar, os perpiaños da fortaleza foron reutilizados para a construción de vivendas particulares, e tamén chegaron a aproveitalas como grava para as vías do tren. Foi declarada como Ben de Interese Cultural por Decreto de 22 de abril de 1949. Aínda que se trata dunha torre de orixe medieval, os primeiros datos escritos datan do ano 1643 en que figura nunha escritura de compra-venta. Hipótese, recoñecemos polo de agora, pouco fundamentada xa que os marcos xurisdiccionais adoitaban estar a máis distancia os uns dos outros, e estes concéntranse nuns poucos centos de metros. Do que si estamos seguros é que quen os mandou gravar non o fixo para adornar a pedra.

 

A antiga xurisdición de Torredez, como era denominada, comprendía as parroquias de Camoira, Outeiro das Camoiras, Cotá, Serén e Vilalbite, as dúas primeiras pertencentes ao concello de Lugo e as tres últimas, hoxe en día, ao concello de Friol. Segundo a tradición oral, o nome de Torredez débese a que entre as distintas fortalezas que había na zona esta facía a número dez, se ben cremos que Aez podería ter a súa orixe no nome latino Aletius ou Aedus, ou mesmo no céltico Alecius.

Con independenza do seu significado, que quizais nunca chegaremos a saber, a execución destes “compases” resultou extremadamente laboriosa o que indica, pola boa factura, que foron feitas para perdurar no tempo. Trátase, sen dúbida, duns símbolos excepcionais, sen semellanza, que nós saibamos, con outros existentes en Galicia. 

Pero sigamos no Monte da Pena do Rei. Nun diploma de Ordoño II referido a Lugo, datado na Era 960 (ano 922), na doazón dunha vila chamada Furós (Porta Furós, en Ombreiro), terreo hoxe despoboado onde había unha vila, cítase como Monte Regis.

No Boletín da Comisión de Monumentos Históricos e Artísticos de Lugo dos anos 1958-59, Manuel Vázquez Seijas achega un traballo titulado Mansión céltica en tierras lucenses. Ao traballo acompáñao un croquis con trinta penas insculpidas con distintos motivos no Monte da Pena do Rei. O plano, “sencillo e ingenuo”, escribe Vázquez Seijas, proporcionoullo o veciño de Penarrubia don José Darriba Varela (a principios dos anos sesenta, don José descubriu unha ara dedicada a Navia ao pé do castro de Penarrubia; no ano 1983 doouna ao Museo Provincial de Lugo). Cando Brais máis eu comprobamos cantas penas cos petroglifos citados figuraban catalogados por Patrimonio, constatamos que só figuran dous: o de Penafita e o das Penas do Castrillón, na parroquia de Adai. Unhas veces acompañados por veciños da zona, e outras pola nosa conta, durante os meses de febreiro e marzo de 2017 conseguimos localizar 17 das 30 rochas gravadas con coviñas, unha combinación de dous círculos concéntricos e cruces, os primeiros de cronoloxía probablemente prehistórica e as últimas de época medieval ou moderna.

 

As coviñas, insculpidas en grandes rochas ateigadas de pías naturais, oscilan entre os catro e quince centímetros de diámetro. A combinación, de dous círculos, ten unha coviña no medio. En varias penas tamén atopamos pequenas e sinxelas cruces asociadas aos motivos anteriores.

 

Pero as que máis destacan son dúas grandes cruces. Unha está situada preto da coñcida como Pena da Uz, non moi lonxe da cabeceira parroquial do Outeiro das Camoiras. Está gravada nunha pena rente ao chan ubicada nun pequeno altorelo. Ten unhas medidas de 1,50 por 1 metro, e os extremos dos brazos presentan unha forma bífida ou gallada. A outra cruz, situada a carón dun antigo camiño, foi traballada na parte superior dunha rocha. Ten unhas medidas de 0,67 por 0,23 centímetros, rematando na parte superior nunha coviña artificial o que lle dá un aspecto pometeado, como se en vez dunha cruz quixeran representar unha espada; xunto a cruz hai outra coviña, tamén feita por man humana. 

 
 
 

En resumo, o potencial arqueolóxico do Monte da Pena do Rei e da súa contorna é impresionante, ao descrito hai que sumarlle máis de vinte mámoas, vestixios de dous asentamentos da Idade do Bronce, seis castros e restos de época romana. E o que queda por descubrir.

Todos os achados ímosllo comunicar a Patrimonio para que proceda á súa catalogación, e tamén ao Concello de Lugo.