* Catro círculos máis na provincia de Lugo

Entre os meses de decembro de 2023 e marzo de 2024, grazas ás imaxes do voo americano dos anos 1956-57, localicei catro novas estruturas circulares na provincia de Lugo. Na actualidade, á vista das ortofotos, apenas debe quedar nada dos círculos xa que foron destruídos pola actividade humana. De todos xeitos, cando visite os sitios, se é posible, procurarei ampliar a información.

Dous localiceinos en Castrolanzán e Guimarei (Baralla), un en Pedrafita do Cebreiro, e o outro na Pobra do San Xiao (Láncara).




* Novo círculo en Cerdido

O día 23 de novembro de 2023, co LIDAR localicei un novo círculo no concello de Cerdido. Situado a 301 metros de altitude, leva o nome de Torre de Riba, na Barqueira Vella, parroquia da Barqueira. Aínda que perdeu parte pola cara este, tiña un diámetro duns 55 metros, apreciándose unha muralla ou parapeito de non moita altura, practicamente imposible de ver a simple vista debido á mesta maleza e ás árbores. Atópase a uns 350 metros en liña recta do castro da Torre do Crego. Xa llo comuniquei á Dirección Xeral do Patrimonio.

 

* As mulleres na epigrafía galaico-romana

Das case 900 epígrafes atopadas en Galicia que achego no blog, só en pouco máis de 60 aparecen nomes de mulleres (non inclúo as divindades). A maioría son de carácter funerario, figurando a muller como dedicante en 33, e nas non funerarias (votivas) aparece en 19 casos, e como defunta en 32. Máis da metade están dedicadas aos Deuses Manes, en dúas ocasións ás Ninfas e a Bandua, e logo, unha soa vez, aos Lares Viais, Coso, Genio Castelli, Xúpiter, Lucoubo, Anaureson, Marte, Nai dos deuses e o Sol (nalgúns casos non aparece a divindade, e noutros só a deidade). No resto de epígrafes, sen contar os miliarios e os deuses, os nomes de home aparecen en máis de 500 casos.

ACILIA MODESTA: En Santiago.

AEMILIA FLAVINA: En Monterrei.

AMACA AVITA: En Sarreaus.

ANSURUENA: En Porto do Son (hai outra posible lectura: Ausua?)

APANA: En Lugo.

APRONIA RUFA: En Maceda.

AURELIA NANTIA: En Láncara.

AVITA: En Xinzo de Limia.

BLAESINA: En Lugo.

BLENDEA MANTAI: En Porqueira.

BLOENA SABINI: En Ponteceso.

CALPURNIA ABANA: En Ourense.

CALUTIA: En Ourol.

CANTIA CARA: En Santa Comba.

CARA: En Lugo.

COLUPATA: Na Estrada.

CORAELIA RUFINA: En Lugo.

DIDIA: O Pino.

DOMITIA PUSINCA: En Zas.

EBURA: En Negreira.

ENTIA DUROTA: En Pantón. Hai quen cre que podería tratarse do nome dunha deidade.

FABIA: En Monforte de Lemos.

FABIA MARCELLA: En Mos.

FESTINA LICIMA CELINA: En Lugo.

FLACCINIA SEVERA: Na Coruña.

FLAVIA MATERNA: En Verín.

FLAVIA PATERNA: En Lugo.

FLORINA: En Noia.

IULIA: En Padrón.

IULIA:  En Caldas de Reis.

IULIA APRONIANA: En Sobrado.

IULIA PRAENIA: En Xinzo de Limia.

IULIA VALENTIA: En Padrón.

GRAPHICE: En O Pino.

LISCENDA AMANDA: En Ourense.

LONGINA: En Lobios.

LUCILA EBURRA: En Curtis.

LUCILA VITALIS: En Rodeiro.

MANSUETA: En Lalín.

MARTIA FLACILA: En Bande.

MATERNA: Na Coruña 

MATERNA: En Zas.

PATERNA: En Ribadavia.

PLACIDIA LUPA: En Curtis ou Sobrado.

PLACIDINA: En Baralla.

PLACIDINA: En Caldas de Reis.

PRÓCULA: En Santiago de Compostela.

PUBLIA FLORINA: En Lugo.

PUSINCA: En Bueu.

RUFINA: En Lugo.

RUFINA: En Laza.

RUTILIA ANTIANA: En Lugo.

RUTILIA PERURDEA: En Xinzo de Limia.

SATURNINA: Dúas en Santa Comba.

SEGUIA: En Ourol.

SEMPRONIA: En Oímbra.

SERANIE VICTORINA: En Vilalba.

SEVERA: En Lugo

SEVERA: En Vigo.

SEVERINA: En Guitiriz.

SEVERINA: Na Estrada.

SULPICIA SATURNINA: En Amoeiro.

TAPILA: En Sarreaus.

TERENTIA RUFINA: En Monterrei.

TIBERIA CLAUDIA: En Santa Comba.

VALENTINA: Na Coruña.

VALERIA FLORINA: En Pantón.

VALERIA MAMILLA: En Allariz.

VICTORINA: En Vilalba.


* Patrimonio galego fóra de Galicia

Os museos públicos galegos están ateigados de pezas arqueolóxicas, pinturas, esculturas, etc. procedentes do país, pero só unha parte está a disposición do gran público (falta de espazo, mal estado de conservación do material...). Doutras, desaparecidas, temos coñecemento debido a que nalgún momento alguén deu noticia, en ocasións dunha forma máis ou menos completa indicando a procedencia, tipoloxía, facendo debuxos ou fotos, etc. E seguramente, son milleiros das que nada sabemos (vendidas, destruídas, agasallos, gardadas polos seus descubridores...). Pero hai outras procedentes de Galicia que si se poden ver (ou ao menos sábese onde están), pero en museos foráneos. Eiquí só achego aquelas relacionadas coas entradas deste blog (dende o Paleolítico ata Época Romana, e aquelas asociadas a pontes, mosteiros/conventos, igrexas mosteirais/conventuais e castelos). É probable que algunhas me queden no tinteiro, polo que se agradece calquera contribución ou aclaración ás que achego.

 

A provincia con máis pezas en museos de fóra de Galicia é Lugo: 30; A Coruña: 17; Ourense: 15; e Pontevedra: 5. Como aclaro máis arriba, só achego pezas relacionadas coas entradas do blog. 

A relación vai alfabeticamente por concellos, indicándose a comarca e provincia entre parénteses.

ABADÍN (A Terra Chá-Lugo)

Machado de bronce (Gontán): Procedente da colección de Villaamil y Castro (publicouno no ano 1875). Foi atopado no ano 1871 por don Domingo Seijo. No Museo Arqueolóxico Nacional.

ALFOZ (A Mariña Central-Lugo)

Machados de Vilaúde (San Pedro de Mor): Dous machados mercados polo Museo Arqueolóxico Nacional a Josefa Villaamil Santiso no 1934, procedente da colección de José Villaamil y Castro. 

ANTAS DE ULLA (A Ulloa-Lugo)

Machado de Montelongo (Alvidrón): Mercado polo Museo Arqueolóxico Nacional no ano 1947 a Cándido Souto.

ARES (Ferrol-A Coruña)

Mosteiro de Montefaro: Relevo do baustismo de Cristo por San Xoán Bautista do século XII. No Museo Arqueolóxico Nacional.

BANDE (A Baixa Limia-Ourense)

Ara a Reva Anabaraeco: Ara da que existe debate sobre a súa procedencia. Segundo Hübner, a inscrición procede de Ruana (Trujillo-Cáceres), se ben semella que provén de Galicia xa que o teónimo co mesmo apelativo foi atopado na Casa dos Fornos, na cidade de Ourense, que é onde a sitúa Prósper (2009). Moralejo lévaa para Castro Caldelas. Dise que se atopaba en Rubiana no 1740, e cara o 1925 no Museo Diocesán de Astorga, desparecendo despois. Tamén a cita o P. Fidel Fita en 1911. Segundo T. Hervella estaba rota, faltándolle a metade. Na provincia de Ourense temos Rubiás (Allariz, Bande, A Bola, Calvos de Randín e Ramirás), Rubiá (Valdeorras), e Rubiais (Viana do Bolo).

O BARCO DE VALDEORRAS (Valdeorras-Ourense)

Columna: En La Región do 22 de outubro de 1961 dáse conta dunha columna de máis de dous metros de altura cunha inscrición romana que dise foi enviada ao Palacio Espiscopal de Astorga e que sería estudada por Marcelo Macías. Descoñezo en que parte da comarca de Valdeorras apareceu e tampouco a vin (ao menos non está identificada como proveniente de Valdeorras) nin no museo Romano de Astorga nin no Museo de los Caminos da mesma cidade.

BOIRO (O Barbanza-A Coruña)

Puñal de cobre: López Cuevillas e Bouza Brey (1929) citan un puñal de cobre de base estreita e alongada onde se abren tres furados para amarrar aparecido en Beluso, na parroquia de Bealo. Foi doado ao Museo Antropolóxico de Madrid polo señor Abal Hermo. No Museo Arqueolóxico Nacional. 

CAMBADOS (O Salnés-Pontevedra)

Machado: López Cuevillas e Bouza Brey citan un machado de talón de dous aneis, atopado preto da torre de San Sadurniño, que foi regalado por Cuveiro Pinol, secretario da Comisión de Monumentos de Pontevedra, ao Museo Arqueolóxico Nacional no ano 1872.

CASTRELO DE MIÑO (O Ribeiro-Ourense)

Petroglifos de Vide: Mencionados como gravura de Ribadavia. No ano 1868, Barros Sibelo enviou á Real Academia da Historia de Madrid o debuxo de dúas pedras con gravados, un de Vide e outro de Xinzo da Costa, en Maceda. A gravura, se aínda existe, non se redescubriu polo que só se conserva o debuxo.

CASTRO CALDELAS (Terra de Caldelas-Ourense)

Inscrición de Navia (San Xoán de Camba): Século II d.C. Sábese que no ano 1787 estaba na sacristía da igrexa de San Xoán de Camba, despois foi tapada, créndose entón que desaparecera tal como recolle o Boletín da Comisión de Monumentos de Ourense 2 do ano 1898. Redescubríuse a principios do século XX ao facer unhas obras, pero nalgún momento esfumouse, reaparecendo no Museo de Astorga (no 1963 estaba alí depositada). Deuna a coñecer Cornide por referencias de D. Pablo Rodríguez. No Museo de los Caminos de Astorga.

CEDEIRA (Ferrol-A Coruña)

Torques de Montoxo (Cedeira): Formado por unha variña maciza de sección cadrada-romboidal; os remates son ocos en forma de perilla moi apuntada. A peza está deformada e aberta. No Museo Arqueolóxico Nacional.

Torques: No Museo Arqueolóxico Nacional consérvase un negativo sobre prancha de vidro dun torques de ouro que se di procede dalgunha pare do concello de Ortigueira, aínda que podería proceder do castro de Alcaiás, en Cedeira. (Creo que se trata do torques de Montoxo).

COIRÓS (Betanzos-A Coruña)

Torques de ouro do castro de Flores ou de Oís: Coñecido tamén como torques de Oís. Atopado no ano 1915. Segundo a Gaceta de Galicia do 17 de xullo de 1915, foi atopado por un mozo de nome Arenes, fillo dun labrego, cando regresaba da escola; seu pai, aconsellado por xente de Betanzos, enviouno á Coruña para que o tasaran. No Museo Arqueolóxico Nacional.

A CORUÑA (A Coruña-A Coruña)

Lápida de Seti: Século XI. Inscrición en caracteres hebraicos. Segundo Villaamil y Castro apareceu no ano 1869 na Pena dos Xudeos. No Museo Arqueolóxico Nacional.

COSPEITO (A Terra Chá-Lugo)

Torques de A Medorra (Pumares-Arcillá): Cinco torques de ouro dos que se desbota que pertenceran ao enxoval dunha mámoa; poden proceder do cercano castro do Castelo. Século II-I a. C. Achado casual, posiblemente de finais do século XIX. No Museo Arqueolóxico Nacional.




GUNTÍN DE PALLARES (Lugo-Lugo)

Miliario de San Romao da Retorta: Regalado ao bispo de Astorga, Julián de Diego y Alcolea, polo que foi presidente da Deputación de Lugo no ano 1925, Victoriano Sánchez Latas. En San Romao da Retorta hai unha reprodución. No Museo de los Caminos de Astorga. No mes de marzo de 2023, dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares comunicaron ao museo de Astorga que tiñan errada a procedencia do miliario, que sitúan no concello de Rábade.

MACEDA (Allariz/Maceda-Ourense)

Petroglifos de Xinzo da Costa: No ano 1868, Barros Sibelo enviou á Real Academia da Historia de Madrid o debuxo de dúas pedras con gravados, un de Vide (Castrelo de Miño) e outro de Xinzo da Costa, en Maceda. A gravura, se aínda existe, non se redescubriu polo que só se conserva o debuxo.

MANZANEDA (Terra de Trives-Ourense)

Santa María de Cesuris (Cesuris): Era parada obrigada dos romeus que ían cara o santuario das Ermidas (O Bolo). Segundo a tradición pertenceu a un mosteiro templario. No Museo de los Caminos de Astorga custódianse un San Antonio de Padua do século XVII e un Calvario do século XVI.


MONDOÑEDO (A Mariña Central-Lugo)

Machado (Estelo-Os Remedios): Machado de talón de dous aneis partido que foi regalado ao marqués de Cerralbo por don Manuel Blanco Mamede, de Mondoñedo. Foi mercado polo Museo Arqueolóxico Nacional a Josefa Villaamil Santiso no ano 1934, procedente da colección de José Villamil y Castro.

Puñal de bronce da Couboeira ou da Pena Grande: Atopado no ano 1869 na Pena Grande, preto do castro da Couboeira. Foi adquirido polo Museo Arqueolóxico Nacional a Josefa Villaamil e Santiso, procedente da colección de Villaamil y Castro.

MONFORTE DE LEMOS (Terra de Lemos-Lugo)

Machados: Ángel del Castillo anotou que os machados foron descubertos casualmente por un veciño da localidade. Logo vendeullos por 15 pesetas a un particular, Javier Rodríguez, que llos regalou ao político e coleccionista Guillermo de Osma y Scull (1853-1922), conde consorte de Valencia de Don Juan e daquelas deputado por Monforte. Segundo Del Castillo, Osma distribuíu os machados por varios museos. Actualmente só se ten a seguridade de onde foron a parar cinco exemplares: dous ao Museo Arqueolóxico Nacional e tres ao Instituto Valencia de Don Juan de Madrid. Os outros dous machados continúan desaparecidos, se ben Ángel del Castillo asegura que Osma doou un á Real Armería en Madrid, mais cara o ano 1927 non constaba entre as doazóns a esta institución como puído comprobar o propio Del Castillo. O exemplar restante sería doado a un museo de París, o Musée de L´Homme, dato que tampouco se puído confirmar.


Nosa Señora da Antiga: Coñecida coma Os Escolapios. Mandada construír polo cardenal Rodrigo de Castro, da poderosa familia dos Lemos. Rematouse no ano 1619. Foi o cardenal, xunto con outras obras, quen trouxo A Adoración dos Magos, do pintor flamento Van der Goes, pintado probablemente arredor de mediados do século XV. Despois de que Max Jakob Friedländer, da Gemäldegalerie, se trasladara a Monforte para velo, conseguiu mercalo no ano 1913 e levalo para este museo de Berlín. 

NIGRÁN (Vigo-Pontevedra)

Mosaico de Panxón: Atopado no século XIX. Ata o ano 2000 estivo en mans da familia de Blanco Cicerón. No ano 2000 foi adquirido nunha subasta en Madrid, perdéndoselle a pista. No ano 2019, o coleccionista Gonzalo Fernández-Turégano, que se atopaba en Nova York, deu co mosaico na web do anticuario Carlton Hobbs. A partir daí creou unha asociación para a súa recuperación e reunir os 58.000 euros para conseguir que regresara a Nigrán. O Concello deu 40.000 euros, e 18.000 procedentes de particulares. As últimas noticias das que dispoño son de hai uns meses, onde ao parecer o mosaico xa se atopa nun almacén de Londres mentres se xestiona o transporte.

NOGUEIRA DE RAMUÍN (Ourense-Ourense)

Espada de bronce: Atopada no encoro de Santo Estevo. Fáltalle o pomo e parte da guarda, así como a punta da folla. Datada entre o 1100-1000 a. C. No Museo Arqueolóxico Nacional.

Puntas de lanza: De bronce. Atopadas no encoro de Santo Estevo. Datadas entre o 1300-1150 a. C. Unha fragmentada en tres partes e a outra en catro. No Museo Arqueolóxico Nacional.

Pendente de bronce: Como nos dous casos anteriores, atopado no encoro de Santo Estevo. É de bronce macizo de sección circular. Datado entre o 1000-900 a. C. No Museo Arqueolóxico Nacional.

ORDES (Ordes-Coruña)

Obxecto lítico puído: Procedente dunha mámoa. Foi doado ao Museo Arqueolóxico Nacional por Antonio Casares Rodríguez, rector da Universidade de Santiago, a través do conservador do museo Fernando Fulgosio.

ORTIGUEIRA (Ortegal-A Coruña)

Torques: No Museo Arqueolóxico Nacional consérvase un negativo sobre prancha de vidro dun torques de ouro que se di procede dalgunha parte do concello de Ortigueira, aínda que podería proceder do castro de Alcaiás, en Cedeira. Creo que se trata do de Montoxo, en Cedeira.

OURENSE (Ourense-Ourense)

Ara a Reva Anabaraeco: Ara da que existe debate sobre a súa procedencia. Segundo Hübner, a inscrición procede de Ruana (Trujillo-Cáceres), se ben semella que provén de Galicia xa que o teónimo co mesmo apelativo foi atopado na Casa dos Fornos, na cidade de Ourense, que é onde a sitúa Prósper (2009). Moralejo lévaa para Castro Caldelas. Dise que se atopaba en Rubiana no 1740, e cara o 1925 no Museo Diocesán de Astorga, desparecendo despois. Tamén a cita o P. Fidel Fita en 1911. Segundo T. Hervella estaba rota, faltándolle a metade. Na provincia de Ourense temos Rubiás (Allariz, Bande, A Bola, Calvos de Randín e Ramirás), Rubiá (Valdeorras), e Rubiais (Viana do Bolo).

O PINO (Arzúa-A Coruña)

Torques de prata de San Lourenzo Pastor: Foi ofrecido ao Museo Arqueolóxico Nacional no ano 1943, aínda que non se chegou a un acordo para a compra (consérvase unha foto). É distinto ao torques da mesma procedencia adquirido no ano 1968 e depositado no Museo da Coruña.

Modio da Ponte Puñide (Gonzar): No ano 1912 ou 1913 atopouse un modio de bronce ao facer unha escavación para aplanar un terreo propiedade de Joaquín Castro. No Museo Aqueolóxico Nacional.

Togado de bronce da Ponte Puñide (Gonzar): Primeira metade do século I d. C. No Museo Arqueolóxico Nacional dende o ano 1938. 

 

PORQUEIRA (A Limia-Ourense)

Estela funeraria do Outeiro ou de Blendea Mantai (O Rial-Sabucedo): Foi adquirida polo Museo Arqueolóxico Nacional no ano 1936. 

 

REDONDELA (Vigo-Pontevedra)

Machado: Documentado polo Museo Arqueolóxico Nacional no ano 1878 entre os materiais expostos na Exposición Universal de París.

 

RIBADEO (A Mariña Oriental-Lugo)

Diademas de Ribadeo: Existe certa controversia canto ao lugar onde se atoparon as tres diademas que formaban parte dun lote ofrecido nos anos corenta do pasado século a museos e coleccións privadas. Segundo información tirada dun artigo de María José Boveda Fernández, As Diademas castrexas de "Galicia" (Centro de Estudos do Patrimonio da Universidade portuguesa de Guimaraes), trátabase de tres pezas case idénticas que, segundo os vendedores, procedían dunha comarca próxima a Ribadeo. As diademas foron mercadas polo Museo Arqueolóxico Nacional de Madrid, o Louvre de París e o Museo da colección de Lázaro Galdiano; esta última atópase hoxe en día no Musee St Germain-en-Laye. (Achego unha foto sobre nitrato de celulosa do MAN dunha diadema que si figura como procedene de Ribadeo). Canto á que se custodia no Museo Arqueolóxico Nacional, hoxe en día máis ca unha diadema considérase un cinto.

Torques de Ribadeo: Descoñécese a área de procedencia exacta. No Museo Arqueolóxico Nacional dende o ano 1934.

Convento de San Francisco: Santa María do Campo era a antiga igrexa do convento de San Francisco. Deiquí dise que procede un báculo de limoges do século XIII que na actualidade atópase no Museo Nacional d´Art de Catalunya. Foi atopado na tumba do bispo de Mondoñedo Pelaio de Cebeira; arredor do 1855 foi despositado na catedral de Mondoñedo. Entrou no museo no ano 1932.

 

RIBEIRA DE PIQUÍN (Meira-Lugo)

Machados de bronce da Vara (Navallos): Da Idade do Bronce. Tres machados foron adquiridos por 75 pta polo Museo Arqueolóxico Nacional a Alfonso González Belandres no ano 1931. O lingüísta, natural de Meira, Anibal Otero, cre que proceden de tres lugares distintos: Vara, Pousadoiro e Piñeiro. 

SAMOS (Sarria-Lugo)

Máscara de terracota: Representación de Dioniso con polos decorados co que semellan froitos na súa base. As formas da cara apenas se intúen. Da colección Stutzel, ingresou no Museo Arqueolóxico Nacional no ano 1900.

Anel de Tenderico: Atopado nunha finca en Romelle. Con inscrición. Mercado polo Museo Arqueolóxico Nacional no ano 1944.

SANTIAGO DE COMPOSTELA (Santiago-Santiago)

Convento de Santa Clara: Arqueta do século XIII. No Museo Arqueolóxico Nacional.

Mosteiro de San Paio de Antealtares: Dúas esculturas do século XII atópanse no Museo Arqueolóxico Nacional. No Fogg Museum de Harvard outra do século XII que ten esculpidas as imaxes de tres apóstolos.

SILLEDA (O Deza-Pontevedra)

Mosteiro de Carboeiro: No ano 1980, o Museo Marès de Barcelona mercou a Ericka Birk, viúva do empresario e coleccionista de orixe alemana, Franciso Birk, dúas esculturas que ao menos ata os anos trinta adornaban o tímpano da igrexa mosteiral de Carboeiro. No mes de xaneiro de 2023, o museo iniciou un informe para aclarar se proceden de Carboeiro tras coñecerse a existencia de documentos do Arquivo de Galicia e o Arquivo Xeral da Administración do Estado que proban a substración ilegal das pezas. Nos últimos anos, os investigadores Alfredo Abeledo e Antonio Vidal Neira teñen publicados varios artigos sobre estas e outras pezas que desapareceron de Carboeiro.


SOBRADO DOS MONXES (Terra de Melide-A Coruña)

Torques de prata de Sobrado dos Monxes: Descoñécese en que parte do concello foi atopado. No Museo Arqueolóxico Nacional.

SOUTOMAIOR (Vigo-Pontevedra)

Machado: López Cuevillas e Bouza Brey (1929) citan un machado de talón de dous aneis que foi doado no 1872 por Francisco Sancho Gutiérrez ao Museo Arqueolóxico Nacional.

VILAMARTÍN DE VALDEORRAS (Valdeorras-Ourense)

Mosteiro de Correxais: Documentado no ano 922. No Museo de los Caminos de Astorga hai unha talla da Inmaculada do século XVIII procedente de Correxais.

PROVINCIA DA CORUÑA

Torques de Ouro: Só se sabe que procede da provincia. No Museo Arqueolóxico Nacional.

PROVINCIA DE LUGO

Torques de ouro: Só se sabe que procede da provincia. No Museo Arqueolóxico Nacional.

Aros de ouro: Só se sabe que proceden da provincia. Formaban parte dun lote de cinco torques e unha parella de anelas adquiridos no mercado de antigüidades no ano 1992.


PROVINCIA DE OURENSE

Torques: Dous torques que foron adquiridos polo British Museum de Londres nunha subasta no ano 1960. O arqueólogo catalán, Luis Pericot, dixo que poderían proceder da provincia de Ourense, na fronteira con Portugal.

OUTRAS PEZAS

O Museo Arqueolóxico Nacional custodia outras pezas de procedencia descoñecida, se ben é probable que, senón todas, algunhas procedan de Galicia.