* Agresión a un BIC e novas mámoas en Outeiro de Rei

O día 1 de xaneiro de 2018, Brais Rodríguez Romero máis eu achegámonos ata o concello de Outeiro de Rei para documentar unhas mámoas non catalogadas. 

A primeira localízase na parroquia de Parada, non moi lonxe do núcleo de poboación, nun pastizal; ten unhas medidas aproximadas de 13 metros de diámetro, apreciándose claramente o cráter de violación; polo túmulo vense algunhas pedras que puideron formar parte da coiraza.

 

O segundo enterrramento atópase nos montes de Pascuais, tamén na parroquia de Parada. Duns 14 metros de diámetro, sobre o túmulo levantaron hai anos unha torreta metálica para medir a velocidade do vento por se o lugar era propicio para instalar uns muíños eólicos. Recentemente, as máquinas que se ven no lugar, que están a facer traballos de tala e transporte de eucaliptos, ao facer un camiño, cortaron a mámoa.

 

Un terceiro enterramento documentámolo preto da aldea de Maúnfe, na parroquia de Francos, nun gran pastizal coñecido co evocador nome de Leira das Medorras. O túmulo ten unhas medidas duns 13 metros de diámetro. Ao longo dos anos, debido aos traballos agrícolas, foi perdendo parte da masa tumular o que non impide que aínda se aprecie claramente. Segundo as referencias, había algunhas outras mámoas que foron destruídas.

 

Por último, dirixímonos cara a necrópole megalítica do Cordal de Acevedo, entre Parada e Martul, formada por preto dunha ducia de mámoas catalogadas, coa esperanza de que o Concello tivera limpo e sinalizado o único dolmen do municipio declarado BIC (Ben de Interese Cultural). Lamentablemente, o panorama co que nos atopamos alónxase moito dos nosos desexos, este enterramento, catalogado co número 1 da necrópole, continúa cuberto de maleza e sen sinalizar, e algún piñeiro xa cravou as súas raíces sobre o túmulo. Pero o máis grave é o camiño de factura recente que veñen de abrir con maquinaria pesada (cando o visitamos hai dous anos aínda non existía) que afectou á masa tumular. Esta mámoa conta coa singularidade de que un dos chantos graníticos que forman a cámara funeraria presenta unha figura antropomorfa de difícil interpretación que algúns autores identifican cunha especie de ídolo.

 

Como noutros casos, aquí non cabe alegar ignorancia, esta mámoa é coñecida por todas as persoas da zona. Como consideramos moi grave a agresión, con independencia das responsabilidades civís ou penais, vimos de presentar unha denuncia ante a Xunta de Galicia para que abra o correspondente expediente e se sancione aos autores coa máxima cuantía estipulada pola Lei do Patrimonio Cultural. Tamén lle preguntamos á Xunta de Galicia se no seu momento se solicitou o obrigado permiso para acometer os traballos, lembrándolle que nun ben deste tipo a área de protección é de 200 metros.

 

Nesta necrópole tamén puidemos comprobar que se está a utilizar como vertedoiro do lixo, así, entre outros, puidemos ver armarios, estanterías, inodoros, etc. 

 

Ao longo do concello de Outeiro de Rei están documentadas arredor 180 mámoas, cunha antigüidade superior aos 5.000 anos, que se atopan nun estado de conservación de regular a malo. Pola documentación e as referencias orais desapareceron máis de medio cento, e outro número importante sufre continuas agresións sen que se tomen as medidas máis elementais para evitalo. A única mámoa protexida e sinalizada forma parte da necrópole de Santa Mariña, xunto o parque empresarial. 

Segundo a citada lei, os Concellos tamén son responsables xa que teñen a obriga de protexer e conservar os bens patrimoniais que se atopen dentro do seu ámbito territorial.