* Agresión a unha mámoa en Friol

O Colectivo Patrimonio dos Ancares e ADEGA vimos de presentar unhas denuncias ante o Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia e o Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil (SEPRONA) por unhas remocións de terra con maquinaria pesada que están a efectuar no parque empresarial de Friol onde hai unha necrópole megalítica formada por catro mámoas.

Comprobamos que sobre a mámoa, catalogada coa clave GA27020050, está a pasar maquinaria pesada, observándose claramente as profundas rodeiras, feito que está a danala e alterala gravemente. Para as obras da construción da nave os camións están pasar, literalmente, sobre o túmulo megalítico. Ademais, ao seu carón están a acumular escombros das obras.

Por elo solicitamos, de forma urxente, que se tomen as medidas necesarias para protexer o enterramento e, de ser o caso, se concreten as responsabilidades penais, civís e/ou administrativas que puideran derivarse dunhas actuacións que consideramos moi graves e que vulneran a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia.

2 de setembro de 2017