* Cando as aras dixeron amén

Unha das testemuñas máis claras da aculturación do paganismo polo cristianismo é o que ofrecen os restos romanos reutilizados para usos cristianos, mesmo como elementos de culto (Caballero Zoreda e Sánchez Santos).

En Galicia atopámonos cun bo número de igrexas e ermidas que reutilizaron miliarios, inscricións, aras e outras pedras romanas formando parte tanto do material construtivo como do mobiliario litúrxico. E en menor medida, en época posterior, estas pezas tamén foron reaproveitadas en cruceiros, petos ou pousadoiros de imaxes cristiás.

Para moitos autores, o seu uso semella ser produto dun certo fracaso na cristianización, en que a Igrexa tivo que botar man de elementos "paganos" de prestixio venerados polo pobo para convertelo ao cristianismo.

A tipoloxía do altar cristiano que emprega aras e pedestais romanos como altares cristianos é a máis utilizada ao menos dende os séculos VI e VII, cunha alta pervivencia na alta Idade Media alcanzando a época románica (Carbonell Manils, et alii).

Dise que Marcial, un discípulo dos apóstolos, ordenou que cando destruíran os altares paganos, conservaran os dedicados ao Deus descoñecido, consagrándoos ao verdadeiros Deus. Outra tradición recolle que cando San Pedro e San Marcos chegaron a Nápoles dende Antioquía, celebraron a súa primeira misa utilizando un altar dedicado a Apolo. A mediados do século V, San Pedro Crisólogo reflicte o ambiente pagano existente, propoñendo, máis que destruír os ídolos, transformalos. No século VI, Martiño de Dumio, no seu De correctione rusticorum, arremte contra as crenzas supersticiosas dos galegos. A finais do mesmo século, Gregorio Magno di que os lugares sagrados non deben ser destruídos (si os sacrificios que neles se realizan), consagrándoos con auga bendita (exorcizalos) e poñendo reliquias de santos, porque eses mesmos lugares están ben construídos para o que "é necesario que esquezan o culto ao demo, mudándolle en reverencia ao verdadeiro Deus e concorrendo aos lugares que lles son máis familiares segundo acostuman"; remata dicindo que neses sitios se constrúan igrexas. A cristianización dun outeiro mediante a construción dunha igrexa ou capela dáse en moitos sitios de Galicia. Está claro que a Igrexa soubo aproveitar as posibilidades que ofrecían os antigos escenarios de culto. En Concilios dos séculos VI e VII arremétese contra os que veneran as pedras. Segundo estes e outros textos, a "idolatría" aínda está moi presente, convivindo a relixión cristiá con tradicións e supersticións paganas fondamente arraizadas. Para elo, a Igrexa intentou afastar as alusións idólatras transixindo ou transformándoas para adaptalas ás súas crenzas en vez de destruílas.

Nesta modesta achega quero chamar a atención da problemática que presenta situar o momento da reutilización das pezas romanas en construcións cristiás. Só unhas poucas achegan a data da reconversión do uso. Le Roux e Tranoy salientan como feito significativo a relación entre aras romanas e igrexas e ermidas románicas, mais non documentan en que circunstancia se da esa relación, tendo en conta, por outra parte, que se sabe de pezas reutilizadas con anterioridade (épocas sueva, visigótica e mozárabe) e posteriormente (época moderna). E tamén está a cuestión da súa procedencia, que na maioría dos casos se descoñece. 

Atopamos pezas formando parte do culto cristiano no interior de igrexas e ermidas (bases de altar, pías de auga bendita); entre os materias de construción; en casas reitorais e adros, descoñecendo se antes estiveron no interior dos templos pero que logo foron desacralizadas; nas proximidades de lugares de culto..., non resultando fácil saber se a utilización deses elementos se debeu á casualidade ou agochaba outras intencións, se ben hai que considerar que aras romanas e altares cristianos están cheos de simbolismo. Tamén temos a cuestión sobre a súa distribución, con notables diferenzas ao longo de Galicia. 

San Isidoro da dúas etimoloxías para o término ara. Unha relacionada con thorax, arca, arcano, secreto, o que se ocultaba aos demais, e outra porque sobre ela arden as vítimas que alí se queiman. Un elemento importante das aras é o loculus para recoller as reliquias, practicado onde antes estivo o focus ou foculus que constitúe a parte da ara destinada a recibir as ofrendas realizadas aos deuses.

En moitas reutilizacións conserváronse os motivos iconográficos e a epigrafía orixinais que tiñan unha significación pagana, ben integramente, modificándose ou convivindo cos novos.

A continuación achego máis de 150 pezas romanas reutilizadas en Galicia en construcións de culto cristiano.

(Máis información nas entradas deste mesmo blog dedicadas á Romanización) 


ABEGONDO
Ara de Vilacoba (Abegondo): Localizada por Alfredo Erias no ano 1978 xunto o valo da capela de San Paio, ara coñecida polos veciños como "O Berce". Con anterioridade estaba diante da ermida, lugar ao que volveu cando Francisco Vales Villamarín deu noticia do seu achado. No ano 1983 foi trasladada para o Museo das Mariñas de Betanzos, e retirada ao ano seguinte polo marqués de Loureda, dono da capela. Non se volveu saber dela. Datada no século III, estaba adicada aos Lares Viais.
  
ALLARIZ
Aras de Augas Santas: Na igrexa de Santa Mariña. Trátase de dúas aras que foron modificadas e reutilizadas como esmoleiros.
Relevo de Amiadoso (San Martiño de Pazó): De mármore, salienta a característica de ter as súas caras decoradas. Estaba incrustado no muro dunha construción de Amiadoso que actuaba como capela e que foi identificado como un posible resto visigótico, mais Acuña Fernández e Valle Pérez dátano no século II d.C., e Rodríguez Colmenero no século IV. Bango propuxo a posibilidade de tratarse dunha Ascensión de Cristo, o que lle outorgaría un excepcional interese iconográfico, se ben non falta quen elimina todo carácter cristiano aínda que puidera formar parte dun monumento funerario.
Ara de San Mamede de Urrós: Apareceu na igrexa. Está datada entre os séculos I-III d.C. No focus custodiábse un relicario de madeira coa copia dun pergameo da consagración do templo no ano 1147.
  
 
 

AMOEIRO
Capela do San Xiao (Sanxiao-Fontefría): No interior hai unha ara aos Lares Viais que forma parte da pía bautismal; está colocada do revés. No centro da zona da ábsida hai un sillar con decoración xeométrica en relevo onde se ve a repetición dun dobre entrenzado. No paramento sur hai un motivo decorativo case idéntico ao anterior. Hai quen cre que foi un edículo romano dedicado aos Lares Viais e logo capela visigoda. Nas proximidades hai un castro.
 

ARANGA
Ara de San Vicente de Fervenzas: Atopada no ano 1967 na igrexa parroquial. Dedicada a Xúpiter.
  
A ARNOIA
Cepo de Ánimas de San Amaro (A Arnoia): Ara coa inscrición borrada, con focus reutilizado para peto, agregándolle unha tapa de ferro.

BALTAR
Aras na capela da Asunción: No presbiterio da ermida. Hai quen di que proceden do castro de Outeiro ou do lugar da Santa. Unha está dedicada a Reva, e na outra só se len as letras "Ex (vot)o".
Ara do Bouzo (O Bouzo-Garabelos do Bouzo): Na capela do San Bieito. Elimináronlle a inscrición ao adaptala como pía bautismal, ampliándolle o focus



BANDE
Ara (Lueda): Atopada no ano 1988 na capela de Santa Mariña. Trátase dun fragmento inferior que conserva o corpo central e a base. O texto está incompleto.
Ara aos Lares Viais (Santa Comba): Citada por Castellá Ferrer quen di que servía de pía de auga bendita na igrexa
Epígrafe de Diana: Inscrición transmitida nun manuscrito do século XVIII, conservado no arquivo da abadía de San Domingos de Silos. Apareceu no altar da igrexa de Santa Comba de Bande.
Miliario de Adriano: No interior da igrexa visigótica de Santa Comba. Utilizouse como pía de auga bendita. Coñécese a través de Fr. Martiño Sarmiento quen o atopou na adega da casa do cura.
 

BAÑOS DE MOGAS
Ara na igrexa de Santa Eufemia (Santa Eufemia-Ambía): Atopábase nunha fonte que aínda existe; foi trasladada para a igrexa, atopándose medio agochada dentro do altar maior. Na actualidade forma parte do altar. Adicada ás Ninfas.
Ara (Presqueira): Atopada no formal da cabeceira da igrexa, contra o que apoia o retábulo. Adicada aos deuses Manes. Foi trasladada ao emprazamento actual a finais do século XVIII. Está cortada pola parte superior.
Ara de Suatorre (Ambía): Apareceu no faiado dunha casa do señor de Ambía. Con loculus para reliquias para o que lle agrandaron o foculus. Segundo Rivas Quintas foi repicada polo século VI ou VII para cristianizala, e honrar a un personaxe de nome Analso, posiblemente un bispo anterior ao ano 872. Escrita polas tres caras, estaba adicada ás Ninfas.
 

BARBADÁS
Ara (Santa Euxea-Piñor): Só se podía ver a parte superior. Formaba parte da parede exterior da vella capela de San Xoán, en Santa Euxea. Ao parecer desapareceu baixo a autovía das Rías Baixas.

O BARCO DE VALDEORRAS
Inscrición (Viloira): Atopada no ano 1970 preto do regueiro de Santigoso, nas inmediacións da igrexa de Viloira. O nome Tileno que se ve na inscrición quizais estea relacionado co monte Teleno da provincia de León.
Ara de Millarouso e Santurxo: No altar da igrexa parroquial. Adicada ao deus Baco.

BEGONTE
Ara de San Martiño de Pacios: Atópase na epístola da igrexa de San Martiño. En honra de Nigrinianus, morto á idade de 60 anos.
Inscricións: Na mesma igrexa de Pacios hai outras dúas inscricións de difícil adscrición cronolóxica. Unha, onde se ve a epígrafe "CRAC" quizais sexa romana.
Ara de Virís: Adicada aos Lares Viais. Fragmento dunha ara atopada xunto o muro do cemiterio no ano 1980. Foi trasladada para a igrexa. Durante moito tempo estivo xunto a pía de auga bendita, e na actualidade está na sacristía, gardada nun armario.
 

A BOLA
Ara de San Munio de Veiga: Atopada por Manuel Blanco Guerra, estaba empotrada na reitoral de San Munio. Na actualidade está dentro da igrexa. Adicada a Xúpiter.
Epígrafe (Pardavedra): Trátase dunha prancha de granito coa inscrición manipulada e regravada que se atopa na ermida do San Cibrán. Nas inmediación hai unha necrópole megalítica.
 

O BOLO
Epígrafe (Chao do Castro): Por riba do campo epigráfico ten unha figura antropomorfa que pode ser a representación dalgunha divindade. Foi atopada nas inmediacións da igrexa. Segundo Silvia Alfayé Vila, que viu varias fotografía (a peza desapareceu), non se trata dunha peza romana, e onde supostamente se lía o nome do deus Anodio, hai que interpretalo como "AN(n)O D(e), e a figura sería a representación esquemática dunha cruz cristiá.
  
CALDAS DE REIS
Santa María (Eirín-Caldas de Reis): Estela decorada reutilizada como material de construción na igrexa. Tamén apareceu unha ara aos Lares Viais. Arredor do templo concéntranse un bo número de achados romanos (tumbas de tégula, un forno, fragmentos cerámicos, moedas...).
Ara aos Lares Viais: Formaba parte do muro da igrexa de Santa María de Caldas. Está moi mutilada e desgastada, aparece recortada polos dous lados.
Estela de Placidina: Foi reutilizada como canzorro románico (cabeza de león visible ao exterior) na igrexa de Santa María de Caldas. Descuberta no ano 1879 por Barros Silvelo. Adicada aos deuses Manes.

CALVOS DE RANDÍN
Ara de Rioseco: Reutilizada para base dunha pía de auga bendita. Dedicada a Xúpiter.
Inscrición (Pintás-Lobás): Reaproveitada nos muros da capela de Nosa Señora de Pintás. Dedicada a Xúpiter.

CARBALLEDO
Ara aos Lares Viais: Descuberta no ano 1978 ao repicar o cal que cubría as paredes interiores da igrexa de Temes.
Ara: No interior da igrexa de Temes hai un soporte dunha ara sobre a que se modelou un modillón en época medieval polo que se perdeu o campo epigráfico.
Gravura: Nun dos muros interiores da igrexa de Temes hai gravada unha figura en forma de espiña de peixe, tamén reaproveitada.
Inscrición: Na mesma igrexa hai unha prancha granítica na parte alta do presbiterio. Apareceu no ano 1974. Delgado Gómez dátaa no século IV. Lese "FIDES, SPES, CARITAS". Da mesma época semella ser unha pomba situada no lateral da nave.
Sártego de Temes: Tampa dun sártego atopada no ano 1974. Trátase dunha prancha monolítica de mármore branca, incrustada nun muro, datada entre o 315 e 330 d.C. Está considerada como a testemuña cristiá máis antiga de Galicia. Hai quen sostén que a peza foi prefabricada nun taller romano, procedente das canteiras pantélicas de Atenas e traída dende o veciño porto de Polumbario (Os Peares) aproveitando unha vía navegable do Miño. Represéntase a escea da Adoración dos Magos, xunto o grupo de Adán e Eva e a historia do profeta Xonás.
Capiteis: Na igrexa de Temes, formando parte dos muros, están á vista tres capiteis para coroar dúas piastras. Outro para unha columna facía de soporte dunha pía de auga bendita. Todas estas pezas pertencen ao estilo tardo imperial.
En Temes consévase a tradición da existencia dun militar romano chamado Marcelo, xa cristiano, que sería a orixe da familia dos Temes.




  
  
 

CARTELLE
Ara de Couxil: Localizada cando as obras de restauración na década dos noventa reutilizada como material de contrución na igrexa parroquial. Está empotrada en posición horizontal. Non existe acordo cando ao nome da divindade que aparece no campo epigráfico: Cusue Mepluceeco ou Vemelucelo. A súa execución sitúase entre finais do século II e a primeira metade do século III d.C.
 

CASTRELO DO VAL
Ara de Cabanca: Dise que foi atopada na ermida do San Martiño que se ergue sobre o castro. Facía de pousadoiro da imaxe do santo. Adicada a Xúpiter.
Ara de Vilar (Servoi): Atopada no ano 1977 na capela da aldea de Vilar. Sostiña a pía de auga bendita. O foculus foi agrandado para servir de peto para as esmolas. Adicada a Xúpiter.
 
 

CASTRO CALDELAS
Inscrición de Camba: Do século II d.C. Adicada a Navia Elaesurraeca. Sábese que no ano 1787 estaba de costas ao altar maior da igrexa de San Xoán de Camba.
Inscrición na capela de San Pedro (O Burgo): Lápida de granito reutilizada no arco de medio punto da moderna capela. Foi localizada polo bispo de Astorga Julián de Diego y Alcolea quen o puxo en coñecemento da Comisión de Monumentos de Ourense. Ao emperador Traxano. Datada no ano 129 d.C.
 

CASTROVERDE
Igrexa de Tórdea: Na capela absidial, detras do altar maior, a ambos os lados do sagrario, hai dous fragmentos correspondentes, posiblemente, a un mesmo miliario. Anepígrafes.
 

CELANOVA
Ara de Castromao: Apareceu no ano 1984 formando parte da casa reitoral que estaba adicada a palleiro. Dedicada a Reve Siboico. Nas proximidades está o castro de Castromao.
 

CENLLE
Ara de Trasariz: Adicada a Xúpiter. Utilizada como pía de auga bendita na igrexa parroquial, e logo como pé do altar. Agrandúselle o focus.
Ara na capela de Erbededo (Razamonde): Encastrada no taboleiro da mesa, ten unha cruz tallada na fronte. Loculus. A inscrición foi borrada.
 

CERCEDA
Aras aos Lares Viais (As Encrobas): Atopadas cando o desmantelamento e traslado da casa reitoral de San Román por mor da ampliación da central térmica de Meirama. Adicadas aos Lares Viais.
 

CERVANTES
Ara de San Román: Foi atopada nun muro, pero ao parecer con anterioridade estaba nunha capela que había en San Román. Mostra unha inscrición romana dun soldado da Lexión X Gemina, e outra da era 1120 (ano 1082) feita por un presbítero de nome Froila.
 

CHANTADA
Ara aos Lares Viais (Belesar): Atopada no ano 1941 polo párroco. Facía as funcións de pía de auga bendita na igrexa parroquial. Adicada aos Lares Viais. Situada cronoloxicamente nos séculos II-III d.C. Desaparecida.

O CORGO
Ara de Adai (Pedrafita): Atopada nas proximidades da ermida das Virtudes antes do ano 1924. Aínda que a peza se adscribe á parroquia de Adai, a capela atópase dentro do lugar de Pedrafita.
Miliario de Arxemil: Atopado no ano 1976. Adicado a Adriano e atopábase na igrexa parroquial, reutilizado como pía bautismal; gravouselle unha inscrición moderna onde se le o ano de 1601, rematada por unha cruz.
Miliarios de Castrillón: Un, anepígrafo, está situado no adro da capela de San Bernabé, sobre a croa dun castro; reutilizado como pé de altar, pintáronlle unha cruz de Santiago en cor vermella. A carón da porta da ermida hai unha pía de granito que semella a reutilización dunha ara ou dun miliario. No interior da capela hai unha pía bautismal que se apoia no que pode ser un miliario.
Miliario de Franqueán: Localizado no ano 2001, fincado diante da igrexa parroquial como parte dun muro en posición invertida. Dedicado ao emperador Marco Aurelio Caro. Xunto a igrexa atopáronse varios sepulcros construídos con laxes de pedra e base horizontal de tégulas.
 
 
 
 

CORISTANCO
Ara de Nogueira (Nogueira-Seavia): Adicada a Coso Oenaego. Descuberta por un presbítero de Razo de nome Benigno, foi reutilizada como pía de auga bendita na capela do San Roque. Na actualidade está en mans particulares.
 

CORTEGADA
Ara de Meréns: No interior da igrexa, actúa como soporte da pía bautismal.
Ara de Zaparín: Adicada aos deuses galaicos. Actúa como base dun cruceiro.
 

A CORUÑA
Igrexa de Santiago: No templo consérvanse dous pedestais de granito, un cunha inscrición ao emperador Marco Aurelio e outor a Lucio Aurelio Vero. Tamén apareceron tres aras adicadas á deusa Fortuna.
Capela do Hospital Militar: Diante da capela apareceu un epitafio do fillo de Ares.
 

CUALEDRO
Dedicatoria: Procedente da ermida da Pedrosa (A Xironda), actúa como pía de auga bendita para o que se lle agrandou o focus.

CULLEREDO
Ara do Burgo: A finais do século XVIII estaba no cruceiro do Burgo. Utilizábase para descansar o Santísimo na procesión do Corpus. Adicada aos deuses Manes.

A ESTRADA
Ara de Matalobos: Localizada por Bouza Brey no ano 1942 no exterior da igrexa parroquial, formando parte da ábsida. Na actualidade atópase gravemente alterada e irrecoñecible.

FISTERRA
Ara a Cibeles: Do século II d.C. Atopada no cemiterio da igrexa do Sardiñeiro no ano 1960. Que eu saiba, é unha das datro dedicatorias conservadas en Galicia á deusa Cibeles.

O GROVE
O Adro Vello (Cantodoxordo-O Grove): O nome de Adro Vello vén dunha igrexa, posta baixo o padroado do San Vicenzo, que funcionou no lugar ata o seu traslado no século VIII. Apareceu unha ara aos Lares Viais reutilizada como material de construción.
 

A GUDIÑA
Ara do Tameirón: Na igrexa parroquial hai unha pía bautismal do século X que ten como pé unha ara romana.
 

GUITIRIZ
Ara aos Lares Viais da Graña (O Buriz): Dende o ano 2001 atópase no adro da igrexa. Foi atopada no muro da capela da igrexa de San Pedro.
Ara de Santo Estevo de Parga: Formaba parte do pavimento da igrexa. Consérvase na sacristía. Consagrada aos deuses Manes.
Estela (O Buriz): Estela anepígrafa descrita por Amor Meilán que se atopaba no adro da igrexa parroquial. Tiña un baixo relevo representando unha escea militar. Desaparecida. 
Estela de Bascuas (San Salvador): Estela funeraria do século III d.C. reutilizada no lintel da capela de Nosa Señora de Bascuas, na porta que comunica a nave coa sacristía. Por riba da inscrición aos deuses Manes vese un círculo solar, a media lúa e círculos dispostos simetricamente.
 
 

LALÍN
Estelas de Bermés: Trátase de catro estelas funerarias dos séculos I-III d.C. adicadas aos deuses Manes. Foron descubertas no ano 1978 xunto a igrexa parroquial.
 

LÁNCARA
Estela de Río: Formaba parte do muro exterior da igrexa. Na actualidade está encastrada nun muro da sacristía. Trátase dunha estela de granito incompleta que representa no interior dun cadro moldurado a dous persoeiros togados que sosteñen sobre os xeonllos unha especie de cartela onde vai escrito un texto en gran parte perdido. Datada entre os séculos III-IV d.C.
Epígrafe de Río: Prancha funeraria en mármore gris situada nun muro exterior da igrexa. Dedicada aos deuses Manes.
 
 

A LARACHA
Ara de Soandres: Atopada na igrexa parroquial. Formou parte do altar ata o ano 1909. Loculus e parte superior cortada. Adicada á Xúpiter.
Miliario (Vilaño): Atopado na igrexa de Santiago de Vilaño no ano 1987, reutilizado na parte superior da porta de acceso á sacristía. Foi trasladado para a casa reitoral, e logo volveu para a igrexa. Dedicado ao emperador Decencio. 

 

LAXE
Ara de Serantes: Reutilizada nun muro lateral da igrexa parroquial. Adicada á divindade prerromana Cosus. 
 

LAZA
Ara da Alberguería: Anepígrafa. Ten forma de columna. Atópase na igrexa. 
 

LOBIOS
Miliario da igrexa de Lobios: Citado por Barros Silvelo que di que foi picado e levado para Lobios para utilizar como columna dun balcón.

LOUSAME
Ara de Lesende: Localizada por Iago Urigorri no ano 2006, reaproveitada nunha parede da casa reitoral. Adicada á deusa Navia. Datada entre finais do século II ou principios do III d.C.
 

LUGO
Esperante: Miliario anepígrafo situado na igrexa parroquial. Hai algúns anos foi pintado de branco.
 

MACEDA
Igrexa de Asadur: No interior do templo, servindo de mesa do altar, hai unha inscrición honorífica adicada a un recadador de impostos; na mesma peza vese unha inscrición posterior, quizais do século IX ou X onde se le +AELTARE.
Ara de Pías (Pías-Castro de Escuadro): Reaproveitada na espadana da capela de San Pedro. Adicada á divindade galaico-romana Torolo Combiciego. No interior da capela hai outra ara anepígrafa utilizada como pía bautismal.
Igrexa de Santa Olalla de Castro (Castro de Escuadro): Na parte exterior do adro hai unha lápida de cuarzo branco (non de mármore como se adoita asegurar) cunha inscrición funeraria. 
 
 
 
 

MALPICA
Ara (Mens): Situada na igrexa mosteiral, incrustada na ábsida dereita. A inscrición foi repicada e practicamente eliminada.  

MAZARICOS
Estela (Antes): Dos séculos II-III d.C. Fai de lintel dun alpendre da casa reitoral. Dedicada aos deuses Manes.
 

MEIS
Ara de San Tomé de Nogueira: Atopada no ano 1976 detrás do retábulo da igrexa. Ao parecer fora reutilizada noutro tempo como pé do altar. Adicada a unha divindade das augas.
 

MONFERO
Ara (Alto do Xestoso): Atopada no ano 2000 na capela de Santa Baia.
 

MONTEDERRAMO
Miliario (A Graña-Seoane Vello): Serve de soporte do altar maior da igrexa parroquial. Adicado a Caracalla.

MONTERREI
Ara (Albarellos): Atopada polo cura na igrexa parroquial no ano 1755. Actuaba como pedestal ou basa de estatua que estaba colocada no adro da igrexa. Desaparecida.
Aras de Mixós: Na igrexa parroquial. Serven de base aos altares da cabeceira, unha sen inscrición, decorada con aspa e semicírculos no dado e zigue-zague nas molduras da cabeceira; a outra foi descuberta no ano 1927, adicada ao deus índixena Bandua Cadiego.
Capela do San Brais (Vilaza): Elixio Rivas fala dunha ara nas ruínas da ermida. Tamén hai un miliario empotrado nos muros da ermida cunha epígrafe ilexible.
Estela (Vilaza): Atópase no interior da capela da Cruz ou de San Miguel.
 
 

MUROS
Estela de Tal: Do século II-III d.C. Atopada no ano 2011 nas inmediacións da casa reitoral.
 

NEGREIRA
Logrosa: No adro da igrexa de Santa María apareceron, no ano 1876, unha ara a Xúpiter e unha estela fragmentada adicada aos deuses Manes.
 
 

OÍMBRA
Lápida de Sempronia (Rabal): Trátase dunha inscrición sobre mármore. Datada no século I d.C. Ata o ano 1971 formou parte do altar da igrexa.
Ara (Espiño-Videferre): Na capela do San Roque. Adicada a Marte.
 

OLEIROS
Ara de Dexo: Na igrexa parroquial atópase o fragmento dunha ara adicada a Xúpiter. Posteriormente graváronselle dúas cruces para cristianizala.
 

OUTES
Ara de Banzás (San Ourente de Entíns): Votiva. De interpretación problemática, hai quen ve na primeira liña o nome de Cristo.
 

PADERNE DE ALLARIZ
Ara de Coucieiro: Atópase no interior da igrexa parroquial. Adicada a Tutela.
 

PADRENDA
Ara (Santa María do Condado): Do século II d.C. Atópase na igrexa parroquial, utilizada como pía de auga bendita. Agrandóuselle o focus. Adicada a unhas divindades protectoras das fontes e mananciais.
 

PADRÓN
Ara de Santiago de Padrón: Segundo a lenda foi utilizada polos discípulos do Apóstolo para amarrar a barca onde trasladaran os seus restos. A epígrafe orixinal está adicada a Neptuno, sendo alterada no século XVI engadíndolle unha cruz e mudando o nome da divindade romana por "patrono" en alusión a Santiago.
 

PALAS DE REI
Ara (Curbián): Descuberta no ano 1952 nunha cociña transformada en corte na reitoral de San Martiño. Dedicada a Bandua.
 

PANTÓN
Epígrafe de Castillón: Documéntase no século XVI na igrexa de San Vicenzo de Castillón, perdéndoselle a pista a finais do século XVIII cando o párroco a sacou do templo debido a unha desputa. Adicada aos deuses Manes.
Estelas discoideas (Castillón): Atopadas por Chamoso Lamas e Alonso del Real nas tumbas da necrópole gravadas con cruces. A aparición destes símbolos crisitáns cuxas tumbas eran de época romana abriu un novo campo de coñecemento na arqueoloxía do NO peninsular.
 

PEREIRO DE AGUIAR
Ara (Santa Marta de Moreiras): Na igrexa parroquial. Adicada ao lar Circeiebaeco.

A POBRA DE TRIVES
Miliario (Sobrado): Forma parte dun peto de ánimas. Adivíñanse restos das esvaídas letras.
Ara de Vilanova: Do século II d.C. Situada fronte a entrada principal da igrexa. Actuou como pé de altar sostendo un taboleiro do século XV-XVI, logo tapado por un altar barroco.
Epígrafe (Piñeiro-Trives Vello): Anaco de mármore que só conserva parte do texto. Foi atopada no ano 1904 por un integrante da Comisión de Monumento de Ourense nos muros da derruída capela da Madalena.
 
 

PONTEAREAS
Miliario: Utilizado como base dun cruceiro en Couso.
 

PONTECESO
Aras de Cores: Votivas. Trátase de dúas aras, unha en honra dun Genius Castelli, e a outra a Xúpiter.
 

PONTECESURES
Ara (Requeixo): Aos Lares Viais. Atopada no ano 1918 cando a demolición da capela de San Xián de Requeixo. Ata o ano 1931 exhibiuse nas ruínas de San Domingos de Pontevedra. Adicada aos Lares Viais. Desaparecida.
 

AS PONTES DE GARCÍA RODRÍGUEZ
Ara de Portorroibo: Atopada no ano 1963 na ermida de Santa Olaia, hoxe en día desaparecida. Foi cristianizada, practicándolle un loculus cuadrangular para introducir reliquias. Singular porque está dedicada a todos os deuses e deusas. 
Ara de Somede: Estaba apoiada nun muro do cemiterio, na actualiade está no interior da igrexa. De feitura sinxela, pertence ao grupo de aras galaico-romanas coa traseira sen traballar e carente de base xa que estaba concibida para fincar no chan.
 
 

PORQUEIRA
Ara (Nocelo-Sobreganade): Adicada a Ariounis Mincosegaeigis. Actuaba como pé de altar da ermida de San Tomé de Nocelo. A cara superior foi cortada para recibir o altar acatual, unha pedra cadrada que contén as reliquias cristiás.
 

PORTO DO SON
Ara de Montemuíño (Baroña): Foi atopada preto da igrexa parroquial no ano 1889. Do século II d.C. Dedicada a Diana Venatrix.
Ara da Atalaia: Atopada na capela da Atalaia. Formaba parte das escaleiras.
Lápida de Queiruga: Funeraria. Adicada a Rufinus Seiliensis polos seus pais. Feita en mármore, está datada no século II d.C. Foi localizada no ano 1750 na praia da Seira e actuou como pé de altar ata o ano 1822 en que, por non estar consagrada, foi mandada retirar polo bispo.
 
 

RAIRIZ DE VEIGA
Ara (Rairiz de Veiga): O foculus rectangular foi agrandado no ano 1957 para utilizarse como pía de auga bendita. Dedicada a Bandua Veigabraego.
 

RIÓS
Estela de Riós: Atopada ao realizar unhas obras na casa reitoral. Actuaba como lintel dunha porta interior. Dedicada aos deuses Manes. Datada no século III d.C.
Epígrafe de Progo: Pode tratarse dunha ara romana. Apareceu con motivo da restauración do retábulo da igrexa. 
 
 

ROIS
Aras de Erbogo: Na igrexa parroquial. Foron reaproveitadas nos muros. Unha está dedicada ao deus Erbieco. A outra foi partida e só se le en parte.
 

O ROSAL
Ara (Marzán-O Rosal): Apareceu na capela do San Vicenzo xunto co outros restos romanos. Servía de apoio á pía. Adicada a Mercurio.
 

A RÚA
Lápida da Rúa Vella: Cuarzosa, adicada a Lucio Pompeio Reburro Fabro. Apareceu preto da ponte da Cigarrosa. No ano 1680 colocáronna no altar maior da igrexa parroquial, e anos despois colocáronna no muro dunha casa.
 

SADA
Ara (Meirás): Adicada a Cosus Udaviniago. Foi atopada no adro da igrexa de San Martiño.
 

SAN CIBRÁN DAS VIÑAS
Miliario (San Cibrán): Do século III, descuberto no ano 1972 no interior da capela románica do Santo Cristo. Dedicado ao emperador Marco Aurelio Carino.
Miliario (San Cibrán): Atopado na ermida de San Xoán. Adicado a Constancio.
 
 

SANTIAGO DE COMPOSTELA
Ara de San Paio: Funeraria. Atópase no altar maior do mosteiro de San Paio de Antealtares.
Inscrición (Santiago): A Xúpiter. Atopada sobre un dos piares do cruceiro sur cando as escavacións na catedral de mediados dos anos cincoenta do pasado século. Adicada a Xúpiter. 
 

SARREAUS
Ara de Codosedo: Descuberta preto da igrexa de Codosedo por Barros Silvelo quen enviou un debuxo á Real Academia de la Histora de Madrid no ano 1860.
Ara de Vilariño (Vilariño-Paradiña): Adicada ao Lar Ocaelaego. Foi atopada no ano 1988 cando unhas obras na capela do Santo Estevo. Esta ara, xunto con outra destruída e de menores proporcións, estaba incrustada na mesa do altar.
Lápida honorífica (Nocelo da Pena). Prancha rectangular de granito que estaba na capela de San Pedro. No ano 1835 foi trasladada para a igrexa parroquial.
Relevo de Nocelo da Pena: Trátase dunha estela bifronte descuberta no século XVIII que se atopaba na ermida de San Pedro.
 
 
 

O SAVIÑAO
Relevo de Licín: Peza de mármore, posiblemente do Incio, con decoración en baixo relevo de posible adscrición altoimperial. A peza atópase nun esquinal da cabeceira da igrexa. Pola decoración, semella que puido pertencer a un mausoleo ou templo paleocristiano.
Ara de Mourelos: Apareceu nos cimentos da igrexa vella de San Xulián cando foi levantada para o seu traslado ao lugar actual. Pola última liña da incompleta inscrición podería conter unha fórmula funeraria.
 

SILLEDA
Ara (A Graba): Aos Lares Viais. Foi reutilizada como material de construción na ábsida da ermida de Santa Mariña.
 

SOBER
Ara de Quintas (Liñarán): Na actualidade forma parte da basa dunha columna, quizais tamén de orixe romana, situada no peche de blques de cemento do adro da igrexa parroquial. Aparece en posición invertida.
 

TABOADA
Columna (San Martiño do Mato): Utilizada como pía de auga bendita na igrexa parroquial.

TORDOIA
Aras (Grogullos): Dúas aras que sosteñen a pedra do altar de Santaia de Gorgullos. Adicadas posiblemente aos Lares Viais.
 

TRASMIRAS
Ara (O Seixo-Abavides): Estaba no muro do adro da igrexa parroquial. Na actualidade atópase nunha rúa preto do templo. O texto epigráfico está moi desgastado.
 

TUI
Rebordáns: A igrexa de San Bartolomeu de Rebordáns levantouse sobre unha necrópole romano-sueva. Aquí atopouse unha estela figurada datada entre os séculos IV e V d.C.
 

VALGA
Ara de Martores: Atópase na capela. Adicada a Mercurio.  
A Igrexa Vella (Balleas-Cordeiro): Nas escavación localizouse unha epígrafe tardorromana reutilizada na fachada da igrexa.
 

VEREA
Ara (Portela): Trátase da parte superior dunha ara con focus e cornixa atopada no ano 2000 debaixo do altar da igrexa parroquial de Santa Olaia. Non conserva restos de inscrición.
 

VERÍN
Ara (Verín): Na capela da Misericordia. Na actualidade atópase detrás dunha casa a carón da igrexa da Mercé.
 

VILALBA
Ara (Alba): Atopada cando se reconstruíu a igrexa. Adicada aos deuses Manes. Desaparecida.

VILAMARÍN
Ara (León): Actúa como soporte do altar da igrexa parroquial. Adicada aos Lares.
Ara (San Pedro-Reádegos): Apareceu na ermida de San Pedro, reedificada no 1680, situada entre os castros da Ría e Santa Ádega. Sostiña unha mesa lateral do altar. Cortada na parte superior. Dedicada aos Lares Viais.
Miliarios (Orbán): Un, anepígrafo, sostén a pedra do altar da igrexa. O segundo, tamén sen inscrición, apareceu no patio da reitoral. Ao parecer tiveron reliquias.
Miliario (Río): Pegado ao muro que dá acceso á igrexa parroquial. Moi alterado.
 
 

VILAR DE SANTOS
Ara (Laioso-Parada de Outeiro): Situada xunto a porta de acceso á capela do San Xoán. Adicada a Xúpiter.
 

VILARDEVÓS
Ermida de Nosa Señora de Portas Abertas: Conserva unha inscrición funeraria sobre lousa datada no século II d.C., e un fragmento de columna que foi policromada e reutilizada como apoio dunha pía de auga bendita.
Ara (Formigueiro-Vilardevós): Adicada a Reva Reumiraego. Fai de pedra de altar na capela do San Roque.
 

VIMIANZO
Estela de Tines: Antropomorfa, considérase como unha das primeiras evidencias cristiás de Galicia. Apareceu nunha necrópole de sepulcros cubertos con laudes de estola e outras máis sinxelas. Monteagudo opina que se trata dunha peza datada na segunda metade do século IV d.C. Figura gravada a fórmula "IN PACE".
 

XINZO DE LIMIA
Mosteiro de Ribeira: Ara a Reva Laraucus. Frei Martiño Sarmiento fala dunhas lápidas romanas adicadas a individuos da tribo Quirina cando visitou o desaparecido mosteiro de Santa María do que aínda non se coñece a súa situación exacta. Frei Martiño tamén fala dunha dedicatoria que viu no ano 1755 nunha esquina da portada da igrexa e que debeu desaparecer cando as obras realizadas no 1770.
Ara (San Pedro de Laroá): Adicada a Xúpiter. Situada xunto o muro da igrexa de San Pedro. A epígrafe atópase moi desgastada.
Ara (Seoane de Oleiros):  Votiva. Serve de soporte á pía de auga bendita. Nun muro da igrexa hai unha inscrición moi desgastada.
Estela bifronte (Nocelo da Pena): Aparecida no século XVIII nunha das paredes da desaparecida ermida do Monte do Viso. No ano 1835 foi trasladada para o adro da igrexa para servir de base dun cruceiro ata que foi redescuberta por Barros Silvelo e trasladada para o Museo Provincial de Ourense. Nunha das caras presenta as imaxes en busto de tres persoas; na outra unha escea ritual de libación.
  
  
 

ZAS
Ara (Brandomil): Reutilizada nunha esquina do muro do adro da igrexa parroquial.
Ara (Brandomil): Reutilizada como pé dunha pía de auga bendita no adro da igrexa parroquial.
Ara (Brandomil): Aos Lares Viais. Atopada no ano 1885. Foi reutilizada como material de construción na casa reitoral.
 

onosopatrimonio
Cando as aras dixeron amén
Xabier Moure