* Castelo de Torés: pasado o día, pasada a romaría

No mes de agosto de 2014, a Casa de Medinaceli elixiu Torés para celebrar a primeira comunión dunha nena da familia, acto que moitos aplaudiron porque o evento amosábase como unha oportunidade para promocionar turisticamente o conxunto monumental que forman a igrexa renacentista e o castelo medieval. Previamente, o Concello, por medio dun obradoiro de emprego subvencionado pola Xunta de Galicia, procedeu a limpar a maleza que cubría os restos da torre duns 18 metros de alto e da muralla que a semicircunda cuxas pedras foron reaproveitadas polos veciños noutras construcións. 

 

As noticias publicadas en días posteriores levaban ao convencemento de que o Concello xa dispoñía dun plan para consolidar as estruturas da arruinada fortaleza. E por que o Concello e non os Medinaceli? A comezos do ano 1989, representantes do Concello e o duque de Segorbe, fillo da marquesa de Medinaceli, iniciaron as conversas para conservar o castelo. Pero non foi ata o ano 2013 cando a casa de Medinaceli, a propietaria, cedeu por 25 anos o seu uso ao Concello que se comprometeu a consolidar, restaurar e facer visitable ao turismo este Ben de Interese Cultural.

 

O conxunto fortificado sitúase nunha pequena elevación que domina o val de Torés, fronte da igrexa parroquial e non moi lonxe dun castro da Idade do Ferro. Data do século XV, se ben hai autores que sitúan a súa orixe a mediados do século VIII. Segundo a lenda foi mandado construír pola lendaria raíña Lupa, como tótem, logo de se converter ao cristianismo, aos touros (de aí o topónimo do pobo) que tiraban do carro onde os discípulos transportaban o corpo do Apóstolo Santiago. A fortaleza vai unida á historia dos Ribadeneira e dos Bolaño. Conta Felipe de la Gándara na súa obra Armas y Triunfos de Galicia que cando o sitio da cidade de Lugo polas tropas de Almanzor alá polo ano 997, Diego de Ribadeneira, señor de Torés, arroxou dende unha das ameas aos sitiadores unha bola de pan e un año para demostrarlles que tiñan comida abondo para aguantar o tempo que fixera falta, argucia que enganou aos árabes que optaron por marchar; de aí viría, supostamente, a orixe do apelido Bolaño (bola máis año). Di Vázquez Seijas que da defensa que Diego Bolaño fixo da igrexa e cidade de Lugo hai constancia en moitas bulas e concesións de grazas con que os pontífices honraron a el e a súa casa de Torés, entre outras unha de Constantino I datada o 15 de decembro do 714, e confirmada polos papas Gregorio II e Gregorio III. Como se pode apreciar, as datas proporcionadas polos distintos autores son contraditorias, as grazas outorgadas polos papas son significativamente anteriores ao suposto ano da fazaña de Diego Bolaño.

 

A mediados do mes de febreiro de 2017, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares achegámonos ata o castelo, comprobando que o seu estado de conservación, lonxe da cacarexada consolidación, empeorou de forma alarmante.

 

A torre de planta cadrada perdeu todos os andares hai anos, quedando totalmente baleira no interior, así como a parte superior que estaba coroada por ameas. Algunhas pedras desta zona ameada desprendéronse recentemente. Todas as caras exteriores da torre presentan máis que preocupantes gretas, algunhas, como as das caras sur e oeste agrandáronse. As pedras dunha ventá da cara sur tamén están a desprenderse. O interior presenta varias gretas. Ademais do anterior, as grosas raíces da maleza que cubría a estrutura están a actuar sobre as pedras, aumentando a súa inestabilidade. A matogueira inza as arruinadas murallas.

 

Para minorar a desfeita, o día 23 de febreiro presentamos un escrito no Concello das Nogais para que, sen demora, se tomen as medidas necesarias para consolidar, baixo control arqueolóxico, as danadas estruturas. Tamén lle propoñemos que, posteriormente, acometa as obras de restauración precisas para valorizar o castelo que, xunto co de Doiras, Doncos e A Pobra de Navia, é un dos máis importantes da comarca e de Galicia, tanto polo seu valor arquitectónico como histórico. Ademais, ese foi o compromiso que adquiriu o alcalde cando o Concello se fixo cargo da fortaleza, como propietario, aínda que sexa temporal, ten a obriga de cumprir o disposto pola Lei do Patrimonio Cultural de Galicia publicada no mes de maio de 2016, entre outros, o seu artigo 3: “As entidades que integran a Administración local, en relación cos bens do patrimonio cultural de Galicia que se localicen no seu ámbito territorial, teñen as obrigas de protexer, difundir e fomentar o seu valor cultural, adoptando, en casos de emerxencia, as medidas cautelares necesarias para salvagardar os bens que visen a súa integridade ou valor ameazados”, debendo comunicarlle á Xunta de Galicia “calquera ameaza, perturbación ou dano do valor cultural que tales bens sufran”.

 

Descoñecemos se o Concello ten dado algún paso para acometer as obras de consolidación e restauración e se conta cun presuposto destinado para este fin. De non ser así animámolo a que solicite a axuda doutras administracións públicas para evitar o seu derrube. Tampouco nos esquecemos dos propietarios, a Casa de Medinaceli, que durante lustros nada fixeron por conservar esta súa propiedade que despois de transcorridos uns poucos anos volverá ás súas mans.

 

Non queremos ser mal pensados, pero dános a impresión de que se o Concello se preocupou en limpar a torre foi unicamente para satisfacer os desexos dos Medinaceli, para que a primeira comunión da cativa da familia non resultase deslucida por unhas pedras comidas pola hedra. E xa se sabe: "Pasado o día, pasada a romaría".

 
 

Perdón, esquecíamonos. Non todo na contorna do castelo se atopa en mal estado. Trátase dunha prancha dedicada pola Casa de Medinaceli aos desveos do alcalde pola "restauración"  da fortaleza.

 

(O escrito tamén llo enviamos aos partidos políticos con representación no Concello das Nogais. Por outra parte, preguntámoslle ao Concello se coñecen en que estado se atopa a solicitude para facerse coa Torre de Doncos que, a día de hoxe, continúa sen dono).