CASTELOS DE GALICIA (PROVINCIA DE LUGO)


 
CASTELOS E TORRES DA PROVINCIA DE LUGO
 
ABADÍN 
Castelo de Castromaior (Castromaior): Promontorio rochoso onde se observan algúns restos dunha fortaleza. Gravado sobre unha rocha hai un taboleiro de xogos de "Alquerque de tres". Erradamente tíñao localizado en Romariz, a corrección débolla a Manuel Rivas Cortiñas. Declarado BIC. 
Castelo de Portela ou Castelo Grande: Citado no tomo XVIII da España Sagrada de Flórez e Risco onde di que a súa posesión foi moi disputada entre os condes de Montenegro, o rei e os bispos de Mondoñedo. Villamil y Castro di que foi doado por Fernando II ao bispo de Mondoñedo Juan no ano 1170, mandándolle que o construíse de novo polo que xa debía haber outro anterior. No 1178, o rei ordenoulle que o destruíra, prohibíndolle volver a restauralo, a non ser que fora polo príncipe ou o bispo pero coa súa licenza. Debeu reconstruírse de novo no 1202. Hai quen sitúa aquí un altar de sacrificios prehistórico, disque celta. 
Pazo e torre de Escourido.
A Torre: Topónimo. Lugares das parroquias de Abadín, Abeledo e Corvite.
 

ALFOZ 
Torre de Adelán (A Igrexa-Adelán): Trátase dun edificio de planta cadrada cunha torre acaroada de base cadrada. Consérvase un escudo. 
Fortaleza de Castro de Ouro: Século XV, aínda que existen referencias de que xa existía no século XI cando foi visitada por Afonso IX. Pertenceu primeiro á Mitra mindoniense que mantivo longos preitos cos veciños. O castelo foi construído sobre un antigo castro. Cando estaba en mans de Pardo de Cela, foi derruída por orde de Fendando de Acuña, gobernador de Galicia. Na actualidade consérvase a Torre da Homenaxe, restos de parte dos muros con seteiras, foxos e unha capela posta baixo a advocación do Salvador. Cando a reconstrución da torre no século XX ampliouse a porta de entrada e engadíronselle novas xanelas que alteraron significativamente a vella construción. Aquí foi apreixado o Mariscal Pardo de Cela o día 7 de decembro de 1483, logo de fuxir da Frouxeira. A torre, ameada, é cúbica con tres andares. Ata o 1990 acolleu o Concello e o Xulgado. Na actualidade funciona como punto de información turística e sala de exposicións. 
Torre de Vilaronte ou de Mañente (Mañente-Vilaronte): Levantouse a finais do século XV por Álvaro Fernández de Mañente. Nos séculos XVII e XVIII pertenceu aos Quiroga, Lemos, Lanzós, Ulloa e Miranda. Segundo recolle Vázquez Seijas (1967), sufriu moitas modificacións, case todas desafortunadas, ata o extremo de aparecer o corpo da torre formando parte de varias casas conxuntas de labor (o que dá idea da extensión da fortaleza). Conta que alí se facían as operacións de arrendamentos, foros e cobros de rendas, onde ao dar por rematadas aquelas adoitaban xuntarse os pagadores cos servidores da casa e varios veciños para xogar ás cartas. En certa ocasión acudiu unha persoa descoñecida que tamén participou no xogo, gañando a maioría das veces; á mañá seguinte, nun camiño próximo, atoparon o corpo sen vida do home, no sitio coñecido como "Cruz das Pagas", no centro dunha encrucillada de camiños. 
Torre de Vilaúde (San Pedro de Mor): Non quedan restos. Descoñécese a data da fundación e cando foi derrubada, aínda que se cre que foi destruída polos Irmandiños. En dúas casas da aldea poden verse unhas pedras armeiras que quizais proveñan da desaparecida torre; nunha aparece a seguinte inscrición: "Do rei Bamba e sobriños descende esta casa por vía recta e camiños", e na outra: "Armas dos Moredas Ribadeneiras e Aguiares". 
 

ANTAS DE ULLA 
Castelo do Castro de Amarante: Hoxe en día reconvertido en pazo. Séculos XIII-XVII. Construído sobre un antigo poboado castrexo, do antigo recinto consérvase unha planta oval que ben puido ser a torre da fortaleza atacada polos Irmandiños no século XV. Despois da Guerra Civil converteuse en cuartel da garda civil. Nos anos sesenta do pasado século foi adquirido por un veciño, Manuel Rojo, que máis tarde llo vendeu á condesa de Fenosa que ao falecer llo deixou a unha sobriña. No mes de febreiro do ano 2013, a choiva provocou o derrube de parte da muralla. Segundo a lenda, existe un pasadizo que o comunicaba co monte Farelo. 
Torre Nova: Vinculada á casa de Amarante, foi fundada no século XIII. Quedan algunhas pedras que poderían formar parte da cimentación.
Torre de Santa Mariña do Castro de Amarante: Forma parte dun pazo. Conta Vázquez Seijas que hai constancia dunha edificación primitiva que estivo arrodeada por unha rexa muralla con ameas e unha alta torre de tres plantas e que, segundo a lenda, mandou o rei derrubar sete fileiras de pedras para que non fose tan alta como a súa. Na freguesía tamén exercía señorío o conde de Monterrei polo que en varias ocasións tiveron lugar contendas e desputas entre os vasalos de ambos condes. Segundo a tradición, para ser vasalo dun ou doutro bastaba dicir: "Fago lume pro conde de Amarante" ou "Fago lume pro conde de Monterrei". Como primeiro dono desta casa aparece Gómez Vázquez de Vilasante, o Vello, señor da torre de Vilasante. Descoñécese cando foi derruída a torre. Parece ser que os sucesivos donos realizaron varias modificacións mentres ocuparon o edificio e que no século XVII Xoán Vicente Taboada fixo, entre outras reformas, un oratorio dentro da casa. Conta Taboada Roca que no ano 1823 os constitucionais, para vingarse dunha derrota que sufriron en Santa Mariña en loita cos realistas, asaltaron o pazo causando grandes destrozos. 
Torre Vella: Vencellada ao castelo de Amarante, erguíase no monte Farelo. Só quedan unhas poucas pedras. Sengundo a lenda, estaba conectada co castelo de Amarante.
Torre de Vilasante: Aínda que a Xunta de Galicia tenna catalogada como BIC, non existen restos arqueolóxicos, nin escritos nin orais que proben a súa existencia. 
   
 

BALEIRA 
A Pena dos Mouros: Posible castelo roqueiro. Atópase a 652 metros de altitude, sobre o río Eo e o regueiro do Castelo, entre as parroquias de Fonteo e Cubilledo. Tentámolo, pero a mestísima e alta maleza impediunos chegar ata o sitio. De todos os xeitos, grazas a amabilidade dunha muller e dous homes da aldea do Castro de Cubilledo puidemos saber cousas que descoñeciamos (tamén nos contaron interesantísimas historias sobre o castro e a ermida posta baixo o padroado da Virxe dos Remedios que se atopa no mesmo asentamento). Sabiamos que o sitio está asociado a varias lendas, como a de que hai unha cova chea de ouro (“que ninguén atopou”), que despois en forma de túnel continúa ata o regueiro do Castelo que é por onde os mouros baixaban os cabalos a beber. Pero o que descoñeciamos é que A Pena dos Mouros tamén recibe o nome de PENA DAS VERZAS. O motivo?, preguntamos. De nenos (na actualidade teñen máis de 80 anos) levaban ata alí as cabras e as ovellas, que ían encantadas porque no sitio podían comer unha planta que lles sabía a gloria: verzas! Pero, eiquí, na aldea, non plantan verzas?, interrogamos de novo. Si, pero non son como as da Pena dos Mouros, aquelas son como verzas, pero máis pequenas que nacen entre as pedras. E hai máis, continuaron (“e isto non é conto”), as cabras e as ovellas, por moito que coman nelas, aos dous días xa volven estar cheas! Así que, cando consigamos subir, non iremos polo ouro dos mouros, senón polas curiosas verzas (falamos moi en serio). Recibimos a información o día 10 de agosto de 2023. 
Torre do Castelo (Surriba-Córneas): A 690 metros de altitude. Se existiu algunh tipo de fortificación non se conservan restos, se ben é certo que o lugar foi totalmente alterado polos labores agrícolas. Consérvase o topónimo. 
Torre do castro de Baleira: Dise que a torre levantouse no lugar do Castro, parroquia de Cubilledo, onde antigamente houbo un asentamento castrexo. O escribán Diego de Santalla di que Acuña derrubou o castelo de Baleira, de Pedro Bolaño.
 
  
BARALLA 
Todo sobre as torres e castelos na comarca dos Ancares no blog do Colectivo Patrimonio dos Ancares:   

BARREIROS 
Torre de Benquerencia: Se existiu non se conservan restos. Dise que foi destruída polos Irmandiños e que pertenceu primeiro ao conde de Lemos e despois ao de Altamira.
Torre de Cabarcos: En San Xulián de Cabarcos había unta torre que, segundo a Historia Sagrada do P. Flórez, aparece citada no ano 755 nunha doazón do rei Silo.
Torre de Reinante: Existe o lugar de A Torre pero non existe tradición da existencia dunha fortaleza.
 
BECERREÁ 
Todo sobre as torres e castelos na comarca dos Ancares no blog do Colectivo Patrimonio dos Ancares:   
http://arqueoloxiadosancares.blogspot.com/2011/01/castelos-e-torres-da-comarca-dos-ancares.html  

BEGONTE 
Torre de Baamonde: Levantábase non moi lonxe da igrexa románica. Dise que foi atacada polos Irmandiños. Pedro Arias de Vaamonde ou Baamonde, deán da catedral de Ourense e logo bispo de Mondoñedo, fixo partillas coa súa sobriña dona Maior, entre os bens incluía, entre outros, a metade da casa-torre de Baamonde. Por sentencia do ano 1427, don Pedro tomou posesión da súa parte.
Torre de Caramasa ou Camarasa: Pertenceu aos condes de Amarante. Destruída por un incendio. Vázquez Seijas cre que se trata dunha das fortalezas máis antigas da provincia de Lugo xa que existía nos primeiros tempos da Reconquista.
Torre de Saavedra (Begonte): Século XIV. Construída no ano 1322, foi derrubada polos Irmandiños. Só quedan algunhas pedras da desaparecida torre xunto o cemiterio e a ermida de Saavedra. 
Torre de Virís: Coñecida tamén como do Casete ou casa de Pimentel. Da antiga torre medieval só queda unha arruinada casa de labranza construída en cachotaría de granito e cadeirado nas esquinas na que sobresaen os dous escudos da fachada, un cunha torre coroada cunha fouce, catro barros e catro peixes dos Gaioso, axedrezado dos Ulloa; o outro presenta as armas dos Ribadeneira e dos Saavedra, Pardo e Lousada. Foi fundada por Ares, conde de Monterroso, e Pedro Ares da Barreira, conde de Parga. Pertenceu a varias familias, entre outras as dos Montenegro e Lemos.
A Torre: Topónimo. Lugares das parroquias de Illán e Trobo.

 

 

BÓVEDA 
Casa-torre de Eimer (San Fiz de Rubián): Ata entrado o século XVII pertenceu aos López de Castragude (O Incio). Posuía unha torre, hoxe en dia desaparecida. Conserva unha pedra armeira na fachada. 
Casa-torre de Ver: Nalgún documento do século XVIII aparece como castelo, mais na maioría como casa-torre. Foi fundada polos Camba, reedificándose no ano 1761 tal como figura nunha inscrición que hai na fachada.
 

BURELA 
Casa-torre de Burela: Segundo Vázquez Seijas (1967), a casa-torre estivo situada no burgo de Burela de Cabo, sendo demolida a finais do século XIX ou comezos do XX. No ano 1925, ao levantar os seus cimentos, atopáronse varias moedas bastante antigas. A pedra armeira que brasonaba a cassa-torre conservábase no ano 1950 na parede dunha casa propiedade de Eduardo Domínguez. Un dos primeiros donos foi Pedro Quiroga.      

CARBALLEDO 
Casa-torre de Cartelos: Pertenceu aos Temes. Exercía xurisdición civil e criminal no couto do seu nome, con cárcere e calabozo. Xunto o portalón de entrada quedan restos dun dos torreóns de planta semicircular que foi reaproveitado como forno. Na fronte da parte alta da casa hai dúas pedras armeiras dos Ribadeneira, Taboada, Temes (unha Tau), os Salgado e os Aguiar. A casa-torre sufriu varias reformas, nunha das cales perdeu o corpo da torre. Conta Vázquez Seijas que no arquivo da casa gardábanse numerosos e interesantes documentos, entre outros o testamento do ano 1333 outorgado por Vasco Pérez de Temes no que manda "enterrar a sua carne no mosteyro de Santyago de Lousada e encomedarlle a alma".
Castelo do Monte Graúllo ou Garabullo: Situábase no lugar coñecido na actualidade como Penedo do Castelo ou Penedo do Castro, entre Erbedeiro e Airoá, na marxe esquerda do río Fondós. Citado en documentos medievais como Graulio (986). Segundo as testemuñas do preito Tabera-Fonseca, pertenceu ao conde de Lemos, sendo derrocado durante a Revolta Irmandiña polos irmandiños de Chantada e Camba.  
Castelo de Milleirós: Vázquez Seijas di que no ano 1967 só quedaban ruínas. Segundo o Madoz, a igrexa de San Xoán de Milleirós era anexa de San Cristovo de Lobelle, que tiña "un antiguo castillo o fortaleza, llamada de Melleirós". No ano 1488 era dono Xoán Milleirós, que outorgara testamento verbal, segundo testemuña de Afonso de Moure, e entre as cláusulas que contiña figuraba unha, redactada en galego: "Eu mando mais a meu fillo Estevo Rodríguez, a miña pousa de Milleirós do Reguengo, e outros bes, que se parten mixtamente...". No ano 1743 figura como titular Carlos Manuel Suárez de Deza, alguacil maior da Inquisición. As pedras do castelo foron reaproveitadas a mediados do século XX para construír a casa do irmán do cura de Vilaquinte. 
Castelo de Temes: Segundo a tradición, a igrexa de Santa María asenta sobre un xacemento castrexo e sobre unha torre medieval. No lugar apareceron restos tardorromanos. Dise que foi destruído polos Irmandiños. 
Torre de Buciños (A Torre-Buciños): Sábese que no ano 1905 xa estaba totalmente arruinada. Pertenceu aos Reinoso. Nunha casa do lugar consérvase un escudo con cinco lobos e un castelo.    
Torre da Grixoá (Chouzán): Orixe na Baixa Idade Media. Da antiga casa forte consérvase unha torre de planta cadrada cuberta a catro augas. Rehabilitada como vivenda. Declarada BIC. 
Torre de San Román (Campos): Formaba parte dunha casa defensiva. Crese que foi destruída polos Irmandiños. Apenas quedan restos o que non impide que estea catalogada como BIC.
A Torre: Topónimo. Lugares das parroquias de Buciños e Vilaquinte.
 

 

CASTRO DE REI
Casa Torre de Balmonte: Século XVI. Foi mandada construír por Pedro de Saavedra. Aínda que moi modificada, conserva parte do pazo, en deficiente estado de conservación e abandonado, cun amplo corredor montado en columnas de pedra e escalinata de acceso na fachada principal. Na parte posterior, entre dúas ventás, hai unha pedra armeira dos Ribadeneira. Segundo conta Vázquez Seijas, a parte onde estaba a torre foi derrubada a principios do século XX. 
Casa Torre de Bendia: Segundo Vázquez Seijas, houbo unha casa-torre no lugar de Vilariño que foi residencia de José Cornide. Consérvase un pazo cun escudo cuartelado na fachada.  
Casa Torre de Vingolea (Ramil): Coñecida tamén como casa de Teixoeiras, edificada sobre un pequeno outeiro. Conta Vázquez Seijas que o apelido Vingolea é de orixe vasca e que sería a un membro desta familia a quen o rei lle concedería en premio polos seus servizos as terras e torre de Teixoeiras. Ao longo do tempo o pazo sufriu varias reparacións, acomodándoo ás necesidades dunha casa de labranza. Ao parecer, a torre quedaba no lado sur do edificio do que se perderon as pedras labradas con inscricións latinas que foron utilizadas como ornamento das tumbas do cemiterio de Hermunde, en Pol; só unha coa cruz de malta aparece na parte superior da porta que dá acceso á corte do gando. Cóntase que os Vingolea disfrutaban de varias prerrogativas, entre elas a de que por Nadal os veciños lles entregaban como tributo un año e un toro de carballo, e das colleitas un quinto; no reparto das terras comunais, os primeiros en elixir eran os Vingolea, e pola festa do Corpus ían á igrexa de Ramil baixo palio. 
Castelo de Castro de Rei: Pola aparición de muíños de man e outros restos, crese que foi edificado sobre un antigo castro. Sábese que tiña unha torre de catorce metros de alto. Pertenceu aos condes de Lemos. Conta Amor Meilán que no ano 1396, Fernán Pérez de Andrade facía doazón ao bispo de Mondoñedo, por escritura asinada en Pontedeume, dos casares de Viladonga. Máis tarde o conde de Lemos daba ao seu primo Galeor Osorio a vila de Castro de Rei, en calidade de feudo, a fin de que casase con Constanza Pardo, filla do mariscal Pardo de Cela. Vasco de Aponte di que no século XV, Gutierre de Quesada foi señor de Castro de Rei, nomeado por Gómez Pérez das Mariñas. No 1501 Isabel a Católica concedeu ao conde Rodrigo Enriquez Osorio os privilexios das rendas e dereitos e varias vilas da provincia, entre elas Castro de Rei. Sábese que no 1737 o castelo aínda estaba habitado. Das murallas non fican restos, toda a contorna foi explanada para convertelas en terreos adicados a vivendas e fincas de labranza. Da fortaleza xa non se fala no 1914 cando a visitou o arqueólogo Ángel del Castillo, mais si da torre que se atopaba en mal estado. Na fachada principal da torre había unha pedra armeira coa letra T dos Castroxeriz e os seis roeis dos Castro. Foi atacado polos Irmandiños. Derrubado no ano 1941. 
Torre de Castrillón (Castrillón-Ribeiras de Lea): Disque estaba situada nun outeiro coñecido como Castrillón da Farola. Se existiu, non fican restos.   
Torre de Seivane (A Torre-Castro de Ribeiras de Lea): Baluarte defensivo que formaba parte do pazo de Seivane, documentado a partir do ano 1552. Só se conserva unha pedra armeira do século XVI nunha vivenda que hai no lugar (Casa de Seivane da Torre) o resto das pedras foron reaproveitadas noutras construcións a finais do século XIX. Declarada BIC. No catálogo da Xunta figura como Castelo de Leivane.  
Murallas de Coca: Non son poucos os autores que sitúan en Castro de Rei a orixe do emperador romano Teodosio o Grande, baseándose sobre todo no Chronicon de Idacio que di: "Theodosius natione Hispanus, de provincia Gallaeciae, civitate Cauca, a Gratiano augustus appellatur". Benito Vicetto, na súa Historia de Galicia, fala de San Salvador de Coca (actual San Salvador de Coea) a catro leguas de Lugo, concello de Castro de Rei, dicindo que o pai do emperador estivera como legado en Lugo e que adquirira posesións na Terra Chá, engadindo que ten máis en consideración a tradición e o texto de Idacio que as opinións dos escritores foráneos que se inclinan por situar a cidade de Cauca na Coca de Segovia. Vázquez Seijas argumenta que os que sitúan o nacemento de Teodosio na Cauca segoviana só se basean na coincidencia do nome, mais ignorando que na provincia de Lugo, ademais de San Salvador de Coca, en Castro de Rei, están a Coea de Navia de Suarna e de Vilalba, cuxos nomes foron alterados por erro na transcrición de antigos manuscritos, tomando o c por e, pasando logo ao nomenclátor como Coea no canto de Coca. 
A Torre: Topónimo. Lugares das parroquias de Balmonte, Duancos e Riberias de Lea.
 

 

CASTROVERDE 
Casa-torre de Soutomerille: Descoñécese a data da súa fundación. Moi mutilada, consérvanse algúns restos das primitivas dependenzas, entre elas a porta de entrada á torre de arco de medio punto. Nunha fachada vense unhas seteiras.     
Castelo de Castroverde: Séculos XIII-XV. Construído sobre un antigo castro. Foi propiedade dos Castro, e logo dos Moscoso, Conde de Altamira, e mais tarde a veciños de Castroverde. Queda en pé a Torre da Homenaxe, de 20 m de altura e cinco andares. No seu lenzo sur salienta unha ventá con lintel semicircular adornado coa figura dun gaiteiro; na cara norte hai unha pedra armeira dos Castro. Poden verse algúns restos das antigas murallas. 
Torre de Arriba (Soutomerille): Vivenda de tres alturas reedificada no ano 1590, con vestixios de fortaleza e orixe descoñecida. Conserva parte da fachada principal construída en cachotaría e cadeirado de granito no cercado dos ocos. A torre é a parte máis antiga que se conserva. 
Torre de Abaixo (Soutomerille): Abandonada, atópase en ruínas. Situada xunto a prerrománica e tamén abandonada igrexa de San Salvador de Soutomerille. 
Torre de Bascuas ou do Pereiro (Montecubeiro): Asentaba nun promontorio rochoso. Primeiro foi dos Castro e logo dos Altamira. 
Torre e pazo de Cellán.    
Torre de Sobreda (Barredo): No lugar coñecido como O Pingueiro, nun afloramento granítico, consérvanse restos da desaparecida torre baixomedieval cuxas pedras foron reaproveitadas noutras construcións do pobo. Aínda existe o lugar onde se emprazaba a forca. 
A Torre (Pena): Segundo Vázquez Seijas, o señorío do Coto da Pena exercérono os Saavedra, con documentación que data do ano 1453, mais ignórase onde estaría a torre. 
Torre de Vilalle.
Castelo: Topónimo. Lugar da parroquia de Montecubeiro.
Souto de Torres: Topónimo. Nome dunha parroquia.
 
  
 

 
 

CERVANTES 
Todo sobre as torres e castelos na comarca dos Ancares no blog do Colectivo Patrimonio dos Ancares:   
http://arqueoloxiadosancares.blogspot.com/2011/01/castelos-e-torres-da-comarca-dos-ancares.html   

CERVO
Castelo de Fontao: Estaba situado preto da desembocadura do río Xunco. Pertenceu ao mariscal Pardo de Cela. Non quedan restos. O condado de Fontao pertenceu a Alfredo Moreno Moscoso, casado con Isabel Falguera e Moscoso de Altamira. No ano 1839 o condado foi obstentado por José María Moscoso de Altamira e Quiroga. No 1921 figuraba como terceiro conde José Moreno e Osorio Moscoso de Altamira e Chacón e a súa muller María Uribe e Garrido. 
Castelo mariño de San Cibrán: Citado por Vázquez Seijas. Sobre os seus restos levantouse unha factoría de salgado de peixe.    
Facho de San Cibrao: Di Vázquez Seijas (1967) que a principios do século XVIII existía en San Cibrao o facho, ao que concorrían a facer garda "tres labregos e un mareante, día e noite" que se turnaban entre as freguesías de San Cibrao, Lieiro, Castelo, Cervo e Sargadelos. En todo o litoral galego abundaban os fachos, torres ou atalaias destinadas á vixilancia da costa para alertar do ataque de forzas inimigas, piratas, etc., construídos en puntos de maior visibilidade. Os avisos facíanse por medio de fogueiras e disparos.
Castelo: Topónimo. Nome dunha parroquia e dunha aldea da parroquia de Lieiro. 
 

CHANTADA 
Casa-forte de Sobrado (Pedrafita): O P. Pardo, no seu libro Excelencias de Santiago, di que á familia dos Sobrado venlle a orixe do conde visigodo Hermenexildo. O edificio sufriu distintas transformacións, sobre todo no que foi o corpo da torre, engadíndoselle unha balconada onde se colocaron dous escudos, cortados e partidos, coas armas dos Varela, Suárez de Deza, Ozores, Somoza, Noguerol e Barbosa, mais non figurando en ningún as dos Sobrado. Na coñecida como Casa do Curral, documentada no século XVI, xunto a igrexa de Pedrafita, nun lintel da porta interior hai unha Tau e unha flor de lis, e debaixo delas a palabra "Sobrado" e a data de 1556, que puideron pertencer á citada torre.
Fortaleza de Chantada: Pouco se sabe sobre esta fortaleza. Dise que foi destruída polos Irmandiños, pero no 1485 volvía estar en pé.
Monte do Castelo (Xillán-Pedrafita): Outeiro rochoso situado a 449 metros de altitude sobre o encoro de Belesar. Na parte superior vese unha zona achairada duns 50 por 35 metros. No ano 2004 un veciño contoume que un home de Lugo atopara varias pezas metálicas, entre elas unha espada de ferro e unha ferradura de cabalo de prata.
Castelo de Muradelle (Paderne-Muradelle): Segundo o Madoz atoparíase nunha altura coñecida como Castelo de Paderne, construído como defensa contra os sarracenos. Amor Meilán, na súa Geografía del Reino de Galicia, di que era unha fortaleza romana. Escribe Vázquez Seijas que foi derrubada polos Irmandiños. Non hai restos. 
Torre de Arcos: Formou parte dun castelo mandado contruír polos Fernández de Temes nos séculos XIII ou XIV. Segundo o P. de la Gándara, no seu Armas y Triunfos, este Temes tiña en Chantada un enterramento coa lenda seguinte: "Aquí jaz Vasco Fernández de Temes, pequeno de corpo, grande de esforzo, bo de rogar, e man de forçar". Logo pasou aos condes de Ribadavia. Cóntase que foi o rei galego Paio quen lla doou ao seu capitán Lupo Cambeiro de Candaz polos servizos prestados na loita contra os árabes. Dise que Teodomiro, o primeiro bispo compostelán, naceu no castelo. Algúns autores afirman tamén que Gonzalo Fernández de Córdoba, O Gran Capitán, descendía dos posesores da fortaleza. Destruída polos Irmandiños no ano 1467. Escribe Vázquez Seijas que se tentou demoler a torre con dinamita para reaproveitar os seus materiais. Atópase en ruínas. Nunha reportaxe de Roi Fernández en La Voz de Galicia do mes de febreiro de 2015, ninguén a lembra coa cima ameada, os sillares foron reutilizados como material de construción, mesmo se utilizou dinamita para arrincar e mover as pedras. Dise que foi un tal Muxicas o responsable, haberá uns 120 anos. Do proceso de deterioración da torre xa se fixera eco no ano 1923 o xornal local El Regionalista.   
Torre de Candaz (Pedrafita): Asulagado polo encoro de Belesar a principios dos anos sesenta do pasado século XX, só se pode ver cando baixan as augas. Situado nunha pequena península delimitada polo río Miño e o seu afluente o regueiro Enviande. Só se podía acceder polo poniente, apreciándose por esta parte varias zonas amesetadas cuxa disposición cumprirían unha funcion a modo de defensa. No resto dos puntos, dada a súa forma cónica e por estar arrodeado de auga, debeu ser case inexpugnable. Aínda que nunca foi escavado, é probable que a súa orixe estea nun castro. Outra cousa é a lenda. Segundo as crónicas da Casa de Camba, foi fundado por un cónsul romano, un tal Lucio, ou Xelión, Cambero que mesmo se enfrontu a dúas lexións romanas mandadas polo propio emperador Traxano. Pero claro, para lexitimar unha ascendencia de avoengo, na Idade Media os nobres inventan as árbores xenealóxicas, entroncándose con persoeiros de sona, míticos ou reais. Ademais do citado Lucio Cambero, dise que outro propietario foi un descendente de aquel, un tal Lupo Cambeiro de Candaz, ao que o rei don Pelaio, pola axuda prestada na guerra contra os árabes, lle deu a torre de Arcos. Ademais dos Camba, tamén foi propiedade dos Taboada, dos Temes, e pode que dos condes de Ribadavia. Entre os séculos IX e XII, os normandos asolan as costas galegas. Pois ben, o mestre Manuel Fornoso Lamas, autor de Apuntes para la historia de Chantada (1905), escribiu que durante a primeira vaga de invasións, os vikingos arrasan Chantada, e os nobres da vila refúxianse no Castro Candaz, custodiados pola familia dos Eiriz ou Erice, ata que son liberados polo rei Ramiro I. Alancando no tempo chegamos á Gran Guerra Irmandiña, entre o 1467 e o 1469, en que o castelo foi destruído, sendo logo reconstruído pola familia Taboada. Non hai moito, alguén con sobrada imaxinación, alcumouno como a "Atlántida Galega". Segundo me contou hai anos un veciño de Mosteiro, na cima había un túnel, tapado na actualidade, que ía dar ao río. O asentamento padeceu numerosas transformacións. Primeiriro construíuse o castro, logo unha fortaleza medieval da que se conservan os posibles restos dunha torre circular, máis adiante unha ermida, testemuñada no ano 1474 (quizais relacionada co priorado de Paracostoira), despois viñeron as plantacións de viñedos e construcións relacionadas con estes, e por último o encoro que modificou e continúa a modificar a súa morfoloxía.
Torre de Pacio (Líncora): Mantivéronse en pé algunhas pedras ata o ano 1905 que se reaproveitaron na construción das casas. Declarada BIC. 
Torre de Pereira: Os últimos restos desapareceron a comezos do século XX. Catalogada como BIC pola Xunta de Galicia. 
Torre de Teixeiro (Pedrigo-Nogueira de Miño): Citada por Vázquez Seijas, nada queda da torre.
Torre de Vilar de Eiriz: Non queda ningún resto, foi derrubada cando fixeron a praza da aldea. Está catalogada como BIC. 
Torre de Vilaúxe: Edificada sobre un outeiro rochoso, foi demolida nos anos cincuenta do século XX; as súas pedras foron utilizadas para o recheo da estrada a Chantada. Na actualidade só se conserva o topónimo. Declarada como BIC.
O Castelo: Topónimo. En Freán (Argozón). En Penasillás (Laxe). En Souto (Nogueira de Miño). 
Suatorre: Topónimo. Lugar da parroquia de Arcos.
A Torre: Topónimo. Lugares das parrroquias de Arcos, Merlán e Vilaúxe.
 

 
O CORGO 
A Torre (Anseán): Vázquez Seijas, no seu Fortalezas de Lugo y su provincia, di que aquí houbo unha torre que foi derrubada polos Irmandiños. No opúsculo do século XV La Guerra Hermandina, do presbítero Xosé Couselo Bouzas, onde relaciona as fortalezas derrubadas polos Irmandiños, cita a torre de Anseán, do marqués de Astorga. Aínda que foi reedificada polos condes de Altamira, co decorrer dos anos volveu a arruinarse. Segundo un documento do ano 1602 acusaron a un tal Bastián López de tirar a torre e levar a pedra, atopando ademais un tesouro que o fixo moi rico. 
Torre de Cerceda: Mandada edificar no ano 1587 polo crego Rodrigo de Páramo. Aínda que Vázquez Seijas sitúa a aldea de Cerceda no concello de Láncara, esta parroquia pertence ao Corgo. Son varios os lugares que se incorporan a esta casa, entre outros o castro de Moscán, no Páramo. No vínculo fundado no ano 1598 polo seu propietario dispoñíase aos sucesores, entre outros, a obriga de que fixesen dicir varias misas para sempre pola súa alma cada día 18 de xaneiro, 2 de xullo, no sábado de Nosa Señora e polo cabodano. Segundo escribiu Vázquez Seijas, a torre e as súas dependenzas estaba adicada a casa de labranza, e sobre a porta principal víase unha pedra armeira en cuxa parte inferior líase: "Rº DE PARAMO FA 1587".  O día 13 de xuño de 2015, cando a visitamos, da torre só queda parte dun lenzo onde se abría a porta principal, e o escudo contáronnos que desapareceu. Nun pazo próximo, restaurado, sobre a entrada situada dentro do pazo e que dá acceso á vivenda hai un escudo que non procede do mesmo, senón que veu doutra parte.
 

COSPEITO 
Casa-torre de Vilaguisada (Xermar): O primeiro dono do que se ten noticia foi Pedro de Miranda, casado con Inés de Parga, a quen sucede o mariscal Álvaro González de Ribadeneira. A casa estaba comprendida nunha xurisdición que posuía o mariscal Pardo de Cela. No século XIX foi vendida a uns caseiros que a dividiron e converteron en casa de labranza, desaparecendo a pedra armeira que había na fachada.    
Castelo da Barreira: Na parroquia de Santa María de Cospeito. Pertenceu aos Ribadeneira. Situado a 480 m de altitude, só se conservan os foxos e contrafoxos do castelo medieval destruído por Fernando de Acuña, gobernador do Reino de Galicia, por mandato dos Reis Católicos. 
Castelo de Caldaloba (Pino): Século XV. Destruída polos Irmandiños, foi reconstruído por Fernán Ares, xenro do decapitado Pardo de Cela, quen, xunto coa súa muller e filla do mariscal, Constanza de Castro, rexeitaron os ataques das tropas dos Reis Católicos ata que podreceu a auga do alxibe. Os reis, despois da conquista, puxéronna á venda para sufragar os gastos do asedio. No ano 1646 aparece como propietario o conde de Fuensaldaña e vizconde de Altamira, Álvaro Pérez de Viveiro. No 1755 foi vendida a Gabriel María Montenegro, do pazo de Caldaloba, situado a medio quilómetro. Para a súa construción aproveitaron o emprazamento dun antigo castro conservando os catro foxos que o defendían (os foxos poden ser a orixe do nome "Cal da Loba"). En ruínas, aínda pode verse a torre de 25 metros de altura con planta cadrada e catro andares construída en cadeirado de granito nas esquinas e de pizarra no resto. Segundo a lenda, un pasadizo comunica o castelo co pazo de Caldaloba. A pesares de ser un dos máis emblemáticos de Galicia, o seu estado de conservación é lamentable. Dende o ano 2016, coa axuda inestimable do veciño da parroquia de Pino, Óscar Rego Felpeto, tivemos varias entrevistas co alcalde de Cospeito para tentar conservar a fortaleza, reunións que demos por rematadas en outubro de 2019 pola actitude do rexedor que, só con boas palabras e ningún feito, tentou que calaramos o seu desleixo.  
Torre de Momán: Pouco se sabe sobre a súa orixe, mais crese que foi derrubada polos Irmandiños. Non se coñecen restos. Curiosamente está declarada como BIC pola Xunta de Galicia. 
Torre de Támoga ou do Torrillón: Estivo emprazada no lugar do Castro. Erixida sobre un antigo asentamento castrexo. Cando a derrubaron os Irmandiños pertencía a Fernán Rodríguez de Saavedra e Aguiar e a Sancha Fernández de Aguiar e Peredo, señora de Narla. A principios do século XX aínda se podían ver as súas ruínas e os vestixios dos foxos que logo desapareceron polos terreos adicados a cultivo.
Castelo: Topónimo. Lugar da parroquia de Roás.
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Cospeito.
 

 

FOLGOSO DO COUREL 
Castelo de Carbedo (Esperante): Para a súa construción aproveitouse un antigo asentamento castrexo erixido sobre un rochedo de 20 m de altura, preto do monte Cido onde apareceu a famosa Tessera Hospitalis do Courel. Vixiaba o paso entre León e Lugo. En ruínas, aínda poden verse os restos da muralla, unha torre circular e un alxibe. Descoñécese a súa orixe, mais sábese que pertenceu a Nuno Peláez e á súa dona Alda. No ano 1181 doáronllo aos cabaleiros da Orde de Santiago que, entre outros, se ocupaban de velar pola seguridade dos perregrinos que circulaban polo camiño que unía Samos co Bierzo. Os monxes de Samos agocharon aquí ao rei Afonso II O Casto, que estaba baixo a súa costodia, cando fuxía do seu curmán Aurelio, asasino do seu pai Fruela II. O Licenciado Molina menciona o castelo no ano 1550, citándoo como Castelo do Caurel. Benito Vicetto, na súa novela Los Hidalgos de Monforte, situou aquí a morada de Ildara do Courel, muller á que lle cantou o inesquecido Uxío Novoneyra: "Ildara de Romeor olla e cala pro ucedo raia do solpor". Citado polo licenciado Molina no século XVI como Fortaleza do Courel.
Casa fortaleza de Meirín (Vilasibil-Meiraos): Do século XII, pertenceu á familia Fidalgo. As portas principais e posterior foron construídas con arcos de medio punto. A porta principal está formada por quince pedras que foron utilizadas durante séculos para afiar as ferramentas. Na parte máis alta da vivenda alzábase unta torre que tiña un brasón, hoxe en día desaparecido. A torre foi rebaixada para evitar sobrecargas nos muros.
 

A FONSAGRADA 
Castelo de Burón (A Pobra do Burón): Século XIV. Construído polos condes de Altamira. Das varias torres que tivo só se conserva unha en ruínas, feita con grosos muros de mampostería de xisto recheado con cachotaría e morteiro. Os Irmandiños, capitaneados por Pedro Osorio, que o derrubaran durante a Revolta do século XV, foron logo obrigados pola familia dos Moscoso a reconstruílo. Ademais do castelo, a importancia do antigo concello da Pobra do Burón, extinguido no ano 1835, falan os hospitais para peregrinos, xa citados no século XIII, que se levantaban no lugar que, dende Oviedo, ían a Santiago de Compostela e os preitos que mantiveron con Dona Urraca.
Castelo da Allonquiña (A Allonca): Era coñecida como Torre Vella da Allonquiña. Sábese que tiña uns nove metros de altura, composta por dúas plantas e unha baixa. Segundo Vázquez Seijas foi derrubado no ano 1910 polo seu derradeiro dono Laureano López Monteserín quen cos seus materiais edificou unha casa. A principios do século XVI pertencía aos Caraduxe, uns labregos que procedían de casa señorial, posuíndo Real Carta Executoria de fillosdalgo. Un Caraduxe foi alcalde de Burón no ano 1771. 
Torre da Bastida.
Castelo e Vilarín de Castelo: Topónimos. Lugares das parroquias  de Freixo e O Trobo.
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Carballido.
 

FOZ 
Casa-torre de Marzán: No monte coñecido como Capela do Santo, segundo cita Vázquez Seijas, hai dúas casas, unha coñecida como Casa Grande ou Casa Torre habitada polos labregos onde figura unha pedra armeira. A outra casa ten un escudo na fachada, realizado en pedra caliza de consistencia marmórea cunha inscrición que di: "ESTAS ARMAS I APELLIDOS SON DE LOS PILLADOS CAVOS I CORDIDOS I RIBADENEIRAS. AÑO DE 1761". No capítulo destinado ao catálogo de Abades, do traballo Apuntes para la Historia del Monasterio de San Salvador de Lorenzana, escrito polo abade de Samos Mauro Gómez Pereira, fai mención a unha carta do abade Munio, que gobernou o mosteiro entre os anos 969 e 1015, onde se cita o casal de Marzán. 
Castelo da Espiñeira (A Espiñeira-Vilaronte): Pertenceu ao conde de Ribadeo. Derrubado polos Irmandiños. Non quedan restos.    
Castelo da Frouxeira (No Pico da Frouxeira-Santa Cilla do Valadouro): Século XV. Ademais dalgunhas pedras esparexidas pola contorna, só se conservan as penedas graníticas onde asentaba o inexpugnable castelo. Pertenceu á mitra mindoñense e logo ao Mariscal Pedro Pardo de Cela. Cando o levantamento do mariscal contra os Reis Católicos, a fortaleza foi asediada polas tropas casteláns. Incapaces de conquistala por medio das armas, recorreron á traizón, mercando a uns criados que lles ceibaron a porta, entre outros un tal Roi Cofano do Valedouro. O Mariscal conseguiu fuxir, mais foi apreixado no castelo de Castro de Ouro, condenado a morte e decapitado na praza de Mondoñedo. Hai uns anos, Pardo de Guevara atopou na Chancillería de Valladolid unhas copias do orixinal do testamento de Pardo de Cela, escrito en galego, que pode que obrigue a reescribir a historia: ao parecer non estaba casado cunha filla do conde de Lemos, foi axustizado no mes de outubro e non no de decembro e sempre estivo ao lado dos Reis Católicos.
 
 

FRIOL 
Torre de Anafreita: Só se conserva o muro do corpo baixo da torre. Estaba arrodeada por un foxo natural. Foi convertida en casa vivenda. 
Torre de Friol: Século XIII. O edificio actual conserva elementos dos séculos XV ao XVIII que é cando se engadiu a Torre da Homenaxe de planta cadrada. A fachada leste coñécese como "Vara Alta". Na súa parte máis antiga presenta un arco de medio punto con doelas e xanelas de aresta achafranadas. Nos muros poden verse as marcas dos canteiros, típicas do románico. Propiedade dos Altamira, pasou aos Prado no século XVI, e no XIX aos condes de Maceda. 
Torre de Miraz: Século XV. Do primitivo castelo consérvase a Torre da Homenaxe, ameada, que dende o século XVIII forma parte do pazo. Durane algún tempo pertenceu aos Andrade, aos Castro e aos condes de Altamira, pasando logo aos Saavedra. A torre, en cantaría de granito, ten planta cadrada con dúas plantas. Tamén conserva seis gárgolas, tres delas zoomorfas, que actuaban como canos de desaugue do tellado. As pedras armeiras dos Saavedra, Ulloa, Taboada e Ribadeneira adornan os muros. 
Castelo de San Paio de Narla (Narla): Levantado sobre un antigo castro nos séculos XII e XIII. Derrubado polos Irmandiños, o edificio actual data dos séculos XVI-XVII. Consta dun corpo central, un torreón e a Torre da Homenaxe ameada de catro andares. Ao recinto accédese a través dun portón con arco de medio punto. Pertenceu, entre outros, aos Ulloa e aos Seixas. Dende o 1983 acolle o Museo Etnográfico. Segundo unha lenda referida por un monxe de Sobrado no s. XVIII, o señor do castelo, Vasco das Seixas, asasinou nel á súa muller, dona Catarina, que foi considerada santa porque o seu corpo se mantivo incorruptible. Don Vasco foi morto en Portugal nunha liorta con fidalgos do duque de Bragança. Segundo un estudo do arquitecto José Ángel Santos Ferro, a fortaleza contaba na súa orixe con dúas torres e un paseo de rolda con foxos e contrafoxos que, na súa meirande parte, foron destruídos cando a Revolta Irmandiña. 
Torre de Bustelo (San Martiño de Condes): Destruída polos Irmandiños. 
Torre da Devesa (Sisto-Santalla de Devesa): Moi transformada. Conserva a porta de estilo renacentista e un escudo coas armas dos Parga, Prado, Ulloa e Varela.
A Torre e A Torre da Luz: Topónimos. Lugares da parroquia de Xiá. 
 

   


GUITIRIZ 
Casa-torre de Santa Cruz de Parga: Vázquez Seijas, en Fortalezas de Lugo y su provincia, non achega información sobre esta casa-torre. Só se conserva un escudo.
O Castelo (As Penas-Roca): Promontorio rochoso a 620 metros de altitude.  
Castelo de Parga (San Estevo de Parga): Século XII, reedificado no XIV, en tempos de Fernán Pérez de Andrade "O Bo". Construído sobre un primitivo asentamento castrexo situado nun outeiro sobre o río Parga. Conserva parte das murallas de cadeirado granítico e unha torre cilíndrica con seteiras. Na parte baixa utilizáronse cachotes de diverso grosor que indican que puido haber outra edificación anterior (no século X figura documentado un conde de Parga. Mesmo hai quen cre que se vislumbra un modo de construción romana). A principios do s. XX as pedras dos muros foron reaproveitadas para a reconstrución da igrexa e dalgunhas casas. Cóntase que para saír da fortificación en tempo de guerra os seus moradores utilizaban un pasadizo secreto. 
Torre de Lagostelle: A Torre é un lugar da parroquia de Lagostelle.
Os Castelos: Topónimo. Lugar da parroquia de Labrada.
 

GUNTÍN DE PALLARES 
Casa-Torre de Mera (Vilamaior do Negral): Vázquez Seijas di que a freguesía chamábase antes Vilamaior de Mera. A casa foi fundada por Alonso López de Ulloa, casado con Mencía de Baamonde. Un dos fillos loitou ao lado do rei na toma de Sevilla aos árabes. O derradeiro habitante da familia foi Xoán Teixeiro de Mera quen no ano 1676 a deu en foro. Sufriu varias reformas, quedando do vello edificio a porta de entrada e sobre o lintel o escudo dos Mera. 
Torre de Francos (Francos): A Torre de Mirapeixe, coñecida tamén como Torre de Francos ou a Torre Vella, atópase na parroquia de San Salvador de Francos, no concello de Guntín de Pallares, sobre un outeiro próximo ao encoro de Belesar. Na actualidade está totalmente arruinada e cuberta pola hedra. Construída en mampostería, tiña planta cadrada duns 11 metros de lado. Unha parte aínda acada unha altura duns cinco metros. Pouco se sabe sobre esta fortaleza BIC, declarada Monumento Nacional por Decreto do 22 de abril de 1949. Vázquez Seijas, en Fortalezas de Lugo y su provincia (1955-1977) apenas lle dedica unhas poucas palabras. Madoz e Amor Meilán cítanna como ruína medieval, sen máis datos. No mes de marzo de 2019, o propietario contounos que durante unha guerra (non especificou cal), dende o concello do Páramo, situado ao outro lado do río Miño, disparáronlle con canóns cuxos impactos aínda se podían ver nos muros hai algúns anos. Dise que leva o nome de Mirapeixe en lembranza da familia que atendía por ese nome e que, ao parecer, tiñan o seu antigo solar xunto o río Miño, uns din que en Outeiro de Rei, outros en Rábade. Destes Mirapeixe procedería a linaxe que na Baixa Idade Media levou o apelido Gaioso.ntanos José Manuel Abel Expósito que foi solar dos Gaioso de Guntín. Unha torre medieval transformada en pazo que nunca chegou a rematarse. O terreo pasou a mans comunais, e logo ás dun veciño. A familia da súa nai, Gaioso-Montenegro, percibía algunhas rendas na parroquia. No século XIII, unha Taresia Fernandi de Mirapeixe repartiu dúas tercias de pan "inter hospitales et malatariam operam Sancta Marie (de Lugo)". No 1253, o bispo de Lugo Rodrigo e Rodrigo Peláez de Montenegro fixeron troco das dúas terceiras partes do mosteiro de San Miguel de Bacurín, que doaran á igrexa de Lugo Pedro Fernández e as súas irmás, monxas, Aldonza e Contralda, naturais de Mirapeixe. Segundo copia do padrón de Calleita (1622), don Pedro López de Rábade e Saavedra era fidalgo do solar coñecido das casas de Mirapeixe, Bonxe, Castro Tourón, Pontazgo de Rábade e outros. Dun sitio de nome Mirapeixe era tamén o trovador do século XIII Nuno Fernandes, autor dunhas cantigas de amor, citado por Antonio López Ferreiro en Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago de Compostela (1898-1911). Nas inmediacións da torre hai un pombal.  
Castelo da Mota (A Mota): Levantado no século IX polo conde Ero Ordóñez, conde de Lugo, capitán xeral, dise, de Afonso o Magno e conquistador de Coimbra (cóntase que no ano 899 asistiu á consagración da catedral de Santiago). Logo pasou a Don Arias, conde de Monterroso, que tivo como herdeira á súa filla Elvira Ulloa Ribadeneira. En tempos do rei Xoán II era señora da Mota Tareixa García de Baamonde e Montenegro. No ano 1612 pertencía aos bispos de Lugo. Convertido en casa de labor, conserva parte do recinto, unha torre e un torreón ameado en forma de cubo. Foi destruído durante a Revolta Irmandiña. O seu estado de conservación é malo. No Museo de Lugo gárdase unha cadea que puido utilizarse para izar a ponte levadiza ou como cadea de asilo. 
Castelo de San Fiz do Ermo: Coñecido tamén como Castelo do Besgo. Non se conservan restos. Ao parecer levantábase sobre unha peneda existente na confluenza dos ríos Ferreira e Entrabasaugas. Asociado á orde do Temple. Consérvanse documentos en que a encomenda templaria sostivo varios preitos co mosteiro de Ferreira de Pallares. Tamén preiteou coa Orde de Santiago, cando estes se queixaron que os do temple lle arrebataran contra toda xustiza a casa de San Fiz do Ermo que dicían pertencía ao seu mosteiro. A Xunta de Galicia tenno como BIC. 
Monte Castelo: Entre Bustelo Pequeno e Vilela, na parroquia de Costante. Consérvase o topónimo.  
Torre de Quintela (Quintela-A Mota): Pertenceu ao señorío de Camba e Taboada. A principios do século XVII era propietario o párroco de San Cristovo de Souto, na Peroxa, que no 1613 outorgou testamento en favor da sua sobriña Iseo López de Taboada. A torre emprazábase no lugar de Quintela, entre Peimoure e A Mota. Cando foi derrubada a principios do século XX conservaba unha pedra armeira dos Camba e Taboada que na actualidade se atopa na ampliación da casa-torre. 
Torre de Santa Euxea: Pertenceru a Pedro Álvarez de Portomarín. Destruída polos Irmandiños, non se conservan restos. Dise que algunhas das súas pedras foron reutilizadas na construción da igrexa parroquial, nun dos contrafortes poden verse varias pedras decoradas reaproveitadas doutro edificio.    
Torre de Sirvián: Máis coñecida como A Torre do Mouro. Erixida nun altorelo sobre o río Ferreira, ao parecer nos séculos XII ou XIII. 
Torre de Tosende: Formaba parte dunha cadea de fortes establecidos para a vixiancia das terras do señorío. Consérvase parte da torre que sufriu varias reformas para convertela en vivenda. Ao reconstruíla colocouse nun dos muros exteriores unha peza de granito procedente da primitiva construción onde aparece a figura tallada dun cáliz coa hostia no centro e dúas rodas de carros aos lados, un paxaro e unha arboriña. Pertenceu ao señorío dos Camba, descendentes do conde don Ero e da infanta dona Laura. 
Castelo de Pallares: Topónimo. Nome dunha parroquia.
Castelo Grande e Castelo Pequeno: Topónimos. Lugares da parroquia de Castelo de Pallares.
 

 

 

O INCIO 
Casa-forte de Castragude: Crese que xa existía a mediados do século XV en que era propiedade de Pedro López de Castrogude e do seu irmán Antonio. O primitivo edificio sufriu varias reformas. Foi abandonada no século XVIII, pasando os donos a vivir en Eimer, parroquia de San Fiz de Rubián (Bóveda). Dise que foi cando desapareceu unha non documentada torre que ocupaba o antigo asentamento castrexo. Na fachada había unha pedra armeira que se perdeu ao convertela en casa de labranza.
Casa-forte de Guerra (Vila de Mouros).
Casa-forte de Rubián de Cima: Citada nun documento do ano 1664 referido a un foro. Non quedan restos.   
Casa-Torre de Romariz (Romariz-Rendar): Segundo Vázquez Seijas sufriu varias reformas nos séculos XVIII e XIX. Na casa hai un corpo de vivenda que correspondía ao da torre, construída en lousa, con tres corpos e teitado do mesmo material a catro augas. Na actualidade, tanto os edificios como a contorna, presentan un excelente estado de conservación. 
Castelo Slanillo: Fr. Gregorio de Argáiz (1600-1679), na súa obra de longo título La soledad laureada por San Benito y sus hijos en las Iglesias de España y theatro monástico de la provincia Bética, di que o mosteiro de San Salvador do Mao corresponde á terra do castelo Slanillo, preto do río Omano (o Mao), do bispado de Lugo. O nome Slanillo, que eu saiba, non deixou pegada na toponimia actual. Este mosteiro de San Salvador identifícase cun denominado como Flanello (así citado no Tombo de Samos do ano 947), situado na vila de Planeto, poboación citada nun documento do ano 991: "monasterium Sancti Salvatoris, territorio Lemabus, prope ribulu Omano, fundatum in villa que antea vocabatur Planeto, et modo dicitur sanctum Salvatorem".
Castelo de Somoza (San Tomé de Castelo): A tradición sitúa un castelo do que non quedan restos. O que si hai é un castro. 
Torre do Incio (Hospital): Pertencenteu á orde Malta, que contaba coa encomenda do Incio e Quiroga. Forma conxunto coa igrexa románica do século XII, pertencente a un primitivo mosteiro-hospital. Denomínase como fortaleza en dúas escrituras de dote dos anos 1616 e 1674. Da fortificación consérvase a que foi torre señorial, de base cadrada, construída en cachotaría, con sillares de pedra calcaria en ocos e esquinas, accedéndose ao interior por medio dunha porta con arco apuntado. En sucesivas reformas suprimíronse as plantas altas e o ameado, quedando baleirado o interior e convertido nun corpo destinado a panteón familiar dos Quiroga.
Castelo de Somoza: Topónimo. Nome dunha parroquia.
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Rubián de Cima. 
Ao final das fotos, ver o artigo: Mahamud en Santa Cristina do Viso, O Incio?
  
 


Mahamud en Santa Cristina do Viso, O Incio?
No século XVII, o coengo da catedral de Lugo, Juan Pallares Gayoso, na súa Argos Divina, sitúa no castro de Santa Cristina do Viso a batalla entre as tropas do musulmán Mahamud ben Abd al-Yabbar e do cristián Afonso II o Casto. O enfrontamento produciríase arredor do ano 840. Os datos que posuímos desta batalla achéganola un fragmento da Crónica de Afonso III, unha serie de relatos que abranguen dende o visigodo Wamba (646-688) ata Ordoño I (821-866): "Mahamud, cidadán de Mérida e muladí de berce, que se rebelou contra o emir de Córdoba, Abderramán, e dirixiu moitos ataques contra el e puxo en fuga os seus exércitos. Cando xa non puido habitar naquela terra, dirixiuse ao rei Afonso II, e o re acolleuno con honores. E el habitou en Galicia durante sete anos con todo o seu séquito, e alí, empoleirado polo fasto da súa soberbia, conspirou en van contra o rei e a patria. Reuniu os seus camaradas, xuntou unha tropa e saqueou a terra. Cando o rei soubo de tal feito, reuniu o seu exército e correu cara Galicia. Unha vez que o dito Mahamud se entereou da chegada do rei, agochouse cos seus nun castelo moi forte que se chama Santa Cristina". 
Trátase, sen dúbida, dunha obra cunha clara intención laudatoria e ideolóxica, onde se tentaba demostrar unha lexitimidade monárquica fronte aos señoríos existentes, valéndose pra elo duha manipulada xenealoxía que viña dende o citado Wamba. Polo tanto, os datos da crónica (atribuída ao propio Afonso III) sobre o enfrontamento, moi alonxado no tempo dos acontecementos, semellan moi pouco fiables.
O Chronicon albeldense, redactado cara o ano 881, fala de in castro sancte Cristina. A anima versión Rotense da Crónica de Afonso III, escrita cara o ano 890, non cita o nome de Santa Cristina, pero ao referirse ao sitio onde se fixo forte Mahamud fala de castello fortissimo, castro e castrum. Na coñecida como versión Ad Sebastianum, obra de Sebastián, sobriño de Afonso III e bispo de Ourense, mellorouse o estilo pero censurou varios fragmentos e introduciu varias correccións. Eiquí faise mención a un castellum qui uocatur Sancta Cristina, chamándolle tamén castrum. Xa máis tardiamente, na Historia Silense, do século XII, cítase a fortaleza de Mahamud como castrum. 
Novo Güisán, en Santa Cristina do Viso, O Incio, Lugo: un castro antiguo o un castillo medieval? (2002) fai mención a dous documentos de doazón a favor da Igrexa lucense. O primeiro é do 832 e o segundo do 841. Pero di que son falsos, redactados nos séculos XI-XII, nun contexto de litixio entre as sés episcopais de Lugo, Braga, Ourense e Astorga. Mais esa falsidade, engade, non ten porque afectar aos lugares cunha pertenza que se pretendía xustificar. O documento do ano 832 menciona o lugar como castrum, dicindo máis adiante quoud vocatum est ab antiquis Castrum Sancta Christina.
J. Francisco Masdeu, nun longo título do ano 1804 (Diploma de Ramiro Iº: vindicado de las falsedades que en los tomos XVI y XVII de la historia crítica de España escribió su autor en respuesta al apologista Compostelano), recolle a doazón que Afonso II lle fai á Igrexa de Lugo no 841: "In primis est illud Castrum antiquum vocitantum Sancta Christina quoud obstuli a sarrracenis cun Eclesia in eo fondata, cun terminis suis antiquis...", engadindo que o castrum está situado in territorio Lemabus, et Sarriae sub Urbe Lucensi. No 1949, Floriano Cumbreño, en Diplomática española del periplo astur: estudio de las fuentes documentales del Reino de Asturias (718-910), cita tamén a doazón. 
Cóntase que durante o combate, as tropas de Afonso II e dos nobres galegos pasaron a coitelo a 50.000 sarracenos (cifra un pouco esaxerada), entre eles o propio Mahamud que foi apreixado e logo degolado. Os superviventes foron obrigados a se converter ao cristinanismo. En El folklore en los castros gallegos (1971), González Reboredo achega a seguinte tradición: "Santa Cristina era moura, pero se enamorou dun blanco e traicionou aos mouros, e deuse unha batalla tan fera que iba a auga do río Mao roxa ata Belesar. Emporiso o río Mao non ten peixes senón soio troitas".
Dende que Sánchez Albornoz, no seu Orígenes de la nación española. Estudios críticos sobre la historia del reino de Asturias (1974), e logo en Estudios sobre Galicia en la temprana Edad Media (1981), escribiu: "Alfonso, rey de los cristianos, se apoderó del castillo referido (Santa Cristina do Viso) y dio muerte a Mahamud con todos los suyos; suceso que aconteció en el mes de Recheb del año 225 (maio-xuño do 840)". Case ninguén puxo en dúbida a identificación de Santa Cristina do Viso co castelo de Mahamud, só Elías Valiña Sampedro, no Inventario de Lugo y su provincia (1983), suxeriu o emprazamento no ben protexido castro de Santa Cristina de San Román, parroquia do concello de Lugo. 
Agás as crónicas que enxalzan a Afonso II, que hai que coller con pinzas, que falan dun castelo pero tamén dun castro, o resto dos documentos baixomedievais e publicacións posteriores, incluída a Historia de la provincia de Lugo (1918) de Amor Meilán, sitúan en Santa Cristina do Viso un poboado prehistórico, o que non desbota que sobre este se levantara posteriormente un castelo (en Galicia abondan os exemplos). Trátase dun asentamento que se ergue nun outeiro situado a 565 metros de altitude, encaixado entre os montes circundantes. De forma ovalada, ten unhas medidas aproximadas de 70 por 50 metros, cunha acrópole de 40 por 25 metros. As fortes pendentes cara os ríos Mao e Penalba actuaban como defensas naturais. O resto puido estar protexido por un enorme foxo. Sobre a croa edificouse a igrexa de orixe románica (só se conservan uns canzorros), o cemiterio e o Centro Social; o resto resultou moi alterado por outras construcións. Atopáronse anacos cerámicos, vidros e moedas de época romana. Posuía unha boa comunicación visual cos castros da Roda de Romariz e de Goo. 
Pero, por que no Viso e non noutro lugar? Supoñendo a existencia desta batalla e do propio castelo, o topónimo Santa Cristina non é exclusivo desta parroquia do Incio. Na provincia de Lugo constatamos o nome nun monte da parroquia de Santalla de Arxemil, en Sarria, con petroglifos e dous castros próximos; Santa Cristina de San Xiao, en Cospeito, cun castro; Santa Cristina de Paradela; Agro de Santa Cristina, en Carballedo, en cuxas inmediacións localizamos un posible asentamento; en Antas de Ulla, na parroquia de Areas; e o citado Santa Cristina de San Román, en Lugo. Malia o anterior, como quedou reflectido máis arriba, os diplomas dos anos 832 e 841 sitúan Santa Cristina, de forma nidia, en terras de Lemos e Sarria. 
Aínda que Sánchez Albornoz, que transcribe a descrición a partires de Pallares Gayoso, fala sempre de castelo cando o coengo só cita o sitio como castro, e que nos documentos dos anos 832 e 841 ocorra o mesmo, non ten porque invalidar a existencia dunha fortaleza en Santa Cristina do Viso. Na documentación medieval non resulta inusual atopar castelos citados como castros, e á inversa. Castelo vén do latín castellum, diminutivo de castrum.
Por outra parte, que Afonso II permitira ao muladí Mahamud instalarse cos seus nestas afastadas terras cando fuxiu de Mérida no ano 834, despois de que Abderramán sufocara a revolta da que era un dos líderes, non ten porque resultarnos estrano. A cercana vila de Samos medrou á sombra do mosteiro consagrado aos mártires de Antioquía Xián e Basilisa, orixes que se remontan ao século VII. Eiquí, os monxes agocharon ao infante Afonso cando fuxiu do seu curmán Aurelio, asasino do seu pai Froila II, alternando o refuxio co castelo de Carbedo e co monasterium de Soveretum, citado no ano 853 no Tombo de Samos, que se situaría no actual Sobredo, no concello de Folgoso do Courel. Os monxes de Samos exerceron xurisdición sobre a meirande parte do Val do Mao, incluídos varios mosteiros: San Salvador, Santa María e Valdemao cuxas orixes se remontan a antes do cambio de milenio. Sobra dicir que a relación de Afonso II cos monxes de Samos era máis que estreita.
En definitiva, ata o presente, agás o dito, non contamos con datos arqueolóxicos que nos permitan afirmar que o castro de Santa Cristina foi logo reutilizado para construír un castelo altomedieval. Ao mellor, algúns dos seus restos esperan baixo o morteiro dos muros da igrexa ou nas pedras das casas da aldea. O que si chama poderosamente a atención é a ausencia de información, aínda que fose mínima, na abundante documentación do mosteiro de Samos. 
         

LÁNCARA 
O Castalvello (entre as parroquias de Muro e Ronfe): Outeiro granítico situado a 515 metros de altitude. A simple vista non se observan restos de ningunha construción, só se conserva o topónimo. Coñecido tamén como Castelbelo.
Castelo de Bande: Se existiu non quedan restos. Dise que foi derrubado polos Irmandiños, se ben non o cita o preito Tabera-Fonseca.
Casa-torre de Láncara: O señorío de Láncara tiña xurisdición civil e criminal. O vínculo desta casa fundouno Leonor Pimentel Ribadeneira. Os ascendentes dos señores de Láncara foron os Churruchaos, familia da que provén Fernán Pérez Churruchao, partidario de Pedro I que, por matar ao arcebispo don Suero de Santiago, confiscáronlle moitos bens perdendo o apelido, adoptando logo o de Suárez de Deza. No ano 1777 era dono José Joaquín de Yebra e Pimentel, dono da casa-tore de Toirán. A casa-torre, coñecida como Palacio de Láncara ou Casa Grande, está formada por tres corpos, atopándose no da dereita a torre. Na fachada vense os escudos coas armas dos Suárez de Deza, Castro, Bolaño, Osorio e Losada. 
Torre-pazo de Cabezais (Vilouzán): No último terzo do século XVI pertencía, co seu couto e a xurisdición civil e criminal, a Domingo Fernández do Barrio e Estrada. O pazo foi vendido no século XIX a uns labregos que fixeron varias reformas, derrubando a torre. 
Castelo: Topónimo. Lugar da parroquia de Vilaleo.
 


LOURENZÁ 
Castelo-Pazo de Tovar: As primeiras referencias documentais sitúan eiquí a torre de Canedo, no último cuarto do século XIII cando pertencía á xurisdición do mosteiro do Salvador de Lourenzá, cuxos propietarios eran membros da casa de Ponce de León, emparentada, dise, co propio conde santo Osorio Gutiérrez. A finais do século XV a torre aparece asociada ao mariscal Pedro Pardo de Cela. Nesta etapa salientan Pedro de Cabarcos e Antonio Tovar. Pedro de Cabarcos morreu en Granada no ano 1517, referindo nas súas últimas vontades a posesión dunha "torre vieja, caída la mayor parte de las paredes, sin coberturas y madera y una bodega y lagar viejo", ubicada no Coto de Canedo. Antonio Tovar contraeu matrimonio con Branca Pimentel de Ribadeneira, descendente por liña paterna do mariscal Pardo de Cela. Das súas ruínas xurdiu o edificio posterior, ano 1530, adaptado a modelos construtivos importados de Castela. Tras a morte de Antonio Tovar e Branca, o pazo foise abandonando, permanecendo a cargo de administradores, o que xerou o seu progresivo deterioro, aínda que conservando unha parte substancial da súa estrutura arquitectónica do século XVI. Acolle o Museo-Centro de Interpretación da Cultura dos Pazos de Galicia. Na Torre da Homenaxe conserva unha pedra armeira dos Bolaño Ribadeneira. No ano 2010, a Xunta de Galicia destinou unha partida de 360.000 euros para a súa recuperación.
 

LUGO
Casa-Torre de Outeiro (Outeiro-Saa): Pola documentación do último terzo do século XVI sábese que se fixo apeo formal da casa. O derradeiro herdeiro foi Francisco Pardo Díaz quen lla vendeu ao párroco de Santiago de Saa para que fose destinada a reitoral, aínda que o novo propietario utilizouna para uso persoal. Di Vázquez Seijas que se trata dunha das casas máis antigas xa que no ano 1615 atopábase en moi mal estado de conservación. Nun documento do 2 de abril de 1596 Pedro Rodríguez de Vigo mercou a Juan Ares Pereira e á súa muller María Trebolle do Couto de Goián as casas e lugar de Outeiro. En 22 de abril de 1615, dito señor adquiriu a torre xa ruinosa a Domingo Trebolle, veciño de Lugo. 
Fortaleza de Labio: Situada no Monte do Castelo, un lugar estratéxico, consérvanse algúns restos dunha torre altomedieval de control e vixiancia (restos de ladrillo, tella e pedras). Ocupa un pequeno outeiro con gran control visual sobre a contorna. O lugar é mencionado nos anos 998 e 999 como castellum. Nun documento do 30 de agosto de 1032 sinálase Irizón (Orizón), onde había un mosteiro, como un dos puntos límite do territorio da fortaleza de Labio, que Vermudo III doa á Sé Lucense e ao seu bispo Pedro. Dise que o normando Ulf, que entrara en Galicia pola ría de Arousa, axudou ao conde galego Rodrigo Romániz a asaltar o castelo de Labio, cando o alzamento contra Fernando III.    
Murallas da cidade: A antiga muralla romana serviu de defensa na Idade Media. A principios do século XV mesmo se suscitou un preito pola posesión das chaves das portas da cidade entre o Concello e o bispo, resolto favorablemente para o segundo no 1316 por fallo da raíña María de Molina (López Carreira, 1999). No ano 1814, houbo un dictame dunha Xunta Militar sobre o derrubamento das murallas romanas. No mesmo ano, o mariscal de campo don Felipe fala da conveniencia de conservalas. (Máis información na entrada adicada á Romanización). 
Pena da Ermida (Alto de San Fitoiro-Labio): Nun afloramento rochoso atopáronse fragmentos de tella e cerámicos. Entre as penas obsérvase un cono de violación. Dende o lugar domínanse os montes circundantes.   
A Torre (Eirexe-Bascuas): Torre de vixiancia medieval. O lugar atópase practicamente arrasado. Polos arredores vense pedras e tellas, así como algún resto de lenzo dun muro. Puído pertencer aos Díaz de Neira.   
Torre de Aez (Camoira): Medieval. Levantada sobre un pequeno outeiro rochoso, conserva unha das paredes laterais. Na parte superior conserva unha ventá de aresta sobre a que hai un escudo dos Castro e Gaioso. A torre era de planta cadrada. 
Torre de Riazón (Ombreiro): Medieval. Restos dunha torre que apenas conserva os lenzos dos seus muros. O seu estado ruinoso e encostado nunha casa.
A Torre: Topónimo. Lugares das parroquias de Orbazai, Pedreda e Soñar.
 
 

 
MONDOÑEDO 
Castelo Monte da Arca: Entre as parroquias de Argomoso e O Carme.
Castelo da Pena de Don Lope: Erixido na costa, descoñécese a súa situación, o único que se sabe é que pertencía ás terras de Mondoñedo. Conta Vázquez Seijas que tivo noticia deste castelo por Vicente Rivera. Di que pertenceu a un inglés que veu a loitar contra os árabes e que estaba situado nunha prominencia "próximo á costa da terra de Mondoñedo". Ao parecer xa existía no século XIV e que os señores do castelo chegaron a ter cento cinco lanzas, estando emparentados coas principais familias de Galicia, entre outras a dos Andrade. Foi dona do castelo Xoana Díaz Gaioso que foi asasinada polo seu home Xil Pérez de Lugo, descoñecéndose a causa. 
Castelo da Recadieira (A Recadieira-Os Remedios).   
Castelo da Toxiza: Entre as parroquias de Os Remedios e Viloalle. Afloramento rochoso. Aínda que figura catalogado como BIC, non existen datos arqueolóxicos nin escritos que testemuñen a súa existencia. F. Mayán cre que no lugar puido erixirse un castro. 
Torre do Gorrete (Outeiro-Masma): Vázquez Seijas conta que cando a visitou a principios dos anos sesenta do pasado século, boa parte da torre xa fora desmantelada e os seus materiais aproveitados noutras construcións do lugar. O corpo da torre é de forma cuadrangular de dúas plantas, antepoñéndose a ela outro corpo máis estreito, a través do cal se atopa un camiño de tránsito público con entrada e saída. No ano 1956 foron retiradas da torre dúas pedras armeiras e vendidas a un comerciante de antigüidades de Lugo. Ruínas.
Torre de Vilamor (O Chao do Val-Vilamor): 
Muralla da Vila: Escribe o P. Flórez na súa España Sagrada que o bispo Gonzalo e a cidade de Vilamaior (actual Mondoñedo), en 22 de xuño de 1320, celebraron convenio para levantar os muros da vila. Nun libro de escrituras da Catedral, de 1485-1495, consta que na Era de 1358 o Bispado e o Cabido se farían cargo da construción da muralla dende a porta da Fonte ata a porta da rúa de Batitales, e o Concello e alcaldes dende a porta de Batitales ata a da Fonte, fundándose no gran dano que podía acaer sobre a vila pola falta de defensas en tempos de grandes guerras e persecucións. Escribe Villa-Amil y Castro na súa Crónica de la provinca de Lugo que os mindonienses, no 1327, fixéronse fortes na muralla ao ser atacados por Pedro Fernández de Castro, quen arrasou e incendiou os arrabaldos e boa parte do pobo, e en unión de Rodrigo Márquez, fortificouse na Catedral de onde foron expulsados. Ante este e outros atropelos, o bispo, o Cabido e o Concello acordan, no 1381, poñer gardas na cidade e as súas portas, distribuíndo os turnos entre os tres. A mediados do século XVI, o bispo Diego de Soto Valera fixo romper a muralla para construír de novo o cárcere cun regueiro que pasase por dentro e, con tal motivo, mudouse a porta naquel sitio, que era a da Fonte Vella. Ao longo do tempo instruíronse varios expedientes para modificar as defensas, tal como aconteceu no 1836 en previsión de que os carlistas atacaran a vila. Co decorrer do tempo (entre finais do século XVIII e durante o século XIX), as murallas foron desaparecendo, reaproveitadas as súas pedras noutras construcións. Hoxe en día só se conservan restos na rúa da Ponte. Tiña unha lonxitude de 850 metros e contaba con varias portas de acceso: Porta da Vila ou da Fonte, Porta de Batitales, Porta das Angustias, Porta da Rúa de Pumar ou da Cruz, e a Porta do Perexil. 
Os Castelos (Viloalle): Francisco Mayán, que o estudou a mediados do século XX, identificouno cun asentamento da Idade do Ferro; atopou restos cerámicos e de metais aínda que hai dúbidas canto a súa adscrición cronolóxica que ben puidera pertencer a época medieval. 
 

MONFORTE DE LEMOS
Castelo de Monforte: Séculos XII-XIII. No ano 1332, Afonso XI cedeulle o castelo a Pedro Fernández de Castro, conde de Lemos, contruído no monte de San Vicente do Pino, no lugar onde asentaba o castro Dactonio, capital da tribo dos Lemavos. Logo da derrota dos Irmandiños, que atacaron o castelo no ano 1467, dise que o mariscal Pardo de Cela lle suxeriu ao conde, que quería reconstruír a fortaleza, que colgase aos vasalos dos carballos, ao que este lle respostou que "Eu non vivo dos carballos". Na actualidade consérvase en bo estado a Torre da Homenaxe, de trinta metros de altura, de planta cadrada e catro andares cunha escaleira de acceso á terraza ameada dende onde se divisa unha espectacular panorámica do Val de Lemos. Tamén se poden ver varios tramos do que foi o impresionante castelo, escollido por Benito Vicetto para situar a súa novela Los Hidalgos de Monforte. A torre foi cedida ao Concello por Turespaña, xestora do parador de turismo creado no antigo mosteiro bieito de San Vicente do Pino. 
O Castelo Grande (Reigada): Asentamento fortificado de época medieval formado por unha plataforma superior arrodeada por un terraplén que acada o seu máximo desenvolvemento no lado noroeste e circundada por unha suave pendente. 
O Castelo Pequeno (A Veiga-Reigada): Situado nun outeiro que se levanta na parte baixa e chá do Val de Lemos. Nos terzos NO e SE presenta dúas pequenas elevacións amesetadas que se erguen sobre dous cavorcos de pouca altura. Aínda que está considerado como un castro, pola súa localización (controla o acceso leste a Monforte) e máis o seu carácter amesetado pode tratarse tamén dunha vixía de adscrición romana ou medieval. Apareceron restros en superficie de época medieval. 
Torre ou Casa Forte de Moreda (A Torre-Bacelares-Moreda): Ao parecer, a primitiva torre foi destruída polos Irmandiños. Presenta unha planta rectangular e fábrica de cantaría de granito, con soto e dous andares. A porta principal, alintelada de aresta con liña curva na parte superior, ábrese á altura do primeiro andar, accedéndose por unha escaleira exterior. Porta e escaleira están defendidas por unha seteira. No primeiro piso ábrense tamén dúas ventás alinteladas, localizándose no lado sur unha porta que comunica a torre coa vivenda. No segundo andar ábrese unha fiestra con arco de medio punto e doelas. Malia datar probablemente do século XV, os restos da fábrica do paramento exterior da fachada oeste presentan diferenzas co resto do edificio o que parece indicar que se trata dunha reedificación. As terras onde asenta foron confiscadas polo conde Xoán Gutiérrez aos monxes de Pombeiro. Foi de Xosé Losada, conde de Oleiros, que logo lla vendeu a Manuel Batallón. 
Castelo de Tor: Escribe Vázquez Seijas que un cabaleiro da liñaxe dos Garza, que tiveron o seu primitivo solar na torre de Castillón, construíu o castelo de Tor, no territorio do señorío que obtivo por se distinguir na loita contra os normandos, con dereito de asilo, vasalaxe, o patrimonio dos beneficios eclesiásticos e xurisdición civil e criminal (a pouca distancia do actual pazo hai un campo que aínda é coñecido como da Forca). Por térense arruinado o castelo, a residencia dos señores de Tor xa non se edificou coas características daquel, senón como as dun pazo que conserva na actualidade, aínda que algo mutilado xa que lle falta a parte onde se emprazaba a torre que foi incendiada polos franceses durante a Guerra da Independencia.
A Torre: Topónimo. Lugares das parroquias de Moreda e Santa Mariña do Monte. 
 

 
  
 
 

MONTERROSO 
Torre de Bidouredo (Bidouredo): Coñecida tamén como pazo de Castelar ata finais do século XIX. Ten a orixe no século XII. Foi mandada construír por Xoán Salgado Gundín e Violante Sarmiento de Vaamonde. A muller, ao quedaren viúva, casou con Álvaro Losada Ribadeneira a quen deixou como herdeiro. Non se conservan restos. As súas pedras foron reutilizadas nas casas da zona. 
Torre de Cumbraos (Cumbraos): Construída a finais do século XV ou principios do XVI por mandato de Álvaro Gaioso e Osorio. Trátase dunha torre de planta rectangular con dous corpos e soto, con cuberta a catro augas. A porta é de arco de medio punto sobre a que se ve a pedra armeira dos Noguerol, Gaioso e Arias Noguerol. Posteriormente anexionóuselle o pazo. Abandonada, atópase cuberta pola matogueira e algunhas dependenzas amosan un mal estado de conservación. 
Torre de Fente (A Torre-Fente): Século XV. Totalmente arruinada, pertenceu ao conde de Monterrei e logo ao duque de Alba. Mantíñase en pé unha parte da torre a principios do século XX. En documentos do século XVI denomínase como torre e fortaleza de Vilanova de Monterroso. Otero Pedrayo, na súa Guía de Galicia, chámaa Torre feudal de Fente. Sábese que durante algún tempo estivo adicada a prisión. A maior parte dos seus materiais foron reaproveitados para edificar as casas da veciñanza. 
Torre de Penas: Forma conxunto cun pazo que conserva as pedras armeiras dos Ribadeneira e Taboada e a igrexa parroquial de orixe románica. Cóntase que se comunicaba co castelo de Amarante, en Antas de Ulla, por medio de sinais. Sufriu varias transformacións ata o século XVIII. A súa historia está vencellada ás linaxes dos Arias, Ulloa, Taboada, Ozores, Gaioso e Neira. Segundo o P. Gándara (1657), a torre pertenceu aos descendentes de Arias Gonzalo, conselleiro de Dona Urraca da que a tradición afirma que estivo algún tempo na torre. Uns veciños de Sirgal contáronme que a torre levantouse coas pedras do castelo de Sirgal, hoxe en día desaparecido. A casa de Medinaceli, a súa propietaria, presentou a principios do ano 2013 unha proposta á Consellería de Cultura para a súa rehabilitación para logo cederlla ao Concello e convertela nun centro de interpretación histórica. 
Castelo de Sirgal: Construído sobre un antigo castro, non se conservan restos. Sobre el edificouse un castelo na Idade Media que foi derrubado por mandato do emperador Carlos V, segundo consta nunha información de nobreza practicada no século XVII. A fortaleza estaba arrodeada por un foxo e contrafoxo. Conta a tradición que neste castelo naceu Santa Ilduara, nai de San Rosendo. Formoso Lamas, no seu Apuntes para la Historia de Chantada (1905), di que foi fundado polos sirios que chegaron a Galiza e despois xuntáronse cos galos por cuxa razón se lle chamou torre de Sirgal. Uns veciños dixéronme que as súas pedras foron reutilizadas na construción da Torre de Penas e na Casa Grande de Monterroso. Tamén que había un túnel que comunicaba o sitio co río que é por onde baixaban os cabalos dos mouros para beber. 
 
 

 

MURAS 
O Castro (Muras): No lugar onde se levantou un castro, a tradición asegura que tamén se ergueu un castelo medieval cuxa cisterna comunicaba co río Eume. Dende o outeiro domínanse os núcleos do Burgo e Muras. 
Torre ou Casa Forte de Muras (O Burgo): A documentación máis antiga data do século XII onde se fai referencia a un castelo pertencente aos condes de Lemos. Entre os privilexios que no ano 1368 expediu o rei Pedro I, referidos aos servizos prestados polo concello de Viveiro para premiar a lealdade na guerra contra o seu irmán Henrique, sobre os dominios da vila do Landro á que pertencían os coutos e freguesías, menciónase a casa-forte de Muras. Segundo Manuel Murguía, no século XII era coñecida como Casa do Castro e que debía de pertencer aos condes de Lemos polo que, di Vázquez Seijas, que habería que atribuír a aquela época a construción da Torre Vella da que falan documentos do século XVI o que, como di Amor Meilán, semella denunciar a existencia doutra levantada posteriormente. Esta casa-forte tamén se menciona en documentos do sécculo XIV, e que nalgún tempo debeu de pertencer ao mariscal Pardo de Cela, e nun aforamento, a Freire de Andrade. A fortaleza estaría emprazada no lugar coñecido como Fraga do Castelo onde se atopou o anaco dunha pedra armeira. Os restos utilizáronse para a construción da reitoral e en casas particulares.
Torre de Silán: De finais do século XIII, principios do XIV, dise que foi dominio da Beata Constanza de Castro e Osorio cuxo sepulcro se conserva na igrexa de San Francisco de Viveiro. As súas pedras foron reaproveitadas noutras construcións. Na casa reitoral aínda se pode ver a pedra armeira da familia dos Castro, Alfeirán, Andrade e Faxardo. 
No escudo do Concello de Muras figuran tres torres. 
 

NAVIA DE SUARNA  
Todo sobre as torres e castelos na comarca dos Ancares no blog do Colectivo Patrimonio dos Ancares:   

NEGUEIRA DE MUÑIZ
Castelo de Cancio (Castelo-Barcela): Castelo é unha aldea da parroquia de Barcela, situada a 604 metros de altitude, entre dous regueiros que desembocan no rego de Acevedo, e este no río Navia. A tradición asegura que houbo un castelo medieval, pero, ao menos á vista, non se conservan restos, quizais reutilizados nas ruinosas vivendas. A pouca documentación escrita pouco aclara sobre a súa ubicación. O xesuíta Luis Alfonso Carballo, no seu Antigüedades y cosas memorables del Principado de Asturias (1695) di que a familia Cancio tomou o apelido da Encomenda de Cancio, e que máis tarde o castelo pasou á súa propiedade por dereito de foro. O primeiro da linaxe sería Gonzalo López de Cerredo, casado con Dona Sancha, quen tiveron dous fillos, Nuño e Suero González;. O primeiro herdou Cancio e o segundo Burón. Nuño tomaría o apelido do castelo de Cancio. Corría a primeira vintena do século XIV. Malia o anterior, hai algo que non cadra. Cara esa época, este territorio pertencía aos Trastámara, pasando no ano 1480 ao condado de Altamira que, ao menos ata mediados do século XVIII, controlaba o cen por cen da Fonsagrada e Negueira de Muñiz, agás os coutros de Bustaverlle e Marentes. A uns 460 metros sobre a aldea de Castelo está o Castelo de Cantín, un afloramento rochoso que se eleva a 775 metros de altitude de complicadísimo acceso. Nunha casa hai unha inscrición, posiblemente incompleta, onde lemos: "AE NAVIA".


AS NOGAIS  
Todo sobre as torres e castelos na comarca dos Ancares no blog do Colectivo Patrimonio dos Ancares:   

OUROL 
Torre de Ferreira de Bravos: Poucos datos existen sobre esta posible torre. Vázquez Seijas di, sen precisar a data, que foi destruída por un incendio. Quizais fose a principios do século XVII xa que a capela que pertencía á torre foi reedificada no ano 1640.   
Torre de Seserit (Xerdiz): Nun privilexio outorgado no ano 1368 por Pedro I, que se refire aos servizos prestados polo Concello de Viveiro na loita contra o seu irmán Henrique, confirmatorio doutro de Sancho IV, cítanse as casas-fortes de Muras e Seserit (Xerdiz). En documentos do século XI, escribe Vázquez Seijas, fálase desta torre como fortaleza encravada nos términos do Concello de Viveiro. Se existiu nada se sabe onde estivo situada. 
O Torrilón (O Pazo-Miñotos).
O Castelo (O Castelo-Miñotos): Outeiro rochoso situado a 381 metros de altitude.
A Torre e A Ponte da Torre: Topónimos. Lugares das parroquias de San Pantaleón de Cabanas e Xerdiz. 

OUTEIRO DE REI 
Casa forte de Outeiro de Rei: Fundada pola familia irlandesa O´Kelly a partires dunha torre medieval a finais do século XV. Logo pasou aos Gaioso. Da primitiva construción só quedan restos dun muro. Consérvase unha pedra armeira sobre a porta. Mal estado de conservación. 
Torre de Arcos: Non se conservan restos. Ao parecer, Lupo Camberro (ou Cambeiro) de Candal, por privilexio de Don Paio, recibiu o señorío de Arcos pola súa valentía contra os árabes durante a Reconquista. 
Torre da Barreira (Gaioso): Manuel Vázquez Seijas, en Fortalezas de Lugo y su provincia (1955-1973), fala da Torre da Barreira. Os primeiros documentos datan do ano 1575, cando Ares de Monterroso doa ao seu fillo, con motivo do seu casamento, a cuarta parte do couto de Donalbai e 40 fanegas de centeo, produto da renda de varios lugares, entre eles este da Barreira situado en Santiago de Gaioso. No ano 1629 xa figura como único dono do sitio o fillo, Pedro Ares. Co tempo pasou a mans duns labregos. Di Vázquez Seijas que a torre foi moi modificada, quedando só os restos dalgunhas dependenzas e un escudo de armas. Brais Rodríguez Romero máis eu achegámonos ata Santiago de Gaioso, ata a casa onde disque se levantaba a torre, a pouco máis de 300 metros da igrexa parroquial. Exteriormente, ningún elemento da casa denuncia a súa existencia, unha construción de planta rectangular cuberta en lousa a catro augas. E do escudo, nin rastro, de feito, na web do Concello dise que se descoñece o seu paradoiro. Ningunha das persoas coas que falamos, algunha nacida moito antes de que Vázquez Seijas realizara o seu traballo, lembra ver a pedra de armas. Pero Brais, que nunca deixa nada a medias, non as tiña todas consigo. Preguntando aquí e acolá enterámonos de que no barrio da Lama, a uns 250 metros da igrexa de Gaioso, había dúas casas, unha coñecida como A Barreiriña e outra como do Fidalgo. En efecto, alí puidemos ver dúas construcións que ben puideron acoller unha antiga torre. Totalmente arruinadas, só permanecen en pé os muros da fachada principal e pouco máis que ameazan derrube. Polo que nos contou un veciño, a casa, en orixe, era unha soa e que logo foi dividida ao facer unhas partillas. Aquí, os elementos construtivos que se conservan si indican a existencia dunha casa señorial, obstentando sobre unha das portas un escudo. Cremos que Vázquez Seijas, ou se equivocou de casa ou, simplemente, confundiu o nome dos lugares (Barreira por Barreiriña), estráñanos que ao minucioso investigador se lle pasara por alto esta Casa do Fidalgo, que ademais do nome conta cun escudo. 
Torre de Caboi (Astariz-Caboi): A dicir de Vázquez Seijas, parte do poboado ocupa un recinto amurallado cercado con foxos, cubertos pola matogueira, que indican claramente que alí houbo unha fortaleza. Malia o anterior non fican restos que poidan proporcionar datos de onde estivo emprazada. Segundo a tradición ergueríase na coñecida como Casa de Prado que na fachada ten un escudo cunha árbore franqueada por dous cans ou leóns, ou onde está a Casa do Redondo, no campo da Rúa, onde estivo a forca e o cárcere, derrubado no século XIX.       
Torre de Pardo de Cela: Ao parecer, na freguesía de Cela localizábase unha torre pertencente ao famoso mariscal Pedro Pardo de Cela que máis tarde pasou aos Ribadeneira. Situábase ao oriente da igrexa parroquial. Non quedan restos. 
Torre de Taboi (Pacio-Taboi): Na ribeira esquerda do río Miño. Século XVI. Pertenceu aos Saavedra, vinculados aos de Ribadeneira, Bolaño, Aguiar, Pardo, Balboa, Lobeira, Gaioso, etc. Mantense en pé unha torre en ruínas, construída en cachotaría de lousa cunha porta de acceso correspondente á desaparecida ponte levadiza. O seu declive comezou no século XVIII ou a principios do XIX, cando a súa propiedade mudou de mans. No ano 1955, cando a publicou Vázquez Seijas, xa presentaba mal aspecto. Como vestixios da antiga casa-torre atópanse anexas a Casa do Bordón que conserva unha pedra armeira cunha aguia dos Aguiar, e a Casa do Pacio cun escudo dos Saavedra, Ribadeneira e Bolaño. Taboi foi feudo de Pardo de Cela. 
Torre de Sobrada (Sobrada de Aguiar): Século XV. Erixida por mandato de Fernán Pérez de Ribadeneira (logo pasou aos Freire de Andrade) foi derrubada polos Irmandiños no ano 1467 e despois reconstruída. A ruinosa torre, de planta cadrada con tres andares, ten 15 m de altura. Nunha noticia aparecida no xornal El Progreso no ano 1986 di que o veciño José Rubinos Méndez contruíu un alpendre apegado á torre, desaparecendo tamén o escudo. Foi adquirida á Dirección Xeral de Patrimonio do Estado por Segundo Guerra. No Museo de Lugo consérvase unha pedra armeira dos Andrade, Aguiar e Ribadeneira. 
San Clodio de Aguiar: No ano 897 menciónase o "castellum Aquilare", e no 988 o "castrum Aquilare".
 
 
 
 

PALAS DE REI 
Castelo do Castro das Seixas (Castro das Seixas-Merlán): Sobre o primitivo asentamento castrexo, Vasco Gómez das Seixas construíu un castelo en época medieval. Os Seixas foron propietarios do castelo de San Paio de Narla, en Friol. Non quedan restos. 
Castelo de Curbián: Estivo situado na marxe esquerda do río Pambre, citado por López Ferreiro na súa novela O Castelo de Pambre (1895). Vázquez Seijas di que Manuel García Blanco localizou unha das torres dos Ulloa na parroquia de Curbián. 
Castelo de Pambre (Pambre): Ano 1375. Mandado construír por Gonzalo Ozores de Ulloa. Foi escenario de numerosas loitas, entre outras a mantida entre a nobreza e Alonso III Fonseca, arcebispo de Santiago de Compostela. Os Irmandiños respectaron o castelo logo de que Sancho Sánchez de Ulloa, despois dunha reunión cos revolucionarios en Melide, decidiu fuxir sen presentar batalla. Ademais da función militar, exerceu como fielato onde se cobraba o portádego polo uso do camiño. No 1484 pasou aos condes de Monterrei, e no 1895 o duque de Alba vendeuno a un veciño de Palas de Rei. O seu último propietario, Manuel Taboada, conde de Borraxeiros, falecido no ano 2009, dooullo aos Padres Misioneiros, unha orde relixiosa asentada en Teis, Vigo. Despois de varias negociacións, a Xunta de Galicia mercou o castelo por cinco millóns de euros. O castelo é de planta cadrada, con catro torres de planta cadrada situadas nos vértices. No medio érguese a Torre da Homenaxe, de tres andares.
Segundo información achegada por La Voz de Galicia, edición de Lugo, o día 30 de xaneiro de 2014 e recollida do portelo culturagalega.org, as obras de rehabilitación están supoñendo unha auténtica sorpresa para o equipo responsable da reforma. Na capela do castelo do século XI, que sempre foi un enigma pola súa ubicación fóra da fortaleza, atopáronse tumbas e enterramentos de diferentes épocas e tipoloxías. Apareceron estruturas de muros de época tardoantiga e sueva. Tamén se atoparon materiais de época castrexa e galaico-romana (cerámica, moedas e un puñal de antenas). 
Castelo de Felpós (O Corral-Felpós): A Casa-torre do Corral ocupa o lugar onde se erguía o Castelo de Felpós. Entre os séculos XIII e XIV foi gorida de bandoleiros que asaltaban aos peregrinos a Santiago de Compostela. Foi mandado destruír no ano 1321 polo arcebispo compostelán Berenguel de Landoira. 
Castelo de Ramil (Mácara-Ramil): Pertenceu aos Varela. Di a tradición que descendentes do rei galego Ramiro I e da súa muller Ermesinda, da casa real de Francia. Cóntase tamén que un tal Fernán Páez Varela, alcumado o do Capelo polo golpe que lle deron no casco na batalla das Navas de Tolosa, foi un dos primeiros en atacar as forzas de Miramolín. Un Paio Varela foi alcaide do castelo de Pambre. Cando Vázquez Seijas visitou o lugar a principios dos anos sesenta do pasado século, só ficaban ruínas. 
Os Castelos de Remesedo: Manuel Gago, no seu Capítulo cero, achega unha nova fortificación altomedieval situada nun altorelo sobre o río Pambre. En mal estado de conservación, aínda se poden ver os alicerces dunha muralla. 
Fortaleza da Torre da Pena da Merla (Carteire): Cando visitou o lugar Vázquez Seijas, da fortaleza non se conservaban máis que algúns restos das cimentacións e un cadrado de parede con muros no interior da casa actual. Nun lenzo novo do antigo edificio, figura unha pedra armeira, truncada pola parte superior, cun león rampante toscamente tallado. Sábese que no ano 1585 era señor da fortaleza Xoán López Pardo e Andrade. No primeiro terzo do século XVII, eran donos o capitán Arias Conde de Aguiar e Antonio de Andrade Grandío, a quen en abril de 1626 Domingo Grandío, veciño do lugar de Canedo, lles cede dúas fanegas de pan e dúas galiñas de renda, que o mesmo Domingo lles pagaba polo dito lugar, onde vivía. 
Castelo dos Penedos de San Nicolao: Os Penedos de San Nicolao están situados nas inmediacións do Camiño Primitivo, nuns outeiros nos que afloran crestas de seixo branco, e que están catalogados como emprazamento dun castelo roqueiro medieval, coñecidos como niños de aguias. Cada un deses afloramentos contan cun nome específico, pero é o máis elevado o que recibe o nome de San Nicolao xa que segundo a tradición no seu cume existiu unha capela posta baixo o padroado deste santo. Dende os altos dos afloramentos vese perfectamente o Camiño Primitivo atravesando o vao natural que cruza a Serra do Careón. O xacemento sitúase nas inmediacións das aldeas do Hospital das Seixas e de Cascamiño, na parroquia de Merlán. (Información achegada por Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz, do Museo da Terra de Melide). 
Torre de Quindimil: Non dispoñemos de información.
A Torre: Topónimo. Lugar de Mosteiro de Devesa.
 


 
 

PANTÓN
Castelo de Maside (Doade): Séculos XI-XVIII. Foi propiedade dos Lope de Cangas, Losada, Mosquera, Arias e Quiroga. No século XIX foi restaurado por Xoaquín Arias. Aquí viviu o líder irmandiño Diego de Lemos, morto no ano 1492 e soterrado no mosteiro do Salvador de Ferreira. Na actualidade foi habilitado como vivenda. 
Castelo das Saíñas (Espasantes): Posible castelo roqueiro.
Castellum Minei (Marce-Vilar de Ortelle): Na Pena do Castelo, tamén coñecida como O Castro. Situábase nun outeiro con excelentes defensas naturais, con cantís que polo norte, sur e oeste caen verticalmente sobre o río Miño. O acceso realizábase a través dun paso protexido por un foxo e cun muro. Na primeira área atópanse os restos da antiga capela do San Martiño (sería un pequeno mosteiro familiar?), e nunha parte máis elevada os restos da fortaleza. Na parte superior do afloramento rochoso hai un recinto practicamente ovalado cuns 20 metros no eixo maior e 15 no menor. Obsérvase que os afloramentos naturais cortáronse para conseguir unha superficie plana e nivelada para poder construír sobre ela. Tamén se aprecian rebaixes na rocha para o asentamento de estruturas. Atopáronse fragmentos de tella curva e cerámica medieval. A primeira mención documental é do século IX, nunha doazón de Afonso II ao bispado de Lugo, datada o 1 de xaneiro do 841 onde aparece citado como castrum, e no que o rei fai entrega do lugar de Vilar. A primeira mención á capela citada máis arriba é do ano 842, nunha doazón do abade Astrulfo e na que se refire á fundación do mosteiro de Santa María de Barrado e doutras igrexas durante o reinado de Afonso II: "Et Ecclesiam Sancti Martini quae ibi sita erat ex more antiquo, et fundavita Ecclesiam Sancti Martini in villas antiquas super ripam Minei".  Do ano 897 é unha confirmación dunha serie de doazóns que realiza Afonso III a favor da igrexa de Lugo atopadas in terra de Lemos, entre outras a Ecclesiam S. Martini cum ipso Castro. No ano 898, nunha listaxe de bens pertencentes á diócese de Lugo aparece citado o Castro de Mineo, e cen anos máis tarde o Castello Ripa Minei. No 1164 aparece a última mención documental como Castellum Minei. A fortificación foi abandonada probablemente un pouco máis tarde, cando a construción da Torre de Marce, situada nunha posición máis elevada e con mellores condicións de habitabilidade. Posuía unha estratéxica situación sobre unha importante vía que supoñía a comunicación das dúas beiras do río Miño, dende as terras do Saviñao e Pantón ás de Chantada a través do porto fluvial de Chouzán. Tería unha función de control, defensa e incluso fiscal co cobro de portádego. No século XVII, Mauro Castellá Ferrer, na súa viaxe a Compostela, describe así o Castellum Minei, que vincula á Casa de Março: "Et un solar es la Fortaleza de Março, que esta una legua de los Castillones, onde se hallo el Marmol, a la parte Occidental en las Riberas del rio Miño. Algunos dizen es adonde esta una Torre antigua, con su palacio desmantelado, foso y traveses. Pero lo mas cierto (segun me dixo Don Diego López de Lemos, y lo fuy a ver) es mas abaxo desta Torre cosa de una milla, adonde esta una Ermita de San Martin en un cerro áspero sobre el mismo Rio Miño, adonde parecen vestigios están en la cima, y cumbre del Monteçuelo, y la Ermita mas abaxo en la ladera, que da a entender, que fue primero la fundación de la fuerça que alli estuvo, que la Ermita, pues la costumbre de fundar las Ermitas en Galicia es en la cumbre de los montes (que se ve oy dia) y los que saben de antiguallas avrán notado esto (...). De la de Março sólo ha quedado su torre, no la que estava junto a la Ermita de San Martín (que está derribada por los cimientos) sino la otra que digo está mas arriba con su palacio, permanece della la fama de lo que fue, posee la aura Rodrigo de Quiroga". O cura Ramón Castro López, na súa Reseña histórico descriptiva de la parroquia de Vilar de Ortelle... (1929), sinala que xunto o Castellum Minei houbo unha ermida adicada a San Martiño, a onde os veciños ían escoitar misa. Di que o castelo distaba un quilómetro de Marce, sería de pedra, con muros moi anchos e elevados e as súas pedras foron reutilizadas noutras construcións; engade que a fortaleza era de forma circular, e que os muros eran tan anchos que segundo di a tradición podía xirar comodamente un carro. Afirma o cura de Vilar de Ortelle que "Aínda se conserva hoxe o topónimo Porto nas proximidades do Castellum Minei, chegando a el un vello camiño empedrado de probable orixe medieval"; sobre esta vía de comunicación fala Elisa Ferreira Priegue na súa obra Los caminos medievales de Galicia (1988), denominándoa como antiqua carraria. Rielo Carballo di que a ermida foi mandada derrubar no ano 1737 a causa do seu lamentable estado de conservación. 
Torre de Marce (Marce-Vilar de Ortelle): Construída probablemente a finais do século XII, cando se abandonou o Castellum Minei. Cóntase que a torre era tan alta que a súa sombra chegaba ao río Miño e facía sombra á igrexa románica de Chouzán. 
Torre de Quitapesares (O Cotillón-Acedre): Fala dela Ferro Couselo no Boletín do Museo Arqueolóxico de Ourense no ano 1952, baixo o título La Torre de Quitapesares y el Duque de Arjona. Dise que foi mandada construír por Fadrique Enriquez, fillo do conde de Trastamara, neto do maestre de Santiago Fadrique, bastardo de Afonso XI, quen tomou o título de duque de Arjona. Conta Ferro Couselo que no ano 1429 foi levado o duque ao castelo de Almazán e pouco despois trasladado a Peñafiel, onde un ano máis tarde morreu, con sorpresa de todos e do propio rei "que sin duda por acallar pesares" fixólle honras fúnebres moi suntuosas en Astudillo. O conde de Lemos e o abade do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil preitearon pola posesión da torre. No ano 1525 a torre xa se atopaba en completo abandono, e os seus materiais, pouco a pouco, foron desaparecendo, reaprovitados polos veciños noutras construcións. No Arquivo Histórico de Ourense consérvase un debuxo de finais do século XVII ou principios do XVIII no que se ve que se compoñía de dous corpos, torre e vivenda. Cóntase que un paxe, de nome Pero López, foi arroxado dende o alto da torre por dous negros por mandato do duque por cortexar a Leonor García, a súa tía. 
Torre de Vilamelle: Di Vázquez Seijas que no século XV era dono da torre Amaro de Vilamelle, fidalgo do conde de Lemos. Ramón Castro López, na súa Reseña Histórica Descriptiva de Vilar de Ortelle y su Comarca (1929), describe unha batalla que tivo lugar no campo chamado da Pedrosa durante a Idade Media, en tempos de Xoán II. Non quedan restos. O fidalgo citado por Vázquez Seijas é un dos protagonistas de Los Hidalgos de Monforte, de Benito Vicetto, que o autor pon coma fillo do mariscal Pardo de Cela. 
A Torre, A Torre de Vilamirón e A Torre do Mato: Topónimos. Lugares das parroquias de Ferreira de Pantón, Pombeiro e Santo Estevo do Mato. 
Ao final das fotos, ver o artigo: A torre da Bastida.
  
 
 

 
A Torre da Bastida 
Na parroquia de Mañente, no concello de Pantón, entre a aldea de Campo Rairo, en Sober, e o castro de Babela (a raíz bab- está asociada ao concepto de refuxio, abrigo, protección), en Monforte, atópase a semiarruinada Casa da Bastida, penosamente reconstruída no século XIX. Na fachada principal, sobre unha ventá tapiada, vese un escudo, e outro sobre a porta principal rematada en arco de medio punto. Segundo un artigo publicado en La Voz de Galicia do 1 de abril de 2004, hai outro máis (que non vimos) procedente, ao parecer, da capela da Santa Cruz, que pertenceu ao desaparecido convento franciscán de San Antonio de Monforte. No artigo aclárase que nos escudos aparecen as armas dos Taboada, Varela, Gaioso, Correa, Ulloa, Cadórniga e Valcarce. 

 

Anexo á vivenda hai un alpendre cuxo tellado se apoia en tres colosais columnas coroadas por magníficos capiteis decorados procedentes, tamén, do citado convento de San Antonio.
 

Na cidade de Monforte, enfronte dos Escolapios (Santa María da Antiga), actuando como soporte dunha plataforma de cemento dunha arruinada casa, hai outras dúas columnas que tamén pertenceron ao convento.
 

A uns 130 metros en liña recta ao norte da casa, sobre un pequeno altorelo, vese un pombal agochado entre a maleza. 
 

A ORIXE DO TOPÓNIMO BASTIDA 

O topónimo Bastida non é exclusivo da parroquia de Mañente, no mesmo concello de Pantón temos o microtopónimo Telleira da Bastida e outra Casa da Bastida en Trasulfe, na parroquia de Santalla de Toiriz. Trátase dunha arruinada casona brasonada. Nas inmediacións hai outra casa que obstenta un escudo sen rematar, co campo totalmente liso.


 

Sobre as ruínas da Torre da Bastida do século XV levantouse no século XVIII a antiga Casa do Concello de Pontevedra. E na Fonsagrada e Gondomar temos dúas poboacións que atenden polo nome de A Bastida. E por último, o castro de Babela, na parroquia de Distriz (Monforte), que se atopa a uns 840 metros en liña recta da Casa da Bastida de Mañente, recibe o nome de Alto da Bastida.    

Nas Cantigas de Santa María (s. XIII), atribuídas, ao menos en parte, ao rei Afonso X o Sabio, lese: "dizendo que esta uila/non se podia bastir/d´omees d´armas, de maneira/que me podesse guarir/et éu véio-a bastida". O lingüísta portugués J. P. Machado (1914-2005) cita un escrito do século XV que di "elrej com bastidas e co mjtos besteiros e acheiros começou de cobater". Antonio López Ferreiro (1837-1910) publicou un documento que dicía: "outrosy ao que noso señor el Rey enuyara rrogar ao dito señor arcibispo que non faça laurar na dita bastida mays de quanto esta ffeyto". 

F. Porto Rei, no Diccionario gallego-castellano (1900) fala dunha antiga máquina de guerra con que se atacaba aos castelos e prazas fortes. Consistía nunha torre de madeira que se achegaba á muralla por onde se quería penetrar, e ao abrigo dun cobertizo subíanse os atacantes e lanzaban frechas e outras armas arreboladizas aos do castelo. O mesmo escribe Eladio Rodríguez González no Diccionario enciclopédico gallego-castellano (1958-1961). No Diccionario da Real Academia Galega (1913-1928), bastida é toda clase de fortificación, barreira, trincheira, etc. que servía para defender unha praza, castelo ou campo. Carré Alvarellos, no Diccionario galego-castelán (1933) e Franco Grande no Diccionario galego-castelán (1972) falan dunha trincheira, defensa. García de Diego (1878-1978), no seu Diccionario etimológico español e hispánico, di que bastida, bastir e bastar teñen orixe no xermánico bastjan, construír, equipar. J. Coromines (1905-1997), no seu Diccionario crítico etimológico de la lengua castellana, deduce bastida do latín vulgar *bastare, abastecer, indicando que a bastida (máquina de guerra) utilizouse entre os séculos XIII e XVI. Niermeyer (1907-1965), en Mediae latinitatis lexicon minus, trae bastida, bastita e bastia en alusión a unha fortaleza, a un castelo ou a unha vila fortificada.

Algún autor identifica o topónimo galego Bastida (que tamén se utilizou e aínda se utiliza como apelido) co francés Bastille (de bâtir, edificar, construír), a famosa fortaleza que protexía un dos accesos a París, símbolo da Revolución Francesa. 

A ORIXE DA LINAXE DOS BASTIDA 

Parece ser que o fundador da linaxe dos Bastida foi un tal Gutierre Rodríguez Bezudo que participou na conquista de Cuenca como vinganza polo asasinato do seu irmán Pedro. Cóntase que dende a bastida (máquina de guerra) saltou os muros que protexían a cidade, arengando a facer o mesmo aos soldados que o acompañaban. Dende aquelas alcumáronno como o cabaleiro da Bastida. Os seus descendentes continuaron apelidándose Bastida. Un deles, de nome Rui Núñez da Bastida, casado con Mencía Vila de Anaya, foi o fundador da casa e da torre que nos ocupa, tal como o manifesta Juan Francisco de Hita a mediados do século XVII.  

A TORRE DA BASTIDA DE PANTÓN

A 135 metros ao norte da casa destaca un outeiro situado a 297 metros de altitude. O catálogo da Xunta de Galicia denomínao como Torre de Bastide. Por Decreto de 22 de abril de 1949 (BOE do 5 de maio) do Ministerio de Educación Nacional sobre a protección dos castelos españois, incluíronse as torres e os castelos de todo o estado para que gozaran da máxima protección, figura que, lamentablemente, foi e continúa a ser papel mollado. Na actualidade, a Torre da Bastida atópase tamén dentro da área de protección da paisaxe cultural da Ribeira Sacra, declarada BIC no mes de decembro de 2018.
 

Se ben é certo que no Decreto de 1949 "protexéronse" torres e castelos inexistentes onde non existía ningún tipo de documentación escrita nin arqueóloxica, atendendo tan só ao topónimo dun lugar determinado, a Torre da Bastida de Mañente non debemos incluíla neste grupo de "inexistentes" tal como propugna Ana Isabel Mesía López na súa tese doutoral El potencial turístico de los conjuntos históricos de Galicia. Villas y pueblos (vol. 1 A Coruña-Lugo), 2018: "El ayuntamiento de Pantón (Mapa 34) tiene seis inmuebles declarados bienes de interés cultural, dos de ellos son castillos vinculados al Decreto 1949, son el Castillo de Ferreira y la Torre de Bastide. Ambos castillos están vinculados a los condes de Lemos. De ellos, la Torre de Bastide es uno de esos castillos que deberían eliminarse del registro de bienes de interés cultural puesto que no queda rastro máis allá del topónimo, que ni siquiera es igual sino que se denomina A Bastida".

Visitado o lugar, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares puidemos comprobar que o outeiro presenta polo sur-leste tres amplos socalcos que, seguramente, foron feitos para algún tipo de plantación, posiblemente videiras (como na zona do castro de Babela). A uns 70 metros ao norte cconsérvanse os restos dunha canle para regar. Dende a parte máis alta domínase gran parte da contorna, incluída a cunca do río Cabe que discorre a uns 330 metros. Na parte máis elevada e central, cuberta por altas e espesas silveiras, amoréanse un gran número de pedras, grandes e de moi boa factura o que nos leva a conxecturar que non foron carrexadas para o sitio porque si. Pero o máis salientable é que ao meternos entre a maleza observamos restos claros da cimentación feita con grandes bloques de pedra. De planta cadrada, tería uns 12-13 metros de lado.
 

 

Para rematar, no sitio nunca se realizou unha intervención arqueolóxica polo que cremos que, ao atoparse agora dentro do BIC da Ribeira Sacra, sería un bo momento para coñecer algo máis desta torre derrubada polos Irmandiños.
 
PARADELA
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia do Castro.  

O PÁRAMO
Castelo das Cortiñas ou Pena dos Mouros (San Vicente de Gondrame): Nun meandro sobre o Miño, a 325 metros de altitude. Non quedan restos.
Castelo de Quintela (San Vicente de Gondrame): Sobre o río Miño, só se conserva o topónimo.
Torre da Barreira (A Torre-San Pedro de Santa Comba): De finais do século XV, con pedras do castelo de Pena Aguieira. Mandada construír por Álvaro González de Ribadeneira. A xurisdición da casa cítase no ano 1550. Só permanece en pé un pequeno muro cuberto pola matogueira. 
Torre de Trebolle (A Torre): A tradición asegura que o nome de Trebolle procede de "tres bólas" ou remates de tres casas que había na aldea. En 1630 figura como dono do couto de Trebolle Gregorio Pardo Taboada. A mediados do século XVII era señor do couto Pedro de Armesto Valcarce.
A Torre: Topónimo. Nome dunha parroquia.  
Artigo: Fortaleza de Pena Aguieira (Paredes-O Páramo): Hai quen di que na Valiña, na parroquia de Agüeira (Becerreá), houbo un castelo que foi destruído polos Irmandiños durante a Gran Guerra contra a opresión dos grandes señores acontecida entre os anos 1467 e 1469. Unha das fontes documentamis máis importantes para coñecer o conflito é o Preito Tavera-Fonseca, unha arbitraxe entre o arcebispo de Santiago e logo de Toledo, Alonso III de Fonseca (1475-1534), e o seu sucesor Juan Pardo de Tavera (1472-1545). Pouco despois de chegar ao cargo, Pardo de Tavera reclamou a Fonseca dez millóns de maravedises polos danos sufridos nas fortalezas pertencentes á Mitra que o primeiro non reconstruíra. Da ficha de Patrimonio da Xunta de Galicia, aberta a mediados dos anos noventa, nada se saca en limpo polo que se deduce que o sitio nunca foi visitado. Descoñecemos quen foi o primeiro en citar esta fortaleza na Valiña, en ningún traballo sobre a Revolución Irmandiña atopamos referencias, só unha breve e imprecisa reseña nun xornal histórico. Canto á tradición oral é inexistente, só algunhas persoas consultadas escoitaron falar deste suposto castelo, pero en épocas recentes.

Cremos que a confusión vén pola mala lectura do nome, ao confundir Agüeira con Aguieira. O citado preito fala dunhas 100 fortalezas destruídas polos Irmandiños, entre outras a de Pena Aguieira, coñecida tamén como Torre do Mariscal, situada no concello do Páramo. Ao pertencer ao señorío dos Ribadeneira e non á Mitra, non é obxecto de interese polos preiteantes, pero tamén serán importantes as testemuñas referidas a estes casos. Así sabemos que os Irmandiños derrubaron as nove torres da fortaleza de Sarria, dos Osorio, que logo foi reedificada, e o castelo de Pena Aguieira que permaneceu destruído. O escudeiro lugués Afonso do Campo confesa que estivo no cerco que a Irmandade tivo contra Pena Aguieira, coincidindo coas testemuñas de Ares de Rigueira, Afonso Ferreiro, Lopo do Outeiro, Fernán López de Betote e Gómez Paz. O campesiño Lope de San Silvestre, vasalo do mosteiro de Samos que participou no ataque, di que a Irmandade atacou a fortaleza de Sarria "e que derrocaran della toda la cerca derredor", e que despois o conde de Trastamara "biniera con mucha gente a la villa de Sarria e comezara a corregir la dicha fortaleza que dezian era suya e despues el dho conde de Trastamara fuera con la dicha gente contra otra fortaleza que se dice la Pena Aguieira e la combatiera y derrocara por el pie porque el dicho testigo se la vio derrocar e que despues se tornara a Sarria a donde dice que se murió e que lo llebaron a Astorga". O citado Lopo do Outeiro, vasalo do señor de Pena Aguieira, deixa claro que os límites entre un e outro dominio están demasiado próximos, un cuarto de legua, o que explica que o derrubamento das fortalezas de Sarria e Pena Aguieira coincidan no tempo.

Ao contrario do que acontece na Valiña de Becerreá, onde non se coñecen restos de ningún tipo, na Pena Aguieira do Páramo documentáronse restos da estrutura central da fortificación e entalladduras nas rochas onde se apoiaban as estruturas de madeira, ademais de obxectos cerámicos, metálicos e unha bóla lítica incrustada nunha viga carbonizada que corresponde a un proxectil.


A PASTORIZA
Castelo de Britonia: Segundo Amor Meilán, baseándose nunha testemuña de Pomponio Mela, insinúa que nos primeiros séculos da era cristiá existía unha confederación de pobos ártabros con capital en Britonia, confederación que abranguía ata a actual comarca de Ortegal. Dentro do que foi o emprazamento da antiga Britonia, segundo as Memorias que compuxo un coengo da Catedral de Mondoñedo, utilizadas polo P. Flórez no tomo 18 da súa España Sagrada, aínda se coñecían no 1763 vestixios dunha gran fortaleza con foxo e contrafoxo. A igrexa actual asenta sobre unha basílica monacal de orixe suevo-visigótica, sé da Diócese de Britonia fundada polos bretóns que chegaron ás costas de Lugo no século V, dirixidos polo bispo Mailoc. 
O Castelo: Topónimo. Lugar da parroquia da Regueira.
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Saldanxe. 

PEDRAFITA DO CEBREIRO 
Todo sobre as torres e castelos na comarca dos Ancares no blog do Colectivo Patrimonio dos Ancares:   

POL 
Casa-forte de Outeiro de Luaces. 
Castelo de Santa María de Luaces: Citado por Bouza Brey nun artigo da Comisión de Monumentos históricos e artísticos de Ourense titulado Origen y descendencia de los Luaces (1951). Non se conservan restos.  
Castelo de Trasín: Citado polo monxe bieito Fr. Francisco Muxica no ano 1694. Di que no bispado de Lugo, na freguesía que chaman Suegos de Luaces, e outra no mesmo bispado, Santa María de Luaces, en terras do conde de Altamira, nun sitio que chaman Trasín, víanse as ruínas dun poderoso castelo, que por seren tan antigo o tempo consumiu e desfixo. Refire que cando os godos chegaron á Galicia e botaron aos suevos, un cabaleiro suevo que emparentara cos godos quedou como señor destas terras. Sempre se lle chamou suevo, e as súas posesións casa e terra de suevos. Os moros que o ocuparon posteriormente, prenderon ao último señor do castelo e a unha nena, filla súa, que foron liberados posteriormente. Descoñécese a ubicación deste castelo.  
Torre de Caraño: Como fundación no lugar de Caraño, o documento máis antigo data do ano 1505, nun testamento outorgado por María Fernández, filla Rodrigo Yáñez de Outeiro, e muller de Lope Pillado. No ano 1610, Álvaro Rois deixa no seu testamento ao que vivise na torre, varios bens, con pensión dunha misa cada dous anos. Nada se sabe do seu emprazamento, a non ser que ocupara o lugar dunha das dúas casas brasonadas que aínda existen. 

A PONTENOVA 
Castelo de Miranda ou de Viloudriz: Situado nun lugar coñecido como O Castelo, na freguesía da Pontenova, nunha posición elevada sobre o curso do río Eo. A primeira mención data do ano 1199, cando Afonso IX lla entregou á Igrexa de Mondoñedo. No ano 1438, o bispo de Mondoñedo aforou a Xoán Fernández de Bolaño e á súa muller Constancia "o castello et terra de Miranda...". Sábese que aínda existía no ano 1597, cando o bispo Gonzalo Gutiérrez Mantilla lle aforou a Diego Fernández de Boulloso o Monte Castelo "sito en el concejo de Miranda, feligresía de Vilaoudriz", sendo este, segundo Amor Meilán, o responsable da demolición da fortaleza.
O Castelo: Topónimo. Lugar da parroquia da Pontenova.
 

PORTOMARÍN
Casa-torre do castro de Portomarín.
Castelo en San Pedro de Portomarín: Pertenceu a Mitra Compostelá que señoreaba o couto de Loio. Derrubado polos Irmandiños.  
Igrexa fortaleza: Antes de San Xoán, hoxe en día de San Nicolás. Pertenceu á Orde militar de San Xoán de Xerusalén ou Sanxoanistas que estableceran unha encomenda. Templo-fortaleza emprazado no antigo Camiño Francés a Santiago. Segundo Ángel del Castillo a súa construción data dos últimos anos do século XII ou de principios do XIII. Xunto con outros edificios, foi trasladada e reedificada cando a construción do encoro que asulagou o vello Portomarín a principios dos anos sesenta do século XX, se ben se perderon os edificios da Encomenda e do Hospital de peregrinos, documentado no século XII, dos que só se conservan as súas inscricións e escudos das fachadas custodiados no Museo Provincial de Lugo.
 

 
QUIROGA 
Casa da Torre ou de Tor (San Salvador do Hospital): Dise que foi fundada por un cabaleiro francés que veu a Galicia para loitar contra os musulmáns. Pertenceu á encomenda Sanxoanista de Quiroga. Do arruinado edificio actual, de tres andares, data dos séculos XVI-XVIII. Na cara norte consérvanse dúas pedras armeiras. A da dereita está dividida en catro partes pola cruz de Alcántara, con lousa, lagartos, can atado a un piñeiro, cinco estacas e unha ave coroada. O da esquerda, de catro cuarteis, vese un brazo e maza, can atado a un piñeiro, flor de lis con cinco roeis e un león sobre ondas. 
Castelo de Ares (Augas Mestas): Citado por Amor Meilán na súa Geografía General del Reino de Galicia, do que di que non quedan restos. Sabemos que no lugar houbo un primitivo asentamento castrexo. O mesmo autor fai mención dun Castelo de Malpica, situado no mesmo concello, mais ignórase onde se podería ubicar.     
Castelo da Encomenda ou de Torrenovaes (Os Novais): Situado nun outeiro a carón da estrada xeral, domina a cunca do Sil e parte dos vales de Quiroga e San Clodio. Ten a orixe no século XII. Pertenceu aos condes de Torrenovaes, vinculados aos Vázquez Queipo, Pimentel, Losada, Quiroga, Balboa, Figueiroa, Osorio e outros. Entre os séculos XVI e XVII habitáronno os Hospitalarios de San Xoán de Xerusalén. Consérvanse parte das murallas e foxo. No ano 1809, a meirande parte da documentación da Orde de Malta en Galicia que se gardaba no castelo foi queimada e destruída polas tropas napoleónicas. Durante anos, a torre foi lugar de votacións e tomas de posesión dos cargos na xurisdición de Quiroga.
Castelo de Lor: Recibe o nome por estar situado preto do río Lor, na parroquia de Quintá de Lor (Vázquez Seijas fala da parroquia de Santa María de Lor, hoxe en día inexistente). Pertenceu aos Arias de Sirgal. Podería ubicarse nun meandro do lugar chamado Esmorille, onde houbo un castro. As súas pedras dise que foron utilizadas na construción dun túnel do ferrocarril.    
Castelo de Montefurado ou da Pena do Corvo: Sobre o túnel de Montefurado crese que puído erixirse un castelo de orixe romana, construído sobre un primitivo castro, para controlar o paso por riba da boca do túnel. Outros autores din que houbo unha fortaleza, pero moi posterior e que as pedras que quedaban están baixo as augas cando gran parte do túnel se derrubou no ano 1934 debido a unha enchenta. Manuel Anxo Durán Blanco comentoume que o castelo ou torre estaba nunha súa propiedade, nun pequeno outeiro que hai ao outro lado do túnel e o camiño que sube ao Ermidón; seus irmáns lembran os muros da base circular; seus pais sempre contaron a lenda dun castelo entre o túnel e o Ermidón. O investigador José Fernández Pérez tamén lembra as primeiras fiadas de pedras; díxome que non había un castro. Existen algunhas láminas e debuxos onde aparece a posible fortaleza, eiquí achego un gravado do último terzo do século XIX onde se representa o túnel e a fortaleza, extraído da Crónica General de España (provincia de Lugo) de Villa-Amil y Castro do ano 1866, e un debuxo de José Cappa extraído de La Ilustración Española y Americana (1877) No Ministerio de Defensa custódianse planos e perfís deseñados no século XVIII, ademais da dotación necesaria (armamento e persoal).
Castelo de Penadominga: Posible fortificación construída cando a invasión visigoda que actuaba como defensa e control viario, nun emprazamento cun amplo control visual sobre o río Sil. Atopouse un broche visigodo de baixa calidade do século VII. 
Fortaleza e torre da casa forte de San Cristovo de Fisteus (San Cristovo-Fisteus): Con estas denominacións figura nun litixio por varias posesións do ano 1534, en pedimento de Alonso de Quiroga, veciño de San Cristovo de Fisteus, contra Pedro Fernández do Río e Marina Vázquez Quiroga, preito que foi resolto no ano 1591.
    


 

 
 
RIBADEO 
Baluarte da Atalaia: Construído no primeiro terzo do século XVI para a vixiancia e protección da costa. No ano 1540 figuran nas actas municipais varios gastos para arranxar as cercas e para construír troneiras. Estaba dotado con artillería. No ano 1643 reforzouse o baluarte. Foi abandonado a mediados do século XVIII e os seus materiais desapareceron ata non quedar rastro algún. 
Forte de San Damián (Vilaselán): Levantouse sobre a antiga Torre Nova. Defendía a Ría de Ribadeo. Do primitivo forte, datado no 1624 e con doce canóns, non se conservan restos, foi destruído polos ingleses no ano 1719. É no século XVIII cando se levanta o actual. Como elementos arquitectónicos destacan os grosos muros, os baluartes, as troneiras e o foxo escavado na rocha. A vixiancia corría a cargo dun home da vila e dous da súa xurisdición. No ano 1809, cando o ataque dos franceses, a estrutura quedou moi danada ao voar o polvorín. Posteriormente foi entregado ao Concello. Hoxe en día acolle unha sala de exposicións municipal. No interior consérvase unha embarcación de salvamento de náugrafos que foi arrestada (castigada a non saír ao mar) porque na súa primeira saída morreron afogados varios mariñeiros. 
Murallas da Vila: Escribe Vázquez Seijas que as primeiras defensas da vila puideron levantarse polos bispos que exerceron señorío sobre ela para protexela das acometidas bélicas e dos piratas normandos que asolaban as costas cantábricas. Sábese que a primitiva poboación estaba establecida, a mediados do século XII, no lugar coñecido como Vilavella, que posteriormente foi abandonada polos seus habitantes, os cales se trasladaron máis cara o interior. Nesta época construíronse as murallas, sen que se poida precisar a data exacta do seu comezo, e se as obras foron iniciadas polo primeiro conde, o cabaleiro francés señor de Villaines. A mediados do século XVI detállanse nas contas do Concello varios gastos por arranxos e modificacións realizadas nas defensas. No 1797, en vista de que ameazaba ruína, o Concello acordou derrubar a porta de Santo Domingo. A partires do século XIX o Concello facultou aos veciños a aproveitar o seu terreo e a pedra. 
Torre das Cabanas: Nada se sabe onde estaba emprazada, aínda que se cre que puído estar no lugar coñecido como Penafurada. Sábese que no ano 1540 era alcaide Lope de Reigada.  
Torre de Cedofeita (Cedofeita): O couto de Cedofeita noméase nun documento do ano 1202, na permuta que o bispo Paio de Cebeyra fixo co rei Afonso VIII. Segundo Amor Meilán, na súa Geografía del Reino de Galicia, Cedofeita é a antiga Cito Facta (hai autores que a levan para Lérez, en Pontevedra). No arquivo da Real Chancelaría de Valladolid existe o preito que mantiveron os da linaxe de Cedofeita polo recoñecemento da súa fidalguía no ano 1542. No ano 1535 era dona do couto de Cedofeita Branca de Ribadeneira e Pimentel, esposa de Antonio de Tovar, dono do couto de Canedo e do pazo de Tovar, en Lourenzá. Preto da ponte de Arante consérvase unha sinxela torre de planta cadrada á que se adosan outras construcións. O lugar que ocupaba a antiga pedra armeira foi substituído por un escudo de madeira que se conservaba nalgunha parte das dependenzas. 
A Torre Vella: Foi erixida en Vilaselán para servir de guía aos navegantes. No ano 1622 fíxose nela un forte dotado con dúas pezas de artillería. Sábese que no ano 1813 estaba totalmente arruinada, e nese lugar construíuse un faro.
A Torre: Topónimo. Lugares das parroquias de Cedofeita, Santalla de Vilausende e Vilaselán.
  
 

 

RIBAS DE SIL
Torre de Malpica (Vilanova): Apenas se conservan restos. Pertenceu aos condes de Lemos. Derrubado durante a Revolta Irmandiña. 
Torre de Soutordei ou Eira da Torre (Soutordei): Pertenceu a Juan Quiroga e Ponce de Léon. Só queda o nome. Segundo a tradición eiquí tamén estaba a primitiva igrexa de Soutordei. 

RIBEIRA DE PIQUÍN 
Casa-torre de Santalla de Piquín: Pertenceu á xurisdición do mosteiro de Meira. Non quedan restos. 
Casa-torre de Muxén (Os Vaos): Fala dela un libro parroquial no que di que o día 6 de novembro do ano 1622 bautizouse na igrexa de Santalla de Piquín un fillo dos fidalgos da Torre de Muxén, ao que puxeron como nome Pedro López Rancaño, que logo foi dono da torre e estivo casado con Inés de Ros Luaces. Consérvanse algúns vestixios da torre xunto unha gran casona abandonada. 
O Castelo Vello (San Xurxo de Piquín). 
Torre de Navallos: Citada en documentos do castelo de Caldaloba, no concello do Pino. Non quedan restos.
 

RIOTORTO
Torre do Mouro ou de Meilán (Santa Marta de Meilán): Século XIV-XV. As primeiras noticias datan do século XVI. Di Amor Meilán que María de Bolaño, falecida no 1527, foi a súa propietaria. Destruída durante a Revolta Irmandiña. Moi reformada (engadíronlle varias construcións) presenta un arco oxival e ventanais aximezados. Pertenceu aos marqueses de Bendaña ou Mendaña. Conserva un arco oxival coroando a entrada principal. Segundo a lenda, hai un pozo de gran profundidade que mediante un paso subterráneo se comunica cunha fonte que hai ladeira abaixo; dise que o pozo agocha grandes tesouros que agochou o seu fundador, e se alguén os atopa, ademais de facerse moi rico, conseguirá resucitar ao primeiro propietario da fortaleza.  
Castelo de Penaflor ou do Machín (O Machín-Santa Marta de Meilán): Situado no monte Castelo, a 310 metros de altitude, nun esporón rochocho  sobre o rego Machín. Nada se sabe da data de construción nin por mandato de quen, mais si que xa existía no ano 1305, cando o bispo de Mondoñedo pretendeu obrigar a Fernán Pérez Ponço a derrubalo. A meirande parte das súas pedras foron reaproveitadas na construción de casas e valados. Trátase dun castelo formado por un recinto central circular, unha torre arrodeada por un terraplén, foxo e muralla pétrea. Carlos Andrés González Paz supón que foi construída no ano 1300 por Fernán Pérez do Pazo, e que tamén se trata do castelo que a mitra de Mondoñedo mandou destruír no 1305. Volveru ser reconstruído no século XV por Alfonso López de Saavedra, de quen chegaría por herencia a María de Bolaño. No mes de agosto de 2018, traballos con maquinaria pesada afectaron ao foxo e á muralla.
Os Castelos ou Chousa dos Baños: Entre as parroquias de Riotorto e A Muxueira. Outeiro situado a 460 metros de altitude sobre o rego da manguela.
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Santa Marta de meilán. 

 

 

SAMOS 
Casa-forte de Lusío (San Cristovo do Real): Foi fundada por Vázquez de Vilamexe e a súa muller Leonor Alfonso de Balboa no ano 1551, tal como figura na inscrición da pedra armeira existente nunha das fachadas da casa. Con esta casa vinculáronse máis tarde os Braganza, Valcarce, Losada, Balboa, Pimentel, Figueroa e outras familias. Lusío pertenceu á antiga xurisdición na que exercía señorío o mosteiro de Samos. Da primitiva construción mantense en pé un corpo da torre moi transformado e os muros da cerca. Na actualidade o conxunto está adicado a albergue. Nesta casa naceu Vicente Vázquez Queipo, matemático, autor das Tablas de Logaritmos vulgares de los números del 1 hasta el 20.000 (1855).     
Casa-torre de Lourido (Renche): Só se sabe que foi incluída na dote de María Xosefa de Ribadeneira e Montenegro para casar con Baltasar Antonio López de Armesto e Losada, sucesor da casa de Castragude (O Incio), quedando incorporada a esta esta última a principios do século XVII. 
Castelo da Toca (Toca-Renche): Foi mandado derrubar polos Reis Católicos. Pertencía ao mosteiro de Samos. Non quedan restos. 
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Samos.
 

SARRIA
Castelo de Sarria (Sarria): Século XII. O desaparecido castelo foi construído, probablemente, por mandato de Guterre Ruiz de Castro. No 1126 pasou aos Castro de Monforte. O señorío da vila recaeu, tras varios sucesos, nos infantes Afonso e Filipe. O condado, cos Trastámara e Lemos, vinculouse a Álvaro Núñez Osorio. Destruído polos Irmandiños, foi reconstruído polo conde de Lemos, facéndose inventario de bens no ano 1596. Só se conserva unha torre de quince metros de altura. Sábese que tivo outras torres, xa que unha delas cedeuna o duque de Alba para pavimentar as rúas de Sarria, e hai noticias doutras tres, ademais da do Homenaxe. Co tempo, torre e finca amurallada pasou á familia Pérez Batallón. 
Casa forte de Froián: As reformas variaron a morfoloxía orixinal. Obsérvanse varias pedras armeiras nas paredes exteriores. A fundación prodúcese en tempos de dona Urraca. O documento máis antigo, citado no Cadernos de Estudos Galegos por Xesús Carro, data do ano 1396 que comeza así: "Estando e no campo da casa forte de Froián, que he na terra de Saviñao...". Da antiga casa-forte só se conserva a parte destinada a vivenda, modificada e convertida en casa de labranza; a torre foi demolida.
Castelo de Loureiro: En Froián. Consérvase o topónimo. Referencias orais. Hai un castro.
Casa-torre do Barrio (O Barrio-Louseiro): Descoñécese a data exacta da súa construción, mais sábese que xa existía no século XV. En testamento outorgado por Ares Fernández do Barrio no 1574, noméase herdeiro ao seu fillo Pedro Fernández do Barrio. Os donos mantiveron un preito co convento da Madalena de Sarria a mediados do século XVIII. Moi modificada, conserva dous escudos, un coas armas dos Valcarce-Figueiroa, Montenegro, Estrada, Taboada-Mariño, Balboa e Guitián, e outro nun sepulcro que hai na capela.  
Casa e torre de Farbán: Trátase dunha pequena estrutura circular onde se ven algunhas pedras cubertas pola maleza. Descoñécese a súa cronoloxía. Relación visual coa torre de Sarria.
Casa-torre de Perros (Perros-Calvor): No século XVI era dono da casa Macía Monseiro cuxa familia emparentou cos Balboa Sarmiento. Aquí naceu Clara Balboa Sarmiento e Quiroga, nai de Fr. Martín Sarmiento, casada con Antonio García de Gosende Figueroa. O edificio consta de tres corpos, o central corresponde á torre cuxa fachada principal conserva a antiga porta de entrada. Na portada dun muro e na propia torre vense senllos escudos.   
Castelo dos Infantes (Castelo dos Infantes): Sobre un primitivo asentamento castrexo levantouse unha torre medieval da que aínda se observa un muro de xisto. Coñécese unha ocupación poboacional na Alta Idade media por un inventario do 1082, citándose como Castellum, e noutros documentos de 1098 e 1120 como Castelo. Vázquez Seijas cre que foi derrubado polos Irmandiños. Pertenceu á familia dos López de Lemos, con enterramentos en Santa María Madalena de Sarria, e logo foi dos condes de Maceda. Esta xurisdición era independente de Sarria. Alterado polo núcleo de poboación.   
Torre de Domiz (Meixente): O documento máis antigo que fala da torre data do ano 1616, unha escritura de venta. Non quedan restos. 
Torre de Vilar (Vilar da Torre-Loureiro): Desapareceu a principios do século XVIII. Segundo o que fora cronista oficial de Sarria e membro do Seminario de Estudos Sarriaos, Xaime Félix López Arias ("Arlindo"), estivo vinculada á familia Castragude e tamén había unha capela, igualmente desaparecida. Sábese que foi doada en foro a finais do século XVIII, e que parte das rendas foron vendidas a fins do século XX. Non quedan restos.
 

 


 
O SAVIÑAO 
Castelo de Xuvencos: No testamento outorgado no ano 1402 por Gonzalo Ozores, cedendo a fortaleza de Pambre ao seu primoxénito Lope Sánchez de Ulloa, figura entre outros bens o castelo de Xuvencos. Tamén consta nunha escritura de doazón de principios do século XV. Derrubado polos Irmandiños. Ao parecer ocuparía a cima do primitivo castro da Cibdá ou de Xuvencos. 
Torre de Arxeriz (Arxeriz-Fión): Levantábase, ao parecer, sobre o castro de Arxeriz. Vázquez Seijas escribe que lle informaran da aparición dalgúns restos.    
Torre da Candaira (Rebordaos): Situada nun pequeno altorelo rochoso, dominando o val regado por varios regueiros tributarios do río Miño. Torre de planta cadrada, ameada, con tres andares, construída en cadeirado de granito nos séculos XII ou XIII, vencellada á casa dos Sarmiento de Soutomaior, os Garza de Quiroga e outras familias, ata chegar aos Taboada. Planta cadrada con tres andares. Accédese por medio dunha porta alintelada. Descoñécese quen a mandou edificar. Escribe Vicente Rivera no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo (1950) que se sabe que no século XIII estaba vinculado á torre un colar de diamantes negros que ao agregarse este vínculo ao morgado do señorío de Tor, no último terzo do século XVI, permaneceu nesta casa ata que unha muller desta linaxe o depositou no Banco de España de Madrid, "por cuya circunstancia lo robaron los rojos, cuando saquearon el Banco, sin que fuera posible el poder recuperarlo". O único que se conserva da antiga fortaleza é a torre, pois a barbacá e outras fortificacións secundarias desapareceron.
A Torre: Topónimo. Lugar das parroquias de Freán e Rebodaos. 
 

SOBER 
Castelo de Sober (Refoxo): Sufriu varias transformacións na súa estrutura ao longo dos séculos. No frontal conserva dúas ménsulas que soportan un tímpano co escudo dos Lemos anterior ao século XIV. Os torreóns da entrada son do século XVI, e as fachadas exteriores dos séculos XVII e XVIII. En escrituras forais do século XIX menciónase como dono ao marqués de Camarasa e conde de Amarante. A principios do século XX pasou a mans de Ubaldo Iglesias por compra feita a María Gasset y Chinchilla. Á morte do señor Iglesias, os seus herdeiros, por atoparse o pazo en estado ruinoso, dispuxeron a súa total demolición no ano 1933. Consérvanse algúns elementos no "Palacio de Sober", convertido en hotel. 
Torre de Moreda: Foi erixida despois da Revolta dos Irmandiños. Mandada construír polo conde Xoán Gutiérrez, en terras confiscadas ao mosteiro de Pombeiro. Pertenceu ao conde de Oleiros quen logo lla vendeu a Manuel Batallón.
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Bulso.
 

TABOADA 
Casa torre de Moreda: O edificio consta de dous corpos; á dereita o da torre de planta baixa e dúas altas, con pedra de arco de medio punto doelado; as fiestras son de arco de descarga ao interior. O resto da vivenda está construída con cachotería con encintado de argamasa. Accédese a ela por unha escalinata de pedra granítica. Na adega actual hai uns sartegos antropomorfos escavados en rocha viva cunha antigüidade aproximada do século VII d.C. Algúns sartegos quedaron debaixo da vivenda. 
Castelo de Asma (Santa María do Castelo): Na Era 1415 (ano 1377), o prior do mosteiro de A Cova (O Saviñao), Xoán Gómez, con outorgamento doutros coengos do cenobio, fixo permuta dalgúns bens co bispo de Lugo Pedro López de Aguiar, quen deu a dito prior e coengos os que tiña na freguesía, e eles cederon todo o que tiñan no castelo de Asma, instrumento que foi outorgado en Diomondi. 
Castelo de Vilar (Vilar-Esperante): Século XVI. Mandado contruír por Alonso López de Lemos e Inés de Castro. Na fachada conserva as pedras armeiras dos Lemos, Castro, Ulloa, Taboada, Camba e Mosquera. Ten planta de tendencia rectangular, con planta baixa e primeiro andar. Os muros son de cadeirado e cachotaría de granito. 
Fortaleza de Sonán (Insua): Non quedan restos e tamén se descoñece quen a mandou construír. Escribe Vázquez Seijas que debeu ser unha das máis antigas erixidas na provincia de Lugo xa que no século XVII era coñecida como palacio vello de Sonán. Na primeira metade do século XVI fundou vínculo da casa grande Sonán Lope de Taboada, o Vello, descendente dos señores do castelo de Castro Candaz, en Chantada. Na fortaleza existía unha ermida posta baixo o padroado de Nosa Señora do Carme, que xa a mediados do século XIX estaba arruinada.     
Pazo fortaleza de San Pedro ou de Bembibre: Ano 1413. Pertenceu aos conde de Taboada, orixinarios da torre de Candaz (Pedrafita-Chantada). O edificio, de pedra de cantería, levántase sobre unha planta en forma de U cun anexo no seu lado do mediodía, onde se asenta unha torre de tres andares con remate ameado. Na fachada principal localízase a porta principal formada por un arco de medio punto. Por riba da porta sitúase a heráldica do pazo. No interior salienta o patio con arcadas en tres dos seus frontes con corredor superior. 
Torre de San Mamede.
Castelo: Topónimo. Nome dunha parroquia.
A Torre: Topónimo. Nome dunha parroquia.
 

 


O VALADOURO 
Casa-torre de Gradaílle: Século XVII-XVIII. Con vínculo de fundación por Rodrigo Maseda y Aguiar e Elvira Ares de Cordido. Posúe un escudo de dobre brasón.  
Casa-torre de Santa Cruz (Santa Cruz do Valadouro). 
Fortaleza de Vilanova dos Cabaleiros: A única referencia achégaa Vázquez Seijas (1967), información que lle facilitou Vicente Rivera que a tiña como pertencente á familia dos Osorio, señorío concedido polo rei galego Paio polos servizos que lle prestara na súa guerra contra "os infieis". Se existiu, nada se sabe do seu emprazamento. 
Torre de Cendemil (Santa Cruz do Valadouro).  
Torre-Pazo de Parga (A Torre-Recaré): Ten a orixe no século XV. Pertenceu ao mariscal Pedro Pardo de Cela. Restos dunha torre que se di do século XV que foi propiedade do mariscal Pedro Pardo de Cela.
Torres de Recaré: Fala delas Vázquez Seijas na súa obra Fortalezas de Lugo y su provincia (1973). A de San Xiao atópase situada sobre un pequeno castro, construída en granito e lousa á que se lle engadiu posteriormente outra construción. Descoñécese a quen pertenceu, mais preto dela hai unha fonte coñecida como Fonte do Conde. Na mesma parroquia hai outro edificio no lugar chamado A Torre, edificación con porta de entrada con arco de medio punto como a citada anteriormente. Na parroquia de Santa Cruz existe o lugar do Torrillón, na aldea de Cendemil, que ao parecer pertenceu ao mariscal Pardo de Cela. 
A Torre: Topónimo. Lugares das parroquias de Recaré e Santa Cruz do Valadouro.
 
 
O VICEDO
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Suegos. 

VILALBA 
Castelo de Samarugo: A uns 250 metros do pazo de Samarugo, a 487 metros de altitude, álzase un monte onde houbo un castelo baixomedieval. A imaxe LIDAR mostra claramente unha superficie, que foi aterraplanada, duns 55-60 metros de diámetro. Polo leste discorre o rego do Pazo. Non se sabe con certeza a quen pertenceu. O 1 de agosto de 1452 asínase o compromiso entre Inés Pérez de Guzmán (dona de Alonso Pérez de Vivero) e Pedro Pardo de Cela para arranxar as diferenzas sobre as fortalezas de Muras e Samarugo. No 1453 aparece o marechal como propietario, e logo a súa filla Constanza de Castro. Descoñécese se a fortaleza rematou de construírse. Segundo Vázquez de Aponte, foi Pardo de Cela quen desafiou a Diego de Andrade intentando a súa construción, pero este, co apoio do conde de Altamira, fixo que desistira dos seus propósitos, obrigándoo a derrubar o que levantara. A finais do século XVIII era señor de Samarugo José Pardo Osorio Aguiar que fixou a súa residencia en Mondoñedo, vivindo nunha casa que bautizou como de Samarugo. Mesmo hai quen conxectura que anteriormente había un castelo. Francisco González Peteira dime que hai anos aínda se vían restos de muros e un pozo cavado na rocha, ademais de contar cun pequeno foxo. 
Casa-forte de Samarugo: Descoñécese a data da fundación. Está situada na parte meridional do Monseivane. Dise que os señores de Samarugo foron os fundadores da aldea e da freguesía que radicaba no lugar denominado Castro ou Castelo. No último terzo do século XV constitúese a casa de Samarugo en centro e cabeza dos señoríos da familia, non téndose noticia de que os seus donos a ocuparan con anterioridade a esa data. No Memorial da casa de Saavedra califíase de moi poderosa en rendas e vasalos. Achega Vázquez Seijas que don Enriquez, señor de Vilalba, As Nogais, Becerreá e outras terras señoreaba tamén, a mediados do século XV, Samarugo, Vilaxoán, Pedrafita e Vilamaior. Cando a visitou Vázquez Seijas a finais dos anos cincoenta do pasado século XX conservábase en regular estado, ostentando na fachada dous escudos coas armas dos Castro, Osorio, Ulloa e Aguiar. 
Torre dos Andrade (Vilalba): Século XI. Doada por Pedro I a Fernán Pérez de Andrade "O Bo". Foi reedificada no s. XIV trala destrución do castelo durante a Revolta Irmandiña. Logo do perigo que correu a principios do século XX en que quixeron derrubala, foi rehabilitada nos anos sesenta do pasado século e convertida en parador de turismo. É a única de planta octogonal de uso militar da Península. Crese que foi obra de mestres mudéxares. Do antigo castelo non quedan restos.
Torre de Codesido: Derrubada a mediados do século XX, quedou reducida ás cimentacións. 
Torre de Lanzós: Di Vázquez Seijas que a súa orixe hai que situala a finais do século XIII ou principios do XIV. Unha das figuras máis destacadas da torre foi Alonso de Lanzós que segundo López Ferreiro foi un dos adaíles dos Irmandiños na Terra Chá que se levantaron contra o poderío dos Andrade. Na casona actual apréciase o que puido ser o corpo da primitiva torre. Consérvanse dous pequenos escudos moi desgastados.  A finais do mes de maio de 2015 achegámos ata o lugar onde amablemente fomos atendidos polos seus propietarios, Gloria e Pepe, que dende hai dous anos están a restaurala e acondicionala. No interior obsérvase perfectamente a súa primitiva estrutura.
Torre de Pedrouzos (Pedrouzos-A Torre): As primeiras referencias datan do ano 1498. Trátase dunha edificación en cantería granítica de planta rectangular cuberta a tres augas. Na fachada vese unha pedra ganítica cun escudo coa letra M e unha coroa da linaxe dos Montenegro. (Información de Óscar Franco Barros, 2021).     
Torre de Pude (San Simón da Costa): Pouco se sabe da súa orixe. Vázquez Seijas di, por referencias orais, que data de finais do século XVI ou comezos do XVII tal como figuraba nunha inscrición que desapareceu cando unha reforma efectuada no ano 1952. Di que os desgastados escudos conteñen as armas dos Montenegro, Andrade, Ulloa, Valcarce e Aguiar, pero por unhas fotos que me achegou Óscar Franco Barros en setembro de 2022, a pesares dunha galería que os tapa, semella que o seu estado é aceptable.
A Torre: Topónimo. Nome dunha parroquia e lugar da parroquia de Codesido. 
   

 
 

 





VIVEIRO
Murallas da vila (Viveiro): Foi nos séculos XIII e XIV cando se configurou a vila de Viveiro. Unha muralla con torreóns arrodeaba a Cidade do Landro. Ao interior do recinto accedíase por varias portas e portelos. Na actualidade consérvanse restos das antigas murallas e tres portas: a do Castelo da Ponte, a do Valado e a da Vila. 
O Castelo (Celeiro): Monte situado a 181 metros de altitude sobre o nivel do mar, domina a ría de Viveiro. Trátase dun promontorio rochoso onde se ven restos de sillares de boa feitura. A construción medieval debeu de erixirse sobre un antigo asentamento castrexo de onde procede un muíño de man. 
Monte de San Martiño Castelo (Landrove): Aínda que non existen vestixios a simple vista, crese que no lugar, onde se ergue unha ermida posta baixo o padroado de San Martiño, houbo unha fortaleza ou torre de vixiancia medieval. Domínase o val do río Landro. 
Pazo e torre de Grallal: A vila e o couto de Grallal era independente do concello de Viveiro. Pertencenteu ao bispo de Mondoñedo ata o ano 1585 en que foron adxudicados por Felipe II a Casandra de Grimaldo e Baltasar Lomelín. Sucesores seus vendéronno a Xoán Pardo de Lama, veciño das Ribeiras do Sor. Posteriormente pasou a Luis Pardo de Vaamonde, alférez maior e rexedor de Viveiro que, xunto co seu irmán Rodrigo, outorgaron unha fianza a favor de Xoán Duttón e Aguiar sobre a venta que lle fixeron de dita vila e xurisdición.  O pazo e torre foron edificados no ano 1597, accedéndose por un portón sobre cuxo dintel figura o busto do fundador. Na fachada principal vese un escudo coas armas dos Duttón. 
Torre de Landrove: A freguesía de Landrove foi couto independente baixo o señorío de Mondoñedo que tiña nela unha casa forte. Sábese que a vila de Viveiro, representada polo seu procurador xeral Domingo Pérez, acudiu ao rei Afonso XI para queixarse dunha casa-forte que se levantara en Landrove por Fernán Bonome, en nome do bispo de Mondoñedo, dende o cal se lle causaban grandes danos aos seus veciños, maltratándoos e ocupando as súas terras. Despois da morte de Fernán Bonome, os veciños, encabezados polo alcalde de Viveiro Gonzalo Pérez foron ata o lugar e arrasaron a casa forte. 
Torre de San Xoán de Covas: Nada se sabe de onde puido estar emprazada esta torre. Di Vázquez Seijas que si se sabe que foi derrubada polos Irmandiños, e que segundo Lence Santar figura comprendida na relación publicada por López Gacía baixo a denominación de Castelo da Cova. Aínda que só como conxectura, puido erguerse nos Castelos da praia de Covas.
O Castelo: Topónimo. Lugares das parroquias de Faro e Magazos.
A Torre: Topónimo. Lugares das parroquias de Chavín, San Pedro de Viveiro e Valcarría.
 

 

XERMADE
Pena do Castelo (Goía-Lousada): Citado por Villaamil y Castro.
Torre de Roupar: Pertenceu á casa de Amarante. As principais construcións foron derrubadas cando a revolución de Rego contra Fernando VII no ano 1823. Aínda que apenas quedan restos nun dos muros está declarada como BIC pola Xunta de Galicia. A dona actual da casa contoume que cando hai anos o seu pai a reformou, os canteiros esnaquizaron unha pedra armeira.
O Castelo: Topónimo. Lugar da parroquia de Cazás.
 

XOVE
Monte Castelo: (Vilachá-Portocelo): O topónimo localízase no cumio que coroa a Punta Roncadoira, no extremo máis septentrional do concello. Segundo a tradición, no lugar houbo un castelo, de feito asegúrase  que apareceron restos cerámicos esparexidos polo monte. Nos afloramentos graníticos abundan as pías naturais.
Castelo: Topónimo. Lugar da parroquia de Xuances.
A Torre: Topónimo. Lugares das parroquias de Lago e Sumoas.


o noso patrimonio
Castelos de Galicia (Provincia de Lugo)
Xabier Moure