CASTROS DE GALICIA (PROVINCIA DE OURENSE)

A Idade do Ferro é unha das etapas máis emblemáticas e mellor estudadas da arqueoloxía galega, onde se documenta unha forma de asentamento que deu nome á coñecida como Cultura Castrexa, denominación que non aprace a todos por igual. Malia que se contan por milleiros (aquí achego máis 4.000), só pouco máis de medio cento foron escavados e estudados. É precisamente este período o que deu lugar á controvertida cuestión celta que, lonxe de aproximar os encontrados posicionamentos dos últimos tempos, semella agrandar as distancias entre os investigadores.
 
Nota: Ao final desta entrada, baixo o título "Provincia de Ourense", vou achegando pezas atopadas na provincia pero das que se descoñece a procededencia, sequera aproximada.

CASTROS DA PROVINCIA DE OURENSE

ALLARIZ
O Castelo (Allariz); O Mourello (entre Nanín e Vilaboa-Allariz); San Salvador (O San Salvador-Allariz); Cidade de Armea (Armea-Augas Santas); Pena do Couto (Turzás-Augas Santas); Monte da Moura ou Rubiás ou A Medorra (Os Espiñeiros); Folgoso (Folgoso); Outeiro do Castro (Valverde-Requeixo); Castrelo, San Paio (San Martiño de Pazó); O Castro (Santa Baia de Urrós); Boa Madre (no monte de Boa Madre, entre as parroquias de Folgoso -Allariz- e Torán -Taboadela); Cima de Vila ou Castrelo (lindeiro co concello de A Merca); Coto das Picotas.
O Castelo: Situado á beira do río Arnoia, no Castelo sitúase o nacemento de Allariz. Neste cumio ergueuse un Castelo medieval no século XII.
Cidade de Armea: De planta ovalada con dous redutos defensivos formados por murallas pétreas de aparello irregular de entre tres e catro metros de altura. Ocupa case cinco hectáreas. Estivo ocupado entre os áséculos IV a.C. e IV d.C., xa moi romanizado. Atop áronse máis de medio cento de pedras de forma circular con esvásticas, pedras de xambas ornamentadas, cerámicas lisas e decoradas con incisións, cravos de ferro, dúas estatuas de guerreiros galaCcos adobiados copn cintos e brazais e dúas cabezas humanas, tamén de granito. Na escavación do castro no ano 2011, dirixida por David Pérez e Celso Barba, descubríuse unha vivenda, unha muralla e a imaxe inédita dun guerreiro con espada e honda gravada nun pequeno anaco de cuarcita. Nas escavacións do verán de 2014 descubriuse unha domus romana con habitacións e un patio exterior cuberto, datada nos séculos I, II e III d.C. Tamén se atoparon pezas de vidro galaico-romano, cerámica fina, obxectos dun tear, fíbulas e fíbulas en omega do século I d.C., amuletos fálicos (fascinum), etc. A zona elixida para esta nova actuación foi a coñecida como Finca da Atalaia que xa fora escavada no ano 1957 por Conde Balvís. Segundo a lenda hai agochada unha gran pena chea de ouro. Na tempada de 2021 saíron á luz fragmentos cerámicos, vidro, metais de bronce e ferro, xoias, caldeiros e remaches, pero o achado máis importante foi unha cabeza antropomorfa do século I d.C de figuración humana que estaría incrustada nunha casa. Cabezas deste tipo hai moi poucas no contexto galego, arredor de vinte e a marioría relacionadas con cabezas de guerreiros.
Guerreiro de Armea (Augas Santas): S. I a.C. ou I d.C., consérvase no Museo Arqueolóxico de Ourense. No castro de Armea servía de tapadeira a unha pequena corrente de auga. Antes estivo no pretil da solaina dunha casa de Outeiro da Laxe. Trátase dun torso de guerreiro galaico cortado por debaixo da cintura. Sábese que perdeu a cabeza no século XX cando foi reaproveitado para tapar a canle de auga. Leva brazais, caetra, cinto e espada tipo parazolium empuñada sobre o peito. Este tipo de guerreiros galaicos suscitou abundante bibliografía. Uns cren que foron estatuas de término ou xenios tutelares das cidades, estatuas ctónicas e funerarias, heroes epónimos ou endeusados, espíritos protectores, pezas votivas honoríficas, representacións dun deus bélico, monumentos erixidos a soldados dos castros ao servizo de Roma, sacralización da función guerreira ou representacións de príncipes. Son bastantes as estatuas que aparecen por parellas nun mesmo xacemento, o que se explica pola súa colocación nas entradas do mesmo, e este torso tamén tiña compañía noutra peza, moito máis mutilada, da mesma procedencia e localización.   
Forno de Armea: Agochado nunha cripta baixo unha igrexa inacabada do século XIII. A lenda sitúa aquí unha das esceas do martirio de Santa Mariña (a outra sitúaa xunto a igrexa baixo a advocación da santa). Xaquín Lorenzo Fernández publicou un detallado informe sobre o forno que asocia ao castro de Armeá. Don Xaquín interpretouno como unha cámara ritual vencellada a ritos de incineración. Conde Balvís inclinouse por unhas termas de orixe castrexa, cunha entrada tipo "Pedra Formosa". 
Castro do Outeiro de Boa Madre: Entre as parroquias de Folgoso (Allariz) e Torán (Taboadela), a 688 metros de altitude. Mal chamado de Boa Nai. Arredor da croa obsérvase un segundo recinto. O composto pouco ten que ver do que unha muller é para os seus fillos, ou a femia dun animal para as súas crías. Deriva do latín matre que significa canle ou presa de auga. No terreo da mitoloxía pode facer alusión a unha das tres Matres Gallaeciae célticas (as Matres eran tres divindades femininas, protectoras da fertilidade dos campos e tamén das mulleres). Dende o castro dominábase unha ampla panorámica. Croa cun recinto; vense pedras con pías, algunhas comunicadas por canles. No ano 1995 localicei unha gravura cadrada con coviña central. Lenda: Casou un mouro cunha muller do país e tiveron un fillo negro. A nai quixo bautizalo, pero os mouros condenárona á forca, mais ela conseguiu cristianizar ao fillo quen no intre de lle botar a auga volveuse branco. Os mouros, acontecidos do miragre, perdoaron á nai e déronlle ao lugar nome de Boa Madre. (Recollida por Xesús Taboada Chivite en Etnografía Galega sobre o topónimo Outeiro de Boa Madre).
Castro do Monte da Moura: A 550 metros de altitude, case no límite coa parroquia de Meire. Ten unhas medidas totais de 172 por 134 metros 
Castro Outeiro do Castelo: Sobre el construíuse o castelo medieval de Allariz. 
Castro Pena do Couto: Castro localizado nun outeiro de pouca altura. Non se atopan murallas aínda que si cachotes con caras alisadas nos muros de peche dos valados que separan as propiedades anexas. Hai unha pena de enormes proporcións. 
Tríscele de Aira Vella: Labrado en pedra de granito, atópase no muro dunha casa. 
Santuario de Armea: En marzo de 2011 deuse a coñecer un importantísimo achado no lugar coñecido como Monte do Señorito, próximo ao castro da Cidade de Armeá. O artífice foi o señor Manuel Losada, cando andaba na procura dun marco dunha súa propiedade. O profesor da Universidade de Vigo, Adolfo Fernández, que está a preparar un proxecto de investigación arredor do citado castro e o conxunto histórico, etnográfico e mitolóxico de Santa Mariña de Augas Santas, catalogou o descubrimento como de tremenda importancia. Aínda que a maior parte do xacigo aínda se atopa baixo terra, pódese apreciar un conxunto de escadas monumentais, distribuídas en socalcos, e un gran banco de pedra tallado na rocha, rodeado e delimitado por canles, tamén labradas na pedra. Losada, aínda que cauteloso, sinalou a semellanza co santuario portugués de Panoias (Vila Real), e o profesor Marco Garcia Quintela co tamén portugués da Pía dos Mouros, en Argeriz. Malia o anterior, José Ramón Seara e José Manuel González, da Asociación de Estudos de Santa Mariña de Augas Santas, din que podería tratarse dunha instalación anexa ao castro de Armeá ou parte dunha vila de tipoloxía e datación romana. Cómpre salientar que xusto ao día seguinte do descubrimento por don Manuel Losada, os investigadores citados rexistraron na Dirección Xeral do Patrimonio en Ourense o achádego. O alcalde de Allariz xa adiantou que se realizarán unhas escavacións de urxencia para sacar á luz o conxunto monumental. 
Castro de San Paio: Ovalado. Sobre el construíuse unha capela adicada a San Paio. 
Castelo de Mouresiños ou Malpaso (San Salvador): No PXOM do Concello de Allariz este xacemento está catalogado, erradamente, coma un castro, con ocupacións romana e logo designado como xacemento funerario de época medieval. Estudos recentes están a demostrar que se trata dun castelo cunha ocupación entre os séculos XII e XV, se ben é posible que teña unha orixe alto-medieval. (Para máis información ver a entrada dedicada aos castelos).
 
  
 

  


 



 
 

 
AMOEIRO
Castro do Roeiro (Abruciños); Os Chaos (Amoeiro); Monte da Eirexa (Cornoces); O Castro (As Carballas-Fontefría); Coto do Castro, Coto de Marmán e Formigueiro ou Coto do Castelo (Trasalba); Coto da Zarra (Albeiros-Trasalba).
Castro Coto de Marmán: Aprécianse restos das estruturas arquitectónicas. Apareceron fragmentos cerámicos e tégulas.
Coto do Castro: Desaparecido pola explotación dunha canteira.
Castro do Formigueiro ou Coto do Castelo: Castro sobre un outeiro con boas defensas naturais sobre o río Formigueiro. Conserva restos de posibles murallas. Atopáronse algúns esvásticas, un muíño de man, fragmentos de terra sigillata e o anaco dun molde para agulla. A tradición di que baixo o monte atópase unha trabe de ouro e outra de alcatrán. Tamén se cre que sobre primitivo asentamento ergueuse unha torre na Idade Media, quizais o coñecido como castelo de Alba de Búbal (hai unha pena cunha espada e unha cruz medieval). No mes de xullo de 2016, con recursos do Concello de Amoeiro e un convenio coa Universidade de Vigo, baixo a dirección de Ladislao Castro e no que colabora o arqueólogo Celso Rodríguez Cao, iniciáronse os traballos de excavación do asentamento que deixaron ao descuberto os primeiros vestixios de cultura castrexa, romana e medieval. Nos primeiros días atopáronse anacos de vasillas castrexas e tellas de época medieval e romana.   
Castro Monte da Eirexa: Agás as pronunciadas pendentes que arrodeaban o recinto castrexo, só se conserva algún resto do que puideron ser as murallas. O castro atópase totalmente alterado pola constución dunha igrexa de orixe románica do século XII, o cemiterio e a reitoral, hoxe en día en ruínas. 
Castro do Rodeiro (Abruciños): Apareceu unha lápida que na súa cara anterior, a xeito de cartela, presenta unha inscrición nunha liña sobre un campo escavado onde se le: Orius. 
Castro de Zarra: Apareceron fragmentos cerámicos. Nunha as ladeiras do outeiro do castro localizáronse unhas rochas con petroglifos. 
Relevo do Formigueiro (Trasalba): Utilizado primeiro como altar, un relevo da Idade do Ferro decora na actualidade a fachada da capela de Formigueiro. Presenta motivos xeométricos e un friso de cabalos, un deles con xinete. Outro relevo, con motivos xeométricos semellantes, foi colocado no lavadoiro da parroquia de Fontefría. 
Fontefría: No lavadoiro podemos ver outra pedra decorada con motivos semellantes ao de Formigueiro. Nunha casona, hoxe en día abandonada, consérvanse as esculturas de dúas caras ciceladas nunha columnas, coñecidas como os Cabezóns das Casas das Tías Casildas, de posible adscrición castrexa. Na capela de San Xiao, unha ara adicada aos Lares Viais utílizase como pía de augan bendita. 
Igrexa de San Pedro de Trasalba: Nun muro da igrexa consérvase a escultura, disque, dunha cabeza castrexa. Eu teño as miñas dúbidas canto á súa adscrición cultural. Se ben é evidente que foi reaproveitada, o burato que parte da boca continúa cara a parte superior posterior da cabeza (comprobeino cun arame) o que pode ser indicio de que se puido utilizar como un cano por onde pasaba a auga.
 




 

A ARNOIA
O Coto da Cidá ou da Cibdade (Carnós-A Arnoia); Coto do Castro ou Lapela (Lapela-Remuíño). 
Castro de Lapela: Sobre a aldea de Lapela, no val do río Arnoia, a 300 metros de altitude. De 90 por 55 metros. Defendido por varios terrapléns. Na acrópole vense dúas pías megalíticas e unha cruz na pena máis alta. Conta F. Cuevillas que ata aquí subían a Virxe en procesión, depositándoa sobre unha das pías megalíticas. 
Castro O Coto da Cidá ou da Cibdade: A 366 metros de altitude. De forma ovalada, de 100 por 80 metros. Na parte superior instalaron un repetidor de TV, tamén está afectado por camiños e terras de cultivo. Apareceron cantos e lascas de cuarcita.
 

 

AVIÓN
Coto dos Mouros (Casar do Nabo-Abelenda); Coto do Castro ou San Vicenzo (Avión); O Castro (Barroso); O Cruceiro ou Coto de Santa Uxía (Beresmo-Avión); O Castro (Barroso); Rodela ou A Roda (Taboazas-Couso). 
Coto do Castro ou de San Vicenzo: Dende o seu emprazamento dominábase o val do río Avia. Moi achandado, consérvanse restos dun foxo e dun parapeito de terra e pedras. Apareceron fragmentos cerámicos. Hai un conxunto rupestre formado por un grupo de afloramentos graníticos con varios rebaixes e entalles artificiais. Por medio de cinco banzos escavados na rocha accédese a varias cavidades rectangulares, cazoletas e algunha cavidade natural. A primeira mención débese a Eladio Rodríguez González no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano (1958-1961), onde fai alusión a un "altar natural que presenta todas sus características". O xacemento foi estudado por García Quintela e Seoane Veiga (2013). Os banzos semellan ter como única función acceder ao conxunto de ocos naturais e artificiais.   
Castro da Rodela: De grandes dimensión, asenta sobre un esporón na marxe esquerda do río Couso. Posúe un único recinto delimitado por parapeito e foxo.
 


BALTAR
San Martiño ou O Santo (Sabucedo dos Peros-Abades); Sabucedo ou A Coroa (Sabucedo dos Peros-Abades); Outeiro (Baltar); Outeiro da Cruz (Garabelos-Garabelos do Bouzo); Outeiro, da Muradellas ou Casarellas ou Muralla dos Mouros (Tosende); Outeiro do Crasto ou Santo Antoniño (Santo Antoniño-Vilamaior da Boullosa); A Boullosa ou Outeiro do Demo, O Castriño (Vilamaior da Boullosa).
Castro da Boullosa ou Outeiro do Demo: A 1.231 metros de altitude. Presenta un recinto central de forma ovalada de norte a sur cunhas pendentes moi pronunciadas que actuaban como defensas naturais, reforazadas por tres liñas de murallas. Apareceron restos cerámicos. Bo dominio visual sobre a contorna.
Castro do Castriño: Afloramento rochoso sobre o río da Rousía.
Castro das Muradellas: Ovalado, defendido por terrpléns e muralla con parapeito e tres liñas de fosos. Apareceron restos cerámicos. 
Castro de Outeiro (Baltar): Na Serra de Gomariz. Atopáronse, entre outras, pezas de bronce do século I d.C. e unha esvástica datada entre o s. II a.C. e o I d.C. Tamén moedas romanas.
Castro do Outeiro da Cruz: De pequenas dimensiós. Segundo a tradición oral apareceron anacos de tégulas e cerámicos.
Castro de Sabucedo: A 989 metros de altitude, sobre o rego do Carballal. Ten unhas medidas aproximadas de 178 por 160 metros en conxunto, cunha croa polo norte de 70 por 60 metros. Conserva parte dun foxo polo sur-este.
Castro de San Martiño: Moi alterado, sobre o asentamento levantouse a capela do San Martiño e outras construcións.
  
 

 



BANDE
Crastro de Seoane (Seoane-Bande); O Crasto de Sarreaus (Sarreaus-Bande); Lobosandaus (Os Baños); Pena Maior (Vilela-Os Baños); Rubiás (Rubiás-Cadós); Muralla Grande ou Celme (entre Güín e Congostro, en Rairiz de Veiga); Fervenza (Fervenza-O Ribeiro). 
O Crastro (Seoane): Situado nun outeiro, está defendido por un profundo foxo que o arrodea no sector E e NE. Atopáronse materiais cerámicos. 
Castro de Lobosandaus: De grandes proporcións, ten unhas medidas de 450 por 200 metros. Situado nunha dorsal paralela ao río Limia. Aprécianse dous foxos paralelos con parapeito entre ambos. Polo oeste a rocha está cortada a pico. A coroa está formada por un afloramento granítico. Na terraza vense construcións redondas e cadradas, e buratos de poste escavados na rocha. No Límite con Lobeira 
Castro de Penamaior: Posúe unha ampla visibilidade sobre o entorno, controlando os vales dos ríos Limia e Cadós. O cumito está rematado por un afloramento granítico sobre o que colocaron un vértice xeodésico.   
Castro de Rubiás: De forma ovalada, ten unhas medidas de 350 por 300 metros Algúns autores sitúan aquí a capital do Querquernos. Polo sector NO está definido por un foxo. Unha das terrazas está ocupada por construccións tradicionais (hórreos, palleiras, etc.). Ademais da cabeza citada a continuación, apareceu unha aguia de bronce do século I-II d.C., frisos, etc.
Guerreiro ou Cabeza de Rubiás: Peza galaico-romana do s. I d.C. Cabeza na que o autor procurou tallar todos os elementos anatómicos e un torque no pescozo. Vexamos un pouco a historia desta escultura. A primeira referencia a unha escultura humana en pedra no castro de Rubiás é de Castellá (1609) que realiza unha descrición dun guerreiro galaico e di que no escudo tiña a inscrición "ADRONO/VEROTI F". No 1733 recolle isto Huerta y Vega, e repíteo no 1832 Cea Bermúdez. Mais López Ferreiro publica no 1898 un documento de Odino do ano 982 no que se fai doazón de Santa Comba ao mosteiro de Celanova e, ao sinalar os lindes, aparece unha efigiem ominis sculpta in petra. Cuevillas, que descoñece este documento, sitúa o castro de Rubiás no Monte das Neves de Celanova e di que alí apareceu o Adrono. Bouza, descoñecedor da zona mais non do documento, menciona esta localización errada en Cuevillas e apunta que a efigiem ten que ser a mesma de Castellá. No 1935 a Comisión Provincial de Monumentos de Ourense descobre o verdadeiro castro de Rubiás e atopa a cabeza que axiña relacionan co Adrono. Tres anos despois, Cuevillas e Lorenzo Fernández escriben un artigo no que intentan demostrar contra Bouza que a efigiem do século X e o Adrono de Castellá non poden ser a mesma, pois a primeira estaba en campo aberto e a segunda dentro do castro, o que non convence xa que dende o ano 982 ao 1609 puido ser trasladada. En definitiva, aínda non se sabe a ciencia certa se houbo tres estatuas (a efigiem, o Adrono e a cabeza de Rubiás) ou se a efigiem foi levada ao lugar de Rubiás, logo partida e hoxe só se conserva a cabeza. Pódese ver no Museo Arqueolóxico de Ourense.
  
  


 


 

BAÑOS DE MOLGAS 
Outeiro do Castro (A Acea-Ambía); Outeiro das Touciñas (Alvite-Baños de Molgas); Formigoso (Baños de Molgas); Outeiro das Tapadas (Vilariño-Lama Má); Ciadella, entre Presqueira e Guamil; A Ciradella (Frebenza-Vide). 
Castro da Acea ou do Outeiro do Castro: Situado nun esporón de caída cara o río Arnoia. Divisorio entre os concellos de Baños de Molgas e Xunqueira de Ambía. Protexido por un terraplén e varias zonas de muralla. Polo sur apréciase algún foxo. As pedras do castro foron reaproveitadas nos camiños próximos. Despois de décadas de abandono, a finais do ano 2017, no marco do proxecto Leader, encargado polos concellos de Baños de Molgas e Xunqueira de Ambía, comezaron os traballos para poñelo en valor. As escavacións están dirixidas por David Pérez e César Barba. A súa cronoloxía podería ser do século II a.C. Apareceron dous "horrea", segundo os arqueólogos trátase, polo de agora, dos achados máis salientables das escavacións; estarían dataodos, posiblemente, no século II ou III a.C., tratándose do primeiros canastos castrexos que se documenta na provincia de Ourense. Moi preto apareceu outra edificación que ben podería tratarse dun almacén. Tamén saíron á luz pezas de orfebrería. 
Castro da Ciradella: Castro de pequenas dimensións 
Castro da Ciadella: Castro de grandes diemensións que ocupa a totalidade dun esporón sobre o regato de Bouzas, cunha ampla panorámica sobre a contorna. A croa está definida por un socalco. As defensas están constituídas por fortes terrapléns naturais, sendo o S-O o de máis fácil acceso. Atopáronse restos cerámicos, escouras de fundición e un muíño naviforme. 
Castro do Outeiro das Tapadas: Entre as parroquias de Lama Má e Vide, a 690 metros de altitude.
Castro do Outeiro das Touciñas: Asentamento de pequenas dimensións cunha croa circular con afloramentos graníticos. Na parte norte contaría cun terraplén natural como defensa, e polo sur e oeste, de acceso máis doado, podería contar con algún sistema que complementaría as defensas.      
Altar: Eladio Rodríguez González, no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano (1958), di que na parroquia de Almoite había un altar druídico.
 

 


BARBADÁS
Os Castros (nos montes da Vaqueriza): Situado sobre un cume puntiagudo e rochoso onde se pode observar unha construción circular posta ao descuberto por escavacións furtivas. Con motivo dos traballos dunha canteira saíron á luz fragmentos de cerámica castrexa.
Castro de Louredo: Lindeiro co concello de Toén. Presenta unha gran croa de forma irregular cunha terraza pola parte occidental. Non se conservan restos de murallas. Apareceu tanto cerámica castrexa como romana e dúas aras, unha adicada a deusa Diana e outra ao deus Xúpiter. Sobre unhas rochas vense unhas pías, posibles muíños naviculares. A primeira referencia ao castro apareceu no Boletín da Comisión de Monumentos de Ourense no ano 1898 onde di que apareceron pedras con inscricións e debuxos, sillares labrados, anacos de armas, etc. Da asociación Amigos do Patrimonio de Toén recollo: En 1921, Nemesio Barja publica unha relación sobre o Coto de Louredo na Revista Nós. Fala dunha escavación que as xentes de Mugares fixeron no xacemento para buscar un tesouro, mais só atoparon: "Atopar non s' atopou alí mais que cachos de pote, tellas, cazolas y-unha chapa de metal". Non sabían os paisanos que o que pensaban que era ferralla e escombros era o tesouro.
Castro da Palleteira (Valenzá): Forma tirando a oval, con dous recintos amurallados precedidos dun foxo. Construíuse unha caseta de vixilancia e un vértice xeodésico.

O BARCO DE VALDEORRAS
Os Castrellós (Alixó); Buraco da Moura (Outeiro do Xardoal-O Barco); O Castro (O Castro de Valdeorras); Outeiro do Xirimil (Éntoma); Casteliño Redondo e O Xardoal (Forcadela); O Castillo, Os Lombos (Millarouso e Santurxo); A Pobra (A Pobra); O Pendón ou Alto de San Pedro (Santa Mariña do Monte); Boca do Regueiro (Albar-Santigoso); O Castrillón e O Castro (Santigoso); Soutariz (Soulecín-Santigoso); O Cavaxón (Vilariño-Santigoso); A Escrita e As Torres (Viloira); Moucido (Vilaúca-Xagoaza).
Castro de Casteliño Redondo: A 579 metros de altitude. Case no límite con O Val (Rubiá). Recinto principal de 117 por 100 metros, con antecastro polo este.
O Castro: Sobre o primitivo asentamento castrexo ergueuse un castelo que xa existía no século XII. Durante a restauración da torre medieval, comezadas a mediados do ano 2012, saíron á luz os restos do asentamento castrexo coa aparición de cerámica que vai dende época prerromana ata o século IV. A aparición dos restos non sorprendeu a Santiago Ferrer, responsable da escavación, xa que noutras escavacións máis pequenas relacionadas coas obras de casas xa se atoparan restos das orixes desta vila de O Castro. Unha das buscas clásicas da historia de  Valdeorras é a localización de Calúbriga, o principal asentamento da zona durante a romanización lugar que, para a maioría dos investigadores, estaría asentada en O Castro.
Castro do Cavaxón: A 725 metros de altitude, cunhas medidas de 96 por 60 metros.
Castro da Escrita: A 580 metros de altitude. 103 metros de longo e pouco máis de 30 metros de ancho. Alterado pola estrada que vai a Santigoso.
Castro dos Lombos: Pequeno recinto de 70 por 30 metros. Nun esporón que se adentra no río Sil. Apareceron tégulas.
Castro de Millarouso: Presenta un recinto, tirando a circular, con tramos de murallas.
Castro Moucido: Moi alterado polos labores forestais. No voo americano do ano 1956-57 aínda se aprecia a metade da muralla.
Castro do Outeiro do Xirimil: No límite con Rubiá de Valdeorras, a 604 metros de altiude. Controlaba os pasos naturais dos ríos Sil e Cigueño. Ten forma ovalada defendido por foxos escavados na rocha de lousa, cunhas dimensións de 165 por 85 metros. Romanizado.
Castro do Pendón: No Alto de San Pedro, entre o río Sil e o regueiro do Real, no límite con Vilamartín de Valdeorras. Foso desfigurado polos labores agrícolas.
Castro de O Xardoal: A 834 metros de altitude. Circular, arrodeado por unha muralla de pranchas de lousa e pedras calcarias. Ten dous foxos escavados na rocha. Vense pedras unidas con morteiro o que indica posiblemente a existencia dunha torre medieval.

 

 


 
  
BEADE
Beade, A Forxa e A Mourisca (Beade);A Portela (A Portela-Beade); Coto do Castro (Beade). 
Castro de Beade: A 217 metros de altitude. Vense moitas rochas con pías, tanto dentro como fóra do recinto. Apareceu abundante material cerámico e unha basa de época romana. 
Coto do Castro: Nun outeiro granítico. Ten unhas medidas de 120  por 110 metros. Posible foxo e terraplén. Nas inmediacións apareceron restos dunha vila romana e un sartego antropoide.
A Forxa: Sobre un afloramento rochoso. Non se aprecian restos construtivos. 
Castro da Mourisca: Situado nun altorelo a 220 metros de altitude. Apareceron restos cerámicos de época romana e unha basa dunha columna. Alterado por roturacións e construcións.


BEARIZ
Garfián e Magros (Beariz); Muradás (Muradás-Beariz); Os Liñares e Ventelas (Lebozán).
Castro de Garfián: Conserva parte da muralla e un alxibe. Na croa poden verse unhas rochas con petroglifos de época prehistórica e medieval. No ano 2021 limpouse o castro e sinalizouse, ademais do levantamento fotogramétrico. A petición do Concello, en setembro de 2022, a Consellería de Cultura adxudicou 13.500 euros para localizar as estruturas ocultas e a funcionalidade e cronoloxía.
Castro de Magros: Situado a 728 metros de altitude. Apenas son visibles as súas defensas. Atopáronse restos de muíños de man, cerámica e escouras de metais.
Castro de Muradás: Moi alterado, cortado por unha estrada.
Pena do Castro: Topónimo na parroquia de Lebozán. Non se observan restos de estruturas defensivas ou habitacionais.

 

 
OS BLANCOS
O Santiño (A Aspra-Aguís); Ouvigo (Os Blancos); Outeiro de Almeide (Covelas); Aguiar (Covas); Parada de Ribeira (Covelas); O Castro (Guntín).
Castro de Parada de Ribeira: Entre a parroquia de Covelas (Os Blancos) e Parada de Ribeira (Xinzo de Limia). En orixe tiña unhas medidas aproximadas de 170 metros de longo e 120 de ancho máximo rodeado por unha muralla e foxos. Na parte sur aínda se aprecia unha croa circular duns 60 metros de diámetro. No mes de xullo de 2018, os veciños habilitaron un camiño de acceso ao castro ubicado a uns 140 metros dunha canteira e dunha planta asfáltica. Apareceron muíños circulares. 
Castro do Santiño: Situado nun esporón, boas condicións defensivas e dominio visual da contorna. Croa ovalada arrodeada por terraplén e foxo. Apareceron tégulas e pezas de muíños.
Outeiro de Almeide: Situado nun outeiro con boas defensas naturais. Identificado no ano 1991 como resultado da prospección arqueolóxica levada a cabo por Nieves Amado, Isabel González e Cristina Varela. Boa visibilidade da contorna. Posúe dous recintos, o superior de forma elíptica protexido con terraplén e foxo. Apareceron restos de cerámica común romana e restos de tégula. Limita coa parroquia de Laroá, en Xinzo de Limia.
Escultura de Guerreiro galaico (Nocedo): Parte inferior das pernas dun guerreiro galaico do século I a.C. Custodiada no Museo Arqueolóxico de Ourense.
 

 
 

BOBORÁS
Monte do Coto (O Igrexario-Albarellos); Astureses (Astureses); A Teixeira (Brués); Outeiro do Castro (Figueiroa-Cameixa); Meimón (Vilachá-Feás); Moldes (Moldes); Carricovas ou Souteliño (Xurenzás).
Castro de Cameixa: Foi escavado por López Cuevillas e Xaquín Lorenzo Fernández entre os anos 1944 e 1946 que deixaron ao descuberto un tramo da muralla xunto dúas construcións circulares e unha cuadrangular. Descubriron restos de construcións máis antigas xa que apareceron anacos de barro mesturados con palla e material cerámico. Proporcionou a primeira secuencia estratigráfica nun castro da provincia de Ourense. Tamén apareceron obxectos de bronce (broches e fíbulas de pequeno tamaño), e fragmentos de muíños de man e abundante material cerámico (xarras, pratos, cuncas...), xunto con muíños de man ou morteiros. Ten un recinto principal de forma ovalada, de 90 por 130 metros, circundado por un terraplén que nalgúns tramos acada os 20 metros de alto. Polo sur e suroeste aparece un antecastro duns 25 metros de ancho máximo. No mes de novembro de 2018 realizáronse unhas escavacións por iniciativa do Concello e a colaboación da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Nos traballos, dirixidos polo arqueólogo Jorge Lamas Bertolo, no exterior da muralla saíron á luz varias lousas con burato central o que indica que había cabanas elaboradas con palla e barro, tamén construcións circulares de pedra. O castro ten unha ocupación que algúns investigadores remontan ao século VI a.C. e que perduraría ata o século I d.C., período no que se produciron varios asentamentos. Na quinta campaña (2022) saíu á luz unha gran factoría metalúrxica do sécul I d. C. O director das escavacións, Jorge Lamas, considera de grande importancia este achado sobre o traballo que se desenvolvía na zona. Apareceron placas e un gancho de ferro, restos cerámicos e dúas contas de colar de pasta vítrea. Xunto este pódese ver unha construción circular do século III d. C. que ten superposta outra cuadrangular posterior e outras dúas anexas.
Castro de Carricovas: Coñecido tamén como de Souteliño (aldea da parroquia de O Irixo) ou Cercas.A 645 metros de altitude. Consta dun recinto central defendido por terrapléns e foxos. Lenda onde os mouros sacaban a asollar o millo, e mentres termaban del, peiteábanse cos seus peites.  
Castro de Meixón: Segundo a lenda hai dúas trabes, unha de ouro e outra de alcatrán custodiadas polos mouros. 
Castro de Moldes: Catalogado por López Cuevillas no 1920. Na súa croa ergueuse a igrexa románica e o cemiterio. Disque aquí estiveron os templarios.

 


  
 
  

 


A BOLA
Monte do Castro (Berredo); O Forriolo (San Martiño de Berredo); Fechas (Fechas-Sorga); Munia (As Mamoelas-Sorga); O Castrillón (Soutomel).
O Castrillón: Entre as parroquias de Soutomel e Orga (Celanova). De 160 por 140 metros.
Castro de Fechas: A 640 metros de altitude, sobre o rego de Vilariños. 
Castro do Forriolo: Presenta forma ovoidal. Moi arrasado.
Castro de Munia: A 800 metros de altitude. Moi arrasado polos labores agrícolas.
Monte do Castro ou castro de Berredo: A 752 metros de altitude sobre o regueiro da Porta. De forma tirando a ovalada cunhas medidas aproximadas de 105 por 72 metros, sitúase no cume dun pico rochoso con excelentes defensas naturais polas acusadas pendentes que o circundan e rodeado por un cercado que orixinalmente puido ter sido unha muralla pétrea xa que hai moita cachotería de granito e rebaixes e cazoletas nas rochas para apoiar a muralla. No ano 999 está documentado eiquí o Castellum Berreti, mandado construír polo rei portugués Afonso Henriques.
 

 

O BOLO
Rañalobos (Buxán); Castro dos Bois ou Choutiso (Cambela); Anta (Chao do Castro); Alto da Abada (As Ermidas); O Casquete e Tastaravás (Fornelos); O Cabezo (Lentellais); O Castro (Os Orxais-Paradela); O Souto (Santa Cruz); Alto do Pendón (San Pedro dos Nabos-Teixido); Vilaseco (Vilaseco).
Castro do Casquete: Entre Teixido (O Bolo) e Prada (A Veiga). A 1.000 metros de altitude.
Anta ou Chao do Castro: Practicamente destruído, sobre o asentamento construíuse a igrexa parroquial. Nas inmediacións da igrexa apareceu unha epígrafe que Rodríguez Colmenero (1997), despois de traducido, di: "Marco Sigiro fixo esta dedicatoria a Anodio". Sobre a inscrición hai unha figura antropomorfa que pode ser a representación dalgunha divindade. Mais, segundo Silvia Alfayé (2013), cando se desprazou ao lugar no ano 2010, a peza desaparecera, descoñecéndose o seu paradoiro actual. Pero si tivo acceso a varias fotografías e un debuxo realizados por un veciño. Á vista das imaxes puido comprobar que non se trata dunha peza romana, senón moderna, onde o suposto teónimo indíxena Anodio débese ler en realidade como AN(n)O D(e), e a figura sería a representación esquemática dunha cruz cristiá. 
O Castro (Orxais): A 1.050 metros de altitude. Practicamente destruído. 
Castro dos Bois: Coñecido tamén como do Choutiso. A 986 metros de altitude. De forma ovalada, ten unhas medidas de 130 por 85 metros. 
Castro de Rañalobos: No Alto de Rañalobos, a 992 metros de altitude. Teño dúbidas de que se trate dun castro, creo que podería tratarse dun castelo roqueiro baixo-medieval. Ten unhas medidas aproximadas de 135 por 120 metros. 
 

 
 

CALVOS DE RANDÍN 
Penas Altas (Nogueira-Calvos); A Cidade ou A Cibdá (Castelaus); O Castro ou A Torre (Paradela-Randín); Outeiro da Cerca ou As Presas (Lumear-Rioseco); Rubiás, O Crato ou A Torre (Rioseco).
O Castro ou A Torre: Situado nun outeiro rochoso, ocupando a posición central dentro do curso alto do río Salas, dominando visualmente as terras de cultivo deste val. Presenta un gran complexo defensivo constituído por un foxo así como un gran número de terrazas discontínuas executadas por medio de murallas construídas con grandes bloques graníticos.
Castro da Cidade do San Vitoiro ou da Cibdá (Castelaus): A maior parte da superficie do castro pertence a Castelaus (Calvos de Randín), só as ladeiras septentrionais atópanse en Porqueira. Situado nun outeiro rochoso dunha pequena dorsal entre dous cursos de auga. Presenta planta ovalada. A croa está delimitada en parte por pedras graníticas. Contaba con muralla pétrea reforzada cun foxo na parte máis accesible. Atopáronse fragmentos de cerámica castrexa. Preto do río Firbeda e da súa fervenza onde segundo a lenda aparecía unha moura antes de saír o sol para peitearse os cabelos dourados cun peite de ouro; entre o Pozo da Firbeda e a Cidade hai un túnel; no camiño que sube ata o castro hai unha cadea de ouro que os carros van desgastando cando as rodas pasan por riba.
Castro do Outeiro da Cerca ou As Presas: A 1.22 metros de altiude. Control visual sobre os vales do río Mestas, tributario do Limia no concello de Porqueira, así como do río Salas. Presenta un complexo sistema defensivo composto por un foxo que corta a comunicación deste recinto co resto do monte polas partes norte, leste e sur. As murallas serven de elemento diferenciador das distintas terrazas. 
Castro de Penas Altas: A 932 metros de altitude. Nun outeiro rochoso. Foi afectado por unha canteira.
Castro de Rubiás: A 982 metros de altitude, case no límite coa parroquia de Rubiás dos Mixtos.
Tortas de fundición: Na "Peza do mes" do Museo Arqueolóxico de Ourense (outubro de 2017) di que as primeiras noticias da existencia dun tesouro arqueolóxico no concello de Calvos de Randín foron proporcionadas polo xornal La Región, que en xaneiro de 1962 facíase eco do descubrimento fortuíto de 17 tortas de prata achado por uns obreiros cando realizaban traballos nunha pista forestal do monte Facho, nas terras de Feás. Segundo relataron, as pezas atopábanse ocultas no interior dunha vasilla cerámica que se fracturou ao recollela, e que estaba protexida por un pequeno muro circular de pedra. Posteriormente a garda civil recuperou todas as pezas depositándoas no xulgado de Verín (Xinzo de Limia a dicir de Xaquín Lorenzo), e logo foron trasladadas ao Museo Arqueolóxico Provincial. O depósito deuse a coñecer á comunidade científica por parte de Xaquín Lorenzo na revista Archivo Español de Arqueología, "Tesorillo protohistórico de Calvos de Randín", dando conta das circunstancias do achado que sitúa entre Lomear e Pintás. As tortas de prata maciza do conxunto teñen formar xeral ovalada e sección plano-convexa. Na cultura castrexa son testemuña da forma máis habitual de almacenamento de metais nobres para a súa comercialización ou para a súa posterior transformación polo ourive, quen iría cortando "bocados" a medida que precisase material. Así pois, o tesouriño de Calvos de Randín é un conxunto de torgas-lingote de prata de moi alta calidade, de probable importación do sur da Península, ocultos no seu día, en plena cultura castrexa, entre o 213 e o 88 a. C., cul alto valor económico, cunha función primaria vinculada á ourivería e unha posible secundaria pre-monetaria.

 
 


 

CARBALLEDA DE AVIA  
Coto da Cidá (Abelenda das Penas); Sucastro (Beiro); Coto da Moura (Carballeda); Coto do Castro (Muimenta); Man da Moura (Santo Estevo-Novoa); Monte do Castro (Vilariño-Carballeda). 
O Sucastro: Trátase dun monte rochoso coa cima achairada e con dúas plataformas cara o norte. Forma tirando a elíptica co eixo maior duns 70 metros. Defendido por fortes terrapléns naturais. Apareceron fragmentos cerámicos en superficie. Segundo a lenda, comunícase co castro da Cidá de Abelenda.    
Castro Coto da Cidá: A 376 metros de altitude. Forma elíptica. Na cima hai grandes penas graníticas. Defendido por dúas murallas pétreas. O recinto inferior presenta unhas boas defensas formadas por grandes penas verticais e o resto protexido por unha muralla. Nunhas rochas escavaron o que semellan uns lagares. 
Castro Coto da Moura ou Man da Moura: Entre os concellos de Carballeda, Melón e Ribadavia, nun outeiro con abundantes afloramentos graníticos. Coñecido tamén como castro de Orxás. Situado a 400 metros de altitude, apareceron estruturas habitacionais, restos cerámicos e tégula. Na croa hai varias penedas cuns sucos ou pías gravados que semellan se utilizaron para asentar algún tipo de edificación. Citado no Tombo do mosteiro de Melón. 
 


CARBALLEDA DE VALDEORRAS
Currelos e A Fraga dos Mouros (Candeda); O Castrillón (Bascois-Carballeda); Os Castrelos (Carballeda); Os Castros da Teixeira (Casaio); Casoio e O Remanso (Casoio); O Castelo (entre Domiz e Robledo); O Castrillón (Domiz); O Cerquillón e A Portela (A Portela do Trigal); O Castelo (Pumares); Viladequinte (Viladequinte).
O Castelo (Domiz): Segundo o catastro atópase no monte das Cuartas. Situado a uns 740 metros de altitude, é de forma elíptica, de 75 por 35 metros. 
O Castelo (Pumares): No monte Castelo. Outeiro situado a 522 metros de altitude, entre os regueiros do Caborco da Horta e de Pumares. Posible fortaleza medieval construída sobre un antigo castro de forma ovalada cunhas medidas aproximadas de 155 por 60 metros.
Castro de Candeda (Candeda): Hai unha cova onde, segundo a lenda, se agochaban os mouros. 
Castro de Casoio (Casoio): A 608 metros de altitude, no monte da Capela. Ten unhas medidas aproximadas de 100 por 55 metros. 
Castro do Cerquillón (A Portela do Trigal): No monte Val do Peral, a 750 metros de altitude. Duns 80 metros de diámetro.  
Castro de Currelos (Candeda): A 900 metros de altitude, no monte Poula dos Novaliños. A uns 300 metros do regueiro das Tercias. De 125 por 65 metros, arrodeado por un foxo en case todo o seu perímetro.  
Castro do Remanso (Casoio): A 1.170 metros de altitude, sobre o río Riodolas, no monte coñecido como A Veiga. Ten unhas medidas de 60 por 55 metros. Asociado, posiblemente, a unha explotación mineira de época romana.  
Castros da Teixeira (Casaio): Trátase de dous asentamentos situados a 1.170 e 1.425 metros de altitude, separados entre si uns 260 metros. Foron destruídos por canteiras. Segundo as imaxes do voo americano dos anos 1956-57, tiñan unhas medidas de 50 por 40 metros e 108 por 85, respectivamente; neste último observábase unha potente muralla.     
Os Castrelos (Carballeda): A 450 metros de altitude, entre os regueiros de Valdeanes e do Lagar. De 75 por 95 metros.   
O Castrillón (Bascois-Carballeda): A 575 metros de altitude. Destruído por unha canteira. Segundo as imaxes do voo americano dos anos 1956-57, tiña forma ovalada de 42 por 30 metros.   
O Castrillón (Domiz): A uns 800 metros de altitude, sobre o regueiro do Val. De forma ovalada, cunhas medidas de 100 por 80 metros. Segundo a lenda viviron os mouros ata que foron expulsados polos cristiáns.
 

 
 
 
O CARBALLIÑO
Coto do Mosteiro (O Mosteiro-Lobás); Mesego (Mesego); O Castro (A Barreira-Mudelos); O Castro (O Penedo-Partovia).
Castro Coto do Mosteiro: Situado a 525 metros de altitude. Ata o século XX a única referencia aparece no Madoz (1848) onde di: "... existen los vestigios de un torreón o castillo, que se conoce que estuvo amurallado, y se cree obra de romanos, o por lo menos del tiempo de los moros". No ano 1976, nun artigo asinado por Julio Lama no xornal La Región, fala de antigas edificacións de "origen celta y se está produciendo un gran espolio". As últimas intervencións arqueolóxicas, realizadas baixo a dirección de Orero Grandal, datan dos anos 1984-85. Ao non dispor de boas defensas naturais, está protexido por catro recintos defensivos, tres xustapostos ao central. A muralla que circunda o primeiro e segundo recintos pola súa parte occidental amosa algúns treitos en forma de socalcos de considerable anchura. Tamén se poden ver estruturas habitacionais. Entre outros obxectos, apareceron fíbulas e útiles líticos; L. Orero atopou un gancho de madeira que servía para atar monllos de herba. A pesares de ser un dos castros máis espectaculares da provincia de Ourense, o seu estado de conservación é lamentable, as árbores e a matogueira inzan todo o xacemento.
Castro da Barreira: A 475 metros de altitude. Forma alongada, cunhas medidas de 197 metros de longo e 109 de ancho. Croa polo norte, cunhas medidas aproximadas de 72 por 72 metros.
   



 
 
CARTELLE
A Cividade ou Cidá de Pereda (Pereda-Cartelle); Outeiro de Pazos, Outeiro de Vimieiros (Espiñoso); Outeiro de Doniz e A Rodeliña (Doniz-Espiñoso); O Couto (O Mundil); Sabucedo (Sabucedo de Montes); Monte do Castro e Sande (Sande); Monte do Santo (Vilar de Vacas).
Monte do Castro: Non se aprecian restos visibles no impresionante outeiro granítico situado sobre o río Arnoia. Sobre o castro construíuse a fortaleza medieval de Sande.
Castro da Cividade: 175 por 125 metros. Terraplén e foxo.
Castro da Cidá de Pereda: De 160 por 127 metros.
Castro Monte do Santo: Forma ovalada. Boas defensas naturais sobre un esporón do río Arnoia.
Castro Outeiro de Doniz: Entre As Marabillas e Doniz. De 214 por 140 metros.
Castro de Outeiro de Pazos: Presenta unha forma ovalada. Atopáronse restos cerámicos e tégulas de época romana. 
Castro de Outeiro de Vimieiros: López Cuevillas e Bouza Brey (1929) recollen unha lenda relatada por un rapaz chamado Cabanelas, veciño de Sabucedo): "Na noitee de San Xoán sai no Outeiro de Vimieiros unha moura que se pon por riba de un penedo que hai na banda oeste do castro. En canto se pon n-iles, deita no sitio unha fonte e a moura lávase n-ela a cara e pentea os seus cabelos".   
Castro/castelo de A Rodeliña: Pequeno castro case circular de 60 por 65 metros. Sobre el edificouse unha torre medieval. Citado como Vimeira no ano 1025 e como Peraria no 1027.
Castro de Sande: A 470 metros do castelo medieval. Forma ovoidal, de 180 por 165 metros. Foxo en todo o perímetro.  
Castro de Vilar de Vacas: Forma ovoidal, construído nun esporón sobre o río Arnoia. 
 

 
 

CASTRELO DE MIÑO
Santa Lucía (Astariz); Castrelo e Outeiro (Castrelo); O Castro (Ramirás-Macendo); Outeiro ou O Valebo (O Pousadoiro-Ponte Castrelo).
Castrelo (Padreiro-Castrelo): Castrelo de Miño aínda era coñecido na Idade Media como o Castrum Minei. Sobre o castro ergueuse a igrexa paroquial de Santa María. Ao parecer, na decáda dos oitenta do século XIX, atopáronse moedas e algunhas lápidas de época romana. Nunha carta enviada polo abade ecónomo e outras persoas ao ministro de Gracia y Justicia no mes de xuño de 1928, di que no seu adro consérvase un baixorrelevo "anterior al Cristianismo", empotrado na muralla.
O Castro (Macendo): Presenta forma elítptica. Apareceron restos cerámicos de época castrexa e cerámica e tégulas romanas.
Castro de Outeiro (Castrelo): Situado nun pequeno saínte cara o encoro de Castrelo. Moi alterado pola proximidade ás instalacións da central eléctrica.
Castro de O Outeiro ou do Valebo (Ponte Castrelo): No lugar de Pousadoiro, na zona denominada O Valebo. Presenta forma ovoidal; apareceu cerámica galaico-romana.
Castro de Santa Lucía: Castro que foi romanizado. Un lagar atopado dentro do castro evidencia a antiga tradición vinícola da zona. Podería datarse entre o século I-II d. C. Dende o ano 2017 estanse a levar a cabo dende a Universidade de Vigo unha serie de investigación para coñecer máis sobre o xacemento. Nos traballos arqueolóxicos realizados entre os días 14 e 15 de febreiro de 2020 saíron á luz unha serie de estruturas que poderían corresponder aos muros da capela de Santa Lucía á que moitos veciños fan referencia pero da que non se coñecía a localización exacta; as primeiras referencias á ermida data do ano 1721, no libro de cartas da Confraría de San Sebastián de Astariz; a capela fora destruída a comezos do século XX.
 
 

 

CASTRELO DO VAL
Cabanca (Castrelo do Val); Pena Boeira ou Alto do Xestil (Gondulfes).
Castro da Pena Boeira ou Alto do Xestil: A 993 metros de altitude. Un cortalumes danou o castro. Conserva parte das defensas polo este. Ampla panorámica sobre o val de Monterrei. Cóntase que os mouros saían debaixo da terra a fregar nun penedo que hai no castro, que é de todo seixo, para que se vira dende lonxe.
Castro de Cabanca: A 450 metros de altitude. Escavado parcialmente no 1961 por Xoaquín Lorenzo e Taboada Chivite. Apareceron as esculturas dunhas cabezas de porco e carneiro e muíños circulares de man que fixo pensar aos investigadores nunha certa relación coa cultura dos Verracos. Castro moi romanizado (restos de casas cadradas con tégulas, cerámica común, fustes graníticos, ara con epígrafe, etc). Sobre el erixiuse unha ermida posta baixo o padroado de San Martiño. Hai evidencias de ocupación nos séculos VI-VII, quizais con función militar ou posto de vixiancia. Foi dividido en dous cando a construción da estrada a Laza.
 

 
CASTRO CALDELAS
Castriño da Cerca (entre Alais e Mazaira); O Burgo (O Burgo); Outeiro da Torre (San Martiño-Camba); Castro Caldelas (Castro Caldelas);  Sequeiros (Sequeiros-Paradela); Outeiro dos Mouros (Poboeiros);
Castro do Burgo: Castro con boas defensas naturais. Sobre el construíuse o cemiterio.
O Castriño da Cerca: A 920 metros de altitude, sobre un pequeno outeiro que domina unha zona de terras chás transformadas polos traballos da concentración parcelaria. A ladeira oeste presenta un amplo dominio sobre o río Sil. Dous recintos, o maior cunhas medidas de 120 por 95 metros. A Croa, situada no centro, ten unhas medidas aproximadas de 40 metros de diámetro.
Castro de Castro Caldelas: Posible asentamento castrexo sobre o que co decorrer do tempo se levantou o castelo e a vila.
Castro de Outeiro da Torre: Moi modificado polo cemiterio. 
O Outeiro dos Mouros (Poboeiros): Creo que acolleu unha torre en época medieval. (Ver a entrada dedicada aos Castelos da provincia de Ourense).

 
 
 

CELANOVA
O Castrillón (Bobadela); Outeiro de Rubiós (Cañón); Castromao (Castromao); Monte da Santa (Castromao); Monterredondo (Monterredondo-Celanova); Mourillós (Mourillós); Monte ou Outeiro do Castro (Outeiro de Mandrás-Mourillós); O Castrillón (Orga); A Rodela (Rabal).
Castro da Carballeira: Nun pequeno outeiro situado nunha zona de terras chás. Protexido en parte polo cauce dun regueiro que actuaría como foxo natural; un parapeito protexíao en todo o seu perímetro.
O Castrillón (Bobadela); Pequeno castro con bo control visual dos castros da contorna situado nun pequeno outeiro. Moi alterado, conserva unha pequena plataforma. Nas proximidades atopouse material cerámico de época romana.
O Castrillón (Orga): Entre as parroquias de Orga e Soutomel (A Bola). De 160 por 140 metros.
Castro de Castromao: Estivo habitado entre os séculos VI a.C. e II d.C. Foi capital dos coelerni. Sitúase no cumio dun outeiro arrodeado parcialmente por uha muralla. No interior acolle construcións circulares e rectangulares con vestíbulos e anexos. Apareceron cerámicas, moldes de fundición, obxectos metálicos, vidros e un tesouriño composto por 63 denarios e un aureo de Claudio. No ano 1993, o equipo de arqueólogos dirixidos por Orero Grandal, descubriu unha figura zoomorfa, tipo simio, que pouco ten que ver co coñecido ata o de agora na plástica castrexa. Na campaña de escavacións do ano 2008 exhumáronse tres estruturas aparentemente domésticas, entre as cales se atopou un pequeno acubillo que gardaba unha xerra con sete moedas de ouro envoltas por un tecido que se conservaou parcialmente e que é unha das mostras de tear máis antigas do mundo castrexo. Cóntase que unha veciña da aldea de Castromao tiña un porco que todas as mañás, en canto lle abrían a porta, marchaba para o castro e non regresaba ata a noite; a veciña desconfiaba se os mouros lle daban mantenza. Mais, cando chegou a matanza, o porco desapareceu da corte. Preto do castro había unha familia que tiña trato cos mouros, quen lles mantiñan os porcos e ao chegar a matanza pedían a proba e os donos dábanlle a entrecostela.  Benito de la Cueva, falecido no ano 1649, en Celanova Ilustrada y Anales de San Rosendo alude ao castro como "una ciudad grande en el tiempo de los Romanos llamada Castro Magno por un fuerte castillo que tenía".  
Tríscele calado de Castromao: O máis coñecido e mellor conservado, datado entre os séculos I a.C.-I d.C., foi descuberto no ano 1966. Ten unha superficie de 1,5 ha. Trátase dunha peza realizada en granito, con raios destroxiros, que ten a particularidade de ter ocos os espazos entre os raios. Deste tipo só se coñecen os dos castros portugueses de Briteiros e Santa Luzia, se ben existen fragmentos de pezas do mesmo tipo en Santa Tegra, Armeá, Santomé e no portugués de Monte Mozinho. Canto á súa función, barállanse, se desbotamos as fantasiosas, dúas hipóteses: que se colocaran no muro da vivenda para permitir o paso da luz e o aire (conxectura pouco probable debido ás reducidas dimensións, pouco máis de 40 cm de cada lado), ou unha función relixiosa marcada pola representación do tríscele, de xeito que a escasa luz que o traspasa sería abondo para provocar un efecto máxico, quizais vencellado a cultos heliolátricos ou, tamén, relacionado co sol en movemento, a xeito das esvásticas. Apareceron outros trísceles.   
Tabula ou hospitium de Castromao: Atopada nos anos setenta durante os traballos de escavación dirixidos por Ferro Couselo e Lorenzo Fernández. Trátase dunha prancha rectangular de bronce, con marco moldurado e cun apéndice a xeito de lingüeta na parte superior, no que se recolle un pacto de hospitalidade (acordo de amizade) celebrado no ano 132 d.C. entre os coelernos e o prefecto romano Gneo Antonio Aquilo e os seus descendentes: G(neo) IVLIO. SERVIO. AUGURINO. G(eneo)/TREBIO./SERGIANO. CO(n)S(ulibus)./ COELERNI. EX-HISPANIA. CITERIORE./CONVENTUS. BRACARI. CVM. G( neo). AN/TONIO. AQUILO. NOVAUGUSTANO/PRAEF(ecto). COH(ortis). I. CELTIBERORUM./LIBERIS. POSTERISQUE. EIVS. HOS/PITIUM. FECERUNT./G(neus). ANTONIVS. AQVILVS. CUM. COELER/NIS. LIBERIS. POSTERISQUE. EORUM./HOSPITIUM. FECIT./LEGATUS. EGIT/P(ublius). CAMPANIVS. GEMINVS”, (Sendo cónsules Gneo Julio Augurino e Gneo Trebio Sergiano,os "Coelerni" da Hispania Citerior e do convento de Braga, fixeron un pacto de hospitalidade con Gneo Antonio Aquilino Novaugustano, prefecto da primeira Cohorte dos Celtíberos cos seus fillos e descendentes. Gneo Antonio Aquilo fixo pacto de hospitalidade cos "Coelerni", cos seus fillos e descendentes. Actuou como legado Publio Campanio Gémino”).
Torso de Guerreiro (Castromao): Século I d.C. Fragmento dunha estatua de guerreiro galaico, de tamaño menor que o natural, o que a emparenta coa do castro de Santa Ádega (Vilamarín). Formaba parte dun muro dunha finca que existe na parte baixa do castro. Tipoloxicamente é unha representación máis dos coñecidos como guerreiros. Está en mans particulares. 
Castro Monte do Castro (Outeiro de Mandrás): A finais do ano 2010, nas obras da autoestrada entre a A-52 e Celanova, apareceu este castro. As primeiras prospeccións sacarón á luz os restos dunha vivenda e pezas cerámicas. 
Castro Monte da Santa: Entre as parroquias de Castromao (Celanova) e Casardeita (Ramirás). Ten unhas medidas aproximadas de 60 por 40 metros. Non figura como catalogado nos visores da Xunta de Galicia; localiceino no mes de novembro de 2023.
Castro de Monterredondo: Nun outeiro de forma amendoada. Aprécianse restos de parapeitos. 
Castro de Mourillós: Pequeno castro dun só recinto de forma alongada situado a 425 metros de altitude sobre o río Ourille.
Castro do Outeiro de Rubiós: López Cuevillas e Bouza Brey (1929) contan a seguinte lenda que lle relatou don Antón Peaguda, de San Lourenzo de Cañón: "Houbo niste outeiro unha cibdade moi grande que se chamaba San Salvador, ou Cachiquimbra, nome que leva hoxe unha parte do monte. Ista cibdade foi atacada polos romanos, ou polos franceses que estaban no castro do Furriolo. Escomenzou o ataque cun grande fuego, sostido dende o propio Furriolo, apesares da distanza de dúas légoas que os separa, pois é sabido que os antigos tiñan millores armas e de máis alcance que as nosas. Fóronse despois acercando os nemigos a Cachiquimbra, puxéronlle sitio, e remataron por destruíla, morrendo dos da vila 11.000 mártires, e dos que atacaban, moitos tamén. Cando os sitiadores estaban xa ó pé da vila, uns soldados foron pousar unha miga á beira de unha poza que aínda esiste, e sentáronse nunha que coidaron trabe, e que estaba deitada no chán. Pouco durou a pousa, pois a trabe diu en rebulir, e os soldados viron con espanto que era unha serpe grandísima que, despois de beber na poza, quedara adormiñada. Tiráronlle tiros cos seus fusiles, mais tiña tan duro o coiro, que as balas non lle entraban; e foi entón cando un dos soldados mandou que colleran un anaco de carne e que oprenderan no cabo de unha corda. Feito isto déronlle a carne á serpe i-en canto lle entrou nas gorxas, ataron a corda a un penedo e a serpe morreu no istante mesmo. De entón é que lle chaman á poza A Poza da Serpe".
Castro da Rodela: Entre Rabal (Celanova) e Faramontaos (A Merca). A 505 metros de altitude. Tn unhas medidas totais de 172 por 120 metros.  Domínase unha ampla panorámica sobre os castros da zona e as vías romanas XVIII e secundarias. Defendido por un só recinto construído en lousa.
O Pedrón de Celanova: No patio do mosteiro de Celanova, xunto o oratorio de San Miguel hai unha instalación rupestre constituída por unha secuencia de dous banzos laterais e tres frontais que acceden á cima da rocha onde se observa unha cavidade ovalada que se une a unha pía de forma triangular. A primeira referencia ao sitio é de Benito de Oya, no seu Epítome (antes do 1620), que relata unha lenda asociada: "Tiénese por tradición que haciendo un día falta el ministro a responder celebrando el santo Obispo, un Ángel suplió la falta respondiendo por el. Dicen que desde una peña que está detrás del altar mayor, encuyo testimonio y para memoria de este milagro se puso unha cruz encima de la dicha peña. Refiero lo que oí a algunos padres ancianos, que atestiguaban haberlo oído siendo muy mozos, a los muy ancianos del Convento, e hijos de esta Santa Casa". Tamén por eses anos, no 1649, Benito de la Cueva en Celanova Ilustrada y anales de San Rosendo, describía a estrutura como unha "peña hasta dos estados de largo (...) con cuatro esquinales iguales y en medio se levanta a modo de cerrito que la hace parecer Calvario con unas desiguales y quiebras de la piedra tal graciosas que parecenhechas con arte (...), a las cuatro esquinas de la peña (...) nacen cuatro cipreses (...) Acábale de hacer admirable y devoto una cruz que se levanta en el cerrito de en medio sobre una columna de piedra muy alta y delgada y de galana hechura". A esta pena adícanlle un estudo pormenorizado García Quintela e Seoane Veiga (2011). Din que se trata da cristianización dun elemento pagano a través da súa apropiación e integración no noso culto, no presente caso reutilizado como base de calvario. Tamén din que esta estrutura estaría relacionada co castro de Castromao co que gardaría unha relación de visibilidade directa. 

 


 
  

 





 

CENLLE
A Pena (Cenlle); Coto do Castro ou Coto do Mouro (Esposende); Castelo de Laias (Laias); Os Castros (Razamonde); Monte do Castro ou Castro de Sanín (Sanín-Trasariz); Areas (parroquia dividida con Ribadavia).
Coto do Castro (Esposende): Situado nun outeiro con aterrazamentos, domina unha ampla panorámica. Ten unhas medidas aproximadas de 60 por 50 metros. Muros defensivos e foxo. 
Cova da Moura e Castelo (Laias): Chamoso Lamas, en colaboración con Xaquín Lorenzo e López Cuevillas, escavou o xacemento no ano 1949. A aparición de restos cerámicos, muíños de man circulares, fíbulas, pendentes, utensilios de bronce, contas de colar e unha pedra decorada cunha esvástica amosaron que o lugar fora habitado antes da chegada dos romanos. De época romana son, entre outros, as construcións habitacionais, os lavadoiros de mineral, un túnel, as canles de auga, un pozo e a boca dunha mina. O xacemento, adicado á explotación de ouro, calcúlase que mantivo a actividade entre os séculos IV a.C. e III d.C. Antes de seren arrasado definitivamente pola autovía A-52, xa sufrira a extracción de pedra para a construción dunha pista forestal. A escavación de urxencia foi dirixida por Luis López, datándose entre os séculos IV a.C. e comezos do III d.C., confirmándose a superposición de ocupación prerromana e romana.  
Os Castros (Razamonde): Nun pequeno promontorio á beira do río Miño. Presenta un recinto oval protexido con muros de pedra. As defensas complétanse con terrapléns artificiais e naturais que aproveitan o desnivel do terreo. Posible antecastro polo norte. 
Monte do Castro (Sanín): Sobre un pequeno outeiro. Recinto fortificado de planta oval dunha muralla con terraplén e foxo nas partes máis accesibles. Adaptado á orografía do terreo. Apareceron fragmentos cerámicos en superficie. 
Castelo de Laias (Viñal do Rei-Laias): Asentamento dunhas 10 Ha que foi escavado de urxencia no 1997 cando as obras da A-52 que o arrasou case porcompleto. Foi escavado no 1956 por Chamoso Lamas quen o asociou ás explotacións mineiras da zona, cunha longa ocupación entre o século IX a.C. ao I d.C. Apareceu un mango de madeira dun coitelo, asociado a unha estrutura de almacenaxe construída cun entretecido vexetal cuberto de barro. Un incendo acontecido nalgún momento conservouno por carbonización, así como  outros elementos: pólas, táboas e troncos que formarían pare da estrutura (Información extraída da Peza do Mes, do Museo Arqueolóxico de Ourense, febreiro 2023). 
Castelo da Pena ou Coto dos Mouros (A Pena-Cenlle): Medieval. Levantado sobre un primitivo castro, desapareceu no século XVIII. Pertenceu aos condes de Ribadavia. Aínda se poden ver os rebaixes na rocha para asentar as vigas e un alxibe escavado na pena. Apareceron fragmentos cerámicos castrexos e medievais.
 

    
 

 
  

 
CHANDREXA DE QUEIXA 
Castro de Quintá (San Cristovo): No monte Teixugueiras, a 904 metros de altitude, próximo ao río Navea. Ten unhas medidas aproximadas de 125 por 80 metros.
Castro do Viso (Chaveán): A 1.000 metros de altitude, semicircundado polo regueiro do Pontón. Ten unhas medidas de 96 por 80 metros, con croa central de 31 por 22 metros.
Penedo do Castro (Rabal): Entre as aldeas de Acevedo e O Outeiro, a uns 1.000 metros de altitude. Duns 60 metros de diámetro. Non figura recollido no PBA, si no visor de Aproveitametnos forestais.
 


COLES
A Madanela e San Xoán (Coles); Asentamento de Paradela e Necrópole do Adro Vello (Paradela-Coles); Seoane (Seoane-Coles); Ferreiros (Ferreiros); San Lourenzo (Melias); A Coroa (entre Coles e A Peroxa). 
Castro da Coroa (A Barra): Castro lindeiro entre os concellos de Coles e A Peroxa. De forma elíptica, ten unhas medidas aproximadas de 100 por 80 metros, cunha croa duns 25 metros. Defendido por unha muralla e terraplén. Boas defensas naturais. Apareceron frgamentos cerámicos. 
Castro de Ferreiros: Sobre un alto no que se edificou a igrexa de orixe románica (século XIII) de Santo Eusebio da Peroxa. Destruído polo templo, cemiterio, camiños, casas, etc. Apareceu un sartego cunha inscrición tardorromana que na actualidade atópase no Museo Arqueolóxico de Ourense. (Ver a entrada do blog: "Romanización de Galicia. Ourense").
Castro da Madanela: Catalogado no ano 1925 por Florentino Cuevillas. Situado a 450 metros de altitude, presenta un único recinto tirando a circular, terraplén e foxo. Ten unhas medidas de 120 por 115 metros. No ano 1870 abriuse unha explotación mineira que apenas estivo en funcionamento pero que afectou ao xacemento. Atóparonse restos de fogares e cerámicos. 
Castro de San Lourenzo: Situado por riba da aldea. Segundo Rivas Fernández presenta indicios de ocupación prerromana, romana, altomedieval e posterior ata os nosos días. No ano ano 1989 apareceu tégula e o fragmento dunha columna. No lugar destaca unha ermida de orixe altomedieval moi modificada que conserva algúns elementos prerrománicos. 
Castro de Seoane: Sobre o río Gustei. Ten forma ovalada, de 170 por 105 metros. Abundan grandes pedras graníticas. Apareceron anacos de tégula e cerámica. Nas inmediacións está a necrópole con tumbas antropoides do Adro Vello.
Asentamento de Paradela (Paradela-Coles): Posible asentamento galaico-romano onde apareceron gran cantidade de tégula, ímbrice, un frgamento de cerámica e outro de terra sigillata, dous núcleos de cuarcita, cerámica común galaico-romana e medieval, e a metade dun muíño circular. 
Lagar rupestre Muíño da Pedreira (Miego de Vila-Melias): Nun afloramento granítico dúas pías utilizadas, posiblemente, para pisado.  
Necrópole do Adro Vello: Cimentos da primitiva igrexa de San Xoán de Coles. Tumbas antopoides. Apareceu un peso de lagar de posible orixe prerromana. 
 
 


 
 
 

 
CORTEGADA
Castro de Abelenda (Abelenda-Valongo): Sobre un outeiro defendido por afloramentos rochosos de gran tamaño. Ten un recinto principal que foi moi alterado por unha canteira. Tamén se ve un gran corte que seccionou o xacemento.

CUALEDRO
Paredes (Atás); Cidade de Carzoá (Carzoá); O Castelo (Cualedro); Santa Ana (As Casas dos Montes-A Granxa); Os Cortizos, Igrexiña dos Mouros, Montecelo e Saceda (Lucenza); Montes (Montes); Os Mallos (Rebordondo); Cidá do Castro (San Millao); Xironda (A Xironda); Grou (na fronteira con Portugal). 
Castro dos Castelos: Entre Monterrei e Oímbra. Utilizado dende a Idade do Ferro ata a Idade Media. Apareceron tégulas, ladrillos, cerámica común romana e medieval. Na parte de Oímbra defínese claramente un recinto castrexo, na de Monterrei a base dunha torre-fortaleza. Tamén apareceron materiais do Neolítico.   
Castro de San Millán ou San Millao: Coñecido tamén como a Cidá do Castro, foi estudado por Taboada Chivite e Bouza Brey no ano 1952, e no 1954 foi escavado parcialmente por López Cuevillas e Taboada Chivite. O recinto está arrodeado por impresionantes murallas ciclópeas reforzadas con pedras fincadas no chan. Atopouse un instrumento metálico de ferro interpretado coma un pico para traballar a pedra que, xunto cun aparecido en Portugal, son os únicos, polo de agora, que se coñecen. Tamén saíu á luz unha phalera do século IV d.C. Nos anos oitenta do século XX especulábase que un conxunto de olas soterradas xunto a muralla puideran corresponder á primeira necrópole localizada nun castro. No mes de xuño de 2021 comezaron os traballos arqueolóxicos dirixidos por Martiño Xosé Vázquez e Diego Iglesias Barrilero da Sociedade Cooperativa Xeitura para consolidar e restaurar as estruturas escavadas por Xesús Taboada, e explorar con novas tecnoloxías a zona escavada polo Museo Arqueolóxico de Ourense baixo a dirección de X. Rodríguez e Fariña busto en 1983 que localizaran cinco olas despositadas coidadosamente no chan, en buratos picados no xabre; non contiñan restos, pero sospeitaron a posible función funeraria. O novo equipo ampliou a sondaxe, localizando novas olas sen decorar, de perfil globular. Restos dun ritual de cremación? Unha das olas conserva unha mestura de terra, pero máis escura que a que a arrodea. Chama a atención a disposición das olas, que semellan seguir unha certa regularidade na colocación. As analíticas desvelaran que función cumprían. Ten unha superficie de 2,7 ha. Declarado BIC. 
Castro de Santa Ana: Sobre o pequeno castro levantouse unha capela. 
Castro de Saceda: As primeiras escavacións efectuáronse entre os anos 1983 e 1989, campañas dirixidas por Antonio Rodríguez Colmenero e Covadonga Carreño Gascón que dataron  a ocupación dende o s. IV a.C. ata o I d.C. Situado a 780 metros de altitude, domina todo o val. O poboado configúrase arredor de tres recintos amurallados que, ademais de cumprir unha función protectora, actuaba como contención do terreo na parte máis accesible. A croa está circundada por unha muralla de forma ovalada construída con grandes blocos graníticos á que se accede por unha porta formada por dúas pedras fincadas. Predominan as vivendas circulares. Atopáronse útiles de ferro, agullas para o cabelo, fíbulas, broches, un torque, cerámica, un fragmento de torta de prata, unha perna en granito do que semella ser un guerreiro e tres moedas de prata, dúas do s. I a.C. e outra do s. I d.C. Entre os artefactos metálicos realizados en ferro que foron recuperados destacan os mazos de canteiro, machados, espadas curtas afalcatadas, intrumentos de construción e unhas tenaces de ferreiro fabricada con dous brazos rectos de sección cadrada e cabeza en curva con remates en forma de espátula axeitada para suxeitar obxectos, arrincar cravos, etc. No mes de febreiro de 2020, os veciños de A Saceda acordaron ceder o castro ao Concello por cincuenta anos para este xestione as investigacións. No ano 2018, arqueólogos da Sociedade Cooperativa Xeitura localizaron unha cabana con tégulas o que lles fai pensar que a ocupación do castro continuou en época romana. Declarado como Ben de Interese Cultural.
Castro de Santa Marta: No xacemento de Santa Marta (Lucenza), ademais da evidente romanización, detectouse un nivel ocupacional relacionado co Bronce Final.









 
ENTRIMO
Monte dos Castelos, Penedo da Facha e Monte Lumiares (Entrimo); Asperelo, Este, Os Castelos (Galez); Pía da Moura (Monte Regueiro-Galez); O Gargalado ou O Convento, Quinxo e Tapada do Rei (A Illa). 
Monte dos Castelos (Entrimo): Situado nun outeiro, presenta un recinto fortificado con muralla pétrea nalgún tramo; tamén se aprecia un aterrazamento cun parapeito defensivo. Apareceron fragmentos de cerámica castrexa. 
Castro dos Castelos (Gález): A 685 metros de altitude, non moi lonxe da Pía da Moura.
Castro do Gargalado: Coñecido tamén como do Convento. Sobre un afloramento granítico, coa croa arrodeada por un aterrazamento separado do monte por un foxo. No mes de maio de 2017, veciños denunciaron unha agresión ao castro debido á extracción de madeira pola empresa Finsa. Segundo denunciou o arqueólogo David Pérez, maquinaria pesada pasou polo medio do asentamento producíndolle gravísimos desperfectos.   
Castro Pía da Moura: No ano 1922 Hixinio Rodríguez fixo algunhas prospeccións no xacemento. Conserva restos da muralla defensiva e un foxo, hoxe en día practicamente destruído. Apareceron restos cerámicos. Recibe o nome por unha pía natural que hai nas inmediacións, vencellada a lendas de mouros.
 

 
 

ESGOS
Castro de Litoria ou de Arcos (Arcos-Rocas): Da Idade do Bronce, permaneceu ocupado durante a Idade do Ferro. O castro estaba defendido por unha muralla pétrea coas caras alisadas que nalgúns tramos acadaba un grosor de dous metros. Posuía boas defensas naturais. No interior do recinto hai unha rocha de forma case circular, coa cara superior lisa, coñecida como A Mesa dos Mouros, sobre a que se poden ver tres pías cadradas. Noutra rocha hai gravado un cruciforme. Un privilexio de Ordoño II do ano 921 di que o mosteiro de Ribas de Sil, que restaura, sitúase subtus Castello Litoria e ao demarcar o couto sinala deinde per illa vereda maiore que discurrit de Astorica ad castrum Litorie que sería unha importante vía romana. No ano 923, Recesindo doa a Gutierre e Ilduara un terreo situado "in monte Baron inter Bubale et Caldelas, super Castro Litorie, in loco predicto Felgarius". Tamén se poden ver uns banzos escavados nunha pena para subir á cima da mesma.
Pía da capela de Folgoso (Folgoso-Ordelles): Bloque de granito de sección cadrada, gravada polas catro caras con motivos castrexos que conserva pigmentación de diversas épocas e cun oco na parte superior. Na cara A vense dous trísceles inscritos en círculos e debaixo dous deseños de círculos concéntricos. Na cara B, dúas postas dispostas verticalmente e paralelas entre si, e entre ambas dous sucos curvos efrontados. Cara C, un gran tríscele. Cara D, outro gran tríscele de tres aspas. Publicada en Minius nº 27 (2022) por Eva González Formoso: La pía galaica de Folgoso (Esgos, Ourense).
  
 


GOMESENDE
Outeiro da Moura (O Viñal-O Pao); Os Chaos (Os Chaos-Poulo); Coto ou Tapada da Moura (O Dorno-Poulo); O Outeiro (Vilacoba-San Lourenzo de Fustáns); Coto de Seoane (Serra do Seixo-O Val); Monte Pigarzo (O Val).
Castro dos Chaos: Moi alterado. 
Castro Coto de Seoane: Presenta unha forma ovoidal. A simple vista non se aprecian defensas. Atopáronse tégulas de época romana. Preto das minas do Seixo.
Castro do Coto ou Tapada da Moura: Ten unhas medidas de 200 por 140 metros. Hai un sartego antropoide coñecido como Pía da Moura onde, segundo a lenda, estivo enterrada unha raíña moura. 
Castro Monte Pigarzas ou O Pigarzo: Ten unhas dimensións aproximadas de 150 por 100 metros. Romanizado. Atopáronse tégulas. 
Castro do Outeiro: Castro de forma elíptica, duns 140 por 65 metros, situado entre dous cursos de agua.
Castro do Outeiro da Moura: De forma ovalada, duns 90 por 60 metros. Non se aprecian restos. Hai unha pía natural coñecida como Pía da Moura ou "tumba celta", se ben non se trata dun sartego. Ocupado en época medieval.



A GUDIÑA
O Castro e Muradellas (Barxa); A Ribeira, Petada, O Pico Sagro e O Val da Cal (A Gudiña); Casares (Parada da Serra); O Castelo, Ermelo, Pentes, Tras do Castro e Valdefrades (Pentes); San Lourenzo (San Lourenzo de Pentes); Carvizas, O Circo e Urdiñeira (O Tameirón). 
Asentamento de Bouzas: Asentamento galaico-romano de chaira. Atopouse cerámica común galaico-romana, tégula e escoiras de ferro, tamén un sillar.  
O Castro (Barxa): Con tres recintos de forma elipsoidal defendidos por tres foxos. Na croa hai unha construción circular. Apareceron fragmentos de cerámica castrexa e común romana, tégulas, unha peza de bronce e escouras de fundición de ferro. 
Castro das Muradellas: Apareceu cerámica común romana, pedras procedentes de construción, un pondus e a pedra de entrada dun forno. Segundo a lenda, o castro foi destruído polos seus habitantes para fundar Pentes. 
Castro de Pentes: Restos de construcións e un foxo. Apareceron frgamentos cerámicos castrexos e común romanos, parte dunha vasilla, un pondus e varios muíños de man. 
Castro da Ribeira: Castro de ladeira de grandes dimensións organizado en dúas terrazas. Na inferior aprécianse restos de muralla e na croa restos de vivendas de xisto. O sector oeste está defendido por un foxo. Apareceron anacos de cerámica común, escouras de ferro e vidro e tres muíños de man.
Castro de San Lourenzo: A 750 metros de altitude. Ten unha medidas de 105 por 73 metros.  
Castro de Tralocastro: Nun esporón sobre o río Pentes. A croa está cultivada de videiras. Atopouse escoura de fundición de ferro, restos cerámicos e tégulas. Apareceu un sártego exento, posiblemente de época medieval o que pode sinalar a súa reocupación. Lenda dun cuco de ouro que refulxe ao dar o primeiro sol da mañá. 
Castro do Val da Cal: De pequenas dimensións está situado sobre un outeiro. Ten un único recinto protexido por un terraplén de terra e pedras. Atopáronse fragmentos de cerámica común de época romana.   
Castro de Val de Frades: Situado na confluenza dos regueiros de Val de Frades e Riveira. Aprécianse restos das defensas. Apareceron restos cerámicos e tégulas. Romanizado. 
O Circo: Dubidoso castro dun único recinto de forma circular de reducidas dimensións sobre abundantes afloramentos rochosos.
O Pico Sagro: Na zona da Ribeira. Dá nome a un outeiro rochoso que quizais acolleu algún tipo de contrución. Pero no voo americano do 1956-57, ao pé semella verse un círculo duns 50 metros de diámetro. Segundo a lenda, hai unha gruta onde hai agochado un tesouro. 
 

 


O IRIXO
O Cardedo e Esfarrapa (Campo); Orros ou da Cidá ou Coto do Castro (A Cidá); Carricovas (entre Corneda e Xurenzás, en Boborás); Corneda (Vilameá-Corneda); Souteliño (Corneda); Monte dos Ollos (Dadín, no límite con Corneda); Loureiro (A Rúa-Loureiro); Eira dos Mouros e Santiso (Reádigos); O Castro (O Castro-San Cosmede); Zacarade (San Cosmede de Cusanca).
O Castro (O Castro-San Cosmede de Cusanca) A 708 metros de altitude sobre un pequeno curso de auga. Recinto principal de 93 por 75 metros con antecastro polo sur. A aldea construíuse sobre o castro.
Penedo da Ucha ou Pedra dos Sacrificios (San Cosmede de Cusanca): En Vida Gallega do 5 de novembro de 1917, o escritor e crego Antonio López Carballeira (1880-1936), baixo o título El hidalgo de San Cosme, narra unha visita que fixo ao deputado Román García Nóvoa nunha casona dos seus antepasados situada en San Cosmede de Cusanca. O crego compostelán non aforra aloumiños co anfitrión. Despois de visitar a casa e describila, detense nunhas expedicións que fixeron á Pena do Demo (“donde entre un conglomerado de enormes peñascos, se eleva en la cresta una gran piedra oscilante”); ao castro “que se alza en el lugar de So-Iglesia” (debe referirse ao castro de San Cosme que se atopa na aldea do Castro); e a “una enorme roca… de forma redondeada” que “en su extremo presenta labrada intencionadamente una á manera de pila que no llega a metro y medio de largo, y al lado una honda cavidad circular; junto á esta, al descombrarla, descubrimos un estribo lateral, también perfectamente labrado en la piedra”. Pregúntase López Carballeira, dada a súa situación nunha carballeira e nas inmediacións dun castro, senón podería ser unha “prehistórica ara céltica, para los sacrificios de animales”. Cando fun na procura da pedra, alá polo ano 2013 ou 2014, atraído pola foto de Vida Gallega, non din con ela. No ano 2017, cando a vin por primeira vez, contáronme que estaba asociada a un tesouro que agochara ou descubrira o párroco de San Cosmede de Cusanca. Ademais da “pía” cuadrangular, unha pía circular e un pequeno burato cadrado (artificial), a pesares de estar a pena bastante limpa de folla e musgo, non vin nada máis. Cando volvín en xaneiro de 2024, tampouco, pero si me ampliaron máis a lenda. O tesouro estaba formado por moedas de prata e ouro, agochado en dúas olas. Dise que foi atopado por un home natural da aldea da Costa. Na foto de 1917 vese a Antonio López Carballeira e o fidalgo Román García Nóvoa; detrás, á esquerda da foto e detrás do cura debe ser Gonzalo Prego, o cuñado do fidalgo; dous homes á dereita da imaxe; sobre a pedra, á esquerda, unha moza e dúas nenas; e por último, un home e, para min, a persoa que máis me chamou a atención: unha muller vestida enteiramente de negro da cabeza aos pés. Tratarase dun lagar?
Castro do Cardedo: De 100 metros de diámetro. Arrasado polo N-E. Apareceu unha arracada, descuberta no ano 1905, que foi adquirida polo párroco de Cameixa (Boborás) Maximino Nogueira pasando, cando faleceu, a Bernardino González, director do grupo Escolar do Carballiño. Deuna a coñecer Xaquín Lorenzo Fernández no ano 1943. Custodiada no Museo de Pontevedra. 
Castro da Esfarrapa: Sobre o castro levantouse a ermida adicada a San Roque. 
Castro do Monte dos Ollos: A tradición sitúa aquí unha feira que tiveron os mouros nos anos que alí habitaron. (Recollida da páxina Arredor de Lámbrica). 
Castro de Orros, da Cidá ou Coto do Castro: Situado a 587 metros de altitude. Arrodeado polo río Coedo, afluente do Viñao. A croa é de forma elíptica, duns 200 por 50 metros. Unha muralla de terra protexe todo o recinto. A principios dos anos sesenta do pasado século XX foron localizadas unhas tortas de ouro e aramios que se perderon. 
Castro de Souteliño: Segundo a lenda, no castro sacan as mouras a asoellar o millo, mentres terman del peitéanse con peites de ouro. Unha vez pasou por alí un porco que foi meter o fuciño no soalleiro e entón unha moura, para tornalo, guindoulle un peite que se lle prendeu nas serdas. Fuxiu o porco para a corte, e cando chegou viron os donos que o peite que traía era de ouro.   
Castro de Zacarade: Castro citado en documentos de mediados do século XVIII. De 80 por 70 metros. Antecastro polo S-E. Alterado pola aldea.
Altar: No lugar coñecido como O Foxo, preto do Monte Cabrón, consérvase unha pena furada en forma de animal, disque vaca ou cabalo, onde, segundo a lenda, se celebraban ritos paganos. 
 

 

 
 

LAROUCO
O Pombal (Freixido); Alto do Viso, O Castrillón e O Poulo (Larouco); Cabanelas (Seadur); Alto do Vizoso, preto do Alto da Ermida.
Castro de Cabanelas: Entre as parroquias de Freixido (Petín) e Seadur (Larouco).Sobre o río Sil, domina os vales de Petín e A Rúa. Na parte máis accesible está defendido por unha muralla, un foxo e un parapeito formado por grandes rochas graníticas.
O Castro ou Alto do Viso: Situado  a uns 200 metros ao sur do Alto do Alto da Ermida, sobre un outeiro dende o que se divisa unha ampla panorámica. Presenta unha muralla defensiva. Os restos que se poden ver na superficie son na súa meirande parte da ermida que se construíu sobre o poboado, agás algúns framentos de tégulas. Dende o castro pódese ver a calzada de Nemetóbriga (Mendoia), a capital dos Tiburos.
Castro do Castrillón: Con catro foxos escavados na rocha de pizarra e un parapeito formado polos escombros estraídos dos foxos. Está defendido por forte pendente cara os ríos Bibei e Xares. Tamén se poden ver pedras fincadas de pizarra, puntiagudas e con esquinas cortantes. Apareceron fragmentos de cerámica e de granito. No ano 2020 iniciáronse unhas escavacións da man de Xeitura S. Coop. Gal onde se constata a ausencia de material de época romana. Apareceu unha cabana angular escavada na rocha e un anel perimetral para evacuar augas, "idéntica á tipoloxía do castro de Saceda (Cualedro)", destacou o arqueólogo Martiño Vázquez. Na campaña de outubro de 2021 apareceu nunha cabana cuadrangular un depósito votivo. Segundo unha lenda que me achegou José Fernández Pérez, os mouros soterraron no castro unhas estatuas de ouro que representaban un macho cabrío e un castrón. As xente fixo grandes trincheira na rocha pero nunca apareceron. Larouco quedaría, entón, entre a mansión VII Nemetóbriga e a VIII mansión Forum Gigurrorum identificada coa Cigarrosa, en Petín.
  


LAZA  
O Castro (Alberguería); A Picota (Camba); A Cidadella (A Cabeza-Carraxo); A Coroa (Carraxo); Castro dos Mouros (Soutelo Verde-O Castro de Laza); A Coroa (O Castro-O Castro de Laza); Lombo do Castrillón (Laza); Matamá (Laza); Lombo da Cerca (Trez).
Castro da Alberguería: Situado nun outeiro, presenta forma ovalada. Ten un antecastro. A liña defensiva está formada por un terraplén.
A Cidadella: Nun monte próximo hai unha explotación mineira relacionada co castro.
O Castro de Laza: Segundo Taboada Chivite atopábase a carón da Vía IV (secundaria) que uniría Baños de Molgas con Chaves e enlazaría coa Vía XVIII. Tese da que tamén participaron Manuel Fernández e Manuel Fuentes. 
O Castro dos Mouros: Na ladeira do monte Carraxó. Arrodeado por un foxo.
 

LEIRO
Berán (Berán); O Castro (O Casar-Lamas); Lebosende (Lebosende).
Castro de Berán: Situado a 280 metros de altitude, no monte coñecido como Castro dos Mouros. Case circular, está delimitado por un parapeito en todo o seu perímetro.
O Castro (O Casar): Forma ovalada, moi alterado polas repoboacións forestais.
Castro de Lamas: Situado sobre un outeiro. Atopáronse restos cerámicos e tégulas de época romana.
Castro de Lebosende: Situado a 355 metros de altitude. De forma ovalada delimitado por un terraplén de grande altura, documentándose un tramo de muralla na parte norte e oeste. Na croa hai numerosos batolitos graníticos. Apareceu tégula de época romana en superficie.

LOBEIRA
O Castro e Coto do Castro (A Fraga); Coto da Vila (A Vila-Lobeira); Croa de Santa Cristina e Xulleira (Monte Longo); A Coroa (San Xes de Vilariño); Coto de Adrao (Cabaleiros-San Martiño de Grou). 
Castro Coto de Adrao: Unha terraza do castro foi cortada para transportar unha torreta de alta tensión. 
Castro Croa de Santa Cristina: Atopáronse restos cerámicos. Relacionado coa lenda do Penedo do Mouro, ao cal lle espetou unha couce un mouro encabuxado á beira do río Limia no Baño e mandouno de Pena Maior (lenda extraída do fb de Davide Bande). 
Castro de Xulleira: No castro construíuse a igrexa parroquial no ano 1732.  
Castro de Nosa Señora do Viso: Segundo Xaquín Lorenzo Fernández, a ermida de Nosa Señora do Viso, de afamada romaría, levantouse sobre un primitivo asentamento castrexo.
 
 
 

LOBIOS
O Castelo e As Quintas (Grou); Padrendo (Río Caldo).
Castro de Padrendo: Sobre un outeiro a 470 metros de altitude. Tiña unhas medidas aproximadas de 70 por 50 metros. Totalmente desfigurado pola construción da igrexa parroquial, o cemiterio e a casa reitoral.

MACEDA
Asadur (Asadur); Malamao (Castro de Escuadro); Outeiro do Castro (Vixueses-Foncuberta); Outeiro da Torre (Maceda); Os Castrillós (Calveliño-Santiso); Santa Marta (Tioira); A Casarella (Xinzo da Costa-Vilardecás); Monte do Castro (Lamas do Monte-Zorelle); Ventoso, na Serra de San Mamede.
Monte do Castro: De forma elíptica, estaba protexido por unha muralla de pedra miúda. Boas defensas naturais con fortes pendentes. Atopáronse fragmentos cerámicos.
Castro de Malamao: Conserva restos de estruturas habitacionais e defensivas. Apareceron fragmentos cerámicos. De aquí é a lenda do "Facho do Castro", unha enigmática luz que se ve brillar no seu cume. As xente do lugar, asisadas, din que é unha ánima en pena; os demais, incautos, un afloramento de radio (o elemento químico radioactivo).
Outeiro do Castro: Pequeno castro duns 60 metros de diámetro onde apareceron fragmentos cerámicos.
Castro de Santa Marta: Ocupa todo un outeiro de superficie arredondada con antecastro practicamente arrasado cando a concentración parcelaria. Cerámica castrexa e romana e muíños de man. Moi preto del pasaba a Vía XVIII de Braga a Astorga.
En Xinzo da Costa está o "Penedo do Tesouro", celebre pedra que viu Barros Sibelo no ano 1859.

MANZANEDA
Castelaioso e Fraga da Moura (entre Cernado e Requeixo); A Madroa (San Pedro-Cesuris); O Castrellón (Cesuris, no límite con Cesuris); O Castro ou Pontón (Palleirós-Reigada); A Medorra (Raigada); O Castrillón (San Martiño de Manzaneda); O Castrellón (Soutipedre); O Castro (San Martiño-Soutipedre); Castro ou Castelo de Requián (Requián-Soutipedre).
O Castrellón: De reducidas dimensións, situado a media ladeira do río Bibei.
O Castrillón: Situado a media ladeira, entre dúas valgadas no val do río San Lázaro.
O Castro ou Pontón (Palleirós): Case no límite con Vilarmeao, en Viana do Bolo, a 855 metros de altitude. Ten unhas medidas aproximadas de 205 por 146 metros. Un cazador contoume que hai uns trinta anos outro cazador de Vilarmeao levou canda el un muíño circular que pola descrición debía estar completo; tamén que no castro hai unha pena cun "mapa" gravado, a pesar de buscalo non dei con ningunha graura. A pesar de conservar o topónimo, a principios de outubro de 2022 non figuraba recollido nin no PBA nin no visor de Aoveitamentos Forestais. O día 24 de outubro comuniqueillo a Patrimonio en Ourense para que o cataloguen. O día 15 de novembro, dende Patrimonio comunicáronnme que, despois das comprobacións feitas polos seus arqueólogos, foi catalogado co código GA32044015.
Castro ou Castelo de Requián: Case destruído, sitúase nun outeiro rochoso que domina un amplo meandro do río Bibei. Restos de edificacións e tégula. Romanizado. 
En San Miguel de Bidueira, na paraxe coñecida como A Moá, no límite coa parroquia de Requeixo, sobre o río Requeixo, consérvase o topónimo o Castro.



MASIDE
Agro da Quinta (O Agro da Quinta-Amarante); Amarante (Dacón-Amarante); Grande da Reguenga (A Reguenga-Amarante); Canedo (Canedo-Garabás); Listanco e Santa Mariña (Listanco-Armeses); Monte do Castro (Maside); Coto ou Monte da Circa (San Baínto-Piñeiro); O Castro (Piñeiro).
Castro do Coto da Circa:  De 100 por 80 metros. Vense restos da muralla que nalgúns tramos acada os 3,5 metros de altura. Nos anos setenta do paasado século XX dise que se atoparon restos cerámicos. As pedras foron utilizadas polos veciños para construír os valados das fincas.
Castro Grande da Reguenga: Medidas 205 por 155 metros.
Castro de Piñeiro: No lugar coñecido como O Castro, sobre un promontorio a 440 metros de altitude. Divísanse os castros do San Trocado e do Coto da Circa. Aprécianse parte dos muros. Na croa hai unhas penas con coviñas.    
Castro de Santa Mariña: Presenta dous recintos a distintas alturas, delimitados por terrapléns e unha muralla pétrea. O xacemento está delimitado polo val do río Barbantiño e polo regueiro de Listanco que conflúen no río Viñao. Hai un conxunto de varias penas labradas que se distribúen no cume do outeiro onde salienta unha estrutura de tres banzos que acceden a unha cavidade rectangular. A primeira referencia procede de Barandela e Lorenzo (2004) que identifican cinco petroglifos con cazoletas de distintos tamaños, advertindo a existencia de dúas estruturas que clasifican como altares rupestres. García Quintela e Güimil Fariña (2013) din que quizais sexan de tipo ritual; un grupo recibe o nome de "Pías de Santa Mariña" ou "Pías da Santa". En novembro de 2021 comezaron as escavacións dirixidas por A. Rodríguez Sobrino e o grupo formado polo Colectivo Arqueolladas e a empresa Breogán Arqueoloxía. Teñénse documentado materiais cerámicos da Idade do Ferro e medievais. Saíron a luz dous sartegos, un escavado en rocha viva e outro exento. Tamén un lagar con evacuación de augas e un complexo sistema de pías, canles e buratos de poste.
 

 




MELÓN
Cima de Vila (Melón); Penavaqueira (Melón); Coto do Castro ou Man da Moura (Barcia-Quins): Coto do Castelo (Moces-Quins).
Castro de Cima de Vila: De pequenas dimensións sobre un outeiro próximo a Cima de Vila, na marxe dereita do río da Cortella. Presenta un recinto de forma alongada delimitado de forma natural pola pendente do terreo.
Castro Coto do Castelo: Asentamento de pequenas dimensións situado sobre un outeiro próximo ao núcleo de Noces.
Castro Coto da Moura ou Man da Moura: Entre os concellos de Carballeda, Melón e Ribadavia. Coñecido tamén como castro de Orxás. Situado a 400 metros de altitude, apareceron estruturas habitacionais, restos cerámicos e tégula. Na croa hai varias penedas cuns sucos ou pías gravados que semellan se utilizaron para asentar algún tipo de edificación. Citado no Tombo do mosteiro de Melón.
Castro de Penavaqueira: Situado sobre un esporón que domina o val e delimitado de forma natural pola acusada pendente do terreo. No ano 1998 a empresa construtora dunha minicentral no río Cerves, ante a desidia da Xunta de Galicia e do Concello de Melón, causou estragos no castro ao atravesar coas máquinas o xacemento.
 
 
A MERCA
Outeiro do Castro (Fonte Ermida-Corvillón); A Rodela (Faramontaos); Penedo da Lebre (Vilar de Paio Muñiz-A Merca); Outeiro de San Marcos ou Outeiro da Moura (Compostela-A Mezquita); O Castro ou Coto de Frades (Pereira de Montes); Monte do Castro ou Outeiro de Fontefría (Proente); Castro dos Mouros ou de Rubillós (Rubillós-Proente); Monte do Castro (Olás de Vilariño); Outeiro do Castro (Ponte Ermida-Zarracós). 
Castro do Monte Pereira ou Coto de Frades: Aínda que se conserva o topónimo e restos moi alterados do castro, atópase sen catalogar. A 550 metros de altitude, ten unhas medidas aproximadas de 123 por 70 metros e croa central de 57 por 34 metros. Un home de Pereira contoume que dende o castro tirábanlle pedras aos do castro de Trelle (Toén) cando os atacaban. Dende Amigos do Patrimonio de Toén contáronme que dende eiquí ía unha trabe de ouro ata o castro de Trelle. López Cuevillas en Os castros da comarca de Celanova di que era anexo do de Trelle. Realizadas as comprobacións, a mediados de agosto de 2022 non figura recollido no Plan Básico Autonómico e Aproveitamentos Forestais da Xunta de Galicia, nin no PXOM do Concello da Merca.
Castro dos Mouros ou de Rubillós: A 450 metros de altitude. Posúe un único recinto con boas defensas naturais con pendente cara o río Arnoia. Un foxo protexe a parte máis accesible. Moi alterado pola actividade agrícola e forestal.
Castro do Outeiro de Fontefría: A 554 metros de altitude. Consérvase o topónimo O Monte do Castro. Moi alterado por unha canteira. Antes do ano 2010, construíron un campo de fútbol a menos de 50 mertros. Non figura recollido no Plan Básico Autonómico. Despois de comunicarllo a Patrimonio da Xunta en Ourense no mes de xaneiro de 2024, ese mesmo mes contestáronme o seguinte: En relación a súa solicitude de 13.01.2024, en relación a un posible castro na parroquia de Proente (A Merca), veño a comunicarlle por este medio que xa está rexistrado como referencia (RE32047002) dende o ano 1984 en base a unha referencia bibliográfica de Nós (Cuevillas concretamente) T. III, nº 55, p.129 (sobre os castros da comarca de Celanova). Nin os arqueólogos do ministerio de cultura en 1984 e os da Xunta en 1986 viron nada que permitise catálogalo como xacemento, posiblemente polo alto grado de alteración, por unha graveira, que xa mostraba nese momento. Está recollido no visor de aproveitamentos forestais da Consellería de Medio Rural, os arqueólogos que o prospectaron en 2018 e os que prepararon o PXOM de A Merca tamén o desbotan como castro”. Continúo a pensar que se trata dun castro. 
Castro do Outeiro de San Marcos: Presenta un único recinto de forma ovalada, de 115 por 80 metros, delimitado por un terraplén que agocha unha muralla. Apareceron fragmentos cerámicos, algúns decorados, tégula e muíños circulares de man. No lugar houbo unha capela, de cronoloxía descoñecida, posta baixo a advocación de San Marcos. Atopouse un amarradoiro para o gando e unha esvástica datada entre o s. II a.C. e I. d.C.
Castro do Penedo da Lebre: De forma ovalada, con dous recintos amurallados concéntricos. Sobre o castro existiu unha pequena ermida posta a advocación de San Amaro. 
Castro da Rodela: Entre Rabal (Celanova) e Faramontaos (A Merca). A 505 metros de altitude. Tn unhas medidas totais de 172 por 120 metros.  Domínase unha ampla panorámica sobre os castros da zona e as vías romanas XVIII e secundarias. Defendido por un só recinto construído en lousa.
Monte do Castro (Olás de Vilariño): Pequeno outeiro coroado por penas graníticas. Utilizouse como canteira o que dificulta apreciar os restos do sistema defensivo. Apareceron restos cerámicos castrexos. 
Outeiro do Castro: De forma elíptica, presenta unha pequena croa achandada. Cara o oeste vanse sucedendo tres plataformas a modo de terrazas. Amosa toda unha secuencia arqueolóxica de ocupación dende época castrexa ata a Baixa Idade Media. Apareceron materiais romanos e ao seu pé un asentamento de época romana, tardorromana-altomedieval e con perduración ata o século X-XII, necrópoles de cronoloxía altomedieval (sepulcros antropomorfos e de laxes fincadas), posible fortificación Baixomedieval e unha ermida, quizais altomedieval con permanencia ata finais da Baixa Idade Media que sería o derradeiro vestixio desta secuencia de poboamento.


  


 
 
 

A MEZQUITA  
O Cabezo (Chaguazoso); Torre da Pousa ou O Carballarego (A Mezquita); A Cabeciña Redondeita, A Cabeciña do Souto, O Castelo Grande e o Castelo Pequeno ou Castro Pequeno, A Touza (Santigoso); A Cabeza (O Pereiro); A Cabeciña (Vilavella). 
Segundo as investigacións da arqueóloga Nieves Amado Rolán, todos os castros da Mezquita atópanse a máis de 1.000 metros de altitude, cunhas dimensións que van das 3 ás 10 hectáreas. Todos os asentamentos están próximos uns dos outros. 
Castro da Cabeciña: A 1.050 metros de altitude. 115 por 75 metros.  
Castro da Cabeciña Redondeita: A 1.050 metros de altitude. De forma irregular.
Castro da Cabeciña do Souto: A 1.134 metros de altitude. 
Castro da Cabeza: A 1.007 metros de altitude. Atravesado por unha liña de media tensión, cunhas das torretas no medio da croa.   
Castro do Cabezo: A 1.045 metros de altitude Ten unhas medidas aproximadas de 200 por 180 metros. Muralla en todo o seu perímetro. Foxo polo norte.   
Castro de Monte Castelo ou Castelo Pequeno de Santigoso: A 1.254 metros de altitude. Trátase dun dos máis grandes de Galicia. Ocupa unhas 10 hectáreas. Posúe un sistema defensivo formado por varios foxos, parapeitos e pedras fincadas. Contaba con torres perimetrais. Segundo Nieves Amado Rolán, este castro podería ter a orixe noutro anterior, quizais do Bronce Final. Apareceron fragmentos cerámicos esparexidos polo lugar. Nun outeiro hai varias pías, tirando a cuadrangulares, feitas pola man do home, destinadas, sen dúbida, a recoller a auga da choiva. Tamén hai unhas penas con petroglifos. 
Castro da Torre da Pousa ou Caballarego: A 1.06 metros de altitude. Recinto principal de 150 por 105 metros. Pequeno antecastro polo noroeste.    
Castro da Touza: A 1.108 metros de altitude. Estudado pola arqueóloga Nieves Amado Rolán.

 


MONTEDERRAMO
O Castrelo (Leboreiro-Seoane Vello): No Monte da Retorta, a 620 metros de altitude. Practicamente destruído polos labores agrícolas.
O Castrelo (Nogueira): A 931 metros de altitude, sobre o río Mao. Consérvase o topónimo. 

MONTERREI
Eidos do Castro (Albarellos); Outeiro do Castro (Flariz); Outeiro de San Pedro (A Eirexa Vella-Flariz); O Castro (Guimarei-Infesta); As Rozadas ou As Videiras (Guimarei-Infesta); O Forte (A Madanela); Muro de Búbal, Medeiros e Muro da Cidá (Medeiros); Montecelo (Medeiros); Baronceli (Monterrei); San Cristovo (San Cristovo); Os Castelos, Lobarzán, Outeiro da Ponte ou Val do Millo e Vilar (Vilaza). 
Nesta etapa histórica a comarca estaría habitada polos Tamagani (de aí, entre outros, o río Támega), unha cividade que segundo Dasairas ocuparía as terras medievais de Capraria e Lobarzán.    
O Castro (Guimarei-Infesta): Nun outeiro sobre o río Pontín. Forma ovalada. Conserva parte das murallas. 
Castro de Baronceli: Aínda que non se atoparon restos, crese que ocupaba o lugar onde despois se levantou o castelo de Monterrei. 
Castro de Búbal ou Muro da Cidade: Na parroquia de Medeiros. Identificado co Forum Bibalorum dos romanos, hipótese defendida por Florentino López Cuevillas e Taboada Chivite que tomou como referencia o Padrao dos Povos, a Columna Honorífica situada na portuguesa ponte de Chaves erixida baixo a dirección técnica da Legio VII Gemina e baixo o mandato do emperador Vespasiano como agradecemento ás civitas do Convento Bracarense (aeibisocios, aequaesios, aquaflavienses, aubrigenses, bibalos, coelernos, interanmicos, limicos, quaerquernos e tamaganos). A hipótese anterior semella verse confirmada polo achádego de Elixio Rivas e Marino González que atoparon o denominado Burato da Cidade, unha pala (gruta) duns sete metros de longo cuberta por unha pena; o seu interior está delimitado por unha pequena parede. Dise que durante a dominación romana, os Bibalos ou Bubalos opuxeron unha feroz resitencia polo que foron obrigados a traballar como escravos na construción da ponte de Chaves. O anterior quedou confirmado no outono de 2019, cando arqueólgos da Universidade de Vigo identificaron un enclave amurallado que podería ser o punto de encontro do pobo dos Bíbalos. Entre os concellos de Oímbra e Monterrei, ocupando máis de dúas hectáreas de terreo amuralladas nun enclave defensivo, atópase o xacemento de A Cerca ou Muro de Búbal. Unha primeira intervención permitiu recuperar parte do seu muro danado, descubrir a súa porta de entrada, datar o xacemento arredor do século I a. C., e lanzar a hipótese de que o lugar fora o Forum Bibalorum. O xacemento, din Adolfo Fernández, director científico, e Patricia Valle, directora da intervención de campo, atópase dividido entre os concellos de Monterrei e Oímbra, situándose nun promontorio entre os ríos Azureira e o Porto do Rei Búbal. Trátase dun recinto ovalado rodeado por unha muralla bastante ancha e ben feita que nalgúns tramos ten un ancho de dous metros e medio ou tres. Nun dos laterais hai outro outeiro que tamén está rodeado dunha muralla a xeito de acrópole. Os traballos consistiron na recuperación da parte dun muro danado no 208 por maquinaria forestal e desterrar o foxo anexo a el. Tamén se fixeron cinco sondaxes en distintos puntos do xacemento para datalo e valorar as súas posibles funcionalidades, pero só unha sondaxe deu resultados verdadeiramente positivos que permitiu localizar a porta de entrada ao recinto. Científicamente, din os investigadores, é un xacemento moi interesante. Sobre a súa funcionalidade, a hipótese que manexan é que "pode ser un recinto de reunión para os habitantes de todos os castros do redor". Tradicionalmente, indica Adolfo Fernández, o Forum Bibalorum foi interpretado polso investigadores como a capital dos bíbalos, localizándose nos xacementos habitacionais máis importanes da zona, como a Cibdá de Medeiros. A hipótese que manexan trala intervención "é a máis comprensible aínda que sexa cambiar por completo esta tendencia historiográfica dos últimos anos, na que se tendía a identificar o froum como a capital. Este lugar central podería ter diversos usos, como mercado, lugar de culto, lugar para impartir xustiza da comunidade e tamén de defensa en caso de verse ameazados. 
Castro dos Castelos: Entre Monterrei e Oímbra. Utilizado dende a Idade do Ferro ata a Idade Media. Apareceron tégulas, ladrillos, cerámica común romana e medieval. Na parte de Oímbra defínese claramente un recinto castrexo, na de Monterrei a base dunha torre-fortaleza. Tamén apareceron materiais do Neolítico.   
Castro Eidos do Castro: Situado nun outeiro próximo ao núcleo de Albarellos. Datado nos séculos IV-III antes de Cristo, obsérvase a simple vista restos dunha muralla pétrea e algunhas pedras que puideron pertencer a construcións habitacionais. Hai catro fontes coñecidas como As Fontes do Castro. Dise que un pombal que había no lugar, que funcionou entre os anos 1500 e 1650, foi construído coas pedras do primitivo asentamento castrexo. 
Castro do Forte (A Madanela): Presenta un recinto de forma arredondada, protexido por unhamuralla en todo o seu perímetro. 
Castelo de Lobarzán ou Castro das Laxes das Chás: A arqueóloga da Universidade de Vigo, Beatriz Comendador dirixirá a realización de diversas actividades de recuperación patrimonial, paisaxístico e etnográfico da área arqueolóxica e a súa contorna durante catro anos. Con este obxectivo, representantes da Universidade de Vigo e dos concellos de Monterrei e Oímbra asinaron o 5 de abril de 2019 un convenio de colaboración. Di Beatriz Comendador que se trata dun enclave único no Támega cunha unión de valores a protexer. Ocupado de maneira ininterrompida dende un lugar de asentamento calcolítico e da Idade do Bronce ata o castelo medieval (s. X-XV). A pesares do seu interese, o conxunto foi escasamente estudado e nunca escavado. 
Castro do Outeiro da Ponte: Coñecido tamén como Val do Millo: Descuberto cando as obras da autostrada das Rías Baixas. Recinto de forma ovalada. Datado no século I a.C. 
Castro do Outeiro de San Pedro: Coñecido tamén como A Eirexa Vella. No lugar apareceron pedras traballadas que foron reaproveitadas para facer os muros das fincas. Tamén unha escultura de granito bastante fragmentada, tosca e de feitura sinxela onde se aprecia o torso con parte da cabeza e brazos levantados. Nunha das leiras apareceu unha gran columna de granito. Os veciños falan dun antigo cemiterio situado no outeiro.  
Outeiro do Castro: Coñecido tamén como O Tallo e A Malladoira. Ao pé apareceron fragmentos de tégulas e restos cerámicos. 
Explotación mineira: En Medeiros existen vestixios dunha explotación mineira de estaño de época castrexa, logo reaproveitada polos romanos. Na súa obra Memoria sobre las minas de Galicia y otras producciones del reino mineral (1783), José Cornide Saavedra comeza o seu repaso pola historia da mineiría en Galicia co comercio dos fenicios para dar conta de que na Illas Atlánticas había estaño, só era necesario observar a costa para ver a terra arenisca "semellante á que hai onde se cría estaño no val de Monterrei". De feito, dende o século II antes de Cristo, os romanos teñen coñecemento dunha ruta que os fenicios de Gadir (Cádiz) coñecen e gardan en secreto; é a ruta das Cassitérides (Illas de Estaño), identificadas coas anteditas illas galegas, citadas polos escritores do século I a.C. Diodoro de Sicilia, Posidonio e Mela.
  



MUÍÑOS
Castelo de Taboadela (Barxés); Muíños, Picós e San Pedro (Muíños); O Corisco (Picós-Muíños); Outeiro de Cela (Mugueimes-Muíños); Ferreiro e Parada (Parada de Ventosa); Santa Mariña do Castro (Guntumil-Requiás).
Castro do Corisco: Sobre o rego Corga de Muíños, a 675 metros de altitude. Ten unhas medidas aproximadas de 185 por 125 metros.


NOGUEIRA DE RAMUÍN
Bouza Fría (O Covelo-Armariz); Outeiro do Castro (O Outeiro-Faramontaos); Torres da Cidá (Valdopereiro-San Miguel do Campo); Penedos do Castro (Pombar-Santo Estevo de Ribas de Sil).
Penedos do Castro: Pequeno outeiro rochoso cuxas pedras das construcións, ao parecer, foron reaproveitadas nos peches de fincas que se atopan nas inmediacións. Trátase dun castro de finais da Idade do Bronce que permanece ocupado durante a Idade do Ferro pero non en época romana. Nas penas situadas sobre a croa vense varias pías, algunha de grandes dimensións, que semellan de factura natural. Rodríguez Colmenero descubriu aquí dúas inscricións rupestres, se ben a primeira xa é citada por Ángel del Castillo no traballo El castillo de Litoria, publicado no Boletín da Real Academia Galega 228 do ano 1930, se ben confunde Litoria, en Esgos, cos Penedos do Castro. Na cara interior dunha rocha, lese "+ LEOVIGIL/DUX"  que segundo Freire Camaniel podería corresponder a un duque deste rei visigodo en torno ao 585 ou 586 que son as datas entre a conquista de Gallaecia por este rei e a súa morte.  Na outra, a uns vinte metros da anterior, figura a inscrición (---) Viripoa (---), ao parecer de época romana.  
Castro Torres da Cidá: De grandes dimensións, foi refortificado durante a Idade Media.
 


OÍMBRA
Cerca e Castelo das Chás (As Chás); O Castelo (O Rosal-Oimbra); Vamba (San Cibrao); Espiño (Espiño-Videferre).
Castro Castelo das Chás: Entre os ríos Bubal e Azureiro, con dobre recinto amurallado que circunvalaban unha área de máis de 2.500 metros cadrados de superficie. Citado por Ptolomeo e Plinio o Vello. Ocupado posiblemente entre o Calcolítico e a Idade Media. Dentro do propio castro hai ao menos 78 penas con petroglifos. Está documentado un castelo que aínda estaba en pé no século XV. Tamén apareceron varias tumbas altomedievais e os restos dun posible templo. Dise que había un túnel que comunicaba con Medeiros, os mouros utilizábano para roubar os cabalos e secuestrar ás mozas.  
Castro de Búbal ou Muro da Cidade: Na parroquia de Medeiros. Identificado co Forum Bibalorum dos romanos, hipótese defendida por Florentino López Cuevillas e Taboada Chivite que tomou como referencia o Padrao dos Povos, a Columna Honorífica situada na portuguesa ponte de Chaves erixida baixo a dirección técnica da Legio VII Gemina e baixo o mandato do emperador Vespasiano como agradecemento ás civitas do Convento Bracarense (aeibisocios, aequaesios, aquaflavienses, aubrigenses, bibalos, coelernos, interanmicos, limicos, quaerquernos e tamaganos). A hipótese anterior semella verse confirmada polo achádego de Elixio Rivas e Marino González que atoparon o denominado Burato da Cidade, unha pala (gruta) duns sete metros de longo cuberta por unha pena; o seu interior está delimitado por unha pequena parede. Dise que durante a dominación romana, os Bibalos ou Bubalos opuxeron unha feroz resitencia polo que foron obrigados a traballar como escravos na construción da ponte de Chaves. O anterior quedou confirmado no outono de 2019, cando arqueólgos da Universidade de Vigo identificaron un enclave amurallado que podería ser o punto de encontro do pobo dos Bíbalos. Entre os concellos de Oímbra e Monterrei, ocupando máis de dúas hectáreas de terreo amuralladas nun enclave defensivo, atópase o xacemento de A Cerca ou Muro de Búbal. Unha primeira intervención permitiu recuperar parte do seu muro danado, descubrir a súa porta de entrada, datar o xacemento arredor do século I a. C., e lanzar a hipótese de que o lugar fora o Forum Bibalorum. O xacemento, din Adolfo Fernández, director científico, e Patricia Valle, directora da intervención de campo, atópase dividido entre os concellos de Monterrei e Oímbra, situándose nun promontorio entre os ríos Azureira e o Porto do Rei Búbal. Trátase dun recinto ovalado rodeado por unha muralla bastante ancha e ben feita que nalgúns tramos ten un ancho de dous metros e medio ou tres. Nun dos laterais hai outro outeiro que tamén está rodeado dunha muralla a xeito de acrópole. Os traballos consistiron na recuperación da parte dun muro danado no 208 por maquinaria forestal e desterrar o foxo anexo a el. Tamén se fixeron cinco sondaxes en distintos puntos do xacemento para datalo e valorar as súas posibles funcionalidades, pero só unha sondaxe deu resultados verdadeiramente positivos que permitiu localizar a porta de entrada ao recinto. Científicamente, din os investigadores, é un xacemento moi interesante. Sobre a súa funcionalidade, a hipótese que manexan é que "pode ser un recinto de reunión para os habitantes de todos os castros do redor". Tradicionalmente, indica Adolfo Fernández, o Forum Bibalorum foi interpretado polso investigadores como a capital dos bíbalos, localizándose nos xacementos habitacionais máis importanes da zona, como a Cibdá de Medeiros. A hipótese que manexan trala intervención "é a máis comprensible aínda que sexa cambiar por completo esta tendencia historiográfica dos últimos anos, na que se tendía a identificar o froum como a capital. Este lugar central podería ter diversos usos, como mercado, lugar de culto, lugar para impartir xustiza da comunidade e tamén de defensa en caso de verse ameazados. 
Castro de Espiño: Sobre un evidente castro edificouse a ermida do San Roque en cuxo interior conserva unha arra dedicada a Marte.
López Cuevillas e Bouza Brey (1929) recollen que en Oímbra existe a crenza de que as serpes cando ven a unha persoa durmida tratan de mordela, mais sempre hai un lagarto que esperta aos homes baténdolles co rabo na cara. Ás mulleres non se lles fai este favor. Tamén se cre que denantes de beber nunha fonte, as serpes deixan fóra a pezoña e que non a volven recoller ata que rematan.
 

 


OURENSE
Madrosende (Beiro); Beiro (O Castro de Beiro); San Pedro de Outeiro (Cudeiro); Val de Gola (Eiroás-Cudeiro); Reza (Monte Loureiro-Reza); Oira, Peliquín, Santomé (Ourense); Castro Foxo (Seixalbo).
Castro Foxo: Consérvase o topónimo. O posible castro podería atoparse no coñecido como Coto da Áspera, un outeiro rochoso situado a 347 metros de altitude, a uns 100 metros en liña recta co límite da parroquia de Noalla, en San Cibrao das Viñas. Tería unha medidas aproximadas de 65 por 45 metros. Non moi lonxe está o sitio coñecido como O Chao da Moa.
Castro de Oira: Forma oval, defendido por unha muralla en todo o seu perímetro, cinguida por un terraplén que chega a acadar uns dez metros de altura. A cima é aplanada, algo alombada. Ten unhas medidas aproximadas de 100 por 80 metros. Atopáronse fragmentos cerámicos. 
Castro de Peliquín: Nas ourelas do río Miño. Está formado por un recinto principal que aproveita unha elevación natural, arrodeado por un parapeito ao que está asociado un pequeno foxo perimetral.  
Castro de San Pedro de Outeiro: Atopáronse tégulas, ladrillos, restos cerámicos e un tríscele de pedra. Apegado á N-525, nunca foi escavado. Na actualidade, o lugar está ocupado por unha plantación de videiras e prados. 
Castro de Santomé: As primeiras referencias achégaas Manuel Blanco Guerra, que entre os anos 1969 e 1974 realiza unha serie de catas no castro e a súa contorna. Será a partir do 1983 é cando dende o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense se comecen as escavacións sistemáticas do xacemento, datando a súa orixe no século I a.C. e mantendo a súa ocupación ata mediados do s. II d.C. Ao poboado castrexo, asentado nun outeiro, accédese a través dunha rúa empedrada. O río Loña actúa por unha parte como defensa natural e pola peor defendida con foxo, terraplén e murallas concéntricas que acolle as distintas estancias. Polas ladeiras do castro observánse restos doutro poboado do que apenas se conservan restos debido a que sobre el se levantou un asentamento tardorromano composto por dúas unidades construtivas. A maior está distribuída en tres estancias precedidas dunha galería, cunha escaleira que daba acceso ao piso superior, cunha solaina sustentada por piares de madeira apoiados no muro. Nunha das estancias consérvase o sistema de calefacción. En torno a este núcleo distribúense outras estancias destinadas a obradoiro, almacén, etc. A segunda unidade construtiva está formada por catro estancias artelladas por medio dunha galería na fachada á que se abre un patio rectangular. No lugar atópase o Centro de Interpretación do castro. Eiquí atópase o Túnel da Moura que, segundo a lenda, baixaba ata o río Loña.
O mítico Monte Medulio en Castro de Beiro: Villaamil y Castro, nun artigo escrito no ano 1861 no Album de la Caridad. Juegos Florales de la Coruña, recolle varias inscricións citadas nunha carta que Fr. Pablo Rodríguez lle enviou a Cornide o 11 de abril de 1788. As inscricións (“que fueron removidas y colocadas en los sitios más inmundos y asquerosos de cerdos, caballerizas...”) apareceron na casa do cura de Santo André do Castro de Beiro, parroquia do concello de Ourense, entre outras unha onde aparece o Medulio: “L LICINS / DEIVSVS / IOVIO / MEDVLLIO / LARICO”. Ademais de Fr. Pablo Rodríguez e Villaamil, tamén se fixo eco dela o mesmo Enrique Flórez. Pero resulta que todas eran unhas falsificacións, un invento do que fora cura de Castro de Beiro Juan Fernández Boán (1587-1639) quen, xunto co seu irmán Pedro, encheron Ourense de historietas na primeira década do século XVII, e todo “para aumentar el lustre de su familia” (Abascal Palazón, 2019). Houbo que esperar ao CIL de Hübner en 1789 para botar polo chan estas burdas falsificacións.
 
 




PADERNE DE ALLARIZ
Coucieiro (Coucieiro); Figueiroá (Figueiroá); Mourisco (San Salvador de Mourisco).
Castro de Coucieiro: De forma circular, duns 60 metros de diámetro. Sobre a croa construíuse a igrexa parroquial e o cemiterio. Defendido por terrapléns e o desnivel do terreo. Localizouse restos de cerámica en superficie. Moi alterado. No interior do templo hai unha ara de época romana.
Castro de Figueiroá: Situado a 657 metros de altitude sobre o nivel do mar. De forma irregular tendente a oval duns 100 x 50 metros. Non se aprecian estruturas. Dende aquí distínguese o castro de Trelle, en Toén.
 
PADRENDA
Desteriz e San Miguel (Desteriz); Monte Redondo (Monte Redondo); Ponte Barxas (Padrenda); Os Castros (San Pedro da Torre).
Castro de Desteriz: Sobre o castro construíuse a igrexa parroquial e o cemiterio. Tiña un antecastro polo nor-este.
Os Castros: No monte da Torre. Presenta forma ovalada. Sobre o castro levantouse a igrexa parroquial. Romanizado, apareceron restos de tégulas.
 

PARADA DO SIL 
Santa Cristina ou Cividade do Castro (Caxide); Castro da Tapadas (A Senra-Forcas); Barxacoba (San Lourenzo de Barxacoba).
Os Castrullos (A Senra-Forcas): A 869 metros de altitude. Ten unhas medidas de 70 por 58 metros. Disque non se trata dun castro, senón dun círculo, pode que do Bronce Final, do que aínda non se sabe a función. A Xunta de Galicia tenno mal situado, ponno a uns 500 metros da situación real. 
Castro de Santa Cristina: Situado nun outeiro a 628 metros de altitude. Rodeado por unha muralla de pedra de cachotería que conserva lenzos na parte leste cun ancho aproximado de dous metros e diferente altura. A croa, de forma tirando a triangular ten uns 60 metros de lado. Nas escavacións levadas a cabo no ano 2010, os tipos de defensa e a ausencia de edificacións puxeron en dúbida que se tratase dun asentamento da Idade do Ferro, o tipo de cerámica recollida foi datada nos séculos VIII-IX, da mema época que o mosteiro de Santa Cristina que se atopa a uns 500 metros de distancia. López Cuevillas e Bouza Brey (1929) recolle a seguinte lenda: "Hai eiquí un tesouro de cousas de eirexa, gardaddo por unha serpe. Un crego que vai dacabalo colle o tesouro e fuxe, mais a serpente persígueo e obrígao a ir sontando pezas. Soio salva un cáliz, que guinda dentro da eirexa de Santa Cristina. N-unha variante o gardián é un mouro".   

 


O PEREIRO DE AGUIAR
Chaodarcas (Chaodarcas); Covas (Covas); Melias (Melias); Sabadelle (Sabadelle); O Castro (Outeiromeau-Santa Marta de Moreiras).
O Castro (Outeiromeau): Duns 100 metros de diámetro, sitúase nun promontorio duns 500 metros de altitude sobre o nivel do mar. Boas defensas naturais. Cuberto pola matogueira e árboreda.
Castro de Melias: Moi humanizado polas vivendas do pobo e o aproveitamento agrícola.
Castro Monte do Castelo: Segundo algunhas hipóteses, neste monte da parroquia de Vilariño sitúan outra das ubicacións do lendario Medulio baseándose, para elo, nunha inscrición (dada a coñecer no seu momento por Bouza Brey) que hai nunha peneda ao pé dun antigo camiño real coñecido polo nome de Portocarro: Sicenata Pacata ("quietos e pacificados"), insculpida en caracteres indíxenas e latinos.
Castro de Sabadelle: Situado nunha elevación granítica aterrazada ocupada por vivendas, un depósito de auga e hortas onde se pode atopar fragmentos cerámicos en superficie, tanto castrexos como romanos. 
 

A PEROXA
Fontelas (Regolevado-Armental); Mugariza (Armental); A Croa (Santa Baia-Beacán); Bouza Longa (Mirallos); Fontearcada (A Peroxa); A Peroxa (A Peroxa Vella-A Peroxa); Monte dos Castros (Vilanova-A Peroxa); A Croa (Costa da Cabra-San Xes da Peroxa); A Cidadella (San Xes); Redondelle (Redondelle-San Xes). 
A Cidadella: A Cidadella é unha pequena aldea que ocupa un outeiro. O nome é evocador, se ben non teño coñecemento de que se atopara algún resto que nos poida indicar a existencia dun primitivo asentamento.   
Castro da Coroa: Castro lindeiro entre os concellos de Coles e A Peroxa. De forma elíptica, ten unhas medidas aproximadas de 100 por 80 metros, cunha croa duns 25 metros. Defendido por unha muralla e terraplén. Boas defensas naturais. Apareceron frgamentos cerámicos. 
A Croa (Beacán): De forma alongada e estreita con boas defensas naturais, entre outras a que constitúe o río Quintela. Alterado por muros das fincas e bancais. 
Castro de Fontearcada: Hai uns vinte anos, cando se construíu o novo Concello, destruíron o castro na súa totalidade, erixindo logo naves, casas, etc. Un veciño faloume que ao castro semicircundábao un foxo duns dous metros de fondo, e que tamén había un túnel que, ao parecer, comunicaba co castelo da Peroxa, e por onde baixaban os cabalos a beber ao río. Apareceron fragmentos cerámicos. 
Castro da Peroxa: Sobre o primitivo asentamento castrexo ergueuse un castelo en época medieval.
 
 
 

 

PETÍN
Cabanelas (Freixido/Seadur); Mones (Mones); O Ferradal (Portomourisco); O Castrillón (San Miguel de Mones); Carballal e Santa María (Santa María de Mones).   
O Castrillón: Romanizado. Atópase situado a media ladeira da montaña con ampla visibilidade do val do río Sil, situado a unha altitude de 675 metros por riba da poboación de Mones. Presenta planta ovalada defendida por un gran foxo tallado na rocha de lousa e un parapeito-muralla de laxas de xisto. Posto en relación coas explotacións mineiras romanas.
Castro de Cabanelas: Entre as parroquias de Freixido (Petín) e Seadur (Larouco).Sobre o río Sil, domina os vales de Petín e A Rúa. Na parte máis accesible está defendido por unha muralla, un foxo e un parapeito formado por grandes rochas graníticas.
Castro do Ferradal: Emprazado nun esporón rochoso de gneis que se interna na canle do río Xares, afluente do Bibei, a uns 425 metros de altitude. Trátase dun recinto con forma indeterminada adaptado á propia configuración do terreo que se desenvolve en varias terrazas desfiguradas por distintos socalcos de cultivo de viñedos. Grandes defensas naturais reforzadas por defensas artificiais na parte sudeste desfiguradas pola trincheira da antiga estrada.    
Castro de Santa María: Levantábase a 410 metros de altitude, nun outeiro dominante sobre cuxa croa se edificou unha igrexa de orixe románica do século XII. A croa está arrodeada por plantacións de viñas. Tiña unhas medidas aproximadas de 160 por 105 metros. Un dos perpiaños da igrexa presenta unha inscultura do xogo dos "tres en raia", posiblemente de época romana. Apareceron moedas de época romana, emitidas en tempos de Grodiano, Decio, Galieno, Claudio e Magnencio, e tamén medievais. Menciónase nunha doazón de Maior Sánchez no ano 1285 ao mosteiro de Montederramo. Como recolle Madoz no seu Diccionario (1845-1850), o sitio foi obxecto de constantes espolios.
 



PIÑOR DE CEA
Outeiro do Castro (Guimarás-A Canda).
Outeiro do Castro: Castro de pequenas dimensións sobre o río Mirela que actúa como defensa natural.
 

A POBRA DE TRIVES
Cova (A Cova); Castelo das Cigadoñas (Barrio); O Pendón (Castro-Barrio); O Castelo (O Castro-Cotarós); Navea ou Pena Santa (Navea); O Castrelo de Piñeiro e O Medorrón (Piñeiro); A Medorra (Fondo de Vila-Piñeiro); A Ciudá (A Corga-Piñeiro); A Cigadoña (San mamede de Trives); A Cividá e Santo Estevo (Sobrado). Trives Vello.
Castrelo de Piñeiro: Destruído polo núcleo de poboación de Piñeiro.
Castro da Cigadoña (San Mamede de Trives): A 698 metros de altitude, case no límite con Pareisás. De forma ovalada, ten unhas medidas de 100 x 63 metros. Por riba da entrada ao adro-cemiterio da igrexa parroquial vense dous muíños circulares de man.
Castro da Medorra (Fondo de Vila): Destruído.
Castro do Medorrón: sobre o río Bibei.
Castro de Navea: Sobre o río Navea.
Castro do Pendón: Practicamente destruído.
Castro de Santo Estevo: Moi alterado.
 
 
 

PONTEDEVA 
A Ponte (Pontedeva); Trado, O Valiño (Trado). 
Castro da Ponte: Sobre o rego Corga da Peniza. Destruído polo campo de fútbol, a Casa do Concello, o Centro de Saúde, etc.
Castro de Trado: Practicamente destruído pola construción da igrexa, a reitoral, estradas, etc. 
 
PORQUEIRA
Castro da Cidade do San Vitoiro ou da Cibdá (Xocín-Porqueira): Tamén coñecido como Finca das Señoritas. A maior parte da superficie do castro pertence a Castelaus (Calvos de Randín), só as ladeiras septentrionais atópanse en Porqueira. Situado nun outeiro rochoso dunha pequena dorsal entre dous cursos de auga. Presenta planta ovalada. A croa está delimitada en parte por pedras graníticas. Contaba con muralla pétrea reforzada cun foxo na parte máis accesible. Atopáronse fragmentos de cerámica castrexa. Preto do río Firbeda e da súa fervenza onde segundo a lenda aparecía unha moura antes de saír o sol para peitearse os cabelos dourados cun peite de ouro; entre o Pozo da Firbeda e a Cidade hai un túnel; no camiño que sube ata o castro hai unha cadea de ouro que os carros van desgastando cando as rodas pasan por riba.
 

PUNXÍN
Castro do Outeiriño (Santo Estevo-Vilamoure): A 320 metros de altitude. Ovalado, de 65 por 50 metros, cunha pequena croa de 30 por 20 metros. Semicircundado polo regueiro de Vilamoure. 
Castro de San Cibrán de Las: Aínda que toma o nome da parroquia de San Amaro, o xacemento colle parte do municipio de Punxín. (Ver San Amaro). 
Castro de San Trocado: Situado a 550 metros de altitude no monte de San Trocado, parroquia de Barbantes, domina o castro de San Cibrán de Las. As primeiras ocupacións datan dos séculos VII-VI a.C. Atopáronse útiles mineiros e moedas. Tamén saíu á luz un puñal de bronce con lingüeta calada e nervadura central. Moi alterado, perdeu gran parte do sistema defensivo. Dende aquí partía unha calzada que o comunicaba con San Cibrán. Cada 15 de maio reúnense no castro, arredor da ermida, os veciños da parroquia e da contorna para asistir á beizón das terras por parte do párroco. Florentino López Cuevillas, en Prosas galegas, 1920-1958, no relato Mitoloxía e historia da paisaxe de Trasalba, escribiu que hai unha ermida adicada a este santo que "por un proceso de cristianización, posíbelmente Bandua, a xulgar por unha ara que se conservaba non hai moito a un carto de legua do monte...", onde hai un "oppidum celta" que pasados centos de anos tamén resistiu aos xermanos e aos mouros.
Castro de Vilamoure (Vilamoure): A 345 metros de altitude. Ovalado de 110 por 75 metros. Perdeu case todas as defensas, só se conservan os terrapléns.
 

   
 


QUINTELA DE LEIRADO
Castro de Redemuíños: De grandes dimensións, sitúase nun lugar dominante. Apareceron muíños de man e restos cerámicos. Romanizado. Apareceu unha xarra con moedas imperiais romanas. No ano 1803, o corrixidor de Milmanda (Celanova) informou de que enviou as moedas a través de Marcos Alonso á Academia de Historia, quen decidiu mercalas, mais descoñécese o seu paradoiro actual. Aquí erixiuse posteriormente unha fortaleza medieval. Na cima situábase o castelo medieval de Santa Cruz que xa existía no 1145, cando Afonso VII llo doou ao mosteiro de Celanova. Na Serra da Moura, onde se atopa, hai varias mámoas.
 

RAIRIZ DE VEIGA
San Miguel e Muralla Grande ou Castelo de Celme (Congostro); Guillamil (Guillamil); Lampaza (Candás-Lampaza); Castrelo (Lampaza); Rosén (Rosén-Guillamil).
Castrelo: Sobre un esporón, ten forma ovalada. Arrodeado por unha muralla e terraplén. As defensas, na parte máis accesible, refórzanse cun profundo foxo. Apareceron fragmentos cerámicos de época castrexa. Segundo a lenda, no cumio había unha porta que levaba a uns pasadizos onde vivían os mouros, e baixo o castro había unha trabe de ouro.
Castro de Guillamil: Forma ovalada, de 100 por 80 metros. Obsérvanse restos do sitema defensivo. Dise que apareceu un trisquel que foi doado a un particular e que logo estivo exposto nun bar de Celanova.
Castro de Lampaza: Presenta forma ovalada con restos de muralla.
Castro da Muralla Grande: Atopáronse restos cerámicos castrexos e medievais. Moi alterado pola construción dun castelo medieval (Celme). 
Castro de Rosén: Castro de forma oval situado nunha cimeira a 770 metros de altitude sobre o nivel do mar. Hai abundantes pedras graníticas e pedra miúda. No castro hai un lugar que recibe o evocador nome de O Foxo. Ao seu pé discorre o río Rosén. Segundo a lenda, no castro está a casa de María A Moura, un burato entre grandes penedos hoxe en día desaparecidos.
Castro de San Miguel: Prospectado por Seara Carballo en 1986. Apareceron fragmentos cerámicos castrexos. Dise que na cima hou unha capela a San Miguel.




RAMIRÁS
Monte da Santa (Casardeita); Grixó (Grixó); Marnotos (Grixó).
Castro Monte da Santa: Entre as parroquias de Castromao (Celanova) e Casardeita (Ramirás). Ten unhas medidas aproximadas de 60 por 40 metros. Non figura como catalogado nos visores da Xunta de Galicia; localiceino no mes de novembro de 2023. 
Castro de Marnotos: Aínda que Marnotos pertence a Penosiños, o castro atópase na parroquia de Grixó. Situado nun outeiro de forma arredondada, a 463 metros de altitude. Sobre o rego da Nogueira. Alterado.


RIBADAVIA
Areas (parroquia dividida con Cenlle-Esposende); Esposende (Esposende); O Castelo (Esposende); Man da Moura (San Domingos de Ribadavia); O Castelo ou Monte do Castro (Sanín); Santa Cristina e Veiga ou Boubou (Ventosela); Coto do Castro (San Paio-Ventosela).
Castro de Esposende: Nunn outeiro a 373 metros de altitude. Nun documento do ano 1096, nunha doazón ao mosteiro de San Clodio (Leiro) por María Monina fai alusión ao Castro da Penitencia.
Castro Coto da Moura ou Man da Moura: Entre os concellos de Carballeda, Melón e Ribadavia, nun outeiro con abundantes afloramentos graníticos. Coñecido tamén como castro de Orxás. Situado a 400 metros de altitude, apareceron estruturas habitacionais, restos cerámicos e tégula. Na croa hai varias penedas cuns sucos ou pías gravados que semellan se utilizaron para asentar algún tipo de edificación. Citado no Tombo do mosteiro de Melón.
Castro da Veiga ou Boubou: Situado a 275 metros de altitude. Apareceron seis moedas de época romana. Foi Rubén García Álvarez que identificou, grazas a varios documentos dos séculos XII e XVII, o Castro da Veiga co Boubou. Demostrou que no lugar onde asenta o castro non houbo ningún castelo, torre ou calquera outro asentamento medieval, como defendían algúns. Aparecía confundido por algúns autores locais co Castrum Minei da Historia Compostelana, sendo considerado por moitos historiadores como unha fortaleza medieval, escenario de inexistentes acontecementos acaídos no século XII, como unha fábula histórica relativa ao "Castillo de Vega".
Coto do Castro: Recinto duns 7o metros de diámetro. Control sobre os vales do Avia e Miño.
Monte do Castro: Nun saínte sobre o río Miño (encoro de Castrelo).
Espirais de Regodeigón: Foron atopadas a finais do ano 1953 mentres se realizaban labores nunha viña denominada A Planada, propiedade de Francisco Retorta. Foron dadas a coñecer no ano 1956 por Xaquín Lorenzo e M. Rubén García Álvarez na Revista Guimaraes. Apareceron enteiras pero foron rotas polos obreiros en varios anacos para comprobar a calidade do metal. A técnica de fabricación é mediante o forrado con lámina de aliaxe de ouro, prata e cobre, con máis contido en ouro no exterior ca no interior. Datadas no s. III-I a.C.).
Ara "celta": En El Correo Gallego do  7 de agosto de 1956, Juan Carlos Villacorta fala dunha "ara celta" situada nun monte non moi lonxe  da taberna "O Rapacito". 
O coñecemento de boa parte dos castros da comarca do Ribeiro debémosllo ao médico e historiador Rubén García Álvarez quen realizou, entre outros, numerosos traballos sobre a Historia de Galiza. A súa obra, xunto con outros títulos, doouna ao Museo de Ribadavia. 
 

  

 

 
RIÓS
Cabanca dos Mouros e Fraga da Moura (Castrelo de Abaixo); O Castelo (O Navallo); As Cabarquellas (Pousada-Progo); Pedroso (Pedroso-Trasestrada); A Caneira (Trasverea-Trasestrada); Florderrei (Riós); Pedroso e Valmedo (Trasestrada).
Castro Cabana dos Mouros: Consérvase os restos da muralla que arrodeaba a croa.
Castro das Cabarquellas: Apareceu cerámica común castrexa, un puñal, restos dun muíño romano e moedas. Nun esporón do castro, coñecido como Os Mouros, aprézase unn enorme foxo dun catro metros de profundidade. 
Castro da Caneira: Sobre un outeiro ovalado, obsérvase un amplo horizonte, cunha boa comunicación visual co castro de Pedroso.  
Castro de Fraga da Moura: Taboada Chivite cita os restos dunhas murallas. Ao pé do castro hai unha cova que puído funcionar como refuxio natural. 
Castro de Pedroso: Situado nun outeiro dende onde se divisa unha ampla panorámica, defendido de forma natural por unha das ladeiras e por murallas na parte máis vulnerable. As pedras das estruturas habitacionais foron utilizadas para a construción de casas nos pobos dos arredores. Segundo a lenda, no castro había unha fonte onde se vía unha moeda de ouro, indicios dun tesouro, mais ninguén se atreveu a buscalo porque podería sufrir unha desgraza; xunto a fonte peiteábase unha moura. 
Cova das Choias: Localízase na Fraga das Choias, preto do lugar de Pedroso. Cova natural formada por arcos de oito metros de altura por catro de ancho. Atopáronse dous brazaletes de ouro. 

A RÚA
O Castrillón (Fontei-A Rúa); A Coroa (A Rúa Vella-A Rúa); A Capela (Vilela-A Rúa). 
Castro da Capela: Nos monte de Cereixido, a 586 metros de altitude. Recinto de planta ovalada con defensas artificiais de foxos tallados na rocha pizarrosa, tamén se ve un gran parapeito. Segundo a tradición albergaba unha ermida posta baixo o padroado do San Lourenzo. Romanizado, en relación coas explotacións auríferas da zona.  
O Castrillón: Situado nun pequeno outeiro amesetado que se sitúa nunha terraza do río Sil, a 367 metros de altitude. Presenta un único recinto de planta ovalada, defendido por unha muralla. O xacemento está cortado pola metade pola estrada N-120.  
Castro da Coroa: Próximo á Vía XVIII e á explotación aurífera da Pala. Apareceron restos cerámicos de época romana e vidros. Tamén saíu á luz unha estela de forma cónica con rostro humano. 
Igrexa de Santo Estevo de A Rúa: Nun muro da igrexa pódese ver unha cabeza humana esculpida en granito, evidentemente reutilizada, da que se descoñece a procedencia. Mais non cabe desbotar que viñera, como outras pezas, do castro da Coroa.
 


RUBIÁ
O Castelo ou Tumbeiro (O Castelo-O Barrio de Cascallá); Pena Zamora (Biobra); Pena León  (Covas); Coto da Cabeza (Serra da Enciña da Lastra-Oulego); Chao do Castro (Pardollán); Vilarbarbás (Quereño); A Cogola ou A Ciudá (O Robledo da Lastra); Cabeza do Castro (Rubiá); As Portas (Veiga de Cascallá-A Veiga).
Castro da Cabeza do Castro: Forma ovalada. Alterado por viñedos e construcións.
Castro do Castelo ou Tumbeiro: A 650 metros de altitude, entre dous cursos de auga, un o regueiro da Lavandeira. Destruído pola construción do pobo. Apareceron anacos cerámicos e tégula.
Castro da Cogola ou A Ciudá: A 550 metros de altitude. Sobre o regueiro Cavorco das Figaliñas. Ten unhas medidas aproximadas de 78 por 45 metros. Parapeito e foxo. Apareceron tégulas e escoiras de fundición.
Castro de Pena León: A 640 metros de altitude. Sobre o río Sil e o regueiro de Pereda. De planta ovalada, ten unhas medidas aproximadas de 115 por 65 metros.
Castro de Pena Zamora: Na Serra da Enciña da Lastra. A 775 metros de altitude. Forma irregular duns 200 metros de longo. Protexido por fortes murallas e pendentes.
Castro das Portas: Planta irregular, adaptado á fisionomía do terreo. Apareceron tégulas romanas.
Castro de Vilarbarbás: Sobre o río Sil, a 400 metros de altitude. De forma alongada, ten unhas medidas de 140 por 60 metros.
Monte Medulio: Son moitas as hipóteses sobre a ubicación do mítico monte onde, segundo as fontes clásicas, durante as guerras astur-cántabro-galaicas, os galaicos que o habitaban, despois dun longo asedio polos romanos e antes de seren escravizados, decidiron inmolarse por medio das propias armas e o veleno do teixo. Corría o ano 22 a.C. Destas guerras temos testimonios, principalmente, de Dion Casio, Floro e Orosio, que se basearon  na obra perdida de Tito Livio. Hai autores que sitúan a ubicación do monte en Biobra, na Serra da enciña da Lastra. Mario Roso de Luna, nun Boletín da Real Academia da Historia do ano 1912, en El Bierzo, nuevas lápidas romanas, achega un romance, que di do século XII, que tomou da obra “Galicia, León y Asturias” (1894), no capítulo Un canto heroico, de Ramón Álvarez de la Braña, sobre o asedio polo romanos do Monte Medulio que sitúa, á vista dos nomes que cita, na Serra da Enciña da Lastra, en terrras de Valdeorras (Biobra, Pumares) e Momao (paraxe que lle dá nome á ponte Momao, sobre o Sil, entre Valdeorras e Ponferrada).




 
SAN AMARO
Casar do Mato (Casar do Mato-Beariz); O Castro (Beariz); Eiras (Eiras); Martiño (Xinzo-Eiras); Monte do Castro da Veiga (Figueiroa-Las); Grixoa (Grixoa); San Cibrán de Lás (Lás e o Concello de Punxín); Monte dos Castros (Navío); Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa Lansbrica. 
Castro de Grixoa: sobre o río Buville, a 375 metros de altitude. Ten unhas medidas de 210 por 130 metros.
Castro Martiño: Na ladeira suroeste do San Trocado, mirando ao val do río Miño. A espesa matogueira impide facerse unha idea do que foi o xácigo que posúe grandes defensaws naturais. Nalgúns tramos adivíñans o que puído ser unha muralla. Nalgunhas rochas vense petroglifos con coviñas. (Información recollida do blogue Arredor de Lámbrica).
Monte dos Castros: En San Fiz de Navío. Cando o visitei hai anos, apenas se apreciaban restos. Segundo información achegada por Santi López, o lugar atópase moi achandado polos traballos de instalación dunha liña de alta tensión, no mesmo castro ergueron unha torreta. Preto do castro hai un lugar coñecido como o Toco do Lobo dende onde, segundo os máis vellos, se botaba o folión das festas, tradición que pode vir dun antigo culto ao lume. 
Castro de San Cibrán de Las ou A Cibdá: Cunha ocupación que iría dende o s. II a.C. ata o II d.C. Ocupaba unha superficie de 9 ha. Os primeiros en realizar escavacións foron López Cuevillas e Vicente Risco no ano 1922 que deron como resultado a aparición da muralla da croa e construcións de planta circular, ovalada, elíptica, cadrada e rectangular, ademais dun alxibe. No 1948 faise cargo das escavacións Xaquín Lorenzo Fernández. No 1953 Ferro Couselo denuncia a extracción de pedra do xacemento que se estaba a utilizar para empedrar as rúas do Carballiño. Dende o 1980 lévanse a cabo labores de consolidación e novas escavacións que destapan gran cantidade de estruturas habitacionais e outros materiais. Situado nun lugar de difícil defensa natural, os seus construtores necesitaron construír fortes e complexos sistemas de defensa. Ten dous recintos amurallados de forma elíptica case concéntrica, o exterior reforzado cunha muralla, foxo e parapeito. A croa está delimitada por unha muralla na que se abren dúas portas defendidas por cubos. O poboado, un dos máis grandes de Galicia, salienta polo seu urbanismo case octogonal, concibido para acoller entre dúas e tres mil persoas. Atopáronse adicacións a catro deuses diferentes: unha ao deus romano Xúpiter realizada sobre unha rocha pouco traballada e cunha grafía primitiva, e as outras tres a deuses de tradición local, entre elas unha ara a Bandua Lansbricae, ademais doutra a Navia. Interpretouse coma un espazo reitual un recinto situado no interior do castro. A finais do mes de outubro de 2016, apareceu unha escultura de granito que representa unha cara e que, pola técnica construtiva, os expertos datan no século II a.C. Pode ser dun guerreiro castrexo ou dunha deidade. É a terceira que se atopa neste sitio arqueolóxico. En Galicia existen unhas vinte cabezas castrexas documentadas, e no castro de San Cibrán de Las é a terceira. A primeira localizouse na década dos anos sesenta do pasado século XX, e a segunta, coñecida como "A Dama de Punxín", saíu á luz durante as escavacións do ano 2009 e que foi levada para o Museo Arqueolóxico de Ourense (no centro de interpretación de San Cibrán de Las hai unha reprodución). López Cuevillas e Bouza Brey (1929) recolle unha lenda citada por Ángel del Castillo en Castros Gallegos: "N-iste castro hai unha moura que sai en figura de unha cobra levando unha fror na boca. Pra desencantala hai que lle tirar cos beizos a fror que leva na boca".  
Trisquel pintado: Se é bastante habitual atopar trisqueis esculpidos na pedra, ata o presente non se coñecía en Galicia ningún exemplar pintado na pedra. Sorpresa recibiu o equipo que está a escavar na antiga Lansbrica cando localizaron a primeira representación pictórica desta forma no noroeste. Aínda que a casa onde apareceu está datada no século I-II d.C., os investigadores cren que pertence a unha tradición anterior.
Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa (San Cibrán de Las). 
 

  

 

 


  
 
 


 
SAN CIBRAO DAS VIÑAS
Noalla (Noalla); Castroverde (Castroverde-Noalla); Cova da Moura (Calvos-Santa Cruz da Rabeda); Costa dos Mouros (Soutopenedo).
Castro Costa dos Mouros: Apareceron restos de tres construcións rectangulares e unha arredondada. Nunha rocha hai gravadas tres cruces.
Castro de Noalla: Sobre o castro levantouse a aldea, e na croa a igrexa e o cemiterio. Reproveitada no templo hai unha ara dedicada a Xúpiter Óptimo Máximo.
 


SAN CRISTOVO DE CEA
San Fagundo e O Castriño (San Fagundo); Martiñá (Martiñá-Vales); Monte do Piñeiro (Viña). 
Castro do Castriño: A uns 50 metros do castro de San Fagundo. De forma ovalada, ten unhas medidas totalis aproximadas de 185 por 130 metros. Moi alterado. 
Castro da Martiñá: A 1.025 metros de altitude. Situado nun outeiro rochoso, tiña unhas medidas aproximadas de 150 por 100 metros. 
Castro de San Facundo: A 524 metros de altitude. En conxunto ten unhas medidas aproximadas de 190 por 140 metros, cunha croa central de 50 por 40 metros protexida por unha muralla. Nieves Amado Rolán localizou nunha casa particular unha peza decorativa de plástica da Idade do Ferro decorada con cordados. Apareceron tégulas, pedras con sinais de ter estado ao lume, tranqueiros de portas, laxas labradas, moedas romanas, etc. Nas inmediacións do castro apareceu unha estela que foi localizada cando unhas obras na estrada do Carballiño a Cea. No campo epigráfico lese: MEID/VENA. Podería tratarse dunha deidade.
Cabeza de Anllo (Anllo-Castrelo): Datada entre o s. II a.C. e I. d.C. Cabeza humana con arrinque de torso. Amosa unha lixeira inclinación cara ao lado dereito e os rasgos faciais representados de forma esquemática e tosca, non exenta de singularidade expresiva. Os ollos, moi xuntos, sinálanse por medio de dous pequenos ocos circulares a ámbolos dous lados dunha liña que debuxa o nariz, cos seus orificios incisos. A boca, tamén levemente inclinada, está formada por un simple sulco. Foi doada ao Museo Arqueolóxico de Ourense Por Urbano Ferreiro Pérez.
 

 



SAN XOÁN DO RÍO
As Medoñas ou Abelairas (Castrelo); Castrelo (Castrelo); Castromao (Castromao-Castrelo); Pena dos Castros (Mouruás-San Xoán do Río); A Portela (Vilardá, no límite coa parroquia de Soutordei, en Ribas de Sil).
Castro de Castrelo: Sobre o castro levantouse a igrexa, o cemiterio, a casa reitoral, e foi alterado tamén por unha pista asfaltada.
Castro de Castromao: Destruído pola aldea de Castromao. Apréciase algún terraplén. 
Castro da Medoña: O castro levántase nun outeiro dominante, non moi lonxe da igrexa parroquial. Presenta un pequeno recinto tirando a ovoidal con restos de murallas. Atopáronse restos cerámicos.
Posible castro na Pousa, no lugar coñecido como Valdoufe, no líimite coa parroquia de San Miguel.
 

SANDIÁS
O Castrón, A Coroa e Monte Pendón de Santa Mariña (Piñeira de Arcos); A Torre do Castro (Sandiás); O Montiño (Santa Ana-Sandiás).
O Castro: Sobre o primitivo asentamento castrexo levantouse un castelo na primeira metade do século XII do que só se conserva a arruinada Torre da Homenaxe. Hai un pozo escavado na rocha; disque está encantado, que no seu fondo hai unha entrada que vai dar a unha estancia onde hai un tesouro; para desencantalo cómpre levar unha pita negra e un ovo posto por ela. Tamén se conta que dende o pozo vai un túnel que emboca na torre da Pena, en Xinzo de Limia.
Castro Monte Pendón de Santa Mariña: Segundo Rivas Quintas, o castro aproveitou o enfesto do terreo polo que non precisaba defensas naturais. Apareceron restos cerámicos e tégulas. En varias penas da croa vense coviñas, destacando unha con  ao menos 13 cazoletas. Di a lenda que hai un penedo que semella unha fiestra que chaman "O peinador da Moura", e tamén unha pía na que se bañaba.
Castro do Montiño: Recolleuse abundante cerámica castrexa en superficie. Atópase moi alterado. Hai dúas penas con coviñas. 



SARREAUS
Os Castros (Codosedo); O Penedo (Cortegada); Outeiro das Mozas (Freande-Freixo); A Cibdá (Nocelo da Pena); Perrelos (Perrelos); Tarrazo, Gándara e Rocha (Sarreaus).
Castro da Cibdá: Unhas lápidas honoríficas, datadas no s. II d.C., levaron a Marcelo Macías, a finais do século XIX, a identificalo co Forum Limicorum, relación que foi reconsiderada a partires dos achados das estatuas sedentes de Xinzo de Limia, documentadas por Ferro Couselo no 1972. Hoxe en día crese que o Forum estivo no actual Xinzo, ao pé do río Limia. Segundo Rodríguez Colmenero, o castro remóntase á Idade do Bronce, con continuidade da actividade mineira do estaño ata á época romana. As primeira noticia sobre estas inscricións proporciónaa o cura de Chamosiños, Pedro González de Ulloa, no ano 1777. No ano 1835 colocáronnas na base dun cruceiro que é como logo as atopa Barros Sibelo. No 1897 lévannas para o Museo de Ourense. Nunha delas pódese ler: "A cidade dos límicos ao emperador César, fillo do divino Hadriano, neto do divino Traxano Parthico, neto do divino Nerva, Traxano Hadriano Augusto, pontífice máximo investido dezaseis veces da potestade tribunicia, cónsul por terceira vez, pai da patria".
Castro do Outeiro das Mozas: A 850 metros de altitude. Segundo a lenda as Mozas son as mouras que alí habitaban. Forma circular duns 75 metros de diámetro con boas defensas naturais. Apareceron pedras de muíño e fragmentos de tégula.
Castro de Perrelos: A 780 metros de altitude, presenta unha forma ovalada de 110 por  75 metros con boas defensas naturais reforzadas  por murallas e dúas liñas de foxos.
Os Castros: A 720 metros de altitude. Forma circular con boas defensas naturais e dúas liñas de foxos polo este. Restos cerámicos en superficie. Segundo a lenda, debaixo do castro vive un rei que garda un tesouro.



TABOADELA
Abeledo (Santiago de Rabeda); Outeiro de Boa Madre (lindeiro entre os concellos de Allariz e Taboadela); Monte do Castro (Taboadela).
Castro do Outeiro de Boa Madre: Entre as parroquias de Folgoso (Allariz) e Torán (Taboadela), a 688 metros de altitude. Mal chamado de Boa Nai. Arredor da croa obsérvase un segundo recinto. O composto pouco ten que ver do que unha muller é para os seus fillos, ou a femia dun animal para as súas crías. Deriva do latín matre que significa canle ou presa de auga. No terreo da mitoloxía pode facer alusión a unha das tres Matres Gallaeciae célticas (as Matres eran tres divindades femininas, protectoras da fertilidade dos campos e tamén das mulleres). Dende o castro dominábase unha ampla panorámica. Croa cun recinto; vense pedras con pías, algunhas comunicadas por canles. No ano 1995 localicei unha gravura cadrada con coviña central. Lenda: Casou un mouro cunha muller do país e tiveron un fillo negro. A nai quixo bautizalo, pero os mouros condenárona á forca, mais ela conseguiu cristianizar ao fillo quen no intre de lle botar a auga volveuse branco. Os mouros, acontecidos do miragre, perdoaron á nai e déronlle ao lugar nome de Boa Madre. (Recollida por Xesús Taboada Chivite en Etnografía Galega sobre o topónimo Outeiro de Boa Madre).
Monte do Castro: Totalmente alterado pola construción dunha capela do San Xoán, camiño de acceso, aparcadoiro, miradoiro e, no ano 1994, pola colocación dun monumento á familia, sitio onde dous anos antes localizara unhas gravuras de dous cadrados con coviña central e un círculo que foron destruídos. O día 6 de marzo de 2021 documentei nas proximidades unha pena con seis coviñas, cinco delas aliñadas. No sitio está a coñecida como  Cama de San Xoán, asociada a ritos de fertilidade. Trátase dunha pedra granítica inclinada con enormes pías produto da erosión que semella un corpo humano. As parellas con dificultade para ter descendencia deben realizar o acto sexual sobre a pena unha noite calquera do ano, pero se é na Noite do San Xoán nacerá un home. Recibe o nome porque nela descansou o San Xoán.



A TEIXEIRA
Pena do Castelo (Cristosende); Os Castros (Celeirós-Pedrafita); Castelo ou Outeiro dos Mouros.
Os Castros (Celeirós): Ademais do monte e o topónimo, non se observa de forma clara restos estruturais nin se coñece a aparición de materiais. Ten unha medidas aproximadas, en conxunto, de 160 por 87 metros, cunha croa de forma ovalada de 80 por 40 metros. Polo leste, a uns 30 metros de distancia, hai un pequeno promontorio que puido ser anexo do hábitat principal.
Castro Pena do Castelo: Outeiro rochoso situado a 550 metros de altitude. A Xunta de Galicia tenno catalogado coma un castro, se ben creo que puido acoller unha fortaleza altomedieval.
O Outeiro dos Mouros: Entre As Casas do Monte (A Teixeira) e Aguil (Castro Caldealas). Sen catalogar.
Toponimia: Castromaría (A Adega-Pedrafita). 
Estatua sedente de Pedrafita: Atopada no cemiterio de Pedrafita no ano 1995. Século I a.C.-I d.C. Trátase dunha figura granítica sentada nun trono á que lle falta a cabeza e o pé esquerdo. Adornada con pulseiras, entre as mans sostén un recipiente. O trono está decorado con dentes de lobo nos traveseiros laterais e un tríscele no respaldo. Aínda que caben outras interpretacións, quizais estivera asociada ao culto aos mortos.
 

TOÉN
O Santo (Alongos); Louredo (Mugares), no límite co concello de Barbadás; Trelle (O Castro-Trelle).
Castro de Louredo: Lindeiro co concello de Barbadás. Presenta unha gran croa de forma irregular cunha terraza pola parte occidental. Non se conservan restos de murallas. Apareceu tanto cerámica castrexa como romana e dúas aras, unha adicada a deusa Diana e outra ao deus Xúpiter. Sobre unhas rochas vense unhas pías, posibles muíños naviculares. A primeira referencia ao castro apareceu no Boletín da Comisión de Monumentos de Ourense no ano 1898 onde di que apareceron pedras con inscricións e debuxos, sillares labrados, anacos de armas, etc. Da asociación Amigos do Patrimonio de Toén recollo: En 1921, Nemesio Barja publica unha relación sobre o Coto de Louredo na Revista Nós. Fala dunha escavación que as xentes de Mugares fixeron no xacemento para buscar un tesouro, mais só atoparon: "Atopar non s' atopou alí mais que cachos de pote, tellas, cazolas y-unha chapa de metal". Non sabían os paisanos que o que pensaban que era ferralla e escombros era o tesouro.
Castro de Trelle: Descuberto no ano 1956. Situado a 600 metros de altitude, divísase unha ampla panorámica dos vales do Miño e do Arnoia. Aprécianse dous recintos en forma de terrazas ovaladas, superpostas e concéntricas das que parten uns terrapléns. No ano 2009, no ensanchamento dun camiño para retirar madeira, sufriu a agresión dunha máquina escavadora. Moi alterado polas repoboacións forestais, pistas, unha torreta de incendios e un vértice xeodésico. Nunca foi escavado cientificamente. Antes de 1970 hai noticias dun espolio clandestino. No 1972 entregáronse no Museo Arqueolóxico de Ourense numerosos fragmentos cerámicos recollidos en superficie, e ese mesmo ano un garda forestal despositou os fragmentos dunha ola globular. No 1978 publicáronse uns materiais achados no 1971 nos vertedoiros da pista forestal que asecende cara o castro (unha afiadoira, unha fusaiola, anacos de cerámica e unha fíbula de bronce, así como grans de trigo que apareceron calcinados e soltos). Lenda dunha moura e moedas de ouro; e outra de dúas vigas, unha de ouro e outra de alcatráns, quen atope a primeira farase rico, pero se é a segunda estoupará. Un home de Pereira contoume que dende o castro do Coto de Frade (A Merca) tirábanlle pedras aos do castro de Trelle cando os atacaban. Dende Amigos do Patrimonio de Toén contáronme que dende eiquí ía unha trabe de ouro ata o castro anterior. Da asociación tamén recollo que "nos anos cincuenta do pasado século XX apareceron no castro dúas misteriosas pezas metálicas, hoxe desaparecidas. A testemuña de Castor Seara, veciño de Trelle que participou nas obras da pista que sube a croa que propiciaron o descubrimento e que aínda vive no lugar, permitiunos coñecer que eran aquelas pezas".

 
  

 
TRASMIRAS
A Costa ou A Ermida (Chamosiños); A Cigueñeira ou A Touza, Escornabois (Escornabois); Vilaseca (Monte do Viso-Vilaseca); O Castelo e Os Formigueiros (Vilar de Rei); O Muro ou O Penedo do Mouro (Vilaseca); A Igrexa (Zos).
Castro de Escornabois: O asentameno permaneceu ocupado durante un longo período, dende a Idade do Ferro á época medieval, pasando pola romana. Na croa hai unha construción de formigón. Cítanse restos construtivos e cerámicos. No primeiro recinto dise que hai unha pedra cunha inscrición.
Castro da Igrexa (Zos): Ocupado pola igrexa parroquial e o cemiterio. Apareceron restos cerámicos castrexos e romanos.
Castro do Penedo do Mouro: Cortado pola metade por unha pista da concentración parcelaria. Apareceron fragmentos de tégula, ladrillos e cerámica común romana.
O Castelo: Sobre o castro levantouse unha ermida.
Outeiro do Castelo: Sobre un outeiro cun amplo dominio visual e defensas naturais. Apareceron tégulas, ímbrices e cerámica medieval. Hai unha ermida posta baixo o padroado da Virxe dos Remedios. Na ladeira oeste hai unha pía rectangular escavada na rocha onde din se lavaba a Santa. Moi preto, noutra rocha, hai unha fornela onde disque naceu a Santa. Na aba NO do outeiro hai uns penedos graníticos cunha gruta onde se ve un burato chamado O Forno dos Mouros. O asentamento foi ocupado dende a Idade do Ferro ata Idade Media, pasando por época romana.

 
A VEIGA
O Castelo (Castromao); Castromao (O Castro-Castromao); O Castelo ou Castromarigo (O A Eirexa-Castromarigo); Corbaceiras (Corzos); Mourinallas (Espiño); Lamarredonda (Lamalonga); As Caborcas (Meixide); Lamarredonda (Meixide); O Picouto (A Ponte);  Os Cabeceiros, O Casquete, A Espenuca e Mallada (Prada); A Cabeza (As Lastras-San Tirso de Santa Cristina); A Canda (Valdín); Xares (Xares). 
Castro dos Cabeceiros: A 1.110 metros de altitude. Alterado, conserva parte da súa estrutura defensiva polo norte. Segundo información de María Jesús Carmen Calvo Otero, quen me informou da existencia deste xacemento, pode apreciarse parte dun foxo. Tiña unhas medidas aproximadas de 100 por 75 metros. Pode verse algunha construción non relacionada co castro que tamén semella que foi utilizado como canteira.  
Castro da Cabeza: Apenas se observan restos. 
Castro das Caborcas: Destruído, apenas se aprecian as súas estruturas.  
Castro da Canda: Presenta dous recintos superiores e un antecastro de forma elíptica, defendidos por terrapléns e a orografía do terreo. 
Castro do Casquete: Entre Teixido (O Bolo) e Prada (A Veiga). A 1.000 metros de altitude.  Castro do Castelo ou Castromarigo: A 918 metros de altitude, nun promontorio rochoso. Teño dúbidas de que se trate dun castro da Idade do Ferro, puido acoller unha fortificación medieval asentada sobre unha plataforma de 35 por 25 metros. Moi alterado. 
Castro de Castromao: Situado a 1.110 metros de altiutde, presenta unha pequena croa arrodeada por un antecastro. Conserva restos dunha muralla terreira, terraplén, foxo e parapeito.  Tiña unhas medidas aproximadas de 85 por 65 metros. 
Castro de Corbaceiras: Practicamente desaparecido.  
Castro da Espenuca: A 990 metros de altitude. Moi alterado, conserva parte do parapeito polo nor-este. Tiñas unhas medidas aproximadas de 170 por 140 metros. 
Castro de Lamarredonda: A 1.200 metros de altitude, sobre o regueiro de Lama Fría. Ten unhas medidas aproximadas de 90 por 70 metros, cunha croa central de 35 por 25 metros. Restos dun foxo polo nor-oeste. 
Castro de Mourinallas: A 1.180 metros de altitude. Ten unhas medidas aproximadas de 135 por 95 metros. Defendido por terrapléns en todo o seu perímetro. Posibles restos dun foxo polo sur-oeste. 
  
 
 

VEREA
Santa María (Cexo); A Cividá ou San Vicente (Ourille); Outeiro (Sanguñedo).
Castro da Cividá: De forma ovoidal con dous recintos. Romanizado, atopáronse moedas.
 

VERÍN
Fraga do Zorro (Ábedes); Baixada de San Xosé ou A Viña (Cabreiroá); Igrexa dos Mouros (Bouzadoiro-Cabreiroá); Alto do Circo, Castro Grande, Castro Pequeno, Sobrañal (Feces de Cima); Moreiroá (Mandín); A Muradella (Mourazos); Outeiro da Cruz (Tamaguelos).
Castro da Baixada de San Xosé: Tiña moi boas defensas naturais, só se accedía por un paso moi estreito. Restos dalgunha vivenda e anacos cerámicos. Segundo conta Bruno Rúa, no ano 1936 os veciños de Cabreiroá, baseándose no Ciprianillo, escavaron no castro; dise que atoparon unhas xarras de cerámica pero dentro non había tesouro ningún.
Castro da Igrexa dos Mouros: Moi romanizado como o testemuña a presenza de pedras cilíndricas a modo de fustes e fragmentos de tixolo tipo testae, entre outros. 
Castro Grande: No límite con Vilardevós.
Castro de Moreiroá: Citado por Taboada Chivite que cando o visitou viu un par de construcións redondas. Apareceron restos de tégula e cerámica común en superficie. Tamén é coñecido como O Castro dos Mouros. 
Castro da Muradella: No ano 1964 atoparon aquí o grupo escultórico en mármore de época romana representando a Dionisio e Ampelos. Durante a intervención arqueolóxico no ano 1966 efectuada por Taboada Chivite saíron á luz restos dunha vila de época tardía romana. Entre os obxectos metálicos recuperados está unha campaíña (tintinabulum) fabricada en chapa de bronce que se utilizaba como amuleto maxicoapotropaico coa finalidade de evitar o mal de ollo, e tamén como peza decorativa dos arneses dos cabalos, como complemento dos enxovais funerarios ou como simple adorno persoal cosido na vestimenta, sen esquecer outro usos no ámbito doméstico e relixioso.  
Castro do Outeiro da Cruz: Limita con Oímbra. No lugar estaba o Penedo da Moura onde se agochaba un tesouro; foi destruída cando a autovía a Portugal. 
Castro Pequeno: No límite con Vilardevós. Presenta forma ovalada, adoptando a forma natural do emprazamento. A muralla está precedida dun foxo. Apareceron restos de tégulas. Romanizado. 
Castro do Sobrañal: Posible castro mineiro onde en época moderna se explotaron unhas minas de estaño. Consérvanse algúns restos das murallas, terrapléns e foxos. 
Nesta etapa histórica a comarca estivo habitada polos Tamagani (de aí os nomes de Tamagos, Tamaguelos ou o mesmo río Támega), unha cividade que segundo Dasairas ocuparía as terras medievais de Capraria e Lobarzán. No ano 1226, o rei Afonso IX comprométese co mosteiro de Celanova a prohibir a reconstrución do "Castro de Berín", ratificado no 1232 en Ourense por Fernando III, e no 1255 por Afonso X en Valladolid o que fai pensar que no lugar se practicaba algún tipo de ritual considerado pagán.
 
  
 

VIANA DO BOLO
O Eirexario (Bembibre); O Castelo (Fornelos da Cova-Covelo); A Fraga do Castrillón (Covelo); O Tumbeiro do Castro (Fradelo); Fornelos (Fornelos de Filloas); O Castro (Grixoa); Torre dos Mouros (O Castro-Pexeiros); O Castrillón (Pinza); O Castelo (Pontón-Pinza); O Castelo (Punxeiro); O Castrillón (Quintela de Hedroso); O Castrillón e A Devesa do Portelo (Quintela do Pando); O Castelo (San Agostiño-Rubiais); Buraco do Amaro ou Ladeira (Viana do Bolo), Vilarmeao (Vilarmeao). 
O Castro (Grixoa): Na bacía do río Bibei, con croa ovalada protexida por uns aterramentos que caen cara o regato de Pradocín e con foxos escavados na rocha. Unha canteira afectou gravemente ao xacemento. 
Castro da Fraga do Castrillón (Covelo): A media ladeira, sobre un esporón, na parte alta do regueiro do Porto Buxán. De planta ovalada, pódense ver varios foxos escavados na rocha. Posteriormente romanizado.  
O Castelo (Pontón): Na marxe dereita do río Bibei, nun meandro moi pronunciado. Planta tirando a circular, está arrodeado pola auga agás polo norte onde presenta un foxo duns seis metros de ancho escavado sobre a rocha. 
O Castelo (Punxeiro): Defendido por fortes desniveis sobre o encoro do Bao. Presenta unha croa con construción circulare protexida por unha muralla. 
O Castelo (San Agostiño): Encaixado nun esporón sobre un meandro do río Bibei. Ten planta lixeiramente ovalada e defendido por terrapléns e un foxo natural. 
Castrillón (Quintela do Pando): Xunto o encoro do Bao. Con croa ovoidal onde aínda se poden ver restos da muralla granítica. Alterado polos bancais de videiras. 
O Castrillón (Quintela de Hedroso): Presenta unha coroa de planta ovalada defendida por un parapeito de pedra e terra e taludes. Ten un segundo recinto onde se poden ver varias estruturas pétreas. Apareceron fragmentos de tégula. Romanizado.
Zoomorfo ou verrón de Bembibre: Apareceu na parede dunha casa da aldea. O mestre Laureano Prieto di que procede do castro Vila da Sen. Taboada Chivite e Cuevillas interpretaron a peza  como parte da incidencia da cultura dos verracos na castrexa, se ben Taboada di que é de época romana. Datada entre o s. II a.C.-I d.C. Trátase da cabeza de porco ou verrón labrada no extremo dunha peza para encaixar nun muro. A función segue a ser discutida, interpretándose tradicionalmente como símbolos profiláctico para protexer o gando das enfermidades e os malos espíritos.

VILAMARÍN
O Coruxal (O Coruxal-Boimorto); Castriño de Orbán e Marce (Marcelle-Orbán); Frameán (Toldavia-Orbán); Santa Águeda (Reádegos); Aira dos Mouros ou do Río (O Río); Outeiro dos Infernos (A Eirexa-Tamallancos); Baínte (Vilamarín).
Castro Aira dos Mouros ou do Río: Conserva restos dunha ancha e alta muralla de pedra cuberta de terra. Apareceron vestixios de construcións habitacionais e unha cabeza de pedra datada entre o s. II a.C. e I d.C., doada ao Museo Arqueolóxico de Ourense por Conde-Valvís. No interior atopáronse restos dunha mámoa.
Castro de Baínte: Croa lixeiramente oval, cunhas medidas de  163 por 120 metros. Comunicación visual co castro de Santa Ádega. No ano 1984, Milagros Cavada Nieto, no II Coloquio Galaico-Minhoto, deu a coñecer un tesouriño formado por moedas de época romana atopadas no castro (só tivo acceso a 12: 11 Antonianos e un AE).
Castro de Frameán: Achandado polos labores agrícolas.
Castro de Orbán: Rodeado por un muro de terra e pedras do que parte un terraplén. Pódense ver parte de dous foxos. 
Castro de Santa Ádega: Situado no alto dun outeiro, entre os ríos Miño e Barbantiño, a unha altitude de 660 metros sobre o nivel do mar, e entre os concellos de Coles, A Peroxa e Vilamarín. Aínda se poden ver os restos da muralla que o arrodeaba, un terraplén e un enorme foxo. No interior conserva algúns restos dunha antiga ermida posta baixo a advocación de Santa Ádega. As primerias escavacións correron a cargo de Taboada Chivite e López Cuevillas. Este último deu a coñecer unha urna cerámica con cinsas e unha punta de lanza de bronce que se atoparon no ano 1950 ao acondicionar o terreo para os labores agrícolas. Tamén se localizaron amarradoiros para o gando, un machado puído e outras pezas. Quizais o achado máis famoso é o coñecido como Guerreiro de Santa Ádega. Segundo a lenda, os mouros agocharon no castro un tesouro. Di a tradición que a imaxe da Santa Ádega ocasionou o litixio entre dúas parroquias que querían posuíla. 
Outeiro dos Infernos: Promontorio rochoso cunha pequena palataforma que se eleva sobre unha meseta sobre o río Formigueiro. Tras a caída dunha árbore provocada polo furacán Hortensio, un veciño da zona, don Miguel Carballo Álvarez, recolleu das raíces da árbore numerosos fragmentos cerámicos que foron depositados no Museo Arqueolóxico de Ourense. Existen dúbidas canto á súa adscrición cronolóxica, da Idade do Bronce ou da Idade do Ferro. 
Guerreiro de Santa Ádega: Torso en granito do século I d.C. dun home que se conserva no Museo Arqueolóxico de Ourense. Foi atopado non moi lonxe do castro aínda que fóra xa do seu recinto, ao parecer ao pé dun muro moderno. Mutilado e moi erosionado, dificulta precisar os detalles; leva un cinto con baquetóns lisos e paralelos; un leve abultamento na parte central fai pensar que levara un escudo tipo caetra; si se apreza un ancha banda cruzando o peito dende o ombro esquerdo ata o cinto polo lado dereito que continúa polas costas. Podemos emparentalo con outro torso atopado en Castromao (Celanova).


 


VILAMARTÍN DE VALDEORRAS 
Arcos (Arcos); Alto de San Pedro ou O Pendón (Arnado); A Aira do Castro (Córgomo); San Miguel (San Miguel de Outeiro); O Castelo (Valencia do Sil); A Madalena, Valdegodos e Vilamartín (Vilamartín). 
Aira do Castro: Utilizado polos romanos. Relacionado coa explotación aurífera das Barreiras. Emprazado nunha plataforma que na actualidade presenta forma de outeiro achandado e illado por un pequeno foxo que hoxendía serve de camiño que da acceso ás fincas de cultivo. En superficie vense anacos de tegula e restos de escoiras de ferro.   
Castro da Madalena: Situado nun pequeno esporón delimitado polo curso do río Leira polo leste. Atopábase defendido por un foxo situado na cara norte, actualmente ocupado por unha pista que comunica as estradas locais do Cernego e O Mazo. O resto do asentamento atópase totalmente destruído polas grandes remocións e explanacións efectuadas no ano 1963 para a construción do Pazo dos Cabaleiros e os distintos aterrazamentos adicados ao cultivo de viñedos. No cumio había unha capela adicada a Santa María Madalena que foi destruída. 
Castro do Pendón:  Emprazado a 536 metros de altitude, nun outeiro situado nun esporón que cae de forma acentuada sobre a poboación de Arnado, entre o río Sil e o regato do Real. Consta dunha croa e varios aterrazamentos agrícolas. Aparece separado do resto por un gran foxo actualmente desfigurado polos labores agrícolas. Ten unhas dimensións aproximadas de 120 por 90 metros. En superficie vense gran cantidade de tegulas.  
Castro de Valencia do Sil: Nun esporón na marxe esquerda do río Sil, a 450 metros de altitude, preto da vía romana XVIII. As primeiras escavacións foron a cargo do grupo arqueolóxico de "Os Escarbadores" (constituíuse oficialmente no ano 1967) a finais dos sesenta e principios dos setenta, aparecendo restos de vivendas, moedas romanas, vidros, cerámicas, sigillata, etc. (O punto anterior rectifiqueino o 21 de setembro de 2022, por comentarios no meu facebook de Magín López Álvarez e Javier Xir. Recollía, erradamente, que foran a cargo do "Instituto de Estudos Valdeorreses"). O castro foi ocupado durante moitos anos por unha antiga viña, hoxe abandonada, que o alterou de forma significativa, tamén por unha torre de media tensión. De forma irregular, emprázase na ladeira do monte ocupando un pequeno esporón rochoso. Na parte superior conta cun complexo sistema defensivo composto por tres foxos consecutivos tallados na rocha pizarrosa. As súas dimensións aproximadas son de 137 por 205 metros. Moi romanizado, atopáronse restos cerámicos, tégulas e varias moedas entre as que se encontran unha de Antonino Pío a nome de Faustina "A Xoven" e outra de Marco Aurelio a nome da súa filla Lucila. Na súa faldra atopouse un capitel de mármore suevo-visigótico, de estilo corintio que segundo Rodríguez Colmenero pertencería a unha sinxela construción paleocristiá ou xermánica no lugar. No ano 2019, iniciáronse os traballos de escavación e recuperación do castro baixo a dirección de Ferrer Sierra. Asociado a unha lenda medieval na que intervén o cabaleiro franco Roldán e tres costureiras que, para evitar os amoríos do primeiro, convertéronse en tres rochas que poderían ser os tres seixos de cuarzo branco que se atopan na parte alta da croa.
O Cemiterio ou Capela do San Lourenzo (Arcos): Posible poboado mineiro relacionado coas explotacións auríferas, tanto primarias como secundarias de Cova dos Mouros, As Barreiras e Val de Vacas. O xacemento localízase no entorno do cemiterio de Arcos e recibe tamén o nome de San Lourenzo por estar emprazado no lugar onde había unha capela posta  baixo a advocación deste santo. Ten as características dun castro, presentando un recinto circular ou croa defendido por dous foxos tallados na rocha de natureza pizarrosa. Apareceron anacos de cerámica común, terra sigillata, tegulas e anacos de muíños de man, pode que empregados para a moenda de mineral aurífero. O material ergolóxico mostras unha cronoloxía moi ampla que abranguería dende o século I d.C. (terra sigillata galica) ata o século III d.C. (terra  sigillata hispánica).
 
 

 

VILARDEVÓS
Penas Libres e Florderrei Vello (Arzádegos); Mouraciños e O Teso (Osoño); A Praza (Santa María de Traseirexa); A Ciadella (Tomonte-Soutochao); Castelexón ou Outeiro do Castelo, Castro Grande e Castro Pequeno (Vilarello da Cota). 
Castro do Castelexón ou Outeiro do Castelo: Situado nun outeiro. Preto, unha empresa portuguesa construíu un parque eólico. O castro puido ser utilizado como castelo en época moderna, coincidinco coas guerras con Portugal.    
Castro da Cidadella: Próximo á fronteira con Portugal. Situado nun promontorio rochoso a cuxo pé hai unha pequena fervenza. Restos de edificacións, cerámica común, fibelas de metal provenientes de monturas. Ao parecer, o propietario da vivenda que se atopa dentro da zona de respecto do xacemento atopou un lagar de pedra romano, escouras de fundición, dúas columnas graníticas e tégula. Alterado por dúas vivendas. Trátase dun castro romanizado habitado tamén en época medieval. 
Castro de Florderrei Vello: Situado sobre un outeiro dominante, atopáronse estruturas habitacionais, fornos, lareiras, canles e fontes de uso colectivo, restos cerámicos, un falo de pedra, dúas lápidas e moedas de época romana. Tamén se atopou un verraco, hoxe en día desaparecido, que foi colocado nun cruce de camiños. Sobre o castro, logo cristianizado cunha ermida ermida posta baixo o padroado de Nosa Señora das Portas Abertas, celebrábanse ritos paganos. Na contorna descubríronse restos dunha fortificación romana, así como dúas aras, unha está na capela de San Roque e a outra desapareceu. Asociado a varias lendas, entre outras unha que fala dunha procesión de formigas que chegaron aquí para morrer. 
Castro de Mouraciños: Lenda de dúas trabes, unha de ouro e outra de veleno. 
Castro da Praza: Situado entre o río do Porto e a Cabanca dos Enxames. Conserva restos de muralla. Apareceron fragmentos cerámicos e un muíño circular de man. Deste lugar tamén procede un muíño xiratorio que Manuel Reigada Gallego vendeu na década de 1980. Dise que unha moura levou ata aquí sobre a cabeza unha lousa grande de pizarra para facer un pontillón. Nunha casa do castro disque apareceu unha casa con restos de comida polo que se cre estaba habitado polos mouros. 
Castro do Teso: Identificado coma un castro. Apareceron tégulas, ladrillo e cerámica común romana, muíños de man e varios epígrafes. Os veciños din que antigamente a aldea de Osoño estaba aquí. 
Epígrafe do Val de Castiñeiros (Enxames): Inscrición nunha rocha granítica cuxos caracteres foron lidos como: "S (tatuerunt) T (erminum) P (onere)/(gentes) In (ter) Como (cios) I (inter)... L"; "decidiron fixar a divisoria os dous grupos xentilicios dos Comocios e dos Lesocos (?)". Serían as dúas comunidades indíxenas veciñas as que se poñen de acordo para dirimir as desputas territoriais á marxe da autoridade romana, mais utilizadon o latín e as súas normas xurídicas.


 
 
VILARIÑO DE CONSO
Castelo da Cerveira e Torre das Hortas (Pradoalbar); Chairiña do Castro, A Croa (Sabuguido); A Mourela e A Mourinalla (Entrecinsa-Sabuguido); Torre do Castelo (San Cristovo); Hedrada (San Mamede de Hedrada). 
Castelo da Cerveira: A 1.541 metros de altitude, nas estribacións orientais da Serra de Queixa, dominando a cabeceira do río Cerveira ou Conso. O asentamento foi escollido a propósito nun ensanchamento do val, producido pola confluenza de varios regueiros na que a orografía se abre un tanto e aplana sobreo monte. Sobre o topónimo existen varias explicacións, algunha fantasiosa, sobre a pertenza do lugar á Casa de Alba. Cinguido por unha muralla que aproveita os desniveis das penedías da cima no que asenta. Ten unha forma tirando a rectangular de 90 por 114 metros. A muralla ten un ancho aproximado de 1,80 metros na que se abren tres portas, dúas fronte a fronte. As construcións habitacionais conservan só a parte inferior das paredes, pero non todas semellan pertenver ao mesmo período, as acaroadas á muralla semellan máis antigas e de inferior perfección técnica. As restantes acadan maiores dimensións e maior perfección. Segundo a lenda, no Castelo de Cerveira vivían os mouros. A catro quilómetros existen os topónimos O Castelo Grande e O Castelo Bravo.  (Información e imaxes extraídas de Francisco Javier Fenández Nogueira, en Excursión a Pradoalbar e ao Castelo da Cerveira. Instituto de Estudos Vigueses, 2010). 
Castro da Chairiña do Castro: Entre os regueiros do Bidual e do Castro e o río Conso. A pesares do topónimo, non se aprecian restos. Ricardo Viñas Cue, autor da ficha do xacemento, menciona a existencia de abundantes restos cerámicos de posible adscrición medieval. 
Castro da Croa: Castro de esporón situado a 925 metros de altitude sobre o río Conso cun alto dominio visual. Ten unhas medidas de 130 por 50 metros. Conserva parte do parapeito e foxo. Nas inmediacións hai unhas pedras fincadas coñecidas como o Cemiterio dos Mouros. 
Castro da Mourela: Moi estragado.     
Castro da Mourinalla: En ladeira. Recinto circular arrodeado por unha muralla duns 2 metros de alto e e de ancho. 
Castro da Torre do Castelo: sobre un esporón orientado cara o río do Bao. Forma ovalada con muralla afectada polos camiños que o atravesan. Existen testemuñas de escavacións furtivas.  
Castro da Torre das Hortas: Idade do Ferro/romano/medieval. Situado nun esporón. Segundo os veciños estaba relacionado co castelo de Cerveira. Lendas de mouros. 
 


 

VILAR DE BARRIO
Folón de Penadiz (Arnuíde); Bóveda (Bóveda); Porto (Porto-As Maus); Monte Castelo (entre as parroquias de Bóveda e Padreda); Seiró (Seiró).
Castro de Bóveda: A 728 metros de altidude. Situado sobre un esporón que controla a aldea de Bóveda e a chaira da lagoa de Antela. De forma alongada, non presenta estruturas visibles nin restos de materiais en superficie. Alterado por pistas e un depósito de auga. Hai un cruceiro cun altar.
Castro Folón de Penadiz: Na ladeira dun monte, presenta unha forma cuadrangular con catro liñas de foxos. Apareceron tres sepulcros de época romana. Moi alterado.
Monte Castelo: Ten de 10 a 15 hectáreas. Apareceron pezas cerámicas castrexas, romanas e medievais. Referencias á estatua dun guerreiro castrexo desaparecido. Nalgunhas publicacións lese que eiquí apareceu o famoso Mercurio de bronce de época romana, cando en realidade foi atopado en Seiró. Contáronme que hai anos os nenos acostumaban a xogar nas vivendas "redondas". Segundo a lenda foi construído polos mouros e baixo del agochan valiosos tesouros; disque foron furando no monte e fixeron un túnel de cinco quilómetros. Tamén hai unha peneda que ten a figura dunha muller; a rocha tróuxoa á cabeza unha dona, metade cobra e metade muller. Na Idade Media houbo un castelo coñecido como Castellum Sancti Iohannis; aínda se poden apreciar os alicerces dalgún muro. No ano 2021 realizáronse unhas intervencións dirixidas polo arqueólogo Martiño Xosé Vázquez que confirman a información anterior, recollida hai anos, entre outros, por Xaquín Lorenzo Fernández.
Castro de Porto: No montee Valdemouro, a 733 metros de altitude. Nun outeiro, forma un esporón sobre o río Arnoia. Boas defensas naturais e restos dun foxo.
Castro de Seiró: No Monte Cardedos, a 675 metros de altitude. Ten unhas medidas aproximadas de 180 por 130 metros. Pode que sexa eiquí onde se atopou o famoso Mercurio de bronce de época romana.

 
 
  
VILAR DE SANTOS
Laioso (Parada de Outeiro); Mosqueiro, Saa e Vilar de Santos (Vilar de Santos).
Arracada de Vilar de Santos: Séculos III-II a.C. Colgante de forma triangular, plano, feito a base de láminas de ouro, decorado con aves acuáticas e granulados que debuxan un sogueado e espirais. Atopada no lugar de Albariño no ano 1924 por don Benito Saburido, regaloulla ao cura párroco de Vilar de Santos, don Marcelino Feiria, quen, no 1979, lla vendeu ao Museo Arqueolóxico de Ourense.
Castro de Vilar de Santos: Situado preto do cemiterio parroquial, onde se levantaba a igrexa. Circular, estaba protexido por un recinto amurallado e un terraplén.
 
 

XINZO DE LIMIA
Cabreira (Baronzás); O Santiño (Cima de Ribeira); A Cerquiña (Damil); Penedo da Moura (O Castelo-Ganade); Outeiro do Medio (Gudes-Guntumil); A Cidá (Morgade); O Castro ou O Castelo (Mosteiro de Ribeira); Novás (Novás); O Castro (Parada de Ribeira); Laroá e Outeiro de Almeide (San Pedro de Laroá); Outeiro da Cruz (Seoane de Oleiros); O Couto (Baronzás-Xinzo de Limia). 
O Castro ou O Castelo (Mosteiro de Ribeira): Coñecido tamén como Os Netos e O Regueiral. Conta cun recinto de forma circular de pequenas dimensión. Restos cerámicos e tégula en superficie. Apareceu un machado de talón que se atopa no Museo de Ourense, e unha espada que desapareceu. 
Castro de Parada de Ribeira: Entre a parroquia de Covelas (Os Blancos) e Parada de Ribeira (Xinzo de Limia). En orixe tiña unhas medidas aproximadas de 170 metros de longo e 120 de ancho máximo rodeado por unha muralla e foxos. Na parte sur aínda se aprecia unha croa circular duns 60 metros de diámetro. No mes de xullo de 2018, os veciños habilitaron un camiño de acceso ao castro ubicado a uns 140 metros dunha canteira e dunha planta asfáltica. Apareceron muíños circulares. 
Castro da Cabreira: De pequenas dimensións, de 75 por 50 metros cun único recinto.
Castro da Cerquiña: Romanizado. Apareceron fragmentos cerámicos. Producíronse escavacións furtivas, ademais de estar alterado por unha canteira nunha das ladeiras que foi explotada durante anos. 
Castro da Cidá: Sobre un enorme esporón, cunha ampla visibilidade. Presenta un dobre anel defensivo, un foxo e unha forte pendente a modo de terraplén. Na croa pódense ver restos de construcións habitacionais. No mes de maio de 2018, o Seprona denunciou que na zona de protección do xacemento se estaban a realizar traballos de desbroce con maquinaria pesada cunha subvención da Consellería do Medio Rural. A Dirección Xeral do Patrimonio abriu un expediente informativo ao comprobar que non se solicitara o permiso correspondente. 
Castro do Couto: Protexido por terrapléns. 
Castro de Novás: A 760 metros de altitude, na confluenza dos regueiros Pichos e Alboriz, tributarios do río Faramontaos. Escavado nos anos setenta do pasado século por Covadonga Carreño. Exhumouse abundante cerámica castrexa e tégulas romanas. Na mesma década tamén foi estudado por Rodríguez Colmenero. Na croa poden verse construcións circulares e un muro que une dúas rochas. Presenta dúas fases de ocupación, a principal durante o século I d.C., evidentes nos seus tres recintos habitacionais e nas murallas defensivas. O castro volveu quedar ao descuberto por un lume no verán de 2015. 
Castro do Outeiro de Almeide: Foi identificado no ano 1991 por Nieves Amado Rolán, Isabel González e Cristina Varela. Croa de forma circular con dous recintos amurallados. Saíu á luz abundantes fragmentos de tégula e ceránica común romana. Cando se abriu a pista (hoxe estrada asfaltada) apareceu parte dunha figura exenta dun guerreiro galaico-romano, custodiado no Museo de Ourense. 
Castro Outeiro da Cruz: Na croa atopouse cerámica común romana, tégulas e ímbrices.
Castro do Santiño: Forma ovalada, con croa rodeada con terraplén cun foxo. Apareceron pezas de muíño e tégulas.
Estatuas sedentes de Xinzo de Limia: Datadas no séculoI a.C.-I d.C. Atopadas na finca Corteliña á beira do río Limia e documentadas por Ferro Couselo no ano 1972. Representa unha figura á que lle falta a cabeza, con torque no pescozo e sentada nunha cadeira de travesas. O vestido e as viriae dos brazos son idénticos aos dos guerreiros galaicos, e nas mans leva dous vasos en actitude oferente. A carón desta peza atopouse outra moi semellante, aínda que peor conservada, que se diferencia da anterior porque no canto de vasos semella suxeitar unha pátera ou quizais unha cartela. Rodríguez Colmenero pensa que se trata dunha figura masculina e outra feminina, comparándoas coas deusas-nais, se ben non desbota que se trate de oferentes. Silva cre nunha relación do culto funerario co da terra-nai, e Tranoy que delimitarían un santuario. Miden 0,68 e 0,71 de alto respectivamente. No Museo Arqueolóxico de Ourense.
Estela en San Vicente de Alcántara (Badaxoz): No Museo de historia y cultura sanvicenteña hai unha estela romana coa inscrición: "RVFO.EQVI/PI.F.LIMI/CO.C.ELAP/IIOCELO/NOMINE/NDVM/BOVCATVS/SOLVIT", ("Rufo, fillo de Equipo, do pobo dos límicos do castro Elapiocelo. Boucato encargouse de poñer o monumento". Trátase dun home da actual Galicia que debeu emigrar a esa zona por moitvos comerciais, mineiros, etc, polo que se supón se se trataba dunha persoa con recusos económicos e que iría co seu séquito, xa que nesa época non era fácil emprender unha viaxe tan longa. (Achegado por Alex Negreira, 2022).
 


 




 

XUNQUEIRA DE AMBÍA
A Capaceira (A Abeleda); A Chaira ou A Medorra (Bustelo-A Abeleda); A Bariña (Armariz); Outeiro do Castro (Merí-Armariz); O O Castelo, Castrillón e Cerdeira (A Graña); Outeiro do Castro (Covelo-Xunqueira de Ambía); A Acea, limítrofe co concello de Baños de Molgas. 
Castro da Acea ou do Outeiro do Castro: Situado nun esporón de caída cara o río Arnoia. Divisorio entre os concellos de Baños de Molgas e Xunqueira de Ambía. Protexido por un terraplén e varias zonas de muralla. Polo sur apréciase algún foxo. As pedras do castro foron reaproveitadas nos camiños próximos. Despois de décadas de abandono, a finais do ano 2017, no marco do proxecto Leader, encargado polos concellos de Baños de Molgas e Xunqueira de Ambía, comezaron os traballos para poñelo en valor. As escavacións están dirixidas por David Pérez e César Barba. A súa cronoloxía podería ser do século II a.C. Apareceron dous "horrea", segundo os arqueólogos trátase, polo de agora, dos achados máis salientables das escavacións; estarían dataodos, posiblemente, no século II ou III a.C., tratándose do primeiros canastos castrexos que se documenta na provincia de Ourense. Moi preto apareceu outra edificación que ben podería tratarse dun almacén. Tamén saíron á luz pezas de orfebrería.  
Castro de A Bariña: Forma elíptica, defendido por fortes pendentes e muralla pétrea en toda a súa contorna. Apareceron fragmentos cerámicos. Romanizado. 
Castro de Cerdeira: Situado sobre un outeiro rochoso, a 724 metros de altitude sobre o nivel do mar, nunha contorna de monte baixo. Presenta unha forma  ovalada de 100 por 70 metros. Polo oeste e sur vense dúas plataformas. Aprécianse restos do recinto amurallado e construcións habitacionais moi alteradas. Atopáronse muíños de man, couzóns, restos cerámicos, un trisquel, unha esvástica, cravos, unha moeda romana da época do emperador Marco Aurelio, etc. Totalmente abandonado, non son infrecuentes as escavacións furtivas. Segundo a lenda, preto do castro hai uns penedos que soan ao metal, coma se batera cun badalo nunha campá. Varias rochas con petroglifos bordean o castro. E no límite unha gran pía megalítica, A Fonte das Mouras, que cumpriría, segundo Elixio Rivas Quintas, unha función máxico-relixiosa de sauna. 
Capela de San Lourenzo (Fondo de Vila-Cima de Vila): Nunha lumieira da ermida hai unha pedra con decoración castrexa en SSS. Citada por Rivas Quintas no seu artigo Influxos precristiáns na arte. (Información achegada por J. Antonio Gavilanes). 
Castro de A Chaira: Nun outeiro pizarrozo. Mencionado nun documento no ano 1150 do mosteiro de Xunqueira de Ambía. Presenta forma ovalada con dous recintos amurallados. 
Castro de A Medorra: Trátase dun castro, alterado parcialmente, de forma ovoidal, cunhas medidas aproximadas de 200 metros no eixo máis longo e 150 no menor. Consta de dous recintos defendidos por murallas de pedra e de terra e pedras, foxos e o desnivel do terreo. Apareceron anacanos cerámicos lisos e tégulas. Domínase unha ampla panorámica. Segundo a lenda hai unha cova cun becerro de ouro encantado, e para desencantalo ha que entrar co libro dos Evanxeos. Citado nun documento do ano 1150 do mosteiro de Xunqueira de Ambía: "...ad castrum de Medorra...".
Castro de Merí: Disque hai un penedo que soa a bandullo de ovella; preto, nun lameiro, hai dúas trabes, unha de lume e outra de óso que, se se xuntan, haberá unha gran catástrofe. 
Outeiro do Castro (Covelo): Nun esporón sobre o río Arnoia. Divisorio entre Xunqueira de Ambía e Baños de Molgas. Apareceron anacos cerámicos.



 
  




 
  

XUNQUEIRA DE ESPADANEDO 
Castro de O Castelo (Niñodaguia): Nun meandro do río Maceda. Defendido por un dobre foxo traballado na rocha e unha muralla que o aillan do resto do monte. Achegado por José Antonio Gavilanes, de Ponte Ambía (Baños de Molgas) e Juan José Ferreño, de Pardeconde (Esgos).

PROVINCIA DE OURENSE

Torques: Foron adquiridos polo British Museum de Londres nunha subasta no ano 1960. O arqueólogo catalán, Luis Pericot, dixo que poderían proceder da provincia de Ourense, na fronteira con Portugal.



PROVINCIA DE OURENSE

Torques: No Museo de Pontevedra atópase un torques de ouro procedente, ao parecer, da provincia de Ourense. Na cartela di que é coñecido como torques de “Arteaga” ou “de la Diputación”. Nada máis. O “de la Diputación” ignoro de onde vén, pero si está claro “Arteaga”. Manuel Sánchez Arteaga (Chaián-Trazo, 1827-Ourense, 1891) foi un cura e historiador. Chegou a Ourense no ano 1858, da man do recén elexido bispo Ávila y Lamas. Foi coengo da catedral, e no 1884 é nomeado académico da Real Academia da Historia e tamén membro da Comisión Provincial de Monumentos de Ourense. Volvendo ao torques, descoñécese a súa procedencia exacta. A primeira referencia que atopo é na Revista da Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago (30-9-1885). Manuel Murguía cítao en “Galicia” (1888), Villaamil y Castro no Boletín da Comisión de Monumentos de Ourense (1906), Florentino Cuevillas en “A Edade do Ferro na Galiza” (1924) e nos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos (1932); Bouza Brey dedícalle un artigo, “Dos torques áureos Arteaga y Pontevedra” (este último é outro torques, denominado “Castromil”, do que tamén se descoñece a procedencia, que se atopa no museo).

  

Xabier Moure
Castros de Galiza/Galicia (Provincia de Ourense)
o noso patrimonio