GALIZA NOS TEXTOS ANTIGOS



Abdal Monin al-Hinyari (Abd Al-Mun´im Al-Hinyari)
Historiador musulmán, autor dun texto sobre a batalla de Simancas (Valladolid), acontecida no ano 939, entre unha coalición cristiá encabezada polo rei galego Ramiro II e os musulmáns de Abd al-Rahman III. Di que "Entre as nacións coas que os habitantes de Al-Andalus estaban en guerra, a galega era a máis poderosa; a pesar de que os francos teñen feito a guerra aos musulmáns, os galegos constitúen os máis temibles". Segundo recolle o dicionario xeográfico árabe Rawd al-Mitar, escrito entre os séculos XIII e XV, que se basea en parte en obras de al-Bakri e de Muhammad al-Idrisi, nos días previos á batalla houbo unha grande eclipse de sol "que no medio do día cubriu a terra dun amarelo escuro e encheu de terror aos nosos e aos infieis, que tampouco viran na súa vida cousa semellante".

Abu al-Fida (Damasco, 1273-1371) 
Ademais de califa local sirio, foi historiador e xeógrafo. Escribiu A concisa historia da humanidade ou Historia de Abu al-Fida (Tarikhu 'l-mukhtasar fi Akhbari 'l-bashar) onde se extende dende a creación do mundo ata o ano 1329. Di que "Os galegos distínguense pola súa valentía e astucia, pois non admiten a fuxida no encontro militar e consideran axeitada a morte no seu posto". Aínda que tamén matiza (ao fin e ao cabo os galegos son inimigos do seu pobo) que "son traidores e de natureza vil, caracterizándose polos seus propios escrúpulos". No ano 1935, na súa honra, déronlle o seu nome a un cráter da lúa: Abulfeda.


Ajbar Machmua
Trátase dunha crónica beréber anónima manuscrita do século XI, conservada na Biblioteca de París. Recolle numerosas tradicións sobre Al-Andalus entre os séculos VIII ao X. O texto comeza coa invasión da Península e a fundación do Califato de Córdoba. Describe como Musa ibn Nusair enviou ao liberto Táriq ibn Ziyad para que fose á Península con 700 muslimes para conquistala. Di que cando a conquista de Sevilla por Muza, os cristiáns que lograron salvarse fuxen para Galicia. Tamén fala da reconquista de Galicia por parte dos cristiáns. Noutra parte relata: "Os galegos, aproveitando a contenda civil entre os musulmáns, sublévanse contra o islam e apodéranse de todo o distrito de Asturias".
 
 

Al-Maqqari (Alxeria, 1591-Exipto, 1632)
Historiador árabe que realizou unha recompilación no século XVII onde menciona a Lugo por dúas veces, un como enclave conquistado por Muza, e outra cando o califa Al-Walid o reclama a Damasco. Como Ibn Idari, tamén transmite o relato de Ibn Hayyan cando Almanzor asolou Compostela no ano 977.


Al Masudi (Bagdad, 893/896-Fustat, 956)
Historiador, xeógrafo e filósofo árabe. Escribiu unha historia universal e as observacións das súas viaxes, entre outros lugares de Al-Andalus. Denomina a Ramiro II como rei dos galegos, e Zamora como capital de Galicia.
 

Al-Razi (Córdoba, 887-955)
Áhmad ibn Muhámmad al-Razi, coñecido como O Cronista, foi autor dun conxunto de obras históricas e xeográficas entre as que destaca a súa Historia dos emires de Al-Andalus, dividida en tres partes. Di que en tempos de Anbasa ibn Suhaim al-Qalbi, levantouse en terras de Galicia un asno selvaxe (infiel) chamado Paio. Dende entón empezaron os cristiáns a defender contra os musulmáns as terras que aínda quedaban no seu poder. Cita a Afonso II como "Afonso, rei dos galegos".

Annales de Cambriae
Coñecidos tamén como Anais de Gales. Trátase dun conxunto de crónicas provenientes dun texto compilado de distintas fontes escrito en Gales nunha data non precisada (crese que arredor do 1139). Aínda que narra principalmente sucesos acontecidos en Gales, Irlanda, Cornualles, Inglaterra ou Escocia, tamén fala doutros afastados lugares, entre eles Galicia cando resalta que en Europa hai tres imperios: os de Bizancio, Xermania e Galicia.

 

Anónimo de Ravena (Ravennatis Anonymi Cosmographia)
Trátase da compilación dun cosmógrafo cristián, feita no s. VII (aproximadamente no ano 670), manexando documentación de séculos anteriores (s. III ou IV), que constitúe unha valiosa fonte para o estudo das calzadas romanas, nomeadamente as de carácter secundario. Menciónase un camiño Lucus Asturum-Lucus Augusti. De todos os xeitos non achega, na parte galega, nada novo ao Itinerario de Antonino, omitindo ademais as mansións da vía XIX entre Lucus Augusti e Bergidum, e as da vía XX entre Brigantium e Lucus Augusti.


Apiano (Alexandría, 95-Circa, 165)
Coñecido como Apiano de Alexandría, escribiu unha Historia Romana. Menciona a expedición de Décimo Xuño Bruto que chega á Gallaecia arredor do ano 137 a. C. con motivo das guerras contra a Lusitania e que, logo de atravesar, non sen dificultades, o río Lethes -o Limia- (existía a crenza de quen o cruzara perdía a memoria, de aí o alcume de río do Esquecemento), vence aos gallaicos e logo regresa a Roma estarrecido ao contemplar o solpor no Océano Occidental (o Atlántico). Fala da valentía das mulleres galegas que loitaban xunto cos seus homes.

 

Arnaut Daniel (Riberac, Dordoña, 1150-1200 aprox.)
Trobador occitano do que se conservan 18 composicións, dúas con música. No ano 1195 xa era un trobador coñecido. Dante, na Divina Comedia, atópao no Purgatorio.Fai referencia a Fernando II, citándoo como "Seignor dels galecs": "Los deschauzitz / ab las lenguas esmooutas / non dupt´ieu jes, sil seignor dels galecs / an fa faillir, per q´es dreitz sil blasmam, / que son parem pres romieu, so sabem / Raimon lo filh del comte, et aprendi / que greu faral reis Ferrans de pretz cobra / si mantenen nol solv e nol escampa".
 
 

Artemidoro
Natural de Éfeso, en Asia Menor, actual Turquía. Tratou sobre todo das distancias costeiras e do Cabo Sagrado. Expertos do departamento de Papiroloxía da Universidade de Tréveris (Alemaña) concluíron que un papiro deste xeógrafo, atopado no ano 1997 e datado a finais do século I a. C., representan o mapa máis antigo da Península. O documento presenta un gran río co seu afluente, un pobo nunha península, unha cidade amurallada e unha terceira vila, todas orientadas cara o Atlántico. Mais, ata o de agora, os investigadores recoñecen que o achádego apenas fornece de pegadas que permitan identificar os lugares.


Asclepíades (Bitinia, Asia menor, s. II-I a. C.)
Historiador e gramático grego. Escribiu, entre outros, un Comentario da Odisea, unha Historia de Bitinia e, segundo Estrabón, unha obra sobre os pobos que habitaban a Península que visitou entre finais do s. II e principios do I a. C. Situou a moitos heroes que loitaron na Guerra de Troia (nostoi) na Gallaecia. Seguindo a Asclepíades, Estrabón sinalou que Anfiloco, tralo remate da guerra de Tebas, chegou á Península, instalándose na terra dos kallaikoi (galaicos), onde morreu, e varios pobos tomaron o seu nome a título póstumo como Anfilocoi.

Avieno (s. IV d. C.)
Rufo Festo Avieno era natural de Volsinii (Etruria). Da súa Ora Maritima tan só se coñece o libro primeiro, constituído por 713 versos. Para levala a cabo inspirouse en outras obras, entre elas o Periplo do cartaxinés Himilcón, escrito entre o 535 e o 480 a. C., e quizais no Periplo do marsellés Eutimes, do 509 a. C. Non chegou ata nós ningún manuscrito da Ora Maritima, que é coñecida grazas á editio princeps publicado en Venecia no 1488 por Victor Pisano. No 1590, P. Pithou incluíuna nos seus Epigrammata et poemaria vetera, corrixindo varias pasaxes. No 1634 o español Pedro Meilán editouna en Madrid baixo o título Rufi Festi Avienei v. c. Hispana opera quae extant. Describe as costas da Península. Salientan as mencións aos pobos dos Oestrimnios e os Saefes, estes últimos identificados por algúns autores como uns invasores procedentes de Centro-Europa que chegarían a Galicia arredor do s. VI. a. C. e que tiñan como totem a serpe.


Baquiario
Monxe galego do século IV-V, se ben hai quen o considera natural de Irlanda e discípulo de San Patricio. Xunto coa monxa galega Exeria, está considerado como un dos primeiros monxes viaxeiros entre Occidente, África e Oriente Medio. Escribiu o Libellus de fide, composto cara o 415, onde se defende das acusacións de priscilianista. A maior parte da pouca información existente sobre Baquiario provén da obra De Viris Illustribus (s. V), do presbítero marsellés Gennadius. Cara o ano 400 escribiu unha carta a un diácono onde se emprega por primeira vez nun texto hispano a palabra "mosteiro".

Beato de Liébana (Liébana, 701-798)
Monxe do mosteiro de San Martín de Turieno (na actualidade de Santo Toribio de Liébana, en Cantabria). A súa obra máis coñecida é o Commentarium in Apocalysis (Comentario ao Apocalipse), composto por doce libros. No himno O Dei Verbum (do que se discute a súa autoría), antes do descubrimento da túmba do Apóstolo Santiago, enxálzao como patrón dos reinos cristiáns. Dá o nome de Gallaecia aos dominios dos caudillos galaico-astures.

 

Claudio Claudiano (Alexandría, 370-Roma, 405)
Foi para Roma no ano 394. Protexido polas autoridades, chegou a ser o poeta oficial do Imperio en tempos de Honorio e Arcadio. Escribe epístolas, odas militares, poemas epitalamios, etc. Escribiu un poema dedicado á Gallaecia, aludindo á súa riqueza.

Codex Calixtinus
Ou o Liber Sancti Iacobi, cuxa autoría se pretendeu atribuír ao papa Calisto II. Consiste nun conxunto de libros de carácter litúrxico, histórico e haxiográfico ideado polo arcebispo Xelmírez e o seu círculo para servir como promoción da sé compostelá. Foi redactado por varios autores a partir do ano 1130. Libro I: Anthologia liturgica. Libro II: De miraculi sancti Jacobi. Libro III: Liber de translatione corporis sancti Jacobi ad Compostellam. Libro IV: Historia Karoli Magni et Rothalandi. Libro V: Iter pro peregrinis ad Compostellam (Guía do peregrino de Santiago de Compostela), atribuído a Aimeric Picaud, monxe de Poitou, que o escribiría entre os anos 1135 e 1140. No primeiro terzo do século XV, parte do manuscrito foi traducido ao galego. O día 6 de xullo de 2011 saltou a noticia: o Codex foi roubado da catedral compostelá. Foi recuperado o 4 de xullo do ano seguinte.

 

Crónica de Afonso III (século IX)
É pouco fiable xa que está moi alonxada dos acontecementos que relata. Realizouse cunha clara intención laudatoria e ideolóxica para tentar demostrar unha lexitimidade monárquica fronte aos señoríos existentes en territorio galego para o que se valeu dunha manipulada xenealoxía que viña dende o rei visigodo Wamba.
 
 
Cronicón Sebastaniense (século IX)
Narra como os normandos chegaron "ad locum qui dicitu farum Bregantium", que fai alusión, segundo algúns investigadores, a Flavium Brigantium, Betanzos (e non A Coruña). Crese que é unha das versións da Crónica de Afonso III, xunto coa Rotense. A finalidade destas crónicas era demostrar a continuidade do reino visigodo no reino de Asturias. Leva o nome de Sebastaniense polo bispo Sebastián de Ourense que censurou varios fragmentos e introduciu varias correccións ideolóxicas como a oirxe do nobre Paio.
 

Diodoro Sículo ou de Sicilia (? - 36 a. C.)
Escribiu unha historia en corenta volumes que chamou Bibliotheca Historica, utilizando como fonte a un gran número de autores, entre outros a Posidonio. Citando a Posidonio, fala das minas das Cassitérides, identificadas coas Illas Atlánticas galegas, ricas en estaño e xa coñecidas polos fenicios e logo polos romanos.

 

Dion Casio (155-235 d. C.)
Historiador grego natural de Niceas. Escribiu unha Historia romana en 80 libros. Describe a expedición de Xullo César a Brigantium, "Inde ad Brigantium Calleciae urbem advectus qui...", e o temor dos galegos ao ver a poderosa frota romana "xa que endexamais viran unha escuadra".


Ekkehard de Aura
Abade do mosteiro de Aura (Baviera) a mediados do século XII. Realizacou actualizacións ao Chronicon universale, de Frutolf de Michelsberg. Fai mención ás nacións participantes na Primeira Cruzada (participou na do ano 1101): "ex aquitania scilicet atque Normannia, Anglia, Scotia e Hibernia, Britannia, Galicia, Wasconia, Gallia, Flandria, Lotharingia".
 

Estrabón (Amasia, Ponto, 64 a. C.-19/25 d. C.)
É o autor que máis información subministra sobre a Gallaecia. Da súa Historia en 47 libros, que abrangue dende do 144 ao 27 a. C., consérvanse escasos fragmentos. En troques, chegou ata nós, case enteira, a súa Xeografía, escrita aproximadamente no cambio de era, dividida en 17 libros. Para a Gallaecia utilizou a autores anteriores como Asclepíades, Artemidoro, Polibio e, sobre todo, Posidonio.


Eutropio (S. IV d. C.)
Historiador e alto funcionario romano que adoita confundirse con feitos doutros personaxes de nome homónimo. Dedicouse a facer resumos históricos en dez libros baixo o título de Breviarum historiae romanae. Fala da gloria con que Bruto celebrou o seu triunfo sobre os Galaicos e os Lusitanos.
 

Floro (África, finais s. I, principios do s. II d. C.)
Historiador latino que viviu en Tarraco (Tarragona) que describe o asedio ao mítico Monte Medulio que os romanos, diante da imposibilidade por conquistalo coa súa poderosa maquinaria de guerra, cercánno cun foxo de quince millas ao que os galegos respostan, denantes caeren escravizados, cun holocáusto colectivo por medio do veleno do teixo e as propias armas. Tamén describe o temor de Décimo Xuño Bruto ante a visión do sol somerxendo no Océano Atlántico.


Froitoso de Braga (finado en Braga no ano 665)
Monxe e bispo galego de Dume e Braga no século VII. Coñecemos a súa vida por San Valerio que escribe a súa biografía (Vita Sancti Fructuosi). No 1102, o arcebispo de Compostela, Xelmírez, trasladou (disque roubou) os seus restos (xunto cos de Santa Susana, San Cucufate e San Silvestre) para a catedral compostelá. Antonio López Ferreiro non fala de roubo senón de "piadoso furto". Continuador de San Martiño, regulou o monacato e impulsou os mosteiros galegos.

 

Gratio 
Viviu nos anos do cambio de Era. Case nada se sabe da súa vida, só que era orixinario da Etruria. Escribiu un poema sobre a caza, Cynegetica, onde fai referencias á Península. Fala da sona dos cabalos Callaicos.

Gregorio de Tours (Rion, Auvernia, 538-Tours, 594)
Georgius Florentius Gregorius, designado bispo de Tours no ano 573. Autor da Historia dos Francos, titulada orixinariamente Dez Libros de Historia que se centra principalmente na Galia merovinxia. No Libro VI (Gregorii Turonensis Historiarum Liber Sextus) fala do Gallienciensibus regibus (Reino de Galicia): "...de imperatoris solatio fretus atque Mironis Galliciensis regis..."; "Quo defuncto, filius eius Eurichus Leuvichildi regis amicitias expetiit, dataque, ut pater facerat, sacramenta, regnum Galliciensim suscepit"; "Ispse quouque acceptam soceri sui uxorem, Gallicensim regnum obtenuit".


Hermann von Reichenau (Altshausem, 1013-Reichenau, 1054)
Xermano, coñecido tamén como Hermann der Lahme e Hermannus Contractus (apelido referido quizais a algún defecto físico). No 1020 foi trasladado ao mosteiro bieito da illa de Reichenau, no lago Constanza. Matemático, astrónomo, astrólogo, compositor musical, etc., escribiu un detallado Chornicon dende o nacemento de Cristo ata o seu tempo. Fala dos Rex Gallaeciae.


Heródoto
Orixinario de Halicarnaso (actual Brodum-Turquía) viviu entre os anos 484-425 a.C. Naceu en Halicarnado e morreu en Turios. Foi un historiador grego considerado como o pai da historiografía. No libro terceiro das súas Historias fala das illas Cassitérides que outros autores sitúan, posteriormente, fronte a costa galega, aínda que recoñece que nada sabe delas.
 

Hidacio (390/395-469/470)
Coñecido tamén como Hidacio ou Idácio de Chaves ou da Limia. En Lamego (Portugal), nunha rúa que sube cara o castelo, situada na parede dunha pequena capela, hai unha prancha onde di que Hidacio foi bispo de Lamego no 435, e que eiquí tiña a súa sé. Foi autor do Chronicon, fundamental para o estudo do século V en Galicia. Narra a caída do Imperio Romano e a presenza sueva cunha información de primeira man porque é coetáneo dos feitos, aínda que dunha forma parcial xa que, como bispo, defende a tradición romana e a defensa do seu mundo que contrapón ao barbarismo dos suevos. Pola súa crónica dedúcese que no ano 448 celebrouse un concilio en Aquas Calidas (Caldas de Reis) que marcaría a conversión dos suevos ao catolicismo no 449, o que conlevaría a unidade entre suevos e galaico-romanos, feito que non modifica a súa xenreira cara aqueles. Aínda que rexeitou a doutrina de Prisciliano, non debe confundirse con Hidacio de Mérida, verdadeiro látego do heresiarca galego.


Ibn al-Atir (1160-1233)
Historiador árabe. No seu al-Kamil fi at-tarikh (A historia completa), achega numerosa información sobre os textos de Al-Andalus e magrebíes. Fala das operacións dos exércitos musulmáns no Noroeste da Península, así como da mensaxe que recibiu Muza en Lugo do califa de Damasco reclamando a súa presenza. Identifica a Gallaecia cos territorios cristiáns peninsulares.
 
 
Ibn al-Qutiyya (morreu en Córdoba no 977)
Cronista andalusí. Autor de Ta'rīj iftitāh al-Andalus (Historia da conquista de Al-Andalus). Identifica a Hispania con Al-Andalus e á Gallaecia cos territorios cristiáns.
 
 

Ibn Hawkal (Nisibis, Turquía, 943-988)

Xeógrafo e cronista musulmán. Na súa obra Ṣūrat al-’Arḍ (A faz da Terra), do ano 977, marca os límites entre os territorios cristiáns e os musulmáns. Galicia abranguía o territorio actual, o norte de Portugal dende un pouco máis arriba de Lisboa e Santarén e a área astur-leonesa; o resto da parte cristiá comprendíao o territorio dos vascos.
 

Ibn Hayyan (Córdoba, 987-1075)
Esténdese nos pormenores do itinerario seguido polas tropas árabes de Almanzor no seu camiño cara a conquista de Compostela. Asegura que só o sepulcro do Apóstolo Santiago, ante o que Almanzor ordenou facer garda, foi respectado, episodio, posiblemente, máis propagandístico ca real. As versión cristiás do feito, como a Historia Compostelá, minimizan os danos causados á cidade, ao tempo que achacan a non violación da tumba por un andazo de disentería con que os castigou o Apóstolo. A súa  testemuña é importante porque o seu pai foi secretario de Almanzor, ao que acompañou na súa expedición a Galicia.

 

Ibn Idari
Historiador musulmán de orixe marroquina que escribiu no ano 1306 a Historia dos reis de Al-Andalus e de Marrocos, obra fundamental para comprender a historia da Hispania musulmá onde Ordoño II figura como rei de Galicia. Tamén informa que Al-Muzaffar (1045-1063) acordou con Fernando, "rei dos galegos", a entrega de 5.000 dinares dende o comezo da tregua. Tamén transmite o relato de Ibn Hayyan cando Almanzor asolou Compostela no ano 977.

Ibn Jaldun (Túnez, 1332-O Cairo, 1406)
Historiador, sociólogo, filósofo e estadista árabe de orixe tunecina. Di que en tempos da revolta Trastámara "Pedro I sucedeu a Afonso XI á fronte dos galegos". Tamén salienta que nos combates, os galegos "batan tambores, toquen gaitas e entoen cantos".


Iordannes
Historiador do século VI. Algunhas fontes identifícanno como bispo de Rávena. Escribiu en latín a Orixe e feitos dos godos, publicado no 551 en Constantinopla. Salienta por seren a única fonte de información que se coñece sobre a orixe dos godos.

Istrio Aethico ou Ético de Istria
Xeógrafo da segunda metade do século IV d. C. Di da Torre de Hércules que "se ergue na cidade de Brigantia para avisar o camiño aos navegantes que se dirixen a Britania". Protagonista do libro Cosmographia do século VII, escrito por un eclesiástico de nome Xerónimo que describe as viaxes de Etico. Hai investigadores que lle atribúen o Itinerario de Antonino.

Itinerarium provinciarum Antonini Augusti
Redactado entre o 196 e o 217, coñecido como o Itinerario de Antonino ou de Antonio Augusto Caracalla, tomado de cartas anteriores, entre outras as de Ptolomeo. Trátase dun documento da Roma antiga que se supón redactado no século III no que aparecen recompiladas 372 rutas do Imperio Romano, das que tres corresponden a Galicia. Non recolle todas as calzadas que había, mesmo existen casos en que se insiren sectores comúns a dous ou tres camiños.


Itinerario de Barro ou taboíñas de Astorga
Atopadas nun lugar indeterminado nas inmediacións de Astorga, foi a parar a unha colección privada de Cangas de Onís e logo adquiridas polo Mueso Arqueolóxico de Oviedo. Datada cara finais do s. I ou II d. C. e asinadas polo duunviro Lepidus, fan referencia a dúas vías que sairían de Lugo, unha en dirección a Iria (Padrón) e outra a Dactonium (Monforte). A súa autenticidade foi posta en dúbida por varios autores.


Latérculo de Verona
O Latérculo de Verona está escrito no século VII pero ten a orixe no ano 297 d. C. Diviede a Península nas provincias de Baetica, Lusitania, Gallaecia, Tarraconensis e Carthaginensis.

Leabhar Gabhala Erenn (Libro das Invasións de Irlanda)
O manuscrito máis antigo en que se conserva este texto é o Libro de Leinster, escrito no século XII que se basea, principalmente, en poemas compostos nos séculos IX ao XI. A tradución dalgúns capítulos apareceu ao longo de 1931 na revista Nós; aínda que a tradución é anónima, hai quen apunta a Vicente Risco. Descríbese as viaxes de Golamh, fillo de Bile, dende a Península Ibérica a Escitia e a súa volta, e a chegada de Ith, fillo de Breogán, a Irlanda e a súa morte, coa conseguinte conquista de Irlanda polos fillos de Mil como vinganza. No Leabhar Gabhala atópanse as referencias mitolóxicas referentes á comunidade céltica da orixe de Irlanda con vínculos en Galicia. O primeiro autor galego que fai alusión ao Libro da Invasión de Irlanda foi o P. Álvarez Sotelo, profesor no Colexio de Irlandeses de Santiago, e logo Manuel Murguía.

 

Lucio Ampelio
Pouco se sabe deste home romano, quizais do século III d. C. Escribiu o Liber Memoralis sobre cosmografía, mitoloxía, xeografía e historia. Fai alusión a Bruto, o Galaico.

Marcial (40-104 d. C.)
Marco Valerio Marcial foi un poeta latino nacido en Bibilis (Calatayud). Vai a Roma para completar os seus estudos, onde estivo baixo a protección de Séneca e despois de Tito Livio e Domiciano. A súa obra está formada por quince libros baixo o título de Epigramas. Fala da riqueza e a calidade da pesca en Galicia: "...se encomendas algo, Materno, ao teu paisano e vello camarada para o Océano Galaico... extraordinaria mesa e mariscos... ostras que non sentirían envexa nin competencia... redes cheas de peixes".
 

Martiño de Dumio (518-579)
Natural de Panoia (Hungría). Abade e bispo de Dumio e logo arcebispo de Braga. Chega a Galicia no ano 550. Inflúe sobre o rei suevo Teodomiro para que converta o reino ao catolicismo, apoiándose na xerarquía eclesiástica (Concilios de Braga), como unha forma de independenza política fronte ao arrianismo do reino visigodo de España. En De correctione rusticorum (dedicado ao bispo Vitimiro de Ourense) denuncia os costumes e crenzas pagás, de raíz prerromana, aínda presentes entre os galaicos. Contribúe á vertebración do territorio a estrutura parroquial. Organizou o monacato galego, da súa época e o mosteiro de San Pedro de Rocas.


Mateo de París (1200-1259)
Monxe beneditino e historiador inglés (o alcume parece ser que lle vén porque estudou na capital francesa). Continuou a redacción da Chronica Majora e escribiu a Historia Anglorum (1253). Di que Fernando II é rei de Galicia, non denominándoo como de León.


Mela (s. I d. C.)
Xeógrafo latino de orixe ibérica. Autor da De chorographia, o tratado de xeografía latino máis antigo que se coñece. Fala do Promontorio Céltico, das Illas Cassitérides, os pobos dos Grovios, os Artábros (situados na Galicia actual), das cidades de Lámbrica e de Noega (quizais Noia), e das Aras Sestianas consagradas a Augusto.


Notitia Dignitatum
Existen copias dos séculos XIV e XV, e unha iluminada do ano 1542 que proceden do perdido manuscrito. Redactada a finais do século IV d. C. onde se documentan nomes de soldados, oficiais e corpos de tropas galaicos (que gozaban de moi boa fama como guerreiros) recrutados na rexión. Roma, despois da conquista, recrutaba para os seus exércitos soldados provenientes da Gallaecia, feito que lle supuña para estes unha serie de vantaxes, como o de acadar a cidadanía romana. Pon en relación Brigantium coa Cohors I Celtiberorum, ubicada en Cidadela (Sobrado dos Monxes), coa fin de controlar a vía Lucus-Brigantia entre o século II e o IV d. C.

 

Orosio (383 - 420 d. C.)                                                                                                       
Paulo Orosio, historiador e teólogo cristián de orixe galega e discípulo de San Agostiño de Hipona ao que dirixe a súa obra Commonitorum de errore Pricillianistarum et Origenistraum onde amosa a súa preocupación polas doutrinas priscilianistas e orixenistas. Tamén é o autor da Historiarum adversus praganos libri septem. Victoria Armesto, citando a Casimiro Torres, di que fuxe de Galicia tanto por causa dos bárbaros como por ter militado no priscilianismo; san Braulio, en carta dirixida a san Froitoso, así o confirma. Menciona a cidade de Bringantium (A Coruña) e o seu faro, nidia alusión á Torre de Hércules, a batalla de Bruto contra os galaicos no ano 137 a. C. e o heróico episodio do Monte Medulio.
 

Paroquiale Suevorum (Parroquial Suevo) 
Tamén chamado Divisio Theodemiri (polo rei suevo de Galicia) é un manuscrito datado entre os anos 527 e 582, atribuíndoselle como data máis probable o ano 556. Nel reflíctese a organización administrativa e eclesiástica do Reino suevo da Gallaecia cunha relación de 134 parroquias agrupadas en trece dióceses. É o primeiro documento onde se menciona a utilización de monumentos prehistóricos (mámoas, pedrafitas, castros...) como marcos divisorios. Constitúe unha das referencias historiográficas máis importantes para a localización de poboacións en Galicia despois de Roma, principalmente durante o Reino Suevo. A densa rede de parroquias que reflicte amosa, ademais da importante cristianización de Galicia, a inexistencia de sés episcopais no resto da faixa cantábrica.
 

Plinio o Vello (Como, 23-Castellmare de Strabia, 79 d. C.) 
Escritor romano, autor, entre outras, da Historia Natural (a única obra que se conserva) onde trata temas de cosmoloxía, xeografía, filosofía animal e vexetal, etc. Achega numerosos datos sobre a administración e a economía da Gallaecia, destacando os seus xacementos de ouro, prata, ferro e chumbo, así como os sistemas de extracción dos minerais. Fala de varios pobos que habitaban na Galicia actual: Célticos, Lemavos, Gigurros, Bibalos, Limícos, Querquernos... Di que o convento Lucense conta con 16 pobos de nome descoñecido e bárbaro, pero ten case 166.000 homes libres. Tamén nomea as Cassitérides, e que Midacrito foi o primeiro en traer chumbo desas illas. Sobre as éguas galaicas escribiu que as preñaba o vento Favonio (o Céfiro), de aí a súa veloz carreira. Así mesmo fala de que os galegos sempre levaban con eles o veleno do teixo que empregaban en momentos de apuro.

 

Polemio Silvio (s. IV d. C.) 
Arredor do ano 385 escribiu unha listaxe das provincias romanas que Polemio adicou ao bispo Eucherio de Lión no 448 d.C., figurando a Gallaecia, que Otto Seeck engadiu á súa edición da Notitia Dignitatum (1876).
 

Polibio (Megalópolis, 200-118 a.C.) 
Historiador grego. Escribiu unhas Historias, obra dividida en 40 libros dos que só se conservan os primeiros (o resto coñécense por Estrabón). Estivo na Península a mediados do século II a. C. Recibiu o encargo de Escipión de explorar as costas atlánticas da Península Ibérica e a Galia.


Plutarco (Queronea, 50-120 d. C.)
Estudou en Atenas, formando parte da sua Academia. Viaxou a Asia, Alexandría e Roma. Traxano concedeulle a dignidade consular. Traballou temas relacionados coa filosofía, as ciencias naturais, biografías, etc., conservándose aproximadamente un tercio das súas obras. Fala de cando Bruto cruzou o Limia e a súa chegada ao Océano despois da expedición contra Calaicos e Lusitanos.
 

Pompeu Trogo
Historiador galo romanizado do século I a. C. que naceu na Galia Narbonense. Reuniu información procedente doutros historiadores da antigüidade, como Éforo e Polibio. Coñecemos a súa obra principalmente por Xustino. Testemuña a riqueza mineira de Galicia, e fala de Teucro que fundaría a cidade de Helenes, que sería a orixe de Pontevedra.

 

Posidonio (Apamea, Siria, 135-51 a. C.)
Filósofo e escritor grego que tivo como discípulo a Cicerón. Estivo na Península entre o 101 e o 91 a. C. Autor dunha Historia en 52 libros, continuación da de Polibio, estuda os fenómenos naturais (as mareas, o sol...), desposuíndoos de connotacións sobrenaturais. Da Gallaecia escribe sobre a explotacion dos metais, cultivos ou medios de transporte. Fonte de Estrabón para o Occidente, percorreu a Península.

 

Ptolomeo (Ptolemaida, 100-170 d. C.)
Matemático e xeógrafo grego. Viviu case sempre en Alenxandría. Na súa Xeografía inseriu unha listaxe de accidentes xeográficos e pobos coa novidade de que todos os lugares están referenciados por medio de coordenadas xeográficas en graos e minutos, mais que non se corresponden coas actuais polo que non sempre é posible localizar a súa situación. Na Gallaecia indica varios pobos, cabos, promontorios, illas, ríos, etc.


Publio Ovidio Nasón (43 a. C.-17/18 d. C.)
Escribiu libros de temática amorosa, míticos, tráxicos e épicos. Tamén unha especie de calendario das festas de Roma. Fala da celebración da vitoria de Bruto sobre os Lusitanos e Galaicos no ano 617 da fundación de Roma.
 

O Rudimentum Novitorum
Do tipógrafo alemán Lucas Brandis, recolle o primeiro mapamundi, impreso no 1472, que presenta Galicia e España como dúas realidades diferentes. Publicouse no ano 1475. Trátase dunha monumental historia da humanidade de 475 páxinas. As súas versións consérvanse na Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos e na Biblioteca Británica de Londres. Estaba dirixido, principalmente, a cregos e seminaristas, cuxo punto de arranque sitúase coa creación do mundo, rematando no ano 1472. A publicación, entre as súas cen xilografías, recolle, ademais da cartografía referida, un mapa de Xerusalén seguindo unha carta anterior de Burchardus de Monte Sion, un sacerdote dominico do século XII que viaxou por Oriente Medio e Palestina entre 1274 e 1284.

 

Salustio (86-35 a. C.)
O historiador e político Caio Salustio Crispo naceu en Amiterno. A data do seu nacemento sabémola por San Xerónimo. Escribiu varias obras, a máis coñecida a Conxuración de Catilina, pero a máis importante, quizais sexa a Historiae da que só se conservan frgametnos. Fala do Oblivionis, o río do Esquecemento, o Limia.
 

San Isidoro de Sevilla (560-636)
Arcebispo de Sevilla e doutor da Igrexa, autor dunha Historia Sueborum onde fai fincapé na extensión de Galicia, xa baixo dominio visigodo. Na súa Etymologiae di que "reigiones partes sunt provinciarum (...) sicuit in Galicia; Cantabria, Asturia" ("Cantabria e Asturias son rexións situadas en Galicia").


Servio Honorato (S. IV d. C.)
Foi un gramático de finais do século IV d. C., con fama de ser a persoa máis instruída de Italia. Foi autor dun libro de comentarios sobre Virxilio. Traballou xunto con outros autores en facer resumos das grandes obras de autores que xa consideraban clásicos. Fala de que Cales é unha cidade da Campania, e que tamén hai unha na Gallaecia que foi tomada por Perpena.
 

Silio Itálico (25-101 d. C.)
Tiberius Catius Asconius Silius Italicus foi un poeta e político romano admirador de Cicerón. Foi cónsul no ano 68. Autor da Punica que narra a segunda guerra púnica. Cita a cidade de Tude (Tui) que di foi fundada por Diomedes, e a cuxos habitantes chama Gravios ou Graios (Grovios). Tamén do Lethes (o Limia), que arrastra brillantes areas, e das mulleres galaicas que vestian adornos de ouro, pero tamén fendían a terra co arado. Dedica un apartado a contar o costume dos galaicos de adiviñar o futuro polo voo das aves e dos lóstregos, ás veces berrando bárbaros cantos na propia lingua, e danzando ata ferir a terra.

 

Sulpicio Severo (363-425)
Naceu en Aquitania. Escribiu a primeira biografía de Martiño de Tours e unha crónica (Chronicon Libri Duo) que vai dende a creación do mundo ata o ano 400. Achega importante información para comprender a controversia priscilianista. Di que os corpos de Prisciliano e os seus discípulos, executados no ano 385 en Tréveris (actual Trier, en Alemaña), foron trasladados a Galicia e enterrados nalgún lugar. Prisciliano, elevado á categoría de mártir, a súa tumba converteuse en lugar de peregrinación. No século XIX o clérigo francés Duchesne formula a hipótese de que os restos do Apóstolo que se veneran na catedral compostelá son os de Prisciliano, que no século XI, perdida a orixe por parte do pobo, a Igrexa Católica o transformará no culto a Santiago.


Táboa de Peutinger ou Tabula Peutingeriana
Mapa realizado probablemente no século IV d. C. Do orixinal só sobreviviron copias, a máis antiga do século XIII que foi entregada por Konrad Celtis a Konrad Peutinguer para a súa publicación (1591). A súa finalidade era servir ao viaxeiro, por iso se presenta en forma de rollo e tamén se pode dobrar. Mostra unha rede viaria de 70.000 millas, 3.300 mansio e 600 nomes diversos. O editor e estudoso da Táboa da primeira metade do século XX, Konrad Miller, defendía que non era outra que o mapamundi de Castorius, se ben este cosmógrafo romano é totalmente descoñecido. A primeira parte do mapa que reproducía Hispania desapareceu, sendo reconstruído por Miller no 1898.
 

Tito Livio (59 a. C.-17 d. C.)
Historiador romano (de Padua) que relata a historia de Roma dende a súa fundación no ano 753 a. C. ata a morte de Druso no 9 a. C. que leva por título Ab urbe condita, escrita en 142 libros. Fala da expedición de Décimo Xunio Bruto, o temor dos seus soldados a atravesar o río do Esquecemento (o Limia) e o terror cando viron o sol somerxer no Océano.

 

Veleio Patérculo (19 a. C.-31 d. C)
Historiador romano. Escribiu unha historia que abrangue dende despois da Guerra de Troia ata o 29 d. C. Entre outras fontes utiliza a Pompeu Trogo e Tito Livio. Cita a expedición de Décimo Xuño Bruto quen, logo de someter aos galegos, outórgaselle o título de Gallaico o que amosa as dificultades que tivo para vencelos. Asegura que Bruto chegara ata lugares nunca escoitados (tese hoxe en día desbotada xa que se sabe que antes que os romanos xa coñecían as costas noroccidentais tartésicos, fenicios, cartaxinenses e gregos).


Vita Hludovici (A vida de Ludovico ou Luís)
É unha biografía anónima sobre Luís o Piadoso, coñecido tamén como O Astrónomo, emperador de Occidente e rei dos francos entre o 814 e o 840. Nela cítase a Afonso II O Casto como Galletiarum principis.
 

Xoán de Bíclaro
Naceu arredor do ano 540 en Scallabis, hoxe Santarém, na provincia da Lusitania. Fundou o mosteiro de Biclarum, emprazado na provincia de Tarragona. No ano 577 foi desterrado a Barcelona polo visigodo Leovixildo por non se converter ao arrianismo. Entre o 567 e o 589 escribiu un Chronicon que é unha fonte moi importante para coñecer o Reino Suevo.
 
 

Xulio Honorio (século IV-V d. C.)
Escribiu unha Cosmographia, conxunto de anotacións que escribiu mentres daba unha conferencia. Pouco se sabe da súa fida nin a data da Cosmogrphia que Casidoro (485-580) sitúa a mediados do século V. Fai alusión a Brigantium.

Xustino (séculos II-III d. C.)
Marcus Iunianos Iustinus foi un historiador romano. A súa única obra coñecida é Epitoma historiarum Philippicarum Pompei Trogo. Toma a Posidonio como referente canto á orixe grega dos Galaicos, nomeadamente descendentes de Teucro. Di que a Gallaecia é rica en ouro e prata, e que co arado sacan anacos de ouro. Nos confíns deste pobo está o Monte Sacro ao que se considera pecado (nefas) violar co ferro. Gaba as excelencias, pola súa dureza, das augas do río Chalibo (o Cabe), magníficas para temperar as armas. Tamén fai alusión á importancia das mulleres e das minas da Gallaecia.

 

Xoán Zonaras
Joannes Zonaras foi un escritor, historiador e xurista bizantino do século XI e comezos do XII que desenvolveu varios cargos na corte do emperador Alexio e na de Comneno, pasando logo a vivir unha vida ascética na Hagia Gliqueria (a actual illa de Niandro). A súa obra principal é o Epitomé historion que conta a historia do mundo, tomada de distitintas fontes, dende a creación ata o 1118. Fai referencia á batalla de César na Gallaecia nos anos 61-60 a. C.
 

Bibliografía básica
 
A información recollinna de varias publicacións, se ben a máis completa saqueina de:
 
Balboa Salgado, A. (1996): Gallaecia nas fontes clásicas.
Romero Masiá, A. M. e Pose Mesura, X. M. (1987): Galicia nos textos clásicos