* Mosteiro de Valverde (Monforte): Inscrición fundacional

 

O mosteiro de San Pedro de Valverde (Monforte de Lemos) foi mandado construír no ano 1124 por Munio Romaniz e dona María Petriz. Malia o anterior, do ano 1078 é un documento que di: "Exemenus monasterio Vallis Viridi abbas", confirmando un documento de Samos. Había con anterioridade outro mosteiro? Segundo a España Sagrada do P. Risco (1735-1801), no mosteiro de San Vicenzo do Pino conservábase unha escritura pola que Pedro González e a súa muller, Guina, fan unha venda ao mosteiro de Valverde polo prezo de catro marcos de prata moi pura, que di, foron dunha cruz e dun cáliz coa súa patena. A escritura tiña a data do 5 de agosto de 1124 e autorizouse expresándose o reinado Dona Urraca, do seu fillo Afonso, e o bispo Pedro na se de Santa María de Lugo. Os fundadores entréganllo a Cluny no 1125: "Cluniaco censum persolvat per unumquemque, annum X, solidos jacenses, qui fuerit prior in supredicto Monasterio Villaveridis".

Valverde foi un pequeno cenobio que non superaría nunca os tres ou catro monxes e o prior. Cando o visitaron os freires de Cluny no 1139 estaba deshabitado, regresando a vida monacal no ano 1342. A finais do século XIV só residía nel o prior. No 1460, cando o visitaron de novo os delegados de Cluny, o prior estaba asistido por un crego, e dos edificios só a igrexa se atopaba nun estado digno. Entre os seus priores cítase a Frei Johan Castro, que o foi de 1448 a 1461, tal como nolo achega Ulises Robert no seu Estado de los monasterios de la Orden de Cluny (1892). O seguinte prior, Xoán de Monforte, púxose a disposición dos reformadores, se ben isto durou pouco xa que no 1504 titúlase prior do moesteyro de Sant Pedro de Valverde con abtoridad do sennor don Fernando de Castelo, abbade del monesterio de Sant Viçenço de Monforte et administrador del dicho monesterio de Valverde. Intención que de pouco lle valeu porque San Pedro de Valverde foi anexionado a San Vicenzo do Pino.

Do antigo cenobio consérvanse algúns restos no edificio anexo ao templo. Da igrexa quedan restos románicos na portada do muro norte e a nave. A ábsida e a sancristía son posteriores, así como a espadana de tres ocos. A portada do templo foi restaurada no ano 2014, desaparecendo as pinturas en cor vermella e azul que presentaban as cinco arquivoltas que foron mandadas pintar hai máis de sesenta anos por un emigrante da parroquia que estaba en Venezuela. 
 
 

Vaiamos agora coa inscrición que fai alusión á fundación, situada no muro sur sobre unha porta. 

IN ERA ICª. Lª. XII.-XIII KL OCTV INCEPTA EST
HEC ECCLA EDIFICARIM MVNIO RO
MANII ET MARIA PETRIZ PRO RE
MEDIV ANIME EORVM IN S. PETRI APL. ONORE

A tradución do latín é a seguinte: "Na Era de 1162, día 13 ante calendas de outubro (19 de setembro de 1124), comezouse a edificación desta igrexa por Munio Romaniz e Maria Petriz, polo remedio das súas almas e en honra do Apóstolo San Pedro".

Quen desexe ver a inscrición terá que volver á estrada local e dar unha volta considerable para poder achegarse ata ela, unha porta que hai xunto a parte posterior da igrexa atópase pechada (atrancáronna para que non salga o gando que pace nun lameiro), e polo cemiterio tampouco se pode, impídeo unha tapia. No inverno (como puidemos comprobar), o pastizal que hai que atravesar está case anegado de auga polo que se aconsella ir amodiño. 

 

Anexa á igrexa atópase a coñecida como Casa do Priorado, un efificio do século XVIII de planta irregular e dous andares; nunha ventá xunto a porta de entrada figura a data de construción: 1794.  

Nalgunhas casas da aldea pódense ver nos muros pezas reaproveitadas do desaparecido cenobio.

 

Lamentablemente, o estado de conservación do templo é bastante deficiente.