MOSTEIROS E CONVENTOS DE GALICIA (PROVINCIA DE LUGO)

O monacato en Europa foi parello á difusión do cristianismo. Os mosteiros xogaron un papel fundamental na organización social e no ámbito cultural acadando, ademais e sobre todo, un enorme poder material. Se ben xa existía en Galicia unha certa vida monacal, foi con Froitoso de Braga cando se regulamentan as comunidades familiares de tradición visigótica (Regula Monachorum). Mais, será a partires dos séculos IX e X cando xurdan as grandes fundacións que, co tempo, se acolleron baixo a Regra de San Bieito de Nursia do século VI en que se difunde por toda a Europa carolinxia e que traen os monxes de Cluny a través do Camiño de Santiago, uniformando o monacato occidental a mediados do século XI coa reforma gregoriana. O monaquismo galego consolidouse coa chegada dos cistercienses, orde fundada por Roberto de Molesmes no ano 1098 para levar unha vida máis en consoancia coa regra de San Bieito, con orixe na abadía de Citeaux (Francia), que acadaou unha grande influencia grazas a Bernardo de Claraval. No século XIII instálanse no país as ordes mendicantes dos franciscáns e dominicos (en menor medida os Agostiños, entre outros), cuxa presenza adoita vincularse á peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago a principios do século XIII, que fundan os seus conventos en núcleos urbanos, fronte á localización rural dos mosteiros bieitos e cistercienses. Tamén tiveron certa presenza en Galicia as ordes militares que naceron en Terra Santa despois da conquista de Xerusalén no ano 1099 durante a Primeira Cruzada, sendo as máis coñecidas as do Temple, a dos Hospitalarios de San Xoán e de Santiago que pasaron a rexentar, en varios casos, mosteiros altomedievais que foran abandonados. As abadías segrares, organizadas pola sé diocesán, estaban ligadas ás catedrais, integradas por persoas que non forzosamente tiñan servizo no altar, pero si a obriga de participar nos demais oficios e actos marcados pola comunidade.

As desamortizacións dos bens e terras "non produtivas" remataron co seu poder. Entre o 1800 (reinado de Carlos IV) e o 1859, sendo ministro Pascual Madoz (no medio houbo as do ministro Mendizábal, no 1835, e uns anos despois a de Espartero), a Igrexa perdeu boa parte dos seus bens que, ademais de ao eido espiritual, tamén afectou ao material, entre eles os edificios mosteirais e conventuais. Segundo Vicente Risco, máis de 7.000 relixiosos foron exclaustrados. Malia o anterior, cómpre subliñar, en contra da crenza xeralizada, que antes do século XV a maioría dos pequenos mosteiros apenas posuían riqueza e poder. Como apunta F. J. Pérez Rodríguez (2008), "a historia do monacato galego pleno e baixomedieval está cheo de sombras e non sempre os mosteiros viviron na riqueza e opulencia nin se levou neles a vida estereotipada que se lles adoita atribuír como centros de espiritualidade e cultura", e "a meirande parte dos cenobios pouco teñen que ver coa idea de poder, riqueza e progreso que, polo xeral, se ten dos mosteiros galegos medievais", é dicir, que a realidade monástica galega, ata o século XV, a pesares do gran número de cenobios, foi moito máis modesta do que adoitamos crer.

Nesta recompilación achego, distribuídos polas catro provincias galegas, máis de 400 mosteiros, priorados e conventos, aínda lonxe do número real dos que alfrombraron Galicia. José Freire Camaniel, na súa obra El Monacato Gallego en la Alta Edad Media (1998), rexistra máis de 500 mosteiros que non sobreviron á Reforma Gregoriana, onde se estudan as distintas regras que seguiron os cenobios galegos así como as comunidades que vivían neles, habitualmente formadas por homes e mulleres (mosteiros dúplices) que desapareceron ou se integraron noutras comunidades a partires da reforma citada cuxa idea principal era acadar un poder independente dirixido polo papa. Outros pequenos cenobios transformáronse en granxas, ou mesmo foron suprimidos; nun capítulo xeral da orde do Císter, celebrado no ano 1184, estableceuse que en todas as abadías houbese, ademais do abade, doce monxes, e senón que se reducise a granxa ou que desaparecera totalmente.

 
MOSTEIROS E CONVENTOS DA PROVINCIA DE LUGO
 
ABADÍN
Mosteiro de Abadín: Segundo a tradición, había restos dun antigo mosteiro preto da igrexa parroquial de Santa María do século XII. Consérvase o topónimo O Convento.

 

ALFOZ
Mosteiro de Santa María de Bacoi: Non dispoño de datos. A igrexa actual data do ano 1733.


ANTAS DE ULLA
Mosteiro de  Penela (Penela-Cutián): En 1311 noméase a "ermita de San Pedro da Penella". En 1453 faise mención dunha "hermida que por nome se deçia de San Pedro de Penela..., a dita hermida e moesteiro de San Pedro de Penela, que asi se deçia en outro tempo,  que he anexa do dito moesteiro de San Salvador de Billar de Donas... eu non lle enbargo a dita ermida e moesteiro de San Pedro de Penela". 
Mosteiro de Santiago de Amoexa: No 1943, Ramón y Fernández publicou na Revista de Arqueología un traballo titulado Jornadas románicas por tierras de Lugo onde fala da igrexa de Amoexa, substituíndo o nome de Amoexa polo de Monxa, deducindo que noutro tempo foi igrexa mosteiral de monxas. Malia o anterior, Nicandro Ares Vázquez di que nada ten que ver con "Monxa", como cren os veciños e como propuxo Ben Cho Sey. Di que semella topónimo prerromano, comparable co antropónimo Ammo, -onis, Amonus, Amunius e con Aegi Amunniaego, teónimo atopado nunha prancha de bronce, desaparecida, de Viana do Bolo. En  1120 cítase villa vocitata Canaria (hoxe A Caira) et Amonegia. En 1160 figura unha hereditas in territorio Dorra, subtus castro de Monegia, pernominata Canaria, sub aula Sancti Iacobi de Amonegia, pernominata Canaria, sub aula Sancti Iacobi de Amonegia, discurrente rivulo Ullia. En 1165 outra herdade iacet ipsa in territorio Dorra, subtus castro de Amonegia, villa pernominata Canaria de Iusaa et iacet sub aula Sancti Iacobi de Amonegia. En 1172 escriben Amoega (Tombo do mosteiro de Sobrado). En 1174 os monxes de Oseira din que deron aos freires Hospitalenses kasal de Amoeja. En 1258 aparece Nuno Nuniz cavallero d-Amoega (Colección diplomática do mosteiro de Oseira). En 1289 menciónase S. Iacobi de Amoeia. En 1383 figura un home "natural de Moesa". De finais do século XIII é un documento, que se conserva no Arquivo Histórico Nacional (trátase dunha transcrición do desaparecido libro H da Catedral de Lugo), outorgado entre o bispo de Lugo, Fernando Pérez, e Urraca Fernández de Abancis en que lle doa, entre outras, a igrexa de S. Iacobi de Amoneia. Nesta época a igrexa xa non tiña carácter mosteiral xa que na escritura distínguese entre os beneficios ás igrexas mosteirais (Eiré e Cangas) das demais. Nun documento do século XVI chámase a aldea Amoexa e Amoexe. A igrexa, dunha nave, é románica do século XII. Ten unha ábsida semicircular decorada con canzorros. No centro da ábsida vese unha ventá decorada con dous capiteis decorados con motivos animais e vexetais. Os canzorros da ábsida, agás un que exhibe unha cabeza humana, presentan decoración xeométrica variada (bolas, perlas, cruces aspadas, etc); decórase tamén cun motivo xeométrico un rombo, a pedra empotrada no piñón posterior da nave. A cabeceira, no interior, leva unha imposta axedrezada. A nave ilumínase  con dous pares de seteiras en cada un dos alzados laterais, con arcos de medio punto. No interior hai varios retábulos do século XVIII. Empotrada nun muro exterior hai unha inscrición de época romana, e unha ara, tamén romana, no interior (véxase a entrada neste blog Romanización de Galicia, provincia de Lugo).    
Nun documento do 1390 figura unha herdade que o mosteiro de Vilar de Donas (Palas de Rei) tiña en Vilane: "que o dicto noso moesteyro ha en Vilaane" (Novo Cazón, 1986).

  
 

BALEIRA
Mosteiro de San Pedro da Esperela: Segundo a tradición, recollida por Amor Meilán, no ano 813, en tempos de Afonso II o Casto, librouse unha batalla entre moros e cristiáns nas inmediacións da parroquia, no sitio que aínda hoxe en día é coñecido como O Campo da Matanza. Dous documentos confirman a existencia do cenobio, un de Ordoño I ("In territorio Nera monasterium S. Petri de Asperella") do ano 857, e outro de Afonso III do ano 900 ("In Gallaecia... Neyram cum possesionibus Sancti Martini de Esperella et Sancti Jacobi de Covas cum omnibus appenditiis earum"). A igrexa, de orixe románica, padeceu fortes transformacións no século XVIII. Segundo a lenda, construíuse no lugar onde deixou de correr o sangue que baixaba dende o Campo da Matanza. Xunto dela hai un teixo centenario. 

 
BARALLA
Todo sobre os mosteiros da comarca dos Ancares no blog do Colectivo Patrimonio dos Ancares: 

BARREIROS
Santo Estevo do Ermo (San Cosme de Barreiros): Trátase dunha capela do século XVIII coñecida tamén como de Augas Santas que ao parecer foi igrexa parroquial. Quizais recibiu o nome polas augas ferruxinosas que manan nas inmediacións e que foron consideradas como milagreiras. Segundo a tradición, esta ermida substituíu a outra anterior, citada no Tombo do mosteiro de Lourenzá no século X e que estaba atendida por monxas; a súa derradeira moradora chamábase Dominga Salgueyra, ermitaña falecida no ano 1699. No ano 958, Ordoño III dá ao conde Osorio o mosteiro de Sperantani, con dúas igrexas: Sancto Justo inter Maasma et Cibarchos, alia Sancto Georgio in valle de Laurenzana. E, unha vez máis, a tradición estaba no certo, os veciños, ao limpar o monte, atoparon os restos da primitiva ermida e dun cemiterio. A capela parece que dependía do mosteiro de Esperautano ou de Esperantón que, segundo un documento do ano 1214, pertencente á colección diplomática do mosteiro de Meira, situaríase nas ourelas do río Eo, sen especificar máis. Polo momento descoñécese onde estaría ubicado este cenobio posto baixo o padroado de San Martiño, mais levantaríase, probablemente, nos actuais concellos de Ribadeo ou Trabada. Neste último, á beira do río Eo, na parroquia da Ría de Abres, temos a aldea de San Martiño. Haberá que esperar ao resultado de futuras investigacións nas ruínas da ermida de Santo Estevo para saber se hai restos doutras edificacións, quizais relacionadas cun pequeno mosteiro, granxa ou eremitorio.
A Abadía: A Abadía é un lugar da parroquia de San Pedro de Benquerencia. Non se conservan restos arqueolóxicos nin documentais, pero a tradición di que houbo un mosteiro.


BECERREÁ
Todo sobre os mosteiros da comarca dos Ancares no blog do Colectivo Patrimonio dos Ancares:  

BÓVEDA
Mosteiro: Mosteiro é unha aldea e parroquia. Di Nicandro Ares que eiquí estaría ubicado un cenobio de monxas que tiñan por titular a San Paio. Sería este o mosteiro, segundo di Flórez, tomando o dato do P. Yepes, anexo de Celanova. No tombo de Celanova do ano 1005 cóntase que unha tal Zacaria, posuidora do mosteiro de Santa María da Ribeira, na Limia, marchou de viaxe a outro seu mosteiro, no territorio de Lemos, que chaman San Paio, e alí morreu. Outro documento do mesmo tombo, conta que no ano 1043 o abade Aloito e seus irmáns doan a Celanova o mosteiro da Ribeira, de tal xeito que se algún temerario ou soberbio ousaba inquedar ese feito, marchara a outros mosteiros que fosen así mesmo do seu avoengo, como é en Lemos o que nomean San Paio: "et si quis temerarius vel superbus ausus fuerit hoc factum inquietare, pergat ad alios monasterios que sic fuerint de nostro avolengo, id sunt, in Lemaus ubi dicent alio monasterio de Sancto Pelagio, et hunc factum nostrum maneat stabilitum". 
Priorado de Freituxe: Atopábase en Santiago de Freituxe. A primeira referencia á aldea data do ano 747, no testamento do Bispo Odoario en que aparece como Villa Fructuosi. Nun inventario do Tombo de Samos, entre os anos 1038 e 1057, cítase como Fruitux de Sarria. Hai quen conxectura que, antes de depender de Samos, foi mosteiro. Adxudicado á abadía de Samos polo papa Paulo III no ano 1538, sendo abade Lope Barrera. A este priorado fai mención Fr. Martín Sarmiento na súa Viaxe a Galicia no ano 1745. A casa-priorado, situada nas inmediacións da igrexa, obstenta o escudo abacial, feito en mármore, do mosteiro de Samos onde se representa unha man coa espada e outra cunha palma. Por eiquí pasaba un ramal do Camiño de Santiago, utilizándose a casa como pousada para os peregrinos. Ao parecer, durante a Guerra da Independencia, a casa foi utilizada como cuartel polas tropas napoleónicas. Segundo a tradición, nun sitio coñecido como Campodá (Campo da Anta?), os monxes enterraban aos seus mortos. A pouco máis dun quilómetro en liña recta temos o microtopónimo Devesa dos Freires. A medio quilómetro está o castro de Freituxe, e nas inmediacións da aldea o evocativo nome de Trala Torre (detrás, de que torre?). Lamentablemente, case toda a documentación existente sobre este priorado perdeuse no incendio que asolou o mosteiro de Samos no ano 1951. A igrexa, de planta rectangular, é do século XVII; dise que se levantou sobre unha anterior románica se ben non quedan restos. Espadana de dous vans. No interior, entre outras imaxes, conserva unha de Santiago Apóstolo e un Sagrado Corazón feito por Magariños. Adro-cemiterio ao redor. Regular estado de conservación.

 


 

CARBALLEDO 
Mosteiro de San Xoán da Cova (Piñarrostro-A Cova): A primeira mención á igrexa, Nicandro Ares parece vela no testamento do bispo lucense Pelaio no ano 998, onde menciona "in territorio Bembiz, eclesia Sancti Joannis media, quam sacavimus de fratres de Flauzani", e a ela semella referirse un documento do 1082 no que a monxa Marina Ovequiz, pola súa nai defunta, Gontroda, ofrece as herdades que tiña en Veascós á "ecclesia et monasterium Sancti Iohannis Baptiste, secus flumen Mineo". Segundo Ángel del Castillo, primitivamente constada de dúas igrexas, "distintas en trazado e proporción" pero unidas por un muro común. O mosteiro feminino coñécese dende o ano 967 onde se di que pertence á Igrexa de Lugo. No 1226 cítase o "conventum Sancti Iohannis de Cova". No 1231 Mariña Pérez fai doazón duns bens a Oseira "cum assesu ablatisse et totius conventus Sancti Iohannis de Fovea". As monxas que o habitaban opuxéronse firmemente a seren reformadas, sendo absorvido finalmente por San Paio de Antealtares (Santiago) no ano 1516. No arquivo de San Paio consérvanse varios foros feitos pola comunidade nos séculos XIII, XIV e XV. Agás a parte alta do frontis e a espadana do século XVII, o resto da construción é do século XII. A nave é rectangular, con portada formada por un arco abucinado de medio punto e arquivoltas. A ábsida é semicircular, con ventá e seteiras. Fáltalle a capela que tiña orixinalmente. Nun lateral exterior pode verse o sartego dunha abadesa. No tímpano hai unha inscrición que fai referencia a un militar de nome Petrus Garse que financiou os gastos da edificación. Foi trasladada do seu emprazamento orixinal no ano 1952, cando a construción do encoro dos Peares. 
Mosteiro de San Estevo de Chouzán: Século XII, consérvase a igrexa. Pertenceu a un antigo mosteiro posto baixo o padroado de Santo Estevo, rexentado por monxas bieitas. Malia o anterior, segundo o P. Yepes está documentada a súa existencia no século IX, xa que por unha escritura datada na era 906 (ano 868), un cabaleiro chamado Flaminio e a súa muller Remisila daban o lugar de Auzán con todos os seus términos ao abade e aos confesores e monxes que vivían no mosteiro dos santos Estéfano, Xacobo e Cristóforo, que está na ribeira do Miño, o castelo Burleu e o territorio do Búbal. É dicir, que antes foi mosteiro de monxes. A primeira noticia da súa conversión en mosteiro dúplice parte da era 1182 (ano 1144): "monasterio Sancti Stephani de Flauzano". En 1155 lese monasterium de Flauzam, Chozan no 1155, e Chouzam no 1174, en que Afonso VII o doa a Oseira "para que poida ser poboado por relixiosos varóns e santas mulleres". Afonso IX, por documento asinado en Ourense o 11 de febreiro de 1213, exime de pedido o couto e os serviciais do mosteiro; o diploma vai dirixido á priora Dona María. No 1260, Maior Sánchez, prioresa de Santo Estevo, e o seu convento, aforan a Diego Diéguez e a súa muller María Airas dous casais na vila de Nogueira (Chantada). O cenobio contaba con canles de auga que nutrían á comunidade relixiosa e aos veciños e, a un tempo, servían para transportar a auga que se utilizaba como forza motriz para os muíños e para regar as hortas do mosteiro. Como aconteceu con San Xoán de Cova, o templo foi trasladado cando a construción do encoro dos Peares. 
Mosteiro de Santiago de Lousada: A esta parroquia parece corresponder en 842 a igrexa "quae est sita in locum qui dicitur Lausata", fundada polo abade Senior (España Sagrada, 1747). As únicas noticias sobre o mosteiro achéganas uns documentos, un do ano 1293: "Iohan de Castro, notario iurado do moesteiro de Lousada", e outro do ano 1333, un testamento de Vasco Pérez de Temes cuxa sepultura se pode ver na igrexa románica, que manda enterrar "a miña carne no mosteyro de Santyago de Lousada". No 1361 figura "Afonso Alvarez, prelado del monasterio de Lousada". No 1296 estaba convertido en abadía segrar, vivindo nela ao menos dous capeláns e un crego. Hai quen sitúa eiquí aos cabaleiros da Orde do Temple. 
Priorado de Aguada: Xunto a igrexa de Aguada consérvase unha casa cun escudo do mosteiro de Oseira.
Priorado de Furco: Consérvase un escudo do mostteiro de Oseira.
Priorado de Oleiros: Dependía de Oseira.
Priorado de Riazón (Veascós): Bieitos. Eiquí detívose o P. Sarmiento na súa Viaxe a Galicia. Foi anexo de San Miguel de Oleiros e logo de Chouzán. O edificio actual da reitoral é de principios do século XVIII, con patio, solaina e portas con inscricións nos linteis. Vázquez Saco, no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo (1949), sinala o carácter mosteiral da igrexa, e que o cenobio terminou por seren anexionado ao de San Paio de Antealtares, en Santiago. 
San Miguel de Oleiros: Xunto a igrexa parroquial, de orixe románica, atópase un edificio en ruínas que foi casa reitoral. Mais, segundo algunhas fontes, polo seu aspecto e tamaño puido acoller un mosteiro. A Colección diplomática del monasterio cisterciense de Santa María de Oseira, de Romaní Martínez, recolle que eiquí tivo unha granxa o devandito mosteiro. O mesmo di Nicanor Rielo en Cuadernos de Estudios Gallegos (1970). 
Santa María de Temes: Onde se ergue a igrexa actual debeu existir, polas abundantes pezas reaproveitadas na mesma, un importante complexo paleocristián. Nunha doazón de Pombeiro do ano 964 fala do mosteiro de Temanes. No Tombo de Celanova existe unha escritura da nai de San Rosendo, doando a aquel mosteiro o 27 de febreiro do ano 938 varias pesqueiras, entre as que se atopaban as de Temanes. Nun diploma do ano 997 faise mención a unha ermida (un eremitorio) que está no término do mosteiro de Temanes. Nun muro interior da igrexa atópase unha inscrición coa data de fundación do templo: "SACRATO TEMPLI II KL/DCBS IN ERA DCC/(X) L(A)(I) II", "A consagración do templo foi dous días antes das kalendas de decembro (30 de novembro), na era 843 (ano 805)". Nunha prancha granítica do século IV lese: "FIDES SPES CARITAS". Tamén se conserva a peza en mármore dun sartego datado entre o 315 e o 330 d.C., quizais a testemuñas cristiá máis antiga de Galicia. Sobre outras pezas do interior reutilizadas no templo, ver a entrada deste blog: "Romanización de Galicia, provincia de Lugo".
 

  
 
 




 


CASTRO DE REI 
Mosteiro de San Salvador de Duarría: Nicandro Ares menciona un documento do ano 1128, conservado no Archivo Histórico Nacional (con copias no da catedral de Lugo), no que fala dun mosteiro familiar que estaría situado xunto a marxe dereita do río Rozas. 
Mosteiro de Orizón: Un documento do ano 1032 fala dun mosteiro, posiblemente familiar, no lugar de Irizon como limítrofe da fortaleza de Labio (Lugo) que o rei Vermudo III doa á Sé Lucense e ao seu bispo Pedro. 

CASTROVERDE 
Capela de San Martiño (Bolaño): Aparece mencionada nun documento do ano 897 como Monasterium Sancti Martini de Bolanio, que foi confirmado por Afonso III. Segundo López Ferreiro posuía unha ábsida bastante achatada. Os seus restos apenas son recoñecibles, reutilizados en tempos como alpendre que na actualidade se atopa totalmente arruinado. Dise que nas inmediacións había sepulcros de pedra, feito que non puiden comprobar porque o lugar está totalmente cuberto pola maleza. Nas paredes das casas da contorna poden verse fustes de columnas e elementos de granito reutilizados. 
Cellán de Mosteiro: Había un pequeno mosteiro edificado sobre un outeiro, posiblemente familiar. No ano 1133 cítase entre uns bens usurpados á igrexa de Lugo "a mans de homes impíos" a cuarta parte "de monasterium de Celain in territorio Bolanio". Citado tamén nun documento do ano 1160: "In territorio de Bolanio quartam partem Monasterii de Celain cun familiis...". Di Vázquez Saco (1959) que o mosteiro debeu ser modesto a xulgar polo que se conserva do antigo templo. A igrexa románica, abandonada no último terzo do século XX, atópase en estado ruinoso. A súa pía bautismal, do século XVII, foi trasladada á nada interesante igrexa moderna. 
Mosteiro de San Cibrao de Montecubeiro: Bieitos/Dominicos. Formado polo templo, un sinxelo claustro con linteis e trabes de madeira e as dependenzas dos monxes. En pésimo estado de conservación, no arruinado claustro construíron uns alpendres con bloques de cemento. Na porta do patio exterior aínda se conserva unha artística aldraba de ferro, cun martelo en forma de can e a cruz dominica. Citado nun documento do ano 1179 como "monasterium Sancti Cipriani de Monte", e noutro do ano 1185 nunha confirmación pontificia de bens e dereitos da sé episcopal. Un monxe de Montecubeiro foi nomeado abade de Lourenzá no ano 1375, e o seu abade, no 1466, foi encomendado para visitar á fundación da casa franciscana de Santa María de Vilabade polo papa. A observancia de Valladolid conseguiu o apoio dos Reis Católicos quen lle ordenaron ao gobernador de Galicia que pusexe o mosteiro baixo o  poder de San Benito de Valladolid, ao que se opuxeron os frades de Lugo, conseguindo poñer a Montecubeiro en terzaría mentres non se solucionase a causa. No século XVI vencellouse ao de San Domingos de Lugo do cal era priorado no 1755. No ano 1820, documento de exposición sobre un preito co mosteiro por pagamento de leña. A igrexa ten a orixe nos séculos XII-XIII. A esta época pertence parte da ábsida decorada con canzorros xeométicos e zoomórficos. Foi reconstruída no ano 1787, cunha ampla nave con teito de madeira a dúas augas, e un cabido frontal no que se conserva unha primitiva pía bautismal. No interior hai un retábulo con columnas salomónicas do século XVIII, con esculturas de San Cibrán, San Ramón Nonato e Nosa Señora do Rosario, e outros tres retábulos laterais. 
Convento de Vilabade: Segundo a tradición, o desaparecido convento foi fundado polo mesmo San Francisco de Asís no ano 1214 cando viña de volta de Santiago cara a Oviedo polo Camiño Primitivo. Aínda que a construción da igrexa gótica dátase no ano 1457 (con reformas do século XVII baixo os auspicios do arcebispo de Puebla, en México, Diego Osorio Escobar), existe un documento do ano 1202 no que Vilabade xa era coñecida como "Sancta María de Villa Ablati", nidia referencia a un lugar baixo a dominación dun abade. Atendía aos peregrinos. A igrexa ten planta rectangular cunha nave dividida en tres tramos por arcos oxivais, presbiterio, sancristía e oratorio. Pórtico renacentista de cinco arcos e escalinata central; o frontón, co escudo dos Osorio, é triangular; frontis con porta gótica abucinada, de tres arquivoltas e columnas con capiteis vexetais, rosetón central e espadana de dous corpos con balconada exterior sobre ménsulas e balaustres. No interior destaca o retábulo maior, barroco do século XVII realizado polo mestre compostelán Francisco de Lens, presidido na súa parte central por unha imaxe de Santiago Matamouros. 
Mosteiro de Vilafrío (Barredo): Posible orixe altomedieval. No 1075 era propiedade de Enego Vermúdez quen marchou a Borgoña para profesar como monxe en San Pedro de Cluny, entregándolle a carta de doazón ao mesmo San Hugo. Despois debeu ser cambiado ou vendido xa que no ano 1076 xa non aparece na bula confirmatoria dos bens de Cluny que lle deu o papa Gregorio VII, evidencia que se confirma no ano 1126 cando a raíña dona Urraca o doa á Igrexa de Lugo, rematando eiquí a súa existencia como mosteiro. Considerado como o primeiro mosteiro dos cluniacenses en Galicia. Citado no ano 1130 como "monasterium Sancti Salvatoris quod vulgo Villarfrigidum nuncupatur" cando o conde Gutierre Vermúdez e a condesa Toda Pérez doan dos terzos do mosteiro ao bispo de Lugo Pedro III, o cal lles fora dado pola raíña dona Urraca e confirmado polo seu fillo o rei Afonso. No 1160, nun inventario dos coengos de Lugo, consta que eran propietarios do "monasterium de Villarfriu". Disque o cenobio se atopaba onde a capela actual, no lugar apareceron varios enterramentos. Non se conservan restos. 
Mosteiro de Santa María de Moreira: Cenobio de monxas dependente do cisterciense de Santa María de Meira, documentado dende o século XIII. A súa fundación débese a dona Urraca que no 1183 solicitou a dona Sancha Fernández de Traba, muller do conde Rodrigo Álvarez, a súa herdade de Moreira para vivir nela como relixiosa. O modesto priorado logrou chegar ata finais da Idade Media, e no 1503 aínda residían nel a prioresa e dúas monxas. No 1504 só quedaba no cenobio unha monxa. A Observancia bernarda suprimiu o priorado, anexionando os seus bens no ano 1504. 
Mosteiro de San Salvador Soutomerille: No ano 827 a igrexa cítase como Sancti Salvatoris de Rimiliani (Romeán). No 1122 como monasterium de Sauto Maireli. Na igrexa, abandonada na actualidade, queda como testemuña da súa orixe prerrománica a celosía de pedra do testeiro leste da ábsida, con aberturas alongadas rematadas en ferradura. Sobre ela vese a seguinte inscrición: "QVAN SIT ANTIQVA/ECLESIA LAPIS IN/FERIOR TESTATVR". No pavimento apareceu unha epígrafe funeraria en lousa cun nome visigótico. Foi reedificada no ano 1619, época á que corresponde a fachada renacentista, con frontón recto e tímpado con escudo. Consta dunha nave rectangular abovedada en pedra, con arco triunfal de medio punto e retábulo policromado en pedra. No interior había unhas lápidas sepulcrais visigóticas. Ao seu carón está a arruinada Casa-torre de Abaixo. 
Mosteiro de Tordenella: Nicandro Ares (1999) di que estaría na parroquia de San Xulián de Pereiramá. No ano 998 o bispo Pelaio deixa en testamento á igrexa de Lugo "in Sancto Iuliano a Tordena hereditates quas ibidem aplicavimus"; chamaríase así porque está na cunca do río Tórdea. Tamén figura arredor do 1160 no inventario da mesa canonical "Sancti Iuliani de Tordenella sextam partem quae fuit de domna Guixavara". O etimólogo coida que esta referencia concorda con outra do inventario de 1133 "Sexta de Monasterio de Tordenella, quam dedit Guixavara Froilaz".

 
  
  





 

CERVANTES
Todo sobre os mosteiros da comarca dos Ancares no blog do Colectivo Patrimonio dos Ancares:  

CHANTADA
Mosteiro de San Salvador de Asma: Bieitos. Fundado no século IX como dúplice, pasando á regra de San Bieito arredor do 1100. Escribe Vázquez Saco que dos fondos do antigo cenobio consérvanse no Archivo Histórico Nacional 322 pergameos e outros documentos que van dende o ano 1073 ata os primeiros anos do século XV, fundamentais para coñecer a súa fundación que enche o baleiro deixado pola desaparición da escritura fundacional, que xa non existía en tempos do P. Yepes. A escritura do 1073 contén as doazóns outorgadas por dona Ermesenda (citada como Christi ancilla, serva de Deus), bisneta de Ero e Adosinda, consistentes en igrexas, xoias e libros. A fundación do mosteiro, dúplice en orixe, atribúese ao conde Ero Ordóñez e á súa muller Adosinda a finais do século IX aínda que hai quen a sitúa en épocas anteriores polo que Ero, máis ca o fundador, sería quen revitalizaría a xa existente vida monacal. No século XII pasa á orde beneditina que é cando acada o máximo esplendor. Os distintos monarcas (Afonso IX, Fernando III, Afonso XI, etc.) outorgáronlle múltiples privilexios, mesmo eximindo aos habitantes de Asma do pagamento de trabucos ou doándolle ao cenobio o beneficio do portádego da feira de Chantada. O Concello de Chantada, no ano 1323, cos seus alcaldes Lorenzo Martínez e Miguel Pérez, outórganlle unha carta de veciñanza (escrita en galego). A mediados do século XV, o mosteiro foi vítima dun espolio "por parte dalgúns fillos da iniquidade", como se deduce dunha Bula expedida polo papa Pío II no ano 1462 quen encomenda ao abade de Santa María de Pallares e ao prior de Pombeiro para que os responsables devolvan os bens roubados, baixo pena de excomuñón. Na actualidade, o que resta do ruinoso mosteiro está en mans particulares. A igrexa, de finais do século XII con reformas no XVI, está realizada en cadeirado de cachotería de granito. A nave é rectangular co presbiterio apegado. Ábsida heptagonal no interior e semicircular no exterior que se inicia cun arco triunfal de acceso, de medio punto, con ventás nos tramos que se separan por columnas, arquivoltas, molduras axedrezadas e capiteis con decoración zoomorfa e vexetal. No aleiro consérvanse algúns canzorros. Tamén conta cunha espadana de dous ocos.
Mosteiro de Santa María de Pesqueiras: Monxas bieitas. En documentos do ano 1266 a súa superiora intitúlase como prioresa. Di Pérez Rodríguez (2008) que a súa pequena entidade e a reducida comunidade impedíulle dar o salto á categoría abacial. Sobre o proceso de incorporación á observancia de Valladolid, no interrogatorio que se lle fixo á súa prioresa, Inés de Guitián, di que ela era a única monxa da casa, que estaba baleira cando a recibiu; di que vivía segundo a regra de San Bieito "y la guardaba lo mejor y más honestamente que ella podía", se ben, continúa, que "la regla nunca la vyo ni la leyó hasta que entró en el monasteryo de San Payo". En canto aos edificios de Pesqueiras, di dona Inés que non había dormitorio, nin refectorio, nin coro "salvo el que ésta que depone diz que hizo, que haze agora tres años, y que menos avía en el claustra...". Dona Inés foi encerrada na clausura de Antealtares a finais do 1498 e os bens do seu priorado pasaron a Antealtares. Foi anexionado a San Paio de Antealtares (Santiago) no ano 1515. Do conxunto mosteiral só se conserva a igrexa que, segundo unha epígrafe desaparecida, xa sufrira unha restauración no ano 1120 ou 1121; a inscrición foi recollida por Piñeiro, Cornide e Villa Amil y Castro: "IN NME DNI IHS MAETHEV/DOAL VII IDVS DCE/Q ERA CLVIIII/POST Aº SI F DA RESTAVRAVIT", ("No nome do Noso Señor Xesucristo Mateo (?) sete días antes das kalendas de decembro, era centésima quincuasexima nove despois da milésima restaurou"). Consta dunha nave de dous tramos e unha ábsida cuberta con bóveda de canón. Son de grande interese as tres absidiolas da cabeceira, que non se perciben dende o exterior, e a porta sur con dúas arquivoltas. As distintas reformas tiveron como consecuencia a perda da fachada principal. No interior consérvase unha imaxe románica da Virxe co Neno datada no ano 1215. Na cabeceira presenta unha pintura do século XVI, con esceas da Anunciación, da Resurrección e do Xuízo Final.
Priorado de Paracostoira: Paracostoira é unha aldea da parroquia de Santa Baia de Pedrafita, no concello de Chantada. Os monxes de Oseira tiveron eiquí unha Casa Priorado. Mercedes Vázquez Saavedra e Carmen Vázquez Pérez-Batallón, en Guía da Ribeira Sacra (2001), din que contaba con casa, tulla e capela. Nun pergameo escrito en galego na "Era M CCC XIII et VIII dias andados doytubro" (ano 1275), Iohan Iohanes de Paracostoira e a sú amuller doan ao mosteiro de Santa María de Oseira a leira de Covelo, conservando os "frutus" (usufructos). A doazón foi outorgada ante Romeu Iohanes, notario xurado, por mandato de Ruy Pérez, notario. Noutro documento en pergameo, tamén en galego, escrito na "Era M CCC X IIII et quot XII dias por andar de dezembro" (ano 1286), María Franca, xunto co seu marido Iohan Iohanis, venden ao mosteiro de Santa María de Oseira todo herdamento que posuía en Paracostoira. Nunhas mandas testamentarias en galego do 3 de xuño de 1434, dadas en Paracostoira polo crego de San Xoán de Veiga, pide ser enterrado no cemiterio de Santa Baia de Pedrafita, legando ás igrexas de Veiga, Sabadelle e Arcos, e de seus criados, os irmáns Gómez e Fernando, entre outras, unhas herdades situadas en Barreiro e Casteda. Nun documento en galego do 9 de agosto de 1439, "dom frey Johan, abade do mosteyro de Santa Maria d´Oseyra" afora a "Afonso Rodriges, et a vosa moller Tereija Rodriges, et a vos Gonçalvo, fillo de Roy Fernandes, da Pena Custoya... a que chaman das Castineyras, a montes e a fontes, con todas suas entradas et saydas et pertenças..." a tenencia da igrexa de Pedrafita polo pago do tercio e décimo de todo pan e gran, e outras prestacións. Os Interrogatorios do Catastro de Ensenada, celebrados na freguesía de Pedrafita en marzo de 1753, na resposta á pregunta 39, confirman que aínda existía o priorado do Císter: "... en el referido termino no ay combentto alguno, si tan solamentte un Prioratto de la orden de nuestro Padre San Bernardo, anexo al Real Monastterio de Santta Maria de Osera".  
Igrexa de Mosteiro: A un quilómetro de Paracostoira, na aldea de Mosteiro, atópase a igrexa parroquial de Santa Baia, situada xunto o Pazo de Boán cuxos propietarios tiñan acceso directo ao templo a través dunha porta aberta nun muro, tapada na actualidade. Parece ser que eiquí non houbo ningún mosteiro, polo que é probable que reciba o nome pola existencia dunha granxa dependente de Oseira que rexentarían os monxes do priorado de Paracostoira.
 

 
 




 
 
 
O CORGO
Mosteiro de San Martiño de Perliños (Arxemil): Estaba situado preto dun castro e da ponte medieval, de orixe romana, de Galiñeiros. Risco di que o 20 de abril do ano 857 o rei Ordoño I doou á sé de Oviedo o cenobio xunto con dez vilas e as súas igrexas, documento confirmado no ano 900 por Afonso III: "In Flamoso Monasterium S. Martini de Perellinos cum decemm villis et seis ecclesiis pracnomiantis, id est, S. Jacobi de Ranero, ecclesiam S. Michaelis... ecclesiam S. Pelagii...". No Inventario artístico de Lugo y su provincia dise que no ano 1600 había unha ermida en San Martín de Perliños. O cenobio foi obxecto de litixio entre as dióceses de Lugo e de Oviedo. Mais non fallan os críticos que aseguran que os documentos citados ao principio son falsos e que foron modificados no século XII para seren utilizados como título de reivindicacións por parte da sé de Oviedo que reclamaba as rendas dalgunhas igrexas de Lugo. Mais, como di Nicandro Ares Vázquez, aínda que os documentos non sexan auténticos, poden conter unha verdade histórica xa que naquela época non se preiteaba por unha quimera senón por algo moi concreto, como poidera ser un mosteiro coas súas rendas.

 

FOLGOSO DO COUREL 
Mosteiro de Visuña: Dise que Afonso II O Casto pasou a infancia no mosteiro de Samos, no castelo de Carbedo e na antiga igrexa mosteiral de Visuña. No Tombo de Samos (1086) Osorio Citiz dóalle a Samos a metade dunha vila que tiña "in territorio Caurel, villa vocabulo Rubin, iuxta rivulum Vesunia, subtus aula sancti Pelagii". Tamén se cita no 1091.    
Mosteiro de San Xoán do Courel: Segundo Mercedes Vázquez Saavedra (2003), en Seoane houbo un antigo mosteiro dependente de Samos. O P. Maximino Arias Cuenllas, historiador e monxe de Samos, fai alusión a un cenobio chamado de San Xoán do Courel. Tempo despois, entre os cabaleiros santiaguistas de Vilar de Donas figura San Xoán de Seoane (aldea de Folgoso do Courel). No ano 1103 fíxose un reparto de herdades e persoas "inter monasterium Samanos et Caurelle". 
Mosteiro de Sobredo: No ano 853, no Tombo do mosteiro de Samos, cítase un cenobio á beira do río Lor, "in Laure monasterium Suveretum (Sobredo)". No 857 "villa iusta rivulum Laure qeu vocitant Suveretum". Tamén se cita Suveretum no 872, 938 e 962, e "Subregum in ripa Laure" no 922. Eiquí, os monxes de Samos refuxiarían de neno ao futuro rei Afonso II O Casto cando fuxía do seu curmán Aurelio, asasino de seu pai Froila II; tamén se di que foi agochado no castelo de Carbedo e en Visuña. Co tempo, o pequeno mosteiro converteuse nunha granxa, situada preto da torre do Castro; os habitantes pagaban foros aos monxes bieitos ata a súa redención.

 

A FONSAGRADA
Mosteiro de Santa María de Lamas de Moreira: Císter. A igrexa pasou a formar parte da Diócese de Lugo por decreto da Congregación Consistorial o 17 de outubro de 1954; con anterioridade pertencía á sé de Oviedo. O P. Risco, na súa España Sagrada, transcribe un documento do ano 1656 suscrito polo clero do arciprestado de Burón ao que pertencía esta parroquia, reivindicando o bo nome do prelado de Oviedo, Bernardo Caballero i Paredes, que fora calumniado polo deán e algúns coengos da catedral. Consérvase a igrexa de orixe románica, cuxos únicos elementos desta primeira época son dous canzorros que sosteñen o tellaroz, na sección máis próxima á ábsida. É de planta de cruz latina construída en cachotaría de lousa. Accédese por medio dun pórtico cuberto cun tellado de lousa a tres augas. O campanario é de dous corpos, o inferior dividido en tres vans.

 

FOZ
Catedral de San Martiño de Mondoñedo: Para descubrir as orixes hai que remontarse ao ano 870, cando o bispo de San Martiño de Dumio (Portugal), Sabarico, viuse obrigado, xunto con outros relixiosos, a fuxir da invasión árabe. Unha vez instalado en Galicia, o rei Fernando III fíxolle entrega das terras, tomando o cetro da desaparecida sé de Britonia por onde chegaron a pasar ata quince bispos, entre outros San Rosendo e San Gonzalo (que non debemos confundir co cego San Gonzalo, o Bispo Santo, que está enterrado no interior do templo, a quen, segundo a lenda, se supón o afundimento, orando dende o castro de Marzán, dos barcos normandos que ían asolar a costa). Á morte de Gonzalo no ano 1112, a raíña Urraca, por delegación do papa Pascual II, traslada a sé a Vallibria ou Vilamaior de Brea, actual Mondoñedo, vila que tamén adoptou o nome de San Martiño. Despoxado do seu episcopado, o mosteiro que había no lugar foi ocupado polos Coengos Regulares de San Agostiño, posiblemente no primeiro ou segundo ano do pontificado do bispo Pedro (1155-1167), como se deduce dunha bula do papa Adriano IV do ano 1156, ata finais do século XV. Parece ser que durante algúns anos, entre o 1540-50, houbo freires franciscáns en San Martiño, instalándose de novo os de San Agostiño nesta igrexa. No 1595 había nela un prior e cinco coengos. Dende o Concilio de Trento (1542) houbo sempre sacerdotes que ocuparon o vello cenobio. Das antigas dependenzas desapareceron o mosteiro, a sé episcopal e a colexiata, quedando só a catedral e a casa do prior que despois foi utilizada como reitoral. No seu entorno atopáronse materiais tardorromanos (tégula, ladrillos, sigillata...) e un posible hipocausto. Mais, a respecto da súa orixe, adoita pensarse que esta igrexa sería o "Monasterio Maximi" do citado no parroquial Suevo a finais do séclo VI en relación á cercana Sé de Britonia. De todos os xeitos, aínda que existen evidencias de enterramentos tardorromanos e altomedievais, non está probado que a igrexa teña fases arqueolóxicas anteriores ao século IX. Nas inmediacións está a coñecida como Fonte da Zapata ou de San Gonzalo (algúns dánlle o nome de San Martiño), cuxas augas teñen sona de milagreiras; por riba do cano hai unha inscrición que di: "Fuente de La Zapata, que brotó según la tradición por milagro de Gonzalo, el Obispo Santo".

 
 

GUITIRIZ
Priorado da Granxa: Na parroquia de Labrada. Dependía do mosteiro de Monfero. Estaba nos límites da parroquia do Buriz ata a reforma do bispo de Mondoñedo no ano 1920. Consérvase unha capela en cuxa fachada hai unha fornela que acolle a imaxe de San Bernardo. As primerias referencias a unha igrexa en Labrada datan do ano 1177, cando Fernando II expediu un privilexio doando a granxa de Labrada a Monfero. Ata os anos noventa do pasado século, o interior da igrexa estaba revestido de cal que se aplicou no brote de peste do século XVIII. Debido á deterioración, os veciños, ao retirar a cal para pintar as paredes, saíron á luz unhas pinturas datadas no século XV ou XVI, coas imaxes de Cristo, a Virxe e outros temas.


 
GUNTÍN DE PALLARES
Mosteiro de Santa María de Ferreira: Bieitos. Fundado arredor do ano 898 por Ero Fernández e a súa muller Dona Elvira. Funcionou como mosteiro familiar ata o último terzo do século XI cando o conde Rodrigo Muñiz e a súa irmá Elvira llo cederon aos bieitos, continuando baixo a protección da familia, pois dise que a filla de don Rodrigo "pidio ao emperador que contase aquel couto aos monges que era a sua herdade". No s. XII, o rei Afonso VII dóalle o couto de Ferreira de Pallares con xurisdición civil e criminal. Santa María manterá varios preitos cos templarios de San Fiz do Ermo, uníndoselles aos cabaleiros varios nobres da bisbarra e tamén os campesiños de varias freguesías. No século XV a comunidade queda reducida a unha cuarta parte quedándose en cinco monxes, prior e abade. No ano 1517 ou 1518, por mor da reforma dos mosteiros galegos emprendida polos Reis Católicos, pasa a depender de Samos como priorado. A igrexa románica con elementos góticos rematouse na segunda metade do s. XIII. É de planta rectangular construída en cadeirado de granito. Ten unha nave dividida en catro tramos, ábsida con tramo rectangular e cabeceira semicircular. Unha capela gótica acaroada no alzado sur da nave acolle o mausoleo dos Taboada. A porta principal, arquivoltada, está decorada con motivos humanos, animais e vexetais, figuracións que tamén se poden ver nas portas norte e sur. O claustro, do século XVII, é de planta cadrada con arcos escarzados. Deste mosteiro data un documento do ano 1257 escrito enteiramente en galego. 
Mosteiro de San Fiz do Ermo: Documentado a mediados do século X, nada se volve a saber del ata o ano 1223 en que aparece citado como "monasterium de Sanctus Felix de Heremo". Foi obxecto de discusión entre as ordes de Santiago e a do Temple, acusando a primeira á segunda de llo ter ocupado indebidamente. A finais desa década aparece xa como encomenda ou bailía templaria nun preito que a orde mantén co cenobio bieito de Ferreira de Pallares. Nun documento do ano 1265 figura un litixio diante do bispo de Lugo, Miguel, entre o abade do mosteiro de Ferreira de Pallares e o comendador de San Fiz do Ermo: "Domnum Lupum comendatorem Sancti Felicis de Heremo, ordinis Milicie Templi". No 1254 o bispo de Lugo recoñécelle os dereitos sobre dezanove igrexas da súa diócese. No 1310 a bailía estaba habitada polo comendador e dous freires templarios que ese ano foron citados polo tribunal de Medina do Campo para comprobar as acusacións vertidas contra a orde e que levarán á súa desaparición. Moitos dos bens templarios galegos remataron en mans dos Castro, entre eles os de San Fiz, pois no 1355 Fernando Ruiz de Castro entregaba "o meu couto e erdades de San Fiiz do Ermo" a Gonzalo Ozores de Orcellón. Do que foi mosteiro templario só se conserva unha casona onde, ata non hai moito, aínda se podía ver unha pedra armeira da orde do Temple 
Parroquia de Castelo: Nun documento do ano 1215 cítase "eclesiam Sancti Salvatoris de monasterio de Castello", e noutro do 1238 "Moestiro de Castelo".  
Mosteiro de Santa María de Mosteiro: Crese que houbo un mosteiro feminino polos séculos XI ao XII que pertenceu ou foi absorvido polo de Santa María de Ferreira de Pallares.  Menciónase nunha doazón o 16 de xaneiro de 1119 que fan Xoán Dieguez e Marina Luz ao bispo Pedro de Lugo: "in territorio Palliaris porcionem nostram eiusdem Monasterii quod Palliares vocitatur fundata ibi ecclesia in honore Sancte Marie Virginis". Na Casa do Priorado atopouse un capitel decorado de tradición visigótica que se conserva no Museo de Lugo o que podería confirmar, segundo Amor Meilán, a existencia deste cenobio en cuxa igrexa exercían xurisdición os señores de Gaioso (o capitel pode indicar que anteriormente houbo outra igrexa). A igrexa parroquial, de orixe románica, foi erixida preto dun castro, ten unha nave cuberta a dúas augas e con bóveda de canón, quedan varios canzorros xeométricos e a ábsida está reforzada con dous contrafortes. Estes mosteiros eran patrimoniais e desaparecían pola falla de monxes ou por doalos os seus donos a outros mosteiros e igrexas. Nun alpendre próximo localizamos empotrado nun dos muros un morteiro pétreo e a basa dunha columna, posiblemente romana. Esta parroquia é na actualidade anexa á de Francos.

  





 

O INCIO
Mosteiro de Pedro San Fiz (O Hospital): Consérvase a igrexa románica de finais do século XII, levantada polos cabaleiros sanxoanistas da Orde de Malta. Foi construída con pedra calcaria e mármore azul das canteiras do Incio. A fronte está formada por unha gran portada protexida por dúas piastras decoradas, con arco abucinado de catro arquivoltas tóricas. Na parte superior do tímpano vese unha Cruz de Malta. Tamén erixiron un mosteiro-hospital e unha fortificación destinadas a amparar aos peregrinos a Compostela. O campanario está exento. No conxunto tamén salienta outro edificio de elementos góticos que actúa como panteón de persoeiros da familia Quiroga. Nun documento do 15 de maio de 1003, fala dun preito que tiveron os mosteiros de Sancti Felicis de Onitio et de Destriana, pertencentes ás infantas Tareixa e Sancha, fillas de Vermudo II, contra o abade de Samos pola posesión duns servos. En tempos de Afonso IX estaba no poder de dúas familias nobres quen llo entregaron á orde do Hospital de San Xoán de Xerusalén. A doazón levaba dúas obrigas para os sanxoanistas: manter sempre a seis cregos dos que tres tiñan que ser presbíteros e cando menos un frade da orde, e que a casa fora cabeza dunha bailía da que terían que depender todos os bens que o Hospital tivese entre os ríos Miño e Lor. Esta foi unha das encomendas máis importantes do Hospital en Galicia. 
O Mosteiro de Flanello: Nicandro Ares Vázquez escribe un artigo en Lucensia (2011) no que fala da existencia deste mosteiro "in terra de Lemos". En primeiro lugar cómpre aclarar que a actual comarca comprende os concellos de Bóveda, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, O Saviñao e Sober, e non o do Incio que pertence á comarca de Sarria. Mais don Nicandro xa advirte que a Terra de Lemos non era soamente a contorna da cidade de Monforte e da súa comarca, senón que incluía unha zona máis ampla. Di que no Tombo de Samos atópase un documento no que consta que un presbítero chamado Genitrigus ou Genetricus construíu no ano 947 unha igrexa nas súas herdades, situadas "in terra de Lemos". Despois de afondar na toponimia e na documentación que podería alumar a situación do cenobio, Nicandro Ares cre que se ubicaría na parroquia de San Salvador do Mao, nunha vila que no ano 991 se chamaba Planeto: "monasterium Sancti Salvatoris, territorio Lemabus, prope ribulo Omano, fundatum in villa que antea vocabatur Planeto et modo dicitur sanctum Salvatorem". O que si chama a atención é que no documento do 947 se fale de Lemos e non de Lemabus, termo máis usado no Tombo. 
Mosteiro de San Salvador do Mao: Dise que se levantaba xunto a vila de Planeto (o Flanello citado anteriormente). Fr. Gregorio de Argáiz (1600-1679), na súa obra de longo título La soledad laureada por San Benito y sus hijos en la Iglesias de España y theatro monástico de la provincia Bética, di  que corresponde á terra do castelo Slanillo, preto do río Omano (o Mao), do Bispado de Lugo. Nin Planeto nin o Castelo Slanillo deixaron pegada na toponimia actual. Argáiz escribe tamén que recibía o nome de San Salvador de Lemos. A igrexa actual conserva o antigo patrón, e no pobo existe a tradición do desaparecido mosteiro. Outras escrituras falan do seu carácter dúplice e da súa anexión a Samos por Vermudo II na última década da décima centuria. A igrexa figura na concordia que no ano 1195 puxo fin ao longo preito entre os abades de Samos e o Cabido de Lugo sobre a posesión do templo e dos seus bens. Nas inmediación da igrexa documentamos varias tumbas feitas de laxas. Nun muro que pecha o adro-cemiterio cuberto hai empotradas cinco caliveras que segundo a tradición pertencen a antigos monxes. Nos arredores aínda se poden ver restos de tumbas feitas con laxas.
Mosteiro de Santa María do Mao (Santo Eufrasio): Tamén tivo por patróns a San Martiño, Santo Estevo e San Pedro e San Paulo. Na actualidade presenta unha nave elevada, con cuberta en lousa a dúas augas. Ao presbiterio, máis reducido ca nave, accédese por medio dun arco de medio punto. No interior, o retábulo renacentista de tres corpos ocupa toda a cabeceira. A porta do sagrario loce un relevo de Cristo resucitado de pé sobre o sepulcro. Na imaxinería salientan as tallas do Santo Eufrasio, Santa María, Santa Bárbara e o San Bieito. O templo foi restaurado hai algúns anos e apenas conserva restos da fábrica orixinal. Exteriormente comparte coas igrexas de San Salvador e San Román, tamén no Mao, a peculiaridade de ter o adro e o cemiterio cuberto por unha estrutura de madeira. Pero o elemento máis destacado é o sepulcro do Santo Eufrasio. Segundo a tradición, foi un dos sete Santos Varóns, discípulos do Apóstolo Santiago, que foran enviados por San Pedro e San Paulo para evanxelizar a Península, establecéndose en Iliturgi (Andúxar), de onde foi primeiro bispo, sufrindo martirio nos primeiros anos da era cristiá. Durante a invasión árabe, os monxes de Andúxar, despois dunha longa peregrinaxe, chegaron ao Val do Mao no 1716, depositando as reliquias na primitiva igrexa. O sepulcro atópase no centro da nave, cuberto por dúas grandes pedras superpostas. A pedra superior, primitiva, conserva unha inscrición borrosa referente ao traslado das reliquias do Santo Eufrasio a Andúxar no ano 1596. Nun dos muros do templo hai unha inscrición de irmandade entre os veciños da aldea e os de Andúxar. A romaría na súa honra celébrase o 15 de maio. Sobre este santo publicou unha monografía no ano 1955 Pedro López Rubín: Santo Eufrasio, Varón Apostólico. Segundo o bispo Antolín López Peláez, no seu El monasterio de Samos (1894), o cenobio de Santa María do Mao foi do real patrimonio dende os tempos de Ramiro I, que reinou entre os anos 842 e 850, ata que Sancho o Craso llo cedeu aos monxes de Andúxar. Fronte á igrexa está a coñecida como Casa do Priorado, con dúas pedras armeiras do mosteiro de Samos. 
Mosteiro de Valdemao: Deste incerto mosteiro fala Amor Meilán. Di que xa existía nos primeiros tempos da Reconquista. No Incio están as parroquias de San Salvador do Mao, Santa María do Mao e San Romao do Mao. Incorporouse a Samos no século X.
No actual concello do Incio documéntanse, ademais, os pequenos mosteiros de Mosteiró (Goo) onde se conservan os topónimos A Ermida e Tras da Ermida, mosteiro da ermida de Eirexalba (O Incio) que conserva unha ermida, Santiago de Toldaos e San Salvador de Chelo (San Salvador do Mao).







 

LÁNCARA 
O Mosteiro (Bande Susaos-Bande): O mosteiro dependía do de Samos. Mencionado en documentos do Tombo de Samos nos anos 982 e 990 ("de illo vallato de Monasterio ata in Bandi" e "monasterio Sancti Salvatoris et Sancte Marie in villa que vocitant Bandi in ripa Narie"), e noutro do ano 1057 , nunha doazón do mosteiro de San Paio, preto de San Salvador de Bande, entre Tórdea e Neira ("monasterio Sancti Salvatoris de Bandi in Tordena et Naria"). Era un mosteiro feminino que foi propiedade de Leodegundia. Non duraría moito tempo como cenobio xa que no ano 1091 noméase como "eclesia Sancti Pelagii et sua villa". Descoñécese se os documentos se refiren a Bande, que ten como titular a San Pedro, ou á parroquia lindeira de San Salvador de Toirán. Consérvase a igrexa do século XII, cunha nave e unha ábsida semicircular unida ao corpo rectangular do presbiterio. A fachada é moderna. No interior pode verse unha colección de seis grandes óleos, doados pola familia López Quiroga e Somoza. 
Mosteiro de Neira de Rapados (Vilaleo): Segundo Nicandro Ares Vázquez, o composto do topónimo, Rapados, pode facer alusión a uns frades rasurados (ou tonsurados), porque nesta parroquia baixo o padroado de Santa María estarían antes monxes e na limítrofe de San Salvador de Toirán habería monxas, tal como adoitaban elixir os santos protectores os mosteiros dúplices. 
Mosteiro de San Paio (Neira de Cabaleiros): No ano 982 vimos que se cita o mosteiro de San Salvador e Santa María de Riba de Neira, o cal tiña un dos seus límites "per termino de Sancto Pelagio". Eiquí estaría o mosteiro familiar de San Paio no 1057: "monasterium territorio Galletie, propope monasterio Sancti Salvatoris de Bande, inter Tordena et Naria; vocitant ipsum monasterium Sancti Pelagii et sociorum eius". Este mosteiro fora propiedade de Leodegundia, e atendendo tamén ao seu titular, San Paio, vese que foi de mulleres (Ares Vázquez, en Lucensia 2009). Consérvase unha inscrición do ano 1133.
Mosteiro de San Salvador (A Eirexe-Toirán): Eiquí puido estar o "monasterio Sancti Salvatori in villa que vocitant Bandi, in ripa Narie", fundado por Lucito Gundesindiz e Domna Eiloni, segundo se cita en documentos do Tombo de Samos en 982 e 1057. No 982 cítase o mosteiro de San Salvador e Santa María na ribeira do Neira, o cal tiña os seus límites "per termino de Sancto Pelagio". No tímpano da porta lateral norte lese: “DIECVS FCT / IN ERA CLXX PMI (PMI sería “post millesimam”) / RODERICVS ARCIDIA / CONVS PELAGIVS DIECVS FCT”. A igrexa, entón, construíuse na era 1170 (ano 1132). Cítanse varios nomes: Diecus, Rodericus, Pelagius e outro Diecus. Quizais o primeiro sexa o construtor, e Rodericus, Pelagius e Diecus quen custearon as obras. Eiquí puido estar o "monasterio Sancti Salvatori... in ripa Narie", fundado por Lucito Gundesindiz e Domna Eiloni, segundo se cita en documentos do Tombo de Samos en 982 e 1057. No 982 cítase o mosteiro de San Salvador e Santa María na ribeira do Neira, o cal tiña os seus límites "per termino de Sancto Pelagio" que estaría en Neira de Cabaleiros. 
Mosteiro de San Vicente: Nicandro Ares Vázquez cre que Carracedo puido ser o lugar onde estivo o "monasterium de Sancti Vicenti de Lancara" (San Vicente é o patrón da parroquia), citado así nos anos 1119, 1122, 1123 e 1133, aínda que di que puido estar en Leirado (sobre a porta hai unha cruz de malta ou patada), parroquia de Armea, porque eiquí existiu o lugar de San Vicenzo e a ecclesia S. Vicenti de Leirado, segundo documentos dos anos 1175 e 1195, se ben no ano 1091 lese Sanctum Vicentium de Armena.
Mosteiro de Santo Antoíño (Toubille).
 



 
 
 
  


LOURENZÁ
Mosteiro de San Salvador de Lourenzá (Vilanova): Bieitos. O mosteiro fundouno no ano 968 ou 969 o conde Osorio Guterres (o Conde Santo), curmán do rei Ordoño; á morte da súa muller ingresou no mosteiro. Considerado santo, foi soterrado nun sartego de mármore branca, quizais de orixe romana, procedente de Aquitania. A construción actual do edificio monacal data dos séculos XVII e XVIII, da primitiva edificación só se conservan unha ara do século IX e unha lauda do XII. O cenobio incorporouse á Regra de San Bieito de Nursia no século XII, acadando un enorme poder, cun patrimonio que abranguía toda a Mariña Luguesa e parte da Terra Chá. Aínda que os monxes abandonaron o mosteiro debido aos decretos de exclaustración e desamortización de Mendizábal, quixeron ocupalo de novo no 1878, mais un incendio truncou a iniciativa. Regresaron no 1910, permanecendo nel ata o 1942 cando se estableceu no mosteiro o Seminario Menor Diocesano. Da antiga construción monacal consérvanse dous claustros rematados no ano 1786, o coñecido como Patio do Pozo do Santo e o de San Salvador. O Arquivo Histórico Nacional de Madrid acolle o que se ten como o segundo documento máis antigo escrito enteiramente en galego, pertencente ao Tombo de Lourenzá, datado o 15 de outubro de 1232. De febreiro de 1238 é outro documento, tamén escrito en galego, que recolle o preito entre o Concello de Ribadeo e o abade de Lourenzá polas rendas do porto de Rinlo. A maior parte dos documentos máis antigos, escritos en galego, desapareceron debido a que, entre outras causas, os pergameos en que se escribiron foron reutilizados. A igrexa data do s. XVIII, construída en estilo barroco galego. Ten planta de cruz latina con tres naves separadas por piastras dóricas das que parten arcos feixóns. A nave central, máis ancha, está cuberta con bóveda de canón, e as laterais con bóvedas de aresta. Unha cúpula, de media laranxa con lanterna, cobre o centro do cruceiro. No interior salienta un retábulo que representa a Transfiguración. Na fachada principal, abeirada por dúas torres, figuran as imaxes do Salvador, da Virxe e do Conde Santo, e, por baixo delas, representacións da orde beneditina, San Bieito e Santa Escolástica. Agás as partes do edificio ocupados por distintas instalacións  monacais (Concello, oficina de Correos...), o resto está a padecer un continuo deterioro.
Mosteiro de San Adrao: De carácter familiar, foi doado no ano 969 ao mosteiro de San Salvador de Lourenzá. A pía de auga é un miliario romano dun metro de altura. A igrexa, do século XVI, está moi reformada onde salienta o campanario barroco. No interior hai un retábulo do século XVIII e unha cruz procesional do século XVI.
Mosteiro de San Fiz de Cazolga ou dos Macabeos: A capela actual foi construída no ano 1940, substituíndo a outra máis antiga que pertencía ao mosteiro de San Fiz e os Macabeos e mandada erixir, segundo a tradición, polo Bispo Santo. No Archivo Histórico Nacional consérvase un documento datado no ano 933 que fai alusiónn a este mosteiro, situado na faldra do monte denominado Cornaria: "In nomine domine nostri ihesu christi uobis dominis meis santisque martiribus sancti felicis et machabeorum quorum ecleisa fundata esse dignoscitur in ripa de riuulo uocabulo masma subtus monte cornaria".

 

  
 


LUGO 
Convento das Doniñas: Segundo recolle Nicandro Ares Vázquez, en Santalla de Bóveda existe a tradición dun chamado Convento das Doniñas que estaba a dous quilómetros da aldea, no vilar de Valín, máis do cal non se coñece ningún documento. 
Convento de San Francisco: Franciscáns, século XIII. Do antigo convento só se conserva o claustro do século XV, gótico con influencias románicas, e a cociña e o refectorio do século XVIII. A igrexa, do gótico mendicante, é do século XIV e que asentaría sobre outra máis antiga. De planta de cruz latina, consta dunha nave no brazo maior, outra no cruceiro e unha na cabeceira onde destacan tres ábsidas cubertas con bóvedas nervadas apoiadas en columnas. No ano 1957 acometeuse a reforma do primitivo edificio. Acolle o Museo Provincial. 
Convento de San Domingos: Dominicanos. A igrexa conventual é do século XIII (comezou a construírse no ano 1303) dunha soa nave e cruceiro realizado en cachotaría de pizarra e cadeirado de granito. Ten tres ábsidas poligonais con ventás resgadas de grande altura. A fachada principal está tapada por un pórtico construído no s. XVII. No interior mestúrase o gótico e o barroco. O convento, con claustro, foi cedido no ano 1840 ás Recoletas Agustinianas de clausura. 
Convento de Santa María: A igrexa de Santiago A Nova foi templo do antigo convento de monxas dominicas, fundado en 1363 baixo a advocación de Santa María, á que se deu o apelativo de A Nova para distinguila da catedral. Coa desamortización, o convento pasou ao Estado, onde instalou varias das súas oficinas, albergando na actualidade Facenda e Correos. A igrexa reconstruíuse no século XVIII e foi espoliada durante a invasión napoleónica. A primitiva fachada, que dá á rúa San Pedro, conserva dúas fermosas portas e unha inconclusa esvelta torre. A fachada actual, que dá á rúa da Raíña, é de 1918. Conserva o claustro de principios do XVIII, actualmente parte da Delegación de Facenda, mentres que o templo, datado 1757-1764, continúa desenvolvendo as súas funcións litúrxicas. No interior conserva cinco retábulos de talle neoclásico. 
Ermida do San Amaro (Conturiz-Santo André de Castro): Adrián Gómez contoume que, segundo os veciños, trátase das ruínas do convento ou mosteiro de San Amaro. Na ligazón a unha publicación que me achegou (Los trasmeranos en Galicia: la familia de los Arce, obra de Ana Goy Diz publicada nas Actas do simposio Juan de Herrera y su Influencia, 1992), di que se conserva a escritura do contrato de Gaspar de Arce no ano 1584 cos canteiros Gregorio do Barro e Alonso Rodríguez para que levantaran as paredes de mampostería. A obra atopábase nas inmediacións da vivenda dos condes de San Amaro que disfrutaban a capela en réxime de padroado. Díxome Adrián que pola zona hai, ao menos, dúas pezas graníticas con cruces, unha das cales vin reaproveitada no peche dunha casa. Moitas pedras da capela, que se atopa en moi mal estado de conservación, foron espoliadas para outras construcións. Vaia dende eiquí o meu agradecemento a Adrián Gómez por tan valiosa información quen tamén me dixo que na mesma parroquia hai os restos dunha vella igrexa, San Román, da que se di que son restos romanos ou tardorromanos ou quizais posteriores, mais si semella que anteriores ao século X. 
Mosteiro de Meilán: Polo ano 930, o presbítero Regito fundou o mosteiro de Santiago de Meilán. Sucedeuno o seu sobriño do mesmo nome, quen á súa vez légao á igrexa de Lugo e ao seu bispo Pelaio quen o ordena presbítero, poñendo á fronte da igrexa mosteiral a Desterigo que, no seu testamento, establece o dereito sucesorio a favor dos seus sobriños Afonso e Andulfo. Despois de varias vicisitudes, o mosteiro cae nas mans de Pelaio quen, conta Vázquez Saco (1947), dispón dos bens mosteirais e déixaos en testamento á súa filla Trodili. O bispo Amor (1088-1096) rexeita o testamento e faise cargo da facenda do cenobio, aínda que, "movido máis tarde a misericordia", déixallo ao actual posesor e ao seu sucesor inmediato. A igrexa de Meilán e os seus bens non foron definitivamente adscritos á igrexa de Santa María de Lugo ata o ano 1123, cando estaba en mans do conde Munio Peláez. A fábrica románica da igrexa foi bastante alterada por reformas posteriores.      
Mosteiro de Saamasas: Saamasas é  hoxe un arrabaldo da capital lucense, onde o presbítero Félix no ano 923 cedía a aquel mosteiro "villa quam dicunt iuliani", denominación que segundo Nicandro Ares pode corresponder a Xián ou Cián, en Taboada. No Museo Diocesán de Lugo consérvanse sete pracas rectangulares e planas decoradas. A importancia destes relevos vén dada tanto pola súa calidade artística, como polo interese que esperta o seu carácter e función, ademais da interpretación dunha epígrafe. Ao parecer trátase das pracas dun cancel de época visigótica de finais do século VI ou principios do VII, correspondentes á primitiva igrexa onde aparece citada como mosteiro de Sanctas Masas. O cancel separaba a parte sagrada do altar da dedicada ao resto dos fieis. Xunto un dos canceles atouse un capitel da mesma época, se ben J. Delgado cre é romano.
Mosteiro de San Miguel de Bacurín: Bacurín aparece no testamento de Dona Ximena no ano 964, onde doa ao mosteiro de San Xoán de Mera, "basilica sita est et monasterium constructum in valle Mera prope fluvio Minei, sub urbe lucense, villa que dicunt Quarto", a vila de Mera e outros lugares próximos, entre eles Bacorini. Nun documento do século XII onde se recollen as regalías de Santa María de Lugo, entre outros, de "Sancto Michaele de Bacorin, casale de domno Romano". É probable que se tratara dun pequeno mosteiro familiar de corta vida. Na primeira década do século XIII aínda existía eiquí unha comunidade monástica. No 1211, a abadesa, Dona Gontroda Rodríguez, doa o dereito que ten "in monasterio Sanct Michaelis de Bacorin" á Igrexa de Santa María de Lugo. 
Mosteiro de San Xoán de Mera: Tratábase dun mosteiro familiar situado no que hoxe en día é Seoane Alto, anexa do Burgo. A primeira mención é na copia do testamento do bispo Odoario no ano 747, cando se cita a ecclesia sanctii iohannis de mera. Noutro discutido documento do ano 897, o rei Afonso III confirma ao bispo Recaredo e á igrexa lucense moitos territorios, entre os cales se mencionan as igrexas de "In mera eclesiam sancte eolalie alte, ecclesiam sancte marie que dicitur alta, et sanctum ioannem de mera cun familia". O P. Yepes cita un documento do ano 985 onde fala de que o mosteiro de San Xoán, no territorio que chaman Mera, pola Era de mil e vinte e tres, estaba sito cara a cidade de Lugo, non lonxe do río Miño, e era de monxes e de monxas. Pero Yepes non sinala con exactitude o ano da fundación de tal cenobio, pois no Archivo Histórico Nacional (Tombo de Sobrado) consérvase a copia dunha escritura datada o día 17 de xuño do ano 964, na cal unha muller chamada Ximena di que aquel mosteiro fora construído polos seus pais no val do Mera preto do río Miño, non lonxe de Lugo, na vila que chamaban quarto. 
Mosteiro de Santalla de Cuíña: Cuíña é unha parroquia do concello de Lugo. Houbo un mosteiro, mencionado nos anos 995, 997, 999 e 1017. 
Mosteiro de Santalla de Fingoi: Nun documento do ano 995 consta que unha muller de nome Faquila doa ao rei Vermudo II o mosteiro de Santalla de Fingoi con todas as súas pertenzas. Tamén consta en documentos dos anos 1042, 1086 e 1088 onde se cita o "monasterium Sancti Antonini de Fingoi". En xullo do 1071, a infante Elvira, filla de Fernando I, doa ao bispo de Lugo varias vilas que foran do mosteiro de Fingoi. No 1088, Afonso VI doa ao bispo de Lugo varias vilas e igrexas suxeitas aos mosteiros de Santalla e Santuíño de Fingoi e os dereitos rexios da cidade de Lugo.


   


 
 

MEIRA
Mosteiro de Santa María de Meira: Císter. As orixes non están claras, barallándose dúas hipóteses, unha do 997 baixo os cluniacenses, e outra do 1143 xa baixo a Regra do Císter. No aspecto arqueolóxico, os primeiros que o estudaron foron Carlos Arias (Monasterio de San Salvador, no Boletín da Real Academia Galega), Villa-Amil y Castro e Torres Balbás (Monasterios bernardos de Galicia). Sobre o aspecto histórico, hai que salientar a tese de María de Las Mercedes Domínguez Casal do ano 1952 que abrangue os primeiros cen anos de vida do cenobio, onde rexeita o ano 997 recollido polo P. Yepes, afirmando que foi fundado pola orde de San Bernardo no 1143, se ben a data de 1142 é a máis suxestiva para a fundación cisterciense, apoiándose na desparecida inscrición publicada primeiramente polo P. Risco e reproducida en copia facsímile por Villa-Amil e Amor Meilán, que se atopaba no claustro baixo do mosteiro: "Anno Domini MCXLII. Inicium domus Meyre". O seu dominio medrará de xeito continuado durante o século XII e a primeira metade do século XIII, converténdose nun dos mosteiros máis ricos de Galicia. As súas posesións, ademais de na súa contorna, estenderanse por todo o bispado de Mondoñedo, cara a costa, e chegará ata as ribeiras do Miño e do Sil, sendo destacada na Terra de Lemos, e fóra de Galicia no Bierzo e Toro. Á morte do abade frei Ares de Maxide no 1515, integrouse definitivamente na Congregación de Castela. Do conxunto monacal consérvanse a cociña, o refectorio, os arcos forneiros, as ménsulas e os arrinques dos arcos do claustro das Procesións (s. XVIII) e pegadas nos edificios que acollen as dependencias do Concello. A igrexa, do 1143, ten planta de cruz latina con tres naves divididas en nove tramos, onde a central, cuberta con bóveda de canón apuntado sostida por arcos faxóns, dobra en anchura ás laterais. Cruceiro e cabeceira cunha ábsida central semicircular, precedida por un tramo recto enmarcado por capelas cadradas. A portada principal é románica, con arquivoltas sostidas por tres pares de columnas. Sobre ela ábrese un enorme rosetón. A porta conserva as ferraxes do século XIII.

 


MONDOÑEDO
Convento da Concepción: Ano 1639. Coñecido nun principio como convento da Encarnación Franciscá do Coto de Outeiro, fundado por Dona María Pardo de Andrade no ano 1656 e cuxa construción se iniciou no 1714 xunto unha das antigas portas (hoxe en día todas desaparecidas) de acceso á cidade murada. 
Convento de Lindín (O Caxigo-Lindín): Lugar de difícil acceso e mal conservado. Consérvanse restos de muros pertencentes a un convento medieval dependente do de Vilanova de Lourenzá. As primeiras referencias sobre a existencia dunha igrexa en Lindín datan do ano 1261, cando o bispo Nuno II fai doazón da mesma á catedral. Malia o anterior, Ares Vázquez di que podería ser a igrexa de S. Jacobi de Nannino citada en 935. Consérvase o topónimo a Igrexa Vella.   
Convento dos Picos: Agostiños. O seu nome real é o de convento de San Martiño de Vilaourente, fundado no século XIV e con reformas no XVIII. Logo da desamortización, o bispo da Diócese, Xosé Manuel Palacios López, concedéullelo no ano 1885 á comunidade dos PP. Pensionistas que o habitaron ata o 1964. A subida ao convento coñécese como O Calvario polo Via Crucis do que aínda se conservan algúns pasos. 
Convento de Santa María a Maior. No Tombo de  Lourenzá do ano 967 consta Monasterio Sancta Maria Maur, no 1121 Sancta Maria Majore, no secúlo XII cenobium Sancte Marie Maiori, e Sancta Maria de Villa Maiore no 1111. 
Mosteiro de Masma: Hai quen defende que con este topónimo, e tamén hidrónimo, identifícase o monasterio Maximi, asignado á Sé de Bretoña no Parochiale Suevum do ano 569. O río e a parroquia de Masma cítase no tombo do mosteiro de Lourenzá dende o ano 927 a 1265. No 1086 o bispo Gonzalo falla un preito qeu sostiñan os curas de Vilamor e Masma. En documentos do rei Silo do 775 e de Ordoño II do 992 figura Masoma. A igrexa actual ten a orixe no ano 1740.
 
 
 




MONFORTE DE LEMOS
A Casa do Priorado (As Devesas-Baamorto): Descoñezo se eiquí houbo algún priorado é a que orde pertenceu. Antiga reitoral da igrexa de Baamorto, fronte da igrexa parroquial e do cemiterio. Ten planta en T. Na fachada leste vense dous escudos de pedra, un dos Quiroga e outro dos Somoza. 
Mosteiro de San Vicenzo do Pino: Bieitos. Escribe M. Rubén García Álvarez (1952), en contra da afirmación dalgúns autores, que é totalmente falso que o mosteiro date do século VIII, creándose unha abadía xa organizada no século seguinte, poñendo en dúbida a autenticidade dalgúns diplomas pertencentes a este cenobio. As noticias coñecidas sobre as orixes deste mosteiro redúcense á non moi exacta referencia do P. Yepes, reproducida máis tarde polo P. Risco, López Peláez e algúns datos dispersos noutras publicacións. O mesmo autor tamén rexeita o escrito por Pedro Boo Pita de que o antigo mosteiro estaba na faldra do monte, no lugar que anteriormente ocupaba unha ermida. Se ben ten as orixes no século X, o edificio actual, tanto a fachada coma o claustro, é de traza neoclásica do século XVI. No ano 1199 (neste ano a vila baixa do outeiro e é levada ás beiras do Cabe), Afonso IX concede ao cenobio varias igrexas e bens, privilexio confirmado no ano 1213 polo papa Inocencio III. Afonso IX tivo que mediar entre o Concello e o mosteiro para marcar os dereitos que San Vicenzo tiña na vila. Castelo, mosteiro e vila compartirían o espazo no castro durante o século XII. Visitado por frei Juan de San Juan de San Benito de Valladolid no ano 1494, a reforma non se fará patente ata o ano 1499, sendo abade frei Gómez de Folgoso, antigo prior de Montederramo, que se encastelou no cenobio para impedir o paso aos de Valladolid, fuxindo despois a Montederramo, presentándose logo en Monforte para asinar a súa renuncia ao abadengo. Coñecida a renuncia do seu antecesor, frei Fernando de Castelo, que anos atrás deixara San Vicenzo por Samos, volveu ao Pino, conseguindo manterse á súa fronte ata o 1504, marchando logo a Roma para defender os seus dereitos sobre Samos e San Vicenzo, e alí morreu. Xunto con Samos e Celanova, San Vicenzo do Pino é o único cenobio de Galicia que mantivo unha xurisdición eclesiástica propia e recoñecida pola diócese de Lugo. Os derradeiros monxes abandonaron o mosteiro a finais dos anos oitenta, instalándose en Samos. A igrexa mosteiral ten portada renacentista encadrada por dous pares de columnas dóricas. É de planta de cruz latina rematada por tres capelas rectangulares cubertas con bóvedas estreladas apoiadas sobre arcos agudos. No altar maior, barroco, destacan unha pintura que representa a tortura de San Vicente e unha escultura de Santa Ana co Neno. Tamén acubilla unha imaxe da Virxe de Monserrat, patroa da cidade, e outra do San Brais, de afamada romaría o día 3 de febreiro. Na entrada principal, a man dereita, hai un sartego antropoide exento feito en granito que, segundo a lenda, acolleu o corpo dun monxe que, por inocente, sobreviviu á terrible proba da "coroa caldaria" ou "xuízo de Deus", celebrada no ano 915. O conxunto monumental érguese no monte de San Vicente do Pino que na Idade do Ferro, segundo algunhas hipóteses, acolleu o castro Dactonio, capital dos Lemavos, e na Idade Media o monumental castelo dos poderosos condes de Lemos. Na actualidade o cenobio acolle un parador de turismo. 
Convento-Hospital do Sancti Spiritus de Monforte: No século XIII hai referencias dun "Hospital de Lemos", mais descoñécese con exactitude a data da fundación. As primeiras noticias datan do ano 1564, nun Libro de Xuntas do mosteiro de San Vicenzo do Pino do ano 1577. Sábese que no 1683 xa existía o Hospital do Sancti Spiritus, propiedade do Concello e administrado polos Irmáns Obregones, con anterioridade á entrada dos Hospitalarios. Os Obregones deben o nome a Bernardino de Obregón (Burgos, 1540-Lisboa, 1599) que serviu aos pobres enfermos, agregándose logo outros compañeiros que co tempo tomaron o nome de Hermanos Mínimos de Bernardino de Obregón, e que profesaban na orde dos Agostiños. Por Real executoria librada polo Supremo Consello e Audiencia de Cámara, Eugenio Aguado, en 19 de outubro de 1753, na cal se insire a súplica elevada por dona Rosa María de Castro e Portugal, condesa de Lemos, a fin de aprobar e sancionar a transación e concerto entre dita señora e o licenciado Francisco Gil, en nome da vila e Concello de Monforte a 9 de outubro de 1752, na vila de Madrid, con referencia a poñer ao cargo dos relixiosos de San Xoán de Deus o Convento-Hospital do Sancti Spiritus e o Hospital de San Lázaro e a cuxa cabeza debería de estar Fr. Bartolomé Márquez, cedéndolle ao efecto o edificio, bens e rendas da súa anexión, con outras agregacións e baixo determinadas condicións. As últimas noticias sobre a presenza dos Hospitalarios en Monforte, que ocupaban as dependenzas do antigo Concello, datan de principios do ano 1833. 
Convento de San Xacinto de Monforte: Sitúabase onde está a igrexa de San Domingos da Régoa, edificada na primeira metade do século XVI na faldra do monte de San Vicente do Pino, agás a sancristía e o edículo de Nosa Señora do Rosario. No interior conserva un espléndido órgano do ano 1888, realizado por Pedro Méndez segundo figura nunha inscrición situada na traseira. O convento foi fundado no século XVII, ano 1621, polos condes de Lemos e ocupado polos dominicos. Do fundador e primeiro prior deste convento, Fr. Justo de Oviedo, sábese que morreu entre os anos 1643 e 1645, como así figura nas Actas do Capítulo provincial deste último ano. Este Fr. Justo foi tamén o derradeiro prior do convento da Purificación de Pantón, do que falo na entrada correspondente a ese concello. No Museo Provincial de Lugo consérvase a figura xacente do abade Frei Andrés Pardo de principios do século XVI, procedente da Praza da Igrexa de San Domingos da Régua. Un irmán leigo, Fr. Andrés de San Vicente "embalsamó los claustros de este convento con el aroma de sus excelsas virtudes" na segunda metade do século XVIII; morreu cumpridos os setenta anos, pouco antes do 6 de maio de 1796. O freire Aureliano Pardo Villar, no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo (1949), fala deste convento menor (citado tamén no Boletín da Real Academia Galega do ano 1931). Di que durante a Guerra da Independencia converteuse nunha fábrica militar, onde se equipaba de armas aos paisanos da comarca, e construíanse canóns de madeira, escavando troncos de árbores que se rodeaban con aros de ferro; estes canóns podían resistir ata doce disparos. O prior do convento, Fr. Domingo Barbeito, que foi asasinado polos franceses, non contaba máis de corenta anos de idade. Tamén foi asasinado o irmán leigo Fr. Simón Vega, de sesenta anos.
Mosteiro de Cinsa (Cinsa-Baaamorto): Segundo recollo de Nicandro Ares, en Cinsa estivo ubicado o mosteiro de Sancto Ihohanne de Cinissa, do cal queda na microtoponimia a Casa Priorato con emblemas da cruz de Malta, utilizada polos hospitalarios de San Xoán. 
Convento de San Antonio: Estaba no Campo de San Antonio. Franciscáns. Citado por J. M. Pita Andrade na súa obra Monforte de Lemos (1952): "... con los barrios de Remberde en donde está el Convento de las Religiosas Descalzas y con el de los Abeledos en donde está el Convento de San Antonio de la Orden de San Francisco...". Consérvase un baixorrelevo actuando como lintel dunha capela particular na rúa Dr. Casares, unhas columnas diante dunhas casas situadas fronte os Escolapios e no patio do vello Concello, un cruceiro que se ergue no Campo de San Antonio, e outras columnas na Casa da Bastida, na parroquia de Mañente (Pantón). 
Convento de Santa Clara (Monforte): Franciscanas descalzas. Fundado no ano 1622 por Catalina de la Cerda, muller do VII conde de Lemos, Pedro Fernández de Castro. Cando a morte deste, no ano 1633, a fundadora ingresou no convento. A igrexa, rematada a finais do século XIX, é de tipo ecléctico. O Museo de Arte Sacra é un dos máis completos na súa categoría, con reliquias do século XVII, dúas imaxes do escultor Gregorio Fernández e outra de Xoán de Mena, reliquias, orfebrería, etc. 
Mosteiro de San Pedro de Valverde: Bieitos. Mandado construír no ano 1124 por Munio Romaniz e dona María Petriz. Malia o anterior, do ano 1078 é un documento que di: "Exemenus monasterio Vallis Viridi abbas", confirmando un documento de Samos. A principios do século XII estaba en poder da raíña dona Urraca que o cedeu a Munio Romániz; á súa vez este cabaleiro, coa súa muller María Pérez, entregoullo a Cluny no 1125. Valverde foi un pequeno cenobio que non superaría nunca os tres ou catro monxes e o prior. Nos arquivos da Biblioteca Nacional de Noruega consérvase un diploma do ano 1115. Cando o visitaron os freires de Cluny no 1139 estaba deshabitado, regresando a vida monacal no ano 1342. A finais do século XIV só residía nel o prior, xunto o que se atopaban no 1392 dous cregos segrares. No 1460, cando o visitaron de novo os delegados de Cluny o prior estaba asistido por un crego, e dos edificios só a igrexa se atopaba nun estado digno. O prior, Xoán de Monforte, púxose a disposición dos reformadores, se ben isto durou pouco xa que no 1504 titúlase prior do moesteyro de Sant Pedro de Valverde con abtoridad do sennor don Fernando de Castelo, abbade del monesterio de Sant Viçenço de Monforte et administrador del dicho monesterio de Valverde. Intención que de pouco lle valeu porque Valverde foi anexionado a San Vicenzo do Pino. Do antigo cenobio consérvanse algúns restos no edificio anexo ao templo. Da igrexa quedan restos románicos na portada do muro norte e a nave. A ábsida e a sancristía son posteriores, así como a espadana de tres ocos. No muro sur, sobre un lintel, hai unha inscrición que fai alusión á fundación do cenobioque di: "IN ERA ICª. Lª. XII.-XIII KL OCTV INCEPTA EST/HEC ECCLA EDIFICARIM MVNIO RO/MANII ET MARIA PETRIZ PRO RE/MEDIV ANIME EORVM IN S. PETRI APL. ONORE, ("Na Era de 1162, día 13 ante calendas de outubro (19 de setembro de 1124), comezouse  a edificación desta igrexa por Munio Romaniz e María Petriz, polo remedio das súas almas en honra do Apóstolo San Pedro"). A portada do templo foi restaurada no ano 2014, desaparecendo as pinturas en cor vermella e azul que presentaban as cinco arquivoltas (dise que custeadas por un emigrante da aldea que estaba en Venezuela, pero o que debeu acontecer é que se pintou sobre outras anteriores). Eiquí atópase a coñecida como Casa do Priorado, un efificio do século XVIII de planta irregular e dous andares; nunha ventá xunto a porta de entrada figura a data de construción: 1794. 
Nosa Señora da Antigua: Coñecido coma Os Escolapios. Xesuítas. Mandado construír polo cardenal Rodrigo de Castro, da poderosa familia dos Lemos; rematouse no ano 1619. Foi o cardenal, xunto con outras obras do Greco, quen trouxo A Adoración dos Magos, do pintor flamento Van der Goes, pintado probablemente arredor de mediados do século XV. Despois de que Max Jakob Friedländer, da Gemäldegalerie, se trasladara a Monforte para velo, conseguiu mercalo no ano 1913 e levalo para este museo de Berlín.
Priorado de San Salvador de Moreda: A orde hospitalaria e militar de San Xoán de Xerusalén ten a orixe a finais do século XI, durante as Cruzadas, cando uns mercaderes de Nápoles fundaron un hospital de peregrinos xunto a igrexa do Santo Sepulcro, daí tamén o nome de Hospitalarios. A mediados do século XIX pode considerarse disolta. Na Terra de Lemos debeu ter unha notable presenza, veciña das importantes encomendas medievais de Quiroga, Portomarín e O Incio. Nunha doazón do ano 1181 cítase un Incomendator de Lemos. Nese ano sitúase un hospital na ourela do río Cabe, na parroquia de Ribas Altas. En Moreda cítase un Espytal no 1203. En 1214, Afonso IX confirmaba dende Lemos todas as propiedade da Orde. Na Idade Moderna, en Monforte, comprendía as igrexas de San Salvador de Moreda e Santa María de Baamorto, xunto multitude de bens, que contrasta coa escasa información durante a Idade Media. (Bouzón Custodio, 2019). San Salvador de Moreda cítase como Moreta en 879, 942, 946 e 1098 (Ares Vázquez, 1994), e Sancti Salvatoris no 1257. No ano 1239, o abade de Monforte exercía xurisdición, entre outras, sobre as igrexas de San Romao de Moreda, en Pantón, e San Salvador de Moreda, en Monforte de Lemos (Boo Pita, 1947). San Romao, parroquia lindeira con San Salvador, tamén foi priorado/granxa dependente do mosteiro bieito de Samos (Arias Cuenllas, 1992); cítase a ecclesiam sancti Romani de Moreda en 1175 (Tumbo de Samos), e xa como Moreda en 1192 (no ano 2019, a asociación Segredos de Pantón realizou unha reconstrución dixital en tres dimensións de como serían as antigas dependenzas). Se as mencións ao priorado de San Salvador de Moreda son escasas na Idade Media, son algo máis abundantes en época moderna. No Archivo Histórico Nacional consérvanse varios documentos que achegan os nomes de varios priores da orde de San Xoán de Xerusalén (o prior era o encargado de administrar os bens da Encomenda en cada freguesía). No ano 1707 ingresa como relixioso na orde Ángel Rodríguez Arias, veciño e prior de Moreda. No 1743 faino Pedro Vázquez de Camba, veciño e prior da freguesía. No 1769 ingresa como relixioso Gabriel Vázquez Balboa, natural de Esteriz (Vigo), “capellán de obediencia presentado al priorato de San Salvador de Moreda”. Todos dependen da Encomenda de Quiroga. No ano 1803 ingresa Francisco Leira “vecino y Prior novicio de San Salvador de Moreda”. E no 1824 faino como relixioso Carlos Piñeiro, natural da parroquia de San Xoán do Alto (Lugo), “cura propio, novicio de San Salvador de Moreda”. Os dous últimos xa non figuran como dependentes da Encomenda de Quiroga, senón da do Incio. No ano 1738, Diego de Hiedra, vigario xeral da Encomenda de Quiroga, visita o priorado de San Salvador (Bouzón Custodio, 2019). Fr. Martín Sarmiento cita o priorado na súa Viaxe a Galicia no ano 1745. Tamén se fai mención nos Interrogatorios do Catastro de Ensenada de mediados do século XVIII no pago de décimos “cuios diezmos pertenecen enteramente a la Encomienda de Quiroga, religión de San Juan”, mentres que os dereitos de vasalaxe ían á Casa de Lemos. O décimo era un tributo que pagaban os veciños ao rei, nobres e eclesiásticos consistente na décima parte dos seus froitos e ganancias; ao campesiño, ao final, quedáballe unha mínima parte. A igrexa parroquial atópase no Regueiro, ao pé do castro de Moreda ou da Ciudá, e a carón do Camiño de Inverno a Santiago. A pouco máis de 300 metros do templo aínda se conserva o topónimo Granxa (no Catastro, parcelas 85, 87 e 88). Todos os mosteiros de Galicia importantes (neste caso Encomenda) tiñan as súas granxas (e priorados) que se ocupaban en subministrar os produtos agro-gandeiros aos cenobios (Cabeza Quiles, 1992). O templo parroquial, románico, foi moi modificado a finais do século XIX, só conserva parte da fábrica antiga nun lateral con marcas de canteiro e algunhas pezas reutilizadas. Na fachada principal, debaixo da espadana, hai unha inscrición que sinala o ano da reconstrución e o nome de Benigno Pardo Salgado, natural de Melide, que exerceu como párroco dende o 18 de setembro de 1893 ata o seu falecemento o día 23 de febreiro de 1925. Segundo achega o investigador Xosé Troiano Carril, a campá maior foi fundida no obradoiro de Antonio Lemos, de Monforte, a finais do século XIX. Ao redor da igrexa, ademais dun cruceiro, vense varias tampas de sepulturas, algunha con escudos e inscricións moi desgastadas. Na fachada principal hai dúas que fan de bancos. Na parte inferior dunha delas vese unha inscrición (hai que facer verdadeiras filigranas para sacarlle unha foto) que polo de agora descoñezo o que di. 
Fonte dos Frades (Montecelo-Chavaga): Recibe este nome unha fonte de pedra que hai nunha fraga. Está delimitada por uns muros de cachotería que protexen o manancial e unha cuberta de lousa.
 

  
 
   
 







 


NEGUEIRA DE MUÑIZ
Igrexa de San Salvador de Negueira: Construída a finais do século XV ou principios do XVI coa intención, dise, de que fose un mosteiro se ben non se coñece documentación ao respecto. 

 

OUTEIRO DE REI
Mosteiro de Santa Euxenia de Gaioso: Citado polo P. Yepes na súa Crónica General de la Orden de San Benito (1613). Nicandro Ares Vázquez, de quen recollo a información, di que pouco máis achega o beneditino, que nin sequera indica onde se atopaba e que se atopa entre os suxeitos a Sobrado. Nada achega a bibliografía, mesmo nas guías eclesiásticas de Lugo só se fai alusión ás parroquias de Santiago e Santo Tomé de Gaioso, mais descoñécese a de Santa Euxenia. Mais don Nicandro, que presentiu a súa existencia, atopou a referencia á freguesía e couto de Santa Euxenia de Gaioso no Catastro de Ensenada do 1752, que tamén aparece citada como Santa Euxenia de Senande (aldea hoxe en día pertencente a Donalbai, en Begonte) e que aínda é coñecido como lugar da Eirexe de Senande, onde non existen restos de igrexa algunha, mais non lonxe de onde posiblemente se erguería o desaparecido cenobio. Nunha visita que fixo ao lugar atopou un sartego antropoide cun debuxo xeométrico na súa cabeceira que facía de pía para beber o gando. O dono levouno logo ao sitio denominado do Adrio onde apareceran ladrillos, tellas e pezas labradas, unha cun debuxo que semellaba un escudo que se empregaron na cimentación dunha obra. O documento citado polo P. Yepes data do ano 1019 e custódiase no Arquivo Histórico Nacional entre os pergameos do mosteiro de Sobrado dos Monxes. 
Mosteiro en San Xoán de ParadaCítase a "villa Parata cum eclesia Sancti Joannis" no ano 747, e "Eclesia Sancti Joannis de Parata" no 841. En Estudos de toponimia galega II, editado pola Real Academia Galega no ano 2013, don Nicandro Ares Vázquez sitúa en Parada o mosteiro de San Xoán de Friolfe, en vez de no concello do Páramo (ver concello do Páramo). De moito interese é un sartego antropoide dobre que localizamos en Gondai (comunicámolo a Patrimonio para a súa catalogación o 19 de novembro de 2021), nas inmediacións da igrexa parroquial de San Xoán de Parada. Dos preto de 200 sepulcros antropomorfos que se conservan na provincia de Lugo, só unha media ducia presentan a característica de acoller dous corpos. Por iso, a pesares da súa rareza, sorprendeunos que estea sen catalogar. Escavado na rocha viva (que hai que direfenciar dos sartegos exentos ou libres realizados en bloques de pedra previamente cortados), procurouse un espazo que se axustaba ao tamaño dos cadáveres. A parte escavada mide 1,80 metros de longo, 0,85 metros de ancho na parte dos ombreiros, e 0,66 metros de ancho na parte destinada aos pés; os ocos que acollían as cabezas teñen unhas medidas de 25 por 22 centímetros. Polo interior ten unha altura de 25 centímetros, e polo exterior 30 centímetros. A tampa sepulcral ou lauda que o cubría desapareceu. O día 11 de outubro de 2022, comunicáronnos que o sartego foi catalogado co código GA2703912.

 
  

PALAS DE REI
Igrexa de Ferreira de Negral: A igrexa de orixe románica (desta época só se conservan os muros laterais), posta baixo o padroado de San Martiño, atópase no lugar de O Mosteiro. O templo cítase nos anos 1138, 1236, 1248 e 1251 como Sancti Martini de Ferraria. Segundo Vázquez Saco pertenceu a un mosteiro, e Nicandro Ares di que eiquí houbo unha granxa ou priorado dependente do mosteiro de Carracedo do Bierzo. Se houbo un mosteiro ou priorado, non quedan restos. Segundo a tradición e a lenda, o cenobio habitáronno os templarios onde tiñan agochado un fabuloso tesouro (no fuste do cruceiro que se levanta nas inmediacións gravaron unha cruz patada; cerca hai tamén unha cruz). A igrexa ten planta rectangular, o mesmo ca ábsida do século XVIII pero máis baixa. O campanario é de cemento. Nun lateral destaca unha portada decorada con diversos motivos e unha inscrición onde se le: “ANNVS AB CARNATIONE DNI Mº Cº LXXVII/I ERA M CCX”.
Mosteiro de Augas Santas: Citado nunha doazón que fixo Afonso III á igrexa de Lugo no ano 897: "In terra de Uliola monasterim S. Gregoriis, quod fundavit Breter abbas una cum Hecca et Sonica, qui fuerat de familia de villa de Goldremir et nostra, quam ei contulerunt priores nostri reges, et nobis relinquerunt cum ecclesiis, villis et familiis". Nun documento do ano 1138 menciónase "In Uliola... monasterio Sancti Gregorii de Aquas Sanctas". No ano 1266 xa se fala da "igreja que he de Sanjurjo de Aguas Sanctas". En 1402 menciónase "Augas Santas, San Jurjo, coto", e no 1425 "couto de San Jurio d´Agoas Santas". A igrexa actual de San Xurxo de Augas Santas, de planta rectangular, está situada a carón do Camiño Francés a Santiago; no interior conserva un retábulo do século XVII-XVIII.
Mosteiro de Devesa: O nome quizais lle veña dun primitivo cenobio citado no ano 1291 como "eclesia de Santiago de Moesteyro de Deuesa", e nun do ano 1296 como "eclesia Sancti Jacobi de Moesteiro". 
Mosteiro: Na parroquia de Ferreira de Negral está o lugar de Mosteiro que sería unha granxa ou priorado filial de Carracedo do Bierzo.  
Mosteiro de San Salvador de Vilar de Donas: Séculos XII-XV. Novo Cazón (1986) di que como Vilar de Donas rexístrase no ano 1194, no 1239 como Villaris Domnarum, Villar de Donas no 1251, e de novo Vilar de Donas no 1267. As "donas" ás que fai referencia parece que foron unhas mulleres dos Arias de Monterroso, familia á que pertencía o Deán Xoán Arias que doou o mosteiro á Orde de Santiago. O apelativo tamén pode facer alusión a que, nun principio, puido ser un cenobio feminino. O templo é de planta de cruz latina, con nave principal e cruceiro rectangular e tres ábsidas, a central máis alta, cun arco de medio punto rebaixado cunha parte cuberta por unha bóveda de canón e outra semicircular con bóveda de cuarto de laranxa. O frontispicio está enmarcado por dúas piastras laterais e cornixa coroada por tres pequenas figuras. Na fachada occidental consérvase parte do pórtico e do claustro exterior. No interior da igrexa poden verse varios sartegos pertencentes a cabaleiros da Orde de Santiago e os frescos góticos que cubren a ábsida central con esceas do Antigo e do Novo Testamento realizados no ano 1434. O día 1 de agosto de 2011, o xornal El Progreso de Lugo achega unha reportaxe, cunha curiosa hipótese, sobre o conxunto monacal. O seu protagonista, don Jesús García, veciño da zona e dovoto do mosteiro dende cativo, di que "eiquí ninguén fai nada e o estado da igrexa é penoso..., os restos do claustro están apontoados dende hai máis de sete anos..., os frescos da cúpula foron desaparecendo ano tras ano...". Ao longo dos anos, don Jesús foi recompilando a historia de Vilar de Donas, "a verdadeira, porque as pedras non menten". Así chegou á conclusión de que a igrexa foi construída polos sanxoanistas irlandeses por riba dun asentamento "celta", xa que logo é do século XI e non do XIII como afirman algúns estudos. Para chegar a esta tese, baséase en que na parte frontal están esculpidos varios símbolos "celtas", como os cornos dun macho cabrío e acios de uvas, e nas columnas hai unha auténtica icona "celta" gravada. Na zona da cabeceira aparece representado varias veces o trevo de tres follas, tan característico dos irlandeses, que reflicte a Santa Trinidade en honra de San Patricio. Non hai moito acometéronse obras de rehabilitación, gabadas polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. 
Mosteiro de Santa María de Carteire: Nunha escritura do ano 956 do conde Osorio Vistrariz e da súa muller Teodili Pepiz faise mención aos mosteiros de Santa María de Carteire e de San Fiz do Hermo. Os donantes, oprimidos polo peso dos seus pecados e aterrorizada a súa conciencia polos crimes que cometeran, desexan reconcilarse con Deus, ofrecendo os bens que posuían naquela comarca. Deste mosteiro non se coñecen restos.

 
 

 




PANTÓN
Convento da Purificación: Dominicos. Fundado a mediados do século XVII. Foi matriz do da mesma orde situado en Monforte (San Domingos da Régoa). O derradeiro vigario, co título de Prior, foi Fr. Xusto de Oviedo que se fixo cargo do de Monforte. O P. Risco di que os principios deste convento débense ao cura e licenciado Alonso Ares quen cedeu a súa casa solariega, chamada dos Ferreira, para que se fundase un convento de Predicadores con doce relixiosos, cuxo título fose de Purificación da Sagrada Virxe María. Esta cesión fíxose no 1569 e no mesmo ano presentouse ao Capítulo Provincial celebrado en San Paulo de Valladolid. As dependenzas pasaron logo a unha familia de labregos.  
Mosteiro do Diviño Salvador (Ferreira de Pantón): Monxas cistercienses, séculos X-XII. Posible orixe altomedieval. Denominado en escrituras antigas como Conventus dominarum de Ferraria. No 1090, o frade Ermorigo dóalle á igrexa de Santa María de Ferreira "que este de monasterio Cellenove" unha tercia dunha herdade "que est in Lemabus". A primeira noticia documental do cenobio data do ano 1108, nunha doazón na que están presentes varias abadesas da bisbarra, entre elas a de Ferreira, dona Ximena. Nos primeiros tempos foi un mosteiro dúplice. Logo dunha fase de decadencia, no que estaría desocupado, a condesa Fronilda (ou Fronille) Fernández de Lemos restaura a vida monacal no ano 1175 integrándoo na orde do Císter baixo a dependencia de Santa María de Meira. A filla de Fronilda, Guiomar, herdou o título de señora do cenobio e en 1196 renovou as disposicións feitas pola súa nai, feito que amosa o poder que tiveron os padroeiros laicos nalgúns mosteiros, confirmando ademais que o goberno do cenobio se herdaba de nais a fillas. No 1491 o mosteiro foi visitado polo abade de Claraval. No ano 1600 é incorporado á Congregación de Castela. Ao conxunto mosteiral, pechado por unha alta muralla, accédese a través dun gran portalón. O mosteiro consta de dúas plantas con muros de cadeirado granítico. No ángulo dereito álzase un torreón de planta cadrada de dous pisos máis. O único claustro está formado por arcos de medio punto sobre capiteis xónicos e bases toscanas que sosteñen unha cornixa saínte sobre a que debía descansar un segundo claustro que non chegou a construírse. Formando parte do edificio está a hospedaría con galería e columnata a xeito de pazo. No lado oposto atópase a "Casa das Donas", edificio utilizado polas damas da nobreza que tomaban os hábitos. A igrexa data da segunda metade do século XII, ten nave rectangular e ábsida con forma semicircular precedida dun tramo recto cuberto con bóveda de canón que acolle os sartegos de Diego e Lope de Lemos; outro tramo curvo, con bóveda de cuarto de esfera, ten tres ventás enmarcadas por arcos de medio punto. 
Mosteiro de Santo Estevo de Atán:  En documentos entre os anos 747 e 1241 menciónase o monasterium e a ecclesia Sancti Stephani vallis Attane, in territorio Lemabus ou in territorio Licinio. Segundo a redacción do testamento grande de Odoario do 15 de maio do 747, di que edificou o mosteiro dende os cimentos, telo poboado coa súa familia e dotado con outras igrexas fundadadas por el mesmo e polos seus familiares. Nun inventario do 871 cítase a un tal Ageredo, familiar do bispo Odoario, como poboador do Val de Atán. O P. Risco publica un diploma real en que Afonso II doa á igrexa de Lugo varias posesións deste mosteiro. O Coelicolae, atribuído a Afonso III, enumera varias posesións da Catedral lucense onde figura Santo Estevo de Atán. López Ferreiro fala dun documento que chama Carta de Fundación del Monasterio de San Esteban de Atán, ayuntamiento de Pantón, partido judicial de Monforte, provincia de Lugo, que é unha doazón do arcediago Damundo ao mosteiro, sinalando os términos do seu couto e que recibira dos reis Aurelio e Afonso. O 13 de decembro de 1164, Fernando II couta en favor da catedral de Lugo e do seu bispo Xoán o mosteiro de Atán cos seus términos. No 1185, o papa Lucio III confirma varias bulas anteriores entre as que enumera a "ecclesiam scti. Stephai de Atam cum cauto et voce Regali". No 1189, Afonso IX confirma varios diplomas de Fernando II, reiterando as concesións entre as que enumera na Terra de Lemos "Enuoadi, cum cauto suo de Atan". Nun documento do ano 1372 figura o "arçidiago don Domando, primeyro fondador que foy del dito couto d´Atan". Consérvase a igrexa construída entre os séculos XII e XIII, con reformas posteriores. Consta dunha nave rectangular con muros de cantaría. A fachada ten tres pares de columnas adosadas, con capiteis decorados, un arco apuntado enmarcado por tres arquivoltas e tímpano liso cunha inscrición. A cornixa está decorada con canzorros e nos muros vense distintos signos. A ábsida, con interesantes pinturas, é rectangular. Entre os canzorros chama a atención un que ata non hai moito críase que representaba a un home bebendo viño dunha cuba, coñecido como "O bebedor de Atán" (tampouco faltan interpretacións de tipo sexual), cando ao parecer representa a un músico tocando un instrumento de vento utilizado durante a Idade Media, representación bastante abundante no románico galego. A torre caeu no século XX e nela reutilizáronse varios elementos prerrománicos. Segundo o historiador Anselmo López Carreira, a mención histórica máis antiga que se coñece da Ribeira Sacra non está relacionada con Amandi, senón con Pantón, tal como figura no documento fundacional do mosteiro de Atán, datado no ano 816, onde se di que o cenobio contaba con viñas e maciñeiras. Nos anos 747, 841, 897, 1164, 1178, 1179, 1185 e 1241 menciónase a "ecclesia Sancti Stephani vallis Attane, in territorio lemabus ou in territorio Licinio".   
Mosteiro de San Miguel de Eiré: Monxas bietas, século XII. No ano 962, Seniberta fai unha doazón "vobis fratis e sororibus qui vita sancta duxerint in locum Sancti Michaelis". A fundación do mosteiro atribúese a Escladia Ordóñez. No 1108 en que era "abbatisa in Agiree Eldonça". Foi dotado por Afonso VII no ano 1129. A mediados do século XV as monxas pasan a San Paio de Antealtares, en Santiago, e o cenobio queda abandonado. A igrexa é típica do románico galego, da segunda metade do s. XII, construída sobre os restos dunha visigótica tal como o testemuñan os restos dunha ventá xeminada con arcos de ferradura. Construída en pedra de cantaría, ten unha planta simple dunha soa nave con ábsida semicircular precedida dun tramo recto. Sobre unha bóveda que abrangue todo o ancho do templo álzase unha torre de dous corpos con ventás xeminadas e simples. A portada da nave ten dúas arquivoltas, a exterior con rosetas e o Agnus Dei no centro, e a interior estriada e decorada con bólas. No interior ten capiteis decorados, pinturas dos séculos XV e XVI e varias esculturas.   
Mosteiro de San Vicente de Pombeiro: Situado ao pé da Pena Pombeira de onde tomou o nome, sobre o río Sil. Non se pode precisar a época da fundación nin dos fundadores. Segundo un informe manuscrito do século XVIII, conservado no arquivo de Samos, o documento máis antigo remóntase ao ano 935, pero xa se supón fundado. Trátase dunha doazón ao abade Sabarico que fan os condes Suario Gutiérrez e a súa muller Guntroda para que os monxes se fagan cargo dos custos do alumado da igrexa, para alimento e vestimenta dos relixiosos e para socorrer aos pobres e peregrinos. Do ano 964 é un diploma da raíña Gotona, muller que fora do rei de Galicia Sancho Ordóñez, en que doa ao mosteiro e ao seu abade Asterigo o couto onde se fundara o cenobio. O territorio acoutado comprendía os términos de Retortoiro, Monte da Moura, Os Peares, Casdemoure, río Miño, Papelle e a vertente de Vilamirón e Piuca. A doazón faise para recibir hóspedes e peregrinos e para o sustento e vestimenta dos monxes. No ano 997, o rei Vermudo II recolle nun diploma a doazón de Sancho Ordóñez e Gotona, e a confirma. Esta confirmación diríxese ao abade Ariano. No século seguinte, Pombeiro convertiríase en Priorado, suxeito á a badía de Cluny. Non consta a data da anexión, pero cando o monxe cluniacense Dalmacio, polo ano 1094, visitaba os mosteiros galegos suxeitos ao francés, xa entre aqueles figuraba o de Pombeiro. No ano 1129, Afonso VII chámao mosteiro cluniacense ao facerlle unha doazón. A última mención de Pombeiro faise no ano 1460, onde, despois de describir o rito de recepción dos visitantes, engádese: "La iglesia está bastante abastecida de ornamentos y libros litúrgicos; su fábrica en buen estado y bien cubierta; el claustro, por el contrario, mal cubierto; no hay refectorio ni dormitorio común, el resto de las cosas del priorato, en buena disposición". Daquela, a comunidade estaba formada por catro monxes. Son numerosas as grafías con que se nomea o mosteiro: Calumbarium, Palumbario, Polumbariis, Polumbario, Polumberiis e Polumberio. Palumbario é o máis frecuente, aparece no diploma de Vermudo II no 997, no testamento de Urraca Fernández, filla do conde de Traba, e tamén no 1209 e 1214. Mais adiante, coa reforma dos Reis Católicos, este mosteiro sepárase do de Cluny, incorporándose á congregación de Valladolid ata que no 1526, por bula de Clemente VII, é anexionado ao de Santo Estevo de Ribas de Sil. A igrexa, construída entre os séculos XII e XIII, formou parte do mosteiro do que só se conservan algúns restos. O número de monxes e cregos que habitaron o mosteiro ao longo dos séculos nunca pasou de doce. O templo é de planta basilical, con tres naves e tres ábsidas semicirculares. A entrada principal, entre dous contrafortes, ten dous pares de columnas que sosteñen, por riba dun tímpano liso, arquivoltas apuntadas. Na parte superior ten seis arcos decorados con cabezas humanas e formas xeométricas a xeito de tornachoivas. A porta norte é semellante á principal, e a sur sitúase baixo un rosetón decorado. Na fachada oeste érguese unha torre de sección semicircular. No interior consérvanse retábulos renacentistas e barrocos e pinturas murais do século XV. A vista sobre o río Sil é magnífica. 
Sartegos do Preguntoiro. Orixes do mosteiro de Pombeiro: Non moi lonxe da igrexa de Pombeiro hai dous sartegos completos escavados na rocha e outro sen rematar. Existe unha pequena escavación que debeu servir para a sepultura dun neno. Estaban debaixo dunha capela posta baixo a advocación de San Xoán Degolado. Nos documentos parroquiais cítase o cemiterio vello. Nunha rocha próxima hai gravada unha inscrición onde se le: "ORA FRATER ASTER (ou ASTERIG) ALFAPE". Nos traballos realizados nesta zona nos meses de setembro e outubro de 2021, baixo a dirección de Xurxo Ayán Vila, saíron á luz tramos de muros, pezas escultóricas, cruces gravadas na rocha, sequeiros e algún pendello. Segundo a tradición, as orixes do cenobio de Pombeiro estivo nunha capela prerrománica ou medieval posta baixo o padroado de San Xoán Degolado.  
Mosteiro de San Fiz de Cangas: Foi mosteiro de monxas bieitas. No primeiro cuarto do século XVI é anexionado a San Paio de Antealtares, en Santiago. En documentos de 1199 (testamento de Urraca Fernández), 1206, 1289 e 1369 figura citado como "Sancto Felice de Cangas". Nun documento de confirmación a favor do mosteiro de San Salvador de Ferreira de Pantón do 26 de xaneiro de 1108 era abadesa "domina Visclavara in Sancti Felicis". A condesa Ximena Sánchez doaba no 1116 aos monxes e monxas que vivían no mosteiro de Ferreira todo o que herdara dos seus pais en terras de Lemos, Sarria e Asma, asinando a escritura Xemena, abadesa de Ferreira, Aldonza, abadesa de Eiré, e Elvira, abadesa de Cangas. Segundo o Breve do papa Alexandre VI, de marao de 1494, á morte da súa abadesa Inés López, pasou a depender de San Paio de Antealtares. Consérvase a igrexa do século XIII, construída sobre outra visigótica. Está formada por unha nave rectangular. A fachada ten unha portada cun arco apuntado e tímpano gravado con enigmáticos símbolos. No interior poden verse retábulos con esculturas dos séculos XVIII e XIX. Unha das ábsidas perdeuse ao remodelarse no século XVII como panteón de Rodrigo López de Quiroga co arcosolio que mostra ao cabaleiro de xeonllos. Salientan os canzorros das ábsidas que mostran unha figura fálica, un can, esferas, un xato, un acio de uvas, un antropomorfo e un cuadrúpede. 
Convento de San Domingos (Pantón): Segunda metade do século XVI. Dominicanos. Situado xunto a parroquial de San Martiño. Acolle unha adega con bóveda de canón de maior tamaño da Ribeira Sacra. Segundo a España Sagrada, a construción custeouna o cura Alonso Ares quen no ano 1659 cedeu a súa casa solariega para poder erixilo.      
Priorado de San Román de Moreda: Citado por Fr. Martín Sarmiento na súa Viaxe a Galicia no ano 1745. Tratábase dun priorado ou granxa dependente do mosteiro de Samos. Nun documento do ano 1175 cítase "in terra de Lemus ecclesiam sancti Romani de Moreda". Dende o ano 1832 exerceu como prior e cura o P. Sebastián Rueda. Na actualidade consérvase un portón de acceso a unha finca con piastras e pináculos. Por riba da porta hai unha fornela con forma de cuncha de vieira en cuxos laterais vese unha lenda de difícil lectura. 
Portabade: É un lugar da parroquia de Ribeiras de Miño. Cítase como "locum ad Portum Abbatis" no ano 842; e no 941, no Tombo de Celanova, lese: "in ripa Minei villam quam inquiunt Abbati". Estariamos, pois, nun Porto do Abade.






 



PARADELA
Mosteiro de Santa María de Mosteirovello (Castro de Rei de Lemos): O topónimo fai alusión ao mosteiro que os beneditinos levantaron no lugar no século X, vencellado ao de Carracedo (O Bierzo). No século XII trasládase á beira do río Loio, constituíndose en abadía do Císter, doado por Afonso VII no 1144, xuntamente co couto de Santa Marta de Ribas de Miño. No 1247 o papa Inocencio IV delegaba ao deán de Astorga para xulgar o preito sobre a obediencia que Mosteirovello, que era bieito, debía a Carracedo do Bierzo, sentenza que foi favorable a este último, co dereito de nomeamento e cese do abade. Sendo abade frei Xoán de Ayán, no ano 1473, refuxiado no mosteiro de Monforte (di que "non se atreve a vivir no seu mosteiro por medo corporal dos seus inimigos, que foi desterrado por xuíz apostólico, que lle teñen tiranicamente usurpados os bens do mosteiro, que non pode vivir nin manterse nel monxe ningún"), suscribe un foro "frei Pedro da Somoça, prior do mosteiro de San Facundo". No 1474 converteuse  en priorado cisterciense dependente do mosteiro de Montederramo ata a exclaustración de Mendizábal. Da primitiva igrexa só se conserva a ábsida románica e parte dos muros (séculos XII-XIII) que se construiría sobre outra máis antiga tal como o revela o capitel prerrománico que se conserva no interior. O resto do edificio é do século XVIII. No interior pódense ver pinturas do século XV. No ano 1697 documéntase un foro outorgado por frei Sebastián Caballero, prior do mosteiro.  
Mosteiro de Santa María de Loio, Santa María de Ribalogio ou de Argentario (Cortes): Do antigo mosteiro de orixe eremítica fundado no século VIII, vencellado ao Camiño a Santiago, só se conserva a capela románica do século X, construída sobre outra máis antiga. A capela foi restaurada polo monxe Quintila no s. XI. No século seguinte acométense importantes reformas. Consta dunha nave á que se accede por unha porta con arco de ferradura. A espadana, dun oco, remata nun pináculo. No interior, retábulo do século XIII presidido por Santiago vestido de peregrino. Dise que eiquí naceu a orde dos Cabaleiros Cambiadores (tamén coñecidos como os Templarios galegos) que deu orixe aos Cabaleiros de Santiago, feito que nega F. J. Pérez Rodríguez (2008). Tamén se di que foi casa nai da Orde de Santiago da Espada, fundada no 1170 en Estremadura por Fernando II co nome de freyles de Cáceres, sumando a ela os coengos regulares de Loio (dise que as desavinzas e corrupción desta orde de cabalería ocasionou que se dividiran en dous bandos; algúns membros foron enviados a Loio). Un dubidoso documento do mosteiro de Celanova do día 23 de decembro do 927 di que se restaura a vida monástica. Si se sabe que no 1102 a raíña dona Urraca fai doazóns á igrexa da Lama dicindo que lle pertencía porque fora de dous mosteiros seus: o de Santa María de Portomarín e o de Santa María de Loio. No 1175 encabeza como monasterium os bens e dereitos da orde de Santiago na confirmación dun privilexio pontifício, e noutras de anos posteriores. No 1230 aparece un comendador á súa fronte. No 1254 os cabaleiros entregábanno á Igrexa de Santiago de Compostela, pasando a formar parte da sé xacobea onde permanecerá o resto da Idade Media. Nunha crónica da orde redactada no século XV cóntase o protagonismo que no nacemento dela tivo Sant Loyo, casa agostiña que se ten identificado con Santa María de Loio cando, en realidade, ese priorado situaríase na cidade de León, tratándose do de San Clodio. En Loio houbo hospital e hospedaxe para peregrinos.
Mosteiro de San Facundo de Ribas de Miño: Conxectúrase que foi fundado no ano 1120 para acoller aos peregrinos a Santiago de Compostela. Amor Meilán, na súa Geografía de la provincia de Lugo, di que eran as ruínas dunha igrexa de templarios. O P. Yepes alude a un mosteiro de San Fagundo e San Primitivo dependente do de Samos. Nun documento do mosteiro de Ferreira de Pallares do ano 1233 recolle que tiña bens "in monasterio sancti facundi de ripa minei". Di Ares Vázquez que a historia deste cenobio non se comprende sen a súa estreita vinculación ao de Santa María de Castro de Rei de Lemos, o cal foi doado á orde do Císter por Afonso VII o ano 1144, xuntamente co couto de Santa Marta de Ribas de Miño (Santa Marta é hoxe unha aldea de San Fagundo). Sendo abade de Castro de Rei frei Xoán de Ayán no ano 1473, suscribe un foro "frei Pedro da Somoça, prior do mosteiro de San Facundo". Pero no ano 1481 aparecen estes cargos invertidos, xa que "frey Pedro de Somoça, abade do moesteiro de Santa María de Castro de Rey" fai un foro ante notario "frey Xoán de Ayán, prior de San Facundo de Riba de Minno por la gracia de Deus e da Santa Iglesia de Roma" Na segunda metade do século XVI, cando a reforma monástica, San Facundo foi incorporado ao Colexio de San Bernardo de Alcalá de Henares, pero antes fora priorado agregado a Montederramo, segundo documentos extractados por Duro Peña dos fondos de Montederramo que se custodian no Arquivo Histórico Provincial de Ourense e publicados en Archivos Leoneses no 1972. Xa no ano 1753, cando se confeccionou o Catastro de Ensenada, di que é de señorío do Real Mosteiro de Montederramo. Dise que o cenobio acollía aos peregrinos que non podían abonar o pontádego para cruzar a ponte de Portomarín. No Arquivo Histórico Nacional gárdase un pergameo deste cenobio do ano 1258. A igrexa é produto de catro etapas construtivas, con dous momentos de ruína interpostos; a súa construción foi promovida polo mosteiro de Ferreira de Pallares. A maior reforma produciuse no século XVIII que supuxo importantes transformación, tanto na planta como no alzado. No interior conserva pinturas murais do século XV.
Priorado de Santa María de Mirallos: Foi priorado da Encomenda de Portomarín. A carón do Camiño Francés, tiña hospital para acoller aos peregrinos. A igrexa, de orixe románica, pasou a ser parroquia no século XVIII; foi trasladada, pedra a pedra, dende Ferreiros no ano 1790. Diante da porta principal hai unha pía con diferentes símbolos. Na Eirexe, preto de Ferreiros, levantouse unha igrexa mosteiral ata o século XVIII. Na actualidade, o lugar está ocupado por unha capela adicada a San Vitoiro, así como pola reitoral e outras edificacións. A capela foi restaurada a finais do século pasado. Durante as obras levantáronse dous sartegos que na actualidade se atopan nas inmediacións; están exentos, son de granito e miden uns dous metros de longo.
No actual concello de Paradela documéntanse, ademais, os pequenos mosteiros de San Pedro de Barán, Santa Cruz de Loio (San Salvador de Cortes), Sismonde (Santiago da Laxe), San Xoán de Loio, Santa María de Castro de Rei de Lemos que primeiro foi bieito e despois do Císter dependente de Montederramo (consérvase a igrexa románica que padeceu un incendio no ano 1932).

 

   
 

 



O PÁRAMO
Igrexa mosteiral de San Xoán de Friolfe: Segundo un documento de restauración da igrexa de San Xoán de Friolfe, datado no ano 910 (villa Froliulfe), existiu un mosteiro posto baixo o padroado de San Salvador. Malia o anterior, a cita do ano 910 está tomada de Galicia Histórica, Colección diplomática (1901), de Antonio López Ferreiro, localización que Ares Vázquez cre errada e que posteriormente foi aceptada por A. del Castillo, Villa-Amil y Castro, Amor Meilán e Vázquez Saco, ubicación que o sempre documentadísimo don Nicandro rexeita, ubicando o cenobio, en todo caso, en San Xoán de Parada, no concello de Outeiro de Rei, de carácter, posiblemente, dúplice. Na ampla documentación que cita, figuran varios abades, presbíteros, diáconos e outras testemuñas, entre elas varias mulleres que ben puideron ser monxas do referido mosteiro. A orixe do templo data da segunda metade do século XII. Construída con muros de cadeirado de granito, presenta unha porta con arco de medio punto, dúas arquivoltas decoradas con perlas e inscritas en axedrezado, tímpano bilobulado adornado cunha cruz bizantina central e dúas cruces laterais. O pórtico ten cinco columnas que enmarca a outra porta con tímpano cunha cruz de Malta inscrita nun cadrado. A espadana é barroca, coroada por pináculos.
Vilarmosteiro: Vilarmosteiro é unha parroquia do concello do Páramo. No ano 1229 cítase como Vilar Mosteiro: "Conoszuda cousa sea a todos aqueles que esta carta viren, como fosse contenda entre don Pedro Perez, comendador de Portumarin, por nome du espital da una parte, et Vivian Froiaz, prelado et padron da eigregia de Sancta Eufemia de Vilar Mosteiro". Citado como Villar-moesteyro en 1275 e 1290; Villar de Monasterio en 1273; e Vilar-moesteiro en 1252 e seguintes. Mais nada se coñece sobre este cenobio, só se sabe que en 1195 Rodrigo Núñez ofrece a Samos "portionem meam, quam habeo in monasterio de Saa de Paramo". En Vilarmosteiro está a igrexa parroquial de orixe románica, se ben apenas conserva restos da primitiva fábrica.
 



 

A PASTORIZA
Igrexa de Bretoña: Templo disque situado sobre un antigo castro (nas proximidades atopouse un pendente de ouro, ao parecer prerromano) e sobre os alicerces dunha primitiva basílica monacal de orixe suevo-visigótica, sé da diócese de Britonia fundada polos bretóns que chegaron ás costas de Lugo no século V, dirixidos polo bispo Mailoc. A igrexa actual ten planta rectangular con tres naves, presbiterio e sancristía. Sobre a porta lese a data de 1733, e tamén aparece esculpida a cabeza dun anxo con sombreiro de peregrino. Na parede leste do templo hai unha lápida coa inscrición da consagración da antiga igrexa en honra de Santa María da Paz, construída sendo bispo Pelaxio, que di: "ERA C... IQ V K(a) L(enda) S: MAI(a)S P(e)LAGI(u)S P(resbi)T IN ONOREM S(an)C(t)E MARIE MATRE PACES". Deiquí xurde a diócese actual de Mondoñedo-Ferrol. Realizáronse escavacións a principios dos anos setenta do pasado século, saíndo á luz gran número de tumbas paleocristiáns e cimentos da basílica episcopal. Agás a torre-campanario, os muros están encementados e pintados de branco. O P. Flórez cita unha escritura do ano 830 onde di que Britonia foi invadida e destruída polos árabes. Segundo Amor Meilán, baseándose nunha testemuña de Pomponio Mela, insinúa que nos primeiros séculos da era cristiá existía unha confederación de pobos ártabros con capital en Britonia que abranguía ata a actual comarca do Ortegal. Dentro do que foi o emprazamento da antiga Britonia, segundo as Memorias que compuxo un coengo da Catedral de Mondoñedo, utilizadas polo P. Flórez no tomo 18 da súa España Sagrada, aínda se coñecían no 1763 vestixios dunha gran fortaleza con foxo e contrafoxo. O P. García Villada, na súa Historia Eclesiástica de España, di que un dos bispos de Britonia foi priscilianista. López Ferreiro escribiu que de Britonia era o monxe galego Requiario, que a fins do século IV ou principios do V escribiu o opúsculo De Fide (por moito tempo tívose a Requiario como de orixe inglesa). Como figura máis arriba, o primeiro bispo do que se ten noticia é Mailoc, que concorre ao II Concilio Bracarense no 572, e antes asistira ao primeiro co nome latinizado de Maliosus no 561 (algún autor di que Maliosus e Mailoc eran persoas distintas). Seguiulle na sé Ermerico que suscribe co título de Laniobrense no III Concilio de Toledo. No IV Concilio de Toledo do ano 633, toma parte e asina como Britoniense Metropio. No oitavo celebrado na mesma cidade, asiste o presbítero Materico, a nome do Bispo Britoniense no 653. O P. Flórez dá por desbotada a hipótese de que non existiu ningunha sé titulada Laniobria, como distinta da de Britonia. Pierre David, na súa obra Etudes historiques sur la Galice et le Portugal (1947), seguindo a Louis Duchesne, en L´eglise au VI siecle, fala deste bispado de xeito distinto que o P. Flórez, di que ao seren invadidas as Illas Británicas polos anglosaxóns no século V, houbo unha importante migración de bretóns da Armórica cara as Galias e a costa de Galicia xa que eiquí había xente da mesma raza que deran varias cohortes de britóns galegos ás lexións romanas, como recolle Amor Meilán na súa Historia de la provincia de Lugo. Eran cristiáns ben organizados, cos seus bispos, abades e sacerdotes. Escribe o alcipreste de Catedral de Mondoñedo, Francisco Reigosa (1950), que foi a partires deiquí cando se multiplicaron as igrexas, escasas ata o daquelas, non existindo tampouco ningún bispado.

 


PEDRAFITA 
Todo sobre os mosteiros da comarca dos Ancares no blog do Colectivo Patrimonio dos Ancares: 
http://arqueoloxiadosancares.blogspot.com/2011/01/patrimonio-relixioso-da-comarca-dos.html 

A POBRA DO BROLLÓN 
Mosteiro de San Salvador de Ferreiros: O carácter mosteiral da igrexa de San Salvador déixase entrever nun documento datado no ano 1001, onde dá notitia dun preito presentado "in Boveta, in valle de Lemabus por Rodrigo Romariz e Ximena Ximénez" sobre a posesión do "monasterio Sancti Salvatoris de Ferrierasci". Noutro documento lucense (Era 1249), que se conserva no Arquivo da Catedral de Lugo, Gelvira Fernandi doa unha parte do seu jure hereditario "monasterii de Ferrarius" á Orde do Hospital de San Xoán. No 1249 o soldado Martinus Petri, alcumado Mosero, ofrece á igrexa de Lugo o seu dereito de padroado "in monasterio Sancti Salvatoris de Ferreiros" en satisfacción do sacrilexio que cometera violando a igrexa de Lóuzara. Xunto a igrexa érguese un edificio totalmente arruinado, nun de cuxos muros hai unha inscrición coa data de 1788. Malia o anterior, J. Freire Camaniel (1998) pon en dúbida a existencia deste cenobio. 
Priorado de San Martiño de Piñeira: A única testemuña sobre a existencia deste mosteiro aparece nunha dubidosa doazón de Afonso VII ao presbítero Paio Vermúdez e aos seus fratibus no 1124 ou 1154 a petición de Fernando Pérez de Traba e que o rei lles cedía os coutos de Piñeira, O Eivedo e Trasmonte. 
Os Conventos (Vilachá de Salvadur): No lugar dos Conventos poderían estar as orixes históricas da Ribeira Sacra e dos seus coñecidos viños. Iso é o que cre un equipo que dirixe o arqueólogo Xurxo Ayán que no mes de abril de 2019 comezou a escavar no que cre un dos vestixios dun mosteiro medieval desaparecido. O lugar, coñecido como Ribeira dos Frades, preto da canle do Sil, ten moita tradición oral. No xacemento atoparon unha serie de cubículos pechados por muros de ata dous metros de altura cuxa finalidade, polo de agora, descoñécese. De todos os xeitos suponse que puideron ter diversos usos ao longo da historia. Os examens superficiais suxiren a existencia dun edificio de grandes dimensións que posteirormente foi reaproveitado para construír terrazas vitícolas e outras edificacións. Un dos indicios é unha pedra de pesa de lagar. Durante a campaña arqueolóxica do ano 2020 atopouse unha laxe de gneis (ollo de sapo) con restos dunha inscrición que despois de analizada pode que se trate dun epitafio sepulcral datado entre os séculos IX e X e cuxa proposta de lectura, segundo Álvaro Lorenzo Fernández (2022), sería: "[(Crux)? Hi]c requi(escit) fa/[mul]us D(e)i Sagib[---]/US", (Cruz?) Eiquí descansa o servo de Deus Sagib[---] US"). Depositada no Museo do Castro de Viladonga.     
Adegas de Vilachá: En Vilachá consérvase un conxunto etnográfico formado por 42 adegas familiares con orixe no século XII que foran doadas polo rei Afonso VII e que no século XIII pasou a depender do mosteiro de Montederramo que potenciou a viticultura e a construción das adegas. En 1124, o rei Afonso VII concede ao presbítero Pelagio Vermudi algúns lugares ata o termo onde o río Lor entra no Sil (Trasmonte, Loibán, O Eivedo, Piñeira, Vilachá...): "Couto etiam loca suprascripta Pigneira, Olivetam, Trasnmontem quomodo dividuntur cum Villaplana et cun Ambas Mestas per rivulum Ferruginentum, per aquam de Sile quomodo dividit cum Agares et inde ubi incoavit cum Villaplana". Tras a desamortización do ministro Mendizábal, as pedras do priorado foron reutilizadas noutras construcións.    
Granxa de Vales (Veiga): En Vales tiveron unha granxa os monxes de Oseira, nela recollían as rendas de Canedo, Piño, etc. No 1218 Petrus Fernandi e a súa muller Terasia Fernandi, por un préstamo que os freires lles fixeran "in necessitate maxima", doan a Oseira a súa herdade "in Veiga et in Vales et in Caneda et in Rocas et in monte qui dicitur Pena Redonda". No 1220, Rodericus Petri vende ao abade de Oseira a metade dun casal "in villa que dicitur Vallis". No 1245 consta a doazón dunha herdade "in villa que vocatur Laurente" da cal foi "frater Iohannes de Valle receptor". En 1373 fálase da "grania de Valles", e "granja de Vales" no 1397.    
Santiorxo (Liñares): Na España Sagrada dos PP. Flórez e Risco cítase un documento do ano 1254 que alude a unha igrexa (quizais mosteiral) pertencente aos templarios.

  


 
POL 
Arcos de Frades: Nicanor Rielo, no Inventario Artístico de Lugo e Provincia, di que "antes de la desamortización dependía del monasterio de Meira en calidad de granja". De aí que leve o apelativo de Frades. 
Mosteiro de Santa María de Valonga: Este mosteiro, absorbido polo de Meira, é citado unicamente nunha doazón feita polo rei Ordoño á sé de Oviedo o 20 de abril do ano 857: "In Galletia monasterium Sancte Marie de Valle Longa", documento publicado por Floriano Cumbreño na súa Diplomática española del período astur (1949), mais crese que é unha falsificación diplomática que, de todos xeitos, non invalida a existencia de tal cenobio no século XII, cando se fixo esta escritura. No ano 900, Afonso III confirma a esta igrexa varias posesións en Galicia. No ano 969, o conde Osorio Gutiérrez, fundador do mosteiro de Lourenzá, doa a este cenobio todo canto tiña "in Balunga quantumcunque habeo", ou sexa, todo o que ten en Valonga. A súa xirisdición foi discutida entre os bispos de Lugo e Oviedo, pois o papa Uxío III, en marzo de 1145, manda ao clero e fieis de Valonga, entre outros, que obedezan ao bispo de Lugo e non ao de Oviedo. Na actualidade só se conserva a igrexa de orixe románica do século XIII. Un veciño contoume que a tradición sitúa no lugar unha desaparecida capela, e cando anchearon a pista que dá á igrexa saíron á luz varias tumbas feitas con laxes. 
San Salvador de Mosteiro: Parroquia do concello de Pol. Se houbo un mosteiro, quizais dependente do de Meira, descoñécese de que tipo.
 
 

PORTOMARÍN
Mosteiro de Santa Mariña (Santa Mariña-San Nicolás de Portomarín): Feminino. Eiquí estaba no 922, segundo un dubidoso documento, a Eclesia vocabulo Sancte Marine ripa Minee, que lle fora doada polo bispo lucense Recaredo aos condes Gutierre e Ilduara, pai e nai de San Rosendo, para que rematasen de facer un mosteiro que tiñan comezado, e continuaba no ano 927: "Iuxta baselicam Sancte Marine in locum Porto Marini". Consérvase unha capela. Eiquí achego unha lenda, extraída de galiciadixital, contada por Mero quen a recolleu de D. Xesús Mato e Mato. Cóntase que non moi lonxe, río Miño arriba, había unha peneda que sobresaía da auga, e nunca desaparecía da vista dos que por alí andaban, aínda que houbera secas ou enchentas. María, San Xosé e o Neno estiveron en Galicia cando fuxiran de Herodes. Ao chegaren a aquel sitio de Portomarín, á beira do Miño, quixeron cruzar. As augas, ao pasar entre os penedos, facían moito ruído, e corrían a moita velocidade. A Virxe, que non quería que espertaran ao Neno, dixo: "Río Miño, río Miño, pasa quedo e caladiño, non espertes ao neniño que xa o levo caladiño". E o río voltouse calmo, pousado e silencioso naquel tramo. Cóntase que atravesaron o río sen problema, e o Neno non espertou. Na peneda aínda está a pegada do burro cando, para facer pé, pousou alí unha pata. Hoxe todo está cuberto polo encoro de Belesar.
Convento-hospital da Madalena (As Vendas de Narón-San Mamede do Río):  Na aldea levántase a capela da Madalena, erixida no século XIX, en cuxo interior conserva un retablo barroco cunhas rústicas tallas do Salvador e de Santa María Madalena. Aseguráronnos que a cruz que coroa a pequena espadana e outra gravada no lateral sur da ermida son dos monxes guerreiros do Temple, se ben nós só vimos cruces latinas. Cóntase que a ermida e moitas casas do pobo construíronse coas pedras dun convento-hospital edificado no século XII ou XIII para acoller aos peregrinos situado a pouco máis de 600 metros, na Pena Godón ou Pena do Convento (tamén Monte da Señorita), próxima á Fonte da Madalena, xa na parroquia de Ligonde, en Monterroso. Foi erixido por iniciativa de Pedro Eanes que parece que actuou en nome dos templarios de San Fiz do Hermo. No ano 1241 os monxes guerreiros preitearon cos de Ferreira de Pallares por esta herdade. No inventario de bens do cenobio de Ferreira, datado no 1287, figura "in Pena Godom herdamento de don Vasco Fernandez...". No 1587, a raíz da reforma das ordes relixiosas promovida polos Reis Católicos, o despois priorado de Ferreira, e polo tanto o hospital de Pena Godón, pasan aos bieitos de Samos.

 

RIBADEO
Convento de Santa Clara: Orixe no século XIII, clarisas, consérvase a igrexa do século XV e un claustro do XVIII. 
Convento de San Francisco: Fundado, dise que por un compañeiro de San Francisco do que se descoñece o nome, se ben puidera ser Renincasa, fundador do da Coruña, ou Pedro Compater, do de Oviedo. Construísue en terreos doados polo bispo de Mondoñedo, Nuño Pérez que ocupou o cargo entre o 1261 e o 1286.  O primeiro gardían documentado é Pedro de Chavín no 1326 e o derradeiro Benito Estévez (1832-1835). No 1873, os franciscáns ceden aos irmáns da Orde Terceira "sitio en el que se erixan y labren una capilla para los exercicios y de su ynstituto y solegnidadeses de su devoción" na horta que o convento tiña preto do Campo. Alí se conservou ata o ano 1926 en que foi destruída; a actual consérvase na rúa do Doutor Moureda. Santa María do Campo era a antiga igrexa do convento de San Francisco. Deiquí procede un báculo de limoges do século XIII que na actualidade atópase no Museo Nacional d´Art de Catalunya. Foi atopado na tumba do bispo do Mondoñedo Pelaio de Cebeira; arredor do 1855 foi despositado na catedral de Mondoñedo. Entrou no museo no ano 1932.  
Mosteiro de Santa Baia de Ermolfi (Santalla da Devesa): No Catálogo de documentos medievales, escritos en pergamino, del Archivo de la Catedral de Mondoñedo (871-1492), confeccionado polo coengo e arquiveiro da catedral Enrique Cal Pardo, faise alusión a un documento do ano 973 que fai referencia á fundación do mosteiro en Sta. Eulalia de Ermolfi que se debe identificar con Santalla da Devesa, onde a conversa Iquilo lle concede ao bispo Armentario varios lugares daquela bisbarra. Na catedral de Mondoñedo consérvase un pergameo do ano 1002 que fai referencia a este mosteiro. 
Mosteiro de San Martiño de Esperantón: Coñecido como de Sperautani ou Sperautano. No Boletín da Comisión de Monumentos Históricos e Artísticos de Lugo (1978), Pedro Reigosa Pedrosa di que a fundación deste mosteiro data do século VIII, en virtude dunha concesión do sitio e término do seu emprazamento, feita polo rei Silo no ano 775 aos seus fundadores Pedro, presbítero, Alante, converso, Labino, converso, Avito, presbítero, e Laurentino, presbítero. Estes monxes, segundo consta na escritura orixinal que se conserva no arquivo da Catedral de León, acudiron ao rei Silo, e bicándolle os pés suplicáronlle lles dese un lugar de oración no Cellario que pertencía ao rei, entre os ríos Eo e Masma e os regueiros Alasancia e Mera. Silo fíxolles esta concesión por medio do abade Sperautano ou Sperauta (de aí o nome do cenobio), e acoutou na concesión os términos de terreo adxudicado, un dos cales era o monte que está por riba de Trabada, outro o chamado Pelagum nigrum (Pozo Mouro), e os sinalados ríos e regueiros. Un documento do ano 1214, pertencente á colección diplomática do mosteiro de Meira, sitúa a herdade de San Martiño de Esperantón na ourela do río Eo, nas proximidades de Ribadeo. Villa-Amil y Castro, na súa Crónica de la provincia de Lugo, supón que estivo na actual parroquia de Celeiro, inmediata ao río Masma e ao Pozo Mouro, do concello de Barreiros. Amor Meilán pregunta se non sería construído nun dos lugares de San Cosme de Barreiros e San Miguel de Reinante, que se chaman aínda hoxe co nome de Áspera. Outros colocan o emprazamento do mosteiro en Cabarcos ou en San Martiño Pequeno, que é da Fórnea. Mesmo non falta quen o leva para a vila de Trabada, porque alí houbo un mosteiro de Santa María ata a exclaustración do 1836, hipótese imposible xa que os cenobios de Trabada e Sperautano coexistiron no mesmo tempo e ambos foron doados ao mosteiro de Lourenzá. 
Colexiata de Santa María de Ribadeo: A vila de Ribadeo convértese en sé do bispado de Mondoñedo a finais do século XII, se ben bispo e cabido deciden volver a Vilamaior poucos anos despois. As razóns de facer de Santa María dunha congregación de cregos non ten relación co seu breve pasado catedralicio, senón co desenvolvemento demográfico de Ribadeo, pois no 1270 o seu Concello queixábase á sé de que non provía á "yglesia de Ribadeu de servidores asi como deuiamos". Nese ano constitúense os alicerces do que séculos despois sería a colexiata posto que dende Mondoñedo instálanse en Santa María un grupo de racioneiros presididos por un coengo da catedral mindoniense (F. Javier Pérez Rodríguez, 2008). A colexiata foi derruída a finais do século XVIII.

 


RIBAS DE SIL
Mosteiro de San Clodio: A primeira escritura de San Clodio data do ano 1151, cando o rei Afonso VII doaba o mosteiro a Vasco Pérez e á súa nai, Elvira Núñez. Amor Meilán escribe que o tal Vasco Pérez e a súa nai doaron o mosteiro a Raimundo, prior dos Sanxoanistas no ano 1154, escritura que segundo o P. Gándara se conservaba no Arquivo da Igrexa de Astorga, concluíndo que Vasco Pérez casou con dona Urraca de Temes, sendo sepultado na igrexa de Torbeo. No 1286 foi confirmado por Sancho IV, e máis adiante por Afonso XI e Enrique III. Que a súa comuniade son cregos e non monxes constátase en 1203, e no século XIV debía estar desprovisto dela quedando só o abade. Cando a desamortización de Mendizábal o mosteiro foi vendido en grandes blocos a Manuel Batanero. Con anterioridade xa fora arrasado polas tropas napoleónicas. Do cenobio só se manteñen en pé o portalón renacentista (restaurado no ano 1604 por Afonso de Solís), a igrexa de orixe románica do s. XII da que se conserva a ábsida semicircular realizada en cadeirado de pedra ennegrecida, a porta norte de medio punto e a torre. Cóntase que o motivo do asalto do exército francés foi debido á morte dun capitán por parte dun guerrilleiro galego; como vinganza, os franceses queimaron e destruíron a aldea de Peites, a igrexa e o cenobio. Tamén se di que nas súas celas, a Inquisición aplicaba aos reos a tortura da goteira.
Mosteiro de Santa María de Torbeo: Bieitos. A primeira noticia deste mosteiro data do ano 1241, cando o abbas Johannes Petri de Torveno é testemuña dunha venda a Montederramo. No século XIII a súa comunidade está formada por cregos. Consérvanse varios foros dos séculos XIV, XV e XVI. No 1328 o seu abade, Pedro Leal, preside unha congregación de seis racioneiros. As ruínas da fábrica foron destruídas en torno ao ano 1990 para construír o cemiterio. A igrexa, de orixe románica do século XII, foi destruída por un incendio no ano 1936, só quedaron en pé os muros, desaparecendo o mobiliario litúrxico e as pinturas murais. No interior consérvase parte dunha epígrafe gótica. A pía bautismal atgópase sobre un capitel invertido de cando se restaurou o templo, é de finais do XII ou principios do XIII. A nave é de planta rectangular con ábsida de tramo recto con testeiro redondo. Acaroadas á nave érguense dúas capelas con bóveda de canón engadidas no século XVIII. A porta principal presenta tres arquivoltas, e no cimaforte ábrese un óculo con tres círculos concéntricos ornamentado con touros, escocias e billetes. Amor Meilán, na Geografía del Reino de Galicia. Provincia de Lugo, atribúelle ao P. Sarmiento a suposición de que "Torbeo era uno de los pueblos Turodoros citados por Ptolomeo y aun presume que en Torbeo o Turbeo estará oculto el nombre Turodoro".



 

RIBEIRA DE PIQUÍN
Igrexa-priorado dos Vaos: A igrexa dos Vaos está situada na aldea do mesmo nome, nun encaixado val sobre un esporón de forma circular arrodeado, agás polo NO, polo río Rodil, tributario do Eo, sobre o que se cre foi un primitivo castro. O templo pertenceu á Orde de San Xoán de Malta, con centro en Portomarín que administrou a parroquia ata o ano 1876. Nun dos libros de Fábrica da igrexa, do ano 1652, menciónase a relación mediante a fórmula "jurisdicción hespiritual de la encomienda de Portomarín". No muro exterior sur do edificio consérvase un reloxo de sol realizado en lousa en cuxa parte inferior lese: "SIENDO PRIOR DON FRAN.co BR.do PASARIN Y QVINDOS A.o DE 1742", que pode se indicativo da condición de priorado da citada orde militar. Malia o anterior, no Catastro de Ensenada do ano 1753 alúdese a este cura como párroco dos Vaos e non como prior. O elemento máis chamativo e enigmático do templo atópase na parede oeste do pórtico, fronte á fachada da igrexa, onde se abre unha ventá cunha cruz latina gravada en baixorrelevo na parte superior, e por riba, empotradas na parede, expóñense cinco caveiras humanas que configuran unha posición vertical, a máis de 2,50 metros do chan, que lembra un triángulo. Ningún dos cinco cranios conserva a maxila inferior. As cinco caveiras miran cara a fachada da igrexa, "como se duns asistentes máis ás cerimonias relixiosas se tratase". En ningún momento reciben a luz directa, aumentando así a súa lúgubre apariencia. Nada se sabe do que poden representar. Non moi lonxe hai outras dúas igrexas con semellante simboloxía: a de Santa Comba de Órrea (Riotorto) e a de Santa María de Conforto (A Pontenova), cadansúa cunha caveira empotrada nun muro e sen a maxila inferior. O templo é de amplas proporcións, atópase revogado en cal, con tres naves cubertas en lousa e madeira no interior. Dentro salienta un gran retábulo maior neoclásico, así como a imaxe policromada do Santo André, do século XV, nun retábulo lateral.

 
 

RIOTORTO
Mosteiro de Santa Comba de Órrea: Non se conservan restos. Situado preto da igrexa actual, pertenceu a unhas monxas bieitas, coñecido tamén como Mosteiro de Donas. No ano 1199 dona Urraca Fernández de Traba fai unha manda no seu testamento a un Orreum que se debe identificar, segundo Pérez Rodríguez (2008) con Santa Comba e non con Santo André de Órrea, en Agolada. No ano 1209, Afonso IX exime ao cenobio de todos os pagamentos debidos ao rei agás moeda foreira. Enrique Cal Pardo fala da súa escaseza documental durante os séculos XIII e XIV. No século XV conta cunha visita feita dende a catedral de Mondoñedo que mostra a situación do cenobio no 1407, onde se sinala que en Santa Comba vivían oito monxas ("cinco biudas e tres leygas"). Menciónase nun aforamento do ano 1431: "Rodrigo Afonso, notario público do dito mosteiro de Santa Coonba...". A derradeira noticia sobre este convento é do ano 1436. No 1454 xa estaba en poder do cabido de Mondoñedo. Na igrexa consérvase un capitel do século XII utiliado como pía de auga bendita, que se cre pertenceu ao primitivo cenobio, sobre o que hai unha caveira humana empotrada na parede.

  
SAMOS
Mosteiro de San Xián de Samos: Bieitos. Presenta estruturas románicas, góticas, renacentistas e barrocas. Segundo unha inscrición visigótica, a igrexa foi restaurada no ano 650 polo bispo de Lugo Ermenfredo, o que podería reflexar a existencia doutra anterior do século VI. No século XII incorporouse á disciplina de Cluny. No ano 1152, Xoán I, abade de Samos entre o 1145 e o 1152, é nomeado bispo de Lugo, onde estivo ata o ano 1181. Logo da exclaustración, foi ocupado novamente no 1891 ata a actualidade. Consta de tres naves separadas por grandes piares e dous claustros unidos entre si arredor dos cales se organizan o resto das estancias: o claustro grande, en estilo de transición do renacemento ao barroco, onde se ergue a estatua do Padre Feixóo, e o das Nereidas, chamado así pola súa fonte barroca, construído entre os anos 1562 e 1582 que conserva unha porta románica. A igrexa, barroca do século XVIII, é de planta de cruz latina con tres naves. Na unión dos brazos ergueuse unha cúpula gallonada con casetóns sobre un tambor, todo sustentado por catro arcos de medio punto. A fachada, á que se accede por unha escalinata inspirada na do Obradoiro compostelán, dá impresión de obra inacabada pola ausencia de frontón. No interior consérvanse retábulos de Francisco de Moure e de Xosé Ferreiro. A mediados do século XVIII era a principal empresa siderúrxica de Galicia. Das 25 ferrarías que había, 6 pertencían á orde bieita (o resto estaba en mans de nobres e fidalgos). No ano 1834, pouco antes da Exclaustración, a venda de ferro proporcionáballe máis ingresos ca rendas polo centeo. Dúas das ferrarías dos monxes estaban nas freguesías de Guldriz e Santalla (Samos), dúas en Quiroga, unha en Guntín de Pallares e outra en Vilamartín de Valdeorras. Alumnos da Universidade de Santiago catalogaron máis de 200 pergameos dentro dun convenio da USC coa comunidade bieita para inventariar os documentoss existentes na Biblioteca; o proxecto, do ano 2010, tivo unha duración de catro anos prorrogables. Na Biblioteca hai once incunables que datan de finais do século XV ou principios do XVI, entre eles salienta o Tusculanae Disputationes, de Cicerón, realizado en Venecia no ano 1491. Calcúlase que acolle arredor de 75.000 libros. A Desamortización de Mendizábal supuxo a venda de parte da Biblioteca cuxos documentos se vendían en sacos a un real o pergameo, utilizado para lume das casas. O primeiro en comezar o inventario dos fondos foi o P. Maximino, falecido no ano 1992. Este monxe tamén se encargou de levar a Samos microfilmados e fotocopiados documentos relacionados co mosteiro. Nas inmediacións érguese a Capela do Salvador, máis coñecida como Capela do Ciprés (debe este nome á árbore que hai ao seu carón). Segundo a historiadora Carolina Casal Chico data de principios do século X. Entre os anos 1996 e 1997, cando unhas obras de restauración, descubríronse unhas pinturas murais que estaban tapadas. Segungo Casal Chico, para elaboralas utilizouse unha técnica culta, a mesma que no templo de Santa Olalla de Bóveda, se ben o mestre que as realizou recoñece as formas e a técnica pero non sabe reproducilas. Carolina pon como exemplo que se utilizara un pincel de pelo de xabarín, moi duro para esa técnica. Segundo a investigadora, a iconografía é cultísima e na capela representouse o Santo Sepulcro. O arco triunfal da ermida ten unha decoración máis esquisita, con dúas columnas, un tablamento, motivos ondulantes, unha flor ou unha cruz. Tamén se poden ver doce rochas e unha cruz. As primeiras simbolizarían o éxodo cara a terra prometida e a consecución desta, representa a historia de Moisés e Xosué. A cruz fai alusión, continua Casal Chico, ao Gólgota. Cre que a construción levantouse a partir do ano 922, xa que nese momento asentáronse novos monxes na abadía. Entón os monxes abandonaban o cenobio cando morría o abade e ese ano repobouse Samos cuns freires do mosteiro de Penamaior (Becerreá). Para datar o templo, no mes de abril de 2018, un equipo da USC, dentro do programa de investigación Territorio e poder monástico na Idade Media da facultade de Xeografía e Historia, levou a cabo unha serie de escavacións para coñecer se había unha construción anterior xa que saíron á luz tres antigos muros, ademais de restos cerámicos.
No actual concello de Samos documéntanse, ademais, os pequenos mosteiros de San Martiño de Lousada, Santiago de Renche que estaba na vila de Pompeán, e San Miguel de Montán, coñecido como Sancti Michaelis no Códice Calixtino ou como San Miguel da Costa en relatos de peregrinos.

 



SARRIA
Mosteiro de Santiago de Barbadelo: Bieitos. O desaparecido mosteiro dúplice foi anexionado a Samos no ano 1009. F. J. Pérez Rodríguez (2008) fala dun sospeitoso documento atribuído a un rei Afonso (VI ou VII) que Barbadelo pasaría a ser unha propiedade de Samos, se ben tal dependencia non se constata ata o ano 1166. Barbadelo mantivo a súa singularidade e autonomía aos ser os seus bens rexidos por unha soa persoa nomeada dende Samos, como o demostra a súa cesión ao capelán Paio no 1166. Un século despois está á súa fronte "Petro Cipriani dictus Monacus, dictus prior de Barbadelo". A igrexa románica do século X, construída en cadeirado de granito, ten planta rectangular. A porta é de medio punto con dúas arquivoltas sobre columnas con capiteis decorados con figuras humanas e animais. O vencellamento ao Camiño de Santiago amósanola unha porta decorada con cunchas de vieira e que tamén presenta un arco de medio punto e columnas con capiteis decorados con animais. Ten unha torre de planta cadrada. No interior conserva un retábulo barroco. Tamén está documentado o mosteiro de San Martiño de Barbadelo, que acabou xuntándose co de Santiago. 
Mosteiro de Barxa: Na parroquia de Calvor, na beira esquerda do río Sarria. Conservouse a capela de San Salvador.
Mosteiro de Calvor: No castro Astrorica ou Villa Calvaria. Fundado no ano 785, no lugar que ocupaba un antigo asentamento castrexo. O arciprestre Theodonando púxoo baixo a tutela de Samos no ano 902. Do antigo cenobio só se conserva un capitel visigótico dentro da igrexa. 
Mosteiro de Santa María de Corvelle: Consérvase a igrexa de orixe románica. 
Mosteiro de Froián ou de "Martolanes" ou "Mortolanes" (Froián): Di Lucas M. Álvarez que no Tombo de Samos hai un documento onde consta que o 18 de marzo do ano 907 un presbítero de nome Sesericus fai un pauto monacal, entregando a súa persoa e os bens patrimoniais á igrexa de Santiago Apóstolo, cuxas reliquias gárdanse na vila que chama Martolanes. Nicandro Ares Vázquez sinala que no mesmo Tombo, un matrimonio doa varias posesións a Samos, entre outras a vila que está en San Pedro, nos Campos, onde din Martolanes e que, polos nomes dos lugares que se citan, localizaríase na parroquia de San Pedro de Froián, o cal estaría no lugar da Ermida. No ano 976 menciónanse en Froián as igrexas de San Vicente e de Santiago, e arredor do 1009, "Sancti Iacobi... in villa... Martolanes" nun documento do ano 907. Da primitiva igrexa románica quedan poucos vestixios. Nunha doazón do ano 1028 aparece citada a igrexa de Froián no lugar que "dicitur Avolin, in territorio Froliani, subtus eclesia Sancti Vicenti". 
Eremitorio do San Adrao do Monte Páramo: A ermida do San Marco atópase na serra do Páramo, na parroquia de Biville (Sarria), a 845 metros de altitude, case no límite coa parroquia de Belante, ocupando un lugar dende onde se divisa unha espléndida panorámica. Na Alta Idade Media construíuse un eremitorio cuxa primeira mención data do ano 897, en que o rei Afonso III confirma distintas posesión da Igrexa de Lugo. No testamento de Sunilano, do ano 976, este fai doazón do templo de Sancto Adriani in monte Paramo ao seu fillo Vermudo, abade do cenobio beneditino de Barbadelo. No ano 1009, o abade de Barbadelo, Vermudo Soilán, sucesor de Viscalfredo que o fundara no 904, dóallo ao abade Mandino de Samos, citándoo no Tombo deste último mosteiro como Sanctum Adrianum in illo monte cun suo castro. Tamén se cede a Samos unha hereditas en Vivili (Biville). Entre os séculos XVI e XVIII faise alusión a esta ermida que xa aparece como propiedade do Bispado de Lugo. Acaroados ao pé da ermida, construída sobre unha pena granítica, vense tres sartegos, case seguro que altomedievais (hai quen conxectura que poden ser suevos ou visigodos), escavados na rocha viva. Os tres miran ao este, cara a saída do sol. Unha das tumbas, situada ao sur da capela, a parede desta case lle pasa por riba, e as outras dúas, paralelas, no lado este, case tocan o muro, o que semella indicar que a ermida actual ergueuse posteriormente, cabendo a posibilidade de que baixo dela houbera algún outro sartego. Segundo información achegada por Matilde Paramo, no facebook de "O Incio, Nosa Terra", dende nena escoitou que eiquí había un convento, ademais de dúas versións sobre as tumbas: unha que enterraran un rei, a reina e a filla, e a outra que fora a San Marcos, Santa Marta e Santa Mariña. Sandra Albalá Losada, na mesma páxina, di que as capelas formaban un triángulo que representa o Ollo de Deus, e que as tumbas pertencían a San Marcos, San Mateo e San Miguel, orientadas cara o Oribio, Monterroso e Taboada. Ana López comenta que entre as ermidas había comunicación visual. Polo tanto, pola documentación sábese que entre finais do século IX e principios do XI existía unha capela-eremitorio posta baixo o padroado do Santo Adrao. Do que nada se sabe é cando mudou a advocación de Santo Adrao pola de San Marco, como tampouco se coñece con exactitude cando se instaurou a afamada romaría na honra do último, coa beizón dos campos e as peticións que lle solicitan os devotos. Di Matilde Paramo que os labregos ían con ramos de loureiro que se bendicían na misa, e logo poñíannos nas leiras de centeo e trigo para protexelas das inclemencias do tempo. Pero pode ser, só como hipótese, que nalgún momento perdera o nome de San Adrao, non por un simple cambio de advocación, senón porque xa non existía memoria na zona sobre este santo. É posible, que ao perderse toda referencia ao San Adrao, a ermida pasaran a denominala, por exemplo, como "Capela do Marco" ou "Marco da Capela", en alusión aunha pedra fincada no chan que delimita os lindes dunha terra, neste caso dúas parroquias. Na Idade Media os límites territoriais definíanse mediante marcos que en non poucas ocasións eran pedrafitas, mámoas, petroglifos... e tamén ermidas. E eiquí cadra coma anel ao dedo. Nos Interrogatorios do Catastro de Ensenada, celebrados na freguesía de Biville o 21 de xaneiro de 1753, o sitio da ermida figuraba como marco divisorio con Belante ("hermita de San Marco"). O documento citado do ano 1009 fala da doazón da ermida "cun suo castro", se ben, que saibamos, non apareceron restos, e a configuración do terreo, moi modificado, non axuda (o castro máis próximo que coñecemos é o de Castromeixe, a un quilómetro de distancia en liña recta, en que as casas da aldea ocupan toda a croa). O que si se conservan, nun radio duns 500 metros, son 14 mámoas, e nas inmediacións da ermida atopamos algunhas coviñas illadas, unha na mesma pena onde se escavaron os sartegos. Pode que se elixira este sitio para construír a capela para cristianizalo porque estaba considerado como pagano, ou tamén porque xa dende antigo gozaba de prestixio. Lemos nalgunhas publicacións que non moi lonxe da capela está a Fonte do Santo Adrao, que nós non atopamos. Onde si figura esta fonte é nos Interrogatorios do Catastro de Ensenada, celebrados na freguesía de Belante o 9 de decembro de 1752 ("fuente de San Adrao"), como lindeira con Biville, que pode que sexa a mesma que no Catastro actual aparece como Fonte das Virtudes. A capela foi arranxada hai anos grazas ao párroco de Biville e os veciños, ademais da restauración dunha talla do San Marco do século XVIII. Os veciños de Biville tamén son os que se encargan de organizar a romaría.  
Mosteiro de San Antolín: Nicandro Ares cita o mosteiro de Sancto Antonino na parroquia de San Antolín. Entre o 1020 e o 1061 o abade doa a Samos o seu mosteiro con todas as posesións, entre outras "in territorio Triacastella, in villa Ranimiri, villa que comparavimus de Baltario Randiniz et hic in ipsa villa...". En San Antolín hai unha igrexa en total estado de abandono. 
Convento da Madalena (Sarria): Mercedarios. A orixe do convento data do ano 1200 cando dous relixiosos italianos da congregación da Penitencia dos Mártires de Cristo que seguían a Regra de San Agostiño, que viaxaban en peregrinación a Compostela, fundaron unha capela que puxeron baixo o padroado de San Brais de Vilanova, advocación que despois mudou pola da Madalena. Os papas Xoán XXII e Clemente VII concederon indulxencias aos que axudasen ao mantemento do hospital. Dos restos do primitivo edificio, erixido entre sos séculos XIII e XIV, apenas quedan restos. O claustro, do século XVI, levántase ao norte. A igrexa, reconstruída no 1511, é dunha nave con ábsida poligonal. Do antigo templo consérvase a portada sur, de arquivoltas apuntadas, que amosa un relevo, entre outros, dunha barca de pesca ocupada por catro tripulantes, quizais en alusión á Translación do Apóstolo Santiago. 
Mosteiro de San Mateu (San Mateo-Vilapedre): As fontes documentais falan da existencia dun cenobio familiar posto baixo o padroado do apóstolo San Mateo. Pouco se sabe del, pero si que foi fundado antes do 960 xa que o 17 de maio dese ano Egeredo e a súa dona Rosula puxéronno baixo a xurisdición de Samos: "est ipsum monasterium territorio Gallacie, costa mans Paramo, discurrente fluvio Sarrie, villa quam nuncupant villa Petri et ecclesie Sancti Mathei apostoli et evangeliste". Os doantes, como era costume na época, solicitan a Samos o privilexio de seren enterrados nese mosteiro onde os monxes lle adicarían as obrigadas oracións polas súas almas. Un documento do 3 de marzo do 961 recolle unha doazón a favor de San Paio por Leodegundia que herdara dos seus pais, Violentus (que xa falecera) e Eutrocia, unhas terras próximas ao cenobio. Era monxa do mosteiro de onde era abadesa a súa tía Visteverga pois confirma como tal o documento. Tamén cita a un primo seu, Tanico Dominico, ao que deixa unha vila en Neira de Cabaleiros (Láncara), preto do tamén desaparecido mosteiro de San Paio. As confirmacións deste documento permítenos coñecer a outras moradoras de San Mateo: Ildoara, Iulia, Teodiberta e Teodildi (viúva), esta última irmá de Visteberga. A nai de Leodegundia, Eutrocia, propietaria do mosteiro de San Paio, asina como testemuña. A súa desaparición debeu producirse pouco despois do ano 963 xa que non se menciona nos títulos das propiedades do mosteiro de Samos. Descoñécese onde estivo situado exactamente. Malia que o PXOM do Concello de Sarria lévao para o sitio onde se ergue a igrexa e o cemiterio de San Fiz de Vilapedre, a tradición sitúao nunha finca de Calleiros, parroquia de San Miguel de Vilapedre, a 350 metros do núcleo de San Mateo (polo sitio pasa o rego do mesmo nome). Contáronme que hai uns quince anos celebrouse unha festa na honra do santo onde se supón estaba o mosteiro. Que eu saiba non se coñecen restos, se ben unha pía bautismal en granito que hai xunto a igrexa de San Fiz puído pertencer ao desaparecido cenobio. 
Priorado de San Paio (Santiago de César): San Rosendo interviu no ano 960 nun preito co abade Novidio e os seus frades de Samos por causa da Casa de San Paio, na vila de Cesar, con todas as súas herdades e servos. Para resolver a cuestión compareceron ante o rei Sancho en Larín. A intervención de Rosendo tiña a súa causa en que Loci Sancti Iacobi (Santiago de Barbadelo) recibira parte desa casa. 
No actual concello de Sarria documéntanse os pequenos mosteiros de Santa María de Ortoá, San Pedro de Taíde (Barbadelo), San Salvador da Pinza, San Paio de Piñeira e San Miguel de Piñeira (San Miguel de Piñeira), San Xoán de Couso (San Miguel de Piñeira) con capela nunha finca particular onde roubaron as imaxes, mosteiro da ermida de Nespereira (Santiago de Nespereira), Santa María de Corvelle, San Vicenzo de Froián onde se conserva a igrexa.

   





 

 

O SAVIÑAO 
Mosteiro de San Martiño de A Cova: A igrexa románica do século XII pertenceu a un mosteiro de Coengos Regulares de San Agostiño. O primeiro documento data do 1241, cando o seu prior fai un cambio de bens co mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil. No 1243 figura "donus Petrus Iohannis prior monasterii Sancti Martini de Cova". Outro documento fala dunha doazón feita no ano 1260 ao bispo de Lugo Rodrigo, de bens de Santa María de Piñeira, que leva, entre as suscricións a do Mestre Fernando, prior de A Cova. No ano 1262, o papa Urbano IV outorga unha bula ao prior e convento da igrexa de S. Martín de Ripa (nidia alusión pola súa situación na ribeira do Miño) da orde de San Agostiño, na diócese de Lugo. No 1266 fúndase na catedral de Lugo un "anniversarium Magistri Fernandi, prioris de Sancto Martino de Cova". En 1297, Fernando Martínez, arcediago de Sarria, manda no seu testamento ao "Monasterio Sancti Martini de Riba CC solidos". Na Era 1415 (ano 1377), o prior Xoán Gómez, con outorgamento de Garzia Martínez, Pero Eánez e Gonzalo Pérez, coengos deste mosteiro, fixo permuta dalgúns bens co bispo de Lugo Pedro López de Aguiar, quen deu a dito prior e coengos os que tiña na freguesía, e eles cederon todo o que tiñan no castelo de Asma, no lugar de Santa María do Castelo, cuxo instrumento foi outorgado en Diomondi. No Archivo Histórico Nacional consérvanse trinta e catro pergameos datados entre o 1298 e o 1528, ademais doutros documentos. A época de desaparición do mosteiro é descoñecida; no 1728 foi erixida entre as dignidades da catedral de Lugo, a do priorado de A Cova que só había durar noventa e seis anos, pois foi suprimida no 1824. O templo conserva a fábrica orixinal case na súa totalidade, aínda que con elementos decorativos sinxelos. A porta principal amosa un arco de medio punto con dúas arquivoltas. A ábsida está dividida en tres partes por dúas semi-columnas. Está situada nun lugar privilexiado, nunha zona arrodeada de viñedos e con vistas sobre o río Miño, fronte ao Cabo do Mundo. 
Mosteiro de San Paio de Diomondi: Diomondi é citado en varios diplomas como Damundi (954), Domni Gemondi (376), Dondamondi (1138), Deumundi (1164), Deomundi (1178) e Doemundi (1189). A primeira noticia do cenobio data do 24 de xuño do ano 954, nunha doazón que fai deste Hermenexildo, bispo de Lugo, ao seu tío, o abade Randino. Mudou a súa advocación de Santo Estevo pola de San Paio entre o 1138 e o 1164, en honra do sobriño do bispo de Tui, xove mártir galego decapitado en Córdoba. Neste ano está en mans de Fernando II quen o cede á Igrexa de Lugo no 1190; logo foille arrebatado por Afonso IX, séndolle devolto de novo no 1231 por Fernando III. No 1366 consta unha terceira doazón á catedral cando Fernando Ruiz de Castro, debido aos males que lle fixera, doa ao bispo de Lugo, frei Pedro López, "o meu couto e feligresia de san Payo de Diomonde, con Belsar, que he en terra de Lemos, co dereito de poñer nel mayordomo e juices e notarios e oficiaes de justicia et tirarlos quando cumprir", prohibíndolles aos de Monforte e terra de Lemos entraren nel. Nestes documentos non constan monxes, abades, abadesas, priores, prioresas, coéngos ou racioneiros polo que debía estar a maior parte deste tempo sen comunidade, estando baleiro no 1366. Mais o seu fermoso templo románico amosa que debeu ser sé dun cenobio aínda que nada se saiba del, con independeza de que o dono ou padroeiro fose o bispo de Lugo, o adiantado maior de Galicia ou o conde de Lemos. F. J. Pérez Rodríguez di que debeu desaparecer a principios do século XIII. Hai quen sitúa eiquí aos cabaleiros da Orde do Temple. A igrexa, construída con muros de cadeirado de granito, ten unha nave de planta rectangular. Fachada con portada abucinada enmarcada por catro arquivoltas apoiadas en columnas de fuste de mármore e capiteis historiados. Por baixo do tímpano, liso sobre mochetas con forma de monstros, hai unha inscrición; os arcos de descarga que a flanquean semellan portas. O aleiro está decorado con canzorros de figuras xeométricas e un alquerque reutilizado. Espadana granítica de dous vans. No interior consérvanse unha pía bautismal do século XIII, unha cruz de prata do XVIII e tres retábulos neoclásicos do século XIX.    
Mosteiro de Santa Cecilia de Freán: Foi algún tempo mosteiro. A xurisdición civil e criminal era do conde de Lemos. O mosteiro dá a congra e os décimos a un sacerdote para que administre os Santos Sacramentos aos fregueses, e a comunidade tiña tamén o dereito de presentación por estar unida a Rosende.     
Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Miño: Bieitos. Dependía de Samos. Citado por primeira vez como mosteiro no ano 1238 en que Guillermo Núñez cede a Oseira o dereito de padroado "in monasterio Sancti Victoris et sancti Stephani Ripe Minei et sancti Iuliani de Moreda in Lemos". Malia o anterior, Ángel del Castillo sinala que foi doado no 976 ao mosteiro de Diomondi. A finais do século XIV é sé dunha abadía segrar xa que entre os anos 1377 e 1388 o seu superior é "Estevoo Rodrigues, prelado do moesteyro de Santo Estevo". Na segunda metade do século XV conta aínda cun abade. No Archivo Histórico Nacional consérvase do mosteiro de Santo Estevo un pergameo tardío do século XIV e dous cartafoles de papeis. No Cartulario de Pombeiro do ano 1460 cítase como "moesteiro de San Esteuvo de Riba de Mino". A igrexa foi construída no último terzo do século XII en estilo románico rural galego. Consta de nave e ábsida, e espadana exenta. Na fachada aprécianse dúas partes ben diferenciadas: a inferior, con portada con arquivoltas abucinadas na que sobresaen sete figuras que representan aos sete anciáns da Apocalípse, que amosan a pegada da escola do Mestre Mateo, e capiteis con decoración xeométrica e vexetal sobre catro columnas. Na outra parte ábrese un enorme rosetón baixo o que hai un tornachoivas formado por arcos. A ábsida, máis reducida e baixa ca nave, consta dun primeiro tramo recto e outro semicircular. O tambor presenta tres absidiolas.    
Mosteiro de San Vitoiro de Ribas de Miño: Pertenceu a un mosteiro fundado no ano 929 polo abade Veremundus Páez. Foi filial do de Pombeiro. Supostamente, o mosteiro recibiu carta de couto de Afonso VII no 1142 grazas a Sancho Ordóñez que actúa como procurador do abade Lopo Ordóñez. No século XIV aparecen como abades algúns membros do cabido de Lugo. No século XV San Vitoiro estaba en mans de padroeiros laicos. A xurisdición civil e criminal levábaa o conde de Lemos, e a presentación da igrexa o conde de Amarante. A igrexa mosteiral aparece citada nun documento do século X. O templo actual é do século XII e conserva case toda a súa fábrica románica, agás a sancristía anexada ao muro sur e a parte alta dos frontais. No exterior salienta a porta principal, con arquivoltas que desacansan sobre tres pares de columnas de mármore, outra porta no muro norte e a ventaniña do testeiro. No seu interior garda unha cruz de prata de estilo rococó. 
Mosteiro de Nazara: Sobre este mosteiro de Nazara ou Naraza, do que non queda pegada algunha na toponimia, tense escrito (Argaiz) que pode ser o mesmo que o de Santo Estevo de Ribas de Miño. Deste mosteiro, suxeito a Samos, escribe Vázquez Seijas (1947) que só poderiamos saber se se trata do mesmo, en todo caso, polos fondos documentais do cenobio samonense. O mosteiro, situado in villa Nazara tamén é citado polo P. Yepes. Castro López, en Reseña histórico descriptiva de la parroquia de Vilar de Ortelle y su comarca (1929), limítase a nomealo entre as lembranzas mosteirais da ourela esquerda do Miño.   







 

  

SOBER 
Canaval: A igrexa noméase como Canabales en 1115. No ano 1244 cítase en Canabal unha bailía da orde monástico-militar dos Templarios, "bailía do Templo Canaval". Neste mesmo documento dise que estes monxes posuían "de Canabal de Spasandi, de Sancto Georgio de Canedo", etc. A igrexa, posta baixo o padroado de San Pedro, estivo vencellada ao mosteiro de Valverde (Monforte) no século XII.  Nunha concordia do bispo de Lugo cos Templarios do ano 1244 figura Sco. Georgio (Santiorxo). Conserva restos da súa fasquía románica na portada principal e na ábsida. Restaurouse no século XVII.   
Mosteiro de Santa María de Amandi: Villa Amandi aparece no testamento do bispo Odoario (bispo de Lugo e Braga entre os anos 740 e 780) no ano 747: "villa quos vocitant Amandi, cum ecclesia ibi fundata Santae Mariae... per terminum inter Sancta Maria et Lovios, de alia pate per illas Petras de Canton, et de tertia pars ad illa Peraria de Oldriti,et inde ad Portum de Guntin". No ano 841, Afonso II doa á igrexa de Lugo "in territorio Verosimo (Brosmos), prope rivulo, iuxta Castrum vocitatum Francos, aliud monasterium ab antiquo dictum S. Mariae de Amandi, quod peccato impediente destructum est ab hismaelitis et a me reedificatum". No 897, Afonso III confirma á igrexa lucense "in Verosmo monasterium Sancte Marie de Amandi cun eclesia S. Tirsi et iu adiunctionibus ab integro". No 989, o confesor Buisano fai ao mosteiro de "domini Amandi" a doazón dunha "hereditas in Otrizi (debe referirse a Viloudriz), prope ecclesiam Sancti Tirsi". No 1160, os coengos de Lugo tiñan "in Verosimo eccleisam Sanctae Mariae de Amandi per terminos suos quam longo tempore possedit Lucensis Ecclesia, cun familiis suis". Apenas quedan trazas da igrexa románica, o templo, de planta rectangular, foi totalmente reconstruído no século XVIII. No interior consérvase un retábulo maior neoclásico con tallas dos séculos XVII e XIX. 
Mosteiro de San Xián de Lobios: Igrexa vencellada a un mosteiro bieito desaparecido, unha rama feminina da rama masculina de Santa María de Amandi. En Lobios aínda perdura o topónimo O Mosteiro. As primeiras mencións documentais ao cenobio datan do ano 1252, se ben a súa fundación debeu ser anterior (o sitio xa se cita como Lovios no ano 747, no testamento do bispo Odoario de Lugo). A derradeira abadesa foi Catalina Vázquez de Somoza. No ano 1494 foi visitado polos observantes de Valladolid que só atoparon residindo alí a abadesa e unha monxa de nome Aldonza Rodríguez, ás que acusaron dun bo número de faltas á vida relixiosa, depoñendo á abadesa e suprimindo a vida monacal. Dona Constanza fuxiu de Antealtares e volveu para Lobios, onde, protexida pola súa familia, vivirá ata o 1516, feito que termina coa historia de San Xián. No 1505 dona Constanza fora unha das cinco abadesas que acordara con Diego de Muros III entregar a súa abadía ao Hospital Real de Santiago, aínda que posteriormente renunciou ao seu cargo en favor da Santa Sé en 1513. No 1516 foi absorvido por San Paio de Antealtares. A Igrexa ten a orixe nun templo románico do século XIII con elementos que mostran a transición ao estilo oxival. Nave con bóveda de canón apuntado no testeiro e cabeceira con bóveda de crucería. A portada é abucinada, con arco de medio punto con catro arquivoltas decoradas con rosetas e bólas, os capiteis presentan motivos vexetais. A ábsida é rectangular, dividida en dous tramos por dúas columnas con capiteis entrenzados. No interior ten un tramo cuberto con bóveda nervada que se apoia en columnas con capiteis con símbolos, adornados con pinturas, dos catro evanxelistas: anxo, touro, león e aguia.  
Priorado de Doade: Foi fundación bieita que dependía do mosteiro de San Vicente do Pino, en Monforte. Relacionado coa producción do viño, coa Desamortización de Mendizábal do XIX remataron os décimos que tiñan que pagar os veciños da zona, século no que pasou a mans particulares. 
Priorado de Portizó (Anllo): No Inventario Artístico de Lugo y su Provincia (1976-1983) cítase o Priorato de Portizó con restos dunha capela e unha alusión ao abade de Meira no ano 1405. Citado como Portoçoo no 1385. 
Priorado de San Miguel de Rosende: Bieitos. Sábese que xa existía no ano 1246, dependente de Santo Estevo de Ribas do Sil. Apenas queda algún resto románico nas varias veces reconstruída igrexa. No ano 1218, a igrexa noméase de Sancto Michele de Roosinde, e ecclesiam Sancti Michaelis de Rousende no 1246, ou San Miguel de Rosende no 1370.

  






 

TABOADA
Mosteiro de Santa María de Xián: Consérvase a igrexa, documentada no ano 786. Tamén se conserva outro documento do ano 897, nunha doazón do rei galego Afonso III. No 1199 Urraca Fernández de Traba doálle ao cenobio "XXX solidos". Do 1211 é o testamento dunha abadesa de Xián, de nome Gontrode Ruderici. Do 1229 é unha concordia entre o prior de Vilar de Donas e a abadesa de Xián para que esta lle pagase "duos modios annuatim in Sancto Martino... de Solengas" (refírese a San Martiño do Castro de Soengas, en Portomarín). Un documento do ano 1245, escrito en latín, fala deste mosteiro familiar habitado por monxas. Amor Meilán cítao na súa Historia de la provincia de Lugo, tomando como noticia a España Sagrada do P. Risco. A súa desaparición debeu ser antes do século XIV. Aínda hoxe en día se conserva a tradición na xente do lugar de Xián que o sitúa xunto a igrexa parroquial, nuns terreos que levan o nome de O Mosteiro. 
Mosteiro de Santa María de Taboada dos Freires: Consérvase a igrexa románica do ano 1190. O topónimo apunta a que eiquí residía unha comunidade de freires cuxo cenobio, segundo a tradición oral, ocuparía o lugar onde se atopa a horta da reitoral. Existe un documento do ano 1244 que fala dunha concordia asinada polo bispo polos dereitos do Cabido sobre varias posesións que os cabaleiros do Temple tiñan no lugar. Co nome de Taboada dos Freires figura nunha escritura do cenobio outorgada no ano 1369 entre o bispo de Lugo, Fr. Pedro López e María Moñiz. A igrexa debeu continuar en poder dos templarios ata a supresión da orde. No ano 1927 a edificación románica sufriu modificacións na fachada e noutros elementos. O máis interesante que aínda conserva o templo é o tímpano da porta principal no que figura unha inscrición co nome do arquitecto e a data da súa construción, e un altorrelevo que representa a Sansón desqueixando a un león (esta representación podemos vela tamén nas igrexas de Santiago de Taboada, Santa Olaia de Beiro, San Martiño de Moldes, Santiago de Taboada, San Xoán de Palmou e San Miguel de Oleiros). Na moderna ábsida aínda se conserva unha xanela románica. Hai unha inscrición en latín que, traducida, di: "Pelagio Yáñez, o mestre que escribiu. En honor de Santa María, Eldara construíu o templo, os freires adicáronno en nome de Noso Señor Xesucristo. Na Era 1228 (ano 1190), un día antes das Nonas de Maio (o día 6)".

 

 

TRABADA
Mosteiro de Santa María: Na vila de Trabada houbo un mosteiro, coetáneo do cenobio de Sperautano (ver a entrada en Ribadeo) que permaneceu activo ata a exclaustración dos monxes no ano 1836. Crese que se atopaba xunto a igrexa parroquial. A mediados do século X tiña por abade a Verdago. No ano 1085 Azenar Eolalia e a súa muller Tota Veremudiz fan unha doazón ao abade de Lourenzá, Guterre: "Damos e concedemos as vilas que se nomean, isto é, a cuarta de Trabada... e a cuarta de Río... E pertencen esas vilas a Santa María de Trabada, baixo do monte Cabanela, e doutra parte por Scileira (?) e despois por Alvarón e de alí pola Pena de sobre Vilaformán e de alí por Monte Sandeu e de alí por Petras Latas (?), segundo discorre o río Trabada". Segundo Pedro Reigosa Pedrosa, chantre da catedral de Oviedo, non foi incorporado ao mosteiro de  Vilanova de Lourenzá por Ordoño IV, coma outros da zona, subsistindo como mosteiro independente baixo a rega de San Bieito.


TRIACASTELA 
Mosteiro de Ramil: Nicandro Ares cita un documento do ano 1122 no que consta que un tal Fernandus Roderiquiz dóalle ao bispo de Lugo, Pedro III, e aos seus coengos, varias herdades entre as cales está a "sexta monastei de Ramir". No século X menciónase un mosteiro de Triacastela. 
Mosteiro de San Pedro do Ermo (A Balsa): San Pedro do Ermo é unha aldea da parroquia de San Breixo da Balsa, no concello de Triacastela. Está situada a uns 850 metros de altitude, entre os regueiros de San Pedro e do Val Escuro. Hai unhas doce casas, a maioría en estado de ruína ou semirruína. No ano 2018 só había dúas habitadas, acollendo a media ducia de habitantes. Antigamente pasaba por eiquí o Camiño Francés de Santiago (agora xa non pasa). Segundo a escasa documentación que se conserva, no século IX fundouse eiquí un mosteiro, supoñemos que pequeno, posto baixo o padroado dos apóstolos Pedro e Paulo. Descoñécese quen o fundou, pero si se sabe que foi restaurado polo conde Gatón do Bierzo (uns din que fillo de Ramiro I e irmán de Ordoño I, outros supóñenno cuñado deste último), acadando o máximo explendor cara o ano 900. Gatón dooulle a vila de Ranimiro (Ramil). Nun documento do ano 919 do rei galego Ordoño II (871-924) di que se atopa "in territorio Triacastelle". O mosteiro tamén foi favorecido pola primeira esposa de Ordoño, Elvira Menéndez (864-921). No 922, Ordoño doa o mosteiro de San Pedro e San Paulo á Igrexa Compostelá, asinando tal cesión o bispo Recaredo de Lugo, Frunimio de León e Fortis de Astorga, desaparecendo dende entón as mencións a este cenobio (nalgunha publicación dise, erradamente, que a doazón produciuse no ano 992). En anos posteriores orixináronse unha serie de desputas entre as Igrexas de Lugo e de León pola súa posesión. Ordoño II confirma este mosteiro a un "sancto abbati", forma curiosa para cualificar como santo a un abade en vida, polo que o etimólogo Nicandro Ares cre que Sancto non é eiquí un adxectivo, senón un substantivo e nome persoal do abade, que se podería traducir por Sancho. Non se conservan restos visibles. O único que vimos foi unha abandonada e arruinada ermida de planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. No interior hai un tosco retábulo sen imaxes e dúas pequenas pías de granito; unha delas semella reutilizada para esta función. Dise que cando hai bastantes anos se fixeron movementos de terra saíron á luz restos de muros de boa factura e algún tramo de chan empedrado, ademais de varias tumbas. Nós só vimos un sartego que en tempos foi utilizado como bebedoiro para o gando. 


 

O VALADOURO 
Convento da Veiga de Santa Cruz: Non se conservan restos. Dise que o Adán e a Eva flanqueados por Satanás que se ve no lintel da igrexa de Santa Cruz do Valadouro procede deste cenobio. 
Mosteiro de Bermún: Na parroquia de Santa Cruz do Valadouro. Bieitos. Desaparecido. Na documentación antiga aparece como Vermundo. Segundo Amor Meilán foi fundado polo Conde Santo. Hai investigadores que cren que os mosteiros da Veiga de Santa Cruz e Bermún son o mesmo.

  
O VICEDO
Mosteiro de San Miguel da Illa da Coelleira: Segundo Amor Meilán, a súa fundación remóntase ao século V polo bispo Consencio. Os primeiros documentos datan dos anos 1095 e 1099. Sábese que estivo rexentado polos Coengos Regulares de San Agostiño, mais a ausencia de documentación dende o 1099 ata o 1420 deu lugar a varias lendas que sitúan eiquí aos templarios. No 1485 o seu prior cédeo a San Martiño de Mondoñedo, confirmación concedida no 1489 polo bispo de Mondoñedo e no 1490 polo bispo de Catania. Aparece citado nun documento do ano 1488, nunha relación do bispado de Mondoñedo para o pagamento do subsidio da guerra de Granada, tendo que aboar a cantidade de seis mil cincocentos marabedís, o mesmo que San Miguel das Negradas. Para máis información, ver un meu artigo, Historia e lenda da Illa da Coelleira, en: http://patrimoniodovicedo.blogspot.com/2011/06/historia-e-lenda-da-illa-da-coelleira.html
Mosteiro da Insua de San Martiño: É moi complicado seguir a súa traxectoria xa que é o único mosteiro bieito do que non se conservan documentos anteriores á súa anexión a San Paio de Antealtares no ano 1504. Sábese que era de carácter patrimonial e familiar. Só se conservan algunhas pedras esparexidas polo illote situado preto da desembocadura do río Sor. 
Mosteiro de San Miguel das Negradas: Di Pérez Rodríguez (2008) que este mosteiro é o peor documentado de toda a Idade Media galega posto que só se sabe del en 1488, cando aparece na relación feita polo bispado de Mondoñedo para o pagamento do subsidio da guerra de Granada, correspondéndolle pagar seis mil cincocentos maravedís, o que indica que é un dos máis pequenos e pobres da Galicia medieval. Foi a última casa feminina en incorporarse á observancia de Valladolid. A súa última prioresa foi dona María Viçosa, que a pesares de que a audiencia arcebispal de Santiago a apoiou, ao final a casa pasou á Congregación de Valladolid no ano 1514. No 1543 foi absorvido por San Paio de Antealtares.



VIVEIRO
Mosteiro de Valdeflores: Dominicanas, século XIV. No interior da igrexa consérvase a imaxe da Virxe de Valdeflores que, segundo a lenda, deu orixe ao nacemento do cenobio. O mosteiro foi remodelado nos séculos XVI, XVIII e XX. A igrexa presenta trazas románicas e oxivais. A torre do campanario é do 1618, para a súa construción tomouse como referencia a do desaparecido convento de San Domingos. A portada é oxival con arco interior en forma de trevo e con arcos sostidos por columnas e capiteis de follas. Sobre ela hai unha escultura de San Domingos proveniente do desaparecido convento dominicano. O interior é dunha soa nave, con presbiterio e coros alto e baixo ao fondo. Detrás do retábulo aprécianse restos de pinturas murais. Entre o mobiliario destaca un órgano do século XVIII e un Lignum Crucis traído de Xerusalén pola beata Constanza de Castro. No ano 1673, Breve do papa Clemente X en que se concede indulxencia á confraría do Santísimo Sacramento, establecida neste mosteiro. Por liortas entre as monxas máis anciás e máis novas, foi abandonado no ano 2018; houbo denuncias da desaparición de cantorais. Ocupado logo brevemente, en outubro de 2019, acatando o mandato da orde dos Predicadores, as tres monxas que o habitaban foron obrigadas a marchar. 
Convento dos dominicos: Extramuros da vila, na actual Praza de Lugo, ergueuse un convento dominicano construído no ano 1215 e que tivo vida monástica activa ata o seu derrube a mediados do século XIX. A comezos do século XX iniciouse a construción dun convento no casco histórico da Cidade do Landro (actual rúa Díaz Freijo) para acoller de novo unha comunidade dominica, mais o edificio non chegou a rematarse. Na primeira década do século XXI o edificio foi mercado para construír un hotel, proxecto que foi abandonado. En maio de 2012 desprendéronse ladrillos e vigas e a fachada está a desviarse perigosamente.
Convento de San Francisco: Franciscáns. Segundo a tradición, o convento foi fundado por San Francisco de Asís no ano 1214 cando peregrinaba a Compostela. Ten forma rectangular con claustro e patio no interior. A planta baixa do claustro, do século XVIII, acollía a portería, a sala capitular, a cociña e o refectorio, e no piso as celas. Consérvanse tres arcos románicos descubertos no 1945 e unha porta da primitiva construción. Hoxe en día acolle varias dependencias municipais. A igrexa é de estilo oxival. Á portada principal accédese por medio dunha escalinata dobre. Sobre a porta ábrese unha ventá produto dunha restauración practicada no ano 1682. A igrexa planta é de planta de cruz latina con bóveda de medio canón e piastras e arcos de cantaría. Sobre o cruceiro álzase a cúpula do ano 1725. A ábsida é unha das máis altas de Galicia. Na nave atópanse os sepulcros da Beata Constanza de Castro (que nada ten que ver coa filla do mariscal Pardo de Cela que resistiu na torre de Caldaloba) e do político e escritor Nicómedes Pastor Díaz. 
Convento das Concepcionistas: Franciscás. Convento de traza renacentista fundado no ano 1607, mercede ao testamento outorgado por Dona María de Alas Pumariño, situado na parte máis alta da antiga vila amurallada. Xunto a entrada da igrexa conventual construíuse no 1925 unha gruta a semellanza da Lurdes francesa. 
Mosteiro de San Xoán de Celeiro: Finais do século VIII. Sábese da existencia deste mosteiro polo testamento asinado polo diácono Rodrigo, natural de Coimbra (Portugal).

 



 

XERMADE
A Ermida (Roupar): No tomo 5 do Inventario Artístico de Lugo y su provincia di que no entorno da ermida de Roupar apareceron abundantes sepulturas "antigas". Din os veciños que eiquí houbo unha comunidade de monxes.  

XOVE
Mosteiro de San Estevo de Sumoas: Finais do século VIII. Como no caso de San Xoán de Celeiro (Viveiro), sabemos da existencia deste cenobio polo diácono Rodrigo.
Mosteiro de San Tirso de Portocelo: Fundado a finais do século VIII sobre un primitivo castro costeiro. Consérvanse restos do primitivo cenobio e unha capela, tamén en ruínas do século XVII, que foi abandonada definitivamente no ano 1929. Fundado polo diácono Rodrigo de Coimbra, cuxa principal función consistía en cohesionar o Reino de Galicia baixo a relixión católica, quen o legou a un grupo de monxas e monxes en calidade de igualdade. Nas escavacións do mes de outubro de 2020 realizadas no castro saíron á luz cinco tumbas de laxas que puideron pertencer ao cenobio.


O Noso Patrimonio
Mosteiros de Galicia (Provincia de Lugo)