* O Monte da Pena do Rei: redescubrindo o seu pasado

O día 28 de marzo de 1965, ao final dun artigo publicado en El Progreso titulado Pena Castrela o “da bruxa”, asinado por Higinio Martínez de la Vega (o nome completo é Higinio Martínez Fernández de la Vega), fala dun “curioso signo esculpido en una roca... aunque no perfectamente redondo, que puede significar un culto al sol, cruzado por una flecha de doble dirección”. Di que a dirección é este-oeste, e que seguindo esta última dirección sinala unha mámoa situada a unha distancia duns 50 metros. Escribe que a información sobre este símbolo situado na parte alta dun monte de Marcoi, na parroquia de Alta (Lugo), foille facilitada por Raymond Capdevila, “geólogo-petrógrafo francés”. 

 

R. Capdevila, do Servizo de Xeoloxía Xeral da Universidade de Montpellier (Francia), foi colaborador de Isidro Parga Pondal. No ano 1978 escribiu La obra científica de D. Isidro Parga Pondal, su importancia en el desarrollo de la Geoquímica en España y en la Investigación Geológica de Galicia, nunha publicación de Edicións do Castro en homenaxe a Parga.

Parga Pondal (1900-1986) foi profesor das cátedras de Análises Químicos da Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago ata a súa expulsión, a raíz do golpe de estado fascista de 1936, acusado de progresista e galeguista. No ano 1960 ingresou na Real Academia Galega. Antes da guerra, como apaixoado pola cultura de Galicia, interviu en varias escavacións arqueolóxicas en Mondariz. 

Hai un tempo, buscando algunha información sobre o citado símbolo, conseguimos contactar en Francia co señor Capdevila quen, amablemente, contounos que cando comezou a realizar a cartografía xeolóxica de Lugo, Parga Pondal pedíralle que anotara sobre os mapas os castros e as mámoas que fora localizando. Foi no mes de setembro de 1962 cando atopou unha destas gravuras, que denominou como “brúxula”, nas proximidades da coñecida como Pena do Rei. Rematou dicíndonos que non tivera ocasión de darlle os datos a Parga Pondal, e que este tampouco explotou os seus que durante anos cartografiara nuns mapas a escala 1/50.000.

 

Ao ver unhas fotos e un debuxo do interesante motivo que nos enviou o señor Capdevila, feitas naquel xa lonxano ano de 1962, Brais Rodríguez Romero máis eu propuxémonos dar cos curiosos símbolos. Pero a tarefa non resultou doada xa que careciamos de información sobre a súa situación, aínda que só fose aproximada. O único que sabiamos era que se atopaban nalgunha parte do Monte da Pena do Rei que abrangue as parroquias luguesas de Adai, Alta, Camoira, Outeiro das Camoiras e O Veral. Mais a sorte sorriunos a través duns veciños da zona que coñecían a súa existencia e a ubicación aproximada. Foi grazas á súa inestimable axuda como conseguimos localizar algunhas penas con estas gravuras. 

Segundo nos contaron, había, ao menos, sete lugares con motivos deste tipo, mais só localizamos catro, os outros poden permanecer ocultos polo mesto musgo que cubre as rochas ou foron destruídos ao ampliar os camiños (tal como lle aconteceu a un fito de máis dun metro con “marcas” gravadas) ou ao acondicionar os terreos para a repoboación con piñeiros. Se as fotos e o debuxo do señor Capdevila xa nos chamaran poderosamente a atención, cando vimos os gravados in situ quedamos impresionados. Todas as figuras, gravadas sobre a parte horizontal da rocha granítica e con grandes pías naturais, están formadas por un círculo ancho e profundo cuxas medidas oscilan entre os 40 e os 50 centímetros de diámetro.

 

Un círculo está atravesado por unha frecha cuxa punta indica dirección sur, o extremo oposto ten forma de culatín (a peza na que remata a frecha e que se insire na corda do arco). 

Un segundo círculo está atravesado por unha liña rematada en ambos extremos por dúas puntas que sinalan a dirección norte-sur.

O terceiro é semellante ao anterior, coa salvidade de que as puntas indican a dirección este-oeste. 

Do último círculo parten tres frechas que apuntan en dirección este-oeste e sur. Ao final da punta que indica o oeste vese unha pía, cremos neste caso que artificial, de 23 centímetros de diámetro.

A distancia entre os distintos “compases” van dos 150 metros entre as máis próximas, e de pouco máis de 1.000 metros entre as máis alonxadas. Tres das penas levan os nomes de Os Mollos, A Marcación e Cal dos Vasos, observándose dende elas unha impresionante panorámica da cidade de Lugo. 

 
 

E o seu significado? Todos os motivos localizados atópanse en montes comunais, en terreos das parroquias de Adai e Camoira, dous poderían actuar como límite entre ambas, pero non os restantes que non delimitan nada, ao menos na actualidade. Outra gravura, que non puidemos atopar, estaba situada na Pena do Rei, o punto máis alto do monte do mesmo nome, a 657 metros de altitude. Mesmo no cume, inzado por grandes penas con pías naturais e coviñas artificiais, hai unha gran mámoa que ata non hai moito estivo coroada por un vértice xeodésico. O vértice foi trasladado para as inmediacións, aínda que cómpre observar que sobre o túmulo aínda permanece a base de formigón.

 
 
 

Nós non creemos, como se desprende do artigo do señor Martínez de la Vega, que se trate dun símbolo de culto prehistórico ao sol, oscompases” semellan sinalar máis ben os límites dun antigo couto xurisdicional, quizais dun mosteiro ou dun señorío da Baixa Idade Media. Pero de cal? Que saibamos, na zona non existiu ningún mosteiro, pero si unha torre medieval que na actualidade só conserva unha das paredes laterais. Trátase da Torre de Aez, na parroquia de Outeiro das Camoiras, que aínda conserva, sobre unha ventá, o escudo dos Castro e dos Gaioso. Segundo contan as xentes do lugar, os perpiaños da fortaleza foron reutilizados para a construción de vivendas particulares, e tamén chegaron a aproveitalas como grava para as vías do tren. Foi declarada como Ben de Interese Cultural por Decreto de 22 de abril de 1949. Aínda que se trata dunha torre de orixe medieval, os primeiros datos escritos datan do ano 1643 en que figura nunha escritura de compra-venta. Hipótese, recoñecemos polo de agora, pouco fundamentada xa que os marcos xurisdiccionais adoitaban estar a máis distancia os uns dos outros, e estes concéntranse nuns poucos centos de metros. Do que si estamos seguros é que quen os mandou gravar non o fixo para adornar a pedra.

 

A antiga xurisdición de Torredez, como era denominada, comprendía as parroquias de Camoira, Outeiro das Camoiras, Cotá, Serén e Vilalbite, as dúas primeiras pertencentes ao concello de Lugo e as tres últimas, hoxe en día, ao concello de Friol. Segundo a tradición oral, o nome de Torredez débese a que entre as distintas fortalezas que había na zona esta facía a número dez, se ben cremos que Aez podería ter a súa orixe no nome latino Aletius ou Aedus, ou mesmo no céltico Alecius.

Con independenza do seu significado, que quizais nunca chegaremos a saber, a execución destes “compases” resultou extremadamente laboriosa o que indica, pola boa factura, que foron feitas para perdurar no tempo. Trátase, sen dúbida, duns símbolos excepcionais, sen semellanza, que nós saibamos, con outros existentes en Galicia. 

Pero sigamos no Monte da Pena do Rei. Nun diploma de Ordoño II referido a Lugo, datado na Era 960 (ano 922), na doazón dunha vila chamada Furós (Porta Furós, en Ombreiro), terreo hoxe despoboado onde había unha vila, cítase como Monte Regis.

No Boletín da Comisión de Monumentos Históricos e Artísticos de Lugo dos anos 1958-59, Manuel Vázquez Seijas achega un traballo titulado Mansión céltica en tierras lucenses. Ao traballo acompáñao un croquis con trinta penas insculpidas con distintos motivos no Monte da Pena do Rei. O plano, “sencillo e ingenuo”, escribe Vázquez Seijas, proporcionoullo o veciño de Penarrubia don José Darriba Varela (a principios dos anos sesenta, don José descubriu unha ara dedicada a Navia ao pé do castro de Penarrubia; no ano 1983 doouna ao Museo Provincial de Lugo). Cando Brais máis eu comprobamos cantas penas cos petroglifos citados figuraban catalogados por Patrimonio, constatamos que só figuran dous: o de Penafita e o das Penas do Castrillón, na parroquia de Adai. Unhas veces acompañados por veciños da zona, e outras pola nosa conta, durante os meses de febreiro e marzo de 2017 conseguimos localizar 17 das 30 rochas gravadas con coviñas, unha combinación de dous círculos concéntricos e cruces, os primeiros de cronoloxía probablemente prehistórica e as últimas de época medieval ou moderna.

 

As coviñas, insculpidas en grandes rochas ateigadas de pías naturais, oscilan entre os catro e quince centímetros de diámetro. A combinación, de dous círculos, ten unha coviña no medio. En varias penas tamén atopamos pequenas e sinxelas cruces asociadas aos motivos anteriores.

 

Pero as que máis destacan son dúas grandes cruces. Unha está situada preto da coñcida como Pena da Uz, non moi lonxe da cabeceira parroquial do Outeiro das Camoiras. Está gravada nunha pena rente ao chan ubicada nun pequeno altorelo. Ten unhas medidas de 1,50 por 1 metro, e os extremos dos brazos presentan unha forma bífida ou gallada. A outra cruz, situada a carón dun antigo camiño, foi traballada na parte superior dunha rocha. Ten unhas medidas de 0,67 por 0,23 centímetros, rematando na parte superior nunha coviña artificial o que lle dá un aspecto pometeado, como se en vez dunha cruz quixeran representar unha espada; xunto a cruz hai outra coviña, tamén feita por man humana. 

 
 
 

En resumo, o potencial arqueolóxico do Monte da Pena do Rei e da súa contorna é impresionante, ao descrito hai que sumarlle máis de vinte mámoas, vestixios de dous asentamentos da Idade do Bronce, seis castros e restos de época romana. E o que queda por descubrir.

Todos os achados ímosllo comunicar a Patrimonio para que proceda á súa catalogación, e tamén ao Concello de Lugo.