* Onde está o castelo?

Dos máis de 600 castelos (e torres) que achego no blogue, hai preto de 200 dos que apenas temos noticia sobre o lugar onde estaban emprazados.

Na presente entrada omito as fortificacións que, por moi arruinadas que estean, aínda conservan algúns restos (muros, foxos, entalladuras nas rochas onde apoiaban as estruturas, etc.) e tamén as que desapareceron pero si sabemos onde se atopaban, limitándome a aquelas que só coñecemos pola documentación escrita, a tradición, a lenda ou polos materiais reaproveitados nas proximidades onde se di que foron erixidas, incluídas algunhas declaradas BIC.

Non achego os lugares onde existen topónimos que poden facer alusión a estas contrucións medievais, a relación podería aumentar en varios centos.


PROVINCIA DA CORUÑA

ABEGONDO
O Castelo (Torrente-Abegondo): Posible asentamento fortificado medieval. A mesta vexetación impide ver se hai restos. 
Castelo de Porcas (As Covas-Guillade-Limiñón): Posible asentamento fortificado medieval. Trátase dunha elevación rochosa feita de forma artificial tras a escavación dun foxo na rocha. Declarado BIC. 
Torre (Currás-Vilacoba): Posible asentamento fortificado de época medieval. Trátase dunha pequena elevación coa superficie achandada que recibe o nome da Redonda.
A Torre (Torre-Leiro): Dise que no lugar houbo unha torre, hoxe en día destruída. Trátase dun pequena elevación coa superficie achandada que recibe o nome de Grovias e Redonda. Este topónimo aparece mencionado nun documento como Castellum de Leiro no ano 1112. Segundo López Ferreiro, este castelo tiña ao seu cargo un dominio administrativo que cubría a metade occidental do territorio de Nendos, chegando ata o mar e limitando co territorio do castelo da Espenuca. 

AMES
Castelo do Monte de San Marcos (Castelo): A 349 metros de altitude sobre o nivel do mar. Catalogado como posible fortificación medieval por Rodríguez Resino (2008). Existen referencias tardías á reutilización do castro na véspera da batalla de Altamira-Augapesada no 1471.

ARANGA
Castelo de Teodomiro: Santiago Fernández dime que no concello había un castelo coñecido como de Teodomiro, no monte do Gato (O Barreiro), do que non quedan restos. Tamén hai indicios de, polo menos, outras dúas torres, dunha das cales se conservan uns posibles perpiaños reutilizados na construción dunha vivenda. Declarado BIC. 
A Torre (Muniferral): Posible existencia dunha torre medieval.

A BAÑA
Castelo de Gosende (Gosende-A Ermida): Está recollido na bibliografía arqueolóxica dende o ano 1984, sendo catalogado no ano 1995. Pola análise da fotografía aérea localizáronse dúas estruturas de forma semicircular dispostas concentricamente, se ben nas prospeccións levadas a cabo non foi posible localizalas.   

BOQUEIXÓN 
Torre de Lestedo: Parece ser que se atopaba nalgún punto da contorna do Pico Sacro. Dise que as súas pedras foron reutilizadas noutras construcións. Aínda que inexistente, figura declarado como BIC.

CABANA DE BERGANTIÑOS 
Torre de Corcoesto: Asentamento fortificado de época medieval. Non se conservan restos.

CARRAL
O Castelo (Fócanos-Paleo): Citado por Sánchez Pardo e Fumadó Ortega (2013). Pouco se sabe deste xácigo. Podería tratarse dun castelo medieval edificado sobre un primitivo castro. 

CERCEDA
Castelo das Encrobas: Está documentado que no ano 1282 pertencía á mitra compostelá. Na metade do século XV o arcebispo deullo en préstamo a Xoán Becerra do Val de Veiga quen logo llo doou a Fernán Pérez de Andrade. Destruído polos Irmandiños.

COIRÓS
Torre da Espenuca: Sobre o primitivo castro da Espenuca construíuse unha torre medieval documentada no ano 868. Atopáronse tégulas romanas, muíños de man e lápidas con motivos xeométricos. No lugar existiu un mosteiro do que aínda se conserva a igrexa románica.
  
A CORUÑA   
Castelo de Valparaíso (Eirís): No mes de xullo de 2015, os arqueólogos da empresa Argos demostraron que ata o presente tíñase confundido esta fortaleza co coñecido como Castelo de Eirís. Da de Valparaíso pouco se sabe, créndose que podería ubicarse na zona coñecida como O Montiño.

IRIXOA
A Torre (Ambroa): Ao parecer, no lugar do que aínda se conserva o topónimo, había unha torre medieval da que non quedan restos das súas estruturas.

LAXE
Torres de Xallóns: Na parroquia de Sarces. Só queda unha pedra armeira que se colocou na casa de Parga Pondal, en Laxe. Declarada como BIC.

MELIDE
Castelo de Grobas: Pertenceu á mitra compostelá. A pesares de non quedar rastro da súa construción, a Xunta de Galicia tenno como BIC.
Castelo de Melide: Levantábase no lugar coñecido como O Castelo onde asentaba un primitivo poboado castrexo. No ano 1467, os Irmandiños derrubaron as murallas da vila e destruíron o castelo cuxas pedras foron reutilizadas na construción do convento do Sancti Spiritus.
  
MONFERO 
Castelo da Pluma (As Lamelas-San Fiz de Monfero): Posible asentamento fortificado de época medieval, defensivo ou de vixiancia.
  
MUXÍA
Illote do Castelo (Cabo Touriñán): Hai quen sitúa aquí un castro que en época romana foi utilizado para construír unha torre, ou quizais un faro. Adivíñanse algúns alicerces que puideron acoller algún tipo de construcións.

OLEIROS 
O Castelo (Serantes): Había unha torre, desaparecida, construída no século XVII.
Segundo información achegada por Alberto Vidal, preto do Monte Branco, na punta de Mera, había unha fortaleza que figura nun plano francés da baía da Coruña datado arredor do ano 1764. No posible emprazamento hai un lugar coñecido como A Torre. Un pequeno illote en Mera chámase tamén Illa Castelo.

ORTIGUEIRA
Castelo do Campo da Torre (Ortigueira): Existen referencias dunha antiga torre que formaba parte dun castelo medieval do século XII pertencente ao conde de Santa Marta de Ortigueira. Citado por Federico Maciñeira. Segundo a lenda, aquí vivían os mouros e había un pasadizo que comunicaba a igrexa de Santa Marta co castelo.

OUTES 
Castelo de Outes: Non existe constancia documental de que a igrexa de Santiago realizara algún tipo de arranxo despois do seu abandono no século XVI. Dise que as casas do lugar de Castelo foron levantadas cos restos desta fortaleza situada no monte da Torre. 

OZA DOS RÍOS
O Castelo (Bandoxa): Parece ser que na parte superior deste monte houbo un castelo. Na parte inferior tamén se conserva o topónimo O Castelo de Abaixo. 

PADRÓN 
Castelo de Roque (Cruxeiras de Abaixo): A 425 metros de altitude sobre o nivel do mar. Posible fortificación altomedieval. Nalgunhas rochas vense uns buratos que puideron servir para asentar os postes das estruturas.

PORTO DO SON 
Castelo de Burleu (Xuño): Hai quen sitúa aquí un castelo medieval, contruído sobre un primitivo asentamento castrexo.  
A Torre (Orseño-Nebra): César Oliveira Serrano (2000) di que preto da aldea de Orseño houbo unha torre medieval, erixida na marxe esquerda do río Quintáns, nun altorelo moi escarpado. Descoñécese se tería relación co Pazo de Nebra que pertenceu aos Caamaño e Soutomaior alá polos séculos XV e XVI, ou se sería da mitra compostelá. Ignórase tamén se estivo entre as fortalezas derrubadas polos Irmandiños. No lugar construíuse posteriormente unha casa de labranza, coñecida como A Torre. Tanto sobre a existencia desta torre como as fotos débollas a José Suárez Caamaño. 
  
SANTIAGO DE COMPOSTELA 
Castelo de Vigo (Sabugueira): A 490 metros de altitude. Aquí puído asentarse unha fortificación roqueira en época medieval, dada a existencia dunha elevación artificial do terreo na parte máis alta do cume (Rodríguez Resino, 2008). Gran visibilidade sobre comarca e o val do río Ulla, salientando a súa visibilidade directa sobre o Pico Sacro.

TEO
Castelo de Paizás: Outeiro onde puído haber unha fortaleza altomedieval. 

VAL DO DUBRA
Castelo de Portomeiro: A 400 metros de altitude sobre o nivel do mar. Castro ou castelo de forma ovalada (Agrafoxo, 1989). Sobre o castro ergueuse unha fortificación tardorromana ou altomedieval (Caramés, 1999). Trátase dun recinto fortificado no cume do Monte Maior, a 400 metros de altitude. Contrólase o paso do río Tambre. Moi alterado por canteiras de cuarzo e granito (Sánchez e Galbán, 2015). 
Os Castelos (Niveiro): Non se observan estruturas defensivas nin habitacionais. Polas características morfolóxicas do emprazamento podería tratarse dun xacemento altomedieval de carácter defensivo. 
O Castrillón (O Burgo-Arabexo): Pequena elevación onde non se observa a presenza de estruturas defensivas nin habitacionais. Podería tratase dun asentamento medieval de carácter defensivo. Alterado por desmontes e por un campo de fútbol. 
Monte do Castrelo (Bascuas-Coucieiro): Pequena elevación onde non se observan estruturas defensivas nin habitacionais. Polas características morfolóxicas do emprazamento podería tratarse dun xacemento altomedieval de carácter defensivo. 

VEDRA 
Prado de Torres (A Casanova-Sarandón): Posible asentamento fortificado de época medieval. Sen restos.



PROVINCIA DE LUGO

ABADÍN 
Castelo de Portela: Pertenceu ao bispado de Mondoñedo que xogou un importante papel cando a sé eclesiástica foi trasladada de Mondoñedo a Ribadeo baixo o reinado de Fernando II. Hai quen sitúa aquí un altar de sacrificios prehistórico, disque celta.

ALFOZ
Torre de Vilaúde (San Pedro de Mor): Non quedan restos. Descoñécese a data da fundación e cando foi derrubada, aínda que se cre que foi destuída polos Irmandiños. En dúas casas da aldea pódense ver unhas pedras armeiras que quizais proveñan da desaparecida torre. Nunha delas aparece a seguinte inscrición: "Do rei Bamba e sobriños descende esta casa por vía recta e camiños", e na outra: "Armas dos Moredas Ribadeneiras e Aguiares". 

ANTAS DE ULLA
Torre de Vilasante: Aínda que está catalogada como BIC, non existen restos arqueolóxicos, nin escritos nin orais que proben a súa existencia.

BALEIRA
Torre do castro de Baleira: Dise que a torre levantouse no lugar de Castro, parroquia de Cubilledo, onde antigamente houbo un asentamento castrexo. O escribán Diego de Santalla di que Acuña derrubou o castelo de Baleira, de Pedro Bolaño.  

BARALLA 
Casa da Torre (Os Mazos-San Martiño de Neira de Rei): Referencias orais. Dise que hai algúns anos aínda se vían restos xunto o río Neira. Consérvase o topónimo. 
Casa-torre de Traspena (Covas): Vázquez Seijas cita o lugar como San Mamede de Traspenas, sen achegar máis datos. Visitado o lugar, ningún veciño soubo achegarme datos, agás o relacionado coa existencia dun asentamento castrexo situado nun outeiro por riba da aldea coñecido como A Croa.
Torre da Condomiña: A Condomiña fálanos dun condominium de dous señores feudais sobre unha zona concreta. O reparto territorial obecede a o antigo señorío de San Miguel (a Casa de Cedrón como era coñecida no século XVIII) e o de Penarrubia da casa dos Ulloa que moraban no pazo da Pena que compartía o dereito de padroado co marqués de Alcañices. Contaba con cárcere e a ela pertenceron unhas cadeas de ferro que a mediados do século XX aínda se conservaban no pazo da Condomiña construído, probablemente, cos materiais da primitiva torre.  
Torre de Neira: Non existen probas arqueolóxicas nin escritas sobre a existencia desta torre o que non é atranco para a Xunta de Galicia de tela declarada como BIC. 
Torre de San Miguel (San Miguel de Neira de Rei): Nos cimentos da igrexa de orixe románica de San Miguel, edificada sobre un primitivo castro, aínda se perciben as pegadas do que puido ser a base dunha torre medieval de planta cadrada. Segundo relata Vázuez Seijas, dende a liña fronteira da igrexa e en dirección onde estivo a ponte de Carrocedo, derrubada por unha enchenta do río no ano 1939, o que deu lugar á construción da actual, partía un camiño subterráneo ao servizo da torre, traballado en pena.  



BARREIROS
Cabarcos: En San Xulián de Cabarcos había unta torre que aparece citada no século XV.

BECERREÁ 
Castelo de Pena Agüeira (Agüeira): Ten a orixe no século XI. Pertenceu a Vasco Herbón e Vivero. Foi derrocado polos Irmandiños segundo testemuña de Lope de San Silvestre, un labrego do couto de Barbadelo que declarou en Povancas, asegurando que despois de seren atacado Barbadelo polo conde de Trastamara, atacara a fortaleza de Pena Agüeira.

BEGONTE
Torre de Caramasa ou Camarasa: Pertenceu aos condes de Amarante. Destruída por un incendio.  Vázquez Seijas cre que se trata dunha das fortalezas máis antigas da provincia de Lugo xa que existía nos primeiros tempos da Reconquista. A pesares de non quedar restos está declarada como BIC. 
Torre de Saavedra (Begonte): Século XIV. Construída no ano 1322, foi derrubada polos Irmandiños. Só quedan algunhas pedras da desaparecida torre xunto o cemiterio e a ermida de Saavedra.

CARBALLEDO
Castelo de Milleirós: Vázquez Seijas di que no ano 1967 só quedaban ruínas. Segundo o Madoz, a igrexa de San Xoán de Milleirós era anexa de San Cristovo de Lobelle, que tiña "un antiguo castillo o fortaleza, llamada de Melleirós". No ano 1488 era dono Xoán Milleirós, que outorgara testamento verbal, segundo testemuña de Afonso de Moure, e entre as cláusulas que contiña figuraba unha, redactada en galego: "Eu mando mais a meu fillo Estevo Rodríguez, a miña pousa de Milleirós do Reguengo, e outros bes, que se parten mixtamente...". No ano 1743 figura como titular Carlos Manuel Suárez de Deza, alguacil maior da Inquisición. Dise que as pedras do castelo foron reaproveitadas a mediados do século XX para construír a casa do irmán do cura de Vilaquinte. 
Temes: Segundo a tradición, a igrexa de Santa María asenta sobre un castro e sobre unha torre medieval. No lugar apareceron restos tardorromanos.  
Torre de Buciños (A Torre-Buciños): Sábese que no ano 1905 xa estaba totalmente arruinada. Pertenceu aos Reinoso. Nunha casa do lugar consérvase un escudo con cinco lobos e un castelo.

CASTRO DE REI 
Casa Torre de Bendia: Segundo Vázquez Seijas, hou unha casa-torre no lugar de Vilariño que foi residencia de José Cornide. Consérvase un pazo cun escudo cuartelado na fachada.   
Castelo de Castro de Rei: Pola aparición de muíños de man e outros restos, crese que foi edificado sobre un antigo castro. Sábese que tiña unha torre de catorce metros de alto. Pertenceu aos condes de Lemos. Conta Amor Meilán que no ano 1396, Fernán Pérez de Andrade facía doazón ao bispo de Mondoñedo, por escritura asinada en Pontedeume, dos casares de Viladonga. Máis tarde o conde de Lemos daba ao seu primo Galeor Osorio a vila de Castro de Rei, en calidade de feudo, a fin de que casase con Constanza Pardo, filla do mariscal Pardo de Cela. Vasco de Aponte di que no século XV, Gutierre de Quesada foi señor de Castro de Rei, nomeado por Gómez Pérez das Mariñas. No 1501 Isabel a Católica concedeu ao conde Rodrigo Enriquez Osorio os privilexios das rendas e dereitos e varias vilas da provincia, entre elas Castro de Rei. Sábese que no 1737 o castelo aínda estaba habitado. Das murallas non fican restos, toda a contorna foi explanada para convertelas en terreos adicados a vivendas e fincas de labranza. Da fortaleza xa non se fala no 1914 cando a visitou o arqueólogo Ángel del Castillo, mais si da torre que se atopaba en mal estado. Na fachada principal da torre había unha pedra armeira coa letra T dos Castroxeriz e os seis roeis dos Castro. Foi atacado polos Irmandiños. Derrubado no ano 1941. 
Torre de Castrillón (Castrillón-Ribeiras de Lea): Disque estaba situada nun outeiro coñecido como Castrillón da Farola. Se existiu, non fican restos.   
Torre de Seivane (A Torre-Castro de Ribeiras de Lea): Baluarte defensivo que formaba parte do pazo de Seivane, documentado a partir do ano 1552. Só se conserva unha pedra armeira do século XVI nunha vivenda que hai no lugar (Casa de Seivane da Torre), o resto das pedras foron reaproveitadas noutras construcións a finais do século XIX. Declarada BIC. No catálogo da Xunta figura como Castelo de Leivane.  
Murallas de Coca: Non son poucos os autores que sitúan en Castro de Rei a orixe do emperador romano Teodosio o Grande, baseándose sobre todo no Chronicon de Idacio que di: "Theodosius natione Hispanus, de provincia Gallaeciae, civitate Cauca, a Gratiano augustus appellatur". Benito Vicetto, na súa Historia de Galicia, fala de San Salvador de Coca (actual San Salvador de Coea) a catro leguas de Lugo, concello de Castro de Rei, dicindo que o pai do emperador estivera como legado en Lugo e que adquirira posesións na Terra Chá, engadindo que ten máis en consideración a tradición e o texto de Idacio que as opinións dos escritores foráneos que se inclinan por situar a cidade de Cauca na Coca de Segovia. Vázquez Seijas argumenta que os que sitúan o nacemento de Teodosio na Cauca segoviana só se basean na coincidencia do nome, mais ignorando que na provincia de Lugo, ademais de San Salvador de Coca, en Castro de Rei, están a Coea de Navia de Suarna e de Vilalba, cuxos nomes foron alterados por erro na transcrición de antigos manuscritos, tomando o c por e, pasando logo ao nomenclátor como Coea no canto de Coca.
  
CASTROVERDE  
A Torre (Pena): Segundo Vázquez Seijas, o señorío de Coto da Pena exercéronno os Saavedra, con documentación que data do ano 1453, mais ignórase onde estaría a torre.

CERVANTES
Castelo de Frades: É o nome dunha aldea do concello. Non existen restos nin arqueolóxicos nin escritos sobre a súa existencia o que non impide que estea declarado como BIC.
Pena do Castelo: Uns veciños da Acea das Pontes contáronme que un afloramento rochoso que se ergue por riba do lugar recibe o nome de Pena do Castelo onde, segundo a tradición, houbo unha torre, romana ou medieval, que vixiaba o paso pola ponte do Río das Pontes.
  
CERVO
Castelo de Fontao: Estaba situado preto da desembocadura do río Xunco. Pertenceu ao mariscal Pardo de Cela. Non quedan restos. O condado de Fontao pertenceu a Alfredo Moreno Mosocoso, casado con Isabel Falguera e Moscoso de Altamira. No ano 1839 o condado foi obstentado por José María Moscoso de Altamira e Quiroga. No 1921 figuraba como terceiro conde José Moreno e Osorio Moscoso de Altamira e Chacón e a súa muller María Uribe e Garrido.
Castelo mariño de San Cibrán: Citado por Vázquez Seijas. Sobre os seus restos levantouse unha factoría de salgado de peixe.  
Facho de San Cibrao: Di Vázquez Seijas (1967) que a principios do século XVIII existía en San Cibrao o facho, ao que concorrían a facer garda "tres labregos e un mareante, día e noite" que se turnaban entre as freguesías de San Cibrao, Lieiro, Castelo, Cervo e Sargadelos. En todo o litoral galego abundaban os fachos, torres ou atalaias destinadas á vixilancia da costa para alertar do ataque de forzas inimigas, piratas, etc., construídos en puntos de maior visibilidade. Os avisos facíanse por medio de fogueiras e disparos.

CHANTADA 
Castelo de Muradelle (Paderne-Muradelle): Segundo o Madoz atoparíase nunha altura coñecida como Castelo de Paderne, construído como defensa contra os sarracenos. Amor Meilán, na súa Geografía del Reino de Galicia, di que era unha fortaleza romana. Escribe Vázquez Seijas que foi derrubada polos Irmandiños. Non hai restos.  
Torre de Candaz (Pedrafita): Edificada sobre un primitivo castro. Da súa antigüidade fala o seu fundador, un militar romano chamado Gelión Cambero. Foi destruída polos normandos cando era propiedade dos condes de Traba. 
Torre de Pacio (Líncora): Mantivéronse en pé algunhas pedras ata o ano 1905 que se reaproveitaron na construción das casas. Declarada BIC. 
Torre de Pereira: Os últimos restos desapareceron a comezos do século XX. Catalogada como BIC pola Xunta de Galicia. 
Torre de Vilar de Eiriz: Non queda ningún resto. Curiosamente está catalogada como BIC. 
Torre de Vilaúxe: Edificada sobre un outeiro rochoso, na actaulidade só se conserva o topónimo. Declarada como BIC.

COSPEITO
Torre de Momán: Pouco se sabe sobre a súa orixe, mais crese que foi derrubada polos Irmandiños. Non se coñecen restos. Curiosamente está declarada como BIC pola Xunta de Galikcia.
Torre de Támoga ou do Torrillón: Estivo emprazada no lugar do Castro. Erixida sobre un antigo asentamento castrexo. Cando a derrubaron os Irmandiños pertencía a Fernán Rodríguez de Saavedra e Aguiar e a Sancha Fernández de Aguiar e Peredo, señora de Narla. Dise que a principios do século XX aínda se podían ver as súas ruínas e os vestixios dos foxos que logo desapareceron polos terreos adicados a cultivo.

A FONSAGRADA
Castelo da Allonquiña (A Allonca): Era coñecida como Torre Vella da Allonquiña. Sábese que tiña uns nove metros de altura, composto por dúas plantas superiores e unha baixa. Segundo Vázquez Seijas foi derrubado no ano 1910 polo seu derradeiro dono Laureano López Monteserín quen cos seus materiais edificou unha casa. A principios do século XVI pertencía aos Caraduxe, uns labregos que procedían de casa señorial, posuíndo Real Carta Executoria de fillosdalgo. Un Caraduxe foi alcalde de Burón no ano 1771.

FOZ
Castelo da Espiñeira (A Espiñeira-Vilaronte): Pertenceu ao conde de Ribadeo. Derrubado polos Irmandiños. Non fican restos. 

GUNTÍN DE PALLARES
Castelo de San Fiz do Ermo: Coñecido tamén como Castelo do Besgo. Non se conservan restos. Ao parecer levantábase sobre unha peneda existente na confluenza dos ríos Ferreira e Entrabasaugas. Asociado á orde do Temple. Malia o anterior, a Xunta de Galicia tenno como BIC.
Torre de Santa Euxea: Destruída polos Irmandiños, non se conservan restos. Dise que algunhas das súas pedras foron reutilizadas na construción da igrexa parroquial, nun dos contrafortes pódense ver varias pedras decoradas reaproveitadas doutro edificio na construción do templo. 
Torre de Sirvián: Máis coñecida como A Torre do Mouro. Erixida nun altorelo sobre o río Ferreira, ao parecer nos séculos XII ou XIII.
  
O INCIO 
Casa-forte de Rubián de Cima: Citada nun documento do ano 1664 referido a un foro. Non quedan restos.   
Castelo Slanillo: Fr. Gregorio de Argáiz (1600-1679), na súa obra de longo título La soledad laureada por San Benito y sus hijos en laas Iglesias de España y theatro monástico de la provincia Bética, di que o mosteiro de San Salvador do Mao corresponde á terra do castelo Slanillo, preto do río Omano (o Mao), do bispado de Lugo. O nome Slanillo, que eu saiba, non deixou pegada na toponimia actual. Este mosteiro de San Salvador identifícase cun denominado como Flanello (así citado no Tombo de Samos do ano 947), situado na vila de Planeto, poboación citada nun documento do ano 991: "monasterium Sancti Salvatoris, territorio Lemabus, prope ribulu Omano, fundatum in villa que antea vocabatur Planeto, et modo dicitur sanctum Salvatorem". 

LUGO 
Pena da Ermida (Alto de San Fitoiro-Labio): Nun afloramento rochoso atopáronse fragmentos de tella e cerámicos. Entre as penas obsérvase un cono de violación. Dende o lugar domínanse os montes circundantes. 

MONDOÑEDO 
Castelo da Pena de Don Lope: Erixido na costa, descoñécese a súa situación, o único que se sabe é que pertencía ás terras de Mondoñedo. Conta Vázquez Seijas (1967) que tivo noticia deste castelo por Vicente Rivera. Di que pertenceu a un inglés que veu a loitar contra os árabes e que estaba situado nunha prominencia "próximo á costa da terra de Mondoñedo". Ao parecer xa existía no século XIV e que os señores do castelo chegaron a ter cento cinco lanzas, estando emparentados coas principais familias de Galiza, entre outras a dos Andrade. Foi dona do castelo Xoana Díaz Gaioso que foi asasinada polo seu home Xil Pérez de Lugo, descoñecéndose a causa.   
Castelo da Toxiza: Aínda que figura catalogado como BIC, non existen nin datos arqueolóxicos nin escritos que testemuñen a súa existencia. F. Mayán cre que no lugar puido erixirse un castro. 
Os Castelos (Viloalle): Francisco Mayán, que o estudou a mediados do século XX, identificouno cun asentamento da Idade do Ferro; atopou restos cerámicos e de metais aínda que hai dúbidas canto a súa adscrición cronolóxica que ben puidera pertencer a época medieval.

MONFORTE DE LEMOS
O Castelo Grande (Reigada): Asentamento fortificado de época medieval formado por unha plataforma superior arrodeada por un terraplén que acada o seu máximo desenvolvemento no lado noroeste e circundada por unha suave pendente.
O Castelo Pequeno (A Veiga-Reigada): Situado nun outeiro que se levanta na parte baixa e cha do Val de Lemos. Nos terzos NO e SE presenta dúas pequenas elevacións amesetadas que se erguen sobre dous cavorcos de pouca altura. Aínda que está considerado como un castro, pola súa localización (controla o acceso leste a Monforte) e máis o seu carácter amesetado pode tratarse tamén dunha vixía de adscrición romana ou medieval. Apareceron restros en superficie de época medieval. 


MONTERROSO
Torre de Bidouredo (Bidouredo): Coñecida tamén como pazo de Castelar ata finais do século XIX. Ten a orixe no século XII. Foi mandada construír por Xoán Salgado Gundín e Violante Sarmiento de Vaamonde. A muller, ao quedaren viúva, casou con Álvaro Losada Ribadeneira a quen deixou como herdeiro. Non se conservan restos o que non é obstáculo para a Xunta de Galicia de tela catalogada como BIC. As súas pedras foron reutilizadas nas casas da zona. 
Castelo de Sirgal: Construído sobre un antigo castro, non se conservan restos. Sobre el edificouse un castelo na Idade Media que foi derrubado por mandato do emperador Carlos V, segundo consta nunha información de nobreza practicada no século XVII. A fortaleza estaba arrodeada por un foxo e contrafoxo. Conta a tradición que neste castelo naceu Santa Ilduara, nai de San Rosendo. Formoso Lamas, no seu Apuntes para la Historia de Chantada (1905), di que foi fundado polos sirios que chegaron a Galiza e despois xuntáronse cos galos por cuxa razón se lle chamou torre de Sirgal. Uns veciños dixéronme que as súas pedras foron reutilizadas na construción da Torre de Penas e na Casa Grande de Monterroso. Tamén que había un túnel que comunicaba o sitio co río que é por onde baixaban os cabalos dos mouros para beber.

MURAS
O Castro (Muras): No lugar onde se levantou un castro, a tradición asegura que tamén se ergueu un castelo medieval cuxa cisterna comunicaba co río Eume. Dende o outeiro domínase os núcleos do Burgo e Muras. 
Torre de Silán: De finais do século XIII, principios do XIV, dise que foi dominio da Beata Constanza de Castro e Osorio cuxo sepulcro se conserva na igrexa de San Francisco de Viveiro. As súas pedras foron reaproveitadas noutras construcións. Na casa reitoral aínda se pode ver a pedra armeira da familia dos Castro, Alfeirán, Andrade e Faxardo.
  
NAVIA DE SUARNA 
Casa-forte de Fontela (Muñís): Conta Vázquez Seijas que aínda que non se conserva o corpo da torre, por tradición familiar denominábase a un sitio situado no NO da casa como "habitación da torre". Na actualidade o edificio atópase restaurado.      
Pena Castelo (Laxo-Rao): Aínda que se carece de noticias documentais sobre a existencia dun castro ou castelo, os veciños contáronme que si houbo un castelo que foi destruído. De feito hai unha lenda que di que foi tal a pólvora utilizada na súa destrución que no lugar onde se instalaran os canóns non volveu medrar ningún tipo de vexetación. Cando visitei a pena en agosto de 2011, a pesares da mesta matogueira, observei algúns restos de muros que os veciños me aseguraron non pertencían a ningunha vella casa nin a un cortín. 
A Torre (Murias): José Fernández ("José de Vilarín") contoume que a carón da antiga escola levantábase unha torre cuxas últimas pedras desapareceron ao faceren unha explanación. Na casa de José consérvase unha pedra armeira.


OUROL
Torre de Ferreira de Bravos: Poucos datos existen sobre esta posible torre. Vázquez Seijas di, sen precisar a data, que foi destruída por un incendio. Quizais fose a principios do século XVII xa que a capela que pertencía á torre foi reedificada no ano 1640. 
Torre de Seserit (Xerdiz): Nun privilexio outorgado no ano 1368 por Pedro I, que se refire aos servizos prestados polo Concello de Viveiro na loita contra o seu irmán Henrique, confirmatorio doutro de Sancho IV, cítanse as casas-fortes de Muras e Seserit (Xerdiz). En documentos do século XI, escribe Vázquez Seijas, fálase desta torre como fortaleza encravada nos términos do Concello de Viveiro. Se existiu nada se sabe onde estivo situada. 

OUTEIRO DE REI
Torre de Arcos: Non se conservan restos. Ao parecer, Lupo Camberro de Candal, por privilexio de Don Paio, recibiu o señorío de Arcos pola súa valentía contra os árabes durante a Reconquista. 
Torre de Caboi (Astariz-Caboi): A dicir de Vázquez Seijas, parte do poboado ocupa un recinto amurallado cercado con foxos, cubertos pola matogueira, que indican claramente que alí houbo unha fortaleza. Malia o anterior non fican restos que poidan proporcionar datos de onde estivo emprazada. Segundo a tradición ergueríase na coñecida como Casa de Prado que na fachada ten un escudo cunha árbore franqueada por dous cans ou leóns, ou onde está a Casa do Redondo, no campo da Rúa, onde estivo a forca e o cárcere, derrubado no século XIX. 
Torre de Pardo de Cela: Ao parecer, na freguesía de Cela localizábase unha torre pertencente ao famoso mariscal Pedro Pardo de Cela que máis tarde pasou aos Ribadeneira. Situábase ao oriente da igrexa parroquial. Non quedan restos.

PALAS DE REI 
Castelo do Castro das Seixas (Castro das Seixas-Merlán): Sobre o primitivo castro, Vasco Gómez das Seixas construíu un castelo en época medieval. Os Seixas foron propietarios do castelo de San Paio de Narla, en Friol. Non quedan restos. 
Castelo de Curbián: Estivo situado na marxe esquerda do río Pambre, citado por López Ferreiro na súa novela O Castelo de Pambre. Vázquez Seijas di que Manuel García Blanco localizou unha das torres dos Ulloa na parroquia de Curbián.   
Castelo dos Penedos de San Nicolao: Os Penedos de San Nicolao están situados nas inmediacións do Camiño Primitivo, nuns outeiros nos que afloran crestas de seixo branco, e que están catalogados como emprazamento dun castelo roqueiro medieval, coñecidos como niños de aguias. Cada un deses afloramentos contan cun nome específico, pero é o máis elevado o que recibe o nome de San Nicolao xa que segundo a tradición no seu cume existiu unha capela posta baixo o padroado deste santo. Dende os altos dos afloramentos vese perfectamente o Camiño Primitivo atravesando o vao natural que cruza a Serra do Careón. O xacemento sitúase nas inmediacións das aldeas do Hospital das Seixas e de Cascamiño, na parroquia de Merlán. (Información achegada por Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz, do Museo da Terra de Melide).

PANTÓN
Torre de Quitapesares (O Cotillón-Acedre): Fala dela Ferro Couselo no Boletín do Museo Arqueolóxico de Ourense no ano 1952, baixo o título La Torre de Quitapesares y el Duque de Arjona. Dise que foi mandada construír por Fadrique Enriquez, fillo do conde de Trastamara, neto do maestre de Santiago Fadrique, bastardo de Afonso XI, quen tomou o título de duque de Arjona. Conta Ferro Couselo que no ano 1429 foi levado o duque ao castelo de Almazán e pouco despois trasladado a Peñafiel, onde un ano máis tarde morreu, con sorpresa de todos e do propio rei "que sin duda por acallar pesares", fixólle honras fúnebres moi suntuosas en Astudillo. O conde de Lemos e o abade do mosteiro de Santo Estevdo de Ribas de Sil preitearon pola posesión da torre. No ano 1525 a torre xa se atopaba en completo abandono, e os seus materiais, pouco a pouco, foron desaparecendo, reaprovitados polos veciños noutras construcións. No Arquivo Histórico de Ourense consérvase un debuxo de finais do século XVII ou principios do XVIII no que se ve que se compoñía de dous corpos, torre e vivenda. Cóntase que un paxe, de nome Pero López, foi arroxado dende o alto da torre por dous negros por mandato do duque por cortexar a Leonor García, a súa tía. 
Torre de Vilamelle: Di Vázquez Seijas que no século XV era dono da torre Amaro de Vilamelle, fidalgo do conde de Lemos. Ramón Castro López, no seu Reseña Histórica Descriptiva de Vilar de Ortelle y su Comarca (1929), describe unha batalla que tivo lugar no campo chamado da Pedrosa durante a Idade Media, en tempos de Xoán II. Non quedan restos. Lembro que o fidalgo citado por Vázquez Seijas é un dos protagonistas de Los Hidalgos de Monforte, de Benito Vicetto, que o autor pon coma fillo do mariscal Pardo de Cela. 

A PASTORIZA
Castelo de Britonia: Segundo Amor Meilán, baseándose nunha testemuña de Pomponio Mela, insinúa que nos primeiros séculos da era cristiá existía unha confederación de pobos ártabros con capital en Britonia, confederación que abranguía ata a actual comarca de Ortegal. Dentro do que foi o emprazamento da antiga Britonia, segundo as Memorias que compuxo un coengo da Catedral de Mondoñedo, utilizadas polo P. Flórez no tomo 18 da súa España Sagrada, aínda se coñecían no 1763 vestixios dunha gran fortaleza con foxo e contrafoxo. A igrexa actual asenta sobre unha basílica monacal de orixe suevo-visigótica, sé da Diócese de Britonia fundada polos bretóns que chegaron ás costas de Lugo no século V, dirixidos polo bispo Mailoc.

POL 
Castelo de Santa María de Luaces: Citado por Bouza Brey nun artigo da Comisión de Monumentos históricos e artísticos de Ourense titulado Origen y descendencia de los Luaces (1951). Non fican restos. 
Castelo de Trasín: Citado polo monxe bieito Fr. Francisco Muxica no ano 1694. Di que no bispado de Lugo, na freguesía que chaman Suegos de Luaces, e outra no mesmo bispado, Santa María de Luaces, en terras do conde de Altamira, nun sitio que chaman Trasín, víanse as ruínas dun poderoso castelo, que por seren tan antigo o tempo consumiu e desfixo. Refire que cando os godos chegaron á Galiza e botaron aos suevos, un cabaleiro suevo que emparentara cos godos quedou como señor destas terras. Sempre se lle chamou suevo, e as súas posesións casa e terra de suevos. Os moros que o ocuparon posteriormente, prenderon ao último señor do castelo e a unha nena, filla súa, que foron liberados posteriormente. Descoñécese a ubicación deste castelo.
Torre de Caraño: Como fundación no lugar de Caraño, o documento máis antigo data do ano 1505, nun testamento outorgado por María Fernández, filla Rodrigo Yáñez de Outeiro, e muller de Lope Pillado. No ano 1610, Álvaro Rois deixa no seu testamento ao que vivise na torre, varios bens, con pensión dunha misa cada dous anos. Nada se sabe do seu emprazamento, a non ser que ocupara o lugar dunha das dúas casas brasonadas que aínda existen.
  
A PONTENOVA
Castelo de Viloudriz: Citado por Amor Meilán, quen di que xa existía antes do século XVI, demolido por un tal Diego Fernández de Boulloso que recibira en foro do bispo de Mondoñedo polo ano de 1595 e 1599. Non quedan restos. 

QUIROGA 
Castelo de Ares (Augas Mestas): Citado por Amor Meilán na súa Geografía General del Reino de Galicia, do que di que non quedan restos. Sabemos que no lugar houbo un primitivo cstro. O mesmo autor fai mención dun Castelo de Malpica, situado no mesmo concello, mais ignórase onde se podería ubicar.   
Castelo de Lor: Recibe o nome por estar situado preto do río Lor, na parroquia de Quintá de Lor (Vázquez Seijas fala da parroquia de Santa María de Lor, hoxe en día inexistente). Pertenceu aos Arias de Sirgal. Podería ubicarse nun meandro do lugar chamado Esmorille, onde houbo un castro. As súas pedras parece que foron utilizadas na construción dun túnel do ferrocarril. 
Castelo de Montefurado: Sobre o túnel de Montefurado crese que puído erixirse un castelo de orixe romana, construído sobre o primitivo xacemento castrexo, para controlar o paso por riba da boca do túnel. Insiro un gravado do último terzo do século XIX onde se representa o túnel e a fortaleza, extraído da Crónica General de España (provincia de Lugo) de Villa-Amil y Castro do ano 1866.
Fortaleza e torre da casa forte de San Cristovo de Fisteus (San Cristovo-Fisteus): Con estas denominacións figura nun litixio por varias posesións do ano 1534, en pedimento de Alonso de Quiroga, veciño de San Cristovo de Fisteus, contra Pedro Fernández do Río e Marina Vázquez Quiroga, preito que foi resolto no ano 1591.

RIBADEO
Torre das Cabanas: Nada se sabe onde estaba emprazada, aínda que se cre que puído estar no lugar coñecido como Penafurada. Sábese que no ano 1540 era alcaide Lope de Reigada. 
Torre de Cedofeita (Cedofeita): O couto de Cedofeita noméase nun documento do ano 1202, na permuta que o bispo Paio de Cebeyra fixo co rei Afonso VIII. Segundo Amor Meilán, na súa Geografía del Reino de Galicia, Cedofeita é a antiga Cito Facta (hai autores que a levan para Lérez, en Pontevedra). No arquivo da Real Chancelaría de Valladolid existe o preito que mantiveron os da linaxe de Cedofeita polo recoñecemento da súa fidalguía no ano 1542. No ano 1535 era dona do couto de Cedofeita Branca de Ribadeneira e Pimentel, esposa de Antonio de Tovar, dono do couto de Canedo e do pazo de Tovar, en Lourenzá. Preto da ponte de Arante, consérvase unha sinxela torre de planta cadrada á que se adosan outras construcións. O lugar que ocupaba a antiga pedra armeira foi substituído por un escudo de madeira que se conservaba nalgunha parte das dependenzas.
A Torre Vella: Foi erixida en Vilaselán para servir de guía aos navegantes. No ano 1622 fíxose nela un forte dotado con dúas pezas de artillería. Sábese que no ano 1813 estaba totalmente arruinada, e nese lugar construíuse un faro.

RIBEIRA DE PIQUÍN
Casa-torre de Santalla de Piquín: Pertenceu á xurisdición do mosteiro de Meira. Non quedan restos.  
Torre de Navallos: Citada en documentos do castelo de Caldaloba, no concello do Pino. Non quedan restos.

SAMOS
Casa-torre de Lourido (Renche): Só se sabe que foi incluída na dote de María Xosefa de Ribadeneira e Montenegro para casar con Baltasar Antonio López de Armesto e Losada, sucesor da casa de Castragude (O Incio), quedando incorporado a esta esta última a principios do século XVII. 
Castelo da Toca (Toca-Renche): Foi mandado derrubar polos Reis Católicos. Pertencía ao mosteiro de Samos. Non quedan restos.

SARRIA 
Casa-torre de Louseiro: Estaría situada en O Barrio, segundo se desprende dun preito por unhas lindes entre o propietario da casa-torre e o convento da Madalena de Sarria a mediados dos século XVIII. 
Castelo dos Infantes (Castelo dos Infantes): Sobre un primitivo castro levantouse unha torre medieval. Coñécese unha ocupación poboacional na Alta Idade media por un inventario do 1082, citándose como Castellum, e noutros documentos de 1098 e 1120 como Castelo. Vázquez Seijas cre que foi derrubado polos Irmandiños. Esta xurisdición era independente de Sarria. 
Torre de Domiz (Meixente): O documento máis antigo que fala da torre data do ano 1616, unha escritura de venta. Non quedan restos.
Torre de Vilar (Vilar da Torre-Loureiro): Aínda que desapareceu a principios do século XVIII, está declarada como BIC. Segundo o excronista oficial de Sarria e membro do Seminario de Estudos Sarriaos Francisco Vázquez Saco, Xaime Félix López Arias, estivo vinculada á familia Castragude e tamén había unha capela, igualmente desaparecida. Sábese que foi doada en foro a finais do século XVIII, e que parte das rendas foron vendidas a fins do século XX. Consérvase o topónimo.

O SAVIÑAO 
Castelo de Xuvencos: No testamento outorgado no ano 1402 por Gonzalo Ozores, cedendo a fortaleza de Pambre ao seu primoxénico Lope Sánchez de Ulloa, figura entre outros bens o castelo de Xuvencos. Tamén consta nunha escritura de doazón de principios do século XV. Derrubado polos Irmandiños. Ao parecer ocuparía a cima do primitivo castro da Cibdá ou de Xuvencos. 
Torre de Arxeriz (Arxeriz-Fión): Levantábase, ao parecer, sobre o castro de Arxeriz. Vázquez Seijas escribe que lle informaran da aparición dalgúns restos.

TABOADA 
Castelo de Asma (Santa María do Castelo): Na Era 1415 (ano 1377), o prior do mosteiro de A Cova (O Saviñao), Xoán Gómez, con outorgamento doutros coengos do cenobio, fixo permuta dalgúns bens co bispo de Lugo Pedro López de Aguiar, quen deu a dito prior e coengos os que tiña na freguesía, e eles cederon todo o que tiñan no castelo de Asma, instrumento que foi outorgado en Diomondi.  
Fortaleza de Sonán (Insua): Non quedan restos e tamén se descoñece quen a mandou construír. Escribe Vázquez Seijas que debeu ser unha das máis antigas erixidas na provincia de Lugo xa que no século XVII era coñecida como palacio vello de Sonán. Na primeira metade do século XVI fundou vínculo da casa grande Sonán Lope de Taboada, o Vello, descendente dos señores do castelo de Castro Candaz, en Chantada. Na fortaleza existía unha ermida posta baixo o padroado de Nosa Señora do Carme, que xa a mediados do século XIX estaba arruinada.   

O VALADOURO
Fortaleza de Vilanova dos Cabaleiros: A única referencia achégaa Vázquez Seijas (1967), información que lle facilitou Vicente Rivera que a tiña como pertencente á familia dos Osorio, señorío concedido polo mesmo rei galego Paio polos servizos que lle prestara na súa guerra contra "os infieis". Se existiu, nada se sabe do seu emprazamento. 

VILALBA
Casa-forte de Samarugo: Descoñécese a data da fundación. Está situada na parte meridional do Monseiván. Dise que os señores de Samarugo foron os fundadores da aldea e da freguesía que radicaba no lugar denominado Castro ou Castelo. No último terzo do século XV constitúese a casa de Samarugo en centro e cabeza dos señoríos da familia, non téndose noticia de que os seus donos a ocuparan con anterioridade a esa data. No Memorial da casa de Saavedra califíase de moi poderosa en rendas e vasalos. Achega Vázquez Seijas que don Enriquez, señor de Vilalba, As Nogais, Becerreá e outras terras señoreaba tamén, a mediados do século XV, Samarugo, Vilaxoán, Pedrafita e Vilamaior. Cando a visitou Vázquez Seijas a finais dos anos cincoenta do pasado século XX conservábase en regular estado, ostentando na fachada dous escudos coas armas dos Castro, Osorio, Ulloa e Aguiar. Francisco González Peteira achégame que as fortalezas de Samarugo e Muras pertencían a Alonso Pérez de Vivero, contador de Xoán II, e cuxo alcalde foi Pedro Pardo de Cela.

VIVEIRO
Monte de San Martiño Castelo (Landrove): Aínda que non existen vestixios a simple vista, crese que no lugar, onde se ergue unha ermida posta baixo o padroado de San Martiño, houbo unha fortaleza ou torre de vixiancia medieval. Domínase o val do río Landro. 
Torre de Landrove: A freguesía de Landrove foi couto independente baixo o señorío de Mondoñedo que tiña nela unha casa forte. Sábese que a vila de Viveiro, representada polo seu procurador xeral Domingo Pérez, acodiu ao rei Afonso XI para queixarse dunha casa-forte que se levantara en Landrove por Fernán Bonome, en nome do bispo de Mondoñedo, dende o cal se lle causaban grandes danos aos seus veciños, maltratándoos e ocupando as súas terras. Despois da morte de Fernán Bonome, os veciños, encabezados polo alcalde de Viveiro Gonzalo Pérez foron ata o lugar e arrasaron a casa forte. 
Torre de San Xoán de Covas: Nada se sabe de onde puido estar emprazada esta torre. Di Vázquez Seijas que si se sabe que foi derrubada polos Irmandiños, e que segundo Lence Santar figura comprendida na relación publicada por López Gacía baixo a denominación de Castelo da Cova. Aínda que só como conxectura, puido erguerse nos Castelos da praia de Covas.
  
XOVE
Monte Castelo: (Vilachá-Portocelo): O topónimo localízase no cumio que coroa a Punta Roncadoira, no extremo máis septentrional do concello. Segundo a tradición, no lugar houbo un castelo, de feito asegúrase que apareceron restos cerámicos esparexidos polo monte. Nos afloramentos graníticos abundan as pías, a simple vista naturais.



PROVINCIA DE OURENSE

AMOEIRO
Castelo de Formigueiro (Trasalba): Coñecido tamén como Alba de Búbal, de onde derivaría o topónimo Trasalba. Construído sobre un primitivo castro. O primeiro documento data do século XI. Derrubado polos Irmandiños e logo reconstruído. Cóntase que os veciños dos Chaos salvaron o gando da requisa polas tropas napoleónicas no 1809 agochándoo nos subterráneos abovedados do castelo. Nunha rocha aparece unha gravura medieval dunha espada.

BALTAR
O Castelo (San Paio-Abades): Aínda que a simple vista non se observan restos, a tradición sitúa aquí unha fortaleza medieval. Trátase dun outeiro rochoso cunha zona central superior achairada e arrodeada por terrapléns naturais. Tamén se distingue unha terraza circundada por terrapléns que puideran pertencer a un segundo recinto.

OS BLANCOS 
O Castelo Vello: Na parroquia de Covas, e non moi lonxe do castelo da Raíña Loba. Trátase dun outeiro rochoso que se eleva a uns 1.000 metros de altitude, protexido dos ventos do sur por grandes penedos. Vense os alicerces dun muro formado por grandes sillares de granito asentados sobre a rocha e rebaixes para asentar os sillares e as vigas de madeira. Estaría en relación co castelo da Raíña Loba. Contáronnos que alí "viviu xente" e que se podían ver restos de muros e moxóns, o que non puidemos verificar.
Castelo do Outeiro da Fraga (Covas): Situado no derradeiro outeiro rochoso ao sur do Castelo da Raíña Loba. Vense os alicerces do que podería ser unha torre medieval de planta rectangular.
Castelo do Cemiterio (Covas): Xacemento emprazado no cumio dun grande outeiro rochoso situado ao sur do Castelo da Raíña Loba, coñecido tradicionalmente polos veciños como O Cemiterio pola aparición de gran cantidade de ósos. Pódense ver os alicerces dunha construción de planta cuadrangular levantada con muros de mampostería de granito que puideran corresponder aos restos dunha torre medieval relacionada co castelo da Raíña Loba. Localizáronse anacos de filiación medieval e ósos de animais. 

A BOLA
Castellum Berreti (Berredo): Situado no cume dun pico rochoso, a 750 metros de altitude sobre o nivel do mar, entre dous regueiros e sobre un primitivo asentamento castrexo. Defendido de forma natural polas acusadas pendentes. Pódense observar restos de cachotaría de granito espallados polo lugar que ben puideron pertencer a unha muralla e rebaixes artificiais na rocha. Mandado construír polo rei portugués Afonso Henriques o cal lle entregou a súa tenza ao conde Velasco (probablemente o conde Vasco Sánchez de Barbosa). Os primeiros documentos datan do ano 999 que o citan como Castellum Berreti, nunha doazón no que o monxe Gaudinus Albarín doa ao mosteiro de Celanova as súas propiedades. Volve haber noticias no 1001 en que Maltrona vende ao monxe Munio varias terras en Seixomil, coa indicación de que se atopan "Subtus castro Berreto discurrente rivulo Mauregati". As noticias sobre esta fortificación perduran ata o século XV.

O CARBALLIÑO
Castelo do Orcellón: Nada se sabe sobre a fundación deste castelo nin da súa situación exacta. Se o situamos no Carballiño é por unha ambigua cita da Historia Compostelana. Si se sabe que pertenceu a Dona Urraca e que no 1121 a raíña retivo nel ao arcebispo Xelmírez. Foi derrubado polos Irmandiños no ano 1467. 

CASTRELO DE MIÑO
O Castrelo (Padreiro-Castrelo): Sobre o primitivo castro ergueuse unha torre na Alta Idade Media da que non se conservan restos. No mesmo lugar construíuse a actual igrexa de Santa María de orixe románica. 

CUALEDRO
Castelo do Alto do Seixo ou Pena Rachada (Baldriz): Segundo a tradición había un castelo que vixiaba Portugal e que se comunicaba co da Pena (Xinzo de Limia) e O Castro (Sandiás). No lugar hai un vértice xeodésico, mais non se aprecián restos ao seren removido o terreo polas máquinas. (Información achegada pola arqueóloga Nieves Amado Rolán). 
Torre de Lucenza (Lucenza): Pertenceu aos condes de Monterrei. No ano 1710, durante os conflitos con Portugal, transformouse en forte. Na actualidade non se conservan restos. Hai un deseño na biblioteca de Lisboa.

ENTRIMO
O Castelo (Ferreiros de Arriba-Entrimo): Parece que o lugar acolleu unha torre que segundo a tradición controlaba a fronteira neste sitio. Apréciase unha planta octogonal conformada por un montón de pedras. Domínase o val do río Agro.

ESGOS
Castelo de Litoria (Arcos-San Pedro de Rocas): Época sueva?. Construído a 886 m de altitude sobre un primitivo asentamento castrexo. No lugar hai unha pedra cunha inscrición datada a finais do século VI dun tal Dux Leovigildus.

LAZA 
O Castelo (Matamá): Segundo información facilitada pola arqueóloga Nieves Amado Rolán, en Laza existen varias referencias e topónimos, pero ningún resto claro. O Alto do Seixo é o pico máis alto da Serra de Meda, onde se xuntan os tres concellos de Laza, Cualedro e Monterrei. A tradición oral di que neste monte do Castelo houbo unha torre de vixiancia que dependía da fortaleza de Monterrei. 

LEIRO
Castelo de Pena Corneira (Lamas): O pouco que se sabe sobre o castelo é pola Historia Compostelana. Sábese que no século XII pertencía a Arias Pérez, fillo de Pedro Arias de Deza, casado con Ilduara, filla do conde de Traba. Cando a coronación de Afonso VII, non o recoñeceu polo que tivo que ser sometido polo arcebispo Xelmírez. O famoso prelado compostelán estivo preso na fortaleza denantes seren trasladado ao castelo de Lobeira, en Vilagarcía de Arousa. O castelo estaba asentado nunha estreita plataforma que coroa un destacado outeiro que ofrece unha ampla visibilidade. Na parte superior foron localizados restos cerámicos medievais e fragmentos de tellas. No oeste existen grandes batolitos graníticos que estarían integrados no perímetro defensivo da fortaleza.

LOBEIRA
Castelo Sancte Crucis (Santa Cruz de Grou): No libro manuscrito Celanova ilustrada, do século XVII, de Fr. Benito de la Cueva, lemos: "Na rebelión dos nobres de Galicia contra o rei Ramiro II no 979, á que seguiu a proclamación e consagración de Vermudo II na catedral de Santiago ao ano seguinte, orixináronse grandes revoltas no país. Algúns daqueles señores fixéronse fortes nos castelos de Sande, Castro Leboreiro e Santa Cruz, pertencente este último ao couto de Grou, do mosteiro de Celanova, e dende alí roubaban as propiedades dos conventos e cometían toda clase de atrocidades". O licenciado Molina di que foi derrubado polos Irmandiños. 

LOBIOS 
A Fraga Raxada (A Cela): Medieval. Torre emprazada no cume dun montículo roqueiro. Apenas se conservan restos. Pódense ver unha serie de derrubes pétreos que popularmente se consideran pertencentes a un mosteiro.  

MASIDE
Torre do Bolo de Senda: Nada se sabe dela, dise que estaba no Bolo (Garabás) ou nas inmediacións.

A MERCA
Torre de San Pedro da Mezquita: Só se conserva unha pedra armeira situada nunha vivenda.

PARADA DE SIL
A Fortaleza: En A Torre, parroquia de Barxacova., consérvanse restos dunha casa coñecida como A Fortaleza, con pedra armeira do século XVI.

PEREIRO DE AGUIAR
Castelo de Aguiar de Pedraio: Polos documentos de doazón feita por Afonso VIII, rei de Galiza e León, á súa dona Berenguela, parece que a súa localización se atopaba na aldea de Pedraio, na parroquia de Santa Marta de Moreiras. Xa existía, cando menos, dende o século XIII. Declarada como BIC, no catálogo figura como Torre de Pereiro de Aguiar.

PORQUEIRA 
O Castelo (Paradela de Abeleda): Situado nunha plataforma rochosa con gran dominio visual. Pódense ver as pegadas dos perpiaños deixados na propia rocha que acollería unha construción de planta cuadrangular.

SAN XOÁN DO RÍO
A Torrevella (A Torre Vella-San Xoán do Río): Aínda que non existen restos, parece que existiu unha torre medieval cuxas pedras se utilizaron para a construción do castelo de Castro Caldelas.

A TEIXEIRA
Casa da Torre (A Teixeira): Na parte máis alta da vila. Dise que onde estaba a coñecida como Casa da Torre houbo unha torre medieval. Vense varios muros que os veciños aseguran pertenceu á antiga fortaleza.
  
TRASMIRAS
O Outeiro (Escornabois): Nun outeiro próximo á capela do San Roque hai unha gran pena onde se aprecian as marcas para encaixar sillares e para apoiar os postes. Trataríase da torre de vixía dun castelo. Na actualidade está moi humanizado por vivendas modernas.

A VEIGA
O Castelo (Casdenodres): Asentamento defensivo de época medieval situado nun pequeno outeiro. Aprécianse rebaixes na rocha e o terreo presenta dous niveis.
O Castelo (Edreira): Nun pequeno altorelo. Vense rebaixes nas pedras para asentar construcións. Terreo aterrazado en tres niveis.
  
VIANA DO BOLO 
A Vila de Sen (Bembibre): Asentamento fortificado medieval que posiblemente estivo ocupado dende a Idade do Ferro. Consérvanse dúas construcións angulares que popularmente adoitan relacionarse cunha vella igrexa e un cemiterio.
O Castelo (Mourisca): Sobre un outeiro que se ergue na penichaira entre os regueiros de San Mamede e Pontón. Atopáronse fragmentos cerámicos de época medieval. Nunhas pedras poden verse unhas gravuras con dous cruciformes e un cadrado cun punto insculpido no seu interior.
A Escrita (Mourisca): Nunha penichaira, entre os regueiros de San Mamede e dos Balsos. Pódense ver varias rochas con gravuras, unha con dous cadrados que á súa vez teñen outros catro inscritos, unidos por liñas. Noutro represéntanse outros dous cadrados con outros inscritos no seu interior pero, neste caso, sen unirse o un co outro.
O Castelo do Estevo (Paradela): Sobre un outeiro rochoso. Crese que cumpría labores de vixiancia da fortaleza de Viana do Bolo.
O Castrillón (Tabazoa de Umoso): Entre as aldeas de Dradelo e Tabazoa de Umoso, sobre un esporón nun meandro do río Bibei. Posible función de torre de control de paso sobre o curso do río Bibei.

VILAR DE BARRIO
Monte Castelo: Na parroquia de Padreda. Coñecido na Idade Media como Castellum Sancti Iohannis, foi construído sobre un antigo castro. Apareceron pezas cerámicas de época castrexa, romana e medieval.


PROVINCIA DE PONTEVEDRA

CALDAS DE REIS 
Torre de Marán: Isaac González Iglesias informoume dunha torre que existiu no lugar de Marán, pertencente á parroquia de Arcos da Condesa. O nome é probable que veña da condesa Munia ou Munina Froilaz, irmá de Pedro Froilaz, conde de Traba, que residía na casa ou palacio da familia, en Marán. Na casa da finca onde ao parecer se levantaba a torre consérvase un escudo; a cruz que obstenta, como indica Isaac, semella templaria. Na entrada da finca tamén hai un capitel. 

CUNTIS
Casa forte de Sebil (Cequeril): Próxima ao río Umia, existiu cando menos dende o século XIII. Non quedan restos. O campo da festa de Sebil aínda conserva o nome do Campo da Torre. Dise que na contorna da torre de Sebil debía de haber varias pequenas torres que servirían para controlar o territorio.    
Fortaleza de Montival (Troáns): Próxima ao río Umia. Actuaba como centro de control. Parece que xa existía no século XIV, e que a finais do século XV formaba parte das propiedades do mariscal de Castela Sueiro Gómez de Soutomaior quen gobernou esta freguesía xunto coas de  Piñeiro, A Portela e o couto de Arcos de Furcos. Sábese que no século XIX aínda permanecía en pé. Foi nesta época cando se desmontou a torre e derrubáronse as murallas, quedando unicamente a casa principal con cercados secundarios. O edificio tiña a condición de mero, mixto, imperio, o que vén a sinalar en palabras do historiador López Ferreiro que o dono do couto non só tiña a potestade de impoñer penas aos delincuentes, seón a de coñecer, sentenciar e terminar calquera causa civil. 

A ILLA DE AROUSA
Fr. Martín Sarmiento, na súa Viaxe a Galicia no ano 1745, di que a casa do prior de Vilanova, situada na Illa de Arousa, estaba preto dun pequeno monte onde se conservaban pedras "dunha torre moi antiga", que se levantaba ao oriente "distante un tiro de fusil". Conta que cincoenta anos atrás aínda estaba en pé, e que os últimos restos foran derrubados polo vento seis anos antes.  

A LAMA
Castelo de Pigarzos (Xesta): A 900 metros de altitude. Monte rochoso dende onde se divisa gran parte da Serra do Suído, Serra da Castrelada, O Castelo Grande e O Casteliño, ademais de dominar o val da Xesta, montes de Fornelos, Pazos, Soutomaior e a Ría de Vigo. Polo de agora non se atoparon restos. 

OIA 
Os Castelos ou Castelo de Torroña: En Torroña, na parroquia de Burgueira. Hai quen sitúa aquí un castelo que dominaba un amplo territorio denominado Turonia, topónimo que xa aparece nun documento de mediados do século V. Declarado BIC. 

PONTEAREAS
Alto de San Cibrao: Dise que aquí puído existir unha fortaleza altomedieval. 
Castelo da Picaraña: Construído no cume da Picaraña por Pedro Madruga para vixiar o castelo do Sobroso e estudar a forma de atacalo. Foi mandado derrubar polos Reis Católicos. Non se conservan restos.

PONTEVEDRA 
Castelo de Citofacta/Cedofeita (Lérez): Non hai consenso canto á existencia dun castelo onde se ergue o pazo de Cedofeita (s. XV-XVI), aínda que a referencia documental, "in muro de Citofacta", semella unha clara alusión a algún tipo de construción fortificada. Segundo algúns autores pódese situar a súa construción a finais do século IX-X xa que no ano 916 aparece recollida a súa existencia no couto do mosteiro de San Salvador de Lérez. Aínda que a súa execución se atribúe ao bispo Sisnado II, parecer ser que é anterior. Estaría ubicada entre os lugares de Casaldarado e O Castelo. Malia o anterior, unha pista sobre a súa situación pódenola achegar Fr. Martín Sarmiento. Segundo a súa Viaxe a Galicia do ano 1745 (Fr. Martín Sarmiento, Edición e estudo de J. L. Pensado), estando no colexio de Lérez conta: "O luns subín ao último do castelo de Citofacta, hoxe Cedofeita, que ten un vértice desde o que se ve moito. Pontevedra vese de cheo tendida de oriente a poñente, e a súa ponte de mediodía a norte, e rexístrase todo Lérez coas dúas xunqueiras. A Barca e moito da ría, peo non se ve o Ullóo. É unha vista amenísima. O vértice non ten castelo, pero si sinais en rocha viva que alí houbo porta". Hai autores que sitúan o castelo de Citofacta en Ribadeo, na parroquia de Cedofeita. 

O PORRIÑO 
O Castelo (Cans). Crese que existiu un castelo ou unha torre de época medieval.

SALCEDA DE CASELAS 
Castelo de Entenza (Entenza): Erixido sobre un castro que aproveitaba os penedos rochosos e a pendente do terreo como defensas, complementado con foxos e parapeitos. Saíu á luz cerámica castrexa, romana e medieval. Conxectúrase que os restos poderían ser os do castelo Turonia (que tamén se identifica con Torroña, en Oia). Fala del o crego bieito Frei Prudencio de Sandoval quen di que cando no ano 1140 era conde Gómez Muñoz, apoderouse dos bens de Tui. A fortaleza xogou un importante papel cando as guerras contra Portugal. Na contorna hai rochas con petroglifos.

SILLEDA
Fortaleza de Chapa (Chapa): Levantada polos Suárez de Deza no século XII. Sufriu o sitio de Berenguel de Landoira no ano 1320 e pasou a mans do cabido compostelán ata que a casa de Altamira reclamou os dereitos dos Deza. Foi atacada polos Irmandiños. Durante as loitas revolucionarias do ano 1846, o xeneral Rubin fixo noite nela. Non quedan restos, sobre ela levantáronse edificacións modernas. A pesares de non existir vestixios, a Xunta tenna declarada como BIC.