* A Pena Castrela e A Pena das Verrugas (Friol)

A PENA CASTRELA atópase no monte do Pedrido, preto da aldea de Montecelo, parroquia de Narla (Friol). Trátase dun gran afloramento granítico cunha altura aproximada de 12 metros. Ao pé ábrese un grande acubillo cuhna altura máxima de 1,60 metros. Nunha pedra inclinada, que pola dereita pecha parcialmente a entrada, vense gravadas dúas profundas coviñas das que parten uns longos sucos, e xusto ao seu carón outras cinco coviñas, motivos todos de factura claramente artificial. Na cara oeste do afloramento hai unha rocha con cinco entalladuras de forma navicular realizadas artificialmente sobre a rocha, catro delas perfectamente aliñadas, cunhas medidas de 30 por 20 centímetros. Tamén se ve unha cazoleta artificial de sete centímetros de diámetro. Estas enigmáticas e singulares formas representan unha manifestación moi especial dentro da arte rupestre galega, crese que se poderían utilizar como muíños en prácticas rituais onde se realizarían moendas para obter pinturas, beberaxes, etc. Chama poderosamente a atención que as cinco entalladuras teñán idénticas medidas. Catro foron documentadas hai uns 25 anos por J. Núñez Jato e Laura Rodríguez Varela, a quinta e a coviña por nós.

 

E agora a lenda que nos fala de como se produciron as marcas que vimos de sinalar. Hai non se lembra canto tempo, unha moura ía camiñando coa súa filla polo monte do Pedrido. A filla levaba unha ola de mazar o leite (tamén se fala de que a ola ía con auga), e a nai, ao tempo que fiaba, transportaba unha enorme pedra sobre a cabeza. Cando chegaron ao sitio onde hoxe en día se atopa a Pena Castrela, a moura esvarou e ao caerlle a pedra da cabeza matou á filla e rompeu a ola. A moura, chea de rabia, colleu unha gran pedra e lanzouna contra a Pena Castrela ao tempo que exclamaba: "Pena Castrela,/rompíchesme a ola/matáchesme a nena/heiche fender dende o rabo á orella" (outras versións rematan: "o demo te fenda/dende o rabo á orella", ou "malo raio te fenda/do rabo á orella"). A pena quedou partida tal como a podemos ver na actualidade. As entalladuras das que falamos máis arriba dise que son as pegadas dos pés que deixou a moura cando rachou a pedra, as coviñas das que parten os sucos que son as unllas cando, rabiosa, arrabuñou a pedra, e as pequenas cazoletas que hai ao seu carón as marcas dos dedos. Tamén se conta que debaixo do acubillo rochoso había unha cova onde vivía a moura.

 

Tamén en Friol, preto da aldea de Romá, na parroquia de Vilafiz, atópase a coñecida como PENA DAS VERRUGAS. Trátase dunha rocha situada xunto o rego de Guimarei á que se accede por medio de tres escalóns realizados artificialmente sobre a pena. Na parte alta, horizontal, ten dous buratos de forma circular. Un ten unhas medidas de 20 centímetros de diámetro e 39 de profundidade, e o outro 29 centímetros de diámetro e 38 de profundidade. Segundo a tradición, un permanece con auga e o outro baleiro, mudando dun burato ao outro cada ano. Ao parecer a auga alí depositada posúe propiedades medicinais que curan as verrugas. A persoa debe meter a man na pía que naquel momento teña auga e lavar a verruga ao tempo que se recita o seguinte ensalmo: "Verruguiñas traio, verruguinas vendo. Déixoas eiquí, e voume correndo". Para que produza o efecto desexado, acostúmase a deixar algunha moeda na pía. Para rematar o ritual, deberase marchar do lugar sen volver a cabeza cara atrás.

 

Solicitamos a Patrimonio da Xunta de Galicia que a Pena Castrela sexa incluída no cátalogo de bens culturais como xacemento arqueolóxico, e a Pena das Verrugas como sitio de valor cultural tal como recolle a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia publicada no mes de maio de 2016.