ROMANIZACIÓN DE GALICIA (PROVINCIA DE LUGO)

Para o comezo da conquista de Galicia por Roma adoita tomarse o ano 137 a. C., coa chegada de Decio Xunio Bruto no que acontece o lendario episodio do paso do río Lethes, o Limia, o río do Esquecemento. No 96-94 a. C., Craso vén na procura das Illas do Estaño, as Cassitérides, identificadas coas Illas Cíes. No 61-60 a. C., Xulio César somete a Brigantium (A Coruña). Entre o 29 e o 19 a. C., Augusto culmina a conquista (mito do monte Medulio). 

Os romanos empezan a asentarse militarmente no territorio coa construción de campamentos, obrigando aos habitantes dos castros a abandonalos e establecerse nos vales que é cando aparecen as villae ligadas ás explotacións agrícolas. No século I d. C. Galicia forma parte da provincia Tarraconensis onde permanece ata o ano 212 en que o emperador Diocleciano lle outorga a categoría de provincia. No ano 303 convértese na provincia da Gallaecia, dividida en tres conventos xurídicos (termo administrativo inferior á provincia): Lucus Augusti (Lugo), Asturica Augusti (Astorga) e Bracara Augusti (Braga). 

Os romanos, para asegurar o dominio e control do territorio, e garantir así a produción mineira, artellan o país cunha complexa rede viaria que xira arredor das vías principais XVIII, XIX e XX onde embocan infinidade de camiños secundarios. No terreo relixioso conviven as divindades traídas polos vencedores e as prerromanas, producíndose, en moitos casos, unha dupla asimilación. O latín imponse como lingua oficial, e a poboación galega adopta a cultura dos invasores, modificando algunhas das súas máis arraizadas tradicións, proceso de aculturación que en gran medida remata coa cultura existente ata aquel momento.

ACLARACIÓNS 

1. Cómpre ter en conta que un bo número de pezas non son orixinarias do lugar onde se atoparon ou de onde están situadas na actualidade, descoñecéndose a procedencia; outras (nomeadamente os achados epigráficos) foron localizadas preto de castros ou de asentamentos galaico-romanos o que non sempre implica que estean relacionadas con estes. Tamén chama a atención que en castros fortemente romanizados, os achados epigráficos sexan case inexistentes, casos de Castromao (de onde procede a famosa Tessera Hospitalis), Viladonga, Fazouro ou Santa María de Cervantes, por poñer algúns exemplos, o que contrasta cos atopados noutros xacementos de menor sona onde sequera se levaron a cabo actuacións de ningún tipo.

2. Por contar cun apartado propio, non se achegan as pontes. Tamén inclúo algún achado, pode que relacionado co pobo dos Suevos; no eido arqueolóxico as fontes son escasas e non é doado diferenciar as do mundo suevo do tardorromano.

ROMANIZACIÓN DA PROVINCIA DE LUGO

ABADÍN
Moedas: Cavada Nieto fala de moedas romanas atopadas en Moncelos e Castromaior. Cando a ampliación do cemiterio de San Cosme de Piñeiro, no lugar coñecido coo Monte das Cargas, apareceron varias moedas de bronce, unha do emperador Marco Antonio. Unha das moedas foi entregada por Orencio Puente ao Museo de Lugo.
Explotación aurífera (Moncelos): Villaamil y Castro teorizou que no río que pasa pola parroquia os romanos beneficiáronse das súas pebidas de ouro.
 
ANTAS DE ULLA 
Aras de Amoexa: Na igrexa de orixe románica de Amoexa, empotrada nun muro xunto a entrada lateral, hai unha pedra de granito cunha inscrición incompleta, invertida, que foi reaproveitada. A pesares do desgaste, Sobrado Vázquez propón a seguinte interpretación: "VG(e)TA M/CONIA EX/VOTO L/VATI/S(olvit) M(erito)", ("Ugeta? Maconia cumpriu de boa gana o seu voto aos (deuses) Luatos"). No interior, en posición invertida, hai outra ara anepígrafa utilizada como pía de auga bendita; a parte interior da base foi baleirada para o seu novo cometido. 
Castro de Amarante: No ano 2002, durante os traballos de reparación nunha finca, atopouse un pondus. O propietario informou ao párroco e director do Museo Parroquial de Monterroso (onde se atopa), don Carlos Méndez, quen logo o puxo en coñecemento de Javier Gómez Vila quen o publicou en Lucensia (2003): Un pondus romano atopado no castro de Amarante. Lese: XXV e II, que suman XXVII. O peso da peza é de 8.980 gramos o que corespondería casi exactamente coas 27 libras indicadas no epígrafe. No Museo Provincial de Lugo consérvanse dous exemplares, tamén de cuarcita, como o de Castro de Amarante, un foi exhumado no xácigo romano de Castillón (Pantón) por Vázquez Saco, e o outro xunto a muralla de Lugo.
Miliario en Fonfría: No ano 2019, o profesor e integrante do colectivo Baluarte dos Pendellos, Manuel Busto Galego, localizou un miliario en Fonfría, reutilizado como esteo para soportar unha pedra fendida do chan dun hórreo. Trátase dun cilindro en posición invertida, cun cepo cúbico, que servía de base na colocación orixinal. Aparece seccionado e adaptado ao novo uso. Está situado a 500 metros en liña recta do que se cre foi o trazado da vía romana que unía Agolada con Lugo.
 


 



BALEIRA 
A Calzada (A Degolada): Nas inmediacións de A Calzada está o castro da Degolada.
Mina romana de Escanlar (Córneas).  
Río de Castro (Fonteo): Un veciño, arando nunha finca, atopou un catillus.
Tramos da Vía XIX.    
Vilagarcía (Córneas): Explotación a ceo aberto onde se aprecia unha gran corta; a mesta matogueira impide ver a infraestrutura hidráulica para o desenvolvemento da mesma.
 

 
 

BARALLA 
Todo sobre a época romana na comarca dos Ancares no blog do Colectivo Patrimonio dos Ancares: https://arqueoloxiadosancares.blogspot.com/2011/01/presentacion_23.html

BARREIROS 
Miliario: A este miliario faise mención en Hispania Epigraphica coa seguinte lectura: "D(ominus) N(ostris)/CONSTANTI/NOBILISSIMO/CAESARI/POSUIT FLAVIN(us)/ MILIARIVM/ XXVIII".
Recipiente con marca: Felipe Arias Vilas, en A Mariña Lucense na época galaico-romana (Lucensia, 2003) cita a inscrión "Of(iccina) Coeli[" nun recipiente cerámico.
Explotación mineira Forno dos Mouros (Monte de Coira-Celeiro de Mariñaos): No mes de marzo de 2013, Mariña Patrimonio solicitou a Patrimonio a catalogación dunha explotación mineira a ceo aberto redescuberta por integrantes da asociación nunha área que se estende por unhas cen hectáreas de monte en Barreiros e cincoenca en A Espiñeira, no concello de Foz. O arqueólogo Santiago Ferrer apuntou que se trata dunha importante mina romana da que se extraía ouro en po empregando, entre outros, o sistema de peite. Esta explotación deuna a coñecer Schultz a principios do século XX, e Sánchez Palencia xa a menciona nos seus traballos, mais con anterioridade, ano 1876, foi citada por Villaamil y Castro se ben confundiu a gabia da mina co foxo dun castro. No mes de febreiro de 2014 foi catalogada pola Dirección Xeral do Patrimonio. 
Punta do Castro: Castro romanizado. Entre outros materiais, saíron á luz restos de terra sigillata e fragmentos de ánforas.
  

BECERREÁ  
Todo sobre a época romana na comarca dos Ancares no blog do Colectivo Patrimonio dos Ancares: https://arqueoloxiadosancares.blogspot.com/2011/01/presentacion_23.html

BEGONTE 
Ara de Virís: Trátase dun fragmento atopado xunto o muro do cemiterio no ano 1980 polo párroco don Lino Pérez. Trasladada para a igrexa, estivo durante moito tempo xunto a pía de auga bendita que hai á entrada, na actualidade está na sancristía, gardada nun armario. Só figura a deidade, o resto da epígrafe perdeuse: "L(aribus) VIAL(ibus)", ("Lares Viais"). 
Inscrición en San Martiño de Pacios: Atópase nun lado da epístola da vella igrexa de San Martiño: "NIGRINIAN(V)/S AN(norum) X (sexaginta)/(...) H(ic) S(itus) E(st)", "Nigrinianus, morto á idade de 60 anos?". Estudada por Arias Vilas.  
Inscricións: Na mesma igrexa de San Martiño hai outras dúas inscricións: unha medieval e outra de dubidosa adscrición cronolóxica, quizais romana, coa epígrafe "CRAC".
Moedas: Cavada Nieto fala de moedas atopadas en San Martiño de Carral.   
Restos calzada no lugar da Zanca e miliario na igrexa parroquial (Illán).
 
  


BÓVEDA 
Xacemento do Souto: Preto do cemiterio parroquial de Bóveda.
 
 
BURELA
Vestixios dunha villae: Preto da Chan do Castro (Burela), hoxe en día convertida en basureiro.
Hipocausto (Xacemento arqueolóxico do Castrelo): Atopado no ao 2004 nas proximidades do que ía ser a estrada de acceso ao porto. Saíron á luz varios muros e estancias. Despois da súa descuberta os restos continúan sen protección. No ano 2013, O Buril, Mariña Patrimonio, ADEGA e Cultura do País presentaron unha denuncia ante Patrimonio polo lamentable estado do xacemento. Os hipocaustos eran uns sistemas de calefacción empregados para quentar os balnearios e as mansións. No exterior dun edificio construíase un forno e os gases quentes producidos na combustión eran conducidos por canalizacións situadas baixo o chan ata o centro do edificio.
 

CARBALLEDO 
Ara: No interior da igrexa de Temes hai o soporte dunha ara sobre a que se modelou un modillón en época medieval polo que se perdeu o campo epigráfico, se ben se conserva parte da tripla moldura orixinal nos laterais da parte superior e da basa. Estuda por Caamaño Gesto, vese: "[---] O [---]".    
Ara aos Lares Viais: Descuberta no ano 1978 polo párroco D. Segundo Capón Linares ao repicar o cal que cubría as paredes interiores da igrexa de Temes. Conserva a parte superior adornada con tres focus aliñados. Sábese a quen está adicada, mais non o dedicante: "LARIBVS/VIALIBV/S A[---]", "Aos Lares Viais. A[---]").      
Capiteis: Formando parte dos muros da igrexa de Temes están á vista tres capiteis para coroar dúas piastras. Outro para unha columna facía de soporte dunha pía de auga bendita. Unha das piastras foi retocada para adaptala no muro sur do presbiterio, a outra fai agora de mesa do altar, apoiada sobre dous dos capiteis mellor conservados. Todos pertencentes ao estilo tardo imperial. 
Gravura: Nun dos muros interiores da igrexa vese gravada unha figura en forma de espiña de peixe, tamén reaproveitada, da que non atopamos referencias nos traballos publicados. 
Inscrición de Temes: Gravada nunha prancha granítica, tabella con moldura funicular, na parte alta e interior do muro norte do presbiterio. Apareceu no ano 1974 ao desencalar os muros da igrexa. Delgado Gómez dátaa no século IV: "FIDES SPES CARITAS", ("Fe, Esperanza, Caridade").  Da mesma época parece ser unha pomba esculturada noutra pedra, tamén granítica, situada no lateral da nave. 
Tampa de sartego: Tampa dun sártego (que non apareceu) atopada no ano 1974 na igrexa de Santa María de Temes. Trátase dunha praca monolítica de mármore branca, incrustada por riba do arco triunfal, datada entre o 320 e o 330 d. C., considerada a testemuña cristiá máis antiga de Galiza. Hai quen sostén que esta peza marmórea foi prefabricada nun taller romano, procedente das canteiras pantélicas de Atenas, e traída dende o veciño porto de Polumbario aproveitando unha vía navegable do Miño (navegable, segundo Schlunk, ata os Peares), ou quizais polo Sil dende a Meseta Norte. No centro leva unha praca  lisa ou taboíña destinada a recibir unha inscrición que hoxe non existe e quizais nunca existiu. Á dereita daquela represéntase a escea da Adoración dos Magos, xunto o grupo de Adán e Eva, e á esquerda, a historia do profeta Xonás. No primeiro rexistro a Virxe co Neno no colo e con túnica e palio, tocados co característico gorro puntiagudo frixio e seguidos dos respectivos camelos. No segundo rexistro presenta como centro un tronco de árbore flanqueado por Adán e Eva que tende a mán cara á árbore na que está a serpe. Quizais sexa unha das tampas de sártego máis completas da Península. Ofrece por primeira vez en Hispania o tema de Adán e Eva no Paraíso, e un relato do ciclo de Xonás.    
As pezas citadas levan a pensar que en Temes houbo un monumento paleocristián importante, talvez un mausoleu ou capela funeraria dalgún cristián, poderoso e culto dos que aparecen no entorno do val medio do Sil (Crismón de Quiroga), vencellados a vilas e castros tardíos. O propio esporón na ladeira onde se atopa a igrexa debeu de ser un castro reconvertido logo en pequena vila, cunha privilexiada situación sobre a encrucillada de camiños e ríos. En Temes existe a tradición da existencia dun militar romano chamado Marcelo, xa cristián, que sería a orixe da familia dos Temes.
Campamento do Coto do Rañadoiro: Temporal. De pequenas dimensións.
  
  



 

 

CASTRO DE REI 
Castro romanizado de Viladonga.
Inscrición (Castro de Viladonga): Cerámica co grafito "NANTIVS". No Museo do castro.
Castro de Duarría: Atopáronse uns áureos de época xulio-claudia (s. I d. C.).  
Moedas: No Museo do castro pode verse un denario de Nerón, un denario republicano (s. I a. C.) de época Imperial, ases de bronce (s. I a. C.), denarios de prata (s. I d. C.), sestercios de bronce (s. III), antonianos de bronce (s. III), semís de bronce (s. IV), follis de bronce (s. IV), sólido áureo (s. IV). No tomo IX do Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo (1976), Arias Vilas e Cavada Nieto achegan 12 antonianos ou dobres denarios atopados por Francisco Río Barja nun lugar indeterminado da Terra Chá, pero na zona de Castro de Ribeiras de Lea. O número de moedas era moi elevado pero o tesouriño dispersouse. Corresponden todas a Claudio e Galieno, agás unha a Salonina, muller do segundo.
Tesouriño de San Xiao de Mos: Atopadas nunha vasilla de barro, todas son de Galieno (s. III), agás unha de Salonina, muller daquel. Foron doadas polo párroco de San Xiao no ano 1973 ao Museo de Lugo.
Restos calzada xunto a ponte do Río Vello (Duarría). 
Vila romana de Coea: No verán de 2020, ao facer unha escavación para montar unha torreta eléctrica, saíron á luz unha serie de estruturas correspondentes a unha vila romana, aparecendo os muros de varias estancias, tellas dos teitos, algunhas case intactas, a base dunha cheminea construída en pedra e columnas de ladrillo de gran perfección e escouras de ferro (o sitio chámase Os Escouredos).  Está ubicada nunha planicie moi fértil a poucos centos de metros da desembocadura do río Azúmara no Miño. Podería estar datada entre os século II-III d. C. A raíz deste achado, os veciños reclaman a orixe do emperador romano Teodosio I o Grande. Se ben non existen dúbidas onde morreu (Mediolanum/Milán), si as hai sobre onde se ubicaría a Cauca do seu nacemento. A bibliografía é abondosa, inclinándose boa parte dos investigadores por Coca de Segovia, baseándose, entre outras conxecturas, que ao norte desta cidade apareceron restos dun importante complexo residencial, "digno dunha familia que obstentaba un gran poder". Nos últimos tempos toma forza o seu nacemento en Itálica (Santiponce-Sevilla), a impresionante cidade romana fundada a principios so século II a. C., onde salienta o traballo publicado por Alicia María Canto en Latamus, revue d´etudes latines, Sobre el orígen bético de Teodosio I el Grande, y su improbable nacimiento en Cauca de Gallaecia, fundamentándose, entre outros, nos problemas de crítica textual que presentan os textos do bispo Idacio (395-470) no seu Chronicon, e o historiador grego Zósimo en Nova Historia publicada a principios do século VI. Ao parecer, Idacio non escribe Gallaecia, senón Gallila, e Zósimo Kallegía en vez de Kallaikía. Uns dos primeiros que defenderon a orixe galega de Teodosio I foron Benito Vicetto na súa Historia de Galicia (1880-1882) que o leva para San Salvador de Coea (Castro de Rei), e Amor Meilán na súa Geografía General del Reino de Galicia (1928) que o leva para Coea de Navia de Suarna. Máis adiante, o que fora cronista oficial de Viveiro, Donapetry Iribarnegaray, en Historia de Vivero y su concejo (1953), citando a Murguía, di que nacería á beira do mar, quizais en Viveiro (a "Cauca vivariense").       
Museo do castro de Viladonga. 

 

 
 


CASTROVERDE 
Igrexa de Tórdea: Na capela absidial, detrás do altar maior, a ambos os lados do sagrario, hai dous fragmentos correspondentes, posiblemente, a un mesmo miliario. Anepígrafes. 
Miliario (Tórdea): Na aldea hai o fragmento dun miliario, depositado xunto unha árbore, no que non se aprecia ningunha inscrición, que nun principio estaba no adro da igrexa parroquial. Consérvase algún tramo da Vía XIX. 
Miliario (Tórdea): Segundo me contou o párroco de Tórdea, nunha casa da aldea hai un miliario.  
Explotacións auríferas mineiras de Furís, Miranda, Riomol e Fonte Nova (Tórdea).   
A Torre (A Torre-Tórdea): Nunha finca atopáronse restos de tella e cerámica romana, ademais dunha pedra cunha inscrición prerrománica depositada no Museo Provincial de Lugo. No lugar hai unha fonte coñecida como Fonte da Torre onde tamén saíron á luz fragmentos cerámicos.   
Vía XIX: Por algunhas partes do municipio pasaba a Vía XIX que comunicaba Lugo con Astorga (Tórdea, Miranda, Mirandela, Furís de Abaixo e A Abelleira).

 

CERVANTES  
Todo sobre a época romana na comarca dos Ancares no blog do Colectivo Patrimonio dos Ancares: https://arqueoloxiadosancares.blogspot.com/2011/01/presentacion_23.html

CERVO
Ara do monte Tagarreiros (Sargadelos): Atopada no ano 1996 por don Antonio Piñón Gómez ao ensanchar un camiño coñecido co nome de A Rega. Do século II d. C.: "L(aribus) V(ialibus) II EX V(oto) P(osuit)/AV(relius) S(ua) P(ecunia)", ("Aos Lares Viais, Aurelius puxo (este monumento) co seu diñeiro por unha promesa"). Algún autor interpreta o nome do dedicante como Avitus. No Museo Provincial de Lugo.
Castro da Punta da Atalaia (San Cibrao): Descuberto no ano 2006. Ocupa unha pequena península de San Cibrao. As distintas intervencións arqueolóxicas revelaron a presenza dun asentamento galaico-romano, cunha cronoloxía que vai do século I a. C. ao VI d. C., cunha reocupación en época baixomedieval e moderna.
 

 

CHANTADA
Ara de Quintá de A Grade: Descuberta cando unha escavación de urxencia no xacemento romano do Pedregal. Presenta tres foculi na parte superior: "L(aribus) V(ialibus) P(osuit)/C-O [---]/[---] E/X VOTO", ("Aos Lares Viais. [---] puxo (este monumento) por unha promesa"). A igrexa foi construída sobre os restos dunha vila romana; apareceron mosaicos do sévulo IV, ladrillos, columnas, etc. O templo, pola súa advocación a San Vicenzo, podería ter a orixe entre os séculos VI e VIII. No Museo de Lugo.
Ara aos Lares Viais de Belesar: Atopada no ano 1941 polo párroco José de Castro López, facía as funcións de pía de auga bendita na igrexa de Belesar (fotografada por Vázquez Seijas) ata que foi mercada por un descoñecido anticuario de Barcelona. Desaparecida. Dedicada aos Lares Viais : ("LARI/BUS/VIAL(ibus)"). Lambrino (1964), baseándose no tipo de dedicatoria, sitúaa cronoloxicamente nos últimos anos do s. II ou principios do s. III. 
Ara anepígrafa (Adá): No Museo Diocesano Catedralicio de Lugo hai unha ara anepígrafa en granito. Séculos I-III d. C. 
Estela de Andemil (Vilaúxe): La Voz de Galicia, na súa edición de Lemos do día 5 de decembro de 2014, informa do achado dunha peza que formaba parte do peche dunha leira. A peza de granito, incompleta, amosa o que semella unha figura humana realizada de forma tosca onde se aprecia un rostro debaixo do cal aparece insculpida unha cruz latina. Debido ao seu deterioro, non é posible saber se posuía algún tipo de inscrición. No Museo do Castelo de San Antón da Coruña custódiase unha estela atopada en Tines (Vimianzo) de época tardorromana cuxos trazos son moi semellantes a esta de Andemil. A de Tines, cunha inscrición, está considerada como unha das primeiras mostras epigráficas cristiás de Galicia, se ben quen isto defenden, segundo a miña opinión, non teñen en conta o sártego e a inscrición da igrexa de Temes, en Carballedo. O día 14, o mesmo xornal informou de que a peza vai a ser catalogada por Patrimonio. Tamén recolle a opinión do arqueólogo de Patrimonio Gonzalo Meijide quen di que os debuxos poden ser mostras da arte popular da etapa final do Imperio Romano, época na que se simplificaron as formas tradicionais da escultura clásica. O arqueologo Iván Álvarez Merayo di que a estela mesmo podería ter unha relación cos relevos castrexos. De todos os xeitos haberá que esperar a un estudo máis pormenorizado da peza para poder encadrala cronolóxica e culturalmente. 
Lápida romana en Camporramiro?: No mes de xaneiro de 202o, o fotógrafo de La Voz de Galicia Roi Fernández descubriu unha peza que actúa como lintel na porta dunha vella construción situada xunto a igrexa de Camporramiro. Segundo un arqueólogo de Patrimonio do Servizo de Xestión Cultural en Lugo, podería tratarse dunha lápida sepulcral de época romana, se ben aclara que hai que estudala detidamente. Aprécianse unha representación esquemática dunha cara humana, unhas mans talladas con máis detalle e outra gravura que semella unha peza de vestir. En todo caso, máis ca unha lápida sería unha estela.    
Moeda: Denario de Tiberio. 
Vila de Quintá (Quintá de A Grade): Aquae Quntina foi unha encrucillada de camiños, do que ía de Lugo cara Braga polo campamento de Aquis Querquernis, e que dende aquí partía cara Montefurado polos cóbados de Belesar. Descuberta no ano 1991 cando a construción dunhas novas canalizacións. Apareceron restos cerámicos e de vidro, terra sigillata, fragamentos de ánforas, lucernas e estruturas habitacionais, unha cunha lareira, e unha canle de condución de augas, ademais da ara citada máis arriba. A cronoloxía da vila hai que situala nos séculos III-IV d. C.     
Tesouriño de Quintá A Grade: 3.465 moedas de bronce, algunhas metidas nunha cunca de barro que foron despositdas no Museo de Lugo entre 1991 e 1992. No conxunto están representados case todos os emperadores do s. IV (Constantino I, Constancio II, Constante, Valentiniano I, Valente, Teodosio e Arcadio), sendo o máis serodio os do emperador Arcadio (395-408).       
Restos calzada en Belesar (Tarrío-San Fiz de Asma)   


 

 


O CORGO                  

Ara de Adai (Pedrafita): A museóloga Carolina Casal Chico achega un interesante artigo no nº 5 de Corga (2014), A ara votiva de Adai e a promesa a Mercurio, onde presenta unha análise da peza no seu contorno que abre unha nova vía de interpretación a partir do rexistro cristianizado da zona. Di a investigadora que do achado pouco máis se sabe que o recollido no inventario do museo, cuxa procedencia, casual, foi nas proximidades da ermida das Virtudes nunha data anterior ao mes de abril de 1924, cando o cura don Generoso Barreiro a deposita na entidade. Aínda que a peza se adscribe á parroquia de Adai, a ermida atópase dentro do lugar de Pedrafita. "MAXV/MVS S/SECVND/I [F(ilius)] VOT(um) S(olvit) MER(curio) ME(rito)", ("Maxumus, fillo de Secundus, pagou (este altar) a Mercurio"). Séculos I-III d. C. No Museo Diocesán de Lugo.    

Estela (Ponte Neira): Fragmento dunha estela coa representación dun togado.   
Miliarios de Arxemil: Trátase de tres miliarios atopados no ano 1976. Un, adicado a Adriano, é o fragmento que se atopaba na igrexa de Arxemil, reutilizado como pía bautismal e cunha inscrición moderna na que se le "ano de 1601", rematada por unha cruz; pertence á Vía XIX; na actualidade está no Museo Provincial de Lugo. O segundo, tamén no Museo de Lugo, interprétase: "(ifici) MAX(imo) TRIB(unicia) POT (estate)", ("Ao emperador César Traxano Adriano, fillo do divino Traxano, neto do divino Nerva. Augusto. Pontífice Máixmo, investido na potestade tribunicia"). O terceiro, anepígrafo, está custodiado no Museo Provincial de Lugo e foi localizado cara o ano 1976 no lugar de Perliños.     
Miliarios de Castrillón: Un, anepígrafo, está situado no adro da capela de San Bernabé, sobre a croa dun castro; reutilizado como pé de altar no exterior, pintáronlle unha cruz de Santiago en cor vermella. A carón da porta da ermida hai unha pía de granito que semella a reutilización dunha ara ou dun miliario. No interior da igrexa hai unha pía bautismal que se apoia no que pode ser un miliario. 
Miliario de Franqueán: Localizado no ano 2001, fincado diante da igrexa parroquial como parte dun muro en posición invertida: "IMP(erator) C(aesar)/MARCO/AVRELIO/CARO/AVG(usto)/INV(icto)/M(ilia) P(assum)", ("Dedicado a César emperador Marco Aurelio Caro, augusto invicto... a? millas". No Museo Provincial de Lugo.
Necrópole en Franqueán: Xunto a igrexa parroquial. Necrópole de inhumación formada por sepulcros construídos con laxas de pedra fincadas no chan, con base horizontal de tégulas. 
Restos calzada (Pedrafita): A capela das Virtudes asenta sobre a calzada romana, con restos a un lado e o outro do campo da festa. Descubertos por José Manuel Pol.     
Tramos da Vía XIX en Arxemil, Adai, capela das Virtudes, Campelo, Chavín e Rubial.


 

 

 

 

FOLGOSO DO COUREL 
Monte Cido: Asentamento de máis de tres quilómetros de perímetro protexido por defensas naturais e ao menos tres foxos. Xunto o primeiro foxo aínda se lembran os alicerces da coñecida como Torre da Cabreira. Hai un alxibe ou pozo de boca ovalada de 1,65 metros de diámetro e 2,20 de profundidade. A maior parte das construcións sitúanse na ladeira meridional onde se ven restos de muros. Na explanada da parte máis baixa do foxo central existe unha necrópole de inhumación na que se ven os restos de dúas sepulturas que foron saqueadas. No ano 1959 os veciños do Carbedo atoparon a coñecida Tessera Hospitalis; tamén se di que eiquí, nos anos trinta do século XX, apareceu unha aguia de bronce dun estandarte romano, se ben é probable que proceda do Pía Paxaro, daí o nome do monte. No mes de agosto de 2021, a Xunta de Galicia e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) colaboraron nunha investigación arqueolóxica para entender as formas de poboamento nas serras orientais galegas, na transición da Idade do Ferro ao comezo da dominación romana. Apareceron varias construcións, fragmentos cerámicos e ósos de animais (a súa análise poden desvelar a dieta dos poboadosres). Nas intervencións arqueolóxicas do ano 2022 confirmaron a orixe do asentamento que relacionan coas explotacións mineiras da zona que entre os séculos I e III d. C. acolleu un posto militar romano que controlaba ambas partes da serra. Os directores das escavacións, Luis Francisco López e Brais Currás confirmaron que o asentamento é de orixe romana. Hai quen sitúa aquí o mítico Monte Medulio, o derradeiro baluarte da resistencia galaica fronte os romanos. Hai investigadores que manteñen que o nome Cido vén do latín occidio que significa matanza ou carnizaría, que foi o que narraron autores clásicos como Floro e Paulo Orosio.
Acueduto: Restos en Lousadela. 
Aguia: Hai autores que sitúan unha aguia de bronce, que formaría parte dun estandarte romano, no Monte Cido alá polos anos trinta do pasado século XX, se ben outras fontes lévanna para O Pía Paxaro (daí o nome deste monte).      
Tessera Hospitalis (Torre da Cabreira-O Carbedo): Atopada no ano 1959. Trátase dun texto epigráfico gravado sobre unha prancha enmarcada por columnas que soportan un frontón triangular no que asoma unha cabeza de guerreiro tocado cun helmo. A ambos os lados ten unhas ansae para colgar: "APPIO IVNIO SILANO P(ublio) SILIO NERVA CO(n) S(ulibus)/TILLEGVS AMBATI F(ilius) SUSARRVS/) (castellum) AIOBAIGIAECO HOSPITVM FECIT CVM LVGEIS CASTELLANIS TOLETENSIBVS SIBI VXORI LIBE/RIS POSTERISQVE SVIS EVMQ/VE VXOREM LIBEROSSQVE EIVS/IN FIDEM CLIENTELANQVE SVA/M SVORVMQVE IN PERPETVO CASTELLANEI TOLETENSIS RECEPERVNT/EGIT TILLEGV AMBATI (filius) IPSE MAG(istris) LATINO AR (filio) ET ANIO/TEMARI (filio)", ("Sendo cónsules Appius Iunius Silanus e Publius Silius Nerva, Tillegus, fillo de Ambatus, do pobo dos Susarros e pertencentes ao castro Aiobaigiaeco, fixo un pauto de hospitalidade cos Lougei, habitantes do castellum de Toletum, para si mesmo, para a súa muller, para os seus fillos e para os seus descendentes. Pola súa parte, os habitantes do castellum de Toletum, recibírono para sempre como cliente, a el e aos seus. Levantou acta do acordo Tilegus mesmo, fillo de Ambatus, sendo maxistrados Latinus, fillo de Arus, e Aius"). No Museo Provincial de Lugo.       
No Carbedo tamén se atoparon unhas pesas de balanza de bronce coas indicacións das marcas de peso.  
Mina de Aló de Abaixo (Ferramulín-Hórreos): Vinculada ao castro de Aló de Abaixo. Consta dun corte de explotación principal e dous secundarios. 
Mina da Antolada (Hórreos): Mina de cobre situada ao oeste do Monte das Cruces. Pouco alterada. De cronoloxía indeterminada.     
Mina dos Banzados da Veiga (Visuña): Datada na Idade do Ferro pero explotada tamén en época romana ata principios do século XX. Mina de extracción de mineral de ferro situada na cara oeste do monte de Cereixido. Explotouse de tres formas diferentes: a ceo abero, en galería e cortas.   
Mina de Bocos (Rendar): Dedicada á explotación de ouro en aluvión. Aínda se adivinan as canalizacións de auga. 
Mina da Borneira (Vilela-Noceda): Formada por dúas cortas de explotación e varias de reducido tamaño. A parte inferior está cortada dúas veces por unha pisita.     
Mina do Bronceado (Millares-Esperante): Mina con forma de V, duns 100 por 40 metros. As canles de auga son as mesmas que para de Torubio.     
Mina dos Buracois (Millares-Esperante): Pequeno xacemento con dúas cortas duns 90 metros de longo e 15 de ancho. Usáronse as mesmas canles de auga que para as minas de Torubio. Pouco alterada.  
Mina do Chao das Covas: Entreo Taro Branco e o Coldetaro. Trátase da terceira mina máis grande co Courel. Sen inventariar. 
Mina do Comuneiro (Monte Barreiro-Meiraos): Pequena mina duns 90 por 40 metros. As canles sitúanse ao norte. Pouco alterada.    
Mina Cova do Penedo (Campelo-Esperante): Estrutura auxiliar das minas de Torubio, Os Buracois e O Bronceado. Consiste nun túnel realizado nun saínte rochoso do Alto de Campelo que une as canles de auga de ambas caras do monte. Moi alterada.     
Mina de Fontabrán (Vilela-Noceda): Pequena explotación mineira duns 50 metros de longo. A auga necesaria proviña dunha fonte próxima. As canles desapareceron pola construción dunha pista.     
Mina do Monte Barreiro (Vilela-Noceda): Mina duns 250 por 70 metros. A única canle de auga ven dunha fonte situada ao norte. Calcúlase un movemento de terras de 150 decámetros cúbicos. Pouco alterada.     
Mina da Toca (Piñeira-Seoane do Courel): Mina de grandes dimensións, duns 675 por 90 metro, cun movemento de terras duns 800 decámetros cúbicos. É un claro exemplo do sistema de explotación aurífera de arrugiae. Consérvanse canles e depósitos na parte alta. 
Mina de Torubio Oeste: Do século II d. C., a mina de Torubio Oeste, de forma irregular, ten 900 metros de longo, unha anchura que vai dende os 200 aos 400 metros, e unha profundidade de 40 metros. Calcúlase que o volume do material removido superou 1.800.000 metros cúbicos. Unha complexa rede de canles fornecía de auga a explotación onde se aplicou a técnica de ruina montium para derrubar a ladeira e poñer ao descuberto os filóns auríferos. Para canalizar a auga construíronse os túneles da Antiaga e da Louseira para o que tiveron que perforar o monte das Valiñas. 
Outras explotacións mineiras: Eiriz, Leira, Touzón A Modorra, Paradela, Sobredo, Pena Ferreira (Folgoso do Courel); Monte Barreiro, Fontabrán, Pitoucos,A Borneira (Noceda); Ferrería vella, Moreda (Seoane); Bocos de Rendar, Canda ou Froxán (Vilamor); Banzados da Veiga (Visuña).
Túneles da Louseira e da Antiga que formaba parte da rede de canles para levar auga ás minas de Torubio e Millares (Monte da Valiña-Seoane).    
Necrópole de Esperante: De época romana tardía ou medieval. Está formada por varias sepulturas feitas con lousa en forma de caixa.  
Castro da Torre: Situado a uns trinta metros de altura sobre o terreo circundante, foi erixido cara o século III d. C. Para a súa construción foi preciso achandar o curuto pizarroso e levantar uns muros de contención. Conserva restos dunha torre de vixiancia e vivendas feitas con laxas de lousa, unha escaleira, un alxibe de dous metros de profundidade escavado na rocha e un foxo. Proposto como Ben de Interese Cultural.      
Castro de Vilar: Colgado literalmente sobre un meandro do río Lor, conserva parte das defensas e das vivendas que, aínda que de planta irregular tendente a circular, semella ter a orixe en época romana. Tivo varias reocupacións ata ben entrada a Idade Media. Defendido por tres foxos nas partes máis vulnerables, chama a atención unha muralla, a simple vista innecesaria, construída nun lugar que non precisa defensa. 



 


A FONSAGRADA   
Campamento romano da Pena Parda: Un importante continxente de tropas romanas penetrou en Galicia a través das montañas que separan A Fonsagrada de Santa Eulalia de Oscos. Así parece evidencialo os restos dun campamento temporal no terreo coñecido como A Pena Parda. A finais do ano 2015, o arqueólogo asturiano Andrés Menéndez descubriu, por medio das fotos aéreas e o LIDAR o peche, a defensa a través dun suco, con formas que tendían a crear liñas rectas coas esquinas arredondadas. A principios do mes de outubro de 2017, os investigadores comezaron os traballos para determinar o estado de conservación do sitio arqueolóxico, determinar as datas de ocupación e así poder establecer de como foi a invasión romana no noroeste peninsular. O estudo completo publicarase na revista Gallaecia, do Departamento de Historia da USC, na que se integra Manuel Costa, tamén do grupo Romanarmy. A finais dos anos noventa do pasado século coñecíanse 11 campamentos deste tipo no noroeste, hoxe son máis de 60 os localizados. José Manuel Costa sinala que estes achádegos están a mudar o xeito de entender como foi a invasión romana en Galicia. Estase a demostrar como o avance progresivo dos romanos fíxose co apoio deste tipo de campamentos temporais (castra aestiva). O da Pena Parda, a 865 metros de altitude, é un dos máis grandes descubertos ata o momento, dunhas dez hectáreas, moi similar ao de Santa Marta de Sarria onde se chegou a instalar todo un exército. No oriente da provincia de Lugo localizáronse hai poucos anos o da Recacha e o da Granda das Xarras entre Ibias (Asturias), Candín (León) e Navia de Suarna (Lugo), e o da Cortiña dos Mouros ou Campo do Circo, no límite entre Cervantes e Balboa (León).   
Tesouriño de Monteseiro: No ano 1956, con motivo dos traballos de repoboación forestal no lugar coñecido como A Pena das Olas, en Monteseiro, Oliva Díaz, de 14 anos, atopou nun pequeno recipiente de cobre ou barro 108 moedas de prata (denarios) que foron depositados no Museo Provincial de Lugo despois de mercarllo ao pai de Oliva, Germán Díaz Álvarez, por 875 pesetas. Sete das moedas son republicanas, o resto imperiais, comprendidas entre os reinados de Tiberio e Traxano. Salientan 16 de Vespasiano, 20 de Tito e 50 de Traxano.
Minas auríferas do Chao de Cabeiro (Camín dos Mouros-Vilabol) e Pedras Amontoadas (Monteseiro). 
 

 




FOZ 
Moedas: No castro de Fazouro atopouse unha moeda pertencente á época Flavia e ceca de Clunia; en Cangas de Foz, no Cú do Castro, dúas moedas, unha do século III d. C. 
Explotación mineira: No mes de marzo de 2013 Mariña Patrimonio solicitou de Patrimonio a catalogación dunha explotación mineira a ceo aberto redescuberta por membros da asociación nunha área que se extende por unhas cen hectáreas de monte en Barreiros e cincoenta en A Espiñeira, no concello de Foz. O arqueólogo Santiago Ferrer apuntou que se trata dunha imnportante mina romana da que se extraía ouro en po empregando, entre outros, o sistema de peite. Esta explotación deuna a coñecer Shultz a principios do século XX, e tamén é citada por Sánchez Palencia.  
Praia da Pampillosa: Segundo denunciou a asociación MariñaPatrimonio no mes de marzo de 2014, o asentamento romano desapareceu debido aos temporais que afectaron á costa luguesa nos primeiros meses do ano. Con anterioridade xa se tiñan denunciado escavacións non autorizadas onde os furtivos mesmo deixaron apilados fragmentos cerámicos, quizais por consideralos de pouco interese. 
San Martiño de Mondoñedo: Nas inmediacións da igrexa atopáronse materiais tardorromanos (tégula, ladrillos, sigillata...) e un posible hipocausto. Adoita pensarse que o templo sería o "Monasterio Maximi" do Parroquial Suevo de finais do século VI; de todos os xeitos, aínda que existen evidencias de enterramentos tardorromanos e altomedievais, non está probado que a igrexa teña fases arqueolóxicas anteriores ao século IX.
 
FRIOL
Ara a Coventina (Miraz): Blázquez rexeita a relación desta deusa coa Conventina británica. Entende COHVE/CVHVE como variantes de Cossue con aspiración dos "ss". Creo que a lectura correcta é "COHVE/TENE E R N". No Museo Provincial de Lugo.
Calzada: Restos en Trasmonte e Guldriz.  
Mansión: Mansio Marcie no Itinerario de Antonino, Ponte Nartiae no Anónimo de Rávena, e Ponte Nartiae na II Tábula de Astorga que algúns autores sitúan no actual Marzán, se ben non faltan quen a leven para as ourelas do río Narla, en Friol, pola aparición dun miliario. En Friol tamén adoita situarse a mansión Caranico (Itinerario de Antonino) ou Carantium (no Anónimo de Rávena), se ben Monteagudo trasládaa a Aranga por perda da súa C.      
Miliario de Friol: Século III d. C. A primeira foto que coñecemos débese a Juan Núñez Jato antes do ano 1995, estba en posición invertida. Logo foi estudado por Rodríguez Casal no ano 1995. O 6 de marzo de 1996 foi trasladado para o Museo Provincial de Lugo. Do ano 217 d. C., atopábase no Monte Lodoso, xunto a Vía XIX. Servía como lindeiro entre as parroquias de Friol, Guldriz e Santalla de Devesa. Fáltalle parte do texto: "[---] [CAES]ARI . MARCO/[---] . PIO . FELICI . AVG(usto)/[---] [MAXIM]O TRIB(unicia) . POTEST(ate)/[---] [PATR]AE PRO[---]/[------]/[------]/PRI N CIPI . I[---]/ALVCO AV[G](usti)/M(ilia) P(assuum) XI[---]", ("Dedicado ao César emperador Marco Aurelio Antonio, pío feliz augusto, pontífice máximo, con potestade tribunicia, pai da patria, procónsul, fortísimo e felicísimo, príncipe indulxentísimo. A Lugo 11 millas"). Hai unha réplica na praza de Friol.    
Moedas e pezas de ouro que Cavada Nieto di que foron atopadas na mámoa dos Castelos.
Pena Armada: Na actualidade é coñecido o Parque eólico que hai no concello. Quizais faga alusión a un posto de vixiancia e control do exército romano.
  
 

 

GUITIRIZ 
Ara aos Lares Viais da Graña (O Buriz): Atopada na sacristía da igrexa do Buriz no mes de  outubro de 1971. Dende o ano 2001 atópase no adro da igrexa de Buriz. Unha estrutura de metacrilato colocada para protexela impedía vela; no ano 2017 sacáronlla. "LARE/BVS V/EALIB/VS A(ram) S(ua) P(ecunia)/S(ulpicius) E(x) V(oto) P (osuit)", ("Aos Lares Viais. Sulpicius puxo esta ara cos seus cartos por unha promesa"). 
Ara aos Lares Viais do Catarrá: Atopada no ano 1969 por Carlos García Martínez na parte superior do muro dunha finca situada na chamada Casa de Froilán, no barrio da torre. Hoxe en día no Pazo de Pontella (Santa Cruz): "LARIBVS/VIALIBV/S CAES(i)/ANVS", ("Aos Lares Viais, Caesianus (puxo este monumento)").  
Ara de Santo Estevo de Parga: Formaba parte do pavimento da igrexa, debaixo do arco triunfal, na actualidade consérvase xunto a porta de entrada á sancristía: "D(is) M(anibus) S(acrum)/VENVST/VS AN(norum)/---", ("Consagrado aos deuses Manes. Venustus morto á idade de..."). Semella que foi repicada na parte superior, por riba da inscrición.
Ara e estela en Mariz: ñoas como desaparecidas. Nun debuxo sen data nin autor, lese: "D M S/[---]/FRONTO/NIS [---]/M[---]/V[---]/SE[---]S", interpretado: "D (is) M(anibus) S(acrum)/[---] FRONTO/NIS/[F(ilio?)]/M[---]/V(alerius?)/SE[verus]S". Consagrada aos deuses Manes por Severus. Na anotación pon que procede de "Mariz, Santa Eulalia, en tierra de Parga, parroquia de la Encomienda de Puertomarín de San Juan". No debuxo do fragmento da  estela di: "parte de otra sepultura en la misma parroquia..., semejante a la que hay en el atrio".  
Ara á deusa Coventina: Atopada no ano 1918 (Nicandro Ares di que no 1910) na Ruxida dos Corveiros ou Curveiros, preto do balneario de Guitiriz: "COHVE/TENE/E R(esponso?) N(umidis?)", ("A Cohvetene, agradecendo a resposta da divindade"). Hai autores que sitúan o achado na parroquia de Miraz (Friol). Monteagudo propón que puído estar dedicada por un soldado que formou parte dunha vexillatio enviada o ano 119 a Gran Bretaña, onde, xunto unha fonte de Procolitia do vallum Adriani se veneraba a unha deidade semellante, cuxo nome tiña múltiples variantes. O investigador rumano Scarlat Lambrino sostén que Convetena non é divindade importada senón galaica. No Museo Provincial de Lugo.
Estela (O Buriz): Estela anepígrafa descrita por Amor Meilán que se atopaba no adro da igrexa parroquial. Tiña un baixo relevo representando unha escea militar. Desaparecida. Consérvase un debuxo de Mato Vizoso (1846-1909). O arqueólogo Manuel Anxo López-Felpeto (envioume o debuxo) comentoume que leva perdida dende hai  moitos anos, dime que preguntou pero non hai quen a lembre.  
Estela de Bascuas (San Salvador): Estela funeraria do século III d. C. reutilizada no lintel da capela de Nosa Señora de Bascuas, na porta que comunica a nave coa sancristía. Sobre a inscrición vese o círculo solar, a media lúa e círculos dispostos simetricamente. Segundo García y Bellido a lúa interprétase como mansión dos mortos, mais tamén era unha divindade independente, aínda que asociada á idea da morte: "D(iis) M(anibus) S(acrum)/SEVERI/NA AN/NO(rum) XCI (nonaginta unius)", ("Consagrada aos deus Manes, Severina morta á idade de 91 anos"). Tamén apareceu unha parte dun muíño de man.
Lápida (Guitiriz): Estaba no muro dunha casa de Guitiriz e antes xunto unha fonte próxima, foi enviada para a Academia da Historia polo cura Pedro Sánchez de Ulloa cara o ano 1759; así o conta Manuel Murguía na súa Historia de Galicia. Entre os anos 1714 e 1790 publicouna Xosé Cornide: "DI(is) I(nferis) M(anibus)/A(ulus?) PARRAQ(uus)/AVITVS M/AECIANVS/ANNORV(m) (hedera)/LXV (sexaginta quinque) H(ic) S(itus) E(st)", ("Aos deuses Manes, Aulus? Avitius Maecianus, fillo de Parraquus, morto á idade de 65 anos, xace aquí"). O xentilicio sería a forma primitiva que posteriormente daría o nome de Parga. No Museo Provincial de Lugo.
Lápida en Cuíña (Mariz): Atopada no ano 1972 nunha finca do lugar de Cuíña ao arar a terra cun tractor que a partiu en dous anacos. Estudada por Nicandro Ares Vázquez. Consiste nuns baixorelevos situados por riba dunha inscrición. Na parte superior central estaba o que puido ser o disco solar ou a lúa cos cornos cara arriba. Debaixo hai uns discos constituídos por tres círculos concéntricos cada un. Debaixo destes unha fileira transversal de tres arquiños, soportados pola cartela que contén a fórmula ritual de consagradación aos Deuses Manes: "D(iis) M(anibus) S(acrum)/[PL]ACIDI/[VS] PATER/NVS AN/NORVM [---] XVII", ("Consagrado aos deuses Manes. Placidius Paternus morto á idade de 17 anos"). No Museo Provincial de Lugo.

 

 
 




 
 
GUNTÍN DE PALLARES 
Ara a Navia (San Martiño de Monte da Meda): Século II-III d. C. Atopada no ano 1930 por Ramón Castro López no muro dunha finca de Antonio Pérez, da Casa do Corgo, quen a recolleu na coroa do castro do Picato. Na parte superior do frontis ten gravado un crecente luar cos cornos cara arriba en forma de cunca. Segundo Ares Vázquez, lese: "NAVI(a)E/L(ibens?) EX VO(to)/A(ram?) P(ublius) FLA(vius) F(aciendum) S(sacrum) C(uravit)", ("Publius (ou Publicius) fixo (este monumento) cumprindo de bo grado o voto que fixera a Navia, por unha promesa"); Segundo IRPL: "NAVI(a)E/L(ibens) EX VO(to)/A(nimo) P(ublius)/F(lavius)/F(aciendum) S(acrum) C(uravit)", ("Consagrado a Navia, Publius ou Publicius Flavius fixo (este monumento) cumprindo de bo grado o voto que fixera por unha promesa"). No Museo Provincial de Lugo.   
Ara a Navia Arconunieca (San Mamede de Lousada): Atopada no ano 1930 preto do castro de San Mamede de Lousada por Ramón Castro López. Século II-III d. C. "NAVIAE/ARCON/VNIECA/E SVLP(icius)/MAX(imus)/EX VO/TO", ("A Navia Arconunieca, Sulpicius Maximus (puxo este altar) por unha promesa"). No Museo de Lugo.    
Castro romanizado de Picato (Monte de Meda): Atopáronse pezas cerámicas e unha ara que cito máis arriba.    
Miliario de Entrambasaugas: 211-217 d. C. Descuberto no ano  1942 (ou no 1936 segundo outras fontes) polo médico Pardo Valiña, tumbado á beira dunha pontella xunto a igrexa parroquial, hoxe en día no Museo Provincial de Lugo. Descoñécese a que emperador podería corresponder, barallándose as posibilidade de a Caro, Carino ou Numeriano: "M(arco) AVRELIO/CARO/CARINO/NVMERIANO".  
Miliario de San Romao da Retorta: No Boletín da Comisión Provincial de Monumentos de Ourense de xaneiro-febreiro de 1912, aparece un artigo titulado Nuevo miliario romano, escrito polo sacerdote e historiador Marcelo Macías (1843-1941). Escribe que apareceu cerca de Rábade, nunha finca de Victoriano Sánchez Latas (no 1925 foi presidente da Deputación Provincial de Lugo), quen logo llo regalou a Julián de Diego y Alcolea (1859-1927), daquelas bispo de Astorga (anos despois foi arcebispo de Santiago). O miliario foi levado (como outras pezas procedentes de Galicia) para o coñecido como “Museo epigráfico y lapidario” (hoxe “Museo de los Caminos”), inaugurado no 1913, situado nun edificio do Bispado de Astorga, exposto, tal como se ve nunha foto do ano 1920, máis ou menos no lugar que ocupa na actualidade. Quen visite o “Museo de los Caminos” de Astorga, axiña se decata de que o impoñente miliario, de máis de 2,5 metros de alto, semella presidir a exposición. Ao seu pé hai unha cartela onde se transcribe o texto epigráfico do século I d. C. dedicado ao emperador Calígula: “C. CAESAR DIVI / AVG. PRONEPOS / AVGVSTVS PONT. / MAX. TRIB. POT. III / COS. III P. P.”, ("Caio César Augusto, bizneto do divino Augusto. Pontífice Máximo, investido tres veces da potestade tribunicia. Cónsul por terceira vez. Pai da Patria"). Na cartela tamén se indica a procedencia: “Rábade. Lugo”. É precisamente na procedencia do miliario onde está o erro, aclarado polo propio Marcelo Macías no Boletín da Comisión Provincial de Monumentos de Ourense de maio-xuño de 1912, onde recolle que Sánchez Latas lle comunica que non apareceu en Rábade, senón en San Romao da Retorta, no concello de Guntín de Pallares. No artigo O Camiño Primitivo de Santiago: Ruta astur-galaica do interior, publicado en Lucensia (1993) polo historiador Ricardo G. Polín e o sacerdote e lingüísta Nicando Ares Vázquez, achégase que nos anos oitenta do século XIX o miliario foi trasladado de sitio polo propietario do terreo, reutilizándoo como columna dun pendello no curral da Casa de Perucho. Alí viuno José Trucharte, coengo da Catedral de Lugo entre 1880 e 1886, que foi o que deu aviso ao avogado Victoriano Sánchez Latas, futuro presidente da Deputación. Polo tanto, a cartela que figura no “Museo de los Caminos de Astorga” non é correcta, ben porque non teñen constancia da corrección realizada no 1912 por Marcelo Macías, ou porque a errada procedencia tamén figuraba nalgún traballo publicado posteriormente como, por exemplo, no famoso Vías romanas de Galicia (1960), de Estefanía Álvarez. Polo tanto, é necesario que a cartela que figura ao pé do miliario debe ser correcta xa que polo “Museo de los Caminos de Astorga” pasan miles de persoas ao ano que lle fan fotos ás pezas e logo divulgan unha información que non é real (poden verse moitos exemplos na Internet que, como se sabe, toda información espállase como a pólvora). Dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares xa lle enviamos ao museo un correo, coa documentación que o acredita, para que o corrixan. En San Román da Retorta hai unha reprodución.  
Mansión Aqua Quintiae: Schulten sitúa a mansión entre o mosteiro de Santa María de Pallares e a Ponte Cabalar. Segundo Nicandro Ares podería relacionarse con Cruz de Quinte, paraxe hoxe en día despoboada que está a uns 500 metros da Ponte Cabalar, e a uns 50 metros do mosteiro de Ferreira de Pallares. Citada na Táboa II de Astorga e por Ptolomeo: "VIA LVCO AV(gus)TI AID DACTIONVM/AQVAE QVINTIA(e)/DACTONVM IX". Malia o anterior, Juan J. Moralejo (2009), di que aínda que se adoita identificar con Baños de Guntín, proposta á que non hai nada que obxectar no que respeita a Aquae/Baños que xa temos noutras mansións, cómpre lembrar que a semellanza de Quintius con Guntín é casualidade irrelevante: Guntín é o nome dun posesor de orixe xermánica (Piel e Kremer), con inicial Gunt- sen relación algunha co latino Quint-. Continúa Moralejo, que Tovar (1989) recolle unha referencia a un San Salvador de Cuntís, un erro grave, xa que ese Cuntís, ademais de que tería que ser Guntís, levaría a Sober, xa máis alá de Dactonium (Terra de Lemos).





 

O INCIO
Canteira de mármore de época romana.

LÁNCARA 
Estela de Río: Formaba parte do muro exterior da igrexa de Río. Estivo exposta na exposión de Galicia no Tempo. Na actualidade atópase encastradada nun muro da pequena sancristía. Trátase dunha estela de granito incompleta que representa no interior dun cadro moldurado a dous persoeiros, ao da esquerda fáltalle gran parte, e o da dereita, co rostro moi borroso e sen un anaco da cabeza, viste unha toga e sosteñen sobre os xeonllos unha especie de cartela onde está escrito un texto en gran parte perdido e de interpretación dubidosa: "[------]/FELICEM/PARENTEM/[---]/IVL ET/[---] FILIO". Semella que están sentados nunha especie de banco.  A pesares de estar incompleta e o deficiente estado de conservación, é posible poñelas en relación con outras estelas funerarias contemporáneas, como a de Vilar de Sarria ou o relevo de Adai. Os personaxes pertencerían a unha elite culta e poderosa como nolo amosan a presenza das togas e a cartela coa inscrición. Datada entre os séculos III-IV d. C.   
Epígrafe de Río: Praca funeraria en mármore gris situada nun muro exterior da igrexa de Río: "D(iis) M(anibus) S(acrum)/AVRELIAE NANTIAE/ANNORVM XVIIII (undeviginti) AVRELIVS FRONTO/FILIAE F(aciendum) C(uravit)", ("Consagrado aos deuses Manes. Aureliae Nantiae morta á idade de 19 anos. Aurelius Fronto fíxoo construír para a súa filla"). Dáse a conxunción entre un cognome de orixe indíxena e o nome romano. Para Rivas Quintas, Nantia e Nantius son nomes claramente célticos (Nantia e Nantius figuran no rexistro da Galia francesa). No Museo do castro de Viladonga consérvase un grafito co nome de Nantius. A aparición destas dúas pezas no mesmo lugar fan pensar na existencia dun posible taller escultórico na zona en época tardorromana, aínda que non se sabe se vinculado a Lucus Augusti ou ás villae romanas documentadas na contorna. 
Campamento do Monte da Chá (A Chá de Santa Marta): De forma rectangular cos esquinais arredondados, foi identificado grazas ao emprego da fotografía aérea histórica que amosan que o sitio foi sometido a un constante deterioro dende mediados do século XX. Na actualidade resulta moi difícil identificar sobre o terreo os restos das defensas que estarían integradas por un foxo exterior e por un terraplén que na actualidade conserva uns 70 cm de anchura por 20 de alto. O sitio está moi afectado polas roturacións do terreo para plantacións forestais coa utilización de maquinaria pesada. Unha estrada e unha liña de alta tensión atravesan parte do xacemento, e un camiño forestal aproveitou a cara interna do parapeito como caixa. Nos anos 30 do pasado século construíuse na Chá un aeródromo militar. Información extraída de patrimoniogalego.net. 
Campamento do Monte da Medorra: Temporal. De grandes dimensións. Entre Láncara e Sarria.
Moeda: No Boletín de la sección Ateneísta de la reunión de Artesanos de La Coruña de maio-xullo de 1905 cita unha moeda romana atopada no castro de Toirán.     
Outros xacementos: A Croa (Carracedo); Monte Tandeira (Cedrón); A Ermida (A Lama); A Poza Grande (Vilarello). 
A Armada (Lagos): Preto do Camiño Real e dunha variante da vía XIX. Quizais faga alusión a un posto de vixiancia e control do exército romano.
   


 

LOURENZÁ 
Miliario: Na igrexa parroquial de San Adrao, do século XVI e construída sobre un primitivo mosteiro, a pía de auga bendita é un miliario romano dun metro de altura. 
Sartego: Na igrexa mosteiral de Vilanova de Lourenzá atópase o sartego do fundador do mosteiro, Osorio Gutiérrez (O Conde Santo), primo do rei Ordoño. O sartego que o conde elexiu como sepulcro, de mármore branca, posiblemente de orixe romano, foi fabricado en Aquitania no século V ou VI.

LUGO 

Segundo algunhas hipóteses, Lugo debe o nome a unha divindade de filiación céltica, pode que asimilada ao Mercurio romano, que é Lug que encaixa co nome de Lucus que significa bosque sagrado.          
Acueduto: As obras na rúa de San Marcos, fronte á Deputación Provincial, deixaron ao descuberto parte do acueducto romano. Cando a construción do hospital de Isabel II no século XIX (edificio que hoxe en día acolle a Deputación) estragouse parte do acueducto.            
Ara do século III d. C. adicada por Saturninus, un liberto imperial, a Xúpiter, aos Numina, a Xuno, a Venus, a África, a Frugifer, a Augusta Emérita e aos Laribus Gallaeciarum atopada na muralla no ano 1973, preto da porta de San Pedro. 
Ara de Coraelia Rufina: Descuberta no ano 1941 por Vázquez Seijas no muro que sostiña a escaleira do soto dunha casa situada na rúa Bispo Aguirre. De granito: "CORAELIA/RVFINA/EX VISV/LIBENS/MERITO". No Museo de Lugo. 
Ara aos deuses Lugobos: Apareceu na rúa Montevideo. Século II-III d. C. Dedicada por Valeriano Clemente: "LVC(ouis) GVD/[--]OV[---]/CLE(mens)/ V S L".    
Ara aos deuses Manes: No ano 1888, Villa-Amil y Castro envía á Academia da Historia unha carta, con debuxo incluído, sobre a aparición desta ara. "D M S/PVBLIA/FLORINA/AN VIII/H S E", ("Aos deuses Manes. En memoria de Publilia Florina morta aos oito anos").   
Ara aos deuses Manes: Dedicada por Xullo Rufino, funcionario romano nacido en Astorga, morto en Lugo aos 27 anos. 
Ara aos deuses Manes: Traducida, di: "Aos Deuses Manes. Marco Aurelio a Festina Licima Celina, de 30 anos, esposa queridísima. Que a terra che sexa leve". 
Ara aos deuses Manes: Atopada na Praza de Santo Domingo no ano 1936. Traducida, di: "Aos Deuses Manes. O pai puxo este título aos seus moi fieis fillos, asasinados o 30 de marzo. Paterno, de 26 anos, e Materno? de [---] anos. Aquí xacen. Que a terra lle sexa leve". 
Ara aos deuses Manes: Aparecida no ano 1879 ao derruar un sector da antiga muralla. "D(iis)/M(anibus)/Philtates/ornatricis/c[---]/co[---]o/domo August(is)/Taurinis/conservi eius". 
Ara aos deuses Manes: O P. Fita transcribe en maio de 1900 o texto dunha ara aparecida na Porta Nova. Dedicada por Valeriae Frontillae aos deuses Manes. "VALERIAE FRON/TILLAE AN XXII/FILIAE SANCTI/SSIMAE DISCI/PVLAE CARIS/SIMAE M VAL/FRONTO LVSI/TANVS".
Ara aos deuses Manes: Dedicada por Aurelius, un soldado da lexión VII Gemina.
Ara aos deuses Manes. Dedicada por Flavia Paterna á súa filla Iulia Flacila. Apareceu na muralla de Lugo. No Museo Provincial de Lugo.
Aras e estela aos deuses Manes: No Museo Provincial de Lugo consérvanse 11 aras e unha estela a estas divindades.
Estela aos deuses Manes: Dedicada por Severa. No Museo Provincial de Lugo.           
Ara aos Lares Gallaeciarum: No Museo Provincial de Lugo. "[Numi]nib(us) [Aug]ustor(um)/[Iunoni R]e[gi]nae/Veneri Victrici/Africae Caelesti/Frugifero/Augustae Emeritae/et Larib(us) Callaeciar(um)/[S]aturninus Aug(usti) lib(ertus)". Foi atopada no 1973. Século II d. C.
Ara a Laho Paraliomego:
Foi atopada por Manuel Magadán nos cimentos dunha casa que estaba a construír na rúa Bispo Aguirre. Magadán mandoulle unha carta ao P. Fita pedíndolle consello para enviala ao Museo de Madrid por non existir "Museo alguno en esta ciudad". Publicado polo P. Fidel Fita nun Boletín da Real Academia da Historia no 1910  Adicada por Caelius Rufinus. "LAHO PAR/ALIOMEGO/CAELIVS RVFINVS EX VOTO". Século II d. C. No Museo Provincial de Lugo.
Ara a Lucobo Arousaego: Apareceu na rúa Montevideo. Século II-III d. C. Adicada por Rufina ou Rutilia Antiana. "LVCOBO AROVSAE(ego?)/V(otum) S(olvit) L(ibens) M(erito) RV[tilia]/ANTIANA. No Museo Provincial de Lugo.
Ara da rúa Ribadeo: No Museo de Lugo. "LVGVBV/AROVIEIS/[---]M[---] [---]".
Ara na rúa da Raíña: A Rea. Atopada no ano 1968 preto da rúa da Raíña. Século II d. C. "REAE/LV(cinus) VAL(erius)/OPTA/NVS V(otum) S (olvit) L(ibens) M(erito)", ("Lucius Valerius Optanus fixo este voto a Rea"). No Museo de Lugo. 
Ara a Regoni: Atopada na rúa Nova. Século II d. C. "RE/GONI M S". Blázquez identifícao con Marte do que Regoni sería un apelativo. Para Vasconcelos, o M precedente sería a fórmula votiva merito. E para Arias Vilas, Le Roux e Tranoy sería o inicio do nome do dedicante.   
Ara a Reo Paramaeco Aidi: Atopada ao construír o asilo de anciáns no barrio de San Roque. Foi estudada por Vázquez Saco, Álvaro D´Ors e Nicandro Ares. Século III-IV d. C. "REO/PARA/MAEC(o)/AIDI(us) PO/THINVS/ET PRVD(ens)/F V S L M". A ara leva por riba tres focus circulares dispostos en triángulo rectángulo que, segundo Ares Vázquez, estarían en relación co triple nome da divindade ou con algunha tríade. No Museo de Lugo. 
Ara a Tutela: Adicada por Silonio.   
Ara a Tutela: Adicada por Lucio Antonio Avito.          
Ara a Poemana: Século II d. C. Apareceu na muralla de Lugo. 
Ara a Verore: Fragmento de ara aparecida na rúa Nova. S. II d. C. "VERORE/RVFVS/ME(rito) EX/VISV". No Museo de Lugo.
Ara a Verore: Apareceu na rúa Nova. Século II d. C. "VERORE/PA PRIMI/EX V(oto)". Hai quen le Veroce. Albertos di que non é un "c", senón un "r" moi tosco. No Museo de Lugo.  
Ara a Verore?: Atopada na rúa Nova. "VER(ore)/++ R[---].  
Ara a Virrore: Apareceu na rúa Nova. Século II d. C. Adicada por Aitanus Paternus. "VIRRORE/VILAEGO/AITANIVS/PATERNVS/ V S L M". No Museo Provincial de Lugo.        
Ara a Xúpiter: Atopada na rúa Clérigos. "IOM/CONSERVATOR M AVR/SEVERVS/VOTUM/S L M".    
Ara a Xúpiter: No ano 1888, Villa-Amil y Castro envía á Academia da Historia unha carta, con debuxo incluído, sobre  aparición desta ara. Adicada por Flavio Flavus, atopada na muralla. "IOVI/OP MA/X FLA/FLAVVS/EX VO/TO".
Ara a Xúpiter: Adicada por Sulpicius Clemens. "S V L P/CLEMENS IVE/IOVI OM/V S L M".
Ara de Penarrubia: Atopada a principios dos anos setenta ao pé da muralla exterior do castro de Penarrubia, descuberta por don José Darriba Varela quen a doou ao Museo Provincial no ano 1983. De difícil lectura, está adicada a Navia en cumprimento dun voto. "NAVIA(e)/[---]A M(arcus?)/FLA(vius) E/X VOT/O".        
Ara en Piúgos: Atopada no ano 1843 en Ponteagos, na marxe dereita do río Miño. Desaparecida, segundo Ares Vázquez dicía: "BALAESI/NA (hedera) RVFI/F(ilia) (hedera) SEVERA/CAMP(?) (hedera) AN(n)O(rum)/XXII (viginti duorum) H(ic) S(ita) E(st)", ("Balaesina Severa, filla de Rufus, campi(?) morta á idade de 22 anos, aquí xace").
Epígrafe en Piúgos: Descoñécese a procedencia. Desaparecida. Citada por Barros Sibelo. "L(ucius) VALERIVS/SEVERVS/MIL(es) LEG(ionis) VII(septimae)/G(eminae)/CARISSI RVFI/ANN(orum)XXX(triginta) AER(um)/VI(sex)/H(ic) S(itus) E(st) S(it) T(ibi) T(erra)/L(evis)", ("Lucius Valerius Severus, soldado da Lexión X Gemina Felix, da centuria e Carisius Rufus, morto á idade de 30 anos, despois de seis anos de servizo, eiquí xace. A terra che sexa leve").
Inscrición: Nos cimentos da porta da Rúa Nova, intramuros, formando parte do borde superior; atopada no ano 1998 cando unhas obras de canalización."FUNDAM(enta)". Posible alusión á inauguración dunha obra.   
Inscrición perdida: Epígrafe da que se ten noticia dende principios do século XVII, que Castellá Ferrer, que a viu e describiu, situou xunto o castro da Rocha, "preto de Padrón". Muratori situouna en "Iria Flaviae in Gallaecia". Pero Amor Meilán, como antes Barros Sibelo, lévaa para Lugo, procedente da Porta de San Pedro. "NE TACI/VE ILFERI/CAE SVL/PICIVS SE/VERVS/V(otum) S(olvit) L(ibens) M(erito)", ("Sulpicius Severus cumpriou o voto libremente para [---]". Quizais dedicada a unha divindade indíxena.
Templo no Círculo das Artes: Do século IV d. C. Localizado no ano 2005 no Círculo das Artes.            
Termas: Ao pé da cidade romana de Lucus Augusti localizábase o balneario romano de Lugo. Polas súas proximidades pasaba a vía XIX que unía Lucus con Bracara e Asturica. É un dos balnearios máis representativos da Península xa que conserva varias das salas orixinarias, adicadas a tratamento e lugares de culto. O moderno edificio, que continúa en funcionamento, levantouse sobre as termas. Consérvanse dúas salas abovedadas con nichos onde, posiblemente, se colocarían representacións de divindades ou exvotos relacionados coas virtudes curativas das súas augas. Están construídas con lousa e perpiaños de granito. O acceso a elas é cun chan de cemento hidráulico, opus signinum, quizais recuberto con mármore. A sala contigua é semellante ás anteriores, por no século XVI foi transformada en capela que tiña un pequeno altar e unha representación pictórica do Calvario de Cristo. Aínda existen muros romanos para conter as augas do río Miño nas enchentas, e suponse a existencia dunha sala, quizais o sudatorium ou laconium, representada no plano de Giraldo. As primeiras intervencións arqueolóxicas foron no ano 1984, pero as de máis trascendencia comezaron no 1998 da man de Gonzalo Meijide Cameselle e Francisco Hervés Reigoso. As escavacións do ano 1999 sacaron á luz espazos de grande interese, como un espazo porticado, a palestra, ou a piscina onde apareceron unhas aras expostas (documentaron 14, delas 6 dedicadas ás Ninfas, o que plantexa a existencia dun espazo relixioso). Os arqueólogos Hervés e Meijide estiman que as termas romanas ocuparían unha superficie de 2.500 m2 organizados de forma paralela ao río Miño e serían utilizadas entre os séculos I e IV d. C. Nos primeiros meses do ano 2014, durante unhas escavacións, descubriuse unha piscina cuxos restos foron localizados dentro e fóra do edificio, que conserva vestixios dunhas escaleiras lonxitudinais e que, segundo Hervés, foi reutilizada en varias ocasións. No ano 1495, o monxe Künig de Bach, nas escasas referencias que fai a Galicia durante a súa peregrinaxe a Compostela, cita as termas (fala duns baños xunto a ponte de Lucos); no 1550 cítaas o Licenciado Molina para rexeitar o complexo termal na obra de Plinio; e no século XVII Pallares y Gayoso, autor de Argos Divina, é o primeiro en describilas con certo detalle. No ano 1812 o enxeñeiro militar Pedro Giraldo fixo un plano do balneario que distingue as construcións de época romana. E no 1816 o médico Sanxurxo e Mosquera describe o complexo termal antes da gran remodelación acontecida no ano 1847 (conversión da casa de baños en hotel-balneario) o que supuxo a destrución de moitas estruturas romanas, se ben é certo que permitiu integrar outras no moderno edificio (o balneario aínda utiliza dúas das captacións de auga romanas).  
Aras ás Ninfas nas Termas: 1: "NYMPHIS/M(arcus) VLP(ius) LON/GIANVS". 2: "NYMPHIS/L(ucius) VAL[erius) M(aximus?]". 3: "NYMPHIS/[---] E V [---]". "NYM(phis) SAC(crum)/---". 4: Dúas coa inscrición "NYM(phis)". 5: "NYMPHIS L(ucius) VAL(erius) M(aximus?)". (Fonte: Hervés Reigoso e Meijide Cameselle).
Outras aras nas Termas: 1: "[---LTIO/(vacat)/L(ucius) LARCI(us)/LIC(inius)]". 2: "--- V(otum) S(olvit) L(ibens) M(erito)". 3: "---/(ex) V(oto)". 4: "---/[---] V(otum) S(olvit) L(ibens) M(erito) I". 5: "M(arcus) HORTENSIVS/[MAX]IANVS/---". 6: "NAVIA(e) /[---A M(arcus)/FLA(vius) E/ X VOT". 7: "[---LTIO/(vacat)/L(ucius) LARCI(us)/LI[c(nius)]". 8: ---]/(vacat)/(ex) VOTO/[cur]A AGENTE//[---]GERMANO". Outras catro coa fórmula final. (Fonte Hervés Reigoso e Meijide Cameselle).
Bucranio ou Taurobolio: Apareceu na Praza de Santa María no ano 1961. Foi dado a coñecer no Boletín da Comisión Provincial de Monumentos de Lugo (1960-61) por J. Trapero Pardo; no Boletín, tomo VIII (1965-66), descríbeo Nicandro Ares Vázquez. Trátase dunha peza granítica cun baixorrelevo que representa un bucranio enmarcado por un funículo liso. Asociado a ritos denominados taurobolia, onde se degolaba ao touro e logo o iniciado bañábase no seu sangue. Vinculado a edificacións onde se realizaban cultos orientais a Cibeles, Attis ou Mitthra. A datación sería nos momentos de expansión destes cultos, en torno ao séculoo III ou IV d. C. Comparado con outros similares, podería atribuírselle unha relación co culto taurobólico de Rea-Kybele, segundo sospeita García y BellidoNa arte, un bucranio, do grego bukranion, palabra composta polo sufixo bu (boi, touro) e kranion (cabeza, cranio), é un ornamento que reproduce o cranio dun boi, xeralmente adornado de grilandas e cintas. En Tomonte (Vilardevós) hai dous bucranios reaproveitados nunha fonte pública, e na finca Vilarín, en Becerreá, apareceu unha peza granítica que representa un boi, unha vaca e un cuxo, de perfil e aliñados.
Busto: O desaparecido El Norte de Galicia do 27 de xaneiro de 1910 dá noticia da aparición do busto dunha figura feminina atopada por Manuel Magadán nos cimentos dunha casa que estaba a construír en Bispo Aguirre. O día 15 de setembro de 1914 envía unha carta ao P. Fita pedíndolle consello para envialo ao Museo de Madrid por non existir "Museo alguno en esta ciudad". Publicado polo P. Fidel Fita nun Boletín da Real Academia da Historia no 1910 quen o relaciona coa Venus Augusta.  
Calzada romana: Restos no Centro Comercial Pazo da Maza.        
Castro da Agra dos Castros: Mal chamado da Piringalla. Situado na zona máis alta da ladeira delimitada polos ríos Miño e Rato. Descuberto a raíz das obras de abastecemento de auga da cidade de Lugo. Documéntanse varias etapas de ocupación, a máis antiga da fase final da Idade do Ferro, con foxos, parapeitos e elementos habitacionais. As etapas seguintes son xa de época romana coa aparición de tégulas, un denario de Tiberio, vidros, fichas de xogos, unha lucerna, muíños circulares e obxectos de bronce e ferro.                  
Castro de Orbazai: Apareceu material de época romana como unha pequena cunca de cerámica bruñida negra.                   
O Castrillón (Adai): Trátase dun pequeno recinto circular arrodeado por un foxo e unha muralla terreira situado nunha ladeira. Algúns investigadores falan dun castro, outros dun posto militar romano vencellado ás vías de comunicación, pero últimamente cobra forza o dun espazo anterior vencellado a determinados rituais.
Centro Arqueolóxico San Roque: Xunto a capela do San Roque, integrado polos restos dun cemiterio romano, un estanque e un forno cerámico tardío. Consérvanse tumbas pertencentes a unha gran necrópole que se mantivo activa ao longo de cinco séculos, documentando a presenza dos ritos funerarios de incineración e inhumación. Ao lado da necrópole e da vía de acceso, construíuse en torno ao se´culo I d. C. un gran estanque de auga en opus caementicium (formigón romano) que estaría en relación co propio culto funerario. A presenza dun forno dedicado á fabricación de material cerámico testemuña o uso industrial ao que se dedicou esta zona nos finais do século V d. C. 
Domus barrio do Carme: O arqueólogo municipal, Enrique González, di que pode tratarse dunha primeira ocupación do século I, "e o que se ve agora, intuimos que pode ser do século III". Son os restos dunha edificación, cre que de carácter artesanal. Non semella unha domus vinculada á vía romana que discorría na leira do lado. Nesta zona había presenza de fornos cerámicos e crese que poderían estar relacionados.
Domus e Mitreo: Descubertos no ano 2000 por mor das obras no edificio do Vicerreitorado. Este descubrimento supón un avance no coñecemento da cultura relixiosa do Imperio Romano entre os séculos I e IV d. C. Trátase do templo a Mitra máis occidental do Imperio, culto implantado en Lucus Augusti polo centurión Gaio Victorio Victorino segundo figura na ara atopada na Praza de Pío XII e cuxo texto, traducido do latín, di: "Ao nunca conquistado deus Mitra, Gaius Victorius Victorino, centurión da Lexión VII Gemina Antoniana, pío, feliz, devoto e leal, con moito gusto erixiu (esta) ara en honra do posto de control militar de Lucus (Augusti) e dos dous libertos Victorius Secundus e Victorius Victor". Tamén se atoparon restos de calzada, fibelas, moedas, cerámica, etc. 
Escultura togada: Atopada no castro Alfonsín (Saa), no muro dun camiño. Non ten cabeza. 
Estatua: A principios de 2020, a raíz dunha obra na Rúa da Xesta, apareceu unha estatua sen cabeza vestida coa roupaxe dun togado. Ao parecer é do século I d. C.            
Estela bifronte de Adai: Datada entre os seculos IV-V d. C. Trátase dun bloque paralepipédico esculpido polas dúas caras. No anverso aparecen dúas figuras humanas sentadas, unha masculina e a outra feminina. No reverso dúas esceas superpostas, a superior cun oso fronte a unha figura humana que se bota cara atrás e leva na man esquerda o que semella ser un tridente. Na parte inferior unha ave rapaz parada fronte a outras dúas máis pequenas, quizais pombas. Este relevo funerario é un exemplo de peza que reúne elementos de carácter culto cunha representación formal de raíces indíxenas. 
Estela de Cerecius: Apareceu no ano 1998 durante labores de limpeza na muralla. Partida en sete fragmentos, foi reconstruída. Rectangular con cabeceira semicircular, dúas molduras paralelas enmarcan toda a peza. Na parte superior  hai unha rosa tripétala de hélices triangulares enmarcadas nun disco. CERECIVS / CAPITONIS f(ilius)] / LVCO AVGVS(tanus) / AN(norum) XXXVIII / H(ic) S(itus) EST / C(aius) FE(l)IC/[ius - - -] S(uo) / [- - - ?]”, (“Cerecius Capitonis, de Lucus Augusti, falecido á idade de 38 anos, eiqui xace. Felicius[---]”). No Museo Provincial de Lugo.
Estela funeraria de Crecente (San Pedro de Mera): No Museo Provincial de Lugo. Datada a mediados do século I d. C. De granito, foi atopada no ano 1995 por Manuel Carreira González nun camiño ao abrir unha gabia para unha condución de auga. Mide 2,81 de alto e 0,71 de ancho. Na parte superior vese un magnífico retrato dunha familia galaica formada por catro persoas: un home, dúas mulleres e un neno que visten túnicas longas; as mulleres e o neno adórnanse cun colar de contas e pulseira; o neno, ademais, sostén nas mans unha pelota e un aro: "APANA AMBO/LLI F(ilia) CELTICA/SVPERTAM(arica)/MIOBRI/AN(norum) XXV H(ic) S(itus) E(st)/APANVS FR(ater) F(aciendum) C(uravit)", ("Apana, filla de Ambolo, dos célticos supertamáricos do castro de Miobri, morta á idade de 25 anos, eiquí xace. O seu irmán, Apanus, fixo esta dedicatoria"). Ata o presente só se coñecen cinco inscricións en que os personaxes aparecen identificados como Celtici Supertamarci, esta de Crecente e as outras de Astorga e Ardiñuela (León).
Estela funeraria: Adicada a Cara polo seus pais Vesoclatis e Vecius. Apareceu na muralla de Lugo. No Museo Provincial de Lugo.
Estrutura funeraria: No vello cárcere.                   
Foro romano: A mediados do ano 2014 deuse a coñecer o descubrimento fortuíto do que en tempos romanos foi o foro da cidade ao realizar unhas obras de ampliación dentro do Concello. Os restos datan do século I a. C. Javier Chao, responsable das escavacións, asegurou que o que atoparon é a basílica do foro, engadindo que o muro do actual Concello está apoiado sobre a cimentación romana.           
Fornos cerámicos: Na Rúa Nova.
Boca de Fonte: Apareceu na Praza de Armañá. No Museo Provincial de Lugo.
Grafito: Nunha vasilla de cerámica utilizada como furna cineraria. Apareceu na Praza de Ferrol, consérvase na sala da Porta Miñá. Francisco Hervés (1995) leu: "OLLA SATGVRN[---] HABEBIT DVA GENA IRATA". Marco Simón (2011): [Quincumque] OLLA(m) SATVN[ini violaverit] HABEBIT DVAGENA(m) IRATA(m)"; María Cruz Fernández Rodríguez: "OLLA(ossuaria) SATVRN[ini? +++]/HABEBIT DVAGENA(m) IRATA(m)". 
Lápida da Praza de San Domingos: Atopada no ano 1936, durante as obras do mercado de abastos na Praza de San Domingos. Está partida en dous anacos, carece de moldura e na parte superior remata en forma angular. Datada no século II d. C. Vázquez Seijas e Álvaro D´Ors leron: "DMS/DMS/PATER FILIS PO/SVIT TITVLVM/PIENTIS SIMIS/DVOBVS QVI/(in)TERFECTI SV((n)T III KAL APR/(p)ATERNO/ANNOR XXVI/(---)", ("Aos deuses Manes (dos dous). O pai puxo (este) título aos (seus) fieies fillos, asasinados ambos o 30 de marzo: Paterno, de 26 anos, e [---] de [---] anos. Eiquí xacen. Que a terra vos sexa leve"). No Museo Provincial de Lugo.
Lápida desaparecida: Arias Vilas fala en Gallaecia da desaparición dunha lápida aparecida na muralla romana de Lugo e da que non se conserva ningún debuxo.  Trátase dunha ara onde se podía ler: "[---] AVG/PATERNI/QVI ET/CONSTANTI/VV SS", ("A (Caelestis) Augusta, os Paterni, tamén chamados Constanti cumpriron os votos"). Ao parecer, o derradeiro lugar onde se viu foi nun edificio (hoxe en día en ruinas, coñecido como Castelo ou Convento de San Román) situado en Conturiz, na parroquia de Santo André de Castro. Ao parecer, cando veu para aquí, o texto estaba practicamente perdido.        
Lápida funeraria: Encadrada nunha moldura baquetonada, con borde exterior sen decoración. Moi desgastada. 
Lápida de Rufina: O control arqueolóxico no ano 2023 para a peonalización da rúa Quiroga Ballesteros permitiu atopar dúas lápidas de granito, unha delas con inscrición, que poderían pertencer á necrópole que houbo na actual Praza de Ferrol. Á espera do que di a epígrafe de catro liñas, polas fotos da prensa leo: "DIS MANIBVS/RVFI RVFINA/COI MPORTE/M [---]".
Máscaras de terracota, as únicas atopadas no Noroeste e moi raras no resto da Península, datadas na segunda metade do século I d. C.                
Mercurio en bronce: Foi atopado no ano 1840 ao derrubarse parte da muralla. Segundo unha carta enviada no ano 1895 por Bartolomé Teijeiro a Pedro de Madrazo y Cuntz, representaba a Hércules. Depositado no Museo do Castelo de San Antón da Coruña. 
Mosaicos de Batitales e da rúa Armanyá con temas mariños e mitolóxicos.              
Miliario de Bacurín: Nicandro Ares, ao falar do castro de Bacurín, di que no lugar de Herreal localizou un marco cilíndrico de granito fincado na terra, da que sobresae un metro, tendo na base superior un pequeno baleiro como se se tratase dun focus votivo, barallando a hipótese de que se tratase dunha pedrafita ou dun miliario.               
Miliarios de Coeo: Localizado por Eduardo Ramil a principios dos anos sesenta do pasado século XX. Estaba na cimentación dunha obra, e o propietario púxoo diante da casa, xunto a porta, utilizándoo como maceta.  Outro miliario forma parte do peche dunha finca. 
Miliario de Esperante: Fragmento dun miliario, posiblemente anepígrafe (as fotogrametrías non alumaron ningunha letra), na igrexa parroquial de Santalla de Esperante, parcialmente pintado de branco, reutilizado como pía de auga bendita, quizais bautismal. Dado a coñecer por Javier Gómez Vila a principios do século XXI. No arco de acceso á ábsida da mesma igrexa hai dúas columnas de mármore, posiblemente de época tardorromana. En Esperante, na superficie cóncava dun catillus dun muíño, lese: "B(ene) O(pus) FECI FIN(inis)", ("Traballei ben. Acabouse"). Ao parecer, na mesma aldea había outro miliario que actuaba como marco da porta dunha casa en ruínas pero ninguén soubo darme razón del.     
Miliario (Santalla de Bóveda): Anepígrafo, situado no vestíbulo que dá acceso ao refuxio do garda do monumento de Santalla de Bóveda.            
Miliario de Vilaestévez (San Xoán do Alto): Anepígrafe. Localizado casualmente por un veciño de Lugo no ano 2014 quen o puxo en coñecemento do Concello e da Xunta de Galicia. No mes de marzo de 2016, o mesmo veciño avisou ao Concello de que o fito caera, solicitándose entón permiso de Patrimonio para repoñelo na súa posición orixinal. Mais no mes de maio, cando os operarios municipais acudiron ao lugar comprobaron que o miliario, de case dous metros, desaparecera. Segundo noticia aparecida na prensa o día 30 de xullo, misteriosamente, o miliario volveu aparecer no mesmo sitio.                  
Moedas (Orbazai): Moedas de cobre.               
Muralla de Lugo: É o principal expoñente dos sistemas defensivos urbanos de Galicia. Ergueuse entre os anos 265 e 310 d. C. como consecuencia da crise e inestabilidade política. No seu estado actual, a muralla ten 2177 metros de perímetro, con planta de tendencia rectangular e esquinas arredondadas, dispón de 85 cubos que estiveron coroados por torres. A súa anchura rolda entre os tres e cinco metros, e as alturas van dende os seis aos dez metros.                 
Piscina: Na Praza de Santa María, descuberta no ano 1960 pero que foi tapada para protexela; redescuberta no ano 2004, será no ano 2010 cando se inicien os traballos de restauracion. 
Praca funeraria de dous príncipes galegos do castello "CIRCINE", Vecius e Vecco, do século I d. C., atopada na muralla.           
Santalla de Bóveda: Con piscina e frescos no interior, esculturas figurativas nos muros exteriores, foi interpretado como lugar de baños, ninfeo, templo adicado a Prisciliano e santuario da deusa Cibeles. Existen dúas fases principais, a primeira tardorromana (séculos III e IV d. C.), e outra dos séculos VIII a XI. As distintas interpretacións falan dun edificio para fins curativos, un ninfeo (lugar de culto ás ninfas), enterramento pagán, etc. Mesmo hai quen conxectura de que aquí está o corpo decapitado do heresiarca e mártir galego Prisciliano. Na parte baixa da igrexa está a cripta dividida en tres naves das que só se conservan os seus arrinques laterais. A parte central está ocupada por un estanque rectangular. O pórtico, de ladrillo, conforma o arco de ferradura máis antigo da Península Ibérica. Na portada vense figuras humanas danzando e aves. Ao fondo da nave situábase unha pequena ábsida que daba acceso a unha planta superior á que se accedía a través dunha escaleira. Os murais do interior, feitos de estuco, e a bóveda de medio canón están decorados con pinturas de aves en cores vermella, verde, azul e negra. Nos arrinques dos arcos aparecen representados cráteras con ramos e flores. A principios do século XX, unhas obras de servizos na aldea de Bóveda puxeron ao descuberto os restos dunha calzada romana, aínda que escasamente conservada de apenas 70 centímetros de longo por 3,25 metros de ancho e que debeu formar parte dunha vía secundaria entre Lugo e o campamento de Cidadela, en Sobrado dos Monxes, e que logo tería continuación ata Brigantium. Segundo a tradición, Bóveda está unida por un túnel e unha canle de auga co castro de Corvazal situado a medio quilómetro de distancia.
Inscrición en Santalla de Bóveda: Descuberta entre a piscina e a ábsida do monumnto tardo romano ao drenar o chan; No Museo Provincial de Lugo; en mármore, que Ares Vázquez leu: "(PV)ER SIT CVI FLEBILIS (ALIQVID NE) TRISTE mIN(ETVR[---]/[---]/[---] (ir)CIPES MERSIT CVI FLEBILIS (morous?) ? (di) SSOLV(i)T TRISTE MIN(isterium)/ ? COMI(tia) LE MORE LIPPO(rum) ?", ("Que neno sería aquel a quen unha cousa deplorable non amanecese tristemente...? Un sátiro afundiu ao que unha chorosa enfermidade ao estilo dos pitarrosos disolveu o triste ministerio comicial"). No ano 1926 descubriuse unha inscrición en granito, custodiada hoxe en día no Museo de Lugo, interpretada: "PRO/SA(lute)", ("Pola saúde"). 
Moedas (Lugo): Segundo Cavada Nieto, no 1923 apareceron pequenos bronces, sobre todo de Galieno, tamén de Licinio, Claudio II, Quintilo, Tétrico pai, Diocleciano, Maximiano e Constantino Cloro. Nos anos 1928 e 1929, áureos de Marco Aurelio, Septimio Severo, Vespasiano, Faustina e Domiciano. No 1935 pequenos bronces, todos do século IV. No 1941, 24 denarios do Imperio, de Augusto, dous de Tiberio, un de Nerón, un de Vespasiano, seis de Domiciano, dous de Galba e dous de Othón. No 1972, moedas tipo caetra e tres pequenos bronces do século IV, un as de Turiano e bronce de Vespasiano. Ademais dos anteriores, apareceron áureos de Traxano, Adriano, Marco Aurelio, tremis de Valentiniano II, sólido de Arcado, as de Augusto, pequeno bronce de Constantino II, mediano bronce de Adriano, bronces de Constantino.                  
Taboleiro de xogos: Atopado no balneario romano.           
Templo no Círculo das Artes: Do século IV d. C. Localizado no ano 2005 no Círculo das Artes.           
Xacemento da Tinería, con miliario, restos de calzada, columnas e canle. 
Xacemento do Agro da Ponte (Barrio da Ponte): A investigación foi dirixida polo arqueólogo Enrique González no ano 1992, identificando seis partes de muros que delimitan outras tantas estancias, que semellan pertencer a unha mesma casa romana. Consérvanse restos do pavimento. Preto desta finca, no ano 1843, foron localizados en Pontegaos, tamén no barrio da Ponte, un enterramento de época romana; foi localizada unha estela funeraria de cuxo paradoiro non se ten noticia na actualidade. Os investigadores cren que os restos atopados no Agro da Ponte corresponden a un edificio suburbano, seguramente relacionado coa vía XIX.   
Xacemento no solar do Vicerreitorado con restos de calzada, fibelas, moedas e cerámica. 
Vidro: Na rúa Clérigos localizouse unha zona relacionada coa fabricación de vidro datada na época baixoimperial. Están documentados uns oleiros de nome Rufino, Capito e Quinto, este último con produtos asinados atopados en Astorga.                           
A primeira fase das obras para converter o antigo cárcere de Lugo nun centro cultural, os arqueólogos localizaron restos de pavimentos de época romana. Xa a mediados dos anos oitenta do pasado século, cando as obras dun aparcamento próximo, saíu á luz unha necrópole. Segundo noticias de primeiros de xuño de 2013, apareceu unha estrutura funeraria que os arqueólogos sitúan no Alto Imperio e que está relacionada con algún tipo de enterramento ou ritual funerario. Trátase dun columbario, nome que recibe pola semellanza cos pombais.
Tumbas: A raíz dunha obra na Rúa da Xesta saíu á luz unha necrópole romana con cinco tumbas, preto da Porta Nova, datada entre os séculos III-IV d. C. Ademais desta, na cidade están documentados outros cemiterios preto da Porta de San Pedro, que inclúe a zona de San Roque e a Praza da Constitución xunto a Vía XIX. Tumbas da Praza de Ferrol. Carril das Estantigas e tamén na zona de San Roque de época Altoimperial (séculos I-II d. C.). A da Praza de Ferrol, con 66 tumbas, escavouse nos anos oitenta do século XX cando a construción dun aparcadoiro, onde tamén apareceron tres fornos alfareiros e os restos dun acueduto. Segundo Enrique González, teñen referencias de posibles necrópoles no Recatelo e no Carme. 
Necrópole da Praza de Ferrol: Saíu á luz nos anos oitenta do século XX cando se fixo o aparcamento subterráneo; moitas pedras foron reutilizadas noutras obras da cidade ou acabaron en recheos.
AO FINAL das fotos do concello de Lugo, achega sobre a Tabula Lougeiorum.
   













 

 








 





 

 









A tabula lougeiorum

Foi atopada, de forma casual, por J. Cajade no ano 1983, nun lugar non precisado. O seu descubridor deu dúas versións contraditorias, primeiro "nun piñeiral a uns a uns dez quilómetros de Lugo", e despois "nun radio de non máis de corenta quilómetros de Carbedo do Courel". O señor Cajade non informou do achado, máis aínda, en Londres tentou venderlla ao British Museum cuxos responsables, sospeitando que se trataba dunha importación ilegal, puxéronse en contacto co Departamento de Historia Antiga da Universidade de Santiago e coa Xunta de Galicia. Na actualidade atópase no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Anton da Coruña. A Tabula Lougeiorum foi presentada publicamente no ano 1987. Dende aquelas, as controversias sobre a peza continúan ata hoxe. Uns cren na súa autenticidade, outros que é un falso, ou copia dun texto que nun principio sería realizado nun material perecedoiro e que no século IV se trasladou á prancha de bronce (André Pena Granha).  
A primeira mención ao pobo dos Lougei aparece na Tabula descuberta no Courel no ano 1959, unha prancha de bronce enmarcada por columnas que soportan un frontón triangular no que asoma unha cabeza de guerreiro tocado cun helmo, documentándose por vez primeira en Galicia un pacto de hospitalidade entre pobos autóctonos exclusivamente. Na Tabula da Civitas Lougeiorum lese: "C(aio) Caesare Aug(usti) Aemilio Paullo Co(n)s(ulibus)/ex gente Asturum conventus Arae/August(a)e/Civitas Lougeiorum hospitium feccit cum/G(aio) Asinio Gallo liberis postereisque eius/eumque liberos posterosque eius sive libe/reis postereisque suis patronum coptarumt/isque eso in fiden clientelamque suam suo/rumque recepit/egerunt legati/Silvanus Clouti/nobius andami"
O interese deste pacto, gravado tamén sobre unha prancha de bronce e datado no ano 1 d. C., radica, principalmente, no dato relativo á existencia dun convento en época de Augusto: o conventus Arae Augustae, que desaparece posteriormente pero que levou a reconsiderar a cuestión de se a organización das provincias en conventus comezou en época de Augusto, mais sen a funcionalidade política e relixiosa dos posteriores.
Mentres non tomaban forma os emprazamentos de Asturica, Lucus e Bracara, ordenados polo emperador, Arae Augustae puido actuar como un asentamento provisional onde se situaría un dos primeiros monumentos simbólicos mandados construír por Augusto no Noroeste peninsular como símbolo de culto á súa persoa. Estoume a referir ás Torres de Augusto, as coñecidas como Aras Sestianas, citadas por Mela, Plinio e Ptolomeo que non se puxeron de acordo canto á súa ubicación.
Pomponio Mela (s. I d. C.): "In Astyrum litore Noega est oppidum, et tres arae quas Sestianas vocant in paene insula sedente et sunt Augusti nomine sacrae inlustranque terras ante ignobiles", "Na costa dos Astures está a cidade de Noega e tres aras que chaman Sestianas, asentadas nunha península e están consgradas ao nome de  Augusto e dan fama ás terras antes iñoradas". 
Mela ubica estas aras Sestianas nas costas da Callaecia, no litoral asturiano, xunto a cidade de Noega que se situaría en Avilés, en tempos de L. Sestio, cónsul no ano 23 a. C., e posiblemente legado de Augusto na guerra galaica ou un pouco máis tarde, sobre o ano 19 a. C. (Romero Masiá e Pose Mesura, 1987). 
Plinio (23-79 d. C.): "Celtici cognomine Neri et super Tamarci, quorum in paeninsula tres arae Sestianae Augusto dicatae, Copori, oppidum Noeta, Celtici cognomine Praestramarci, Cileni, ex insulis nominandae Corticata et Aunios", "O Célticos de sobrenome Nerios e os Suer Tamaricos na península na que se adicaron a Augusto as tres aras Sestianas, os Coporos, a cidade de Noeta, os Célticos de sobrenome Praestamarcos, os Cilenos, das illas deben nomearse Corticata e Aunios". 
Como vimos máis arriba, Mela cita unha Noega, e Plinio Noeta, non sabemos se por confusión no nome ou porque se trataría de cidades distintas. No territorio dos Super Tamaricos estarían as aras Sestianas.
Ptolomeo (100-170 d. C.): "Lado septentrional sobre o que está o Océano que se chama Cántabro e que se describe así. Despois do Promontorio Nerio hai outro promontorio no que están as Aras Sestianas (do sol)".
Plinio e Ptolomeo emprázannas no territorio da actaual Galicia, o primeiro ao norte do río Tambre e o segundo entre o promontorio Nerio, tamén chamado Céltico, e outro promontorio que está ao norte do anterior, e antes de Brigantium. 
As Aras Sestianas tamén son citadas no Anónimo de Rávena ("Are Augusti"), e na Táboa de Peutinger, coñecida como Mapa Mundi de Castorius, obra do século XII-XIII, copia dun orixinal do século VIII, que á súa vez é unha copia do século IV.
Malia o anterior, hai autores que as ubican na cidade da Coruña, máis concretamente sinalan a Torre de Hércules, obra cuxo promotor sería o propio Augusto, como as Aras Sestianas aínda que a súa construción se atribúe a Traxano (s. II d. C.). Para elo, Sánchez Montaña fala da firma do arquitecto das obras que deixou gravada na rocha xunto a Torre de Hércules non ten data, mais chama a atención a súa orixe: "Consagrado a Marte, Augusto. Gaio Sevio Lupo, arqueitecto de Aeminium, Lusitano, en cumprimento dunha promesa". A Lusitania dependía de Publio Carisio, legado de Augusto entre o 26 e o 22 a. C., romanizada antes que a Callaecia. Unha ara non sempre ten que ser un pequeno altar funerario ou votivo, tamén pode facer referencia a un gran altar (faro, torre...) que ademais de actuar como orientación e protección, faría máis grande a figura do emperador. E habería Aras Sestianas en varios lugares, non só nun. 
      

MONDOÑEDO
Campamento da Cabana Vella (Os Remedios): Non moi lonxe do límite con Abadín. A uns 735 metros de altitude. A primeiros do mes de outubro de 2015, Abel Vigo, do servizo municipal de Arqueoloxía do Concello de Mondoñedo, deu a coñecer a localización dun castra aestiva, un campemento militar romano de campaña situado preto da parroquia de Estelo. Presenta ben visible unha especie de liña case cadrada (duns 145 metros de lado) que se correspondería co perímetro do campamento, que arrodeaba unha especie de elevación (coma un muro pequeno), con foxo exterior. 
Castro da Croa de Zoñán: Apareceu unha moeda de bronce que semella un dupondio de Claudio, con inscrición tanto no anverso coma no reverso, busto de perfil mirando cara a esquerda coa lenda: "TI CLAVD[---] SAR AVGIMP [---]/", e no reverso Ceres mirando cara a esquerda coa lenda: "CERES AVGVSTA SC".  
Epígrafe na Fonte antiga de Mondoñedo: Hai un fragmento dunha inscrición de época romana que actúa como soporte dunha cornixa que pon "CIVI/FECIT". Foi descuberta cando a limpeza dos liques que cubrían a pedra.
Moeda (Os Remedios): No ano 2018 nun monte dos Remedios, case no límite coa parroquia de Romariz (Abadín), apareceu unha moeda de bronce, posiblemente do século I. Nas caras lese claramente Augustus e Augusta. Tamén apareceu un cravo.  
Restos explotación mineira (Supena-Argomoso).
Restos dunha posible calzada que ía dende a Ponte do Pasatempo a Lindín. As obras de rehabilitación da Ponte do Pasatempo no ano 2010 deixaron ao descuberto restos dunha calzada romana e dunha praza de carruaxes; a existencia desta vía xa formaba parte da tradición oral dos veciños. 
 
  
 
 
 

MONFORTE DE LEMOS 
Posible ara: Creo que se trata da parte superior dunha ara. Atópase reutilizada (empotrada) nun muro da igrexa de San Salvador de Moreda (Monforte de Lemos), na única parte románica que se conserva. Certo que podería tratarse dun burato que actuaría como soporte de algo, pero rodeando o burato (“foculus”) apréciase claramente a moldura que podemos ver en moitas aras galegas. A igrexa foi construída ao pé do castro e Moreda ou da Ciudá. A falta de máis datos, queda como probable. Documenteina a finais do mes de xaneiro de 2024.
Base de columna romana: Preto da igrexa parroquial de Marcelle e a uns 400 metros do castro da Reguenga, a carón do camiño, atópase unha base de columna colocada sobre outra pedra. Na parte superior vese un burato cadrado onde en tempos debeu asentar unha cruz. Despois de retirar o lixo que tiña dentro, observamos que polo interior a base presenta unha forma cóncava. Na pedra sobre a que asenta tamén se ve un burato de forma cadrada onde encaixaría o pé da cruz. Pero o que nos chamou a atención e ese "baleirado" interior da base, coa parede moi lisa. Cremos que antes de ser reutilizada para colocar a cruz, puido ser, tamén reutilizada, como pía de auga bendita, de aí a forma cóncava. Canto á base cremos que se trata dunha columha romana. No castro da Reguenga vese abundante tégula. 
O populus lemavorum, localizado no ente dos Callaeci Lucensis, deixaron o xentilicio Levamus, identificado con Lemos. As fontes proporcionadas pola epigrafía fálannos tanto de Dactonio, unha mansio, como do pobo dos Lemavos.  
Dactonium: Citado nas Táboas de Astorga, por Ptolomeo (s. II d. C.) e por Hidacio (s. V d. C.). Ptolomeo di que é a única cidade existente no territorio dos Lemavos. Aínda que non existen dúbidas canto á súa ubicación na Terra de Lemos e que Dactonio foi capital da civitas Lemavorum, si as hai no tocante á localización do asentamento. Se ben é certo que non falta quen o sitúe en Castillón (Pantón), en Proendos (Sober), e incluso en Chantada, a tradición lévao para  o monte de San Vicente do Pino, en Monforte, citado en documentos medievais como castrum Actonium ou Luctonium, onde logo se ergueron o mosteiro bieito e o castelo dos Lemos, lugar estratéxico que domina o val de Lemos, cunha configuración topográfica inmellorable para construír un gran castro que logo sería romanizado. A inscrición "VIA LVCO AV(gus)TI AID DACTIONVM/AQVAE QVINTIA(e)/DACTONVM IX...", das II das Táboas de Barro de Astorga, amosa para algúns investigadores (Abel Vilela, Arias Vilas, Tranoy, etc.), que a vía XIX, no seu camiño de Lucus Augusti á provincia de Ourense, bifurcaríase á altura de Chantada, conducindo un ramal cara Dactonium (Monforte) a través dos Cóvados de Belesar e Castillón. Arias Bonet propón un trazado directo ao leste do Miño, por Vilarmosteiro (O Páramo) e Rubián (Bóveda). Aquae Quintiae situaríase en Bóveda. Os distintos investigadores sempre lle apuxeron o atranco para desbotar a ubicación de Dactonium no monte de San Vicente á falla de vestixios castrexos ou romanos, teoría que cómpre reconsiderar pola descuberta, no ano 2007, dun asentamento galaico-romano, traballos que, incomprensiblemente, están parados dende hai anos. No fondo da prancha de Astorga aparece a firma de C. Lépido M. duunviro que segundo Roldán Hervás trátase dunha falsificación.   
As testemuñas da preseza de soldados Lemavos como tropas auxiliares no exército romano témolas en varias inscricións atopadas fóra de Galicia e que fan referencia a unha Alae I Lemavorum e unha Cohors I Lemavorum Civium Romanorum, atopadas na Mauretania Tingitana (actual Marrocos) e en Arxona (Xaén). Na de Arxona: "C(aius) VENAECIVS P(ubli) F(ilius) VOCONIANOS/FLAMEN DIVORVM AVG(ustorum)/PRAEF(ectus) COH(ortis) I CHALCEDONEN(sis)/TRIB(unus) LEG(ionis) III GALLICIAE FELICIS/PRAEF(ectus)/ALAE I LEMAVORVM/FORTVNAE SIGNVM AVREM P(ondo) V ITEM/MERCVRIO P(ondo) V PATERAM P(ondo) LIBR(ae)/EX VOTO/ET BASES II ARG(entas) P(ondo) V(otum) L(ibens) S(olvit)", ("Caius Venaecius Voconiano, fillo de Publio, flamen dos Augustos divinizados, prefecto da cohorte I Calcedonense, tribuno da Lexión III Gálica feliz, prefecto da Ala I dos Lemavos, ofrecen con agrado á Fortuna unha estatua de ouro de cinco libras de peso, outra a Mercurio de cinco libras de peso, unha pátera dunha libra de acordo co seu voto, e dúas basas de prata de cinco libras"). Segundo Arias Vilas esta Alae Lemavorum estivo asentada en Sala (Marrocos), posiblemente entre os anos 88 e 157 d. C., e posteriormente sería trasladada a Urgavo (Arxona, Xaén). As Alae estaban compostas normalmente por 500 (quinquenaria) ou 1.000 (miliaria) efectivos. Florentino López Cuevillas e Germán Vázquez din, creo que sen fundamento, que o numeral I, atribuído ás Alae e Cohors, é síntoma de que puido haber máis. A Alae I Lemavorum só é nomeada no cursus honorum (carreiras de honores) do seu prefecto Caius Venaecius. De Mauretania Tingitana son tamén unhas inscricións en metal, unha funeraria, que segundo Le Roux di: "VALERI V/ETONIS M(ilitis)/ C(ohortis) I LAM(avorum)/(centuria) LVCANI/HIC S(itus) E(st)/F(aciendum) CV(ravit) C(aius) FL/AVI(us) PVD(ens)", ("Valerio Vetón, soldado da cohorte I dos Lemavos da centuria Lucano; aquí está enterrado; procurou erixilo Caius Flavius Pudente"); a outra é un fragmento dun diploma militar de Banassa, onde se citan varias unidades militares, entre elas unha dos Lemavos: "LEMAVORVM". Estarían datadas entre os anos 50-80 d. C. As cohortes romanas estaban formadas por uns 500-600 efectivos.
Lápida funeraria de Fabia: No Museo de los Caminos de Astorga hai unha estela en mármore gris que foi atopada ao facer unha gabia xunto o hospicio de Astorga o día 10 de xuño de 1982 en Astorga; tamén saíron á luz varios fragmentos cerámicos e ósos humanos o que pode evidenciar que estaba xunto unha sepultura de inhumación feita con tégulas (trátase dunha especie de tellado a dúas augas baixo o que colocaban o cadáver que ao mesmo tempo se situaba sobre unha “cama” de tellas). A cabeceira, na parte central, presenta unha flor hexapétala inscrita nun círulo. A ambos os lados vense dous símbolos semicirculares, e un pouco máis abaixo dúas figuras a xeito de escuadra ou ángulo recto. No campo epigráfico: "FABIA EBVRI/F LEMAVA ) (C invertido)/ERITAECO A/X L VIRIVS CAESSI F LE/MAVS ) (C invertido) EO/DEM AN/VII HIC S S/CAESSIVS", ("FABIA, EBVRI F(ilia), LEMAVA (castello) ERITAECO. A(nnorum) XL, VIRIVS, CAEESI F(ilius), LEMAVS (castello) EODEM, AN(norum) VIL, HIC S (iti) S(unt) CAESSIVS", ("Fabia, filla de Eburo, lemava (dos lemavos), do castelo (castro) Eritaeco, de 40 anos. Virio, fillo de Caeso, lemavo do mesmo castelo (castro), de 7 anos. Eiquí están sepultados. Caesio (esposo e pai, púxoos)". Trátase dunha inscrición fueneraria dedicada por Caessius a súa muller Fabia e o seu fillo Virio, todos do castro Eritaeco. Pola indicación do castellum co C invertido, e pola tipoloxía do monumento, semellante aos dos soldados da Legio X Gemina, dátase no último terzo do século I d. C. Descoñezo en que parte da Terra de Lemos se ubicaría este Castellum Eritaeco, ata o momento non atopei (e creo que ninguén) ningunha referencia toponímica ou oral que me achegue, aínda que só sexa dunha forma aproximada, ao nome. Acontece como con Dactonium (citado na II táboa de barro de Astorga e por Ptolomeo, e quizais tamén por Hidacio que fala de Dyctinium), a capital do pobo dos Lemavos que, segundo distintas hipóteses, situaríase no Monte de San Vicenzo do Pino (Monforte), Castillón (Pantón), Proendos (Sober), e incluso en Chantada, se ben todo apunta ao primeiro xa que o lugar onde se ergueu o mosteiro bieito e logo o castelo medieval cítase en documentos medievais como Actonium, Dactionum ou Luctonium. A Táboa de Astorga ou Itinerario de Barro (s. I-II d. C.) reflicte unha vía entre Lucus Augusti e Dactonium.   
Ara: "ARA(m) SOL(is)/IVLIA/PRAENIA/MOCION/V(otum) S(olvit) L(ibens) M(erito)", ("Iulia Praenia cumpre o voto ao deus Sol"). Descoñezo se aínda se conserva e onde. De todos xeitos cómpre facer algunhas puntualizacións: En Hispania Epigraphica (en liña) di que esta epígrafe está recollida no CIL II (Corpus Inscriptionum Latinarum), páxina 1.040, cando en realidade está na 903; tamén en IRG IV (Inscripciones romanas de Galicia. Provincia de Ourense), cando aí non aparece nin a ara nin a inscrición. Tampouco fan referencia a ela Arias Vilas, Le Roux e Tranoy (1979). Chama a atención que aparecera na Gallaecia meridional e a sitúen en Monforte de Lemos.
Broche: Broche chapado en ouro e cabuchóns de pasta vítrea pertencente a un cinto procedente de Pol, parroquia de Baamorto. Quizais tardorromano.    
Tesouriño e forno de Tor: Ao pé do castro do Eivedo, entre os anos 1846 e 1850, apareceron varias moedas de ouro (áureos de Nerón). No 1861 atopáronse moedas de prata nun recipiente cerámico, a maioría da época do emperador Galiano que dirixiu o Imperio entre o 235 e o 268 d. C.. No mesmo castro apareceron varias ánforas romanas e un forno cerámico construído con ladrillos, e un depósito para a cinza. Non se sabe que foi das pezas, conxecturándose que no seu momento foron para o pazo de Tor, perdéndoselle logo a pista.




 

 

MONTERROSO
Miliario a Caracalla (Fondevila-Satrexas): Ano 213 d. C. Formaba parte do lintel dun alpendre, no ano 1971 foi mercado por F. Acuña a un anticuario de Lugo e levado para a Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago. Estudado por Acuña Castroviejo, Caamaño Gesto e Arias Vilas. A inscrición atópase mutilada na parte superior, o que provocou a desaparición das primeiras liñas. "[Im(peratori) caes(sari)/divi Severi pii fil(io)/divi Marci Antonini nepoti/divi Antonini Pii Pronepoti/divi Hadriani abnepoti/divi Traia[ni Parthici et/divi Nerva[e] abnepoti/M(arco) Aurelio Antonino/pio felici Aug(usto) Parthico/max(imo) Brittannico max(imo)/Germanico max(imo) pont(ici)/max(ximo) trib(unicia) pot(estate) XVII imp(eratori) [III]/co(n)s(uli) III p(atri) p(atriae) proco(n)s(uli)/a Luco Aug(usti) m(ilia) p(assum) XXIII", ("Dedicado ao Emperador Marco Aurelio Antonino, Severo Pío, neto do divino Marco Antonio, bisneto do divino Antonio Pio, trineto do divino Adriano, tetraneto do divino Trasano Pártico e do divino Nerva; pío, feliz, Augusto, pártico máximo, británico máximo, xermánico máximo, pontífice máximo, coa potestade tribunicia pola décimo sétima vez, a imperatoria pola terceira e a consular pola cuarta, pai da patria e procónsul. 24 millas dende Lugo"). 
Fondevila: Documentouse a existencia dun asentamento romano bastante importante, atopáronse gran cantidade de tégulas, colos de ánforas e ladrillos utilizados para a construción da pilae dun hipocausto. 
Moedas: de Constantino I a Constancio II. 
Mansión: Marcie no Itinerario de Antonino, Ponte Nartiae no Anónimo de Rávena, e Ponte Nartiae na II Tábula de Astorga que algúns autores sitúan no actual Marzán, se ben non faltan quen a leven para as ourelas do río Narla, en Friol, pola aparición dun miliario.
 
MURAS
A Armada: Quizais faga alusión a un posto de vixiancia e control do exército romano. 

NAVIA DE SUARNA 
Todo sobre a época romana na comarca dos Ancares no blog do Colectivo Patrimonio dos Ancares:  https://arqueoloxiadosancares.blogspot.com/2011/01/presentacion_23.html
 
Inscrición a IOVI: No mes de xuño de 2019, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares documentamos  unha inscrición gravada en pedra onde se ve a palabra latina "IOVI", clara referencia ao deus Xúpiter, a deidade principal do panteón romano que na mitoloxía era considerado como o pai dos deuses. A súa localización foi posible grazas á información dun veciño que hai tempo nos falou dunhas "penas con letras" existentes no sitio.
 

Atopámola nas inmediacións da Pena de Murias, na parroquia de Rao, concello de Navia de Suarna, un gran afloramento de cuarcita situado a media ladeira da Serra do Brañal, a 1.125 metros de altitude, asociado a unha explotación mineira de época romana que se levanta na marxe dereita do río de Murias, a carón do camiño que vai cara a Braña do Pandozarco e do Porto de Ancares.
 

A singularidade desta inscrición estriba en que está gravada sobre unha pedra non traballada previamente. A maioría das epígrafes de época romana gravábanse sobre as coñecidas como aras, pedras consagradas á unha divindade que ten unha forma aproximada de paralelepípedo rectangular. Que nós saibamos, en Galicia, gravadas en pedras sen traballar, o número de exemplares de época romana limitábase, ata o presente, a tres exemplares na provincia de Ourense: unha inscrición en Nogueira de Ramuín onde se le "Sicenata Pacata", outra nos cóvados do Larouco xunto o río Bibei, e outra máis no castro de San Cibrán de Las, en San Amaro; nestas últimas tamén figura o nome de IOVIS e IOVI respectivamente. Por outra parte, nas aras as inscricións facíanse para pedir ou agradecer algo á divindade (aras votivas) ou para lembrar a unha persoa falecida (aras funerarias). Pero eiquí o nome da deidade aparece só, o mesmo que no castro de San Cibrán de Las.
O profesor Marco García Quintela aclara que Xúpiter é o deus dos ceos, dos trebóns, o equivalente a Zeus, polo tanto é normal que sexa a montaña a canle de comunicación con el, encubrindo, en moitos casos, divindades anteriores. O culto romano a Xúpiter estendeuse polo territorio a partir do século II d. C., pero neste caso hai unha salvedade, non é o mesmo atopoar unha inscrición nunha ara en aldeas romanizadas do fondo dos vales que neste tipo de espazos remotos, nos que hai un contexto especial. A inscrición IOVI, ademais da citada de San Cibrán de Las, ten paralelismo con outras inscricións dedicadas a deuses indíxenas do noroeste e mesmo estatuas. A García Quintela lémbralle directamente ás epígrafes DIVI de Campo Lameiro. Trátase de dúas inscricións sobre pendos que miran o val e que foron publicadas polo propio profesor e Manuel Santos Estévez no ano 1998. As inscricións amosan unha palabra, DIVI, "Aos deuses", que como noutras ubicadas no norte de Portugal están escritas en horizontal, para ser lidas dende arriba, como se fosen ofrecidas directamente para que as leran os deuses. Continúa Marco García Quintela que pon de manifesto o seu carácter especial xa no seu tempo, nunha época que a escrita era excepcional en Galicia, e ela mesma podía ter un carácter sagrado. Eiquí obsérvase tamén este factor: a ofrenda a Xúpiter podería ser a escrita do seu propio nome. 
A presenza romana nesta zona de Navia de Suarna debeu de ser moi importante. A uns 2,5 quilómetros atópase o campamento temporal de época romana da Recacha. Hai uns anos uns veciños de Murias amosáronnos varios muíños circulares, tamén romanos, que atoparon en dúas leiras ao arar a terra situadas a uns 800 metros da inscrición. E non moi lonxe da Pena de Murias (a uns 600 metros en liña recta) tamén está o afloramento rochoso coñecido como a Pena dos Garabatos, clara referencia a algún tipo de gravados que, aínda  que polo de agora non demos localizado, as informacións orais que recollemos falan de símbolos e letras insculpidos. Cómpre lembrar que só nos concellos de Navia de Suarna e Cervantes documéntanse máis de 120 explotacións mineiras de época romana, a maioría destinadas á extracción de ouro, máis da metade situadas nas inmediacións da Vía Romana XIX.
 

 

NEGUEIRA DE MUÑIZ
Explotación mineira aurífera de Pedras Apañadas: A análise máis detallada desta explotación foi a realizada por Enrique López Fernández. Outra mina ben documentada é a de Pena Furada, entre o Alto do Acevo e o Chao de San Martín. Tamén a de Acevedo, en Castelo, a 700 metros de altitude.
Vía romana Lucus Augusti-Lucus Asturum: A vía partiría de Lugo, atravesaba a comarca da Fonsagrada e proseguía polo Alto do Acevo, castro do Chao de San Martín, Grandas de Salime e Lucus Asturum (Lugo de Llanera, Asturias). Segundo Sanz Taboada pasaría por Fornaza (A Fonsagrada) e Vilarmeor (Negueira). 
 


AS NOGAIS  
Todo sobre a época romana na comarca dos Ancares no blog do Colectivo Patrimonio dos Ancares:  https://arqueoloxiadosancares.blogspot.com/2011/01/presentacion_23.html
 
OUROL 
Ara aos Lares Viais de Casas Vellas (Miñotos): Atopada no muro dunha leira, a carón do camiño real. Tres foculi na parte superior. Atópase no Seminario de Estudos Terra de Viveiro: "(L)A(ribus) (V)I(alibus) P(osuit)/(FLA)VI F(ilius)/(E)X V(oto)", ("Aos Lares Viais, o fillo de Flavius puxo (este monumento) por unha promesa").  
Estela de Ponte da Torre (Xerdiz): Do século III d. C.: "CALVTIAE F(ilia)/SEVERINI/SEGVIA AN(n)O/RVV(m) XXIII(viginti trium)", ("Eiquí xace Seguia, filla de Calutia e esposa de Severinus, morta á idade de 23 anos"). No Museo Provincial de Lugo. 
Restos calzada (Miñotos).


OUTEIRO DE REI 
Ara ao deus Lucoubu (Sinoga-Santa Mariña): Hai autores que sitúan o achado en Rábade cando en realidade foi en Outeiro de Rei. Atopada no ano 1909 por Ángel del Castillo como apoio dunha fiestra. Custodiada no Museo do Castelo de San Antón da Coruña. "LVCOVBV/ARQVIENI/SILONIVS/SILO/EX VOTO", ("A Lucoubus Arquienis, Silonius Silo (puxo este monumento) por unha promesa"). 
Ara de Vicinte: Atopada no ano 2012 no lugar de Bustelo, utilizada como calzo nun valo que pechaba unha leira; foi descuberta polo propietario Manuel Miranda que, a través do seu fillo Bieito Miranda, estudante de Historia da Arte, entregouna para o seu estudo. Trátase dunha peza de boa factura onde se le: "DEA/NA/VE", clara alusión á deusa Navia onde non figura o dedicante. No Museo do Castro de Viladonga.    
Acevedo (Aspai): Apareceron tégulas, ímbrices, cerámica común e terra sigillata. 
Graphum (Guillar): Vázquez Seijas, no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo (1948), fala dun graphum de bronce descuberto por un labrego ao arar a terra no castro de Tourón. O graphum ou estilo, dunha soa peza, mide 15,5 cm. Utilizábase para escribir en taboíñas enceradas ou de barro. Dábaselles a denominación xenérica de graphium. Atópase no Museo de Lugo.  
Tégulas en Santa María de Cela.       
Castelo de Picato (San Lourenzo de Aguiar). 
Castro de Tourón (Guillar): Atopáronse ladrillos e fragmentos cerámicos de época romana. No ano 1933, ao arar unha finca, produciuse un afundimento do terreo, aparecendo vestixios dunha construción e canles que poderían corresponder a tuberías para saír o fume duns fornos de coccións. 
Villae (Vilela).      
No lugar de Peneiro apareceron tégulas, ímbrices, cerámica común, cravos e dúas tumbas de inhumación con basamento de tégula datadas entre os séculos IV e VI.
 


 
 
PALAS DE REI
Ara (Curbián): A ara foi descuberta no ano 1952 polo sacerdote e escritor nado en Sarria Francisco Vázquez Saco. Atopouna nunha cociña transformada en corte na reitoral de San Martiño de Curbián. Publicouna en colaboración co historiador Manuel Vázquez Seijas en Inscripciones romanas de Galicia II. Provincia de Lugo. "BANDVE B/OLECCO/SVLPICIVS / SINCERVS C[---]/V(otum) S(olvit) L(ibens) M(erito)", ("A Bandua Bolecco. Sulpicius Sincerus C[---] cumpriu de bo grado o voto que fixera"). Atopábase na Casa Reitoral en estado total de abandono tal como puiden comprobar o 4 de febreiro de 2023 (as fotos saqueinas a través dunha ventá). Comuniqueillo ao Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo para que a puxeran en valor. Como acontece con outras aras esparexidas por Galicia, poderíase trasladar para a igrexa parroquial ou para un museo. No mes de abril, Patrimonio autorizou o traslado da ara para a súa restauración. O día 19 de xuño presentouse no Museo da catedral onde permanecerá exposta.
Ara (San Xusto da Repostería): No interior da igrexa hai unha pía de auga bendita con decoración que apoia sobre unha máis que probable ara romana con restos de inscrición moi deteriorada. Na segunda liña semella verse a inscrición "IOV" en referencia ao deus Xúpiter Restos calzada (Portos-Lestedo).  
Mansión de Ponte Martiae: Citada no Itinerario de Antonino, na vía Lucus-Iria. Tamén aparece citada no Itinerario de Barro. Nicando Ares cre que podería situarse na Ponte Ferreira, aldea da parroquia de Ferreira de Negral, onde está a ponte romana dun só arco. Hai autores que ubican esta mansión na ponte de Meixaboi (Guntín de Pallares).
 



PANTÓN 
Augas termais (Augas Santas).     
Villae de Castillón: Atopáronse columnas, cerámica, pezas metálicas, mosaicos, un complexo termal, aras, etc. Todos os datos apuntan a que foi unha mansión viaria dunha vía secundaria que unía Montefurado con Folgoso do Courel coa vía Lucus-Bracara por Ourense. Algúns investigadores relaciónanno con Dactonio, a capital dos Lemavos, citado por Hidacio e nas Táboas de Barro de Astorga. As primeias noticias datan do século XVI co achado dunha praca funeraria na igrexa de San Vicente. Escribe Castellá Ferrer no 1610: "Cerca de esta Yglesia adonde se halló este marmol estavan unos Castillos antiquísimos, algunos dizen eran tres, otros cinco, de los tres parecen las ruynas, e por esto llaman a este lugar Los Castillones". E Ceán Bermúdez (1832): "San Vicente de los Castellones (...), construida sobre las ruínas de otro edificio romano que pertenecía a la región de los lemavoros". Dado a coñecer nos anos vinte polo cura de Vilar de Ortelle Ramón Castro López quen achega importantes informacións, identificando, primeiro, o castro de Castillón, preto do asentamento romano. Foi no ano 1912 cando descubriu unha necrópole ao ampliar o cemiterio de Santiago; e cando se facía un burato para plantar unha árbore fronte a igrexa de San Vicente descubriu unha sepultura cunha cabeza de pedra granítica no interior. Foi escavado por Chamoso Lamas e Alonso del Real nos anos trinta, e por Felipe Arias nos anos oitenta. Datado entre o século I e V d. C., as necrópoles que saíron á luz son posteriores. Trátase de dúas necrópoles, unha próxima á igrexa de Santiago e outra á de San Vicente que foron reutilizadas a comezos da Alta Idade Media, séculos VI e VII. Ata o presente nunca houbo acordo canto á interpretación do xacemento, considerándoo como castro, vila ou mansión viaria, ou unha mestura de todos, se ben o máis verosímil é interpretalo como vila, que non resulta contraditorio coa opción dun pequeno aglomerado romano viario (F. Pérez Losada, 2002). A pesares de ser un dos sitios arqueolóxicos de época romana atópase nun estado total de abandono. 
Epígrafes de Castillón: Unha inscrición documéntase no século XVII (ano 1610) na igrexa de San Vicenzo de Castillón, perdéndoselle a pista a finais do século XVIII, cando o párroco, Gabriel Antonio Lago (falecido no 1802), a saca do templo onde permanecía debido a unha desputa entre el e os propietarios da lápida que pagaban unha renda de tres ferrados anuais polo mantemento da súa sepultura situada ao pé da lápida. Perdida. Transcrita por Castellá Ferrer: "D(is) M(anibus) S(acrum)/VALERIAE FLORINAE AN(norum) XXIII/POMPEIVS/LVPVLVS/VXORI PI/ENTISSIMAE", ("Consagrado aos deuses Manes, Valeria Florina morta á idade de 23 anos. Pompeius Lupulus (fixo este monumento) para a súa muller piadosamente". Na casa dos propietarios do xacemento, unha inscrición sobre granito di: "CIAD", ademais dunha anepígrafe atopada no ano 1982 preto do primeiro hipocausto, que presenta unha cara preparada para o que ía ser o campo epigráfico. No mesmo ano apareceu outra epígrafe coa lenda: "[---] ENT(i)A DVROTA [---]/[---] I ET FAMILIAE [---]", que aparentemente semella o nome dunha muller (Entia Durota?) que tamén puidera ser unha divindade. A mediados dos anos cincoenta do pasado século XX apareceu unha epígrafe, custodiada no Museo Provincial de Lugo, que di: "C. AMO", quizais identificado co nome indíxena Camo ou Camalus.  
Ara aos Lares Viais (Castillón): Atopada no ano 1958: "LARIB(us)/VIA(libus)/IVLIV(s)/V(otum) S(olvit) L(ibens) M(erito)", ("Aos Lares Viais, Iulius cumpriu de bo grado o voto que fixera"). Decorada con tres focus aliñados.  
Ara aos Lares Viais (Castillón): No ano 1974, preto da igrexa de San Vicenzo apareceu unha ara, que se conserva no Museo Provincial de Lugo: "LAREBVS/VIALIBVS/CL(audius) GAVCE/ASCRIER/VS VERENN(i filius)", ("Aos Lares Viais, Claudius Gauce Ascrierus, fillo de Verenus"); esta ara leva na parte superior un focus. Ares Vázquez non desbota unha orixe xermana do adicante relacionado, no canto de Claudius, con Clotius ou Cloutius. Repárese na variante gráfica, Larebus Vialebus por Laribus Vialibus
Inscrición: No Museo Provincial de Lugo consérvase unha inscrición que en principio leuse "DIVV"; mais Nicandro Ares di que si se xira 180 grados poderíase ler "CAMO", considerando que sería a lectura máis razoable, e forzando a hipotética existencia doutras letras podía levar a CAMALO. 
Prancha metálica de Castillón: No Museo de Lugo consérvase unha praca metálica que no ano 1990 formou parte da exposición Bronces Romanos de España celebrada en Madrid. Os traballos de restauración, conservación e montaxe da peza previos foron levados a cabo por Carmelo Fernández Ibáñez e Fernando Carrera. Trátase de seis fragmentos dunha lámina ou cinta ancha que semellan corresponder con algún tipo de aplique, quizais a cubrición metálica dun cinto, se ben o máis probable é que se corresponda co forro decorado dalgún tipo de arca ou cofre. Para a súa decoración empregouse a técnica do troquelado en frío. Entre os gravados destacan tres bustos, un feminino e os outros masculinos, créndose que se pode tratar de divindades.
Estela bifronte (Seoane-Atán): Descuberta no ano 1901 nunha terra de labor. Presenta relevos polas dúas caras. Fracturada por todas partes, agás pola dereita. Segúndo Rodríguez Colmenero debeu corresponder ao corpo medio da estela, perdéndose o resto onde iría a inscrición.   
Estela de Severus (Atán): Figura humana mutilada pola cabeza; debaixo das mans represéntanse dous caldeiros.     
Estela: No ano 2001 deuse a coñecer unha estela que estaba agochada na casa dun veciño e que lle foi mercada pola Xunta de Galicia.     
Estelas discoideas (Castillón): Chamoso Lamas e Alonso del Real atoparon unhas estelas discoideas nunhas tumbas da necrópole gravadas con cruces. A aparición destes símbolos cristiáns nunha necrópole cuxas tumbas eran de época romana abría un novo campo de coñecemento na arqueoloxía do NO peninsular xa que non se atoparon outros elementos posteriores á romanización.       
Pezas varias en Castillón: Estaban na casa do señor López Suárez quen llas amosou a Chamoso Lamas, reutilizadas para rematar o exterior dun forno (basas, fustes, muíños de man, unha cornixa decorada...). 
Miliario: No castro de Castillón, fronte a capela, atópase un miliario anepígrafo. 
Ponderais (Castillón): Consérvanse no Museo Provincial de Lugo. O peso dos dous ponderais, feitos en cuarcita, coinciden co valor da libra romana. Nun lese: "XXX/IIII (triginta quattuor librae)/S?" ("Trinta e catro libras?"); No outro: "XXXX (quadraginta librae)" ("Corenta libras").   
Relevo de Atán: Datado no século I d. C., atopado no ano 1990. Trátase dunha estela bifronte (esculpida polos dous lados) con representacións de figuras humanas sentadas vestidas con toga e homes con escudos montados en cabalos; na parte inferior están labradas as figuras dun xabaril e doutro animal semellante a unha lebre. Perdeuse o corpo superior e inferior que é onde iría a inscrición.  
Moeda de César en Castillón, acuñada en Zaragoza no ano 3 da nosa era. 
Dactonium: Citado nas Táboas de Astorga, por Ptolomeo (s. II d. C.) e por Hidacio (s. V d. C.). Ptolomeo di que é a única cidade existente no territorio dos Lemavos. Aínda que non existen dúbidas canto á súa ubicación na Terra de Lemos e que Dactonio foi capital da civitas Lemavorum, si as hai no tocante á localización do asentamento. Se ben é certo que non falta quen o sitúe en Castillón, a tradición lévao para  o monte de San Vicente do Pino, en Monforte, citado en documentos medievais como castrum Actonium ou Luctonium, onde logo se ergueron o mosteiro bieito e o castelo dos Lemos, lugar estratéxico que domina o val de Lemos, cunha configuración topográfica inmellorable para construír un gran castro que logo sería romanizado. Os distintos investigadores sempre lle apuxeron o atranco para desbotar a ubicación de Dactonium neste monte á falla de vestixios castrexos ou romanos, teoría que cómpre reconsiderar pola descuberta no 2007 dun asentamento galaico-romano, traballos que, incomprensiblemente, están parados dende hai anos.    
Restos cerámicos e tégulas na Torre do Castro (Espasantes).
    
   

 
 

 



PARADELA 
Ara a Cohvetene (Loio): Atopada en Loio no ano 1929, nunha viña xunto con máis restos arqueolóxicos, entre outros unha pía de auga bendita, unha sepultura antropoide e dúas cabezas humanas de época castrexa, preto do que foi mosteiro de Ribaloxio, berce da orde de cabalería de Santiago da Espada, á que segundo Amor Meilán deu orixe aos Cabaleiros Cambiadores. É do século II d. C. "CVHVE(tene)/BERRAL/OCECV/EX VOTO/FLAVIVS/VALERIA/NV(s)", ("A Cohovetene Berralocecus. Flavius Valerianus, por unha promesa"). Brouza Brey traduciuna como: "Flavio Valeriano cumpriu este voto á deusa Convetena do pobo de Berralo". O investigador rumano Scarlat Lambrino sostén que Convetena non é divindade importada, como di Monteagudo, senón galaica.  No Museo Provincial de Lugo.
Castro de Barán: Dúas moedas de Constantino II. 
Epígrafe de Barán: "CAMAL (?)". No Museo Provincial de Lugo.


 

O PÁRAMO
Campamento do Monte dos Trollos (Monte dos Trollos-San Mamede da Ribeira): Planta irregular dun recinto romano de carácter temporal. As estruturas máis recoñecibles son as defensas perimetrais. Sobre o terreo apréciase a existencia dun parapeito de terra así como dun foxo exterior que nalgúns puntos supera o medio metro de profundidade. Os esquinais do recinto serían de forma rectangular redondeada. O sector sur veuse afectado recentemente. A superficie total sería dunhas 7 ha. Na fotografía histórica apréciase no sector sur a existencia doutro aliñamento, actuando a modo de bracchium (brazo), que permitiría pechar o espazo existente entre o límite sur do campamento e o borde sur da meseta sobre a que asenta. A construción dunha estrada e a parcelación dos terreos destruíron as defensas no seu sector meridional, algo que lle tería acontecido ao posible anexo. Un camiño forestal aproveitou o foxo máis occidental. Descuberto por M. Gago no mes de outubro de 2014. Información extraída de patrimoniogalego.net. Podería tratarse dun campamento temporal de época romana (castra aestiva) utilizado polas lexións romanas durante a conquista de Galicia.

A PASTORIZA
Estela funeraria anepígrafa do castro das Coroas ou das Croas (Reigosa): Atopada no ano 1973, xunto con muíños circulares e naviformes, anacos cerámicos, etc. Apareceu en dous anacos ao realizar labores agrícolas. En caliza, ten unha altura de 102 cm. O corpo está decorado con incisións de liñas e aspas, círculos para os ollos, triángulo para o nariz e unha liña para a boca que enmarca toda a cara. Século III d. C. Publicada por Arias Vilas en Unha estela antropomorfa do castro de As Coroas de Reigosa (Pastoriza, Lugo).
Bretoña: Nas escavacións de debaixo da igrexa realizadas por Chamoso Lamas saíron á luz restos dunha primitiva igrexa que, segundo o seu escavador, foi fundada polos bretóns no século VI e logo destruída polos árabes a  principios do século VIII. Mais a presenza de materiais de época romana amosan a posibilidade de que, en principio, fora unha vila tardorromana e  que as tumbas que apareceron foran reutilizadas con posterioridade.
Moedas: En San Cosme de Piñeiro apareceron varias moedas romanas (denarios).


PEDRAFITA DO CEBREIRO 
Todo sobre a época romana na comarca dos Ancares no blog do Colectivo Patrimonio dos Ancares:  https://arqueoloxiadosancares.blogspot.com/2011/01/presentacion_23.html

A POBRA DO BROLLÓN
Calzada na ponte da Labrada (Barxa de Lor).
Campelo (Barxa de Lor): Documéntase a utilización do ruina montium
Mina do Medo (A Lama-Barxa de Lor): Explotación mineira de ouro aberta sobre terrazas aluviais de arxila. Trátase dunha escavación alongada formada por dúas pequenas fonduras xustapostas e abertas polo sistema de ruina montium. A auga para a explotación traíase dos ríos da Barxa e do Val por canles e depósitos dos que non se ven pegadas. Tamén forman parte do complexo mineiro da Lama as minas de Liñares, O Foxaco, O Libiado, A Labrada, A Ponte e Carballeira, todos de difícil localización. Aos pés da corta érguese o castro da Lama. 
Explotacións mineiras: As Alvarizas e A Fragua (Abrence); O Foxazo (Barxa de Lor); Os Broncelos e A Mina (A Veneira de Roques-Ferreiros), A Boca (Liñares). 


POL 
Ara (Bouzoá-Silva): "LARI(bus)/VIAL(ibus)/EX VO(to)", ("Aos Lares Viais por unha promesa"). No Museo do Castro de Viladonga.
Campamento romano do monte Ventín: Temporal. De grandes dimensións, ten forma de naipe irrregular. Ten preto de 14 hectáreas. Puido acoller entre 6.000 e 8.000 soldados.  
Mosaico da vila romana de Doncide (Silva): Atopado cando a ampliación dunha estrada; consérvanse dous fragmentos que terían como función servir de pavimento dun cuarto dunha vila de época tardoimperial na que se descubriron restos de canles e tubaxes pertencentes, posiblemente, a unhas termas. Ademais do mosaico atopáronse tellas e outros restos.  
Restos campamento (Andión).   
Vestixios explotación mineira aurífera (Arcos de Frades).   
Calzada da que non quedan restos en Fonfría, parroquia de Silva.   
 
 
 

PORTOMARÍN
Castromaior: Apareceron 11 denarios de prata. No Museo das Peregrinacións de Santiago.
  

QUIROGA
O Crismón de Quiroga: Ao final das fotos, pequena achega sobre a historia do Crismón.
Canle romana do Mondón: Canle que captaba a auga do río Xares ata unha explotación aurífera situada en Vilarnuide, no concello de Quiroga. Unha obra de enxeñería, en parte sobre cantís de grandes pendentes, e que leva auga que transcorre a media ladeira, pola marxe dereita do río, dende riba da presa de Santa Olaia ata á Portela de Portomourisco, en Petín, onde se interna na conca do río Sil. Desaparece nun gran treito por terreos agrícolas, e aparece de novo por debaixo do lugar de Seadur, xa no concello de Larouco. Conserva trazas da súa estrutura a través do seu percorrido, coma as grandes rochas cortadas e muros de contención para asentar oleito. A lonxitude sería duns 14 km. (Información de Elixio Vieites).  
Minas auríferas de Covas e Parada (Augasmestas), Albaredo, Ermidón, Montefurado, San Miguel e Veiga (Montefurado), da Barca de Mancebido, Cereixal e Espandariz (Nocedo).        
Minas de Barxa, Castí, Conceado, Freixeiro, Margaride, San Pedro e Santa Andrea (Quintá de Lor), Caspedro e Quiroga (Quiroga),  da Seara e Vieiros (A Seara), da Cabeza, Sequeiros e Vilanuide (Vilanuide).
En Penadominga apareceron uns botóns que estarían relacionados coa indumentaria persoal, dúas fibelas, unha semicircular e bordo dentado, e outra cadrada, case trapezoidal. 
Tesouriño de Penadominga: Preto dun cento de follis do s. IV, das dinastías Constantiniana (306-363 d. C.) e Valentiniana (364-392 d. C.). O exemplar máis serodio é unha do emperador Arcadio (383-392) da dinastía Teodosiana. Tamén apareceu un exemplar que representa á emperatiriz Helena (Flavia Iulia Helena, 292-329 d. C.), nai de Constantino I. No tesouriño inclúese un denario de Marco Aurelio (161-180 d. C.). Foi atopado no 1950 por un veciño do lugar, xunto con materiais tardorromanos aparecidos en Bendollo e Penadominga.
Túnel de Montefurado ou Pena do Corvo: É o principal elemento dun enorme complexo mineiro ideado pola enxeñaría romana consistente en desviar o curso do río que, dese xeito, quedaba libre para recoller do seu leito desecado e areoso as pebidas de ouro que arrastraba a corrente. Construído no século II d. C., tiña 120 metros de longo (o derrubamento provocado por unha crecida do río no ano 1934 reduciuno a 50 metros) e 20 metros de ancho. Hai quen cre que sobre o túnel se construíu unha atalaia de vixiancia da que non quedan restos.
Túnel do Peno Furado, mina e lavadoiros (O Soldón-Montefurado). 
Túnel de Penafurada (Paradaseca).    
Castro de Augasmestas: Sobre o castro construíuse unha igrexa. Romanizado, atópase moi estragado.      
Castro de Ermidón: Castro romanizado situado xusto por riba da boca do túnel de Montefurado.
 
 

 


 


 

 
O Crismón de Quiroga

O coñecido como Crismón de Quiroga atopábase servindo de mesa de altar na igrexa de Nosa Señora da Ermida, no concello de Quiroga. No ano 1877 foi trasladado para o Seminario de Lugo, e no 1925 para o Museo Diocesán. 

 

Un Crismón é o anagrama de Cristo formado polas letras xi (X) e rho (P) maiúsculas, entrenzadas e superpostas, que son as dúas iniciais do nome de Xhristos en grego. Adoitan ir acompañadas do alfa e omega, primeira e última do alfabeto, facendo alusión ao texto bíblico "Ego sum alfa et omega" ("Eu son o principio e o fin").

Nalgunhas representacións crúzanse as dúas letras cunha liña horizontal que formaría o T e engádese o S na parte baixa do pau vertical do P, para indicar o S final do nome. A algúns crismóns engadíanselle representacións de animais ou vexetais (leóns, serpes, osos, flores...), acompañados por unha inscrición. Na Idade Media tamén se poñía o Crismón como sinal e inicio de certos textos liturxicos, indicando o principio e o fin aludindo a Cristo.

 

Un dos primeiros investigadores en ocuparse do Crismón de Quiroga foi Ángel del Castillo (1886-1961) nun Boletín da Academia Galega. Trátase dun gran disco de mármore gris veteado, pode que proveniente das canteiras do Incio, de 95 centímetros de diámetro e 6 centímetros de grosor, cun peso duns 100 quilos. Unha das caras está traballada en baixorrelevo, mentres que a outra non está labrada. Na cara tallada representa un monograma coas letras alfa e omega colgando das súas aspas (Cristo como principio e fin de todas as cousas), e un bordo con dúas orlas de puntos cunha inscrición no medio onde se le: "+ AVRVM VILE TIBI EST ARGENTI PONDERA CEDANT PLVS EST QVOD PROPIA FELICITATE NITES" que, seguindo a Ángel del Castillo, podería traducirse como "O ouro é vil para ti, as riquezas de prata abátense, máis é o que brillas pola túa propia felicidade". Por unha parte invoca a Cristo e pola outra comina a rexeitar as riquezas materiais en favor da felicidade cristiá.

Segundo as características da peza e da propia inscrición, a maioría dos autores dátana en torno ao século IV ou principios do V d. C. (o arqueólogo alemán Helmut Schlunk dálle unha cronoloxía entre o 420 e o 450) polo que, xunto coa tapa de sartego da igrexa de Santa María de Temes, en Carballedo, podería tratarse dunha das representacións máis antigas do cristianismo en Galicia. 


Canto á súa función orixinal críase que sería feito para estar encaixado na parte visible da igrexa. Segundo Jaime Delgado Gómez (1933-2012), o Crismón formou parte dun mausoleo erixido en honra dalgún nobre romano convertido ao cristianismo. Dedúcese que se trataría dunha persoa rica pero virtuosa. Tamén hai quen conxectura que podería tratarse dunha mesa ritual con fins adivinatorios, unha especie de ouija, pero si foi usado para outras funcións non deixan de ser especulacións polo que en principio é un magnífico crismón cristolóxico utilizado, segundo as interpretacións máis recentes, como mesa de altar que evidencia a presenza no lugar de cristiáns cultos. O que si existía era o costume de limar o bordo do Crismón porque se cría que posuía propiedades milagreiras.

A igrexa de orixe románica da Ermida, do século XII, foi construída sobre un castro. Consérvanse outras pezas de mármore como dúas basas, unha praca e dous capiteis de orde corintia, datadas na primeira metade do século V, o que permite pensar na existencia dun importante núcleo ou igrexa paleocristián vencellados a asentamentos tardorromanos desta rica zona aurífera. Existe a tradición de que a imaxe da Virxe apareceu entre os restos dun templo máis antigo que se levantaba nas inmediacións.

 
RÁBADE 
Ara de Sinoga: Erradamente, esta ara figura en moitos traballos como atopada en Rábade cando en realidade foi en Outeiro de Rei. O erro tamén figuraba na cartela do Museo do Castelo de San Antón da Coruña, onde está exposta; no mes de marzo de 2019 o erro xa foi corrixido. (Ver Outeiro de Rei). 
Miliario: Aínda que Marcelo Macías (Boletín da Comisión de Monumentos de Ourense, xaneiro-febreiro 1912) di que un miliario foi atopado preto de Rábade, no mesmo Boletín de maio-xuño dese ano rectifica, acertadamente, e di que apareceu en San Roman da Retorta. Erro que tamén advertín a principios do ano 2023 no Museo de los Caminos de Astorga a quen enviei un correo electrónico para que o subsanen. (Ver Guntín de Pallares).

RIBADEO
Praia de Esteiro: Forno de cerámina romana que foi practicamente destruído polos temporais que afectaron á zona nos primeiros meses dos anos 2014 e 2016. Agora só quedan pequenos restos. O colectivo Mariña Patrmonio promoveu un proxecto que non foi aceptado pola Xunta de Galicia. 
 

RIBAS DE SIL
Basa de columna: O día 17 de setembro de 2016 localizamos a basa dunha columna romana nunha casa da aldea de Relosio. 
Minas da Moá e Peites (Peites),  de Figueiredo e Piñeira (Piñeira).
Explotación mineira do Barreiro (Nogueira), Rairós (Rairós), San Clodio (San Clodio, A Eira da Torre ou Medoña de Soutordei (Aldea-Soutordei).     
Inscrición: "TER(minus)". 
Inscrición: "]VI IPOA". 
Serra da Moá: En outubro de 2011 descubriuse unha mina de época romana datada, probablemente, entre os séculos I e II d. C. A existencia do túnel só era coñecida polos veciños que en tempos aproveitaban as augas dun manancial para consumo propio e para regar. O lugar foi localizado por Carlos Rueda e José Ferreiro quen se puxeron en contacto co arqueólogo Iván Álvarez que foi quen identificou a galería como unha explotación mineira. O túnel, duns 130 metros de lonxitude, adéntrase na serra. Nas paredes poden verse uns ocos que deberon servir para colocar a iluminación para os traballos mineiros. O tramo máis profundo da mina está cegado por un derrubamento nun momento imposible de determinar, polo que non hai forma de saber se a escavación se adentraba máis na montaña. 
Os Cófaros (San Martiño de Peites): Explotación aurífera localizada polo profesor Manuel Cao, no límite coas terras de Trives e Ribas do Sil. No ano 2012 chamoulle a atención a gran cantidade de pedra de cuarcita branca diseminada pola zona a carón dun socavón de orixe artificial de considerables dimensións. A explotación ten forma de cuña que aproveitaba unha banda de cuarcita que atravesa o concello de Ribas do Sil, cunhas medidas de 220 metros de lonxitude e unha anchura de ata 120 metros. Nas inmediacións acumúlanse gran cantidade de estériles ou muradellas (cantos rodados), produto do arrastre e lavado do material. Cóntase que na parte máis baixa do cauce dun pequeno regato, hoxe seco, que pasaba pola zona e que desembocaba no río Bibei, localizáronse pilóns e lavadeiros utilizados no proceso de lavado do ouro. A explotación a ceo aberto foi realizada sobre un xacemento primario entre os séculos I e II d. C.     
O Covallón: A uns 200 metros da anterior hai unha ducia de explotacións auríferas a ceo aberto de época romana que non estaban catalogadas, aínda que si se sabía delas. Existe un proxecto por parte dunha empresa para realizar sondaxes e mirar a súa rendibilidade. A mina foi sinalizada como lugar de interese histórico e cultural coa axuda do consorcio turístico da Ribeira Sacra. No seu momento, a Dirección Xeral de Minas xa instalara unha cerca protectora coa finalidade de prever accidentes.
Posible explotación mineira na Serra de Cabanas, entre San Xoán do Río e Ribas de Sil: O 27 de agosto de 2023, o xeólogo Oscar Pazos de Vigo, os afeccionados Ana Belén Treinta e Sergio Fernández de A Guarda e os irmáns Iván e Marco Pillado, veciños de San Xoán de Río, foron na busca dunha pequena e esquecida mina galaico-romana na vertente norte da Serra de Cabanas, entre San Xoán de Río e Ribas de Sil, unha serra ameazada pola construción dun gran parque eólico. O obxectivo do día era comprobar a existencia desta mina e poder solicitar a súa inclusión no catálogo de Bens Culturais da Xunta de Galicia como xacemento arqueolóxico. Os concellos da beira sur do río Sil gardan un patrimonio arqueolóxico, natural e etnográfico extraordinario, mais moi mal documentado e en risco de perderse para sempre, e nesta altura a ameaza inmediata é un mega-proxecto eólico administrativamente agochado baixo dous polígonos independentes, o PE Ventumelo e o PE Treboada. A existencia na cartografía da zona do topónimo “Furados” xusto no liñamento entre as explotacións dos Biocos -San Xoán de Río- e o Burato do Lobo – Ribas de Sil- deu o indicio da posible mina galaico-romana, e a cartografía de pendentes axudou a localizar a corta. De momento non hai que desbotar a existencia de galerías ou pozos de minaría subterránea. 
Das explotacións mineiras da Serra da Moá existe coñecemento dende hai tempo. Mesmo hai unha, a do Boutallón, en Peites, que ata non hai moitos anos seguía a extraerse ouro. No concello existen unhas 40 minas.
 


 


RIBEIRA DE PIQUÍN
Mina de Montefurado (Navallos): Tras 88 anos sen executar a súa concesión, a Confederación Hidrográfica do Cantábrico decidiu, o 17 de abril de 2010, someter a información pública a solicitude de rehabilitación dun proxecto hidroeléctrico que pretende captar 10.000 litros de auga por segundo do río Eo. Ademais de afectar á Reserva da Biosfera Eo, Oscos e Terras de Burón con importantes hábitats protexidos ao desviar o caudal ao longo de doce quilómetros, hai que engadir o impacto irreversible sobre o patrimonio arqueolóxico da zona, como o da explotación mineira de época romana de Montefurado. No río Eo, os romanos practicaron unha canle para desviar o río e así recoller o mineral. 
Os Cangos (Santalla): Restos de bancos para o lavado do mineral aurífero e fornos para a cocción de tellas.  
Necrópole de Piquín (Navallos). 
 

RIOTORTO
Complexo mineiro da Muxueira: Explotación aurífera formada por tres grandes trincheiras a ceo aberto: As Grobas, O Palo Ribeiro e A Chousa do Baño. No mes de febreiro de 2015 Adega e Mariñapatrimonio denunciaron que nos traballos para unha plantación de eucaliptos afectaron á mina da Chousa do Baño, utilizando maquinaria pesada que tamén abriu unhas pistas modificando a morfoloxía da antiga explotación. 

SAMOS
Cerámica de época romana no castro de Formigueiros.  
Terra sigillata e moedas no castro de Margarita (Freixo).
Máscara de terracota: Representación de Dioniso con polos decorados co que semellan froitos na súa base. As formas da cara apenas se intúen. Da colección Stutzel, ingresou no Museo Arqueolóxico Nacional no 1900.
  
SARRIA 
Ara: "LARIBVS/VIALIVU/S CAES(i)/ANVS", ("Caesianus puxo esta ara aos Lares Viais").
Epígrafe: "]/FELICEM/PARENTEM/[---] IUL(io) ET/[---] FILIO".   
Calzada (Betote): Nunha antiga foto que hai no Arquivo Histórico Provincial vese unha calzada ao seu paso por Betote, hoxe en día desaparecida.  
Campamento do Monte da Modorra (A Chá de Santa Marta-Rubín): Recinto cuadrangular lixeiramente irregular e con esquinais redondeados. Identifícase a existencia dun terraplén (agger) que na actualidade se atopa case nivelado. A superficie do sitio sería dunhas 13 ha. Está practicamente arrasado pola roturación do terreo, algunhas áreas están cubertas por piñeiros. Atravesado en parte pola estrada LU-620. Nos anos trinta do pasado século construíuse na Chá un aeródromo militar. Descuberto por M. Gago en setembro de 2014.  Trataríase dun campamento temporal de época romana (castra aestiva) utilizado polas lexións romanas durante a conquista de Galicia no contexto das coñecidas como Guerras Astur-Cántabro-Galaicas. (Información extraída de patrimoniogalego.net).       
Escultura de Vilapedre (Museo de Lugo). 
Miliario (Lamarrigueira-Farbán): O miliario atópase deitado no chan, xunto o muro do peche da casa de don Luciano Tourón situada en Lamarrigueira, a carón da estrada que vai de Sarria a Monforte. Trátase dun cilindro de granito fino coa superficie sen puír. Segundo Rodríguez Colmenero et Al. (2004), é un fito importante para afirmar a existencia da vía que o Itinerario de Barro anuncia entre Lucus e Dactonium, sinalando, ao menos, a mansión Aquae Quintiae. Segundo me contou un veciño, foi atopado ao outro lado da nova vía de alta capacidade, próximo ao lugar coñecido como A Lagarteira onde hai un posible castro que dista menos dun quilómetro en liña recta dende Lamarrigueira. Aínda que non se aprecia ningunha epígrafe, si se poden ver pequenas coviñas, sucos e un posible "C". Mide 1,60 metros de altura e 0,40 de diámetro.             
Relevo de Vilar de Sarria: Datado no século III d. C. Descuberto no ano 1923 ao realizar labores agrícolas. Atopouse xunto con outras pezas: dous fustes de columna, dous muíños circulares, ladrillos e unha sepultura de lousa. De grande interese pola súa temática e forma de representación. Trátase dunha peza traballada nas súas dúas caras, que se interpreta como unha estela funeraria anepígrafe atendendo ás figuras humanas, un home e unha muller, vestidos que só deixan á vista as mans. O corte da pedra impide saber se se trataba de figuras enteiras.  O reverso semella compoñer unha escea unitaria que presenta un relevo bastante deteriorado coa representación central dunha nave dun mastro co seu aparello e catro figuras a bordo. Por riba, á dereita, unha aguia de ás abertas como para emprender o voo que se apoia sobre un obxecto que se interpreta como unha rocha ou un peixe, mesmo unha nube. Baixo o barco, e centrado, un cetáceo identificado como un golfiñoo a pesares da curiosa triple aleta central. Esta escea foi interpretada por Castro Nunes como unha representación do mito de Ulises, en concreto da pasaxe das sereas, atribuíndolle un carácter simbólico neoplatónico en relación co transo dos defuntos. No 1946 foi despositada polo Instituto Padre Sarmiento no Museo de Pontevedra.         
Terra sigillata e moedas nos castros de Seteventos e Vilapedre.       
Villae de Vigo (Vigo-Vilar de Sarria).      
Xacemento de Agra de Arriba (Chorente).        
Xacemento de Cercas (As Cercas-San Antolín): Estrutura rectangular en xisto da que parte unha canle de desagüe.       
Xacemento de Santa Eufemia (San Antolín).
  
 


O SAVIÑAO
Aras de Corveixe (Rosende): Trátase de dúas aras atopadas preto do castro de Corveixe ou Madredauga. Nunha lese: "IOM/VALERIVS", ("Valerius (puxo este altar) a Xúpiter Óptimo Máximo"). Na outra, empotrada nun muro: "ARAM/DEDIC [---].", ("Altar dedicado a [---]"). Tamén apareceron tégulas, muíños naviformes e escouras.    
Ara de Vilariño (Fión): A casa de turismo rural de Torre de Vilariño ten no seu xardín un fragmento de cornixa dunha obra anterior, labrada sobre unha ara romana de granito. Foi dada a coñecer por Francisco Hervés no ano 2001. Da epígrafe só quedan as grecas e os verdugóns da área do capitel nun dos seus lados, quedando o espazo da inscrición na cara interior da peza que non destruíu as labras da moldura da cornixa: "VALL(ius)/SEVE(rus)/BER(oni) F[---]/(e)X V(oto)", ("Vallius Severus adicou este altar a Berón para cumrpir un voto que fixera"). 
Estela e ara de Mourelos: Próximo á ponte romana que salvaba os Cóvados de Belesar atopáronse unha estela e unha ara. A primeira, desaparecida, coñécese grazas ás referencias literarias. A ara apareceu nos cimentos da igrexa vella de San Xulián de Mourelos cando foi levantada para o seu traslado ao lugar actual. Segundo Tranoy, Le Roux e Arias Vilas, lese: "LOCV/EN ES/ES SIH", que apenas indica nada, se ben a última liña podería conter unha fórmula funeraria; foi atopada polo cura de Vilar de Ortelle Ramón Castro López, e publicada no BRAG no 1926. 
Relevo de Licín: Peza de mármore, posiblemente de O Incio, con decoración en baixorelevo de posible adscrición altoimperial. Foi atopada polo veciño Antonio Varela, catedrático de Bioloxía, cando observou a peculiaridade do relevo e a falla de sintonía coa cantería xeral da igrexa de Licín. A peza, empotrada nun esquinal da cabeceira, non se pode sacar do seu emprazamento, mais é facilmente encadrable. Os motivos insculpidos constan dun xarrón ou crátera do que xurden uns motivos vexetais que percorren a peza, interrompidos no centro por unha flor. Semella un resto dun mausoleu ou templo paleocristián.      
Beleigán (A Laxe): Don Ramón Castro López, o cura de Vilar de Ortelle, menciona no ano 1929 a aparición de varios vestixios, como muíños de man e fustes de columna, constatados por Cuevillas e Fraguas no ano 1955, que puideron pertencer a unha vila tardoimperial. Non moi lonxe apareceu un sártego antropoide escavado sobre a rocha, coñecido como o Moimento, se ben semella de cronoloxía Alto Medieval. 
Calzada nos Cóvados de Belesar, dende as Ribeiras do Miño a Diomondi. 
Explotación mineira de ferro de Licín, utilizada polos romanos pero de posible orixe prerromana.   
A Torre (Freán): Castro López e Florentino Cuevillas citan un forno cerámico romano que desapareceu, e xarras de barro, unha ola con ósos, pezas de ferro, etc. O cura de Vilar de Ortelle fala da existencia dun paso subterráneo dende o Castro á Torre.
Xacemento dos Vilares (Fión): López Cuevillas e Fraguas Fraguas (1955) tiveron referencia dun veciño da presenza de ladrillos, tégulas, pedras labradas e muíños circulares.
 
 
   
 

 
SOBER 
Ara de Quintas (Liñarán): Na actualidade forma parte da basa dunha columna, quizais tamén de orixe romana, situada no peche de bloques de cemento do adro da igrexa parroquial de Liñarán. Aparece en posición invertida. No monte de San Roque existiron, segundo as referencias, dúas capelas adicadas a Santa Catarina e a San Roque, que é de onde procedería:."LVGVBO/ARQVIENOB(o)/C(aius) IVLIVS/HISPANVS/V(otum) S(olvit) L(ibens) M(erito)", ("A Lugubo Arquienobo, Caius Iulius Hispanus cumpriu de bo grado o voto que fixera"). O cognomen, Hispanus, fai referencia á súa orixe ou á súa familia ibérica, posiblemente da Meseta onde este alcume é moi común.  
Calzada (Pedride-Proendos): Sáez Taboada cre que podería formar parte dunha vía que viña de Dactonium, pasando primeiramente por Canabal e proseguindo por Proendos, Liñarán, Santa Mariña, Castro de Gundivós, Sanmil, Mourentán e Doade, cruzando o Sil pola ponte de Paradela.  
Igrexa de Sober: Catillus e columnas romanas. 
Pena do Castelo (Doade): Castro romanizado situado sobre o río Sil. Apareceu material de época romana.      
Vila do Agro das Medorras (A Vilerma-Santiorxo): Apareceu tégula e un fragmento de catillus. Moi alterada polo labores agrícolas. 
Vila Leira da Viña (O Taro-Figueiroá): Chaira agrícola e aterrazada. Atopáronse fragmentos de tégula e pedras de cantaría molduradas ao traballar unha leira.      
Vila de Proendos: Apareceu tégula e cerámica común romana, fragmentos de cubo de columna, capiteis, basas, epígrafes, restos de canles e evidencias dun hipocausto. Hai investigadores que sitúan en Proendos o castro Dactonium, capital da Civitas dos Lemavos. Nos sondeos con xeoradar, realizados por iniciativa do Concello no outono de 2019, localizáronse restos de antigas construcións, detectándose vestixios dun edifcio duns 1.000 metros cadrados e doutras cosntrucións que poden ser de época romana. Tamén se estuda realizar unha reconstrución dixital en tres dimensións e elaborar materiais divulgativos. No mes de xaneiro de 2020, déronse a coñecer os resultados das investigacións realizadas polos arqueólogos da empresa Estela Arqueoloxía. Din que podería tratarse dunha pequena vila agrícola, sen desbotar a existencia dunha poboación secundaria cun complexo entramado urbano. A construción principal, próxima á igrexa parroquial de Proendos, detectouse o que pode ser un hipocausto e un pavimento que podería conter mosaicos. Tamén detectaron unha construción circular que podería tratarse dun columbario (estrutura funeraria semellante a un pombal con paredes con pequenos nichos onde se depositaban as cinsas dos defuntos), algo inédito ata o de agora en Galicia, se ben os arqueólogos non desbotan que se trate dun pombal posterior. No 2021 localizouse un gran hórreo romano que podería ser o de maior tamaño do NO peninsular, cun mínimo de seis patas. Ademais das contrucións romanas, pode haber outras de época medieval (dende os anos 40 do pasado século coñécense sepulturas medievais no cemiterio). Confirmarían estes achados a mítica Proencia?        
A Tellada (Gundivós): Recuperados fragmentos de tégula e un muíño circular.       
No Camiño Real da Abeleda a Francos (Doade) atopouse un ladrillo de época romana. 
Xacemento de Proendos.  
Villae de Souto do Chanteiro.  
 

 


TABOADA
Ara en Vilar (Vilela): Na casa de turismo rural Casa do Romualdo hai unha posible ara galaico-romana.   
Castro de Piñeira: Apareceron muíños circulares de man de época romana. 
Miliario de Vilar (Vilela): Localizado por José Manuel Sobrado no ano 2001; anepígrafo, actuaba como soporte dun hórreo. Segundo información recollida por Rodríguez Colmenero, Ferrer Sierra e Álvarez Asorey (2004), atopábase tumbado diante da casa dun veciño (a casa do Laxo, coñecida tamén como casa do Vitorino), sinalando que o seu mérito principal residía en que poñía de manifesto o paso da vía nun tramo no que non se coñecían monumentos deste tipo. O cilindro, de granito de gran goso, medía 1,26 metros de longo e cun diámetro nos extremos de 43 e 48 centímetros respectivamente. Que fale deste miliario en pasado non é gratuíto. O día 31 de xullo de 2014 achegámonos ata o sitio e localizamos o que crimos era o miliario citado, tumbado xunto un muro do peche dunha casa hoxe en día deshabitada (non moi lonxe da devandita casa do Laxo), un fuste de granito, sen indicio de letras pero ben executado, cunhas medidas de 90 centimetros de longo e cun diámetro nos extremos de 37 e 40 centímetros. Aínda que non coincidían as medidas, lucubramos que podía deberse a un erro ou que posteriormente á súa descuberta fora manipulado. Mais pouco despois enterámonos por un veciño de que o miliario atopado no ano 2001 desaparecera, levado por unhas persoas para non se sabe onde. O cilindro documentado por nós é, tanto pola súa tipoloxía como pola información recabada, outro miliario anepígrado que, ao parecer, foi trasladado nalgún momento non determinado dende as proximidades do castro de Vilela. 
Moreda: Debaixo dunha tampa de alcantarilla moderna contáronnos que hai unha cisterna escavada na pedra de época romana. Surtía a dúas canles, e outra actuaba de desaugue. Tamén nos dixeron que debaixo da casa reitoral hai un pozo da mesma época. 
Pía de auga bendita da igrexa de San Martiño do Mato que ao parecer pertencía a unha columna.  
  
 

 

TRIACASTELA
Castro de San Adrián: Situado sobre un outeiro, presenta forma ovalada cun terraplén que delimita todo o recinto. No castro apareceu unha cama de freo (disco de ferro que vai colocado en cada extremo da boca do cabalo) de época romana (s. IV-V). 
Explotacións auríferas: Na parroquia de Cancelo e en O Valín (Toldaos). 
Tesouriño na Cova das Cabras: As escavacións levadas a cabo no verán de 2021 permitiron documentar na Cova das Cabras unha ocupación no século IV d. C. co achado dun tesouriño dunhas 50 moedas romanas de Constancio II e Valentiniano. O lugar, de difícil acceso, indica a intencionalidade do seu agochamento.
 


O VALADOURO
Tesouriño do Cadramón: No Museo Provincial de Lugo consérvanse 11 moedas que ingresaron entre 1973 1979, entregadas posiblemente por Ricardo López Pacho. No conxunto están representados os primeiros tetrarcas. A tetrarquía era unha forma de goberno imperial composto por dous emperadores (augustos) e os seus herdeiros (Césares).
 

O VICEDO 
Ara: Posible ara reutilizada nun muro da igrexa de Suegos. Non presenta molduras. Na cara á vista ten unha inscrición moi deteriorada. 
Castro da Tarroeira: Romanizado, apareceron tégulas, ladrillos e un muíño circular. 

VILALBA 
Alba: Ara atopada cando se reconstruíu a igrexa. Desaparecida? A inscrición dicía: "D(iis) M(anibus)/SERANIE/VICTORI/NA ANNO/RVM LX(sexagimia)", ("Aos deuses Manes. Victorina (filla de) Serania, morta á idade de 60 anos"). 
Ara a Mercurio (Oleiros): Atopada ao arar unha finca cun tractor. Fragmento de ara consagrada a Mercurio do século III d. C. "SACRVM/MERCVRIO [---]". Estudada por Nicandro Ares Vázquez. Custodiada no Museo de Lugo. No lugar apareceron resos cerámicos. 
Castro (Gondaísque): Escouras metálicas, fragmentos cerámicos e tegula.      
Ladra: Fragmentos de tegula e muros.     
O Marco (Boizán): Pezas de muíños circulares, fragmentos de tegula e cerámica.     
Pazos (Alba): Muíños circulares, tegula e fragmentos de fuste e columnas de granito. 
Quintá (Rioaveso): Atopouse abundante material que se utilizou como firme dun camiño, só se conservan dous epígrafes no Museo de Lugo.     
Sa (Insua): Fragmentos de tegula, muíños circulares e obxectos metálicos.    
Vilamartín (Rioaveso): Cerámica e un epígrafe adicado a Mercurio.      
Vilaragonte (San Simón da Costa): Fragmentos de tégula.
Xacemento de Trastemil (Santaballa): Desaparecido, próximo á igrexa parroquial. Apareceron muíños circulares, cerámica, fragmentos de tégula e un fuste dunha columna de granito.      
Museo Arqueolóxico de Vilalba.
 


VIVEIRO
Área arqueolóxica de Estebañón: Na praia de Area (Faro). Ao final do ano 1951, debido aos temporais que asolaron a costa, deixaron ao descuberto restos dunha vila tardorromana e outra altomedieval superposta. O daquelas alcalde, Alberto Michelena Rebellón, puxo en coñecemento das autoridades competentes a noticia do achádego. O xácigo foi visitado algún tempo despois por Vázquez Seijas que catalogou os restos de edificacións como unha factoría pesqueira de época romana, atopando tamén escouras de ferro e restos cerámicos. En novembro de 2010, un temporal desprazou parte dos restos. Os técnicos consideran que é difícil protexer a parte baixa do xacemento xa que está nunha praia e, polo tanto, aféctalle a erosión marítima e eólica. O sitio arqueolóxico atópase en estado total de abandono despois de que o millonario proxecto de Costas non fose adiante para poñelo en valor, conseguindo só deteriorar aínda máis o xacemento, ademais de facilitar o espolio. Nun estudo realizado no ano 2023, coordinado por Antón López, a extensión é superior á coñecida. Segundo a tradición e a lenda, xunto a lagoa de Carrucedo estaba a vila de Estebañón ou Labañón que unha onda xigantesca destruíu, sepultándoa para sempre baixo as augas; aínda hai quen cre ver no fondo da lagúa o campanario da igrexa e escoitar o son das campás. Esta lenda fixo pensar na existencia de pobos lacustres. A eles referiuse Pascual Madoz ao afirmar que na lagoa de Viveiro atopáronse vigas e que no porto se descubriron no 1841 ou 1842 anacos dunha rúa ancha e empedrada.
Moeda: Entre outros, no xornal El Compostelano do 23 de maio de 1927 asegura que en Viveiro, "en las orillas del mar Cantábrico", apareceu unha moeda romana coa inscrición Cauca.    
Restos dun asentamento no baixo dun edificio (Viveiro).  


XERMADE
Ara inexistente en Pepín-Cazás: Nalgunhas publicacións lese, erradamente, que unha ara votiva dedicada aos Lares Viais (deuses dos camiños) apareceu en Pepín, na parroquia de Cazás, concello de Xermade.A ara, gardada na casa do doutor Antonio Correa, foi dada a coñecer no Boletín da Comisión de Monumentos de Ourense de xaneiro-febreiro de 1906. Á Comisión facilitoulla o coengo da catedral de Lugo Manuel Lago González quen, xunto co presbítero Antonio Carreira, interpretaron a epígrafe: “LARIBV / VIALIB / PLACIDI / NA EX V / OTO PO / SVIT” (“Placidina fixo esta promesa aos Lares Viais”). O erro debeuse a que no Boletín confunden a citada aldea de Pepín coa de Papín, na parroquia de Penarrubia, concello de Baralla, que é de onde procede. Atópase no Museo Provincial de Lugo pero non está exposta debido ao mal estado de conservación.; foi despositada no mes de xullo de 1934 por Isaac Correa Calderón (1893-1975), irmán de Antonio, médico militar que despois de ser ferido en África dirixiu varios hospitais de Galicia. (O noso agradecemento a María Ofelia Carnero, do Museo Provincial de Lugo, pola achega das fotos). 
As Telleiras (Cazás): Xacemento localizado cando as obras do gasoducto no tramo Vilalba-Valga. Vidal Rodríguez atopou anacos cerámicos, algúns con decoración, e tella.
Villae (Vilar da Graña-Roupar): Foi localizada nos anos setenta do século pasado debido aos labores agrícolas, se ben con anterioridade xa aparecera algún resto. Foi escavada parcialmente por José Vidal Rodríguez. Atopáronse fragmentos cerámicos, tellas, tégula, ímbrices, ánforas, escoura de fundición, muíños, útiles de ferro, etc. Pero cabe salientar unhas estruturas relacionadas cun complexo termal: dous arcos dun hipocausto, escaleiras de acceso a unha piscina, un muro que podería pertencer a unha canle que abastecería o recinto e tubos de canalización o que indica que pertencía a unha persoa de elevado poder económico. A maioría dos materiais atópanse depositados no Museo de Arqueoloxía Vilalba e no Museo Provincial de Lugo, e tamén en casas particulares. A tradición falaba de que no sitio había un pobo afundido.





Xabier Moure
Romanización de Galiza/Galicia (Provincia de Lugo)
o noso patrimonio