* Un mosteiro en Amoexa, Antas de Ulla?

No 1943, Ramón y Fernández publicou na Revista de Arqueología e logo unha separata co título Jornadas románicas por tierras de Lugo a igrexa de Santiago de Amoexa, substituíndo o nome de Amoexa polo de Monxa, baseándose para elo na tradición oral que asegura que antigamente foi unha igrexa mosteiral de monxas, feito que tamén foi aceptado por Xosé Ramón Fernández Oxea, máis coñecido por Ben Cho Sey. Malia o anterior, Nicandro Ares Vázquez di que nada ten que ver con "A Monxa", semellando un topónimo prerromano, comparable co antropónimo Ammo, -onis, Amonus, Amunius e con Aegi Amunniaego, teónimo atopado nunha prancha de bronce, desaparecida, de Viana do Bolo.

 

De todos os xeitos cremos que o nome ten certa semellanza con Moneixas, unha parroquia de Lalín, unha acomodación do latín do greco-latino tardío monachicas que se pode traducir por monacais (Ares Vázquez). Asegura a tradición que esta igrexa de orixe románica da capital do Deza foi dun mosteiro de monxas, e que noutro lugar estaban as aspirantes ou novicias, Moneixiñas. Luis López Barredo, párroco de Moneixas, di que a casa reitoral foi mosteiro no século XV, habitado por monxas clarisas. 

 

En  1120 cítase villa vocitata Canaria (hoxe A Caira) et Amonegia. En 1160 figura unha hereditas in territorio Dorra, subtus castro de Monegia, pernominata Canaria, sub aula Sancti Iacobi de Amonegia, pernominata Canaria, sub aula Sancti Iacobi de Amonegia, discurrente rivulo Ullia. En 1165 outra herdade iacet ipsa in territorio Dorra, subtus castro de Amonegia, villa pernominata Canaria de Iusaa et iacet sub aula Sancti Iacobi de Amonegia. En 1172 escriben Amoega (Tombo do mosteiro de Sobrado). En 1174 os monxes de Oseira din que deron aos freires Hospitalenses kasal de Amoeja. En 1258 aparece Nuno Nuniz cavallero d-Amoega (Colección diplomática do mosteiro de Oseira). En 1289 menciónase S. Iacobi de Amoeia. En 1383 figura un home "natural de Moesa". De finais do século XIII é un documento, que se conserva no Arquivo Histórico Nacional (trátase dunha transcrición do desaparecido libro H da Catedral de Lugo), outorgado entre o bispo de Lugo, Fernando Pérez, e Urraca Fernández de Abancis en que lle doa, entre outras posesións, "In ecclesia S. Stephani de ripa Minei, et in ecclesia S. Victoris, et in monasterio de Eiret, et in monasterio S. Felicis de Cangas, et in ecclesia S. Mariae de Alvidrón, et S. Iacobi de Amoeia, et S. Mariae de Moreda, et S. Petri de Vembibre...". Nesta época, se algunha vez foi un cenobio, a igrexa xa non tiña carácter mosteiral xa que na escritura distínguese entre os beneficios ás igrexas mosteirais (Eiré e Cangas) das demais. Malia isto, cómpre advertir que o documento tamén fala de S. Stephani de ripa Minei (San Estevo de Ribas de Miño) que si foi igrexa dun antigo mosteiro. Nun documento do século XVI chámase á aldea Amoexa e Amoexe

 

A igrexa, agás o frontis (o orixinal desapareceu), conserva a súa antiga fábrica do século XII, composta por unha nave rectangular e ábsida semicircular. Álzase sobre semicolumnas, con cabezas humanas a xeito de poutas nos plintos, basas tóricas e capiteis esculpidos, un con dous pares de aves, afrontadas dúas a dúas, e o outro con follas rematadas en bólas e unha cabeza humana. Os canzorros da ábsida presentan motivos xeométricos. No seu centro vese unha ventá con dous capiteis decorados con motivos animais e vexetais. Os canzorros da ábsida, agás un que exhibe unha cabeza humana, presentan decoración xeomética variada (bólas, perlas, cruces aspadas, etc); decórase tamén cun motivo xeométrico, un rombo, a pedra empotrada no piñón posterior da nave. A cabeceira, no interior, leva unha imposta axedrezada. A nave ilumínase  con dous pares de seteiras en cada un dos alzados laterais, con arcos de medio punto. No interior hai varios retábulos do século XVIII.

 

Do que non atopamos ningunha referencia (nin sequera de Francisco Vázquez Saco que publicou esta igrexa no 1955) é dunha pedra que foi reaproveitada nun muro situado debaixo do pórtico e que contén unha epígrafe incompleta e moi alterada. Polo de agora descoñecemos que pode dicir, pero ben podería tratarse dunha ara galaico-romana ou romana. A menos de 500 metros da igrexa, a 684 metros de altitude, está o castro da Monxa ou de Amoexa (os veciños coñéceno polo primeiro nome), circular duns 140 metros de diámetro. Contáronnos que apareceron muíños circulares de man e anacos cerámicos. Segundo a lenda, no interior do recinto hai agochado un arado de ouro. 

 

E xa que andamos pola zona, acheguémonos ata a igrexa parroquial de San Salvador de Vilanuñe, anexa de Santa María de Casadenaia, a pouco máis de dous quilómetros en liña recta da de Amoexa. No Tombo do mosteiro de Sobrado, a freguesía é denominada como villam Nuni en 1033, 1120, 1172 e 1180. O nome viría do antropónimo Nunnius. Mais para Schulze Nunnius sería unha variante de Nonnius, baseado en nonnus, avó, que na Regra de San Bieito se recomendaba aos monxes máis novos como forma de tratamento cos máis vellos e que, ao parecer, era unha palabra exipcia que significaba eremita tal como recolle o alemán J. Piel (1947). Habería eiquí un eremitorio ou un pequeno mosteiro?

 

Da fábrica románica, o templo conserva a nave rectangular cuberta a dúas augas. A porta principal coróase cun arco de medio punto integrado por dúas arquivoltas. A interior está decorada con bólas, alzándose sobre toscas columnas con capiteis esculpidos con decoración xeométrica: círculo radiado en cada unha das caras, boliñas e cadros que inscriben cruces aspadas. Este último motivo vémolo tamén na imposta que leva unha cabeza humana. O tímpano conserva unha decoración xeométrica moi desgastada, esculpido cunha cruz latina no centro e círculos, un radiado, debaixo dos brazos. Nas doelas salienta unha moldura lisa, a xeito de dobre banda, e nos vans motivos con decoración xeométrica: aspas, boliñas, etc. É moi variada a decoración dos canzorros en toda a extensión da nave: rombos, puntas de cravo, bólas, cuñas, unha cabaza, e unha figura humana deitada que mira á fronte.