* Unha casa-torre en Outeiro de Rei que non é

Ou iso cremos.

Manuel Vázquez Seijas, en Fortalezas de Lugo y su provincia (1955-1973), fala da Torre da Barreira. Os primeiros documentos datan do ano 1575, cando Ares de Monterroso doa ao seu fillo, con motivo do seu casamento, a cuarta parte do couto de Donalbai e 40 fanegas de centeo, produto da renda de varios lugares, entre eles este da Barreira situado en Santiago de Gaioso. No ano 1629 xa figura como único dono do sitio o fillo, Pedro Ares. Co tempo pasou a mans duns labregos. Di Vázquez Seijas que a torre foi moi modificada, quedando só os restos dalgunhas dependenzas e un escudo de armas.  

Hai pouco, Brais Rodríguez Romero máis eu achegámonos ata Santiago de Gaioso, ata a casa onde disque se levantaba a torre, a pouco máis de 300 metros da igrexa parroquial. Exteriormente, ningún elemento da casa denuncia a súa existencia, unha construción de planta rectangular cuberta en lousa a catro augas. E do escudo, nin rastro, de feito, na páxina web do Concello dise que se descoñece o seu paradoiro. Ningunha das persoas coas que falamos, algunha nacida moito antes de que Vázquez Seijas realizara o seu traballo, lembra ver a pedra de armas.

 

Pero Brais, que nunca deixa nada a medias, non as tiña todas consigo. Preguntando aquí e acolá enterámonos de que no barrio da Lama, a uns 250 metros da igrexa de Gaioso, había dúas casas, unha coñecida como A Barreiriña e outra como do Fidalgo. En efecto, alí puidemos ver dúas construcións que ben puideron acoller unha antiga torre. Totalmente arruinadas, só permanecen en pé os muros da fachada principal e pouco máis que ameazan derrube. Polo que nos contou un veciño, a casa, en orixe, era unha soa e que logo foi dividida ao facer unhas partillas. Aquí, os elementos construtivos que se conservan si indican a existencia dunha casa señorial, obstentando sobre unha das portas un escudo. 

  
Cremos que Vázquez Seijas, ou se equivocou de casa ou, simplemente, confundiu o nome dos lugares (Barreira por Barreiriña), estráñanos que ao minucioso investigador se lle pasara por alto esta Casa do Fidalgo, que ademais do nome conta cun escudo.