* Agresión a unha mámoa en Oza-Cesuras

No mes de abril do pasado 2016, o compañeiro Luis S. Seoane máis eu denunciamos ante o Servizo do Patrimonio Cultural na Coruña a agresión a dúas mámoas da necrópole megalítica dos Montes do Gato, na parroquia de Rodeiro, no concello de Oza-Cesuras, onde hai catalogadas máis dunha vintena de enterramentos datados no Neolítico. A agesión producírase por unha tala de eucaliptos con maquinaria pesada.

 

Despois da denuncia parouse a plantación de eucaliptos prevista en dita parcela pero, transcorrido ano e medio, a semana pasada comprobamos que unha daquelas mámoas (catalogada por Patrimonio co código GA15603044) fora violentada de novo con maquinaria pesada ao acondicionar o terreo para unha nova plantación, producíndolle gravísimas alteracións.

O día 9 de novembro de 2017 presentamos polo Rexistro Xeral da Xunta de Galicia unha nova denuncia ante o Servizo do Patrimonio Cultural na Coruña para que, dunha vez por todas, se tomen medidas urxentes para parar a desfeita e, a un tempo, se abra un expediente sancionador contra os responsables destes atentados contra o patrimonio.

 

Está máis que claro que aquí non cabe alegar descoñecemento, si premeditación, quen ordenou actuar sobre a mámoa era consciente do que había. Lamentablemente, xa nada se pode facer por este importantísimo ben patrimonial, pero a Administración debe actuar de forma inmediata e con contundencia, e así llo requirimos, contra o responsable ou os responsables dos atentados e, de ser o caso, de quen os permitiron. Con independencia das responsabilidades penais que puideran derivarse, a Xunta de Galicia, despois de comprobar os danos, debe aplicar o procedemento sancionador previsto na vixente Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, considerando isto como unha falta moi grave que conlevaría unha forte sanción.