XACEMENTOS PALEOLÍTICOS DE GALIZA/GALICIA

Que a investigación arqueolóxica en Galiza se centrara no Megalitismo, nos petroglifos e nos castros arredou a un segundo plano o apaixoante período do Paleolítico. O primeiro que se interesou por este período foi Villaamil y Castro quen, na súa Antigüedades Prehistóricas y Célticas de Galicia (1873), xa defendía a presenza do home paleolítico nas covas galegas pero que apenas tivo eco entre os seus coetáneos xa que falar disto tocaba o tema da evolución do home, cuestión espiñenta naquela época. Villaamil escava as covas da Furada dos Cas e do Rei Cintolo, ambas as dúas en Mondoñedo. Logo, a investigación queda no esquecemento ata o ano 1922, cando Hugo Obermaier visitou Galiza para recoller datos nos que apoiarse coa finalidade de dar un ciclo de conferencias sobre a Prehistoria na Universidade de Santiago, logo publicadas no Boletín da Comisión de Monumentos de Ourense, onde predice que o home paleolítico viviu en Galiza durante os glaciais e interglaciais e que, debido á escaseza de covas, instalouse en campamentos ao aire libre, nas ourelas dos ríos, nos areais costeiros, etc. O dito por Obermaier quedou confirmado no ano 1925, cando os descubrimentos, por dous xesuítas, dos materiais de Camposancos (A Guarda), ano considerado polos investigadores como a data de inicio do Paleolítico galego. No 1949, Álvarez Blázquez e Bouza Brey dan a coñecer un estudo sobre uns achados paleolíticos na comarca de Tui. Na segunda metade do século XX realízanse varias intervencións na Piteira, Pazos e A Chaira, configurando outro foco da investigación no Noroeste. Pero será a partir dos anos sesenta cando encomencen os traballos que permitirán achegarse ao coñecemento do Cuaternario e do Paleolítico. Dende que o paleontólogo Emiliano Aguirre, xunto con Desmond Collins e Karl W. Butzer escavaran nas Gándaras de Budiño no ano 1963 (supuxo a primeira escavación moderna), en Galiza saíron á luz máis de 250 xacementos duns homínidos que utilizaban as vías naturais das cuncas fluviais e valgadas, sendeiros abertos por mandas de rinocerontes, uros, elefantes, cervos, etc. aos que seguían para alimentarse, utilizando como refuxio as covas e outro tipo de acubillos. Fauna, por moi incrible que nos pareza, formaba parte da paixase do país e que, por mor das glaciacións e os cambios climáticos, desapareceu de Europa. No ano 1970, o Instituto de Estudos Galegos P. Sarmiento organizou unha exposición en Santiago en homenaxe a Federeico Maciñeira, coa exposición de útiles paleolíticos aparecidos na provincia de Lugo, descubertos por José Ramil Soneira en xácigos de Muras, Vilalba e Xermade que, por fin, abriu o coñecemento do Plistoceno de Galicia. Non queremos pasar por alto o enorme labor realizado polos grupos espeleolóxicos galegos a partires dos anos oitenta (Club de Montañeros Celtas, Pena Trevinca, G.E. Vagalumes, G.E.S Ártabros, Grupo Maúxo, G.E.S. Irmandiños, etc.) que é cando se vai intensificar a investigación co levantamento de mapas topográficos que porán de manifesto a importancia paleontolóxica e arqueolóxica dos sistemas cársticos do oriente galego, principalmente da Serra do Courel, Serra da Enciña da Lastra e parte dos Ancares. A información dispoñible sobre o Paleolítico galego está baseada en gran parte nos xacementos e dispersións ao aire libre, mais existe unha zona de especial interese: a zona calcaria galega onde se localizan os complexos cársticos de maior entidade arqueo-paleontolóxica: Cova do Rei Cintolo (Mondoñedo), Cova de Eirós (Triacastela), Valdavara, da Venta e Furco (Becerreá), Pedrafita-O Courel con numerosas cavidades que achegaron restos paleontolóxicos, e a zona de covas da Enciña da Lastra (Rubiá de Valdeorras) onde destaca o xacemento de Pala da Vella. Sinala De Lombera Hermida que só en casos de espazos xeográficos concretos podemos atopar un bo marco de estudo, caso das terrazas fluviais de Monforte de Lemos. 
Hoxe en día xa non é unha quimera o asegurar que a ocupación paleolítica en Galiza é comparable á do resto da Península. 

ACLARACIÓN: Inclúo achádegos pertencentes ao Mesolítico/Epipaleolítico, período prehistórico que separa o Paleolítico do Neolítico, cuxa duración se sitúa entre o 8000 e o 4000 a.C., se ben a súa cronoloxía é variable e imprecisa.

PALEOLÍTICO DA PROVINCIA DA CORUÑA

ARTEIXO
O Reiro: Depósito litoral do Paleolítico Superior asentado sobre unha duna fósil situado preto da praia de Barrañán. Coa pasividade das administracións públicas, foi obxecto da extracción de áridos dende o 1968. Os primeiros achados débense a J. Ramil Soneira que atopou lascas de diorita traballadas (rocha de orixe volcánica), burís, raspadores, perforadores, microlitos xeométricos, toscos testos cerámicos e restos orgánicos de cervos, xabaríns, aves ou vértebras de peixes.  
A Rocheira: Lasca atopada por Luis Monteagudo.
 

 

CARBALLO
Útiles líticos atopados entre Razo (Carballo) e Baldaio (Tordoia).  
Noicela: Bifaces do período acheulense.

CARIÑO
O Chao do Limo (serra da Capelada): Adscrito ao Paleolítico Superior, foi descuberto cando a apertura dun cortalumes, nunha penichaira situada a 400 metros de altitude entre os montes do Limo e os cantís. Documentouse un elevado volume de sílex e cuarcita: lascas, núcleos enteiros e fragmentados, pezas retocadas, escotaduras, etc.
 

CARNOTA
O Instituto de Xeoloxía da Universidade da Coruña, coa axuda do clube espeleolóxico Maúxo de Vigo, están a investigar unha serie de xacementos do Mesolítico na ría de Vigo, no monte do Pindo, na serra do Barbanza e en Valença do Minho (Portugal). Algúns dos materiais atopados teñen unha antigüidade de 9.000 anos. 

CORISTANCO
A Braña Rubia (Lagoa de Alcaián-Campelo-Seavia): Atopáronse útiles líticos do Paleolítico Inferior, entre eles un biface de cuarzo.
 

CURTIS
Maques de Abaixo (Santalla de Curtis): Apareceron pezas líticas talladas do Paleolítico Medio e Superior. 

FENE
Maniños: Xacemento litoral descuberto no ano 1977. Atopáronse raedeiras, raspadores, burís, follas, lascas e núcleos. Encadrado no Musteriense. 

FERROL
Praia de Ponzos: No mes de agos do ano 2009, as mareas deixaron ao descuberto os restos fósiles dun bosque carbonizado. As investigación determinaron que pode ter unha antigüidade duns 6.000 anos. Segundo achegaron os investigadores do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural da Universidade de Santiago e do Instituto Universitario de Xeoloxía da Coruña confirmaron a teoría que xa viña defendendo Vidal Romaní. A costa atopábase moito máis adiantada que agora, estando situadas as augas do mar entre tres e catro metros por debaixo do actual, sendo o avance das dunas o que provocou o enterramento do bosque, cuxa composición era moi semellante ao arborado actóctono actual (carballos, salgueiros, pinos). Este tipo de restos tamén se atoparon en Seselle (Ares) e en Porta Real (A Coruña). O nivel do mar na costa galega leva subindo de maneira xeneralizada dende hai uns 15.000 anos (nesa época estaba uns quince metros por debaixo do actual), cando os últimos xeos glaciais das montañas galegas remataron por fundirse. Pero este incremento non foi uniforme xa que nos últimos dous millóns e medio de anos subiu e baixou en catorce ocasións; a súa cota máis baixa situouse en 120 metros por debaixo. Pero o seu avance é inexorable polo que, como apunta Vidal Romaní, que resulta insólito que se gasten millóns de euros en paseos marítimos á beira do mar cando acabarán por destruírse.
 

MELIDE
Xacementos do Agro da Nogueira e Folladela. 

MUGARDOS
Útiles líticos en O Seixo. 
 

OROSO
Terrazos do Tambre (Oroso): Apareceu unha raedeira, un núcleo poligonal de cuarzo e unha lasca, tamén de cuarzo
 

ORTIGUEIRA
Serra da Capelada: Útiles líticos. 

PADERNE
Monte Castelo (Adragonte): Nas inmediacións do Monte Castelo atopouse material lítico de seixo que podería datarse entre o Acheulense e o Paleolítico Superior. 

PONTECESO
San Martiño (Cores): Puñal e machado líticos na igrexa de San Martiño. 

A POBRA DO CARAMIÑAL
Parque eólico do Barbanza (A Pobra do Caramiñal e Porto do Son): Nos traballos de Estudo do Impacto Arqueolóxico documentouse a existencia dun xacemento adscrito ao Paleolítico Superior Final ou Epipaleolítico, evidenciado pola existencia de material lítico tallado en superficie. 

PORTO DO SON
Cova do Fonforrón: Situada na praia do Fonforrón. Dos posibles achados de útiles paleolíticos non existe máis referencia ca oral. Ao parecer tamén apareceron algunhas lascas na praia de Camaño.
 

SOBRADO DOS MONXES
Pena Moura: Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz Rodríguez, do Museo da Terra de Melide, dinme que se ben é certo que adoita situarse no concello de Toques porque a aldea máis próxima é A Moruxosa, en realidade atópase no concello de Sobrado dos Monxes, na divisoria de ambos os dous municipios. Trátase dun enorme bolo granítico  de once metros de altura, de forma ovoide, asentado sobre un encame erosionado de gneis, a modo de niño. Aínda que a forma é natural, presenta un abondoso folclore asociado aos mouros (sitúase na área megalítica do Forno dos Mouros onde se contabilizan unha decena de mámoas, salientando a anta do Forno dos Mouros, en Toques). Dise que a pena tróuxoa unha vella moura enriba da cabeza. Tamén pronostica a chegada do inverno. Na súa cara sur sitúanse outras dúas grandes penas encabalgadas que constitúen un abrigo natural, onde puido haber un hábitat do Paleolítico Superior. 
 
AS SOMOZAS
Parque Eólico de Marbán: Nos traballos de Estudo do Impacto Arqueolóxico documentouse a existencia de material lítico tallado, formado por pezas de cuarzo e cuarcita de cronoloxía indeterminada. 

TOQUES
Pena Camposa: Obxecto dunha intervención arqueolóxica a finais dos anos oitenta, constatándose o seu uso como hábitat do Paleolítico Superior, recuperándose diverso material lítico. 
Pena do Pé (A Capela): A partir do ano 1987 ponse en marcha o proxecto de prospección da serra do Bocelo e val do Río Furelos, área pertencente aos concellos de Melide, Toques e Sobrado dos Monxes. O proxecto está dirixido por F. Criado e cuxos resultados foron publicados por Criado Boado e Cerqueiro Landín entre 1989 e 1991. Polo tipo de útiles e a técnica de talle, Pena do Pé, escavada por D. Cerqueiro, pode situarse nas etapas medias do Epipaleolítico.  
Xacementos paleolíticos de Chousa de Arriba (Brañas); Abucide, Braña de Río Ameneiros, Pena Camposa, Pena dos Raposos e Tras os Penedos (Capela); Abrigo de Castro de Lobos e Eirexe (Paradela).  
A Pena Moura: Aínda que adoita situarse no concello de Toques, segundo información achegada por Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz Rodríguez, do Museo da Terra de Melide, atópase no de Sobra dos Monxes (Ver Sobrado dos Monxes).
 

TORDOIA
Útiles líticos atopados entre Razo (Carballo) e Baldaio (Tordoia).

PALEOLÍTICO DA PROVINCIA DE LUGO

ABADÍN
Campo do Fiouco (Montouto): Asentamento ao aire libre con cinco conxuntos de materiais. 
O Xestido-O Catadoiro: Na parroquia de Labrada. A súa ocupación dátase no ano 6.200 a.C. É un xácigo ao aire libre que se desenvolve nun pequeno outeiro na apertura dun val dentro da Serra do Xistral. O coñecido como Xestido III foi obxecto dunha intervención de urxencia dirixida por José Ramil no ano 1986 por resultar afectado pola extracción de grava.
Arnela: Xacemento do Paleolítico Superior.  
O Curro Vello: Na zona detectáronse once xacementos atribuídos ao Paleolítico Superior e ao Epipaleolítico, catro ao aire libre e o resto en abrigos rochosos.  
Pena Montrol: Xacemento con pezas do Paleolítico Superior e o Epipaleolítico. Hai anos, a principios do 2000, a Dirección Xeral do Patrimonio denegou a instalación de aeroxeneradores.  
Parque eólico do Cadramón (Abadín, Alfoz e O Valadouro): Nos traballos de Estudo do Impacto Arqueolóxico documentouse material adscrito ao Paleolítico. 
Parque eólico de Montemaior: Nos traballos de Impacto Arqueolóxico, na zona de afección atopouse un abrigo Epipaleolítico, vinte e cinco posibles abrigos e conxuntos de materiais en seis zonas arqueolóxicas potenciais.  
Pena Vella (Currovedo-Labrada): Abrigo do Epipaleolítco.  
Valdeinferno (Labrada): Dous xacementos do Paleolítico Superior que foron estudados por José Ramil Soneira, María Luisa Pérez Rodríguez, Eduardo Ramil e José César Llana. 
 

ALFOZ
Parque eólico do Cadramón (Abadín, Alfoz e O Valadouro): Nos traballos de Estudo do Impacto Arqueolóxico documentouse material adscrito ao Paleolítico. 

BARREIROS
Apareceron algún útiles do Paleolítico na parroquia de Benquerencia. 

BECERREÁ
Cova de Valdavara I e II: Descuberta a finais dos anos cincoenta do pasado século por don Carmelo Alonso, veciño de Becerreá. O achádego non foi coñecido publicamente ata que a filla, Susana Alonso, estudante da Universitat Rovira i Virgili de Tarragona, mostrou os materiais atopados polo seu pai a Eudald Carbonell, profesor da universidade e codirector das escavacións de Atapuerca. No ano 2007 encomezaron os traballos arqueolóxicos. Apareceron ferramentas, datadas no Paleolítico Superior, de óso, pedra, puntas de proxectís de asta de cervo e doas realizadas sobre cunchas de Dentalium (un molusco de orixe mariña) que serían parte dun colar ou outro tipo de adorno. Outros restos apuntan ao Pelistoceno (antes da última glaciación) e ao Holoceno que coincide coas derradeiras sociedades de cazadores-recolectores. Tamén se atoparon útiles do Mesolítico e, nunha fenda próxima á cova, apareceron restos de tres nenos dun período moi posterior, cara o 1500 da nosa Era. Nas escavacións realizadas no ano 2010 atoparon artefactos do Mesolítico que pertencen a un tipo moi concreto de industria lítica da que ata o de agora non se coñecían mostras en Galiza. Corresponden ao que se coñece como Mesolítico macrolítico, unha técnica que se caracteriza pola fabricación de pezas de notable tamaño con tallas menos complexas ca as utilizadas no Paleolítico Superior. Se neste período usaban o sílex, que tiñan que buscar moi lonxe do asentamento, no caso do Mesolítico empregaban o cuarzo, un material abondoso na contorna da cova.
Valdavara III: No xacemento da canteira da empresa Campesa, preto de Valdavara, puxeron ao descuberto fósiles de fauna e pezas do Paleolítico que se suman aos materiais atopados con anterioridade. Xa se identificaron un dente de rinoceronte, a queixada dun bóvido e unha vértebra doutro animal de gran tamaño, posiblemente un herbívoro. Os fósiles corresponden a un período comprendido entre finais do Pleistoceno Medio e comezos do Pelistoceno Superior, cunha antigüidade que pode oscilar entre 100.000 e 200.000 anos; de feito, os investigadores conseguiron asignar unha idade concreta ao depósito de fauna descuberto no ano 2009, as datacións radiométricas determinan que o nivel máis recente do xacigo ten unha 103.000 anos. O xacemento foi descuberto cando unha voadura con dinamita o que, se ben propiciou sacar á luz os achados, tamén destruíu parte da gruta.
Na campaña do ano 2012, os arqueólogos atoparon, entre outros materiais, un óso, posiblemente de paxaro, gravado con incisións con múltiplos de sete para medir as fases da lúa, datado no Magdalenense (18000-8000 a.C.). Tamén un dente humano (foi dado a coñecer en xullo de 2013) duns 17.000 anos de antigüidade o que o converte no fósil humano máis antigo atopado en Galiza, pertencente a un individuo duns dez anos de idade e que sería uns sete mil anos máis antigo que os restos humanos aparecidos na Serra do Courel, datados en torno ao 10.000 antes de Cristo. 
Cova dos Penedos (Furco): Cóntase cunha referencia de Vázquez Seijas do ano 1943 onde informa do achado de varios restos humanos, así como fragmentos de asta e unha peza lítica. Desta cova tamén procede un puñal de antenas de bronce. A colección ósea foi doada ao Museo de Lugo por Camilo Alonso Fernández e Pedro López Ars, se ben non existen referencias no rexistro relativas ao momento do depósito. A mostra inclúe un incisivo dun pequeno mamífero que non resulta identificable a nivel de especie. Polo de agora descoñécense a que época pertencen os restos humanos e animais. 
Cova de Saballeiros: Atopáronse varios restos óseos recollidos por integrantes da Sección de Espeleoloxía do Clube Ancares na primeira metade dos anos setenta do pasado século, doados ao Museo de Lugo no ano 1975 por Antonio Moreira Cons, rexistrándose cos números de orde 8141 a 8146: "Dos cráneos cornudos de animales desconocidos, cuatro huesos, dos fémures, una vértebra y mandíbulas". Ao parecer son restos de animais e humanos. Os primeiros parecen ser deposicións relativamente recentes xa que nalgún caso aínda conservaban restos de tecidos. Mais antigos semellan os restos humanos, presentando ambos fémures adherencia calcárias na superficie ósea. Non consta que exista unha relación directa entre os ósos animais e humanos.
Aínda que o Concello de Becerreá xa anunciou hai anos a súa intención de adquirir un edificio (coa axuda da Deputación Provincial) para convertelo en museo e expoñer as pezas, pasa o tempo e nada se ten avanzado. A proposta da creación dun museo que acollera os achados da comarca foi proposto polo grupo municipal do BNG no ano 2011, contando co apoio de toda a corporación municipal. Ao día de hoxe, e xa celebradas as novas eleccións locais do 2015, o acordo da corporación continúa sen cumprirse.



 

 

 

BÓVEDA
A Áspera (Ribas Pequenas): Depósito localizado na vertente sur da Serra de San Roque. Apareceron laminiñas de cuarcita. Como acontece con outros de Monforte, trátase dun xacemento excepcional por atopárense restos das tres etapas nas que se divide o Paleolítico. Malia todo presentan certos problemas xa que no lugar onde apareceron non semella ser o mesmo en que os seus fabricantes os abandonaron por última vez. Pode tratarse do que se coñece como coluvio, un depósito creado por un arrastre violento de terras producido polas choivas, riadas, etc. Malia o anterior, no sector nororiental da Depresión de Lemos, coñecido como Somoza Maior de Lemos recuperáronse varios artefactos de cuarcita moi pouco alterados o que podería indicar que os obxectos non deben de atoparse moi lonxe do xacemento orixinal.
 

CASTROVERDE
Cova da Valiña (Monte da Croa-A Valiña-Montecubeiro): Descuberta casualmente no 1962 durante os traballos de extracción de pedra calcaria nunha finca de don Dario Trasorras, veciño de Bolaño. Entre os cascallos apareceron ósos, fragmentos de estalactitas e estalagmitas, astas, punsón de óso puídos, etc. Foi dada a coñecer por Vázquez Seijas no ano 1965 identificando os achádegos do Paleolítico Superior. Os veciños de Bolaño contáronlle a Vázquez Seijas que corenta anos antes atoparan dentro da cova un esqueleto humano completo e outro dun animal descoñecido. As primeiras escavacións realizáronse no ano 1987, baixo a dirección de César Llana e María Xosé Soto, recuperádose restos de ósos e industria lítica sobre cuarzos, xistos e calizas e, en menor medida, de sílex: burís, raedeiras, denticulados, raspadores, puntas, perforadores e coitelos de dorso. Supónselle unha ocupación humana durante o Interestadial Würmiense, polas condicións ambientais que se deducen polo estudo sedimentolóxico e polínico nos arredores da cova, unha paixase dominada por bidueiros, carballos e piñeiros. Os restos óseos aparecidos pertencen a unha fauna propia de climas temperados e húmidos (rinoceronte de Merck, xabarín, corzo) xunto con osos, lobos, cabalos, bisontes..., encadrados na época de transición entre o Paleolítico Medio e o Paleolítico Superior. Téñense evidencias claras de cubil de carnívoros, con ósos parcialmente dixeridos, roídos e marcas de mordeduras, xunto a descuberta de restos de Crocuta Crocuta. A análise dalgúns materiais permitiu identificar ferramentas que foron utilizadas para catro funcións diferentes e en cuxa fabricación se empregaron distintas estratexias propias do Paleolítico Medio; unha datación realizada coa técnica da termoluminiscencia indicou que estes materiais terían unha antigüidade duns 84.000 anos. 
 

 

 

CERVO
Pedroso: Nunha terraza fluvial do río Cobo, membros da asociación Mariña Patrimonio atoparon varios útiles líticos (raedeiras, fendedores, bifaces); unha das pezas está exposta no Museo do Mar de San Cibrao. 
Do Paleolítico inferior saíron á luz varios útiles no Guiuncho, A Senra, Trasbar e Viladesuso.
 

FOLGOSO DO COUREL
Cova de Arcoia: Apareceron restos óseos.  
Cova de Ceza: Na parroquia de Noceda. Con 840 metros de progresión, fundamentalmente horizontal, forma parte das de maior desenvolvemento de Galiza. No ano 1996 localizouse un importante xacemento de oso cavernario e cervo de máis de 40.000 anos de antigüidade (vértebras, costelas, tibias, fémures, fragmentos de dentaduras...). 
Cova do Eixe: A finais dos anos setenta e principios dos oitenta do pasado século atopáronse varios restos óseos de cérvidos, ovicápridos e úrsidos. Tamén se inclúen especies silvestres. Os restos de cérvido, representativos dun exemplar de talla máis pequena que o cervo do Plistoceno, indican unha deposición Holocena, xa que esta especie como o oso pardo mantivéronse presentes nas montañas do Courel ata datas ben recentes. Os restos consérvanse no Museo de Lugo.   
Cova de Mostaz (Esperante): Vázquez Seijas, no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo (1969-1970) di que un veciño de Mostaz lle contou que no lugar existía unha cova, coñecida como Cova de Mostaz, na que había debuxos de porcos no teito da mesma. Supoño que se refire á cova á Cova de Tras da Lastra ou Tras da Pala con estalagmitas e estalactitas e onde se lecalizaron restos de oso das cavernas (Ursus spelaeus); hai algúns anos uns desaprensivos arrincáronlle varias formacións calcárias. Na mesma aldea tamén lle falaron doutra cova coñecida como do Cova do Convento 
Cova do Uro ou do Oso: As primeiras informacións facilitoullas don José Novoa Fernández, no 1969, a Vázquez Seijas cando tres mozos lle amosaron tres anacos dun recipiente cerámico. No ano 2010, investigadores do Instituto de Xeoloxía Isidro Parga Pondal da Universidade da Coruña, coa colaboración do clube espeleolóxico Maúxo de Vigo, descubriron restos humanos e de uro nunha sima da serra do Courel, cunha antigüidade que vai dende os 8.000 aos 10.000 anos; algúns fósiles xa foran descubertos por membros do grupo espeleolóxico Brigantium. Segundo o Instituto Universitario de Xeoloxía da Coruña, os fósiles humanos teñen entre 8.000 e 9.000 anos de antigüidade, presentando unha combinación de xenes dunha variedade que ata o de agora non se rexistrara na Península Ibérica. O Uro bos (Taurus primigenius) era máis grande e robusto que os touros actuais, cunha altura de ata dous metros; estaba adaptado a diferentes ecosistemas, dende bosques ata chairas; hai uns 700-800 mil anos xa vivía na península Ibérica; o derradeiro exemplar coñecido morreu en Polonia no 1627. As últimas análises practicadas aos restos humanos atopados no ano 2010 (dadas a coñecer no mes de abril de 2015) amosan a singularidade de que pertencen a unha muller do Mesolítico; as análises tamén evidencian a coincidencia cronolóxica da muller e dos uros e que tanto unha como a outra non eran naturais desta área xeográfica.  
Cova do Xato (Noceda): As primeiras escavacións realizáronse no ano 2002, promovidas pola Universidade de Santiago. Ademais de fragmentos de óso e un dente de animais, atopouse a primeira pegada humana do Paleolítico na Serra do Courel consistente nunha raspadura realizada sobre un óso de animal por unha persoa que visitou a cova, posiblemente para alimentarse.


 

 

 

FOZ
Na praia de Arealonga apareceron algúns útiles do Paleolítico.  
Nois: Nesta parroquia atopáronse algunhas pezas.  
A Pampillosa: Útiles do Paleolítico Inferior. 
 

GUITIRIZ
Pena de Xiboi (A Ruxida-Tolda-Santo Estevo de Parga): A primeira sondaxe realizouna M.A. López Felpeto no ano 1990. O xacemento foi escavado por M. Anxo López Felpeto, C. Llana e R. Villar no 1994. As intervencións realizadas no 1991 determinaron a presenza dun grupo de cazadores-recolectores do Mesolítico azilense de inicios do Epipaleolítco. No ano 1994 autorízase unha escavación de urxencia debido ao perigo que corre por atoparse nas inmediacións dunha canteira. Recuperáronse máis de tres mil pezas elaboradas nunha gran cantidade de materiais (raspadores, perforadores, burís, etc.).
 

O INCIO
Buxán (O Viso): O único fósil de mamut descuberto ata o de agora en Galiza foi atopado fortuitamente nunha canteira preto da aldea de Buxán, o día 2 de maio de 1961, cando os traballadores dunha explotación extraían rocha calcaria. A pesares do excepcional do achádego, no lugar endexamais se levou a cabo unha escavación polo que se descoñece se pode albergar máis restos. Segundo os veciños, ademais apareceran algúns outros ósos aos que se lles perdeu o rastro. Avisado polo capataz da canteira, Ramón Pedreño, o xeólogo Isidro Pardo Pondal estudounos, como igual fixeron o xeólogo Uxío Torre Enciso e o paleontólogo Emiliano Aguirre. Todos determinaron de que se trataban dos restos dun mamut lanudo. Os ósos foron cedidos ao Museo de Historia Natural Luis Iglesias da Universidade de Santiago, que continúa a custodialos na actualidade O Mamut laúdo (Mammuthus primigenius ou Elephas primigenius) estaba adaptado ás baixas temperaturas; tiña un pelo laúdo de ata 90 cm de longo, unha grosa capa de graxa illante e unha redución dos pavillóns auditivos; o seu tamaño era semellante ao actual; os restos máis antigos data de hai 50.000 anos; desapareceu de Europa hai 100.000 anos, e das illas do norte de Rusia hai pouco máis de 4.000 anos.
 

MONDOÑEDO
Cova do Rei Cintolo (Argomoso): O primeiro en dar a coñecer esta cova foi Villa-Amil y Castro a finais do século XIX. Amor Meilán dedícalle varias páxinas na súa Historia de la provincia de Lugo, onde recolle algunhas curiosas opinións acerca do nome. Benito Vicetto afirmaba que o rei Cintolo non outro que o suevo Hermengario, que veu, nun acceso de loucura, a pecharse na cova á que lle deu o seu nome. O citado Villa-Amil di que pola semellanza do nome de Cintolo podería referise ao rei Suintila que gobernou entre os anos 621 e 631, lembrando que Rui Vázquez, na súa Historia de Iria, chama a este monarca Cintollo e Cintolla. Costa, na relación de nomes persoais anteriores á dominación romana, asegura que Ancetolo significaba en tempos antigos "o liberal". Murguía lembra que recibe o nome de Rei Cintolo porque se correspondería a unha lonxana tradición, logo esquecida, que se referiría ao gardián da cova. Estas e outras lendas deben proceder da Idade Media, ao mesmo ciclo en que mámoas, covas, castros, etc. se encheron de mouros e de mouras. Nesta cova, a de maior percorrido de Galicia (ata o momento foron explorados máis de seis quilómetros de galerías) prodúcese a primeira intervención arqueolóxica galega avanzada no ano 1954. No ano 1971 apareceron restos óseos do Paleolítico Superior. De época posterior atopouse unha fusaiola e outros fragmentos. Nos anos 1989  1990, Soto Barreiro dirixiu unhas sondaxes en diversas cavidades do entorno da cova do Rei Cintolo onde, se ben nalgúns casos os resultados foron negativos, na Cova Senar e nos vestíbulos das Furadas (Marianeta I, II e IV) a secuencia estratigráfica amosou a existencia de tes niveis, un deles cun nivel de ocupación intacto con industrias líticas en seixo asimilables ás que se atoparon na Valiña, no concello de Castroverde.   
Cova dos Ladróns (Masma): Como as outras covas de Mondoñedo, esta xa é citada por Villaamil y Castro en Antigüedades prehistóricas y célticas de Galicia (1873).   
Furada dos Cans (Ogrobe-Vilamor): Cova situada no monte Serrapio (Gillade-Vilamor). Apareceron machados, prismas e ósos de animais; tamén anacos de pezas de bronce. O primeiro estudo realizouno, tamén, Villa-Amil y Castro quen xa utilizou unha metodoloxía arqueolóxica baseada en técnicas de escavación como a estratigrafía; o investigador xa fala de algo que hoxe en día é de abondo coñecido: o carrexo diferencial, é dicir, o transporte selectivo ao seu hábitat de partes seleccionadas dun animal que foi cazado. Atopou útiles líticos e restos óseos.


 

MONFORTE DE LEMOS
Os traballos, coordinados pola Universidade de Santiago, comezaron no ano 2006. Atopáronse útilles líticos de seixo, cuarcita, cuarzo, cristal de rocha e sílex en varios puntos co municipio: O Campo, A Chavarega, A Cinsa (Baamorto), O Bao (Bascós), O Bao, Caneda, A Fonte, O Sobrado (Caneda), As Barrioncas, Catro Camiños, As Lamas, Porto de Lobos, Riaño (O Chao de Fabeiro), O Salgueiro (Chavaga), A Chá, O Lagar, As Pereiras, Valdourense (Guillade), Salgueiros (Marcelle), O Casar, Castelo Grande, A Chacinera, A Viña Vella (Monforte), Montes (O Monte), Chao de Vilar, Moreda (Moreda), O Mato, As Pedras (As Nocedas), Remuín (A Parte), O Rosal (A Penela), Cazón (Reigada), Agra do Freixo, O Barrio, O Regueiral, A Riba (Ribas Altas), Mourelos, As Pontes (Reigada), Martín, Rego do Sapo (Seoane), Susao (Sindrán), Outeiriño, Penelo de San Roque, Os Ramos (Valverde), A Folgueira (A Vide)...  No caso do asentamento de Valverde recuperáronse máis dun milleiro de útiles de pequeno tamaño, moitos deles tallados mediante unha técnica sofisticada. Na Chan das Lamas documentáronse dúas dispersións cunha importante concentración de materiais. Os obxectos líticos do Chao do Fabeiro correspóndense con achados illados e dispersión dos materiais ao longo da parroquia. O Regueiral ten a súa importancia porque é o único sitio onde se atopa industria en posición estratigráfica. Segundo información recollida de Enrique J. Alcorta e María Ofelia Carnero do Departamento de Arqueoloxía e Historia do Museo Provincial de Lugo, no castro de Babela atopáronse, de forma casual, materiais paleolíticos. O de Valverde pode ser o primeiro xacemento Solutrense descuberto en Galiza, resulta de especial interese para reconstruír a historia climática do Noroeste peninsular.
Os primeiros achados datan do ano 2000, en que o veciño de Monforte, José Antonio Peña Alonso, atopou unha serie de artefactos do Paleolítico polos que a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia non amosou ningún interese. Logo de moito loitar conseguiu que o Departamento de Arqueoloxía da Universidade de Santiago non só iniciara os traballos, senón que lles dera continuidade, demostrando que a Depresión de Monforte é unha das principais áreas sedimentarias do interior de Galicia con varios aportes terciarios e pleistocenos.
Aínda que os materiais acheulenses son os máis numerosos, tamén apareceron obxectos que pola súa morfoloxía semellan fabricados no Paleolítico Medio e Superior. Os traballos levados a cabo na Depresión de Monforte encádranse dentro do proxecto "Ocupacións humanas durante o Pleistoceno na cunca Media do Miño", levado a cabo pola Universidade de Santiago e a Universitat Rovira i Virgili de Tarragona coa finalidade de estudar o poboamento paleolítico e a súa evolución no interior de Galiza, que podería remontarse ao Pleistoceno Inferior.


 

MURAS
Abrigo de Vidal ou Abrigo do Inferno (Prado do Inferno): Descuberto por José Ramil Soneira, director do Museo Arqueolóxico de Vilalba, no ano 1971. A principios dos anos noventa realízase uinha intervención arqueolóxica debido ao perigo que representaba unha fábrica (o abrigo atópase dentro das instalacións). Apareceron útiles de cuarzo, sílex e cristal de rocha, entre outros, raspadores, burís, perforadores, laminiñas e puntas. Amosa unha ocupación que vai dende o Madalenense ata a Guerra Civil.  
Coto Redondo (Viveiró): Catro xacementos pertencentes ao Paleolítico Superior. 
Parque eólico de Curuxeiras: Entre Muras e Ourol. Na zona de afección localizáronse catro explotacións de recursos do Paleolítico Superior cun conxunto de materiais cada unha. Parque Eólico do Nordés: Nos traballos de Estudo do Impacto Arqueolóxico documentouse a existencia dun xacemento adscrito ao Paleolítico.  
Parque eólico de Soán (Muras e O Valadouro): Nos traballos de Estudo do Impacto Arqueolóxico documentouse a existencia dun xacemento adscrito ao Paleolítico Final.
Parque eólico de Pedra Chantada: Nos traballos de Estudo do Impacto Arqueolóxico documentouse a existencia dun xacemento adscrito ao Paleolítico. 
Parque eólico de Álabe-Ventoada: Nos traballos de Estudo do Impacto Arqueolóxico documentouse a existencia dun xacemento adscrito ao Paleolítico Superior.

 

OUROL
O Xestido (Miñotos): Xacemento do Mesolítico con industria microlítica laminar e microlitos xeométricos. 

OUTEIRO DE REI
Silvarrei: Biface acheulense.
 

PEDRAFITA DO CEBREIRO 
Simas de Liñares: Restos de cérvidos en simas que puideron actuar como trampa natural aproveitadas polos homínidos.  
Cova do Purruñal (Liñares): Apareceron restos fósiles de xabarín (Sus scrota), corzos (Capreolus capreolus), cervos (Cervus elaphus), oso pardo (Ursus arctos) e bisonte estepario (Bison priscus). Dos fósiles de cervos achouse o maior xacemento coñecido ata o de agora, con 739 pezas. 
Cova de Valdabraira: Coñecida tamén como do Penedo. Atópase nas proximidades de Veiga de Forcas. As primeiras exploracións e topografía son do ano 1980 onde xa se deixa constancia da existencia de restos paleontolóxicos. No ano 1997, varios grupos de espeleoloxía acometen unha campaña de traballos achegando nova información. No ano 2005, dentro das actividades do XXXIII Campamento Galego de Espeleoloxía, o GES M. Celtas, o GES Irmandiños, e CE Cavorcos levantan unha nova topografía da cova obtendo un desenvolvemento total de 158 metros e un desnivel de -50 metros. No ano 2010, o Espeleo Club de Descenso de Cañones da Coruña localizan ósos humanos de hai uns 10.000 anos (o cranio dun neno de entre 7 e 10 anos), restos de uro e oso das cavernas. Os restos paleontolóxicos atopados parecen corresponderse cun momento do Plistoceno Superior e Holoceno, cun rexistro no que domina a presenza de úrsidos (ursus spelaeus e ursus arctos) e cérvidos (cervus elaphus), así como équidos, súidos e bóvidos.
 

 

 

 

POL
Cova de Praducelos: No Museo Xeolóxico de Quiroga custódiante restos de bisonte estepario (Bison priscus) atopados nesta cova. Este animal era similar aos actuais bisontes europeos, pero de maior tamaño e con cornos en media lúa e máis longos. Apareceu hai 580.000 anos, e extinguiuse ao final do Pleistoceno. A finais do Paleolítico converteuse nunha peza cobizada, o que se reflicte nas numerosas pinturas rupestres da época. A cova de Praducelos é coñecida no campo da Paleontoloxía, ademais, polos restos de équidos e grandes bóvidos estudados por Alberdi (1985), de súido e de cérvidos. Os restos paleontolóxicos atopados parecen corresponderse cun momento do Plistoceno Superior e Holoceno, cun rexistro no que domina a presenza de úrsidos (ursus spelaeus e ursus arctos) e cérvidos (cervus elaphus), así como équidos, súidos e bóvidos. Os restos que se conservan foron doados ao Museo de Lugo no ano 1949 por José Díaz Candal.
 

 

QUIROGA
Cova do Oso (Pacios da Serra): Restos cerámicos de datación incerta, que poden pertencer ao Calcolítico, entre 5500 e 3700 anos.  
A Gándara Chá (A Ermida): Preto da confluenza dos ríos Ferreiriño e Quiroga. No ano 2003, por mor da reforma da estrada Quiroga a Folgoso do Courel, atopáronse nove artefactos líticos, dous deles en superficie. No ano 2007 saíron á luz preto de medio cento de pezas correspondentes ao Paleolítico Inferior e Medio. Os investigadores do proxecto coordinado pola Universidade de Santiago dende o ano 2006 opinan que o val de Quiroga, debido tanto ás súas características xeográficas como xeolóxicas, pode conservar importantes xacementos paleolíticos. Existe un proxecto para musealizar no municipio as pezas paleolíticas, así como algúns fósiles do Cuaternario atopados en covas da zona.  
Museo xeolóxico e paleontolóxico de Quiroga: Abriu as súas portas o día 2 de decembro de 2011, como centro de interpretación da orixe de Galiza. Dividido en cinco seccións, amosa mostras dos distintos pregamentos e características mineiras, así como da fauna e as primeiras poboacións humanas, tendo en conta que se cre que na área de Quiroga e O Courel está a orixe de Galiza, tanto a nivel tectónico como humano. Dende aquí vaian os nosos parabén pola feliz iniciativa do Concello que contou co apoio do departamento de Prehistoria da Universidade de Santiago, do Instituto Xeolóxico e Mineiro de Compostela e do grupo de desenvolvemento da Ribeira Sacra. 
 

 

 

RIBADEO
Louselas (Vilaselán): Xacemento do Paleolítico Inferior (Acheulense medio). Atópase moi preto da costa cantábrica, nunha plataforma litoral elevada, próxima a cursos de auga e protexido dos ventos do mar. A súa industria lítica está confeccionada en cuarcita, abundando bifaces, fendedores e raedeiras. Os primeiros fragmentos foron recollidos en superficie por José Manuel González e Fernández-Vallés no ano 1971 e estudados por Rodríguez Asensio no 1983. A materia prima utilizada para a fabricación de útiles foron os croios provenientes da marxe esqueda da ría. Os materiais atopados poden encadrarse nun Acheulense antigo medio. O Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba e un particular custodian máis de 500 pezas deste xacemento (núcleos, bifaces, lascas, triedros, raedeiras, fendedores, etc). No mes de abril de 2015, Eduardo Ramil Rego, director do museo, presentou o libro póstumo de seu pai, José Ramil Rego, e del mesmo titulado Louselas (Ribadeo, Lugo): Los inicios del poblamiento humano en la región cantábrica onde propoñen unha antigüidade para Louselas de 450.000 anos (maior do que se pensaba) o que o converte no xácigo máis antigo da área cantábrica e un dos máis importantes do Paleolítico Inferior.
Enseada das Cigoñas: Útiles do Paleolítico Inferior.
 

 

SAMOS
Cova Grande de Santalla de Lóuzara: As únicas noticias sobre o achado de supostos útiles do Paleolítico proporcionoumo un veciño de Santalla a principios dos anos noventa. Trataríase dunha punta de frecha e doutro artefacto non determinado atopados por un "madrileño". Na miña última visita, o aspecto da cova é, cando menos, desolador: muros pintados, e as enormes estalactitas e estalagmitas que a adornaban desapareceron ou están gravemente danadas; segundo me contaron, hai tres ou catro anos mesmo empregaron unha serra mecánica para cortalas.
 

SARRIA
A Lagoa (Betote): Durante as obras da autostrada Nadela-Sarria localizáronse dous xacementos de épocas distintas. Un pertencente ao Calcolítico con varios artefactos líticos tallados e cerámicos e unha estrutura pétrea con fragmentos de ocre e lousas fracturadas. No mesmo entorno había un bolo granítico con cazoletas na súa parte superior, delimitado por un anel lítico e foxas lineais. No segundo, do Paleolítico, atopáronse ferramentas líticas sobre cuarzo, cristal de rocha e algunha de sílex.
 

O SAVIÑAO
Pedras (Vilelos): Paleolítico Inferior. Apareceron lascas e sobras resultantes da fabricación de útiles de pedra e restos de madeira carbonizada. O xacemento, soterrado, abre a posibilidade de efectuar unha datación máis segura ca as realizadas ata o de agora na comarca da Terra de Lemos. A análise estratigráfica do terreo en que se localizaron estes obxectos pode proporcionar datos concretos sobre a idade do asentamento, o que non é posible cando os útiles paleolíticos aparecen na superficie, fóra do seu contexto orixinal.
Diante da falla de espazo no Museo Provincial, o Ecomuseo de Arxeriz ofreceuse para acoller nas súas instalacións as pezas atopadas dende o ano 2006 nos xacementos paleolíticos do Val de Lemos, Triacastela e Becerreá.
 

SOBER
Os Lameiros (Amandi).  
Nabán (Gundivós).  
Viladime (Lobios): No ano 2008, unha excursión organizada polo colectivo de Monforte Os Lactouros atoparon un biface do acheulense no camiño que vai dende Lobios a Viladime.
Vilaescura: Ferramenta lítica atopada no ano 1959 hoxe en día desaparecida.  
As Gandariñas de Arriba (Neiras): Atopáronse quince artefactos en superficie, tallados en cuarcita, cuarzo e sílex.  
Altiño do Castelo (Neiras): Segundo información de La Voz de Galicia do 14 de xaneiro de 2014, a asociación O Colado do Vento vén de dar a coñecer no seu blogue o primeiro achado do Paleolítico no concello de Sober. Foi no ano 2006 cando o arqueólogo Iván Álvarez e outros membros da asociación localizaron unha lasca do Paleolítico Inferior. Con posterioridade arqueólogos do proxecto Ocupacións humanas durante o Pleistoceno da cunca media do Miño localizaron outros quince artefactos nas Gandariñas de Arriba. 
Froxán (Proendos): No ano 2015, Manolo do Cápito de Sante, de O Colado do Vento, atropou un biface de cuarcita do Paleolítico Inferior. 
Monte de Lobios: No ano 2015, Paula Vázquez Verao, de O Colado do Vento, atopou un biface de cuarcita do Paleolítico inferior.

 


TRIACASTELA
Cova de Eirós: No ano 1993 realizouse unha pequena sondaxe (xa fora inspeccionada anos antes na procura de restos de osos das cavernas), poñendo ao descuberto a existencia de niveis do Paleolítico Superior inicial e outros subxacentes do Paleolítico Medio. Con ocupacións dende o Paleolítico Medio, recuperáronse ferramentas da industria musteriense asociadas aos neandertais e restos de fauna, tanto actual coma extinta (osos das cavernas e rinocerontes). Do Paleolítico Superior, xa con pegadas do Homo Sapiens, na campaña de 2009 apareceu un dente dun carnívoro (un raposo) perforado e raspado para ser utilizado como obxecto de adorno, posiblemente un colgante, cunha antigüidade de 26.000 anos. Ao longo das tres tempadas de escavacións saíron á luz máis de 4.000 pezas. Na campaña do ano 2010 atopáronse restos óseos de lince o que supón a primeira evidencia da presenza deste carnívoro no Noroeste peninsular. As últimas datacións dos artefactos atopados confirman unha antigüidade de 118.000 anos. Na campaña de 2011 atopouse unha punta de lanza feita de óso de 12 centímetros; trátase dunha peza do Paleolítico Superior decorada con tres trazos paralelos en ziguezague en cada unha das caras; segundo os investigadores é única en Galiza. Tamén se recuperaron varios fragmentos líticos do Paleolítico Medio, onde destaca unha punta tipo Levallois de cuarzo. Canto ao fósil humano atopado, duns 3.000 anos de antigüidade, presenta unha combinación de xenes, como acontece cos restos do Courel, que non se viran antes en xacementos peninsulares deste período na Península Ibérica aínda que si noutras partes de Europa. Tamén na campaña do ano 2011 localizáronse en Eirós as primeiras pinturas e gravados rupestres do Noroeste, nun lugar de difícil acceso e en regular estado de conservación. As pinturas están realizadas con carbón vexetal que forman contornos de animais, como bóvidos ou un cabalo, liñas de puntos e marcas. As gravuras están formadas por sucos e representacións de animais; calcúlaselles uns 30.000 anos de antigüidade.. Tamén se localizaron dous fogares, un duns 118.000 de antigüidade e o outro duns 30.000 anos. Atopouse así mesmo unha agulla de coser, posiblemente a máis antiga de Galiza, cunha antigüidade duns 12.000 anos. No 2013 os investigadores atoparon máis dunha decena de motivos artísticos que engadir ás 84 gravuras e pinturas (bóvidos, équidos, cérvidos e signos non figurativos) descubertos no 2012, a maioría de época prehistórica cunha datación de 20.000 anos BP (antes do presente), algúns son de épocas máis recentes, como a Idade Media. A campaña do 2015 deixou ao descuberto arredor de 2.000 pezas líticas e restos de animais do Paleolítico Medio. A principios do mes de maio de 2012, a asociación ecoloxista Adega alertou do perigo que corre o xacemento debido a que se atopa no medio dunha canteira o que pode ocasionar danos irreversibles. Xa no mes de febreiro do mesmo ano, a Asociación Cultural do Iribio presentou ante a Xunta de Galicia unha solicitude para que sexa declarado BIC. No mes de agosto de 2014, Salvemos Cabana denunciou ante o Consello de Europa os efectos de autorización administrativa á actividade mineria de Cementos Cosmos, xa que vulnera o establecido tanto no Convenio Europeo para a Protección do Patrimonio Arqueolóxico como o Convenio da Paixase, ambos impulsados polo organismo europeo e ratificado polo goberno español, xa que supón un alto risco para a conservación do xacemento debido ao uso de explosivos polo que os 50 metros de separación da cova propostos pola compañía de pouco serven na práctica cando dúas partes da mesma están en terra da concesión e por baixo da canteira. No mes de outubro de 2014, ADEGA denunciou ante a fiscalía os danos causados pola actividade mineira na canteira de Vilavella. No mes de marzo de 2015 o PP rexeitou na Comisión de Cultura do parlamento galego unha proposición non de lei de AGE na que se pedía que a Cova de Eirós fose proposta á Unesco para a súa declaración como patrimonio da humanidade. Na petición incluíanse ademais as pequenas covas da Graxeia e da Cabaxa que poderían acoller restos prehistóricos. O xácido da Cova de Eirós está corre un grave risco pola extracción de pedra calcaria que realiza a empresa Cosmos. Hai algúns meses a responsable para Europa e América do Centro de Patrimonio da Humanidade da Unesco, ante unha reclamación presentada pola asociación cultural Cova Crea, comprometeuse a pedir información sobre o estado de conservación do sitio arqueolóxico.


 

 

 

 

O VALADOURO
Chan da Cruz (O Cabalar-A Veiga Rubia-O Cadramón): Paleolítico Superior. Dado a coñecer por membros do Museo Arqueolóxico de Vilalba. Atopáronse preto de 2.000 útiles de cuarzo, cuarcita, gneis, cristal de rocha e algúns de sílex: lascas simples, microperforadores, raedeiras e coitelos de dorso.  
Penas do Carballido (Campo do Carballido-O Cadramón): Atopáronse útiles tipo lasca de cuarzo, cuarcita e sílex.  
Parque eólico do Cadramón (Abadín, Alfoz e O Valadouro): Nos traballos de Estudo do Impacto Arqueolóxico documentouse material adscrito ao Paleolítico. 
Parque eólico de Soán (Muras e O Valadouro): Nos traballos de Estudo do Impacto Arqueolóxico documentouse a existencia dun xacemento adscrito ao Paleolítico Final.  
O Porto do Río (O Porto do Río-O Cadramón): Varios xacementos paleolíticos con materiais e un asentamento do Paleolítico Superior.
 

O VICEDO
Un veciño do burgo de San Roque informounos do achado hai anos dun útil lítico na aldea da Áspera (Negradas). 

VILALBA 
A Pena Grande (Santaballa): Adscrito ao Magdalenense superior (14.000-13.000 a.C.), desenvólvese debaixo dun gran acubillo de cuarcita, situado nunha importante vía natural. Coincidindo co tempo da súa habitación documéntase unha paisaxe mixta; bosque de carballos, abeleiras e bidueiros nas zonas máis protexidas, e paisaxes abertas de uces nas zonas altas e menos resgardadas dos fríos e ventos. Recuperáronse máis de 1.000 útiles de cuarzo, cuarcita e sílex: raspadores, lascas, burís, furadores, denticulados, raadeiras, etc., dominando o conxunto unha laminiña de dorso ou de cota. O sílex considerábase inexistente en Galiza ata que J. Ramil documentou varios afloramentos na contorna do xacemento.   
Pena Grande de Bordelle (Carballido): Paleolítico Superior. Abrigo nunha crista rochosa de cuarcita que tivo unha ocupación antrópica ao longo de diferentes períodos. Nun dos niveis atopáronse fragmentos de ocre. Atopáronse raspadores, burís, furadores, denticulados, raedeiras e unha punta de frecha en sílex. 
A Veiga (Santaballa): Pezas de sílex.   
Dúas Nenas ou Penedos do Carrizo (O Carrizo): Depósito descuberto no ano 1971. No ano 1976, Alonso del Real e Vázquez Varela deron a coñecer a súa intevención no xacemento cuxas pezas supoñen doutras zonas máis elevadas do monte. Na actualidade atópase destruído. A revisión estratigráfica realizada nos anos noventa por José Ramil permitiron constatar a existencia dunha única ocupación. Atopáronse raspadores, burís, perfeoradores, raedeiras, denticulados, laminiñas de dorso, etc.   
Samarugo: Punta de frecha en sílex custodiada no Museo de Lugo. Museo Arqueolóxico de Vilalba.


 

 

XERMADE
Abrigo Curaceiro (Penaparda-Burgás). 
O Muíño Novo (Lousada).  
Pena Grande de Férvedes: Nas estribacións da Serra da Carba. Xacemento ao aire libre do Paleolítico Superior descuberto por José Ramil no ano 1971. Recuperáronse útiles de sílex, cuarzo e cristal de rocha. No denominado como Férvedes II localizaouse un colgante pétreo de forma ovoidal cun orificio de forma circular e nas dúas caras un profundo suco horizontal datado hai uns 17.000 anos, o primeiro deste tipo atopado en Galiza. Tamén se atopou unha azagaia de óso decorada cunha inscrición horizontal. No ano 1983, Ramil Soneira e Vázquez Varela dan a coñecer a primeira noticia de arte moble en Galiza, unha peza de pedra de forma oval perforada e decorada con sucos que interpretan como un colgante.


PALEOLÍTICO DA PROVINCIA DE OURENSE

ALLARIZ
Campina-Lama (A Acea-Meire): Xacemento gravemente alterado pola construción sen control arqueolóxico de pistas e polas actividades agrícolas e forestais. Recuperáronse un cento de pezas líticas, entre outras, lascas, cantos rodados de cuarcita e un biface. 
Queiroás da Igrexa (Queiroás): Bifaces.  
Val do Río Arnoia: Con motivo da prospección levada a cabo cando a construción da autoestrada das Rías Baixas, localizáronse no concello 17 puntos arqueolóxicos con material lítico (Queiruás, Monte da Moura, Touza de Abaixo, a Eirexa, etc.), saíndo á luz núcleos, lascas simples e retocadas, cantos tallados, bifaces, etc. 
 

 

 

AMOEIRO
Marco da Venda Nova (Bacurín-Bóveda de Amoeiro): Descuberto por Vázquez Monxardín no ano 1975. Apareceron 285 pezas en superficie. A súa atribución é ao Paleolítico Inferior.  
Muíño das Laxes (As Quintas-Rouzós).  
Montes de Rodeiro (Albeiros-Trasalba): Útiles de lascas de cuarzo e cuarcita e ferramentas de sílex do Paleolítico Inferior e Medio.

A ARNOIA
Lomba dos Chaos (Os Chaos-Arnoia): Abrigo formado por unha pena granítica onde apareceron materiais líticos e algún anaco cerámico despositados no Museo Arqueolóxico de Ourense.
Os Chaos (Os Chaos-Arnoia): Abrigo paleolítico nunha terraza fluvial do río Miño ocupado por terras de cultivo. Apareceron cantos e lascas de cuarcita.

BANDE
O Carqueixal (Granxa-Cadós). 
A Covadiña, A Telleira e A Veiga de Santa Comba (Santa Comba).
 

BAÑOS DE MOLGAS
As Raposeiras de Abaixo (Vilariño-Lama Má): Útiles líticos atopados no ano 1976.

O CARBALLIÑO
Xacemento acheulense entre Seoane e a Pena dos Namorados. Xacementos paleolíticos de Fondo da Vila (Cabanelas), Mesego (Mesego) e A Uceira (Seoane). Xacemento epipaleolítico de Partovia (Partovia).

CENLLE
Felisindo González Iglesias, o creador da interesantísima páxina Arredor de Lambrica, achega esta peza, posiblemente paleolítica, atopada entre Eiras (San Amaro) e Vilar de Rei (Cenlle). Dime que foi atopada casualmente tras unha invernía na beira dun camiño, ao lado dunhas viñas, e no lugar non existen croios deste tipo polo que é probable que fose traído do río Miño.

CORTEGADA
Chao de Paranos (Valongo): Atopáronse seis pezas líticas de cuarcita sobre un depósito aluvial. A superficie deste depósito estivo exposta a labores agrícolas, sobre todo bancais de videiras. Nesta mesza zona, no lugar de Vallecas, saíron á luz dous cantos de cuarcita no corte dun camiño. 
Vilanova da Barca (Valongo).

CUALEDRO
Alto da Barxa (A Xironda): Paleolíco Superior. Apareceron lascas e algún núcleo, todos en cuarzo.
A Chaira (A Xironda): Paleolítico Superior. En superficie, varias lascas de cuarzo.

ESGOS
As Chairas: Útil lítico atopado por José Antonio Gavilanes.

LOBEIRA
A Veiga: Descuberto por Rodríguez Cao. Útiles do Paleolítico Medio nunha terraza inferior do río Miño. 

LOBIOS
San Bieito (Grou): No ano 1992, Eguileta Franco atopou dúas puntas de frecha, un disco pétreo, un ídolo, unha fusaiola, agullas de óso e catro anacos de cerámica

MASIDE
Xacemento do Paleolítico Inferior (A Povoanza-Santa Comba de Trevoedo).

MELÓN
O Retiro.

A MERCA
Cruz da Portela (Compostela-A Mezquita): Achádego illado de tres pezas líticas.

OURENSE
Coto do Raposo (Santa Cruz de Arrabaldo): Estudado por Vázquez Varela no 1975 e por Rodríguez Gracia no 1979. Pertence ao Paleolítico Inferior.  
Regoalde (Beiro): Na marxe esquerda do río Miño. Nel atoparon Xaquín Lorenzo e Rusell Cortez un conxunto lítico que foi clasificado por López Cuevillas no ano 1973. Rodríguez Gracia inclúeo no Paleolítico Medio.  
Eiroás (Cudeiro): Preto do pazo do mesmo nome, foi dado a coñecer por Ferrro Couselo nos anos setenta. Pertencen ao Paleolítico Inferior e Medio.  
Montealegre (Ourense): Rechán en altura onde se localizaron numerosas pezas líticas. É unha ampla zona entre afloramentos rochosos de granito.
Cemiterio novo (Santa Mariña do Monte): Abundante material lítico.  
Seixalbo: Fragmentos líticos. Museo Arqueolóxico.


PEREIRO DE AGUIAR
A Medorra (Calvelle): Achádegos en superficie de útiles paleolíticos de cuarcita.

A PEROXA
Os Peares: No ano 1926 Martínez Santa-Olalla recolleu na estación do ferrocarril dos Peares unha ducia de ferramentas líticas (bifaces, lascas...).
 

PONTEDEVA
A Ribeira (Trado): Durante as obras de cimentación da ponte recolléronse bifaces, raedeiras e lascas. 

RUBIÁ DE VALDEORRAS
Serra da Enciña da Lastra (Biobra): Útiles líticos e óseos nas palas (covas) da Zorra, Pombeira, Cubelas, Pala da Vella e Pardollán. A maioría das pezas son lascas, entre as que salienta un denticulado, posiblemente musteriense. Aquí realizou varias prospeccións no ano 1984 Vázquez Monxardín, atopando obxectos en superficie nas palas de Pombeira, Cubelas e Pala C, prospeccións que serán o precedente das que realizou a comezos dos anos noventa a USC e que suporán a escavación da Pala da Vella. 
As últimas fases de ocupación da Pala da Vella parecen ao Neolítico coa apariciónd de restos humanos e industria lítica, e á Idade do Bronce e a transición Neolítico/Calcolítico (olas, cuncas, pezas realizadas con ósos, restos de animais...). O único nivel Plistoceno da Pala da Vella semella ser un cubil de carnívoros.
A única ocupación paleolítica na zona documéntase na Pala I do Regueiro de Pardollán con restos líticos no interior dunha das bocas, así como en superficie en terreos próximos adscritos ao Paleolítico Medio. Durante o Plistoceno Superior restos de ocupacións humanas.
Pala do Rebolal: Apareceu un fósil humano duns 5.400 anos de antigüidade, cunha afinidade xenética semellante a restos duns 3.000 anos descubertos en Cataluña.
 

SAN AMARO
A Chaira: Xacemento ao aire libre situado nos arredores do castro de San Cibrán de Lás e descuberto por Ribas Fernández cando as obras para a construción dun campo de fútbol. Investigado nos anos noventa por Rosa Villar Quinteiro, recuperáronse unhas 475 pezas do Paleolítico Medio e Superior. A industria lítica da Chaira está realizada sobre cuarcitas en forma de nódulos de canto rodado, procedentes do río Miño, cunha industria sobre lasca na que dominan os denticulados sobre as raedeiras, raspadores, burís e perforadores.
Felisindo González Iglesias, o creador da páxina Arredor de Lambrica, achega unha peza, posiblemente paleolítica, atopada entre os concellos de San Amaro e Cenlle (ver Cenlle).

SAN CIBRÁN DAS VIÑAS 
Currás (Gargantós).  
Noalla: Xacemento descuberto no ano 1953; saíron á luz lascas e bifaces.   
A Regata (Pazos de San Clodio): Xacemento desaparecido, investigado nos anos setenta do pasado século, cando a construción do Polígono Industrial. Descuberto no ano 1976 por Vicente Rodríguez Gracia e J. Carlos Sierra, foi escavado ese mesmo ano. Saíron á luz unhas 90 pezas elaboradas sobre cuarzo e cuarcita, na súa maioría bastante toscas e de gran tamaño, nas que predominan os bifaces, fendedores e raedeiras. Segundo Vázquez Varela podería encadrarse nun acheulense evolucionado ou nun musteriense de tradición acheulense.  
Campo Alegre (Rante): Apareceron pezas de cuarcita en superficie.   
Gargantós e Campo da Mama: Na zona da Veiga. Por da construción da autoestrada das Rías Baixas, as actuacións sobre estes depósitos realizáronse no ano 1999, dirixidas por Dolores Cerqueiro Landín, onde se evidenciou a conservación de niveis arqueolóxicos en posición estratigráfica. Saíron á luz máis de mil cincocentas pezas, a maioría elaboradas en cuarzo e predominando as pezas de soporte tipo lasca (lascas levallois, puntas, raedeiras, raedores, raspadores, burís, perforadores, coitelos de dorso, denticulados, etc.); a adscrición é ao Paleolítico Medio.   
Cruce estrada Polígono e Ourense-Maceda: Saíu á luz un biface de cuarcita.
 

 

SANDIÁS
A Praza da Torre (O Castro-Sandiás): Na prospección realizada no ano 1993 con motivo das obras da autostrada das Rías Baixas, saíu á luz abundante industria lítica tallada en cuarcita, sílex, cuarzo e cristal de rocha do Paleolítico Superior.

TABOADELA
Biface en cuarcita atopado na Reguenga (Pousa-Mesón de Calvos).  
Xacemento da Veiga-O Campo da Mama: A raíz das obras na autostrada das Rías Baixas, saíron á luz máis de 1.500 pezas, a maioría elaboradas en cuarzo e predominando as pezas de soporte tipo lasca; adscrito ao Paleolítico Medio.

TOÉN
A Piteira (Moreiras): Acheulense. Descuberto por Rodríguez Gracia no ano 1973, foi escavado no 1974 polo propio descubridor, por Alonso del Real e Vázquez Varela. Recuperáronse ao redor de tres mil obxectos líticos, realizados principalmente en cuarcita, pero tamén en cuarzo provenientes das terrazas fluviais dos ríos Miño e Barbaña. Apareceron lascas, puntas, coitelos de dorso frontal, raedeiras, denticulados, burís e raspadores feitos sobre cuarzo, cuarcita, sílex e pórfidos. Para Vázquez Varela trátase dun xacemento do Paleolítico Inferior avanzado ou un horizonte en relación co Paleolítico Medio.  
Porto de Cima (Feá).  
O Loureiro (Moreiras).  
Sanatorio de Toén (Moreiras): Saíron á luz cantos tallados en cuarcita e algúns bifaces.
Portela Vella (Moreiras): Apareceron cantos tallados monofaciais, bifaces e algunha lasca. Na actualidade atópase practicamente destruído polas remocións de terras dunha canteira.
Pena do Raposo (Moreiras): Situado nunha penichaira sobre o río Miño; atopouse diverso material lítico.  
Campo de Fútbol (Sanatorio-Moreiras): Pezas líticas en cuarcita.



TRASMIRAS
Xacemento da Costa (Abavides): Pezas de industria lítica sobre sílex do Paleolítico Superior.
 
A VEIGA
Meda: Atopáronse dous bifaces do Paleolítico Medio, custodiados no Museo Arqueolóxico de Ourense.

XUNQUEIRA DE ESPADANEDO
As Chairas: Útil lítico atopado por José Antonio Gavilanes.

PALEOLÍTICO DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA

ARBO
Nunhas escavacions levadas a cabo polo Instituto de Estudos Miñoranos, coa colaboración da Universidade de Vigo, atopáronse varios útiles preto do río Miño, entre outros lascas utilizadas para a caza e curtido de peles de, ao menos, 250.000 anos de antigüidade que corresponderían ao Homo Heidelbergensis que poboou Europa occidental no Paleolítico Inferior, substituído no Paleolítico Medio polo home de Neandertal e polo Homo Sapiens no Paleolítico Superior. Segundo asegurou o coordinador das escavacións, Eduardo Méndez, os materiais atópanse na súa situación orixinal o que permitirá sacar información inédita sobre este período.   
O Cabrón: Durante os traballos levados a cabo polo Instituto de Estudos Miñoranos saíron á luz máis de 100 pezas. O Instituto solicitou axuda do Concello de Arbo e da Xunta de Galicia para acometer novas actuacións pero atopouse coa falla de interese da administración galega, non así do Concello cuxo alcalde asinou un convenio co IEM para levar a cabo a segunda fase das escavacións que comezaron a mediados do mes de xullo de 2011 no que se documentou os restos das tres etapas do Paleolítico. En só un metro cadrado localizaron 160 pezas que, ademais de atoparse todas no seu espazo orixinal, a maioría presenta un bo estado de conservación. Os xacementos de Arbo, con máis de 5.000 pezas atopadas ata o momento, quizais sexan dos máis importantes do Paleolítico Inferior en Galiza. Eduardo Méndez Quintas, arqueólogo que dirixe as investigacións, apunta que estes restos contan cunha antigüidade que vai dos 150.000 aos 200.000 anos, o que supón que este xacemento sexa un dos máis antigos de Galicia, crendo que o máis significativo é o tipo de ferramentas que se levan atopado. A investigación demostra que estes utensilios, propios do final do acheulense, non se corresponden en antigüidade coa época na que eran utilizados. Noutras partes da península atopáronse ferramentas da mesma época pero fabricadas cunha tecnoloxía distinta, propia dos neandertais o que evidenciaría que en certo momento da historia, acheulenses e neandertais conviviron no mesmo territorio, o que racha coa teoría existente acerca das etapas das diferentes especies humanas que se atopaba vixente dende os anos cincoenta do pasado século XX. Ata o momento, continúa Méndez Quintas, críase que as especies seguiran un proceso evolucionista, afirmándose que os humanos acheulenses foron avanzando ata dar paso aos neandertais. Sen embargo, os descubrimentos do Cabrón demostran a existencia de ferramentas fabricadas por ambas especies nun período de tempo simultáneo, o que significa que durante ese lapso temporal as dúas especies coexistiron e non foi unha a que evolucionou na outra, feito que podería explicarse pola procedencia dunha e outra especie. O máis probable é que os acheulenses chegaran dende África e os neandertais do sur de Asia. Os restos e ferramentas atopados pertencerían ao período no que os acheulenses entraban en proceso de extinción, mentres que os neandertais actuaban como invasores na zona. A concentración de utensilios ao aire libre é máis habitual en covas e abrigos, o que significaría que O Cabrón fose utilizado como un lugar de encontro para o consumo de animais, os cales non foran cazados senón transportados dende o punto da caza ata o xacemento. A decisión de elixir este lugar puído deberse a que se trata dunha zona húmida que naquenla época debía atoparse rodeada por completo de vexetación, o que os protexía das inclemencias meteorolóxicas, reflexando a tradición de varios séculos en que diversos grupos utilizaron o lugar como un punto no que refuxiarse cada certo tempo.
 

 

BAIONA
Alto da Fonte da Anta, Loudredos e Outeiro do Home. Serra da Groba: En varios puntos atopáronse pezas de cuarcita (bifaces, lascas e núcleos do Paleolítico Inferior), rocha que ao non existir na serra, probablemente foran transportadas dende as beiras do río Miño. No seu momento, SOS Groba, entre outros colectivos políticos e veciñais, denunciou a instalación de muíños eólicos que, ademais de afectaren á flora e á fauna, podían estragar estes xacementos arqueolóxicos.

BUEU
Illa de Ons: Dous polifaciais, unha lámina de sílex e seis pesas. 

CALDAS DE REIS
Raspador: Feito nunha lasca de sílex localizado preto dun abrigo rochoso. 

CANGAS
Cabo Pequeno: Catro picos, un percutor e doce pesas.  
Corbeiro: Un biface e un canto tallado bifacial.  
A Cunchosa (Aldán): Trátase dun abrigo rochoso onde apareceu material lítico e cerámicas lisas e decoradas cuxa adscrición cronolóxica quizais habería que situala no Bronce Inicial. 
Praia da Barra 
O Salgueirón: Canto tallado unifacial, lascas e unha pesa.
 

O COVELO
Coto Miñoto (Serra do Suído).  
Maceira: Nesta parroquia atopouse un machado lítico.

CRECENTE
A Barreira.

GONDOMAR
Chan do Cereixo: As primeiras referencias débense a Xaime Garrido quen descubriu o xacemento no ano 1978. As roturacións feitas nos anos setenta sacaron á superficie varias pezas paleolíticas feitas en seixos rolados de cuarcitas. Logo, as choivas contribuíron a lavalos e depositalos nas áreas máis baixas do terreo, favorecendo a recollida de máis de dous centos de pezas. Con posterioridade o conxunto será obxecto de dúas análises tipolóxicas: a primeira feita por Julio Vidal Encinas no ano 1981, e a segunda por Rosa Villar Quinteiro no ano 2003. A continuidade dos asentamentos humanos no lugar, coa aparición de materiais do Neolítico, da Idade dos Metais e de época romana fanno único. (Información recollida de Rosa Villar Quinteiro, O xacemento da Chan do Cereixo, Portavedra (Gondomar), no contexto da investigación do Paleolítico en Galicia, publicado en Murguía no ano 2003).

A GUARDA
Camposancos: Baixo o controvertido termo de Camposanquense escóndese un conxunto de pezas provenientes de diferentes momentos e culturas prehistóricas e históricas, polo que resulta moi aventurado falar dunha industria característica dun período determinado que poida responder a esa denominación. No ano 1925 producíronse en Camposancos os primeiros descubrimentos de Galiza de industrias líticas talladas sobre cantos e lascas de cuarcita do Paleolítico Inferior.  
Salcidos: Recuperáronse machados e raspadores de cuarcita acheulenses. 
 

 

A LAMA
Chan de Valdohome (Serra do Suído-Pigarzos-Xesta): Conxunto de bolos graníticos que conforman unha serie de espazos protexidos que presentan boas condicións de habitabilidade. Recuperáronse puntas de frecha.

MARÍN
Praia de Aguete (Aguete-Seixo): Apareceu un biface de cuarcita, un núcleo de sílex e dez núcleos de cuarcita labrados. 

MEIS
Achado illado dun biface.  

AS NEVES
Chans de Vide: Útiles do Pleistoceno. 
O Condado (Setados): Bifaciais e unifaciais. 
Montes de Oleiros.  
Porto Maior: Xacemento do Paleolítico localizado por Manuel Ledo a finais do ano 2005 e situado na beira dereita do río Miño, onde apareceron, entre outros, lascas enteiras, bifaces, denticulados, perforadores, fendedores e triedros de cuarzo e cuarcita. Tamén se atoparon os machados máis grandes de Europa, semellantes a outros exemplares descubertos en África, o que fai pensar aos investigadores que o home puido cruzar, xa daquelas, o Estreito de Xibraltar. Preto de cen pezas son bifaces de hasta de ata 30 cm cando o normal é que midan a metade. Escavado a finais do ano 2012 por Eduardo Méndez Quintas e Manuel Santoja, o espectacular xacemento pódese considerar como o máis antigo de Galiza, datándoo en máis de 300.000 anos de antigüidade e que podería rondar 0s 500.000. En total identificáronse cinco niveis de ocupación humana dos cales todos, agás un, son do Paleolítico Superior. Segundo os investigadores representa un momento, quizais anterior ou cando menos contemporáneo, aos niveis fluviais do xacemento das Gándaras de Budiño. A campaña arqueolóxica dos meses de xullo e agosto de 2014 confirmaron a singularidade do xácigo, confirmando a antigüidade de 500.000 anos, catro niveis con evidencias de ocupación humana e, sobre todo, unha acumulación "deliberada" de grandes machados de pedra, o que fan deste xacemento unha referencia única en toda Europa.  
Tortoreos: Útiles do Acheulense Final. (Fonte: Rosa Villar Quinteiro). 


 

NIGRÁN 
Montes de Maúxo: Na zona do parque forestal do Vilar (Camos), membros do Clube Espeleolóxico Maúxo atorparon ferramentas de cuarcita do Paleolítico Inferior (bifaces, cantos tallados e un percutor) e restos dun muíño e un puidor pertencentes ao Calcolítico.
 

OIA
Fiales (Pedornes): Descuberto por Cano Pan e Vázquez Varela. Trátase dunha zona costeira onde existe abundante acumulación de cantos rodados entre os que se atopan pezas traballadas polo home, principalmente cantos tallados e lascas. Hai autores que sitúan os achádegos no Paleolítico Inferior, mentres outros vincúlannos ao Mesolítico. Aquí documentouse por primeira vez un pico in situ asociado a unha industria sobre cantos rodados de cuarcita e cuarzos compostos por cantos tallados unifaciais e lascas.   
Serra da Groba: En varios puntos atopáronse pezas de cuarcita (bifaces, lascas e núcleos do Paleolítico Inferior), rocha que ao non existir na serra, probablemente foran transportadas dende as beiras do río Miño. No seu momento, SOS Groba, entre outros colectivos políticos e veciñais, denunciou a instalación de muíños eólicos que, ademais de afectaren á flora e á fauna, podían estragar estes xacementos arqueolóxicos.

PONTEAREAS
Barral: Machado pulimentado, hoxe en día no Museo de Pontevedra.

PONTEVEDRA
Cando a excavación para recuperar un miliario na Ponte do Burgo atopouse un machado de cuarcita do Paleolítico Inferior.

O PORRIÑO
As Gándaras de Budiño (San Salvador de Budiño): O xacemento foi descuberto no ano 1961, no transcurso dunhas investigacións xeomorfolóxicas levadas a cabo polo francés Henri Nonn. Xosé María Álvarez Blázquez foi o primeiro investigador que lle prestou atención no ano 1962, recollendo na superficie máis de 200 pezas. Na primeira intervención arqueolóxica no 1963, feita por Emiliano Aguirre, superpostas en diferentes estratos, saíron á luz centos de pezas. Da industria lítica, de cuarzo, cuarcita e sílex, apareceron bifaces, triedros, picos, fendedores, cantos tallados, raedeiras, raspadores, perforadores, coitelos de dorso natural, pezas con escotaduras, denticulados e burís. Como ben me achegou Eduardo Méndez Quintas, director da sección de Etnografía e Arqueoloxía do Instituto de Estudos Miñoranos, a referencia que eu facía á tese de Butzer está moi superada na actualidade, e cuxa mención podía levar a equívocos.  
A Granxa do Louro (Vacaría-San Salvador de Budiño): Útiles líticos illados. 
 

REDONDELA
Machado (Cedeira): Atopado na devesa que descende dende a Chan da Cruz ata a área do Coto do Corno. Información recollida da páxina Monte Mirallo (Redondela). Arqueoloxía e lendas deste espazo natural.

O ROSAL
As Eiras (As Eiras): Álvarez Blázquez documenta 166 pezas atopadas por don Pedro Díaz e don Silvino Díaz Paz.  
Marzán (O Rosal). Tamén apareceron pezas nas parroquias de Tabagón e San Miguel de Tabagón.

SALVATERRA DE MIÑO
Pezas do Pleistoceno no Campo de Fútbol, e materiais líticos en Fillaboa, parroquia de Salvaterra. 
 

TOMIÑO
Utensilios nas parroquias de Amorín, Barrantes, Estás, Forcadela, Sobrada, Tebra e Tomiño.  
Goián: Álvarez Blázquez cita a don Eliseo Alonso que recolleu 433 pezas (machados, lascas, raspadores...).  
Xacemento da Chan do Cereixo (Pinzás). 
 

TUI
Álvarez Blázquez fala de ducias de pezas desaparecidas nos lugares de Anta (Areas).   
A Poboanza (Pazos de Reis).   
Laranxeiras, San Bartolomeu e Santa Eufemia (Rebordáns). 
Chao-Chao, A Lagarteira e O Pilar (Tui). 
Álvarez Blázquez documenta achádegos en Anta e O Marquiño (Areas).  
O Cerqueiro e O Facho (Baldráns).  
O Foxo (Caldels de Tui): Raspador de cuarcita.  
A Igrexa e A Torre (Guillarei).  
A Abelleira (Pazos de Reis): Chopper de cuarcita.  
Feitás (Pazos de Reis): Biface de cuarcita.  
A Macoca (Pazos de Reis): Lascas e un núcleo de cuarcita.  
A Bouza (Pazos de Reis). 
Na parroquia de Pexegueiro, As Baliñas, As Bornetas, A Guía e Pousa do Bispo (Randufe).  
A Eiriña (Rebordáns).  
As Cachadas (Rebordáns): Artefactos líticos de cuarzo e cuarcita do Paleolítico Inferior e Medio.  
Campogrande (Rebordáns): Biface de cuarcita e núcleo de cuarcita.  
O Cruceiro (Rebordáns): Material lítico de cuarzo e cuarcita.  
O Rollo (Tui). 
Biface no Monte Aloia
Do Pleistoceno saíron á luz útiles en Carregal Baixo, Monte de Seo e A Peteira. 
O Cerqueiro: Atopáronse dous bifaces. 
 

VALGA
Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza deu noticia de cinco pezas (2 machados e 3 lascas), posiblemente paleolíticas, atopadas na parroquia de Santa Cristina de Campaña. 

VIGO
Chan de Lagoas (Coruxo): Bifaces do Paleolítico Medio e Superior.  
Covas do Folón (Coruxo): Con máis de 200 metros de río soterrado e medio quilómetro de galerías. Presenza da actividade humana dende o Paleolítico ata Idade Media. Membros do Clube Espeleolóxico Maúxo, que levan anos a pular por declaralas Monumento Natural de Galiza, atoparon bifaces tallados polas dúas caras, cantos tallados e un percusor do Paleolítico Inferior, e restos de vasilla do Calcolítico.  
Lavapés: De la Peña Santos atopou tres puntas de frecha (dúas de sílex e unha de lousa) e láminas e lascas de sílex. Centro de Divulgación Arqueolóxico Municipal e Museo Quiñones de León.
O Instituto de Xeoloxía Eduardo Parga Pondal da Universidade da Coruña, coa axuda do clube espeleolóxico Maúxo de Vigo, está a investigar unha serie de xacementos do Mesolítico na ría de Vigo, no monte do Pindo, serra do Barbanza e Valença do Minho (Portugal). Algúns do materiais atopados teñen unha antigüidade de 9.000 anos.
 

VILAGARCÍA DE AROUSA
Biface: Descuberto no ano 1993, cando se realizaba o recheo dun campo de fútbol coa grava extraída dos terreos coñecidos como Costa de Dona Desamparados, preto do río Con.
Biface (Carril): Consérvase un debuxo realizado por Bouza Brey e A. Blázaquez.

 

VILANOVA DE AROUSA
Praia das Sinas: Lasca bifacial de cuarcita atopada no ano 1965 por Enrique Massó, a carón do regueiro da Aduana.

Xabier Moure
Xacementos paleolíticos de Galiza/Galicia
o noso patrimonio