* Mámoas inéditas en Becerreá

A principios do mes de xullo de 2017, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares, por medio do sistema dixital LIDAR-PENOA, localizamos na Serra do Travesal, na parroquia de Liber, concello de Becerreá, unha posible mámoa. 

Días despois achegámonos ata o sitio e comprobamos que, en efecto, trátase dun enterramento do Neolítico. Sitúase nunha penichaira a 574 metros de altitude, a carón do primitivo camiño que unía Liber con Vilar de Cancelada. Atópase en relativo bo estado de conservación. Ten un diámetro de 13 metros e unha altura de 0,50. Está cuberta de xestas e carqueixas o que non impide ver un pequeno cráter de violación. En principio no corre perigo por atoparse nun terreo onde non se realizan ningún tipo de labores, nin agrícolas nin forestais. A uns 300 metros adivíñanse os restos doutro túmulo, este practicamente desaparecido debido a que dende tempos inmemoriais o terreo foi utilizado para os labores agrícolas e gandeiros o que lle provocou a perda de case toda a masa tumular.

O achado xa foi posto en coñecemento do Servizo do Patrimonio Cultural e do Concello de Becerreá.


* 98 concellos sen petroglifos

Segundo os meus datos, dos 313 concellos galegos, 98 carecen, polo de agora, de pedras con gravados prehistóricos ao aire libre. Así, na provincia da Coruña, con 91 concellos, en 34 non se documentan petroglifos. Na de Lugo, con 67 concellos, en 28 non atopamos pegadas. Na de Ourense, con 92 concellos, descoñecemos a existencia de gravuras en 32. E na de Pontevedra, con 61 concellos, non documentamos ningún só en 5.


A continuación achego os concellos sen petroglifos.

PROVINCIA DA CORUÑA

Abegondo, Arzúa, Betanzos, Boimorto, Boqueixón, Cariño, Carral, Cedeira, Cee, Cerdido, Corcubión, Frades, Malpica, Mañón, Melide, Mesía, Miño, Moeche, Mugardos, Negreira, Ordes, Oroso, Ortigueira, O Pino, Sada, Santa Comba, Santiso, Sobrado dos Monxes, Touro, Trazo, Val do Dubra, Valdoviño, Vilasantar e Zas.

PROVINCIA DE LUGO

Alfoz, Baleira, Barreiros, Becerreá, Bóveda, Castro de Rei, O Corgo, Cospeito, Foz, Meira, Muras, Negueira de Muñiz, Paradela, O Páramo, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, Pol, Portomarín, Rábade, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín, Riotorto, Taboada, Trabada, Triacastela, O Vicedo, Viveiro e Xermade.

PROVINCIA DE OURENSE

A Arnoia, Barbadás, Beade, Os Blancos, Calvos de Randín, Carballeda de Avia, Castrelo do Val (aquí documéntase a estela-menir da Pedra Alta), Cenlle (presenta gravuras o Marco da Eira dos Mouros, unha posible pedrafita prehistórica), Chandrexa de Queixa, Coles, Gomesende, Larouco, Leiro, Lobios, Montederramo, Padrenda, A Peroxa, Petín, Piñor de Cea, A Pobra de Trives, Pontedeva, Porqueira, Quintela de Leirado, Ramirás, Riós, Rubiá de Valdeorras, Sarreaus, A Teixeira, Toén, Trasmiras, A Veiga e Vilar de Santos.

PROVINCIA DE PONTEVEDRA

O Grove, A Illa de Arousa, Pontecesures, O Porriño e Vilanova de Arousa. 

* Premio de investigación do Concello de Cervantes 2017

O día 21 de abril de 2017, o Concello de Cervantes, coincidindo coa celebración do Día do Libro (adiantouse dous días por caer en domingo), fixo entrega do Premio de Investigación "Cervantes Saavedra" que convoca cada dous anos. Esta é a terceira edición. A convocatoria fíxose pública no Boletín Oficial da Provincia de Lugo o pasado 19 de decembro. O prazo para entregar os traballos rematou o 28 de febreiro. 

O traballo tiña que incluír, ao menos, a descrición xeográfica e hidrográfica do término municipal de Cervantes, os monumentos megalíticos, petroglifos, castros, asentamentos, minas e vías de época romana, o monacato, o feudalismo, os foros, a desamortización, a Guerra da Independencia, as Guerras Carlistas, o agrarismo, a emigración, a represión da ditadura franquista, a arquitectura civil e relixiosa, etnografía, folclore, lendas, tradicións, toponimia, actividade socio-económica, etc. Moita tea para prazo tan cativo.

Malia dificultade para facer unha Historia de Cervantes (diso se trataba), a documentalista Pilar Carpente máis eu decidimos poñernos mans á obra. Os centos de quilómetros percorridos ao longo de cinco anos polo municipio resultara frutífero.

Uns días antes de expirar o prazo rematamos, sorprendidos polos case 500 folios que conseguiramos encher. Non fora unha tarefa fácil, pero aínda que non resultaramos gañadores, merecera a pena.

O día 11 de abril comunicáronnos que o xurado, por unanimidade, decidira outorgar o premio á obra Cervantes, un concello con historia. O noso traballo. Traballo que quedaría orfo se non for polas persoas que ao longo dos anos nos acompañaron e guiaron ata os sitios, contáronnos historias, facilitáronnos documentación... Vaia para elas o noso agradecemento.

Nos vindeiros meses publicarase o libro.

  

* Agresión aos petroglifos do Pé da Mula (Mondariz)

Os petroglifos do Pé da Mula sitúanse nos montes do Costal, parroquia de Sabaxáns (Mondariz). Trátase dunha das superficies graníticas con arte rupestre máis importantes de Galicia, ocupando unha superficie de 200 metros cadrados onde se poden ver zoomorfos, círculos concéntricos,  unha posible esvástica, coviñas, cruces e outros motivos, salientando no conxunto dous labirintos, un deles de 1,70 metros de diámetro o que o convirte, ata o momento, no máis grande de Galicia de todos os que están documentados. 

Lamentablemente, a pesares de gozar da máxima protección legal (BIC), o día 15 de abril de 2017, cando me acheguei ata o sitio, comprobei que os milenarios petroglifos sufriron unha brutal agresión. Recentemente, uns desaprensivos resaltaron os erosionados motivos, non xa con xiz (que tampouco se pode facer) senón cunha pedra, ocasionándolles serios danos.

 

Durante máis de dez anos, os gravados sufriron bastante desgaste xa que sobre as pedras pasaba maquinaria agrícola e gando dunha granxa colindante que ao menos ata o 2012 carecía de licencia.

Nese mesmo ano procedeuse ao seu cercado para protexer as gravuras pero a día de hoxe a cerca atópase comida pola maleza o que fai difícil o acceso ao interior.  Sobre o panel, mesturado coas gravuras, tamén se insculpiron inscricións modernas.

 

A única sinalización existente é de hai varios anos, e non foi nin o Concello nin a Xunta de Galicia quen a colocou senón a asociación cultural Nova Xesta tal como figura nos paneis.

 

O día 17 presentei no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia senllos escritos, un dirixido ao Servizo do Patrimonio Cultural en Pontevedra e outro ao Concello de Mondariz para comunicarlle as agresións e poñan en valor as gravuras.